Inicio Blog Páxina 395

Forte malestar veciñal en Oleiros ante a eliminación de autobuses

0

O Concello Oleiros volve reclamar á Xunta de Galicia a restitución de todas as liñas de transporte eliminadas desde a semana pasada. O Concello faise voceiro da veciñanza criticando as graves deficiencias no servizo durante esta semana, con constantes incumprimentos de horarios, buses ateigados de pasaxeiros pola redución de frecuencias e ausencia de información á cidadanía sobre os cambios de realizados. O caos foi tal que ata foi empregado un bus de 30 prazas para un dos servizos de primeira hora da mañá.

Ante as denuncias do Concello e de numerosos veciños, a Xunta comprometeuse a realizar cambios de inmediato e reformular a situación a partir desta semana. Ata o momento o Concello non recibiu información oficial algunha, polo que no caso de cumprir coa restitución das liñas eliminadas, a comunicación ás persoas usuarias vai ser altamente insuficiente –nin 24 horas de antelación-.

“Este tipo de políticas, que só benefician ás empresas concesionarias, van totalmente en contra do fomento do transporte público e do interese xeral da cidadanía”, lamentan dende o grupo de goberno de Alternativa. “A Xunta agrava así os problemas de mobilidade existentes na comarca da Coruña, sobre os que ten unha responsabilidade importante, non só por ter as competencias no transporte público, senón tamén por levar 3 anos coas obras de conexión da vía Ártabra coa AP-9 paralizadas, que sacarían entre un 30 e un 40% do tráfico da ponte Pasaxe”.

A Audiencia da Coruña acollerá o xuízo contra Luís Oujo por prevaricación para o que piden o sobresemento

A Audiencia da Coruña acollerá a próxima semana, do martes ao xoves, o xuízo contra o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, por un delito de prevaricación, para o que Fiscalía pide o sobresemento provisional das actuacións.

Os feitos obxecto de xuízo ocorreron en 2011, cando Oujo (PPdeG) entrou a gobernar, e o Concello contratou a un arquitecto técnico por un ano e o contrato foise alongando, para o que a Administración local tivo que levantar diferentes reparos.

A acusación alegou a resolución do Xulgado de Instrución número 2 de Noia, polo que a próxima semana celebrarase o xuízo na Audiencia da Coruña.

A Coruña recibe á ‘Flotilla da Liberdade’ entre mostras de solidariedade e contra o “xenocidio” en Gaza

0

O buque ‘Handala’, integrante da Coalición da ‘Flotilla da Liberdade’ e que navega Rumbo a Gaza coa lema ‘Xuntos romperemos o asedio en Gaza’, chegou este xoves ao porto da Oza, na Coruña, arroupado por medio centenar de persoas.

Despois de zarpar de Oslo o pasado 1 de maio, e tras varias paradas polo norte de Europa, a súa chegada foi sobre as 19.00 horas aínda que antes xa se congregaban, na dársena de Oza, numerosas persoas convocadas por organizacións integrantes da Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina.

Recibimento Flotiñla da Liberdade Coruna

As mesmas fixeron nas últimas horas un chamamento para recibir aos integrantes do barco cun acto festivo e reivindicativo para “demostrar o compromiso do pobo galego con Palestina”.

A tripulación está formada por activistas de todo o mundo e partiu de Oslo (Noruega) o pasado 1 de maio. Ata o mes de agosto atracará en diversos portos europeos ata pór rumbo a Gaza “para denunciar e romper o ilegal bloqueo da Franxa”.

A súa misión inclúe concienciar das consecuencias do bloqueo á entrada de axuda humanitaria, especialmente para as máis vulnerables. Denuncian tamén “a brutal invasión israelí co respaldo de países da comunidade internacional”. A misión deste ano leva por nome ‘Pola infancia de Gaza, pola infancia palestina’.

Durante o recibimento, inverviron Fillipe Lopes responsable de prensa da do Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, Rana Hamida, Palestina residente en Nova Zelanda e Lucía Mararrasa de Rumbo a Gaza

ACTIVIDADES

Con motivo da súa chegada programáronse diversas actividades culturais, así como institucionais, con recepcións en distintas institucións galegas, “para mostrar o compromiso do pobo galego cos dereitos humanos e chamar a atención internacional sobre o sufrimento e resistencia do pobo palestino”.

O día 30 o buque continuará rumbo a Gaza con paradas nos portos de Cascais e Málaga para continuar a súa ruta polo Mediterráneo e con previsión de chegar a Gaza en agosto.

E é que o seu percorrido continuará tras o seu paso por varios países europeos. Felipe López, membro da tripulación, agradeceu a solidariedade demostrada no recibimento, no que se podían ler pancartas coas lemas ‘Paz e Liberdade’ ou ‘Galicia con Palestina’.

Ante os asistentes, entre eles representantes do BNG como Ana Miranda ou Francisco Jorquera, denunciou o “xenocidio” e insistiu no seu obxectivo de facer chegar axuda humanitaria. “Isto aféctanos a todos como sociedade”, sentenciou outra das tripulantes, unha muller palestina, que apelou á “humanidade” fronte aos ataques por parte de Israel.

Pola súa banda, Sami Ashonr, da Asociación Galaico-Árabe Jenin, presente no acto, agradeceu os apoios. “É unha mostra máis de que o mundo está connosco”, indicou a Europa Press.

VISITA A OLEIROS

Non cabe dúbida que Oleiros é un dos Concellos máis comprometidos, dende hai case 40 anos, co pobo palestino. E por iso Oleiros será unha das 5 paradas que a Frotiña da Liberdade realizará na península Ibérica na súa travesía ata Gaza,

O Goberno municipal recibirá oficialmente á tripulación que comanda o capitán Clive Haswell, que participará nun coloquio no auditorio da Fábrica este venres 28 de xuño, ás 20.00 horas.

O Concello é crú sempre nas súas comunicacións: “Pídese que a potencia colonial ocupante acate a legalidade internacional cumprindo coas resolucións das Nacións Unidas e os organismos internacionais que lle obrigan a poñer fin á ocupación -incluída Xerusalén Este-, ao bloqueo, a derrubar o muro de ocupación, a permitir o regreso da poboación refuxiada que expulsou e compensala polos danos e prexuízos. Ademais, a potencia ocupante debe ser xulgada polos crimes cometidos”.

O día 30 o buque continuará rumbo a Gaza con paradas nos portos de Cascais e Málaga para continuar a súa ruta polo Mediterráneo e prevista a súa chegada ás costas de Gaza en Agosto.

PROGRAMA COMPLETO

XOVES 27 – A Coruña (Dique de Abrigo)

  • 19:00: ENCONTRO NACIONAL DE BENVIDA AO BUQUE HANDALA.
    Actividade musical e pregón de benvida a cargo de Quico Cadaval, director teatral e narrador.

VENRES 28 – SANTIAGO DE COMPOSTELA

  • 10:00: Recepción do presidente do Parlamento de Galicia
  • 10.30: Rolda de prensa na Sala de Prensa do Parlamento de Galicia
  • Visita guiada a Compostela e ao Museo do Pobo Galego.
  • 19:00. Recepción no Concello de Santiago de Compostela a cargo da Excma. Alcaldesa Goretti Sanmartín.

VENRES 28 – OLEIROS

  • 19h, Recepción na Casa do Concello de Oleiros
  • 20h. Conversar: conversa co capitán do barco. Gala da Poesía na… coa participación de Candido Pazó, Isa Risco e Xurxo Souto.

SÁBADO 29 – A Coruña

  • 10h. Recepción pola presidencia da Deputación da Coruña
  • 11h. Recepción na Universidade da Coruña
  • Gala artística solidaria organizada por Pallasos en Rebeldía e despedida da tripulación.

 

MÁIS NOVAS

O delegado do Goberno, sobre as axudas a mariscadores da ría do Burgo: “A Xunta ten a competencia”

0

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, ofreceu á Xunta colaboración para a procura dunha solución ante as axudas que demanda o colectivo de mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo mentres non poidan faenar unha vez acabadas as obras de dragado. No entanto, insistiu en que “a competencia para articular un mecanismo tena a Xunta de Galicia”. Así o expuxo, a preguntas dos xornalistas, coincidindo cunha nova convocatoria de mobilizacións por parte do colectivo.

“Estamos dispostos a colaborar”, recalcou o delegado quen considerou que o investimento feito polo Estado para o abono de indemnizacións aos mariscadores foi “xustificable” mentres se acometía a limpeza da ría, pero apostilou que unha vez terminada a obra “hai que articular outros mecanismos”. “Quen ten a competencia é a Xunta, hai que sentar e ver como podemos entre todos atender esa demanda”, aseverou Pedro Branco para o que “quen ten que pór encima da mesa a solución é a que ten a competencia”.

Acciona adxudícase o contrato da limpeza e o mantemento da costa de Arteixo

0

A área de Servizos Urbanos e Medio Ambiente de Acciona adxudicouse o contrato de limpeza de residuos e mantemento da costa de Arteixo, municipio da Coruña, segundo informou a compañía nun comunicado. O contrato, cunha duración inicial de dous anos e posibilidade de prórroga outros dous anos máis, comprende a limpeza das praias entre os meses de maio e setembro, incluíndo areais, accesos e papeleiras, así como o mantemento anual do bordo litoral da zona. Así, segundo indica a empresa, isto permitirá manter os areais e as súas instalacións limpos e en “boas condicións, así como preservar a flora e fauna do ecosistema dunar”.

XESTIÓN DOS RESIDUOS

En canto á xestión dos residuos, estes serán trasladados diariamente a un punto de provisión, onde se separarán en tres fraccións, biorresiduos, envases e resto, para que poidan ser tratados e reciclados de maneira independente, favorecendo deste xeito a economía circular.

Acciona, segundo sinala no comunicado, conta cunha “ampla experiencia” no mantemento e limpeza de praias en Galicia, xa que, desde 2020, a compañía encárgase de prestar servizos de limpeza, mantemento e recollida de residuos en catro praias pertencentes ao litoral de Carballo, na Coruña, que destaca por posuír un dos areais máis longos e emblemáticos de Galicia. Así mesmo, en 2021 Acciona resultou adxudicataria do contrato para o mantemento e conservación de 550 quilómetros da costa de Pontevedra.

Xornada de folga das traballadoras de Inditex na Coruña en demanda de melloras laborais

0

Traballadoras das tendas de Inditex na provincia da Coruña secundaron este xoves, coincidindo co inicio das rebaixas, unha xornada de folga para demandar á empresa que “retome” unha mesa de negociación provincial de cara a abordar as súas condicións laborais e salariais. De “seguimento moi bo” cualificaron desde a CIG (sindicato convocante) a xornada deste xoves fronte a fontes da compañía consultadas por Europa Press que o consideraron “desigual”.

“Hai tendas pechadas e noutras faise o mínimo”, dixeron desde a CIG. Pola súa banda, fontes próximas á compañía remarcaron que é un só sindicato o convocante da folga. “Non están nin UGT, nin CCOO”, dixeron para asegurar que as reivindicacións que expón a central nacionalista “son cuestións que afectan a todas as tendas España e que xa se están negociando”.

Todo iso nunha xornada con protestas en distintos puntos da provincia coruñesa convocadas pola CIG, pero tamén na de Pontevedra. Fixérono para rexeitar unha negociación estatal e para pedir que esta sexa en cada unha das provincias galegas. O persoal pontevedrés sumouse ás mobilizacións cunha concentración en Vigo, na rúa Príncipe.

“Nin en Albacete, nin en Madrid, negociación aquí”, “Aquí están, aquí ven, as dependentas de Inditex” foron algúns dos lemas coreados nun dos piquetes informativos na zona da praza de Lugo na Coruña, con presenza dunhas 200 persoas. Lucía Domínguez, traballadora de Stradivarius e membro do comité de empresa, asegurou que hai condicións laborais que ten “o resto do persoal, pero non as dependentas”.

VEN “DESIDIA” NA EMPRESA

“A finais de decembro, a empresa asinou un acordo para retomar a negociación provincial desas condicións pendentes desde hai un ano e o que nos atopamos é a desidia total de non querer cumprir o acordo e trasladar a negociación a nivel estatal”, explicou. “Iso tradúcese en quitarnos a capacidade de decidir por nós, co resto de compañeiros coa mesma categoría se negocian as súas condicións, vémonos nun agravio comparativo e de avanzar na equiparación de condicións que ten o resto de persoal”, apostilou en referencia a empregados de fábricas ou de loxística. “No resto do Estado, tamén hai mobilizacións para equipararse”, precisou tamén tras concretar que na provincia da Coruña son unhas mil traballadoras as afectadas, aínda que apuntou que a maioría da contratación é eventual.

OUTRAS PROTESTAS

En Santiago de Compostela, houbo piquetes informativos e actividade normal nunhas tendas, aínda que con colas, pero con outras pechadas nas primeiras horas da mañá. Carmiña Naveiro, presidenta do comité de Zara na provincia da Coruña, apuntou, coincidindo, ademais, cunha manifestación na capital galega ante os centros principais (con pequenas retencións no centro de Santiago) que demandan cuestións que expuxeron “hai anos”. “Reivindicamos antigüidade, pluses e unha equiparación entre tendas”. “A mesa de negociación estatal non suple a provincial”, sentenciou nun día no que en Narón (outra das localidades onde estaba convocada a folga) non abriron pola mañá ningunha das tendas e con concentración tamén.

PROTESTA NA CADEA WOMEN’SECRET

Por outra banda, tamén na cadea Women’secret persoal de tendas secundou unha xornada de folga na provincia coruñesa para reclamar “máis contratacións, mellores salarios e menos discriminacións entre cadeas”. Na cidade da Coruña, houbo unha protesta na praza de Lugo. Para o día 5 está convocada en Santiago de Compostela. “O motivo pola explotación nas tendas, o pouco persoal que teñen cada unha das tendas, non pode facer os seus descansos entre xornadas ou coller as súas licenzas retribuídas, as encargadas non cobran plus cando si o cobran as encargadas doutras cadeas”, explicou Silvia Alejandre, membro do comité, ao comparar a situación en Cortefiel. “Dentro do grupo, somos as que peor estamos”, dixo sobre demandas á empresa “desde hai tempo” e con denuncias en Inspección de Traballo.

A Coruña conmemora a declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade: “Un éxito dos coruñeses”

Representantes institucionais e ciudadadanos conmemoraron esta tarde o XV aniversario da Declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, nun acto celebrado na chaira do faro romano.

Estivo protagonizado por tres xeracións de coruñeses e coruñesas e coa polifónica ‘O Eco’ amenizando o acto festivo, que contou coa presenza, entre outros, de Pedro Pasantes, o último farero da Torre de Hércules e nese posto no ano da declaración.

Xunto á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, estiveron tamén presentes Henrique Tello, tenente de alcalde e concelleiro de Turisno na corporación en 2009; o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos.

“O logrado fai 15 anos foi un éxito da sociedade coruñesa en comuñón coas institucións máis próximas”, remarcou a rexedora ante os asistentes. Ás 18.26 horas, momento no que se soubo a noticia da declaración en 2009, reproduciuse un audio recompilatorio dos informativos de diferentes medios sobre a noticia.

Son daquí puxo a música galega na celebración
Son daquí puxo a música galega na celebración

Este acto forma parte das actividadades programadas polo consistorio. Durante a noite, o faro iluminarase de azul e nesta xornada e a do venres poderán facerse visitas guiadas infantís gratuítas.

O sábado día 29, representaranse, baixo o monumento, as obras de teatro ‘A lenda de San Amaro’ e ‘Medea’ de Eurípides, ambas as interpretadas pola compañía Noite Bohemia, ás 17.00 e ás 21.00 horas, con entrada gratuíta.

O programa inclúe tamén recreacións históricas, talleres temático-lúdicos de divulgación cultural para todos os públicos e unha loita de gladiadores.

SELO CONMEMORATIVO

Por outra banda, a Autoridade Portuaria da Coruña editou un selo e un cartel conmemorativos do XV aniversario da declaración da Torre de Hércules como ben Patrimonio da Humanidade, declaración que tivo lugar en Sevilla o 27 de xuño de 2009, na 33ª reunión do Comité de Patrimonio da Unesco.

A presentación do selo, o cartel e un cuño específico desenvolveuse estae xoves na sede da Autoridade Portuaria, precisamente na sala que leva o nome de Torre de Hércules.

Foi coa presenza do presidente do organismo público, Martín Fernández Prado; Rosa López, en representación da Oficina Principal de Correos na Coruña; o presidente da Sociedade Filatélica da Coruña, José Luís Rei, e o artista coruñés Miguelanxo Prado, que cedeu o seu debuxo ‘Gardián’ para ilustrar esta edición especial.

As vivendas turísticas da Coruña terán unha ordenanza para o seu regulamento

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda do Concello da Coruña, Francisco Díaz Galego, presidiu este xoves a mesa sectorial creada desde o Concello con todos os representantes de entidades afectadas polo desenvolvemento das vivendas de uso turístico (VUT).

Estiveron presentes representantes da federación de asociacións veciñais, de promotores inmobiliarios, de administracións de leiras e de colexios de arquitectos, así como da asociación de vivendas turísticas, entre outros.

Na reunión da mesa, a terceira que ten lugar, o concelleiro explicou os pasos que está a dar o goberno municipal para establecer a regulación.

Desde este mes e ata finais de xullo, indicou Díaz Galego, o Concello enviará as notificacións correspondentes aos 1.277 propietarios de vivendas turísticas que constan na cidade, notificacións nas que se lles indica a necesidade de darse de alta como actividade económica e explícaselles a normativa municipal para as ditas vivendas.

A normativa municipal limita desde o Plan Xeral de 2013 a instalación de VUT, que deben cumprir uns requisitos. Así, en zona do plan de especial protección (Pepri) só poderán ocupar edificios completos e plantas baixas.

Aprazado a outubro o xuízo polo crime de Samuel Luiz

O xuízo pola morte de Samuel Luiz, o mozo de 24 anos que faleceu durante a madrugada do 3 de xullo de 2021 tras ser agredido no paseo marítimo da Coruña, quedou aprazado ata outubro, tras fixarse inicialmente para setembro, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Foi a petición dun dos avogados defensores, que solicitou a suspensión por ter previamente sinalado nesas mesmas datas un xuízo con Tribunal do Xurado en causa con preso en Madrid.

A maxistrada presidenta acordou que o xuízo se celebre entre o 16 de outubro e o 18 de novembro na Audiencia Provincial da Coruña. O 15 de outubro realizarase a selección do xurado popular. En concreto, serán 87 cuestións ás que deberán dar resposta, ás que se suman outras sete sobre o grao de execución do delito e a participación dos cinco acusados. A maxistrada presidenta tamén detallou, nun auto, que o xurado popular decidirá se os feitos descritos constitúen un delito de asasinato, ademais dun posible delito de roubo con violencia pola presunta subtracción do móbil da vítima que se atribuíu na investigación a un dos acusados.

En canto ás circunstancias agravantes, precisa que se determinará se dous dos acusados (D.M.M. e C.S.B.) executaron os feitos relatados “por causa da súa animadversión cara á orientación sexual homosexual que lle atribuíron á vítima”. Como eximentes e/ou atenuantes, a maxistrada presidenta sinala que debe establecerse, a través das probas presentadas na vista, se tres dos procesados, debido á previa inxesta de bebidas alcohólicas ou de drogas, atopábanse en estado de intoxicación, dando lugar “a algunha situación de alteración, diminución ou eliminación da súa capacidade para formar a súa vontade e comprender o alcance dos seus actos”.

PROBAS NON INCLUÍDAS

No auto emitido con anterioridade á nova data do xuízo, a maxistrada decretou que procede admitir as probas propostas polas partes nos seus respectivos escritos de acusación e defensa, fóra dos informes policiais de visionado de imaxes e da chamada infografía forense coa correspondente reportaxe videográfico, tal e como decretou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Ademais, de conformidade co peticionado polas súas defensas, accedeu a que os acusados D.M.M., C.S.B., A.F.G. e K.A.S.C. declaren en último lugar, tras concluír o resto da práctica da proba, e a que o acusado A.M.R. declare ao principio.

TRES PERSOAS EN PRISIÓN

A maxistrada presidenta tamén decidiu manter a medida cautelar de prisión provisional, comunicada e sen fianza, imposta a D.M.M., A.F.G. e a K.A.S.C. Outros dous, entre eles a muller, atópanse en liberdade con obrigación de comparecencias ante o xulgado. Así mesmo, procedeu a ordenar as citacións das partes, peritos e testemuñas e o liberamento dos exhortos, despachos e mandamentos, así como a organización do traslado dos acusados desde o centro penal onde se atopan ingresados para a súa asistencia ao xuízo.

Rescatado un home que caeu ao río Mero na zona da Barcala en Cambre

0

A Policía Local e o Servizo Municipal de Emerxencias de Cambre colaboraron no rescate dun home que se caeu ao río na zona da Barcala.

Os efectivos municipais foron os primeiros en chegar ao lugar e en localizar ao home, que sufrira unha caída duns 20 metros, acabando no río Mero, na zona da Barcala.

Na operación, informan fontes municipais, interviñeron tamén a Garda Civil de Cambre e os bombeiros do Parque Comarcal Provincial de Arteixo.

Os feitos producíronse ao redor das 13.40 horas e grazas á intervención dos diferentes corpos e forzas de seguridade e emerxencias, logrouse sacar ao home da auga ao redor das 14.20 horas. A raíz do impacto, o home sufriu un politraumatismo e tivo que ser trasladado ao centro hospitalario nunha ambulancia medicalizada.