Inicio Blog Páxina 242

Atopan morta na súa casa na Coruña a unha anciá tras alertar a familia ao non ter noticias dela

0

Axentes da Policía Nacional solicitaron nas últimas horas a colaboración dos bombeiros da Coruña ante a alerta dos familiares dunha anciá que non tiñan noticias dela desde facía días.

Segundo informaron fontes próximas consultadas por Europa Press, tras ter constancia do aviso da familia, ao non poder contactar con ela e crer que lle podía pasar algo, unha dotación desprazouse á rúa Europa, na zona da Sardiñeira, pasadas o sete da tarde do luns.

Ademais, solicitaron a intervención dos bombeiros para poder acceder ao interior comprobando que unha muller, duns oitenta anos, atopábase morta no seu interior e apuntando xa nese momento a causas naturais.

Morre unha muller ao incendiarse a súa casa en Palavea

0

Unha muller faleceu este luns tras incendiarse a vivenda na que residía en Palavea, na Coruña, na Urbanización Santa Cristina.

Segundo informou o 112, o servizo recibiu o aviso ao redor das 14.00 horas por parte dun particular, que informaba de que da casa da súa veciña saía fume pola xanela e a porta. Sinalaba ademais que a muller presentaba mobilidade reducida.

O 112 deu aviso aos Bombeiros da Coruña, ao 061, á Policía Nacional e Local e a Protección Civil.

Cando os servizos de emerxencias conseguiron acceder ao lugar, acharon á muller xa falecida na súa habitación, onde se presupón que se iniciou o lume, aínda que a Policía investiga o sucedido.

Esta habitación, xunto ao salón, quedaron copletamente calcinadas, e o resto da casa viuse afectada o fume.

Ademais, por mor deste incendio, algúns dos veciños tiveron que confinarse nas súas casas tamén polo fume.

A alcaldesa da Coruña reclama o reforzo dos gobernos locais para unha Europa “máis inclusiva”

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, apostou por reforzar o papel dos gobernos locais nunha Europa “máis inclusiva”, durante o Cume de Líderes do Consello de Municipios e Rexións de Europa (CEMR), celebrado en Karlsruhe (Alemaña).

Na súa intervención, demandou un maior papel dos gobernos locais na construción dunha Europa “máis igualitaria, democrática e inclusiva”.

Rei foi nomeada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) como membro do comité político do CEMR xunto cos alcaldes e alcaldesas de Xerez, Alacante, Estepona, Derio e Soria en representación dos municipios de España.

A alcaldesa defendeu que “os gobernos locais son cruciais para construír sociedades máis igualitarias, democráticas e inclusivas en Europa ao ocupar unha posición única para desenvolver políticas, actividades e programas que aposten pola igualdade implementando as políticas e acordos europeos nesta materia”.

Denuncian o esquecemento municipal do Centro de Orientación Familiar de Orillamar

0

Dende comezos de ano, unha vez pasado un tempo da xubilación da titular da praza de psicóloga Clínica en maio de 2023, o persoal do Centro de Orientación Familiar de Orillamar vén denunciando o desmantelamento progresivo dun espazo fundamental na cidade para promover a saúde afectivo-sexual, traballar na prevención de embarazos non desexados, e axudar a solventar conflitos familiares.

A falta de compromiso do Concello da Coruña é patente neste edificio que depente tamén do Sergas. Súa era a responsabilidade desa praza de psicóloga clínica que tanto viñan demandando as profesionais. Con todo, foi o Sergas o que vén de cubrir, “tarde mal e arrastro”, despois dun ano de queixas, esa praza.

Pero os problemas seguen acuciando no centro de Monte Alto, que vive pendente dun hipotético peche e traslado á unidade do Ventorrilo. Das tres administrativas que en teoría forman parte do cadro de persoal o COF só dispón neste momento dunha administrativa. Nos últimos meses o COF estivo funcionando cunha sóa administrativa pero dende o Concello, do que depende este apartado, nin sequera se preocuparon de cubrir as vacacións ou as súas posibles baixas.

De feito, dende o pasado mes o Centro está sen administrativa (por vacacións), provocando que non haia atención telefónica e que no mostrador, a persoa que atende ás pacientes é unha auxiliar de enfermería…

Novas sobre o caso

Denuncian que o Concello segue sen cubrir a praza de psicóloga clínica no COF de Monte Alto

Piden solucionar a situación laboral do Centro de Orientación Familiar de Orillamar

O BNG presenta enmendas aos orzamentos da Xunta por máis de 80 millóns para a comarca da Coruña

0

Presentaban hoxe, en rolda de prensa,  as deputadas do BNG Mercedes Queixas e Iria Taibo, a serie de enmendas que o BNG vén de presentar aos orzamentos da Xunta para 2025. O BNG pide 80 millóns de euros máis para A Coruña e a súa comarca.

O grupo critican o descenso no gasto e investimento do Goberno galego na cidade e comarca “ao pasar dos 107 millóns de euros de 2024 aos 101 para o vindeiro exercicio”. “Con estes orzamentos a Xunta vólvelle virar as costas á Coruña e a desatender o seu enorme potencial económico, cultural e social”, afirmou Mercedes Queixas.

Se se aprobaren as emendas do BNG, o orzamento da Xunta para A Coruña e comarca veríase incrementado en 80 millóns, 30 para a cidade e 50 para os concellos lindeiros.

Para a Cidade da Coruña

Así, o BNG propón unha partida de 3 millóns de euros para a creación dun centro de día para maiores que dea resposta ao déficit de oferta pública que soportamos na nosa urbe, “despois de o PP ser incapaz de crear unha soa praza en residencias públicas nos seus 15 ininterrompidos anos de goberno á fronte da Xunta”.

Canto aos problemas voa vivenda, o BNG emenda as contas da Xunta coa intención de dar impulso á creación dun parque público de vivenda, ao tempo que procura atender as necesidades do estudando pondo en marcha residencias públicas para universitarios.

A dotación de vacantes e reforzo de profesionais xinecólogos nos Centros de Orientación Familiar de Orillamar e Ventorrillo (200 mil euros para cada un deles), o reforzo dos recursos humanos e materiais no Centro de Sáude do Novo Mesoiro (200 mil euros), a mellora dos complexos deportivos de titularidade da Xunta (un millón de euros) e a atención das necesidades dos centros educativos da cidade (por exemplo, CEIP Rosalía de Castro e CEIP de Prácticas) cunha partida de 150 mil euros, dan corpo a outro conxunto de emendas formuladas polo BNG ás contas da Xunta.

En canto á cultura, o BNG propón que a Xunta, como membro do Padroado, contribúa con 500 mil euros para pór en valor o legado da Fundación Luís Seoane, de modo a tornala nun centro de referencia da arte contemporánea galega e ao mesmo tempo nunha marca da cidade.
E sobre a débeda da Xunta coa Orquestra Sinfónica de Galiza, cifrada en 5,8 millóns de euros, o plan do BNG é que se vaia saldando de forma plurianual, a razón dun millón de euros durante os próximos 5 exercicios.

Peticións para a comarca

Canto á comarca, piden máis achegas para a finalización da Vía Ártabra de modo a continuar até a súa unión coa A6, “constituíndo unha auténtica circunvalación da comarca coruñesa, libre de peaxes e con altas prestacións”, salientou Taibo.
O rescate da AG55, para a súa gratuidade no treito Arteixo-A Coruña, merecería, en opinión do BNG, un emenda específica ao estarmos perante unha arteria vital “do punto de vista económico e social” e de vertebración da comarca.

Piden ademais a descuberta do Río Maior de Sada (100 mil euros) e a realización dun plan de xestión do monumento natural da Costa de Dexo (300 mil euros). Así como destinar un millón de euros á residencia de maiores de Oleiros, con vistas a reparar deficiencias nas infraestruturas e a aumentar o cadro de persoal.

De resto, o BNG emenda tamén as contas da Xunta para dotar con 5 millóns de euros un plan de reindustrialización da cidade e a comarca.

A herculina Maia Freire proclámase doble campeona de España de Bádminton Sub 13

0

Continúa o Badminton Club do Mar demostrando que é unha das mellores canteiras de todo o estado. Hai apenas 15 días Inés Poncela e Sara del Castillo triunfaban nos campionatos estatais sub17 e sub19, pero é que esta fin de semana o club herculino volve demostrar o seu potencial unhas categorías máis abaixo.

A coruñesa Maia Freire (que xa subía ao máis alto do poido sub13 o ano pasado) desprazábase a terras catalás, ao pavillón do Congosto de Granollers, para disputar o Campionato de España sub-13 “Se Busca Campeón”. Un evento que reuniu a preto de 150 volantistas de todas as comunidades autónomas.

E a coruñesa Maia Freire converteuse na gran protagonista ao conseguir tres medallas, dous ouros en individuais e dobres e un bronce en dobres mixtos.

Na proba individual, Maia situouse na final, demostrando unha gran superioridade sobre os seus rivais. Alí agardábaa a súa compañeira de dobres Xulia Otero, natural das Neves, para disputar unha vibrante e apretada final que a coruñesa gañou en tres axustados sets 18-21 21-17 21-18.

Na proba de dobres, Maia e Xulia subiron ao máis alto do podio, demostrando unha gran superioridade sobre todas as parellas rivais, demostrando o potencial do cadro de Monte Alto.

Xulia e Maia campionas de España de Badminton sub13
Xulia e Maia campionas de España de Badminton sub13

Máis novas

Inés Poncela e Sara del Castillo triunfan nos campionatos de España de Bandminton

Inés Poncela e Maia Freire traen medallas do Spanish International sub15 de bádminton

A herculina Maia Freire, nova campioa de España sub13 de badminton

A Coruña substitúe o tren polo autobús durante unha semana

0

Con motivo das obras que Adif vai levar a cabo durante os días 10, 11, 12 e 13 de decembro no traxecto entre Santiago de Compostela, A Coruña e Ferrol, a conexión ferroviaria verase afectada e Renfe habilitará un servizo por estrada.

Deste xeito, Renfe informou de que, desde o 9 ata o 14 de decembro, porá en marcha un servizo alternativo de transporte por estrada durante o período mencionado entre Santiago, A Coruña e Ferrol.

Polo que, debido a esta modificación temporal, Renfe realizará por estrada os percorridos entre Santiago, A Coruña e Betanzos Infesta nas súas frecuencias de Servizo Público: trens Avant A Coruña – Santiago – Ourense, servizos de Media Distancia A Coruña – Santiago – Vigo, A Coruña – Ferrol e A Coruña – Lugo – Monforte.

Banda acusada de roubos en Arteixo irá a xuízo: Fiscalía pide penas de até 15 anos

0

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña xulgará o vindeiro martes, mércores e xoves ao cinco integrantes dunha banda que, supostamente, dedicábase a perpetrar roubos na área de Arteixo, para quen a Fiscalía pide entre 11 e 15 anos de cárcere.

Segundo apunta o Ministerio Público no seu escrito de acusación, a banda, que realizou os ilícitos en 2020, tiña os papeis definidos: catro deles perpetraban os roubos mentres que o quinto esperábaos nun vehículo para fuxir.

O primeiro asalto rexistrouse en febreiro de 2020, cando entraron nun bar da Avenida Pratas Varela de Vilarrodís co rostro cuberto. Un deles encañonou á empregada cunha pistola de fogueo e obrigouna a tombarse no chan e un compañeiro asestoulle unha patada na perna. De alí, levaron a recadación da caixa e dunha máquina comecartos que golpearon cunha maza ata lograr abrila. En total, foron 3.257 euros e máis 2.000 euros de danos.

O 2 de marzo, entre as 4:40 e 5:00 horas, os acusados forzaron a entrada dun bar da praza Manuel Murguía e levaron 300 euros da caixa rexistradora. Tras irse, regresaron media hora despois para golpear cunha maza a máquina recreativa e a de apostas, ata conseguir facerse coa recadación de ambas.

Ese mesmo mes, na madrugada do 17, o cinco acusados entraron no restaurante do apeadeiro de Uxes tras forzar unha porta lateral e fixéronse coa recadación das máquinas recreativas e a caixa rexistradora (1.618 euros en total), á vez que levaron dous xamóns.

Finalmente, Fiscalía considera que os acusados tentaron perpetrar tamén roubos nunha gasolineira de Iñás, en Oleiros, e novamente no restaurante de Uxes, pero fuxiron deste último tras activarse a alarma.

O BNG pide con urxencia o Plan de Normalización Lingüística

0

A concelleira do BNG Mercedes Queixas vai defender, no Pleno ordinario do vindeiro mércores 11 de decembro, unha moción por medio da cal insta o Goberno Local a elaborar xa o Plan de Normalización Lingüística previsto na Ordenanza sobre o idioma de que se dotou o Concello o 3 de xuño de 2021.

Non é a única previsión da Ordenanza que fica por se materializar: “tampouco se creou o Consello Local da Lingua”, denuncia Queixas, quen pide que se constitúa no primeiro semestre de 2025.

A iniciativa persegue “reforzar as accións destinadas a normalizar o uso da nosa lingua na cidade, nun contexto marcado polos últimos datos dispoñíbeis, francamente negativos, feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística”.

“No caso da Coruña”, anota Queixas na exposición de motivos da moción, “o retroceso da poboación galegofalante é moi significativo, sendo, de entre todas as áreas urbanas, a de maior retroceso no uso do idioma, cun 25%”. Na nosa cidade, acrecenta, “a porcentaxe de persoas que só falan castelán e que en ningún momento usan o galego é do 60% (11 puntos máis que hai 5 anos”.

Cómpre, por tanto, que o Goberno Local empregue a ferramenta de que dispón, a Ordenanza da Lingua, “para contribuír a que o galego avance no camiño da normalización e free o actual proceso de substitución lingüística”.
A iniciativa tamén lle pon deberes á Xunta, a institución que debería termar da lingua e cuxas políticas son directamente responsábeis do seu retroceso. Así, o BNG pídelle ao Goberno galego que aplique o Plan Xeral de Normalización aprobada por unanimidade no Parlamento galego en 2004, ben como tamén que derrogue o decreto 79/2010 chamado de
plurilingüismo (factor de desgaleguización das aulas) e que recupere o papel normalizador da TVG, con especial destaque para o despregamento de programación dedicada ao público infantil.

Máis novas lingüisticas

Carmen Pereira, mestra de Primaria: “A rapazada precisa máis contido galego”

“Hai moito galegofalante encuberto na cidade”

Xurxo Souto: “Na Coruña somos un dos lugares con maior número de galegofalantes”

Ana Suárez: “Nas entidades sociais está bastante normalizado o uso do galego, non tanto na administración penitenciaria”

 

San Andrés avanza paseniño

0

A reurbanización da rúa San Andrés avanza estas semanas con novas intervencións sobre as áreas axardinadas previstas entre a calzada e os espazos peonís, que farán de barreira vexetal e axudarán a delimitar o espazo que estará destinado ao tráfico rodado das beirarrúas.

Lavanda, liriope e nandina, e arbustos de Tulbaghia violacea e Achillea, acompañarán ás árbores que darán cor aos parterres de San Andrés, bucando recuperar a imaxe orixinal
da rúa como bulevar, a que tiña no século XVIII. Por iso, estanse a plantar moreiras de Valdeorras, moi semellantes ás que había naquel tempo mais cunha particularidade: son dunha variedade sen froitos, para evitar os froitos manchen o pavimento.

As obras teñen de prazo ata marzo de 2025.

Máis novas

A reforma da rúa San Andrés durará un ano