Inicio Blog Páxina 396

Os traballadores da prisión de Teixeiro demandan máis seguridade ante o asasinato dunha funcionaria en Cataluña

0

Concentración este mediodía de venres 22 de marzo diante da Delegación do Goberno na Coruña por parte do TAMPM, o Sindicato Maioritario de Prisións. Unha concentración realizada marco das mobilizacións realizadas en todo o estado polos funcionarios de prisións a raíz do asasinato da compañeira Nuria, unha cociñeira dunha prisión de Cataluña, por interno.

O colectivo de traballadores, co lema “O teu abanadono me pode matar”, reclama méis seguridade nas institucións penitenciarias, considerando que para reducir no número de agresións sufridas en prisión hai que cumplir a Relación de Postos de Traballo dos funcionarios, que debería pasar a ser axentes da autoridade, equiparando o seu posto ao dos Policías, por exemplo.

Explican dende a entidade que o número de agresións a funcionarios seguen aumentando, e como os internos se declaran insolventes as indemnizacións quedan sen executar.

Concentracion Funcionarios Teixeiro na Coruna

Persoal de DXC Technology mobilízase na Coruña para demandar a “recuperación do poder adquisitivo”

Persoal do grupo DXC Technology, con centros en varias cidades españolas, entre elas A Coruña e Santiago de Compostela, secundaron este venres unha protesta na cidade herculina para demandar, entre outras cuestións, a “recuperación do poder adquisitivo”. Foi no marco dunha convocatoria de folga por parte das seccións sindicais de CGT, CNT, CCOO, CSI, USO, Intersindical-CSC e OSTA nun grupo con máis de 7.000 traballadores en España, deles uns 150 na capital galega e máis de 300 na Coruña.

Así o explicou a Europa Pres Iván Cordeiro, responsable de servizos técnicos de CCOO Servizos, con motivo da manifestación celebrada na Coruña e con presenza, segundo a organización sindical, dun centenar de persoas. Cordeiro sinalou que se trata dunha empresa con servizos a Abanca, Evo Banco e Inditex, entre outras, e apuntou, tras destacar o seguimento da folga, que o seu obxectivo é que se abra unha mesa de negociación no grupo. Isto co obxectivo de abordar cuestións como a recuperación do poder adquisitivo ou a cualificación de categorías. Para abril e xuño hai convocadas, precisou, novas protestas se non hai achegamento de posturas.

 “Honradez, traballo e responsabilidade”, os principios de María Pan, primeira alcaldesa de Cambre

0

A ata agora edil de Facenda María Pan é desde este venres nova alcaldesa de Cambre  — a primeira muller en ostentar este cargo neste municipio — tras a súa elección no pleno celebrado nesta xornada, na que contou co apoio do seu grupo, Unión por Cambre, e da exconcelleira do PP, María Elena Lauda.

Foi co respaldo en total de oito edís mentres que a Diana Piñeiro, do PP, que tamén se postulaba votáronlle os catro do seu grupo. As demais formacións, Alternativa dos Veciños, BNG e PSOE — ata agora socio de goberno de Unión por Cambre — abstivéronse.

No seu discurso, a nova rexedora apelou ao diálogo e comprometeu “honradez, traballo e responsabilidade”. Tamén dixo que buscarán “solucións para que a dimisión do alcalde — manifestou sobre o seu antecesor e presidente de Unión por Cambre, Óscar García Patiño– non caia en saco roto”.

Todo iso asegurando que traballarán para “saldar a débeda con empresas e entidades sociais e afrontar a contratación de servizos básicos”, despois de que a falta de pagamentos e o bloqueo administrativo, que Patiño achacou ao posicionamento da interventora e a secretaria municipal, motivasen a súa dimisión.

Foi nun pleno no que o edil de Unión por Cambre Dani Mallo cualificou de “histórico” o día polo feito de que por primeira vez haxa unha alcaldesa, á vez que pediu aos demais grupos ser “xustos” con ela.

FOTO CAMBRE- Maria Pan Lesta elegida nueva alcaldesa 2

“TRÁNSFUGA”

A concelleira Diana Piñeiro, do PP, e que tamén se postulou, tidló de “tránsfuga” á ex edil popular que apoiou á nova rexedora e reprochou a Unión por Cambre e PSOE “incompetencia” á fronte do goberno local.

Por parte do grupo socialista apelouse a un “cambio de rumbo, sobre todo na xestión administrativa”, mentres que desde as filas do BNG instouse á nova alcaldesa a “corrixir os erros” anteriores. Á súa vez, desde Alternativa dos Veciños ofreceuse diálogo, sumándose á petición de cambio de rumbo.

 

O Quiosco Down Experience, un exemplo de inclusión e igualdade de oportunidades

Celebrouse onte o Día Mundial da Síndrome de Down, e o lugar ideal para facelo na nosa cidade é na praza de Ourense. O Quiosco Down Experience, que xestiona a asociación Down Coruña, é un dos mellores exemplos de “inclusión e a igualdade de oportunidades” como recoñeceu na visita realizada pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.

Acompañada polo vicepresidente da asociación Down Coruña, Enrique Pena, o director executivo, Manuel Rego, e varios dos seus usuarios e traballadores, quixeron poñer en valor un dos bares máis míticos da cidade, xestionado dende hai anos pola entidade no que traballan persoas con e sen discapacidade “que supón un exemplo inmellorable de como se pode conseguir a plena inclusión do colectivo nos ámbitos social e laboral”.

Para os que aínda non volvestes, os míticos bocadas de calamares do quiosco da Praza de Ourense segue sendo dos mellores da cidade.

Quiosco down coruña 2

Un día de visibilización

Rivas destacou a importancia de concienciar e sensibilizar á sociedade sobre os dereitos das persoas con esta síndrome e outros tipos de discapacidade intelectual para conseguir a súa plena inclusión, tanto no ambiente social como no laboral.

A subdelegada deu cifras e informou de que en Galicia hai case 74.000 persoas en situación de dependencia recoñecida nalgún dos tres graos de protección, o nivel mínimo, o acordado e o adicional, tal e como recolle a Lei de Dependencia. “Todas e cada unha destas persoas necesitan un Goberno como este, que os apoie e que lles proporcione ferramentas útiles que contribúan á mellora da súa vida e a das súas
familias”.

Un xulgado da Coruña condena á Seguridade Social a indemnizar por danos a un home que solicitou o complemento de maternidade

O Xulgado do Social número 5 da Coruña condenou ao Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) a indemnizar por danos e prexuízos a un home que tivo que reclamar xudicialmente o complemento de maternidade para a súa pensión. No fallo recoñécese unha indemnización por importe de 1.800 euros polos danos morais e outros adicionais derivados da vulneración do seu dereito fundamental á igualdade e á non discriminación, informa o despacho que levou o caso, Caruncho & Tomei Avogados.

Ao demandante recoñecéuselle o complemento por maternidade tras reclamar xudicialmente ao Instituto Nacional da Seguridade Social. O Xulgado do Social número 1 da Coruña en primeiro lugar e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, logo, déronlle a razón. En canto á demanda á que fai referencia o despacho, foi presentada reclamando unicamente a indemnización por danos morais, “despois de que unha sentenza firme recoñecese o dereito ao complemento do pensionista”. “O novo desta sentenza é que se recoñece o dereito a percibir a indemnización despois de ter o xuízo e sentencia reclamando o complemento por maternidade, o que abre a porta a que miles de xubilados que foron recoñecidos con este complemento reclamen a indemnización“.

Condenado a seis meses de cárcere un home acusado dun delito de violación de vivenda en Cambre

0

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña, de conformidade co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a un home como autor responsable dun delito de violación de morada, á pena de prisión de seis meses, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). No relato de feitos probados da sentenza consta que acudiu a unha vivenda situada en Cambre, na que residía un matrimonio, sen que lle convidaran.

“O portalón de entrada da leira estaba pechado, ante o que saltou o muro, accedeu ao interior da leira e dirixiuse á casa, cando chegou ao soportal, na parte traseira da casa, a muller sorprendeulle e díxolle que se marchase de alí”, relata o fallo.

Nel, sublíñase que “cometeu estes feitos con pleno dominio das súas facultades volitivas e intelectivas e con conciencia de que non tiña permiso do matrimonio para acceder nin ao inmoble nin para permanecer no mesmo”. A sentenza non é firme ao existir posibilidade de recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

A unificación da Rede de Bibliotecas Municipais. Unha farsa

Tivo lugar esta semana a segunda reunión da Comisión Especial de Bibliotecas, o órgano deseñado polo concello da Coruña para desenvolver a unificación da Rede de Bibliotecas Municipais. Un asunto laboral complicado, que leva enriba da mesa dende 2016, pero que segue absolutamente estancado.

A realidade, absolutamente descoñecida para a veciñanza, é que o pioneiro servizo, referente para moitas cidades do país, que ofrecen as Bibliotecas das nosa cidade, sofre unha realidade dual o que provoca unha rede que funciona a dúas velocidades.

Faise necesario abordar esa unificación, esa municipalización global da rede para poñer en valor e manter este tesouro que supón a Rede como elemento integrador do tecido social e cultural da cidade.

Pero a realidade é que a vontade que existe é mínima, como se deduce na nota de prensa enviada onte polo Concello trala celebración da reunión, na que fala de “prudencia e seguridade xurídica” ou de “analizar alternativas viables”, pero non dá nin un só dato dos pasos reais efectivos para sacar o proceso adiante.

Explicamos a longa situación:

Doble xestión

O asunto vén de raíz, e dunha clara falta de planificación. Aló polos anos 90, co PSOE no poder, despois do nacemento das primeiras e exitosas Bibiliotecas, e como medida de crecemento, o Concello optou, de xeito deslabazado e sen plan específico, por unha doble vía:

  • Unhas manteríanse con xestión directa, sendo funcionarias as súas traballadoras (son os casos das persoal das biblios do Castrillón, Estudios Locais de Durán Loriga, e Monte Alto).
  • Outras pasarían a ser xestionadas a través de empresas concesionarias (a Xeral de Durán Loriga, Sagrada Familia, Os Rosais, Ágora, Mesoiro e Fórum).

Mentres unhas traballadoras son funcionarias con praza, as outras (ata 69 fixas ademais das eventuais) dependen da empresa de turno. Estas xa tiveron problemas cos pagos en 2022 coa empresa que xestionaba o servizo, LTM Bibliotecas, pero dende decembro dese mesmo ano o Concello fixo un novo contrato con Ilunion, centro de emprego que principalmente se decica á lavandería industrial. Un contrato que xa está en precario, pois foi asinado por 2 anos máis un de prróroga, no que nos atopamos, de xeito que antes de decembro deste 2024 deberían sacarse novos plegos de contratación ou ben afrontar, de verdade, o proceso de municipalización.

Municipalición?

A realidade é que a día de hoxe non hai plan nin vontade por parte do goberno municipal, a pesar da creación da devandita Comisión Técnica en novembro. No seu momento, aló por 2016, A Marea intentou abordar a municipalización, e mesmo realizou un completo informe, pero finalmente o proceso foi boicoteado internamente, quedando sen apoios dos grupos da oposición.

A unificación segue dende entón como un dos acordos de goberno, asinado na pasada lexislatura entre PSOE e A Marea, e tamén no acordo de investidura deste ano entre PSOE e BNG.

”Están no acordo de investituda. Hai que cumprilo”, amósase tallante a edil do BNG, Mercedes Queixas Zas, a pesar de que “a iniciativa do goberno local vai moi lenta, e vai a golpe de impulso do BNG, e de feito chegou a convocatoria da segunda reunión da Comisión técnica despois de levar o tema ao pleno, preguntar, insistir…. Hai unha clara falta de impulso por parte do goberno local”, lamenta Queixas Zas, que lembra que van 9 meses de mandato ademais dos 4 pasados anos de lexislatura sen dar ningún paso concreto.

”É certo que é un tema complexo, pero hai que afrontalo”, apunta .”Unha política cultural importante empeza para coidar a cultura de base. E as Bibliotecas foron pioneiras e son un referentes, de animación a lectura, e de cohesión social”.

Problemas laborais e de funcionamento

Esta doble xestión provoca problemas reais no funcionamento da Rede de Bibliotecas, como recoñece Elisabeth Rodríguez, do Comité de Empresa do servizo bibliotecario de Ilunion. “Hai moitos problemas prácticos porque non se poden dar ordes conxuntas, por exemplo”, sinala. “Hai directrices comúns que non se poden desenvolver do mesmo xeito. Por exemplo, como convocas unha reunión dun grupo de traballo pola tarde ou nas fins de semana? Como coordinas dous grupos de traballoras pero que unhas teñen horario específico na Semana Grande ou horario de verán, pero outras non?”, sinala

A nivel laboral a cousa é moi diferente. Ademais da diferencia evidente de ser funcionarias a ser persoal contratado por case que unha ETT, cando piden melloras salariais ou de adecuación de horarios no convenio, atópanse coas “excusas de sempre: que se é un prego á baixa e dá perdas, que non hai cartos…”, lamenta Rodríguez. Bota en falta unha xerencia que saiba algo máis de Bibliotecas, xa que Ilunion realmente o único que fai é a xestión de persoal, e láiase que o Comité non teña presenza na Comisión Técnica do proceso de unificación.

”Non queremos ser funcionarias pola nosa cara bonita, pero si que queremos que se intente de verdade a integración”, conclúe.

Tampouco as Bibliotecas de xestión directa se atopan nas mellores condicións laborais. A tasa de reposición de baixas ou xubilacións é baixísima, e o Concello leva arredor de 20 anos sen convocar praza de Biblioteca. De feito, en varios casos tirouse dunha listaxe de auxiliar administrativo, que están traballando como bibliotecarias… “Un xeito de devaluar o servizo, cando o que debería é primar a atención á cidadanía”, quéixase Rodríguez.

A falta de plan

“Non hai un modelo claro do que queren facer”, conclúe Rodríguez. “Existen modelos como Arteixo ou Carballo, concellos de diferentes cores políticas, que apostaron pola xestión directa, pero aquí nin saben por onde ir. “E mira que sempre louban o noso traballo” (aínda onte o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro fachendeaba da Rede como “referencia a nivel nacional”), “pero despois non coidan o persoal, non aumentan o presuposto, non coidan os equipamentos que hai edificios que se caen…. non se está coidando o servizo, a pesar de estar sempre loubando o traballo da rede”, critica Rodríguez.

Os sindicatos convocan sete días de folga na consultora DXC Technology, cunha protesta este venres na Coruña

0

A maioría sindical no grupo DXC Technology formada polas seccións sindicais de CXT, CNT, CCOO, CSI, USO, Intersindical-CSC e OSTA decidiu convocar sete días de folga nun chamamento que afecta a 7.500 traballadores do grupo. Na Coruña, levará a cabo unha concentración diante do Obelisco este venres, 22 de marzo, ás 10,30 horas.

A causa é “a nula resposta da empresa á perda do 17% de poder adquisitivo nos soldos” que os traballadores soportan desde 2020, ao que se suma que “se permiten o luxo de presentar condicións que xa ten o persoal coa cínica posición de ‘manter é mellorar”, segundo denunciaron CXT.

En concreto, os días convocados son 21 e 22 de marzo, coincidindo coa folga no sector de banca e o inicio de período de Semana Santa, o que pode dificultar a resolución de incidencias motivadas pola folga; 29 e 30 de abril, coincidindo con procesos de fin de mes e 3, 4 e 5 de xuño, xuntándose inicio de mes e maior número de consultas de ‘Help Desk’.

A sección sindical da CXT xa convocou “unha exitosa folga o pasado mes de xuño”, xunto a outras empresas do sector informático como Getronics-Global Rosetta ou Alten, destaca o sindicato.

Concentración de delegados da CIG diante do Banco Santander na Coruña contra o despedimento dun compañeiro

Delegados e delegadas da CIG concentráronse este xoves ante unha das oficinas do Banco Santander na Coruña para expresar o seu rexeitamento ao despedimento “inxusto e inxustificado” dun compañeiro.

Tamén, segundo informou a central sindical, para denunciar a política de “desvinculacións” que aplica a entidade. A sección sindical afirma que estes despedimentos, segundo afirma disciplinarios ou mediante baixas voluntarias forzadas, “forman parte da política de atemorizar” ao persoal e tamén proceder a un “adelgazamento progresivo·.

Maite Freire, da sección sindical da CIG no Santander, asegura que no caso concreto dennciado nesta xornada “o compañeiro foi despedido no medio da súa xornada laboral”.

Sen máis advertencia que unha chamada para que acudise a Recursos Humanos onde lle fixeron ler unha carta que era a comunicación do seu despedimento por suposta baixa produtiva“, manifestou.

O exdiputado autonómico Martín Seco será concelleiro do PSOE en Arteixo

0

O que foi deputado socialista no Parlamento galego na pasada lexislatura, Martín Seco, será o novo concelleiro do PSOE en Arteixo, en substitución de Luís Vázquez, que renunciou á súa acta por motivos profesionais.

Así o acordou a executiva municipal do PSOE de Arteixo, que propuxo o nomeamento de Seco ao ser o seguinte candidato na lista que presentaron os socialistas nas municipais de 2023.

Martín Seco, exdiputado afín ao que que foi secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero, xa foi concelleiro do grupo municipal en Arteixo desde 2015. En 2020 renunciou á acta por “incompatibilidades” ao saír elixido parlamentario autonómico pola provincia da Coruña nas eleccións á Cámara galega.

Seco asegurou que para el é de novo un reto reincoporarse á política local co “único obxectivo de traballar arreo pola cidadanía arteixana” e para facer unha “oposición firme e contundente a un goberno local do PP que utiliza a súa maioría absoluta de forma absolutista”.