Inicio Blog Páxina 230

Investigadores da UDC apostan pola intelixencia artificial para anticipar inundacións

Investigadores da Universidade da Coruña (UDC) participan nun estudo para predicir inundacións a través da intelixencia artificial, segundo informa o reitorado. En concreto, un equipo de investigadores do CITEEC lidera esta proposta, que combina tecnoloxía avanzada e modelos físicos para mellorar os sistemas de alerta temperá.

O obxectivo é incrementar a fiabilidade e a eficiencia dos modelos de previsión de precipitacións, caudal e inundacións utilizados na actualidade. A investigación forma parte do proxecto ‘Mellora das previsións xeradas con modelos de base física mediante técnicas de intelixencia artificial’, no que traballan investigadores do Grupo de Enxeñaría da auga e do Medio Ambiente (GEAMA).

A vida e a cruz do Noroeste

0

Rematou o Noroeste máis ecléctico que se lembra, nesta edición marcada pola tardanza na presentación do cartel e as polémicas declaracións do Concelleiro de Cultura.

Despois dun venres con pouca afluencia, e un sábado sen vermú, a última noite de festival en Riazor (non houbo nin sequera concertos de vermú nin de tarde na xornada central do festival) provocou unha diversidade de impresións.

Abría as tarde unha das principais voces da música galega contemporánea, unha Guadi Galego que demostrou o seu poderío sobre o escenario lembrando que está chea de Vida, como rezaba o tema co que pechou o seu concerto.

As cruces de Siloé

Pero os que rezaban de verdade sobre o escenario foron os Siloé. Poucos dos que coreaban os seus temas, que se colan nas listas de spoty de bandas do indie estatal, sabe que Siloé é a fonte onde Xesús devolveu a vista a un cego. Poucos sabían de antemán que se trata dun grupo recoñecidamente cristiano que, pagado con cartos públicos, non deixou de lanzar mensaxes evanxelizadoras ao longo do concerto. Cunhas claras cruces cristianas como úunico atrezzo, cantaron o “Reza por min” ou pediron ao público que se collese das mans para “estar en comunión”, despois de loubar o bonita que é a nosa cidade, de avisar que algún día tocarán no Coliseum (como se o Noroeste fose un premio de consolación) e despois de saudar ao seu veciño, o vallisoletano Sergio Escudero.

O colmo xa foi ao remate, cando o público que ver na pantalla central (no escenario máis pequeno dos últimos anos non había pantallas laterais) tivo que comerse un spot publicitario do turismo relixioso de Castilla y León, promovido pola área dirixida por Vox, e no que o grupo puxo a música…

The Vaccines
The Vaccines salvou o Noroeste

O areal presentaba unha máis que aceptable imaxe, con máis xente que na xornada do venres, para recibir aos salvadores desta edición. Os británicos The Vaccines deron un concertazo espectacular, cos seus ritmos indies rock de comezos de século, que invita a volver canda eles, como canta o “If you wanna” co que pecharon o bolo que despide as 38 edición do Noroeste.

A xornada do venres:

Media entrada en Riazor

A xornada do xoves:

Mondra levou de Ronda á mocidade herculina para Quererse ben

A xornada do mércores:

A Coruña quere Noroeste

Outras novas do Noroeste

O devir do Noroeste tras convertirse no “mellor festival do estado”

O goberno socialista recoñece a prevalencia dos festivais privados sobre o Noroeste: “Quen queira ver grupos de nivel, que pase por taquilla”

https://xornaldacoruna.gal/2025/07/30/o-goberno-socialista-reconece-a-prevalencia-dos-festivais-privados-sobre-o-noroeste-quen-queira-ver-grupos-de-nivel-q

Viñetas desde o Atlántico abre as súas portas na Coruña con concertos, charlas e obradoiros

0

O Festival Internacional da Banda Deseñada Viñetas desde o Atlántico iniciou este luns, 11 de agosto, a súa 27ª edición coa apertura oficial no Kiosko Alfonso ás 18:00 horas. A primeira xornada pechará ás 21:00 horas na Carpa Rúa BD cun concerto gráfico a cargo de Don Rogelio J.

UN MARTES CHEO DE ACTIVIDADES

A programación do martes 12 combinará charlas, presentacións, obradoiros, visitas guiadas e sinaturas repartidas por diferentes localizacións da cidade.

Pola mañá, a Carpa Rúa BD acollerá ás 11:00 horas a charla “Con voz propia: historias del yo”, centrada na situación das mulleres no sector da banda deseñada, coa participación de Marika Vila, Montse Mazorriaga e Sara Jotabé, nun acto en colaboración coa Sectorial del Cómic. Ás 12:00 horas, Alba Ceide e Óscar Losada presentarán A tese de Margot en colaboración con Komic Librería.

No Palacio Municipal María Pita, tamén ás 12:00 horas, Inacio e Iván Suárez guiarán unha visita á exposición Castelao en BD. A mesma hora, a Sala Palexco ofrecerá un obradoiro de iniciación ao fanzine dirixido a nenos e nenas a partir de seis anos, en colaboración con Autobán.

Pola tarde, a Carpa Rúa BD iniciará ás 17:00 horas unha sesión de sinaturas con varios autores e continuará ás 18:30 horas cunha charla sobre a internacionalización do cómic español e o proxecto WILDCAT de ENCRE, a cargo de Alejandro V. Casasola Medina e Emilio Gonzalo Mallo.

Ás 19:30 horas, Jordi Bayarri falará sobre o uso do crowdfunding na autoedición, e ás 20:30 horas Pedro Medina presentará o proxecto Tebeos a Una.

A Sala Palexco ofrecerá ás 18:00 horas o obradoiro “Elixe (ou non) a túa propia aventura”, impartido por Diego Burdío e dirixido a participantes de entre 8 e 16 anos.

Un mozo, ferido debido a un incendio nunha vivenda nas Conchiñas tras arder un patinete

0

Un mozo necesitou asistencia sanitaria e ser trasladado a un centro hospitalario tras fuxir pola xanela dunha vivenda na Coruña debido a un incendio na tarde do domingo.

Segundo informa o 112 Galicia, un patinete comezou a arder no interior dunha vivenda da rúa Agra da Bragua, na zona das Conchiñas o que provocou a alarma de dous mozos que se atopaban no interior. Ambos optaron por saír pola xanela do primeiro piso.

Un deles resultou ileso, pero o outro tivo que ser atendido de urxencia. Varios particulares alertaron sobre as 19,00 ao 112. Mobilizouse aos Bombeiros da Coruña, ao 061 e á Policía Local.

Calor e barro nunha ateigada Alfaroleiros

0

Un ano máis, a orixinal e auténtica Feira Alfaroleiros encheu de vida as rúas de Santa Cruz nestes primeiros días de agosto. Unha cita imprescindible para centos de familias de toda a área herculina, que non dubidan en pasar a ollar as últimas tendencias oleiras de todo o estado, e para seguir aumentando a lacena.

Unha feira ideada hai máis de 30 anos para preservar a memoria cultural da olería e loitar contra a invasión dos plásticos.

O mércores abría co Parque Luis Seoane completamente cheo de pezas de barro: produtos de múltiples tamaños, prezos e funcións, desde as máis operativas na cociña de hoxe, como viratortillas, ensaladeiras, cuncas, tazas ou xerras, até pezas decorativas, creativas, luxosas ou exclusivamente dedicadas a representar algún aspecto do Concello de Oleiros. Un escaparate único para que calquera visitante puidese levar un recordo especial desta feira con tanta personalidade.

A presenza de visitantes foi constante ao longo dos cinco días, tanto en horario de mañá como de tarde, e todas as actividades paralelas rexistraron unha alta participación. A feira respondeu, coma sempre, á súa función socioeconómica e turística, ao converter Santa Cruz en visita habitual para moitas persoas que gozan da artesanía e a cultura, pero tamén da paisaxe, a gastronomía e as hospedaxes da contorna.

Resulta imposible saber con exactitude cantas pezas se venderon, pero hai un dato que fala por si só: as 6.000 bolsas oficiais da feira, repartidas entre os alfares para entregar as súas creacións, esgotáronse antes do remate. Isto confirma que as vendas se contaron por milleiros, o que representa un importante impulso económico para o sector artesán. Armando Moita Domingues, alfar procedente de Coimbra (Portugal), sinalou que só nos dous primeiros días de feira, xa vendera máis que en toda a edición anterior. Todo un éxito.

 

“Ratiña”, a curta de Alicia Úbeda e Luís Zahera, estreouse en Ribadeo

0

O Festival de Cine Curto de Ribadeo celebraba a pasada semana a súa cuarta edición. E entre as propostas tócanos destacar unha estrea moi especial: “Ratiña”, a nova curtametraxe da cineasta galega Alicia Úbeda (A Coruña, 1995), que tivo a súa primeira proxección pública no marco deste encontro cinematográfico.

Ribadeo é a terra materna de Alicia Úbeda, para quen esta estrea convírtese nun encontro moi especial por ese motivo. En palabras da directora, “faime moi feliz que o primeiro lugar onde se vexa “Ratiña” sexa no cinema ao que iba con meu avó de pequena”.

Alicia Ubeda en Ribado coa sua familia materna
Alicia Úbeda coa sua familia materna no festival

“Ratiña” é unha peza social e intimista rodada na Coruña en xullo de 2024, que afonda nunha perspectiva pouco tratada do acoso escolar: como se vive e se xestiona dentro do fogar, especialmente cando os adultos carecen de ferramentas emocionais para acompañar os seus fillos e fillas. A historia, contada en galego, parte dunha situación aparentemente cotiá para revelar unha realidade abafante: a soidade e o silencio da infancia mal comprendida.

Con Alicia Úbeda á fronte do guión, dirección e dirección de arte, e producida por ela xunto a Brava e Mordisco Films, “Ratiña” aposta por un estilo visual minimalista e poético, combinado cunha narrativa realista e fondamente emocional. A curta está baseada nunha historia real da directora, e protagonizada por actores e actrices recoñecidos e emerxentes como son Luis Zahera (no papel de pai da directora), Carmen García (a súa irmá pequena) e Sara Ferro.

“Ratiña” nace da vontade de dar voz a vivencias reais que seguen sen ter presenza no audiovisual galego, ofrecendo unha historia honesta, coidada e necesaria. A súa participación no Festival de Cine Curto de Ribadeo marca un primeiro paso para facer deste proxecto unha ferramenta cultural e educativa de longo percorrido.
Paralelamente a esta esperada estrea, Alicia Úbeda xa traballa na produción da súa segunda curtametraxe, “Garabato”, tamén producida por Brava, que forma parte dun mesmo universo de ficción xunto coa longametraxe en desenvolvemento “Chorima”.

A directora herculina Alicia Úbeda debuta en ficción con “Ratiña”

Bea Villar e Belén Puime, finalistas nos Mestre Mateo: “Este ano é o ano das webseries”

O BNG acusa á Xunta de “amparar” o “novo espolio” dos Franco na Casa Cornide

A deputada e portavoz de Cultura do BNG no Parlamento, Mercedes Queixas, acusou ao Goberno do PP na Xunta de “amparar” co seu “inacción” o “novo espolio” da familia Franco na Casa Cornide da Coruña. Ademais, afeou á Xunta que “dificulte” a súa xestión como Ben de Interese Cultural (BIC), o que cualificou de “un novo recochineo á democracia e á sociedade galega”.

Neste contexto, Queixas referiuse á apertura ao público do inmoble esta semana cunha primeira visita “na que se puido comprobar que no interior da Casa Cornide non quedan mobles nin outros bens materiais, facéndose realidade as advertencias dos veciños”. Tal e como denunciou a nacionalista, os veciños “chegaron a retratar fotográficamente furgonetas de mudanzas entrando e saíndo do edificio, con total amparo ou conveniencia da Xunta”. “A Casa Cornide é representación da Ilustración galega e, lamentablemente, convertérona tamén en representación do espolio franquista”, criticou Queixas.

A deputada denunciou ademais o “raquítico” réxime de visitas deste Ben de Interese Cultural, xa que os herdeiros do ditador “só permiten o acceso de cinco persoas por quenda de visita dunha hora os luns de 09.00 a 13.00 horas”. É por todo isto que o BNG rexistrou unha iniciativa no Parlamento para reclamar explicacións ao Goberno de Rueda, ao que Queixas quere preguntar, entre outras cuestións, “se lle parece que está a garantir por parte da Familia Franco o dereito de acceso ao público á Casa Cornide”.

Ademais de cuestionar se a Consellería de Cultura coñecía a situación na que se atopa o inmoble ou se chegou a realizar un inventario dos bens mobles e materiais existentes no seu interior antes de que fose declarada BIC. “Pola contra, por que razón non o fixo cando era ben consciente das actitudes históricas da familia Franco centradas na apropiación ilexítima e fraudulenta de bens patrimoniais colectivos?”, indicou o BNG nunha nota de prensa.

Viñetas desde o Atlántico inaugura unha nova edición con aposta pola internacionalización e diversificación

A 28 edición do Salón do Cómic Viñetas desde o Atlántico abrirá as súas portas do 11 ao 17 de agosto con propostas para todos os públicos e co obxectivo de apostar pola internacionalización, a diversificación de contido e a aproximación a outros ámbitos como o audiovisual. Así o sinalou, en declaracións a Europa Press, o seu director, Manel Cranio que afirma que o obxectivo é “desestacionalizar” actividades, “recuperar” a internacionalización deste evento e avanzar na “actualización” do festival de cara a dar resposta ás demandas dun público que creceu á vez que o facía Viñetas.

“Os que viñan con cinco ou seis anos agora son adultos”, remarca para incidir en que hai que dar pasos para atender o que demandan as novas xeracións. Neste sentido, indica que nos últimos anos perdeuse público infantil e que, por iso, esta edición inclúe talleres cos propios autores para “aprender a debuxar” con eles. Destaca tamén a incorporación de “máis contido audiovisual” como un photocall con 3D ou intervencións do mundo do cómic con outras propostas artísticas, pero tamén gastronómicas con pratos dedicados a algúns personaxes. Todo iso sen esquecer o recoñecemento a Castelao ou o ámbito musical como o concerto no que se realizarán ilustracións de letras que se interpretarán. “É abrir o cómic ao resto da cultura e da sociedade”, resume o director do festival.

PROGRAMACIÓN

E é que esta nova edición incluirá como temas centrais a relación entre a Banda Deseñada (BD) e a música, que comezou xa en xuño coa exposición ‘Quino na música’, ademais dunha homenaxe especial a Castelao no 75 aniversario do seu falecemento. Con máis de 70 autores nacionais e internacionais, exposicións, concertos, actividades para todos os públicos e un destacado programa gastronómico, o festival busca, segundo o seu director, ofrecer propostas amenas e próximas ao público co obxectivo de seguir incorporando ao mundo do cómic aos máis novos.

O tema central desta edición será a relación entre o cómic e o mundo musical, con exposicións e concertos que unen ambas as disciplinas. En total, participan máis de 70 creadores (73), fronte aos 40 do ano pasado, e preséntanse 20 exposicións, en comparación coas 18 de 2024. Tamén haberá figuras internacionais e nacionais da talla de Dave Cooper, un dos principais ilustradores de Canadá; Magius, premio nacional de Cómic en 2021; Fermín Solís, da nova onda do cómic español ou o polifacético artista galego Paco Coyote. Xunto a eles estarán os ilustradores Carlos Azagra, Encarna Revolta, Miguel B. Núñez, Olivia e Clara Cábez, Don Rogelio J, Inacio e Iván Suárez, Sara Jotabé, Montse Mazorriaga, Marika Vila, Jorge Esteban Urabayen, Sandra Lordi, Laura Suárez, Raquel Gu, Natalia Velarde, Arkaitz González, Diego Burdío e Adrián Prado, entre outros.

EXPOSICIÓNS

Ademais, A Coruña acollerá 20 mostras, incluíndo ‘Quino na Música’, ‘Astro-Rato e Bombillita’ de Fermín Solís na Sala Municipal do Palacio de Congresos; ‘Viñetas e Decibeis’, no Quiosco Alfonso e obras de Victor Coyote, Azagra, Revolta, Magius, Miguel B. Núñez, Cols (Olivia e Clara Cábez), Don Rogelio J e Wobbly de Dave Cooper, na Casa Museo Pablo Picasso. Por outra banda, en colaboración coa Deputación da Coruña, a Sala Municipal de María Pita, acollerá obras de Inacio e Iván Suárez e as gañadoras dos Premios Castelao 2024, Sandra Lordi e Laura Suárez. Estas Viñetas 2025 tamén inclúen concertos gráficos e actuacións en vivo, incluíndo o ilustrado de Home Tigre, actuacións de autoras como Anabel Colazo e Raquel Montero, ademais da proxección do documental ‘Quinografía’ e un ‘Latexa Latexa Show’ con entrevistas a autores, presentado por Nieves Rodríguez.

As Viñetas Mini traerán talleres diarios con autores convidados na Sala Municipal do Palacio de Congresos e espectáculos nas Bibliotecas Municipais e a tradicional Rúa BD, que encherá a Feira do cómic coa presenza de 35 editoriais e librarías especializadas, con máis de 100 actividades, entre elas, firmas, charlas, presentacións, visitas guiadas e clases maxistrais nos xardíns de Méndez Núñez. Tampouco faltarán os talleres e revisión de portafolios por parte de editores na sección Viñetas Prol. E, como ocorreu xa o pasado ano, durante todo o festival tamén se poderá gozar da gastronomía coruñesa grazas ás Viñetas Ñam, onde restaurantes da cidade ofrecerán pratos inspirados no mundo do cómic.

A comarca da Coruña enfróntase a problemas de abastecemento por colapso das infraestruturas

0

Os Concellos de Bergondo, Sada e Oleiros advertiron de problemas de abastecemento de auga potable, que tamén afectan a Cambre, debido a que a infraestrutura que lles fornece está ao límite. Ao mesmo tempo, Santiago de Compostela fixo un chamamento aos seus habitantes a un consumo responsable deste recurso.

Os responsables de Emalcsa reuníronse na mañá deste venres cos alcaldes e alcaldesas de Begondo, Sada, Oleiros e Cambre para advertir deste perigo. Segundo un comunicado do Concello de Sada, non se trata dun problema relacionado coa falta de auga, senón que está vinculado á infraestrutura que fornece aos municipios. Así, desde o 24 de xullo consómese máis auga da que o sistema ten capacidade de repor.

Deste xeito, Sada pide publicamente que se amplíe o colector da Telva que fornece ás localidades, así como a construción dun novo no lugar de Sarro. “É imprescindible que a Xunta de Galicia e Emalcsa colaboren cos concellos da comarca de Coruña para garantir unhas infraestruturas adecuadas ao crecemento da poboación que está a experimentar a área”, avisa Sada.

Pola súa banda, o Concello de Oleiros tamén se dirixe ao Goberno galego e a Emalcsa e pide a renovación das conducións desde A Telva ata o depósito de Espírito Santo. “No caso de chegar a colapsar o sistema, en Oleiros a existencia dos 11 depósitos do Concello permitiría garantir a subministración durante 2 ou 3 días; en principio, tempo suficiente para que o depósito de Espírito Santo recuperásese”, advirte.

Con todo, Sada e Bergondo chaman á cidadá a un uso responsable deste recurso. O segundo municipio lembra que a auga da traída tense que empregar só para uso doméstico, evitando facer regas e baldeos, limpeza de vehículos, enchido de psicinas ou calquier outro uso non esencial.

USO RESPONSABLE EN SANTIAGO

Por outra banda, o Concello de Santiago realizou un chamamento á cidadanía a realizar un consumo responsable da auga, en plena onda de calor. Tal e como recolle un comunicado municipal, a escaseza de precipitacións está a afectar ao ciclo da auga e durante os meses de xullo e agosto observan unha redución progresiva do caudal do río Tambre, situación que se repite cada ano.

Con todo, segundo os rexistros dispoñibles, o nivel do río no punto de captación da ETAP de Santiago –principal fonte de abastecemento da cidade– reduciuse un 2,56% con respecto á as mesmas data de verán de 2024. Aínda que os rexistros dispoñibles non supoñen, por agora, un risco para a subministración nin motivou a activación de alertas oficiais, é importante apelar á prevención e ao “uso racional” dun recurso limitado.

Neste contexto, o Concello chama aos veciños a adoptar hábitos cotiáns de aforro de auga, como pechar as billas durante o cepillado de dentes ou lavados de mans; revisar posibles fugas nas intalaciones domésticas; usar lavadora e lavalouzas só con carga completa, e non empregar auga para encher piscinas particulares.

Media entrada en Riazor

0

Parece que lonxe quedarán aquelas xornadas de 80.000 persoas en Riazor. O devir do Noroeste parece seguir as palabras do concelleiro de Cultura, e teremos que pasar por caixa para gozar de grandes noites de boa música.

E mira que loubamos esa aposta pola música galega e as bandas emerxentes, pero na dirección dun festival fai falta tamén estratexia, e ademais de darnos á cidadanía un pouco de marxe para organizar as nosas axendas estivais (presentar un cartel a 4 días do comezo do festival é un erro máximo), a elección das bandas é fundamental.

O ano pasado aínda contabilizaban 50.000 as forzas de seguridade para ver as Fillas de Cassandra; hai 3 anos eran as Tanxugueiras as que metían 85.000 no areal. Onte, o eclético cartel (como recoñecia o propio Nuno de Grande Amore, que ata pedía perdón se a transición das melodías celtas de Luar na Lubre ao seu garaxe extremo fose demasiado impactante) provocou un fluxo constante sobre a area, deixando estampas de media entrada.

Noroeste 2025 aerea-Foto-Chella Santalla
Vista aérea onte da praia de Riazor no Noroeste. Foto-Chella Santalla

O valor dos cachés

E hoxe puidemos saber pola investigación de La Opinión, que tivo que descifrar un convenio entre a Deputación e o IMCE (seguen sen estar publicados na plataforma de transparencia dende 2021 os contratos do Instituto Municipal de Espectáculos), o prezo dos cachés das bandas (parte técnica aparte) desta edición 38 do Noroeste: 550.000 euros (dos que a Deputación puxo 242.000€), polos 38 conciertos en 6 escenarios (1 deles privado, o do Portiño).

Unha cifra que se asemella a de 2019, cando se empregaron 600.000€ pero para sufragar o custe de 75 bandas, con Patty Smith, Belako ou Nathy Peluso entre os cabezas de cartel.

Moita música

Festival Noroeste 2025 en Riazor 3
Carlos Ares

Con todo, foi unha fermosa e calurosa xormada polas prazas. O Campo da Leña maridaba o pop fresco das adolescentes Leria e pasaba ao rock clásico dos Doctor Snob, dúas bandas unicamente unidas pola súa orixe herculina.

Festival Noroeste 2025 Con Doctor Snob
Doctor Snob no Campo da Leña

Un único fío que tamén uniron as prazas con Riazor, pois Carlos Ares e Luar na Lubre tamén son artistas da cidade, aos que, por suposto, está marabilloso darlles unha oportunidade coma esta. A proposta de Carlos Ares é tremenda. Unha especie de indie e folk norteamericano, con letras tremendamente traballadas, que conectou directamente co corazón dos asistentes.

Festival Noroeste 2025 en Riazor 2 Carlos Ares
Carlos Ares en acción

Que dicir de Luar na Lubre, a banda máis mítica do folk galego, que se ve tras 40 anos de carreira enriba do escenario principal de Riazor.

E pechou a noite Grande Amore coa súa arriscada proposta punki. Unha banda especial, cun directo tremendamente potente, pero se cadra para un público máis escollido. As primeiras filas estaban ateigadas de siareiros que non dubidaron en botarse á “Pelea”, ou a agarralo para un dos himnos da mocidade galega, “Esa peña que a veces teño”.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Xornal da Coruña (@xornaldacoruna)

Outra xornada eclética

E a do sábado volverá ser outra xornada diversa, de fluxo de persoas. Arrinca Guadi Galego, unha das voces máis importantes da música galega contemporánea, pero que pouco se parece aos Suaves que enchían de garra o PopRock. Cambiaremos canción galega de autor a unha das propostas indies máis prometedoras da música estatal, para rematar co cabeza de cartel, The Vaccines.

Máis novas

O devir do Noroeste tras convertirse no “mellor festival do estado”

O goberno socialista recoñece a prevalencia dos festivais privados sobre o Noroeste: “Quen queira ver grupos de nivel, que pase por taquilla”

Mondra levou de Ronda á mocidade herculina para Quererse ben

 

A Coruña quere Noroeste