Inicio Blog Páxina 322

Louis Tomlinson, Nicky Nicole e Yandel, no Morriña Fest

0

A Coruña acollerá este fin de semana a miles de persoas que gozarán da música de artistas como Louis Tomlinson, Nicky Nicole e Yandel, entre outros, da man da Morriña Fest.

Durante o venres e o sábado, o Porto da Coruña será o escenario deste festival, no que tamén haberá cabida para artistas nacionais como Aitana, Lola Índigo, Íñigo Quintero e Dani Fernández, entre outros.

Desde o Concello destacan que á Morriña hai que sumarlle outros eventos musicais como o Atlactic Pride, o Festival Noroeste — do que se coñecerá o cartel proximamente — ou o Recorda Fest, que se celebrará tamén no Peirao da Batería os días 6 e 7 de setembro con cabezas de cartel como Amaral ou A Orella de Van Gogh.

Mariscadores do Burgo secundan unha nova concentración á espera dunha solución ás axudas que reclaman

Membros da Confraría de Pescadores da Coruña mobilizáronse, este mércores ante a Delegación do Goberno, para esixir de novo ao Executivo central e á Xunta “unha saída laboral aos traballadores” que vivían do marisqueo na ría do Burgo unha vez finalizadas as obras de dragado. Ademais, convocaron unha nova reunión “a tres bandas” o vindeiro martes, día 30.

“Evidentemente teñen que facelo, dar unha solución, non deben atrasalo máis se realmente queren que o futuro marisqueiro siga durando anos na ría do Burgo”, recalcou o portavoz do colectivo, Manuel Baldomir, tras apuntar que “dadas as circunstancias” o colectivo vese na “obrigación de abandonar as licenzas”. “É imposible aguantar tanto tempo sen cobrar e tendo que facer fronte aos pagos”, denunciou.

“Estamos á espera de ter unha solución tanto por parte do Goberno do Estado como da Xunta”, insistiu Baldomir, ante unha problemática que afecta a 74 familias. E é que unha vez finalizadas as obras de dragado e acometida a sementeira os mariscadores deben esperar “entre 18 e 24 meses” para poder faenar. Por iso, a Confraría de Pescadores da Coruña convocou unha nova reunión “a tres bandas” (Executivo central, autonómico e o colectivo) o vindeiro martes, día 30. “Esperamos que dunha vez por todas as administracións poidan desencallar esta situación e darnos unha saída laboral aos traballadores”, reclamou.

Doutra banda, explicou que o colectivo “volveu a retomar” o contacto coa eurodeputada do BNG, Ana Miranda, para seguir adiante coa denuncia ante o Parlamento Europeo polo “incumprimento do estudo de impacto ambiental”. O portavoz avanzou tamén un “endurecemento das mobilizacións” con novas protestas os martes e venres na zona da Pasaxe, desde as 14.30 ata as 16.30 horas, e os mércores ante a Delegación do Goberno. “Non nos queda outra alternativa”, apostilou.

Morre un home na praia do Orzán, menos dun día despois doutro falecido en Riazor

0

Un home perdeu a vida na mañá deste mércores na praia do Orzán, na Coruña. O suceso prodúcese apenas 24 horas despois de que no areal de Riazor falecese outro home. Segundo informaron fontes do 112 a Europa Press, o suceso produciuse sobre as 12.45 horas desta xornada e os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento. No operativo, ademais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, tamén participaron a Policía Nacional e a Local.

O sector cultural coruñés espera trasladáronlle a alcaldesa a inxustiza da política de grandes eventos

0

Saltaban á prensa a semana pasada para denunciar a política de “grandes eventos” do concello da Coruña en materia cultural. Para intentar calmar as inquietudes de case 20 entidades radicadas na Coruña, a rexedora Inés Rey os invitaba a ter unha reunión no Pazo de Maria Pita, xunto co Concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e Eva Blanco, directora de área desa concellaría. 

Nesta primeira toma de contacto entre ambas partes dende o comunicado, e tras diversas exposicións sobre a situación da cultura na cidade, que preocupa ao sector, e as respostas iniciais por parte dos responsables municipais, ambas partes acordaron manter unha longa xuntanza de traballo en setembro para falar das diversas problemáticas que se comentaban no comunicado e que precisan de tempo e de decisións firmes para retomar unha dinámica que faga a cidade de novo referente no Noroeste en políticas culturais.

O Colectivo que está alzando a voz en contra desta política de Morriñas e Recordas, son:

  • Plataforma de profesionais de artes escénicas da Cultura de A Coruña.
  • Escena Galega, Asociación de empresas productoras de Artes Escénicas de Galicia.
  • Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural
  • Colectivo Ruada das Xoubas, organizadores da programación de artes escénicas para a infancia e xuventude do San Xoan.
  • Clubtura. Asociación de Salas privadas de Música ao vivo.
  • Músicas ao vivo. MAV.  Asociación de músicos e músicas
  • Asociación TE VEO de ámbito estatal de artes escénicas pola Infancia e Xuventude.
  • Asociación Cultural Manicómicos. Festival Manicómicos.
  • Distribuidoras de artes escénicas de ámbito galego e estatal.
  • Rede de Salas de Teatro de Galicia.
  • UNIMA, Unión internacional de marionetas.
  • FAETEDA, Federación estatal de asociaciones de empresas de teatro y danza.
  • AFEARTE (Asociación de Festivais de Artes Escénicas de Galicia)
  • APCG (Asociación Profesional de Circo de Galicia)
  • Asociación Xente Titiriteira
  • AAAG, Asociación de actores e actrices de Galicia.
  • NOGA Asociación de Narración Oral de Galicia

A concesionaria do servizo de lixo da Coruña comeza a aplicar man dura contra os folguistas

A concesionaria do servizo de recollida de lixo da Coruña, Prezero, comunicou 29 sancións graves este martes, día 23, “que supoñen a suspensión de emprego e soldo de seis a dez días en función do número de infraccións cometidas en cada caso“. Mentres, segue o lixo acumulado en colectores e ao seu ao redor polas rúas da cidade herculina.

Así mesmo, iniciáronse “dez novos expedientes disciplinarios por faltas moi graves” e a adxudicataria “segue coa tramitación regulamentaria dos expedientes disciplinarios a tres membros do comité de empresa”. Así o confirmaron fontes próximas consultadas por Europa Press. “A empresa empeza a comunicar sancións que implican suspensións de emprego e soldo por acumulación de infraccións“, insistiron.

Estas corresponden a infraccións cometidas desde que empezou a folga, o pasado 24 de xuño, convocada polo Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), organización maioritaria no comité, con motivo de “despedimentos inxustificados”, “externalización de servizos” e “incumprimentos” do convenio.

O GOBERNO LOCAL PIDE CONTUNDENCIA

Tamén o portavoz do goberno local da Coruña, José Manuel Lage, esixiu á empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, Prezero, que actúe con contundencia ante a “actitude irresponsable” do persoal e a acumulación de residuos nas rúas que levou ao Concello a declarar a emerxencia sanitaria para reforzar o servizo. Lage recalcou que “hai que actuar con contundencia e non permitir o secuestro da cidade, con comportamentos doutras décadas que lembran a kale borroka“.

UNHA NOVA EMPRESA REFORZARÁ A RECOLLIDA

Concello da Coruña encargou á empresa Valoriza a recollida de lixo nas rúas da cidade herculina durante a emerxencia sanitaria, declarada o pasado luns pola acumulación de residuos na vía pública desde que comezou a folga no servizo o pasado 24 de xuño. Segundo informa o Consistorio, entre as dúas ofertas presentadas para reforzar a recollida e transporte de residuos seleccionouse a Valoriza porque, “entre outros requisitos, contaba cos medios para comezar o servizo de forma inmediata“.

A empresa comezará a traballar “ao longo do día de mañá (xoves)”, asegura. Achegará, engade, “un mínimo de 13 vehículos e 32 operarios” para abordar os traballos, que comezarán polos “puntos identificados con maior cúmulo de residuos e nos lugares máis sensibles, como as contornas dos centros de saúde”. A compañía prestará servizo “mentres dure a actual situación e non finalice a emerxencia sanitaria”.

O Concello de Oleiros considera un “insulto” o “reaxuste” proposto pola Xunta para os buses a Coruña

0

Anunciaba onte a Xunta un cambio nos servizos do transporte público de Oleiros e Sada tralas denuncias colleitadas pola veciñanza sobre a perda de numerosos buses. “De 44 servizos directos á semana a 14″, denunciaba unha plataforma cidadá que esta colleitando sinaturas en Cambre e Oleiros.

A Xunta aseguraba o luns que reforzará desde o vindeiro luns, 29 de xullo, sete servizos de autobús no eixo A Coruña-Oleiros-Sada en horarios de maior ocupación. Un reaxuste que para o Concello de Oleiros é un “insulto”, pois “en realidade se eliminan 46 servizos de autobús que existían en Oleiros antes do día 22 de xullo”. “Esta é unha decisión unilateral da Xunta que non conta co apoio do Concello de Oleiros por supoñer un recorte nos servizos de transporte para os cidadáns de Dexo, Serantes, Maianca, Dorneda, Liáns e Perillo – 29.366 persoas-“, critican nun comunicado o concello oleirense.

“Para resolver os graves problemas existentes no transporte público creados pola incompetencia da Xunta de Galicia, o Concello segue aberto a dialogar para que se reordenen horarios e liñas, sempre e cando se manteña, como mínimo, o número de servizos que había antes do 22 de xullo”, sinalan.

Pero lamentan que “os representantes autonómicos tarden máis dun mes en intentar resolver esta situación e desprecen desa maneira aos centos de cidadáns que levan sufrindo durante estas semanas retrasos, perdas de tempo, imposibilidade de acceder aos autobuses, falta de información, etc.”.

Avisan dende o Concello que “de non rectificar de inmediato nesta decisión, o Concello realizará diversas accións encamiñadas a denunciar esta indignante actuación da Xunta de Galicia. Non é posible mellorar o tráfico sen un servizo de transporte minimamente digno”.

 

Máis novas

Máis servizos de bus entre A Coruña, Oleiros e Sada nos horarios de maior ocupación

“Perdemos o bus directo á Coruña dende Sada e Oleiros”

Kate Ryan, Mocedades, Los Panchos, Los Planetas e Omar Montes actuarán nas festas de María Pita

0

Kate Ryan, Mocedades, Los Panchos, Los Planetas e Omar Montes serán algunhas das propostas musicais das festas de María Pita, que arrincarán o 1 de agosto co capitán do Deportivo, Lucas Pérez, como pregoeiro.

En rolda de prensa, a alcaldesa, Inés Rey, presentou o programa que se desenvolverá durante todo agosto na cidade herculina. “Un mes que é un gran referente galego de lecer pola súa variada programación e gran calidade”, destacou.

As festas de María Pita comezarán o xoves, día 1, co pregón do capitán do Deportivo, Lucas Pérez. Tras a súa lectura, subirase ao escenario a cantante belga Kate Ryan, autora do tema ‘Voyage, voyage’ que actuará na praza de María Pita.

Esta localización acollerá diferentes concertos, o día 2, Mocedades e Los Panchos; o 3, Los Planetas; o 4, Rock en familia; o 5, Omar Montes; o 6, o evento Tolos pola música; o 12, a Plazuela; o 13, Ariel Rot; e o 14, Budiño.

FESTIVAIS

A oferta musical inclúe a celebración do Festival Noroeste, cuxo cartel se desvelará este venres; o Festival Internacional de Folclore, do 7 ao 11 de agosto; a Semana Clásica, do 17 ao 20; e o Certame de Habaneras, do 21 ao 25. Ademais, no parque de Santa Margarita actuarán, entre outros, Rodrigo Cuevas, Xabier Díaz e Xurxo Fernándes.

Doutra banda, como cada ano, as festas de María Pita contarán co Trofeo Teresa Herrera, a Feira do Libro ou Viñetas desde ou Atlántico. Os lumes da batalla naval, que cumpre 40 anos, terán lugar o venres, día 16 de agosto.

O persoal de recollida de lixos esixe unha reunión ao Concello para resolver o conflito

O persoal do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos da Coruña esixiu unha reunión ao Concello para resolver o conflito ao non producirse avances na negociación coa empresa concesionaria, Prezero, e con residuos acumulados nas rúas. Así o manifestou o portavoz do comité de empresa, Alfonso Seijo, tras solicitar esta petición a través do Rexistro Municipal de Maria Pita, acompañada por “documentos que acreditan os incumprimentos da compañía”.

Fíxoo no marco dunha folga iniciada o pasado 24 de xuño, promovida pola organización sindical maioritaria no comité, o Sindicato de Traballadores de Limpeza (STL), con motivo de “despedimentos inxustificados”, “externalización de servizos” e “incumprimentos” do convenio. “Solicitamos por enésima vez unha reunión” con representantes do Consistorio, anunciou, tras apuntar que o Concello “ten parte de culpa” de que o conflito continúe e criticar que este comité “nunca fose recibido” polo goberno municipal.

REIVINDICACIÓNS

“Quixémonos reunir con eles para denunciar os graves incumprimentos da empresa”, explicou e lembrou que o que solicita este colectivo é “que se respecte o prego e o convenio colectivo”.

“Parece que a ninguén lle importa que non saian os servizos que teñen que saír, que non paguen aos traballadores o diñeiro que se lles debe e que non se dean os cursos de formación obrigados por lei”, puntualizou.

“Esperamos que nos reciban, que nos escoiten”, engadiu Seijo, quen tachou de “patético” que o persoal tivese que “chegar a un conflito para que a empresa respecte o convenio”. “Non sei por que se nos está criminalizando”, apostilou.

O CONCELLO INFORMA DE QUE HAI “ALGUNHA” EMPRESA INTERESADA

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, informou de que xa hai “algunha” empresa interesada en realizar a recollida e transporte de residuos de forma urxente. “Ás 10,00 — deste mércores — termina o prazo para a presentación de ofertas e ao longo da mañá analizaranse e procederase ao encargo e a partir de aí inmediatamente terá que prestarse o servizo”, explicou.

Rey aclarou que se trata de “unha contratación de emerxencia” e que o Consistorio pide “unha dispoñibilidade bastante ampla en canto a medios materiais e humanos”; en concreto, 13 vehículos e 32 operarios.

Fíxoo a preguntas dos xornalistas, tras a presentación do programa de festas de María Pita 2024, sobre a primeira Comisión de Seguimento da emerxencia sanitaria celebrada este luns e que “se reunirá diariamente incluídos festivos, sábados e domingos”.

Presidida pola rexedora, nesta Comisión participan a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, a de Seguridade Cidadá e Interior, Montserrat Paz, e o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, ademais de técnicos municipais das diferentes áreas.

Segundo explicou, ten como obxectivo “coordinar” a emerxencia sanitaria que entrou en vigor ás 15,41 horas deste luns e “analizar o estado actual da recollida de lixo na cidade e o seguimento dos actos vandálicos que se están producindo”, así como dos labores da nova empresa.

Esta situación débese a unha folga iniciada o pasado 24 de xuño, promovida pola organización sindical maioritaria no comité, o Sindicato de Traballadores de Limpeza (STL), con motivo de “despedimentos inxustificados”, “externalización de servizos” e “incumprimentos” do convenio.

INCENDIOS

En concreto, durante a noite deste luns e a madrugada do martes, os Bombeiros da Coruña tiveron que intervir en tres incendios en depósitos de lixo nas rúas Mosteiro de Sobrado, Mariana Pineda e Eugenio Carré Aldao. En todos eles, o lume afectou a vehículos estacionados nas proximidades.

A Policía local, informa o Consistorio, identificou “a dous sospeitosos en relación á queima de colectores”, que foron postos a disposición da Policía Nacional, responsable da investigación. Segundo os últimos recontos, desde o inicio do conflito foron queimados “ao redor de 125 colectores” o que supón un custo aproximado de “375.000 euros”.

Aprobado un novo edificio de 7 pisos na Avenida de Arteixo

0

Aprobaba onte o Concello da Coruña a autorizacón á promotora Highfive, o proxecto de execución dun novo edificio no solar do nº64 da Avenida de Arteixo, en plena Sagrada Familia. Será un edificio de sete andares, para facer un total de 30 vivendas (un ático), xunto con tres andares soterrados para aparcadoiro, e baixos comerciais.

Ten unha superficie total de 974 metros cadrados, dos que 465,36 dedicaranse a un proxecto residencial. O Concello farase cargo da urbanización de 508,64 metros cadrados arredor do edificio, o que permitirá rematar a rúa Acanto, conectándoa así coa rúa Nazaret, actualmente illada por un muro. Ademais, prevese a creación dunha praza na rúa Pontedeume para o uso público.

Edificio Avenda Arteixo 64
Así será o edificio

Máis novas

Arrincaron as obras do delirio urbanístico de Visma

Morre un home de 88 anos na praia de Riazor

0

Un home de 88 anos, con iniciais J.S.M., faleceu este martes cando se bañaba na praia de Riazor, na Coruña. Os feitos producíronse pouco antes das 11.00 horas no areal coruñés. Segundo informou o 112 Galicia, un socorista solicitou a intervención dos profesionais sanitarios tras sacar á vítima da auga. Ata o lugar, o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 enviou unha ambulancia de soporte vital avanzado medicalizada e o equipo médico realizou manobras de reanimación cardiopulmonar ao home, pero nada se puido facer por salvarlle a vida.

No operativo, ademais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, tamén foron mobilizados efectivos da Policía Nacional e da Policía Local.