Inicio Blog Páxina 313

Levan ao Valedor do Pobo “o roubo da Casa Cornide”

Coa V Marcha pola Devolución da Casa Cornide convocada para o vindeiro 14 de decembro, as 60 entidades que promoven a campaña “Fóra os Okupas da Casa Cornide” continúan a batalla legal para recuperar este Ben de Interese Cultural.

O presidente de Defensa do Común, Manuel Monge, apoiado por todas estas entidades, vén de entregar hoxe polo rexistro da Subdelegación do Goberno na Coruña un escrito dirixido a Ángel Gabilondo, “Defensor del Pueblo”, solicitando que “inste á Xunta para que obrigue á familia Franco a apertura ao público da Casa Cornide catro días ao mes e catro horas, como mínimo, cada día, en cumprimento da Lei de Patrimonio Cultural de Galiza”.
Así mesmo, solicita tamén que “inste ao Concello da Coruña para que retire as rúas e distincións a Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina Brandao e Sergio Peñamaría de Llano, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática”.

O “roubo”

O escrito lembra a Ángel Gabilondo como se organizou o roubo da Casa Cornide. Foi mercada en 1948 pola Dirección Xeral de Belas Artes (Ministerio de Educación). Con Alfonso Molina como alcalde pasa a propiedade municipal, mediante un expediente incoado en 1958 e formalizado en xuño de 1962 a través dunha permuta co Ministerio de Educación Nacional, que recibe a cambio unha parcela municipal en San Roque/zona escolar.
Poucos días despois de dita permuta, Sergio Peñamaría (sucede a Alfonso Molina como alcalde o 19 de maio de 1959), tramita a venda cunha sorprendente rapidez e o Pleno de 3 de  xullo de 1962 acordaba a venda do palacio e tamén as bases para unha poxa que se celebra un mes despois. Pedro Barrié de la Maza gaña a poxa-farsa celebrada o 2 de agosto de 1962 e adquire a Casa Cornide por 305.000 pesetas. Esa mesma tarde o pleno dá conta que Barrié solicita transmitir a propiedade a Carmen Polo. Tres días despois Barrié culmina esta farsa e vende a casa a Carmen Polo por 25.000 pesetas, como figura na escritura.
A adquisición da Casa Cornide foi unha auténtica operación de Estado, que se organizou durante varios anos. No podía aparecer como a transmisión dunha propiedade pública a unha persoa privada como Carmen Polo, esposa de Franco, e por iso a solución para superar ese problema foi convocar unha poxa, previamente amañada.
A permuta da Casa Cornide polo concello da Coruña e a venda son nulas, segundo informe xurídico da Universidade da Coruña, encargado polo concello. O Ministerio de Educación permuta co concello a Casa Cornide en 1962 sen desafectar este ben do uso que tiña, incumprindo a normativa vixente. Tampouco tiña a necesaria autorización da Dirección Xeneral de Belas Artes para os bens con máis de 100 anos de antigüidade, como sinalaba unha lei de 1931. Segundo ese informe xurídico, tanto a permuta como a venda serían nulos.
Por outra parte, a venda da Casa Cornide a través dunha poxa pública realizouse infrinxindo o Regulamento de Contratación das Corporacións Locais de 1955, que explicitaba a prohibición das autoridades da administración do Estado para ser contratistas. Por outra parte, exímese a Carmen Polo do cumprimento da cláusula establecida para concorrer á poxa: prohibición de vender o inmóbel nos dez anos posteriores á poxa, e a necesaria autorización do concello para calquera modificación da propiedade. Todo isto supón unha causa de nulidade de pleno dereito. Estamos ante unha operación de compra-venda simulada. Ademais, o concello da Coruña estivo pagando os gastos das reformas (1,2 millóns de pesetas só entre 1963 e 1964) e mantemento durante anos, despois de pasar a mans privadas.

Apertura

Así mesmo a entidade lembra que a Casa Cornide segue pechada, 19 meses despois de que a Xunta de Galicia aprobase o o 27 de abril de 2023 a catalogación do edificio como Ben de Interese Cultural (BIC), infrinxindo a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia que obriga aos propietarios a apertura de catro días ao mes e un mínimo de catro horas cada día cando hai unha declaración de BIC. “Isto é posíbel pola permisividade da Xunta coa familia Franco”, denuncian.

Máis novas

60 entidades convocan a V Marcha pola devolución da Casa Cornide

A CRMH volve esixir á Xunta que resolva a apertura da Casa Cornide e sancione aos Franco

Marcha 2023:

Centos de persoas volven reclamar na Coruña a recuperación da Casa Cornide

“Os tempos son chegados”: Monge consegue o compromiso municipal para eliminar os 378 símbolos franquistas da cidade

Poñen cifras á discriminación da Logopedia na sanidade pública

0

Na actualidade, en Galicia só hai 37 logopedas no sistema sanitario público. Unha cifra que chama a atención do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia, que vén de propoñer o seu “Plan 2025-2030, 100 logopedas en 2030”. A entidade considera que como mínimo a “sanidade pública galega precisa de 100 logopedas para unha atención eficaz”, e con ese obxectivo elabora este plan que xa llo presentou á Xunta o pasado mes de setembro.

“Se o Sergas contrata 63 logopedas de aquí a 2030, pasaremos da ratio actual de 1 logopeda por cada 72.000 galegos a 1 logopeda por cada 27.000, unha proporción que melloraría a atención que demanda e esixe a cidadanía”, indicou Javier Bueno, vicepresidente do Colexio. “Os beneficios superarían con moito o investimento previsto nese plan a seis anos”, explica tendo en conta que os custos do plan 2025-2030 elaborado pola organización colexial elévanse a uns 8,5 millóns de euros, pero que o aforro estimado case multiplica por 1,5 esa cantidade. “No cálculo destes beneficios económicos directos, tivemos en conta, pola evidencia científica e a maior acessibilidade dos datos, os que se derivan fundamentalmente do aforro de custos por hospitalización en pacientes con patoloxías nas que o tratamento logopédico reduce os días ou evita o ingreso”, explicou Bueno.

Aumento da demanda, máis nas zonas rurais

“Nos últimos cinco anos, a demanda de pacientes atendidos creceu un 39 % na Área Sanitaria da Coruña e pasamos de 5 a 6 logopedas. Pasamos de 10 horas de atención media por paciente a 7 horas”, destacou o vicepresidente das logopedas galegas.

Pero é que ademais a situación supón unha clara discriminación para o pacientes que viven máis apartados dos hospitais de referencia pasan máis tempo na estrada que na consulta. É o caso de Olga Lopez, unha veciña de Malpica que recibe tratamento logopédico no CHUAC despois de sufrir unha afasia. Luis Pose, o seu marido, acompáñaa todos os días: “Facemos una hora de camiño para A Coruña e outra para casa. Dúas horas de coche para media hora de tratamento, que non é suficiente. Aínda se fose máis tempo ou algo máis preto… Aínda menos mal que vimos pola nosa conta. Coa ambulancia, tardaríamos toda a maña. Na casa, completamos o tratamento do hospital con outra media hora máis.”

Jaime Villar, veciño de Cee, acode a sesións de logopeda despois de que lle quedasen afectadas as cordas vocais tras unha operación. “Desprázome 115 quilómetros para unha sesión de media hora. Entendo, e coma min moita xente máis, que debería haber unha logopeda nos hospitais comarcais ou nos centros de saúde para evitar desprazamentos tan longos. É hora e cuarto de ida e outro tanto de volta. Dependendo da hora que toque a consulta, perdes a mañá e mesmo tamén a tarde”, pide.

Detida por levar xoias e diñeiro da casa na que limpaba en Cambre

0

Axentes da Policía Nacional detiveron en Cambre a unha muller como suposta autora de varios delitos de roubo con forza, por subtraer diñeiro e xoias da vivenda dunha anciá, na que traballaba como limpadora.

Segundo informaron fontes policiais, a vítima, de idade avanzada, decatouse de que lle faltaba unha pulseira de ouro do seu domicilio e denunciou o roubo. Uns días máis tarde, ampliou a denuncia ao comprobar que tamén lle subtraeron 500 euros, o seu DNI, varios cartóns bancarios, outras xoias e reloxos.

As pescudas do Grupo de Investigación do Distrito Norte permitiron comprobar que a muller que traballaba eventualmente como limpadora no domicilio subtraera unhas chaves e que accedeu á vivenda en varias ocasións, cando a dona non estaba, aproveitando para levar eses efectos.

Igualmente, a Policía puido determinar que, nos días posteriores aos roubos, a sospeitosa vendera algunhas das xoias nunha casa de empeños. Finalmente, a muller foi detida o pasado 20 de novembro en Cambre, e as xoias recuperadas foron devoltas á súa lexítima propietaria.

A Coruña acende este xoves as luces de Nadal, con programación durante un mes

0

A programación do Nadal do Concello da Coruña comezará este xoves, día 5, co acto de aceso das luces na praza de María Pita e estenderase durante un mes, ata a cabalgata de Reis Meigos, con actividades “por todos os barrios” e “para todas as idades”. Así o anunciou a alcaldesa herculina, Inés Rey, durante a súa presentación, na que recalcou que a cidade contará con “3,6 millóns de luces de Nadal, 300.000 máis que hai un ano”. “Tamén aumentan os arcos ata os 555, os farois pasan de 198 a 383, as árbores pasan de 53 do ano pasado a 80 e sumaranse case 40 rúas máis iluminadas”, incidiu.

Durante a presentación, a rexedora, que estivo acompañada do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, fixo público o cartel e a imaxe gráfica deste ano, obra da artista coruñesa Bea Lema, Premio Nacional do Cómic 2024. Respecto ao acto de aceso das luces, explicou que terá lugar na praza de María Pita ás 19.30 horas e contará con animación a cargo de Peter Punk.”Despois, actuarán Os Alcántara”, indicou. Rey dixo, ademais, que, entre outras actividades, haberá atraccións nos xardíns de Méndez Núñez, así como a primeira Feira Artesá do Nadal, do 20 de decembro ao 5 de xaneiro. “Con espectáculos para todas as idades nos diferentes recintos culturais da cidade”, destacou. Tamén se desenvolverá o oitavo Galicia Magic Fest, que terá lugar no Teatro Colón os días 2 e 3 de xaneiro.

VER AQUÍ O PROGRAMA DE NADAL DA CORUÑA 2025

Varias zonas de Culleredo sen auga pola rotura dunha tubaxe de abastecemento durante unhas obras

0

Varias zonas de Culleredo atópanse este martes sen auga da traída despois de que esta mañá se producise a rotura dunha tubaxe de abastecemento durante unhas obras que realizaba unha construtora privada cunha escavadora.

Tal como informou o Concello nun comunicado, dita tubaxe distribúe a auga desde o depósito de Monte Alfeirán, afectando sobre todo á Corveira e á parte alta da Avenida de Vilaboa, que están na actualidade sen subministración.

“Tamén é posible que se note unha diminución da presión noutros puntos de Vilaboa, dado que se derivou o abastecemento desde outro depósito”, engadiron as mesmas fontes.

Por iso, o servizo municipal de augas xa emprendeu con urxencia a reparación da tubaxe, esperando que os traballos se completen “coa maior celeridade” posible e desculpándose polas molestias que ocasiona esta incidencia.

Outros sucesos semellantes

O tráfico estará cortado na zona de Monelos durante unha semana pola rotura dunha tubaxe

Unha rotura na rede xeral provocou anegacións na Corveira

O tráfico estará cortado na zona de Monelos durante unha semana pola rotura dunha tubaxe

0

A rotura dunha tubaxe provocou unha inundación no barrio coruñés de Monelos que obrigou a cortar a circulación na rúa Caballeros, afección que se manterá “máis ou menos durante sete días”. Así o manifestou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a preguntas dos xornalistas sobre este asunto tras a rolda de prensa de presentación da programación de Nadal. “En principio, non hai danos graves“, asegurou para apuntar que espera que “nos próximos días se poida solucionar”.

Respecto diso, explicou que “as afeccións máis relevantes polo desbodamiento producíronse no solar da obra na Rolda de Outeiro esquina Pérez Ardá”. “Tiveron que parar pola auga”, expuxo. A rexedora concretou que “queda cortado máis ou menos durante sete días o tramo da rúa Caballeros entre a saída do parking da estación de autobuses e a avenida de Chile”.

O BNG lanza unha nova campaña contra o prezo da vivenda

0

Esta mañá de luns o BNG vén de presentar a campaña Vivir na Coruña… é imposíbel, que afonda sobre as dificultades para acceder á vivenda na nosa cidade.

A campaña ilústrana dous cartaces, xa pendurados nas rúas, con imaxes aéreas da Coruña, un deles sementado de etiquetas indicativas dos altos prezos que alcanzan os alugueres das casas, acompañadas dos símbolos dos pisos baleiros e das vivendas de uso turísticos.
“Todos sabemos de que estamos a falar. Os prezos das vivendas están a alcanzar niveis que son imposíbeis de asumir para persoas con salarios normais”, denuncia Ignacio Siota, quen a seguir esclarece o alcance do lema escollido polo BNG para esta campaña: “Vivir na Coruña claro que continúa sendo bonito, mais os prezos da vivenda estano a facer imposíbel”.

Un problema que afecta á mocidade pero tamén a o resto de sectores poboacionais. “Afecta tamén unha muller de 45 anos que se queira separar e que co seu salario non pode pagar determinados alugueres. Afecta a xente traballadora que se ve obrigada a compartir piso…”, exemplificou Veira.
Para a concelleira nacionalista, “o problema non se resolve desde a lóxica do mercado, desde o funcionamento puro e duro da lóxica da oferta e da demanda“. “Estámolo vendo con novas promocións que poñen á venda pisos a 300 mil euros, fóra do alcance das maiorías sociais”, critica.

“Cómpren, por tanto, políticas públicas, sendo que precisamente a ausencia desas políticas públicas de vivenda está na orixe das enormes dificultades que teñen as persoas para satisfacer o seu dereito a unha morada digna”.

Vivenda pública

“O Estado español está á cola da UE na construción de vivendas públicas. Pois ben, Galiza infelizmente está á cola do Estado español nese capítulo”, remarca.

E instan tamén ao Goberno Local a intensificar a súa presión política para a Xunta declarar A Coruña como zona tensionada –“non abonda con lle enviar unha carta á conselleira-, reforzar a Empresa Municipal de Vivenda –“para que realmente o sexa”, darlle pulo ao servizo de asesoramento aos inquilinos -creado a instancias do BNG-, aumentar o parque municipal de vivendas e impulsar a regulación das vivendas de uso turístico.

A nivel estatal pude a cesión gratuíta aos concellos dos inmóbeis da Sareb e “a posta ao servizo da sociedade dos terreos do Ministerio de Defensa” que ten que deixar de ser Defensa S.A..

Máis novas de vivenda

A Coruña crea a mesa sectorial de vivenda para avanzar na declaración de zona de mercado residencial tensionado

#Ninmedionormal, a campaña de @o.novo.normal.coruna pola Emerxencia Inmobiliaria

3 de cada 4 vivendas que se ofertan na Coruña xa son de uso turístico

A turistificación dos Espazos

O estudantado universitario convoca unha folga polo dereito a unha vivenda digna

Estas son as imaxes escollidas para o Calendario da Coruña 2025

0

O Concello da Coruña seleccionou as 13 imaxes que formarán parte do calendario municipal do 2025. O xurado, formado polos fotoxornalistas César Quián, Víctor Echave e Pedro Puig, o responsable de fotografía do Concello, Andy Pérez, e os membros da corporación Nereida Canosa, Roberto Coira e Francisco Jorquera, reuniuse nas últimas semanas para analizar as diferentes propostas achegadas para esta edición, cumprindo coa tradición de editar un almanaque formado por imaxes de fotógrafos afeccionados da cidade.

O calendario distribuirase desde o mes de decembro en quioscos.
Este concurso está, como cada ano, aberto á participación cidadá e as fotografías deben tomarse no termo municipal da Coruña. Nas imaxes é necesario destacar o patrimonio cultural, histórico, natural e paisaxístico da cidade. O xurado tivo en conta a calidade técnica e a orixinalidade da imaxe.

Oo almanaque completarase con fotografías históricas da cidade do Arquivo Municipal da Coruña para cada un dos meses do ano.
Este ano, o calendario irá encabezado pola frase ‘Cidade habitada polo vento’, referencia extraída da obra ‘Os libros arden mal’ (2006) de Manuel Rival, Premio Nacional das Letras 2024. As persoas gañadoras recibirán dous libros de fotografía e un ano de acceso gratuíto aos Museos Científicos Coruñeses para dúas persoas.

001_Xaneiro_Soraya_Sampedro_Borés_
Xaneiro: Soraya Sampedro Borés
002_Febreiro_Javier_Castelo_
Febreiro: Javier Castelo
003_Marzo_Daniel_Martí_
Marzo: Daniel Martí
004_Abril_Marcos_Gestal_
Abril: Marcos Gestal 
005_Maio_Chencho_Mendoza_
Maio: Chencho Mendoza
006_Xuño_Eduardo_Mosqueira_Rey_
Xuño: Eduardo Mosqueira Rey
007_Xullo_Monica_Rial_Dosil_
Xullo: Monica Rial Dosil
008_Agosto_Alberto_Quijada_Loures_
Agosto: Alberto Quijada Loures
Setembro: Luis Cagiao Rodrígue
Setembro: Luis Cagiao Rodríguez
010_Outubro_Ana_Fernández_
Outubro: Ana Fernández
011_Novembro_Manuel_Candal_
Novembro: Manuel Candal
012_Decembro_Alberto_Pereiras_Pena_
Decembro: Alberto Pereiras Pena

Máis novas

Olladas doutro tempo: Estación do Norte

Estas son as imaxes escollidas para o Calendario da Coruña de 2024

Imperial Lucas

  • Xornada 17 – Cádiz – Deportivo (2-4)
  • Encontro difícil de definir que remate cun Lucas imperial amosando a súa terrible pegada.
  • Por petición popular, quinto encontro de Oscar Gilsanz como adestrador do Depor (3V 1E 1D).

— —- —

E os hai que aínda dubidan de si estes catro poden coincidir no once ou se Lucas e Mario poden xogar xuntos ou si a Mella fáltalle gol. Non hai discusión posible con este ataque, un dos mellores da categoría. Certo é que iso xera certa dependencia á hora de confeccionar un once ou á hora de afrontar sancións ou lesións, pero o que estamos a vivir os deportivistas neste retorno a Segunda División, ben vale unha crónica.

Non está sendo doado, pois os números na casa son pobres e comezouse cunha imaxe de fraxilidade defensiva que alcanzou seu pico no partido do Levante. Pero, máis aló disto e dunha clasificación preto do descenso o que estamos a vivir ten moitos matices únicos que achegan, máis se cabe, a afección e o equipo. Explícome.

O Depor pasa por ter un dos mellores ataques dos últimos anos. Ataque composto por dous produtos de Abegondo (Yeremay e Mella) internacionais sub-21 e sub-19 cousa pouco frecuente por este lares; por un dos maiores representantes do deportivísimo (Lucas) e que está disposto a pagar por voltar ao barro e ascenderte co gol que xa forma parte dos noso logros e por un dos xogadores máis diferenciais da categoría (Mario Soriano) e que ten a media ducia de equipos de Primeira e Segunda detrás del. Todos eles, en verán, puxeron por diante a un recen ascendido antes dos seus intereses persoais.

Mención aparte merece Lucas e súa exhibición do sábado. Despois dun primeiro tempo bastante ramplón e sen moitas accións destacadas pola súa parte, na segunda metade, cando peor se puxeron as cousas coa expulsión de Mella, saíu a maxia do capitán e explicoulle a todo o Novo Mirandilla que non estaba de broma cando dixo que quería voltar á casa. Cousas da vida, o Depor está por riba do Cadiz na clasificación, xusto dous anos despois daquela decisión.

O fútbol é presente, vales o que vales polo momento no que se fala, a historia é ben retorcida e é moi sinxelo esquecela. Por iso, decisións coma a de voltar a casa de Lucas, deixando os cartos a un lado por vestir a camiseta do teu equipo, convérteno nunha parte inesquecible da historia de club.

miguel barreiro

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

 

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR DE MIGUEL BARREIRO

O movemento pola Paz pediu o cese do xenocidio en Palestina e Líbano

0

Este pasado sábado celebrouse no Obelisco, como en máis de 50 cidades e capitais provinciais de toda España, unha concentración baixo o lema “Pola Paz. Cese o lume agora! Nin terrorismo, nin xenocidio”. Unha cita para reclamar un alto o fogo inmediato e permanente en Palestina e Líbano, que poña fin á barbarie e ao xenocidio.

As concentracións foron convocadas, no marco do movemento Paz, por milleiros de profesionais da cultura que asinaron o manifesto, como Miguel Ríos, o actor Juan Echanove, a escritora Rosa Montero, a actriz Viky Peña, o economista Juan Torres ou o director Fernando Colomo. Concentracións que contaron co apoio dun centenar de organizacións entre os que destacan sindicatos como CCOO, UGT e USO, a COAG de Labregos e gandeiros, Fetico ou a Federación de Sindicatos de Xornalistas. Plataformas como a Federación de Asociacións Veciñais de Madrid, Asociacións en Defensa da Sanidade Pública ou a Federación Estatal LGTBI.
Ademais de organizacións políticas, como Recortes Cero, e entidades sociais, sumáronse organizacións da Igrexa, como HOAC ou o Movemento da Xuventude Rural Católica.

Durante a concentración leronse tres textos. Unha do correspondente Fran Sevilla en homenaxe aos xornalistas de Gaza, 137 asasinados, testemuñas da masacre que xa non son silenciados polas bombas israelís. Algúns poemas de dous poetas palestinos. E un comunicado final lido entre todas as organizacións participantes.

No comunicado, ademais de denunciar os arrepiantes datos da barbaridade xenocida, destacou que “miles de voces resoan en máis de 50 pobos como unha soa voz” para reclamar un alto o lume Xa! En Palestina e no Líbano.

Lembraron que hoxe hai case 45 mil persoas asasinadas en Palestina, delas 17 mil son nenas e nenos, case 4 mil no Líbano, 2 millóns de desprazados e máis do 70% da infraestrutura destruída.

Concnetracion pola Paz na Coruna