Inicio Blog Páxina 393

O goberno local urxe a cumprir o servizo de recollida de lixo mentres sigan os paros

0

O goberno local da Coruña instou á concesionaria de recollida de residuos da cidade herculina, Prezero, a que cumpra co servizo. Fíxoo no Pleno celebrado este xoves, durante o debate de mocións presentadas pola oposición.

“A empresa ten unha orde de continuidade cos servizos nas mesmas condicións e é o que esiximos”, recalcou a concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, para apuntar que se establecerán “as sancións que correspondan por incumprimento dos servizos que teñen que prestar”.

Ao mesmo tempo, explicou que “non é misión deste Concello mediar entre un sindicato que representa a traballadores e traballadoras e a empresa” senón que o seu labor é “velar porque a empresa cumpra as súas obrigacións”.

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG, Francisco Jorquera, pediu ao Consistorio que “adopte medidas para facer fronte aos problemas de fondo que se esconden detrás desta folga”.

“Aínda que houbese agora un acordo que poña fin á folga legal e encuberta que estamos a padecer se non se adoptan medidas dentro duns meses estaremos na mesma situación”, recalcou.

Mentres, o conflito continua na Coruña cunha nova xornada de lixo acumulado na rúa e unha trintena de expedientes abertos desde o comezo da folga, o pasado 24 de xuño. A mesma foi convocada polo Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), organización maioritaria no comité, con motivo de “despedimentos inxustificados”, “externalización de servizos” e “incumprimentos” do convenio.

A AC Alexandre Bóveda reflexiona con expertos sonbre que facer coa fachada marítima

Momento crucial para o futuro da cidade da Coruña. A desafección de milleiros de metros cadrados do porto, en pleno centro da cidade, provocará un tremendo cambio na fisionomía da fachada marítima. Unha comisión de autoridades xa está desenvolvendo as primeiras xuntanzas, á espera de que a participación cidadá sexa unha verdadeira realidade.

Porque son moitas as queixas que chegan dos colectivos sociais ante a posible privatización de terreos na zona de San Diego, entre outras vicisitudes aínda por determinar.

E para termos unha idea máis formada sobre que usos queremos darlle a este espazo, a AC Alexandre Bóveda prepara unha mesa de debate.

A cita será este vindeiro luns 8 de xullo, ás 19.30 h, no local da entidade, no Circo de Artesáns de San Andrés, tamén coorganizador do evento xunto co Club de Opinión Foro Cívico. Participarán Nela intervirán Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria, Carlos Nárdiz, coordinador do proxecto redactado pola UDC, e Iago Carro, membro de Ergosfera e do colectivo Porsuporto, gañador do Concurso de Ideas promovido en 2018 polo goberno municipal da Marea Atlántica.

“A reordenación da fachada marítima constitúe a operación máis ambiciosa da Coruña para os vindeiros anos. O interese e o debate que suscita unha cuestión tan determinante para a cidade fai que debamos tomar posición respecto aos usos da fachada marítima e o futuro do porto, unha intervención que marcará o futuro da Coruña”, avisan dende a entidade.

Sobre a mesa segue estando o convenio de 2004, subscrito entre o Concello e o ministerio de Fomento, no que se preve a construción de máis de 3.000 vivendas, das que a metade serían de prezo libre e que servirían, a súa vez, para amortizar o crédito de 250 millóns de euros da Autoridade Portuaria resultantes da construción do porto exterior de Langosteira.

Unhas edificacións que poderían “repercutir negativamente nos espazos destinados a zonas verdes, equipamentos públicos, número de vivendas protexidas e  transporte, como a entrada do tren de proximidade até á Praza de Ourense”, explican dende a ACAB.

Máis novas

Garante o protocolo da Fachada Marítima a titularidade pública do terreos portuarios de San Diego?

30 entidades piden o liderato municipal e a participación pública na definición do futuro dos peiraos

Concello, Xunta e Estado impulsarán unha comisión para a reordenación urbanística dos peiraos

O BNG volve denunciar os favores urbanísticos de Lage Tuñas

Será o PP o que traia ao pleno deste xoves unha moción pedíndolle á alcaldesa a dimisión do concelleiro de Urbanismo Jose Manuel Lage Tuñas. Pero dende o BNG non esquecen tamén os favors burocráticos do ata hai pouco edil de urbanismo .
A concelleira do BNG Avia Veira vai denunciar no Pleno deste xoves o que considera a arbitrariedade do Goberno Local á hora de tratar as ilegalidades urbanísticas ou de tramitar as licenzas.

Será por medio dunha pregunta oral co seguinte texto: “Considera Inés Rey que todas as persoas e empresas que viven ou realizan actividades económicas na Coruña reciben o mesmo trato por parte do Goberno Local cando cometen ilegalidades urbanísticas?”. “Preguntamos isto logo de ver o trato que recibiu o portavoz do Goberno Local após cometer irregularidades urbanísticas en inmóbeis da súa propiedade [coa concesión dunha licenza en tempo récord] e estamos a ver que hai unha certa arbitrariedade á hora de tratar as ilegalidades urbanísticas”, di Veira.

Así, pon como exemplo “o caso moi evidente de Primor”, nos Cantóns, “cunha empresa que se saltou a legalidade urbanística e que acabou abrindo ao público a pesar de que non cumpría os requisitos que se lle esixían para lle conceder a licenza e a pesar dunhas declaracións moi contundentes da alcaldesa”.

 

Máis novas

O PP da Coruña levará a pleno a petición do cesamento do portavoz do Goberno local, Jose Manuel Lage

Lage Tuñas descarga na empresa as posibles irregularidades na concesión da licenza do seu piso

Denuncian que o goberno agocha un informe clave sobre as obras ilegais de Lage Tuñas

Lage Tuñas é o concelleiro da Coruña con máis propiedades ao seu nome e cartos no banco, sabes cantos ten Inés Rey?

Mariscadores da ría do Burgo fartos de non ter resposta da Xunta e do Goberno central

Membros da Confraría de Pescadores da Coruña mobilizáronse este mércores ante a Delegación do Goberno en Galicia para esixir ao Executivo central que asuma a “responsabilidade” e sente a negociar coa Xunta e o colectivo para “tomar medidas” e achegar unha solución ante a “situación límite” que sofren os mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo unha vez finalizadas as obras de dragado.

Hai un estudo de impacto ambiental que hai que cumprir, no que se plasma este dano que se causa ao sector, derivado dunha obra, e quen ten que asumir a responsabilidade é o Ministerio – de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico –“, insistiu o portavoz do colectivo, Manuel Baldomir, tras reclamar a Xunta e Goberno o pago de axudas.

Doutra banda, lamentou que ambas as administracións estean “a tirar 74 postos de traballo ao lixo” e advertiu da “situación límite” que están a vivir as familias ao non poder “facer fronte aos pagos” por levar “moitos meses sen cobrar”. E é que ata que creza a cría, unha vez finalizadas as obras de dragado e acometida a sementeira e poidan faenar, deben pasar “entre 18 e 24 meses”.

“Non se pode avanzar se as dúas administracións non coinciden na mesma reunión coa Confraría para tomar esas medidas que hai que tomar”, criticou en alusión a que nos últimos encontros convocado algunha delas ausentouse. Por iso, avanzou que o colectivo se manifestará os mércores ante a Delegación do Goberno e os venres continuarán cortando o tráfico na zona da Pasaxe para demandar a Xunta e Goberno o pago de axudas.

Aparece un contedor de papel calcinado no Barrio das Flores

0

Era visto que, coa acumulación de papel que está a provocar a folga do servizo de recollida do lixo, ía comezar a pasar estas cousas. Esta mañá aparecía un contedor de papel calcinado no Barrio das Flores.

Non se sabe se puido ser un acto vandálico ou mesmo un operario, pero o incendio mesmo afectou ao vehículo que estaba ao carón, acabou cunha parte derretida.

Mantén pois o polémico sindicato STL en vilo a toda unha cidade.

Máis novas

De quen é a culpa de que na Coruña se acumulen montes de lixo na rúa?

O PP pide que o goberno medie nunha folga do lixo que se alonga demasiado

A alcaldesa empraza ao STL e concesionarias do lixo e limpeza viaria a un acordo que evite a folga

 

A plataforma ‘Nostián con futuro’ cesa as súas reunións co Concello da Coruña por “falta de transparencia”

 

Continúa a guerra aberta entre traballadores e empresa mentres comezan a arder xa colectores de lixo

A concesionaria do servizo de recollida de lixo da Coruña, Prezero, abriu unha trintena de expedientes disciplinarios coincidindo cos paros intermitentes convocados. Isto mentres segue o lixo acumulado en colectores e ao seu ao redor. Os motivos foron “o incumprimento das medidas de seguridade, ausencias non xustificadas ou baixo rendemento“, segundo confirmaron fontes próximas ao caso consultadas por Europa Press.

Foron notificados entre onte e hoxe“, engadiron, e corresponden a infraccións cometidas “desde que empezou a folga”, o pasado 24 de xuño, convocada polo Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), organización maioritaria no comité, con motivo de “despedimentos inxustificados”, “externalización de servizos” e “incumprimentos” do convenio.

Respecto deste asunto, o portavoz do comité de folga de residuos urbanos, Alfonso Seijo, indicou a Europa Press que “tanto o sindicato como o comité de empresa non teñen constancia de que lle chegou ningún expediente disciplinario a ningún traballador”.

Posición do BNG

Se onte era o PP o que pedía a intervención municipal, hoxe o BNG o que propón tomar medidas extraordinarias ao goberno municipal, “ao abeiro do que establece a lei”. Faino cunha emenda de adición a unha moción proposta polo Partido Popular para o seu debate no Pleno deste xoves 4 de xullo.

“Do punto de vista do BNG, non abonda con que a alcaldesa medie entre a concesionaria e os traballadores. O Concello ten que utilizar todas as
ferramentas que ten na súa man” para garantir que a acción do STL -un suposto sindicato investigado por graves delitos- non afecte a saúde das
coruñesas e os coruñeses, remarca Jorquera.

INCENDIOS EN COLECTORES

Aparece un contedor de papel calcinado no Barrio das Flores

En canto ao feito de que na madrugada deste mércores ardesen varios colectores en diferentes puntos da cidade herculina, Seijo, desvinculou ao colectivo destas actuacións“Que non nos traten de relacionar con isto, estamos a facer unha folga moi pacífica“, recalcou para apuntar que este tipo de actitudes fan “moito dano á cidadanía” e aos propios traballadores en folga.

Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, cuestionada polos xornalistas sobre estes temas, indicou que a empresa “o que ten que facer é esixir e controlar que se cumpran os servizos mínimos cando estean en folga e os días que non están en folga prestar o servizo nas condicións que require o prego”.

“Esta pasada noite non se cumpriu o servizo como debe facerse“, sinalou para engadir que o Consistorio tomará “todas as medidas que a legalidade vixente permita para pór fin a esta situación”.

Oleiros denuncia fortes recortes nos servizos de pediatría do municipio

0

Chegan a todas partes os recortes na sanidade pública. Así o denuncia o Concello de Oleiros, que lamenta que ata setembro, o xa escaso servizo de pediatría que se presta na Casa do Mar de Mera para a zona norte do Concello de Oleiros, vai ser eliminado.

Os nenos e nenas de Dexo, Serantes, Maianca e parte de Dorneda serán derivados a Santa Cruz, onde tamén se recortarán á metade as horas de atención, pasando a atender só polas mañás. O mesmo sucederá en Perillo durante o mes de agosto.

“Esta situación vai provocar unha sobrecarga do traballo dos excelentes profesionais pediátricos que atenden os nenos e as nenas de Oleiros e un colapso nas citas”, entenden dende o Concello, reclama que a Xunta cubra as vacacións dos facultativos e non se recorten servizos.

Lembran ademais que “o déficit de pediatras existente non é novo, xa vén de anos atrás. Xunta e Estado deben adoptar os cambios oportunos para a formación dos pediatras necesarios para o correcto funcionamento do sistema sanitario. A saúde dos nenos e nenas debe ser a prioridade número un da sanidade”.

 

O IES Eusebio da Guarda leva o primeir premio aos mellores proxectos de investigación en Bacharelato

0

Entregaba onte a Xunta, por primeira vez, uns premios aos mellores proxectos de investigación realizados polos centros educativos no marco do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach. Unha iniciativa que ten como finalidade impulsar a formación STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e as habilidades científico-tecnolóxicas, en especial no tratamento de datos e na incorporación da intelixencia artificial á sociedade, así como fomentar as vocacións neste eido entre os máis novos.

Foron 61 proxectos presentados que demostran a calidade e o talento do alumnado galego. Entre os tres máis destacados atopamos o IES Eusebio da Guarda da Coruña, que levou o primeiro premio co proxecto Novas dianas terapéuticas para o tratamento da artroses; un modelo con algas mariñas, realizado por Natalia Gómez e Ha Nul Kim.

Tamén levaron premio o IES Rosalía de Castro de Santiago e o con Influencia das condicións IES Eduardo Blanco Amor de Ourense.

As premiadas, todas mulleres, irán de viaxe á feira SciFest de Dublín, en Irlanda.

De quen é a culpa de que na Coruña se acumulen montes de lixo na rúa?

O lixo acumúlase nas rúas da Coruña nunha xornada máis con colectores repletos e residuos depositados no chan no marco de convocatorias de paros intermitentes por parte dos traballadores e sen acordo coa concesionaria, Prezero. E, a pesar de que a situación comeza a ser un problema de insalubridade pública, os folguistas e a empresa continúan sen ceder e o concello, sen intervir.

Esta situación prodúcese desde que empezaron os paros, o día 24 de xuño, convocados polo Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), organización maioritaria no comité, con motivo de “despedimentos inxustificados”, “externalización de servizos” e “incumprimentos” do convenio.

Os paros do servizo repetiranse os días 8, 25, 26 e 27 de xullo e con previsión de que sigan en agosto, en días intermitentes. “Non temos noticias da empresa, seguen sen chamarnos”, informou a Europa Press o portavoz do comité de folga de residuos urbanos, Alfonso Seijo.

Lembrou, ademais, que os traballadores esixiron á parte empresarial “a presenza dun mediador da inspección de traballo no seo do AGA, onde se celebrou unha única reunión”, así como a dun “axente externo pertencente ao goberno municipal, petición á que se fixo caso omiso”. “Se non hai alguén do Concello na mesa de negociación este comité non se vai a sentar a negociar con ninguén”, recalcou.

Doutra banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, nos últimos días fixo un chamamento ás partes a un acordo, con demanda de “transparencia nas negociacións”. “O estancamento das conversacións vén derivado de que non se poden pedir cuestións que non vai se é posible cumprir porque probablemente non teñan encaixe legal”, destacou nunha entrevista á Cadena Ser recollida por Europa Press.

A esfera panorámica dun dos cruceiros máis grandes do mundo sorprende na Coruña

0
Chegou o verán e con el o espectáculo dos grandes cruceiros no porto coruñés. Novamente, o ‘Anthem of the Seas”, un dos buques destas características máis grandes do mundo, volve ser unha atracción no peirao da cidade.
Este é o transatlántico máis grande que xamais arribou na Coruña. Construído nos estaleiros Meyer Werft en Bremerhaven (Alemaña), este buque, de 347 metros de eslora, conta con 16 cubertas, un rexistro bruto de 167.800 toneladas e unha capacidade para 4.180 pasaxeiros distribuídos en 2.090 camarotes de réxime dobre. O dato, sumado ao da tripulación, eleva por encima das 5.000 o número de persoas que poden viaxar no seu interior.
Un dos seus elementos distintivos é a cápsula de vidro desde a que se pode gozar de vistas a 90 metros sobre o nivel do mar.

 

Máis novas sobre cruceiros

Carta aberta ao novo goberno municipal sobre o tráfico de cruceiros no porto da Coruña

Os cruceiros teñen permiso para descargar as súas augas residuais no Corredor Marítimo de Fisterra