Inicio Blog Páxina 261

Novas voaduras en Vío este martes para o acceso ferroviario ao porto exterior da Coruña

0

As obras do acceso ferroviario ao porto exterior de Punta Langosteira alcanzan esta semana unha nova fase co comezo dos traballos no emboquille do túnel 3, na zona de Vío, que inclúen a realización de voaduras controladas.

Segundo informa a Autoridade Portuaria, as primeiras voaduras terán lugar mañá martes, ao redor das 11.00 horas. Consistirán en varias explosións sucesivas.

Antes do seu comezo, haberá un aviso sonoro con tres tons de sirena e, ao finalizar, realizarase un aviso sonoro continuo. É, precisa, unha zona afastada de empresas e núcleos de poboación. No entanto, para maior seguridade realizaranse cortes no viario contiguo e nos camiños circundantes.

Tamén se comunicou o feito ao departamento de seguridade cidadá do Concello da Coruña e aos colectivos sociais e empresariais da contorna. Prevese que estas voaduras sexan de baixa intensidade e continúen con periodicidade semanal ata o próximo mes de marzo.

O túnel 3 forma parte do proxecto do acceso ferroviario ao porto exterior, que está financiado na súa totalidade por fondos europeos Next Generation, e supón o inicio do ramal sur, que comunicará a dársena co Eixo Atlántico en sentido Santiago.

O acceso ferroviario ao porto exterior da Coruña (6,7 quilómetros) conectará as instalacións de Punta Langosteira co Eixo Atlántico, en servizo.

Proxecto educativo do Concello da Coruña para concienciar sobre sustentabilidade

0

O Concello da Coruña pon en marcha o proxecto KM 0, unha iniciativa educativa e ambiental en colaboración con Ingesan, empresa do grupo OHLA.

O obxectivo principal é concienciar a case 500 alumnos e alumnas de entre sete e nove anos de catro centros educativos da Coruña sobre a importancia de adoptar prácticas sustentables, aplicando a regra de reducir, reutilizar e reciclar.

Os centros nos que levará a cabo este proxecto son o CEIP Sacra Familia, Salgado Torres, Víctor López Seoane e Fernández Latorre.

PRÉSTAMO DE XOGOS

Noutra orde de cousas, o Concello herculino puxo en marcha un servizo de préstamos de xogos de mesa, que presentou este luns a alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, entre outros.

O plan comeza esta semana a súa primeira fase en catro bibliotecas: Ágora, Durán Loriga, Fórum Metropolitano e Os Rosales. Rey sinalou que esta é a fase inicial e que o obxectivo é expandilo a toda a rede de bibliotecas no futuro.

Os Premios Youtubeiras+ pechan este venres a inscrición para a primeira edición que admite vídeos en TikTok

0

Youtubeiras, proxectos organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, do tres universidades e da Deputación da Coruña, co obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego e con temáticas e formatos diversos, pecha este venres, día 15 de novembro, ás 23,59 horas o prazo de inscrición para a oitava edición dos seus premios.

Nun comunicado, a organización explica que a inscrición se debe realizar a través da web desta iniciativa, www.youtubeiras.gal, e que está aberta a todas as persoas maiores de 14 anos con canles de Youtube e/ou TikTok autoproducidos. No caso de concorrer persoas menores de idade, a inscrición incluirá a autorización da persoa titora legal.

As canles de participación que participen deberán ter a maioría de vídeos en galego e cumprir cos seguintes requisitos: contar como mínimo cun vídeo subido a partir do 15 de novembro de 2023 coa mención #youtubeiras; non ter restricións de privacidade; os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, no caso de existir, deberán estar en galego e os vídeos poden contar con subtítulos de activación opcional en Youtube noutras linguas.

Nesta convocatoria, os Premios Youtubeiras+ permiten por vez primeira que se presenten creacións en galego en TikTok. Deste xeito, o certame amplía o seu campo de acción e pasará a ter sete categorías de premios: canle de Youtube, canle de TikTok, creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e Premio de público.

Os dous primeiros premios estarán dotados con 1.250 euros, mentres que o resto recibirá 1.000 euros. En total, a organización repartirá entre as persoas gañadoras 7.500 euros. Para o Premio do Público, calquera persoa poderá presentar suxestións a través do formulario habilitado na web www.youtubeiras.gal. O prazo para facer estas propostas estará aberto ata o 15 de novembro.

Así foi a fala do ano pasado:

O herculino Iago Gordillo faise cun Premio Youtubeiras

Obras de conservación no río Mero no seu tramo por Cambre

0

Por outra banda, tamén iniciaron actuacións de conservación e mantemento nun tramo fluvial de case 10 quilómetros do río Mero, no concello de Cambre.

Neste caso, os labores prolongaranse durante dúas semanas e o seu obxectivo é favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando en áreas nas que a Xunta ten competencias, “fóra dos tramos urbanos fluviais de responsabilidade municipal”.

“O fallo sobre o Cárcere Vello esixe o compromiso para a devolución gratuita”

É lamentable que dúas administracións entren en leas xudiciais provocando o abandono dun espazo tan singular e cunha potencialidade tan enorme como o espazo do antigo Cárcere Provincial da Coruña.

Polo menos, parece que o asunto avanza despois da sentencia anunciada esta semana que anula o convenio suscrito en 2005 polo entón alcalde, Francisco Vázquez, coa Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios (SIEPSE).

Falamos de terrenos cedidos gratuitamente en 1925 polo Concello e que o devandito convenio fixaba o pago de 1,12 millóns de euros ao Ministerio do Interior, do que depende Institucións Penitenciarias, ao tempo que cedía unha parcela anexa de 9000 metros cadrados para a construcción do Centro de Reinserción Social, unha vez que os reclusos foran trasladados, nos anos 90, ao novo cárcere de Teixeiro.

Deste xeito, o Concello da Coruña non terá que pagar pola recuperación do Cárcere Vello. O xulgado da Coruña deu a razón ao Concello desestimando a demanda presentada por Institucións Penitenciarias, e determinando que o terreo da prisión provincial é propiedade municipal, aínda que o edificio é do Estado.

A este respecto, Defensa do Común estima que o fallo xudicial require sen máis dilacións o compromiso político dos tres grupos municipais para esixir de xeito firme a reversión gratuita do inmóbel ao Concello, así como os conseguintes fondos estatais para súa rehabilitación definitiva, no horizonte de poder convertelo no gran centro coruñés de memoria democrática.

Finalmente, Defensa do Común reitera o feito, que considera fundamental, apelando á condición de que se trata dun inmóbel suxeito á catalogación dentro do PXOM, así como á idea de que o Estado incumpriu reiteradamente as súas obrigas legais respecto ao seu mantemento e rehabilitación fronte ao ocurrido noutro lugares da xeografía española.

A modo de exemplo, enumera os casos de Salamanca, onde hoxe está o Centro de Arte; Badaxoz, convertido no Museo Extremeño e Ibreroamericano de Arte Contemporáneo (Meiac); Xaén, que acolle o Museo Internacional de Arqueoloxía e Arte Ibérico; Palencia, centro cívico de carácter cultural; Valencia, sé de diversas consellerías da administración autonómica; mentres que o de Segovia alberga exposicións, concertos, filmoteca, creación artística e actividades culturais. Galiza, resalta, Defensa do Común, tamén reúne exemplos simbolizados nos casos de Vigo, onde hoxe se ergue o Museo de Arte Contemporáneo, ou o de Lugo onde conviven en perfecta armonía diversas actividades relacionadas coa cultura e o ocio.

Arquivo - Antiga prisión provincial da Coruña, ao fondo a Torre de Hércules. MANIFESTO DO CÁRCERE - Arquivo
Arquivo – Antiga prisión provincial da Coruña, ao fondo a Torre de Hércules. MANIFESTO DO CÁRCERE – Arquivo

 

Máis novas

O Estado pecha de novo e pon vixilancia 24 horas no Cárcere Vello

 

Unha afrenta ao corazón do patrimonio da humanidade

Nova campaña para recuperar e revertir ao patrimonio da Coruña o vello cárcere provincial

O campionato de dardos electrónicos ‘Phoenixdarts’ disputarase en ExpoCoruña

0

A cidade da Coruña acollerá no mes de decembro a celebración do campionato mundial de dardos electrónicos ‘Phoenixdarts’, en EXPOCoruña, un torneo que se celebrará por primeira vez en Europa tras pasar por cidades como Las Vegas, Seúl ou Singapur. A organización estima que, entre o 5 e o 8 de decembro, asistan ao evento máis de 4.000 xogadores e 2.000 acompañantes procedentes de lugares como Corea do Sur, Xapón, China, Taiwan, Hong Kong, Estados Unidos, Canadá ou México, entre outros.

Por iso, disporán dun espazo de máis de 7.000 metros cadrados, segundo detallou EXPOCoruña nunha nota de prensa. Ademais, estímase que a cidade da Coruña “obteña un retorno económico de 1,8 millóns de euros”, con 1.200 habitacións reservadas para cada día do torneo e un gasto estimado por participante de 150 euros.

Razón e coñecemento sobre a emoción e a opinión

0

De onde nace a opinión de cada un? A opinión, coma os gustos, non xorde pola natureza e a inspiración divina, orixínase polo proceso de socialización do individuo, é dicir, polos cinco axentes socializadores máis importantes: familia, escola, grupo de iguais, relixión e, sobre todo, medios de comunicación. Ou sexa, a nosa maneira de pensar, actuar e de ver un determinado feito social e xerar unha opinión ó respecto ven dada pola interiorización de dito proceso. Ademais, as teorías da reprodución social, como menciona Bourdieu, explican que estes axentes, sempre baixo unha ideoloxía hexemónica dun sistema social, político, cultural e económico concreto; nos homoxeneízan segundo a nosa clase social e nos impiden a emancipación social (tamén a escola).

Polo tanto, non se vai ter a mesma cosmovisión e opinión sobre, por exemplo, a migración ou o pago de impostos se nacemos nun barrio da cidade ou noutro. Mais isto non é un feito pechado e completamente determinista, a opinión vaise continuamente formando e incluso cambiando. En primeiro lugar, pola influencia e mestura dos axentes antes mencionados, en especial, os medios de comunicación (de masas), que cando o individuo alcanza certa idade tornan a ser a maior influencia na creación de opinión. Entendemos así que, malia nacer no barrio máis humilde da cidade, temos medo a que nos ocupen o fogar por ver a Ana Rosa ou pensamos que co esforzo todo se pode lograr ó ver ó 90% da xente da positividade tóxica e ultraliberais que saen nas redes grazas a que o algoritmo (de absoluta casualidade) lles outorga toda a visibilidade do mundo. En segundo lugar, polas distintas experiencias vitais dun, xa que temos vivencias que nos poden facer cambiar a opinión, o prexuízo e a perspectiva de algo (un exemplo disto é o filme American History X), inda que, nas ciencias sociais, non se pode obter unha conclusión xeral de algo só coa experiencia dun mesmo, porque entón Marta Ortega pensará que todo o mundo pode dirixir a maior empresa do mundo entre semana e montar a cabalo os domingos. E tampouco se pode dicir: “o de Errejón é un caso illado e os homes non son así, porque o meu marido nunca agrediu a ninguén”.

Por último, pola adquisición de coñecemento a través da educación formal ou informal. Isto, a diferencia dos dous puntos anteriores, si contribúe a formar unha opinión das cousas fundamentada e independente do orixe social. Cando unha institución coma pode ser a universidade (sempre pública) facilita as ferramentas ou o método para buscalas e crear coñecemento e iniciarse na ciencia. Mais non exclusivamente nesta institución, xa que hai moita xente que pasa pola universidade e pouco máis aprende que a maceta da entrada, e hai outros tantos sen o graduado escolar que poderían dar unha masterclass do funcionamento dun Estado. E ademais, dito sexa de paso, a universidade historicamente sempre tivo moito que ver coa clase social e mentres uns adquirían o coñecemento, outros eran privados del. Xa falaremos noutra ocasión de como se constrúe a ciencia da medicina occidental capitalista creada nas mellores universidades por homes brancos e ricos e a súa posterior distribución farmacéutica, como se nas sociedades orientais non se curase a dor ó longo da historia sen falla do ibuprofeno.

Por desgraza, vivimos tempos nos que a opinión infundada imponse a todo o demais. Convivimos cuns medios de comunicación que serven de altofalante do poder para conseguir manter a poboación parva e controlada por medio da mentira, da desinformación e da confrontación entre iguais. O coñecemento fronte a opinión infundada. Os ignorantes (sempre vítimas de selo, hai que acordarse sempre de mirar para arriba e non para os lados) fan máis ruido que calquera mostra de razón dos expertos, os cales son denigrados día si e día tamén. Pasou coa pandemia e os sanitarios, os científicos e os investigadores. Ocorre agora coa catástrofe de Valencia. Todo o mundo parece ter un mestrado en dirixir o país. A verdade é que un pode a estar doutorándose que ten que seguir escoitando iso de: “esa é a túa opinión” cada vez que se fala de algo relacionado co campo ou rama da que é experto, investigador ou profesor. Un estuda durante sabe Deus cantos anos, investiga, traballa, fórmase, nunha conversa pode despregar datos, fundamentos, evidencia empírica que, ó final, o ignorante, o burro testán sempre responde do mesmo xeito: “esa é a túa opinión”. O ámbito científico e académico cada vez está máis subestimado e desprezado como aquel que dixo no templo do saber iso de: “morran os intelectuais!”. Falando a título persoal, é un sentimento moi feo sentirse tan denigrado e pouco valorado, que reduzan a unha simple opinión todo o que eres, fas e sabes. Non quero pensar o que pode sentir unha persoa (ou conxunto delas) que sabe que nun punto xeográfico e momento determinado vai ocorrer un desastre climático e lle din: “esa será a túa opinión, todo o mundo a traballar que hai que producir”. Gustaríame ver a esas persoas, negacionistas, necios, admiradores do pensamento máxico, cando van ó médico e lle din:

  • –  “Mire, ten vostede cancro e hai que tratalo”.
  • –  “Nada ho! Esa é a súa opinión. Hai un en YouTube que di que se lle pagas 3.000€ por un dos seus cursos ensínache a curarte o cancro e facerte rico. Dous en un”.

Ou:

  • – “Debe vostede manter unha dieta específica.”
  • – “Eu penso que non, porque como son leo ascendente de tauro o páncreas regúlaseme o domingo pola noite cando suba a marea, que hai lúa chea”.

Inda así, o médico goza dunha autoridade que un sociólogo envidia. Xa que el, a pesar do visto durante a pandemia, cando di que unha persoa ten a perna rota pouco hai que refutar e respétase o que el di. Cando un sociólogo expón os motivos polos que ocorre un feito social, xa se sabe o que lle responden. É sabido que a ciencia social é algo máis abstracta, e todo o que vivimos no noso día a día é ciencia social, polo tanto cremos que temos a potestade para opinar de todo da vida social como se tivésemos a verdade absoluta abafallando a calquera profesional. Incluso sendo sociólogo, o meu campo dentro da socioloxía está acotado, é precisamente este: a socioloxía da comunicación e a opinión pública. Se me piden falar doutras ramas da socioloxía como as migracións ou o xénero, só me que queda escoitar a quen sabe máis ca min. Polo tanto, a opinión debería ser se nos parece ben ou mal algo, se nos gusta máis ou menos, se estamos dacordo ou en desacordo con algo ou se o fariamos do mesmo xeito ou doutro distinto. Mais opinar sen fundamento ningún de como deberían ser as cousas sen saber como son as cousas só é unha falacia. E todo o mundo ten dereito a dicir o que lle dea a gana sempre e cando sexa con respecto, mais por esa regra de tres tamén o que está ó lado nos pode rebater con argumentación o primeiramente dito.

Con todo, un fémur roto pódese ver e tocar incluso sen estudar catro anos de medicina, mais para saber ver e apreciar ata case tocar (no senso metafórico) índices e taxas de desigualdades sociais ou unha teoría sociolóxica da escola crítica de Frankfurt, si fan falla uns anos de estudo e formación. Algo que o Capitán Manolo, experto das copas furadas do bar da esquina, quizais non teña. Quere saber sempre máis que o resto sen argumentación ningunha máis que unha ladaíña de tópicos. Mais hai que mostrar certa comprensión con esta xente. Primeiro, por conciencia de clase, xa que moito se está a criticar nas redes ós capitáns Manolo e ós cuñados lonxe do humor, mais quizais tampouco son culpables das barbaridades que soltan pola boca. Moita xente, sexa cuñada ou non, traballa oito, dez ou doce horas ó día dende os dezaseis ou dezaoito anos para ter que comer e sacar a familia adiante, incluso para que os seus fillos vaian a universidade e poidan formarse. Coidan tamén a familiares dependentes e quizais non teñan tempo nin ganas de poñerse a ler a Marx no seu tempo de lecer. E segundo, porque son o obxectivo principal das estratexias mediáticas do poder, é doado que caian no seu discurso porque o poder nútrese deles, e contra iso é difícil loitar. Mais tamén cabe a crítica, porque esta xente está dirixindo e presidindo as grandes empresas dos países, incluso nos gobernos, xente sen coñecemento e conciencia. Son os que nos levaron ó desastre climático por facer as cousas sen cabeza ningunha. Esta xente que abandeira o rechazo ó saber e ós títulados, os que pregonan iso de “universidade de la calle”, cando precisan axuda sempre acuden a alguén con formación, xa sexa para levar o fillo ó pediatra, á academia de inglés ou á pasantía cando o cativo vai mal no colexio. Iso si, os profesores son todos uns lacazáns que están aí polo soldo e as tardes libres. Entón comprensión e crítica.

Volvendo á opinión, sen ir acompañada dunha boa fundamentación é subxectiva e banal. A opinión é emoción. Está moi ben para falar de certas cousas como unha canción preferida, mais para falar de algo tan relevante como a desigualdade social ou unha catástrofe coma a de Valencia, pois hai que deixar espazo para que fale a razón. Se a política se basea na emoción como se dun partido de fútbol se tratase, ocorre o que pasa en Arxentina, que ven un descerebrado con motoserra a gritar “liberdade muchachos!” e o pobo guiado pola emoción faino Presidente do Goberno. Neste senso, sobre a situación de Valencia, hai moitas cousas que se están a dicir, promulgar e extender polas redes sociais que son incertas, en moitos casos de xeito premeditado, e en outros por mera inercia mediática. Un famoso como Antonio Banderas escribe un pequeno texto emotivo sen fundamento ningún descoñecendo como funciona a política e a lei dun Estado e a xente compárteo porque lle toca na fibra. E deste xeito, créase unha loiada, un caldo de cultivo de confrontación. Típico da extrema dereita que ó longo da historia sempre saca a cabeza nestas ocasións para obter rédito político, orixinar crispación e división a través da demagoxia, manter a poboación desinformada (ou sexa, manipulada), conseguir (ou conservar) o poder e que o status quo permaneza tal e como o coñecemos: opresores e oprimidos. Xa os nazis dicían que os xudeos comían nenos, o pelucas en Estados Unidos di que os inmigrantes comen cans e gatos e aquí temos a Vox co hit “nos comen los chinos” e Se Acabó La Fiesta, entre outras marabillas, que é mellor comer a un cadelo que escoitar calquera cousa que digan.

Así é que, para falar das responsabilidades políticas hai que coñecer o procedemento, as competencias das autonomías (porque vivimos nun Estado formado por comunidades autónomas que teñen precisamente iso, autonomía descentralizada) e o método lexislativo para actuar nun caso coma este (ademais da estratexia metódica e procedemental máis eficiente a levar a cabo polos especialistas). Pódese debater se a lei está ben ou mal ou otro tipo de cousas concernentes á burocracia e manexo dun territorio e, dende logo, non serei eu quen apoie este tipo de armazóns que ten un Estado. Mais non se pode falar por falar e dicir que a culpa é do Perro Sanxe coma sempre. Este home parece que ten a culpa de todo sempre e, en moitas ocasións, é certo que a ten, mais en moitas outras a maquinaria mediática da extrema dereita opera para que así o pareza. Non vou ser eu tampouco quen defenda ó PSOE, que teñen de esquerda o que Rubén Gisbert de decente e moral. Este debiu de sentir tamén a dicotomía entre a persoa e o personaxe e sucumbiu de xeonllos a orar polas vítimas.

A verdade é que a socialdemocracia non é o que moitos esperaban, penso eu. Vaia paisaxe nos está quedando. Día a día. Ano a ano. Esta roda segue xirando sempre no mesmo sentido. Penso que non existiu unha poboación ó longo da historia, que fose máis ou menos crítica, que dixese: “vaia tempos máis bos nos tocou vivir, isto é a gloria!”. Mais a vida social nesta posmodernidade etérea é cada vez máis un despropósito maiúsculo. A democratización da información e do saber ten as súas vantaxes (moitas) e os seus inconvintes (menos mais máis notorios). Que calquera pailán que só di falacias poida publicar o que queira nas redes e o algoritmo o encha de protagonismo en detrimento de calquera divulgador científico, é un deles. Non hai máis que abrir Instagram, X, Twitch e Youtube ou ir a Andorra. Iker Jiménez, Javier Negre, Vito Quiles, este outro que di que é facha mais con tenrura e, en fin, toda a nave do misterio e a fachosfera de streamers, youtubers, instagramers que crean opinión infundada tras opinión infundada construíndo un relato e discurso de odio, axudan a debilitar a liberdade da xente. Pois adoitamos crernos libres, mais se entendemos que o noso pensamento, o noso estilo de vida, as nosas opinións e a maneira na que actuamos veñen dados polo sistema social que os xera, entón pouca liberdade podemos ter e sentir, por moi hippies que nos creamos por viaxar ó sueste asiático e andar descalzos.

A desinformación presume ser un dos grandes elementos que encarceren inda máis ó individuo no presente e no futuro, e como investigador deste campo representa o gran problema e reto que temos por diante. Cada día unha noticia nova ca que levar as mans a cabeza, cada día un desastre novo, unha barbarie nova e, sobre todo, unha cantidade enorme de desinformación que enturba calquera acougo que queira ter un. Errejón agrede, dá igual porque ós cinco minutos xa ninguén se acorda porque hai outro peor ca el. O pobo salva ó pobo din, pois a empatía debe ser miope, sentimos só de cerca. Seguinte. Unha muller francesa é violada durante anos e ó día seguinte en Portugal sae un chat de Telegram. E seguimos ó día seguinte a ver que nos depara. E así cada día pasa obrigándonos a esquecer todo o barullo ilóxico do día anterior. Menos mal que chega Felipe VI e a xente tolea. Apartade ese barro de aí, freade todas as axudas que poidan chegar pola estrada, amontoade eses cadáveres na beirarrúa que chega o monarca cunha frota de policías que resolverían calquera conflito en Oriente Medio mais eh! Están aí para unha labor de maior envergadura: despexarlle o camiño ó erudito para que non manche os zapatos de levar ás catástrofes e poida despregar esa oratoria que se ve que se traslada de xeración en xeración nos Borbóns. Admirádeo porque a xente de suministros non vive, mais de admiración monárquica teñen o corazón cheo para todo o ano. Falando de admiración, Amancio dona cen millóns que lle sobraban de defraudar mil. Outros non o fan. Tamén é verdade que o 99% da poboación pagamos os nosos impostos e non esclavizamos a un continente mais eel dona, quizais porque é unha persoa cunha conciencia social forte e síntese culpable porque polo que contamina a súa produción suceden catástrofes climáticas coma esta. Debe ser iso. Mais penso que xa me estou a pasar coa opinión infundada.

Rematando xa, quizais isto da opinión sexa máis de escoitar que de falar. Trátase de ter responsabilidade nas redes e o seu uso, xa que non é o mesmo opinar nunha conversación privada que opinar de algo que descoñecemos nunha rede social, ou participar nas cadeas de retweet e de compartir en Instagram opinións de xente que nin coñecemos que di cousas que non están probadas. Trátase de ter moita humildade cun mesmo e conciencia co resto, xestionar e recoñecer que se poida estar equivocado e estar aberto a que outra persoa, a través da ciencia, de datos ou información empírica, nos faga formularnos a nosas ideas. Para a partir de aí querer aprender, cambiar e mellorar. Trátase de apreciar que un amigo ou amiga que tes ó lado quizais saiba máis ca ti dun tema e poidas aprender del en lugar de negarlle todo o que di. Neste espazo que se me presta só se intenta facer reflexionar con ideas abertas, ironicamente nunha columna de opinión nun medio de comunicación, chegar a inspirar algún tipo de cambio e poder dar outra perspectiva. Non se pretende, dende logo, dar a verdade absoluta de nada porque iso, ademais de que non existe, tampouco debería ocorrer, xa que unha das regras fundamentais da ciencia é que o que é certo hoxe, mañá quizais non, xa que a vida é cambio e conflito. Do conflito nace o progreso. E a ciencia debe estar a carón do progreso, do cambio e a renovación constante. Moitos dos que nos dedicamos ó mundo académico ou á investigación non o facemos nin por recoñecemento social nin, dende logo, por diñeiro. Se fose por ese motivo en calquera outro ámbito teríamos un presente e un futuro menos precario e incerto. Facémolo por paixón e porque cremos que podemos aportar luz a un mundo, ás veces, tan escuro.

 

  • Rubén Pérez. Doutorando en Ciencias Sociais e do Comportamento, graduado en Socioloxía e opositor para profesor de Xeografía e Historia. “Vamos enchernos e falar de cousas”, que diría Grande Amore.

Máis artigos de Rubén Pérez

Manolo García deleita aos coruñeses e fai un chamamento pola xustiza social e ambiental

0

O cantante Manolo García ofreceu este sábado na Coruña un novo concerto dentro da súa xira ‘Cero Emisións Contaminantes Desde Xa’ no que, cun repaso de vellos e novos temas, deleitou ao público, entregado desde o primeiro momento cantando as cancións máis coñecidas. Todo iso nun recinto, o Coliseum, cheo.

Isto despois de que o artista aprazase en solidariedade coas vítimas da DANA o seu concerto en Tarragona, posposto ata o 7 de decembro, ou o de Valencia, previsto para o 16 de novembro, que se aprazou ata xaneiro.

En recordo aos damnificados, no da Coruña gardouse un minuto de silencio como “axuda moral“, expresou Manolo García antes de comezar unha actuación con alusións tamén ao labor dos voluntarios e aplausos posteriores.

“Grazas por deixarnos volver”, dixo, ademais, ao público asistente que desde o primeiro momento coreou cancións, principalmente as máis coñecidas, e que en varias ocasións púxose en pé para mostrar o seu recoñecemento pola entrega de Manolo García, cunha potente voz, pero tamén dos membros da súa banda, cun son de alta calidade como o que demostraron, ademais, en momentos nos que tocaron en solitario.

E é que no concerto non faltou de nada, desde globos lanzados ao público ata chamamentos a loitar contra o cambio climático ou agradecer o labor de agricultores e gandeiros, aos que, dixo Manolo García, non se lles fai “xustiza”. Isto con chiscadelas a Galicia e o galego, con “graciñas”.

Todo iso nunha actuación de tres horas de duración e que acabou coa interpretación de cancións mexicanas como ‘A Bamba’, facendo bailar aos asistentes, que gozaron especialmente as cancións do repertorio de ‘O último da Fila’, a mítica formación que lideraba Manolo García xunto a Quimi Portet e que se disolveu hai máis de dúas décadas.

E é que o artista, tras o éxito dos seus recitais en teatros, está a percorrer a xeografía española cunha proposta de directo que inclúe unha posta en escena renovada e unha bailarina que deleitou ao público en varias ocasións ao ritmo das cancións. Entre estas, temas do seu último traballo de estudo. O mesmo está composto por un dobre álbum que inclúe os títulos ‘A miña vida en Marte’ e ‘Desatinos Desplumados’.

Bombeiros da Coruña mobilízanse para auxiliar en Valencia trala DANA

0

Unha dotación integrada por seis efectivos do Consorcio provincial de Bombeiros da Coruña partiu para Valencia co obxectivo de colaborar nos labores de limpeza e de socorrismo nas zonas afectadas pola DANA.

Esta primeira dotación, integrada por bombeiros procedentes dos parques de Carballo, Betanzos e As Pontes, estará en terras levantinas ata o 15 de novembro, cando outro seis bombeiros, que sairán o día 14, daranlles a substitución.

O equipo, conformado por dous efectivos de cada parque, partiu na mañá deste sábado desde Betanzos con dous vehículos e un remolque con motobombas e outros equipos de rescate, con destino a Valencia, onde se poderán a disposición dos organismos de coordinación da Generalitat para apoiar nos traballos de emerxencia.

O Consorcio Provincial destacou o altruísmo e a dedicación dos bombeiros desprazados e reafirmou a súa total disposición a axudar ás persoas afectadas a recuperar a normalidade canto antes.

A labor de reinserción das limpezas medioambientais de Entre Crebas

Cada vez son máis as persoas privadas de liberdade que cumplen a última parte da súa condena no Centro de Inserción Social da Coruña, que se animan a participar como voluntari@s no proxecto Entre Crebas. En boa parte, gracias á implicación e emoción das xentes da Asociación Mar de Fábula, que conseguen trasmitirlles a importancia de participar en accións comunitarias, de axudar, de reforzar a súa autoestima, de sentirse parte da sociedade, e de concienciar e concienciarse co medio ambiente, a través dunha cousa tan real como limpar unha praia.

É impactante ver como unha acción tan concreta consegue xerar tanta empatía nestas persoas que, en moitos casos, perderon a fe nunha sociedade que consideran allea, mesmo inimiga. Con estas limpezas decátanse de que a sociedade tamén os necesita, xerando un espazo de reconciliación moi importante para unha exitosa reinserción social, e fomentando un menor risco de recaída nas drogas e/ou na delincuencia.

Esta semana o proxecto cumplía a súa 11ª limpeza voluntaria da praia do Areal da Torre, coñecida nos últimos tempos como As Lapas, situada xusto en fronte do CIS, e que pasa por ser un dos espazos nos que as persoas en réxime de semiliberdade pasan moitas das horas de lecer das que dispoñen cada semana.
Unhas limpezas que forma parte do proxecto Entre Crebas, pois a entidade medioambiental é especialista en aproveitar os residuos plásticos que botamos a sociedade e que devolve o mar en arte a través da reciclaxe.

Limpeza do Proxecto Entre Crebas no areal da Torre

Participaron desta volta na limpeza 17 persoas residentes no CIS, 2 funcionarias e 2 voluntarios da asociación. Todas meteron unha man para aliviar a contaminación do mar que segue enchendo de plástico as nosas zonas naturais.
Recolleron case 600 residuos, entre eles 75 anacos de plásticos pequenos, 330 anaquiños de vidro, 20 toalliñas húmidas, 40 anacos textís, 91 cabichas, un dos grandes inimigos a combater a base de campañas de concienciación, e ata un fouciño enferruxado.

Foi esta a penúltima limpeza desta edición do proxecto, que o vindeiro mes de decembro terá no centro unha especial celebración de peche, pensando sempre en reanudar o exitoso proxecto a comezos do ano que vén.

Máis novas

O proxecto Entre Crebas avanza cara o primeiro aniversario en clave de reinserción e concienciación medioambiental

O proxecto Entre Crebas medra entre cabichas

O Voluntariado de Mar de Fábula deixou un pouco máis limpo o areal de Barrañán