Inicio Blog Páxina 448

O pleno da Deputación da Coruña pide axudas para os mariscadores do Burgo

A Deputación da Coruña aprobou en pleno, nunha moción promovida polo equipo de goberno (PSdeG e BNG) a demanda de axudas á Xunta para os mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo, así como un protocolo de seguimento da sementeira. No texto, incídese en que o goberno autonómico, con “competencias exclusivas no marisqueo”, ofreza “compensacións económicas unha vez finalizado o dragado e ata a posibilidade de recuperar a actividade extractora”.

Tamén se insta ao Executivo galego a “establecer un protocolo de seguimento da sementeira realizada para monitorar a rexeneración dos bancos e establecer as características óptimas de explotación”. Noutra orde de cousas, no pleno aprobouse por unanimidade a asignación dos primeiros 50,5 millóns de euros do Plan Único, que inclúe financiamento de 236 obras nos municipios da provincia e sete millóns de euros para o financiamento de gastos sociais dos municipios.

O proxecto Entre Crebas medra entre cabichas

Esta semana o colectivo Mar de Fábula organizaba a 7ª limpeza do Areal da Torre no marco do proxecto Ente Crebas. Un proxecto que combina os obxectivos medioambientais e sociais, buscando deixar máis limpo este fermoso areal, pero tamén concienciar e axudar na reinserción de persoas privadas de liberdade.

Os protagonistas deste proxecto son as persoas residentes do CIS (Centro de Inserción Social da Coruña), que cumplen a última parte da súa condena en réxime de semiliberdade. Son moi aprezadas estas saídas por parte dos internos, pois ademais de saír do centro penitenciario, disfrutan da contorna natural e se sinten útiles, eliminando o lixo plástico do areal.

De feito, das 10/12 persoas que se apuntaban voluntariamente ás primeiras sesións, o grupo esta semana foi xa de 26 persoas. “A semente vai dando o seu froito”, recoñece orgulloso Xosé Manuel Barros (Mar de Fábula).

O que non decae é o lixo recollido, demostrando que os humanos seguimos ciscando moitas cousas ao mar. A colleita estivo formada por: 5 botellas de plástico, 135 anacos de plástico, 30 cordas ou aparellos d pesca, 6 latas, 9 anacos devidro, 50 anacos de entullo, 50 toalliñas+compresas e 8 bastonciños algodón.

O dato que máis resalta son as 450 cabichas recollidas, un número que non corresponde co tamaño desta pequena cala. Poderíase pensar que a xente de Monte Alto fuma moito ou que as correntes traen as cabichas tamén doutros areais da cidade.

A alcaldesa reprocha ao PP o “insulto permanente” e apela ao “respecto institucional”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reprochou ao PP o “insulto permanente”, ao ser preguntada polas críticas dos populares a cuestións como as facturas pendentes de pago no Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), que se abonarán, segundo avanzou a rexedora hai uns días, a través dun modificativo de crédito.

Fíxoo despois de que o Partido Popular denunciase tamén ausencia de “transparencia” na xestión e ao ser preguntada polo cesamento solicitado polos populares do concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro.

“Comentarei as críticas cando sexan construtivas, vaian a favor da cidade, sexan de utilidade para mellorar a acción de goberno e fáganse con rigor e seriedade”, sinalou a rexedora tras insistir en que “o insulto permanente é a tónica habitual do PP”.

“Non vou entrar en descualificativos e cuestións de carácter persoal”, engadiu para recalcar que ela aposta “por outro tipo de política, a do diálogo e do respecto institucional”.

Por outra banda, preguntada polo futuro deseño da fachada marítima, a rexedora indicou que na primeira sesión da comisión municipal especial sobre este asunto, celebrada este venres, “o grupo socialista fixo as súas propostas para manter diálogo aberto coa cidadanía, con todos os sectores sociais, económicos e culturais da cidade que teñen algo que achegar na construción do futuro da Coruña”.

Estas declaracións realizounas na visita ao novo parque infantil de Os Pelamios no que reivindicou a importancia de que o bordo litoral da cidade conte con novos espazos públicos.

A exedil de Cs, Mónica Martínez deberá devolver diñeiro ao consistorio tras non admitir o Supremo o seu recurso

O Tribunal Supremo acordou a inadmisión a trámite do recurso de casación presentado pola exedil de Cidadáns e exconcejala de Deportes no consistorio coruñés, Mónica Martínez, contra o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que confirmou a nulidade do seu nomeamento.

Tras unha sentenza en primeira instancia, o alto tribunal galego ratificou que a exconcelleira debía integrar á administración municipal as cantidades percibidas como consecuencia do nomeamento anulado.

“É dicir, as que resultan da diferenza entre as cobradas na súa condición de responsable de Deportes e as que lle correspondían con anterioridade”, precisaba o TSXG nun fallo da Sala do Contencioso-administrativo agora ratificado, ao non admitirse o seu recurso ante o Supremo. Faino ao entender, entre outras cuestións, que o mesmo non se fundamentou suficientemente como para que concorren algúns dos supostos de interese casacional.

No seu momento, o TSXG xa confirmou a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 da Coruña, recorrida pola edil e polo Concello da Coruña nun proceso xudicial iniciado pola Marea Atlántica.

O fallo indicaba que non se discutía “que a concelleira ten a consideración de membro non adscrito nin que os actos administrativos impugnados recoñécenlle dereitos económicos superiores aos que lle corresponderon de permanecer no seu grupo de procedencia”, precisaba tras abandonar Cidadáns, partido polo que concorreu en 2019.

A CGT rende a súa homenaxe anual ás vítimas da represión ante a folga xeral de 1901

0

O vindeiro domingo 2 de xuño, ás 12:30 horas, no cemiterio de santo Amaro da Coruña, terá lugar a tradicional ofrenda floral que cada ano vén organizando a CGT da Coruña en lembranza dos obreiros e obreiras asasinadas, vítimas da represión, durante a folga xeral (a coñecida como «folga dos consumeiros») que tivo lugar na cidade da Coruña os días 30 e 31 de maio e día 1 de xuño de 1901.
A homenaxe terá lugar no monolito que foi levantado polas sociedades obreiras coruñesas e sufragado por subscrición popular no ano 1906.
Ao seu término, farase outra ofrenda ante o conxunto escultórico situado na Avenida de Navarra en lembranza de todxs os represaliadxs polo franquismo.

Breve reseña histórica da «Folga dos consumeiros»

A finais de maio de 1901, os empregados de consumos da Coruña declaráronse en folga para conseguiren unha serie de melloras laborais. Eran os consumeiros, que así se chamaban, os encargados de recadar os impostos municipais de consumos, función que estaba cedida a un particular, do que eran empregados.

Na tarde do 30 de maio, cando se celebraba unha concentración ante o fielato de Catro Camiños, no que estaban traballando esquirois, producíuse o asasinato do empregado de consumos Mauro Sánchez por parte da Garda Civil, presumiblemente por se resistir á súa detención. Inmediatamente, as sociedade obreiras decretaron folga xeral e o enterro do traballador, o día 31, transformouse nunha impresionante manifestación antiburguesa. Unha inxente multitude dispúxose a acompañar ao consumeiro na súa derradeira viaxe, pero as autoridades militares (se tiña decretado a lei marcial) non estaban dispostas a consentiren tal desafío ao seu poder. En pleno centro da cidade, as tropas dispararon a quemarropa contra a multitude, causando víctimas entre os traballadores e traballadoras que nela había. O resultado foi a morte de oito persoas mais e varios mutilados pola acción dos sables, balas e cabalos da tropa.

Catro traballadoras e cinco traballadores coruñeses morreron naquelas xornadas. Na súa lembranza, as sociedades obreiras coruñesas, por suscripción popular, erixiron en 1906 un monumento no cemiterio de San Amaro, que aínda existe.

Os asasinados foron os seguintes:

  • Mauro Sánchez: consumeiro de 34 anos. Vivía coa súa muller e cinco fillos na estrada da Torre. Morto por bala na cabeza.
  • Benita García Torres e Manuela González Seijo: serventas do Hotel de Francia de 20 e 29 anos respectivamente. Mortas dun balazo no ventre cando estaban asomadas nunha galería.
  • Josefa Corral: 42 anos. Un balazo na cabeza cando estaba sentada na galería da súa casa en San Andrés.
  • Antonio Bruno Orro: Augador. Recibiu un balazo no peito en San Andrés.
  • Antonio M.ª Veiga: Carpinteiro. Morreu no hospital tras recibir un balazo na Rúa Real.
  • Francisco García Lodeiro, alias Carabel: Aserrador de 35 anos. Natural de Mabegondo. Morto por un balazo no ventre na Rúa Alta.
  • Jacobo García: Zapateiro. Escondeuse no local da Sociedade de Oficios Varios da rúa Cordelería e morreu dun balazo.
  • Encarnación Alonso: Esposa dun hoxalateiro da rúa de San Andrés. Foi ferida de bala no peito estando na súa casa. Moreu pouco despois a causa das feridas.

Tamén houbo unha serie de detidos. Entre os condeados estaban os consumeiros Venancio González Escontrela (a 20 anos de cadea) e Manuel Mosquera Morano (a 6 anos), o secretario da sociedade de pintores Juan Santos Martínez (a 6 anos) e o secretario de «Oficios Varios» Juan José Cebrián (a 12 anos), por sedición e insulto á forza pública. Hai que suliñar que entre os detidos estaban os traballadores que enviaban aos seus fillos á escola que tiña montada a asociación Antorcha Galaica do Libre Pensamento, por este simple motivo.

Ante o escándalo internacional, os militares xulgaron nun tribunal de honra ao tenente Pedro Vázquez, que mandaba a tropa, que foi condeado á súa expulsión do corpo. Non entendendo cecais o cativo alcance da xustiza militar, aos poucos días, o compañeiro anarquista Ricardo Cotelo disparou contra o tenente, pero este librouse polos pelos, fuxindo entre unha persecución polo campo da Leña na que interviron varias mulleres que pasaban polo lugar.

Pouco a pouco conseguiuse o retorno de todos os condeados ao declararse ilegal a actuación militar mediante un resquicio legal, ao ser os actos dos que se lles acusou anteriores á entrada en vigor do bando de guerra.

Estes feitos foron ocultados pola burguesía, de xeito que as xeneracións seguintes a descoñeceran. Somentes algunhas asociacións obreiras e particulares decidiron, ano tras ano, seguir levando flores ao monolito erixido en 1906. Ata hoxe.

O TSXG declara improcedente o despedimento dun camareiro aos 40 minutos de presentar a súa baixa

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou unha sentenza dun Xulgado do Social polo que declara improcedente o despedimento dun camareiro na Coruña aos 40 minutos de presentar a súa baixa. No seu fallo, ao que tivo acceso a Europa Press, ratifica o contido da resolución de primeira instancia, na que se estimou parcialmente a demanda do denunciante e que declarou improcedente o despedimento, optando pola readmisión ou o abono de 408,92 euros en concepto de indemnización e o pago do salario correspondente en caso de non facelo.

O home empezou a prestar os seus servizos no negocio de hostalaría en setembro de 2022 cunha xornada a tempo parcial de 25 horas á semana e con varias modificacións máis tarde. Con posterioridade, estivo de baixa entre o 9 de xaneiro de 2023 ao 2 de marzo dese mesmo ano. O fallo de primeira instancia recolle que ás 11.09 horas do 9 de xaneiro de 2023 procedeu a enviar por medio de WhatsApp á empresa o parte de baixa médica e que ás 11.49 horas do mesmo día notificáronlle o seu despedimento por razóns disciplinarias.

Entre outras cuestións, a empresa alegou que a decisión estaba xa tomada polo comportamento do camareiro, ao que culpaba de transmitir informacións erróneas aos clientes ou de pechar antes da hora fixada o 24 de decembro de 2022. “A súa conduta provocou un grave dano económico”, sostivo a empresa quen apuntou, ademais, a disputas co superior. O TSXG sostén que “non cabe apreciar a existencia dun despedimento pola enfermidade” do denunciante. “A decisión patronal xa estaba exposta con anterioridade, extremo acreditado” e engade que, pola contra, “non se constata” que o home “padecese con anterioridade ciática, nin que acudise a urxencias e menos que o comunicase á empresa”.

“Polo que os datos obxectivos se constriñen ao comezo dun proceso de incapacidade temporal e a decisión patronal de despedirlle, sen que exista ningún indicio de represalia” fronte ao camareiro “por parte do empregador”, sostén o TSXG respecto da demanda a este respecto do denunciante.

Os mariscadores da ría do Burgo recibirán novos fondos do Goberno central

O Goberno central anunciou este xoves novos fondos para os mariscadores da ría do Burgo, que están afectados pola falta de actividade tras concluírse o dragado.

Este xoves, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, comprometeu que o Executivo central “está disposto a facer unha nova achega económica” para os mariscadores despois de concluír as obras do dragado da ría.

Estado, Xunta e representantes da confraría do Burgo mantiveron este xoves unha reunión a tres bandas. Mariscadores protagonizaron manifestacións nas últimas semanas, xa que denuncian que se acabaron as súas axudas o pasado mes de abril e non poidan faenar ata que as crías alcancen a talla legal de comercialización.

Agora, Rivas empraza á Xunta a que asuma as súas competencias e expoña “que é o que expón” e “que é o que esta disposta a facer”. E é que lembra que o Goberno xa afrontou “en solitario” compensacións de 3,6 millóns para os mariscadores, ao que se une que actualmente “reafirma” o seu compromiso.

POSTURA DA XUNTA

En cambio, a Consellería do Mar reclama ao Goberno central que se faga cargo das axudas aínda que xa terminasen as obras do dragado, aínda que ofrece a súa colaboración.

A Consellería do Mar sostén que na declaración de impacto ambiental do Executivo central para este proxecto sinálase que o cesamento de actividade inclúe o período que transcorre desde que finaliza a obra ata que os moluscos poidan ser extraídos e comercializados.

Ademais, a Xunta destaca “o cambio de actitude” do Goberno central que “estivo ausente en varias das reunións” cos mariscadores, á vez que se ofrece a “colaborar na realización de proxectos na zona que encaixen coas liñas de axudas existentes e no marco das competencias autonómicas”.

 

 

Nova edición do evento divulgativo sobre os océanos ‘Mar de Mares’ na Coruña

A Coruña acollerá do 8 ao 16 de xuño unha nova edición do evento divulgativo sobre os océanos ‘Mar de Mares‘, unha proposta presentada este xoves no Palacio Municipal de María Pita.

Foi coa presenza da concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, acompañada pola directora artística de Mar de Mares, Silvia Oviaño, e o chef Iván Domínguez.

Entre as novidades da súa undécima edición, está, ademais do cambio de data para coincidir co Día Mundial dos Océanos, a estrea de nova sede.

O edificio do Mercado de San Agustín foi o lugar elixido este ano para instalar o clásico ‘Mercado do Mar’, segundo expuxeron sobre unha iniciativa con apoio de institucións como o Concello da Coruña, a Deputación coruñesa e a Xunta, ademais de empresas.

Na presentación, a concelleira de Medio Ambiente destacou a filosofía deste evento multidisciplinar sobre o coidado do medio ambiente e a conservación dos océanos, asi como o seu obxectivo de fomentar a toma de conciencia.

A directora artística expuxo o programa que incluirá exposicións e proxectos do Ocean Filme Fest, así como propostas culturais e outras vinculadas co ecoturismo, como paseos en veleiro ou avistamento de aves, ou a gastronomía. A muller terá un papel relevante coa achega de testemuños como o das fotógrafas Cris Romeu, Ariadna Silva Fernández e María Muiña.

O Deportivo xa non está en concurso de acreedores

O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña declarou firme a sentenza ditada en abril pola que se aprobou a modificación do convenio proposto polo Real Club Deportivo da Coruña S.L., cos efectos establecidos na Lei Concursal, entre eles o cesamento da administración concursal. Así o ratificaron desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) despois dun fallo no que a xuíza explicaba que, transcorridos dous anos, o concursado podía presentar unha proposta de modificación do convenio.

A xuíza indicaba que se tivo en consideración a disposición mostrada polo accionista maioritario do Real Club Deportivo (Abanca) “de prestar o financiamento suficiente para o cumprimento do convenio resultante tras a modificación”. Segundo conta nun decreto do pasado 8 de marzo, 41 acredores concursais, que representan un pasivo ordinario de 6.063.390 euros, é dicir, o 52,812 % do devandito pasivo ordinario, votaron a favor da proposta de modificación, que non contou con ningún voto en contra.

Este cambio de débeda por accións, faino Abanca neste momento para entrar na Liga de Fútbol Profesional sen débedas, o que permitirá ter un límite salarial máis baixo.

A propiedade

A saída do concurso e o remate da débeda ten unha consecuencia directa: Abanca é o propietario do 99,9% das accións do Real Club Deportivo da Coruña. O que fai 10 anos era un club dos seus socios, a través das súas accións, hoxe en día, gracias á transmutación das débedas en accións, provoca esta situación.

Así, despois da vindeira asemblea telemática do vindeiro 26 de xuño, as accións que valeron durante décadas 60€, pasarán a ter un valor de 0,08€…

O Concello aboará os 3,4 millóns pendentes ao IMCE cun modificativo de crédito de 7,2 millóns

O Concello da Coruña aprobou, en Xunta de Goberno, un modificativo de crédito polo que, entre outras cuestións, farase fronte ás facturas pendentes de abonar do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). Así o informou, en rolda de prensa, a alcaldesa, Inés Rey, que precisou que se trata dun modificativo de 7,2 millóns de euros, dos que 3,4 millóns destínanse ao financiamento destes pagos, unha cuestión que suscitou que o BNG expuxese que non apoiaría iniciativas do goberno socialista ata que non se abonase.

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou, de forma definitiva, o primeiro plan de saúde mental, con incorporación de propostas como solicitar á Xunta programas de rehabilitación para pacientes con enfermidades mentais crónicas e con iniciativas dirixidas á promoción do benestar emocional, entre outras actuacións.

Tamén se acordou a creación da ordenanza municipal para subvencións, de cara, dixo a alcaldesa, Inés Rey, na súa comparecencia, “dar maior seguridade xurídica ás entidades solicitantes e axilizar a concesión de axudas”. Mentres, o grupo municipal do PP solicitou este mércores un consello reitor urxente do IMCE “para coñecer a súa situación económica real tras a aparición de máis facturas irregulares de festas”, argumentaron desde as filas poulares.

Máis novas

O BNG critica a mala xestión do goberno socialista coas facturas do IMCE