Inicio Blog Páxina 449

Nace o I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego para os amantes da autoedición

0

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove o I Premio Autobán ao mellor fanzine galego 2023-2024, un novo certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado pola artista Aisha Rey (gañadora da última edición do Combate de Debuxantes de Autobán). O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 27 de maio ao 16 de xuño e poderá realizarse a través de https://www.autoban.gal/premio24.

Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de maio de 2024, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que as persoas autoras ou a maioría de compoñentes do colectivo sexan de orixe galega ou teñan residencia en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine serán libres. A persoa gañadora do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer no mes de agosto durante un acto de entrega no marco da edición de verán 2024 do Festival Autobán. As bases do I Premio Autobán poden consultarse na seguinte ligazón:  https://cutt.ly/Bases-Premio-Autoban-23-24

SOBRE AUTOBÁN

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.

A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O Festival Autobán propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.

Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.

 

O PP denuncia falta de “transparencia” na xestión do PSOE e urxe investimento en barrios

0

O portavoz do grupo municipal do PP no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, denunciou falta de “transparencia” na xestión do PSOE na Coruña, ao facer balance do primeiro ano de mandato. Tamén ha demando investimento nos barrios.

“Falta diálogo, mesmo cos seus socios de goberno”, aseverou en referencia ás denuncias feitas a este respecto polo BNG, que deu o seu apoio na investidura para a elección de Inés Rei como alcaldesa.

Mentres, recriminou “falta de presenza da alcaldesa nos barrios” asegurando que en 2023 foron “45 millóns en investimentos sen executar”. “No catro anos anteriores sen executar 180 millóns”, manifestou tamén para denunciar, ademais, a ausencia dun novo plan de seguridade.

Entre outras cuestións, referiuse tamén á situación da planta de tratamento de residuos de Nostián, incidindo en que a marcha dos concellos que integran o Consorcio dás Mariñas implicaría “un problema de viabilidade”.

PISOS DE LAGE

Mentres, sobre os pisos do portavoz do goberno municipal da Coruña, José Manuel Lage, e as obras executadas, segundo a oposición, sen ter previamente licénciaa — cuestión que o edil rexeitou nun pleno no que deu as súas explicacións respecto diso –, Lorenzo manifestou que “se retiraron documentos do expediente que acreditaban que realizara obras que non tiñan licenza”.

De “asunto dos pisitos” cualificou estes feitos Lorenzo, que expuxo, sobre a súa solicitude dun pleno extraordinario, que están á espera de ter “toda a información” para ratificar a petición.

De “escándalo” definiu tamén a situación do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) por “facturas non fiscalizadas”. Fíxoo despois de que a alcaldesa, Inés Rey, anunciase un modificativo de crédito, cunha partida destinada a pagar facturas pendentes.

Chisco co Culuca no podcast de Texeiro: “A min o que me gusta é o estrés do momento do servizo”

Despois da visita de Xosé A. Touriñán, os activos internos do Centro Penitenciario de Teixeiro que participan no taller de podcast desenvolto pola Fundación Érguete-Integración, querían falar sobre gastronomía. E o seguinte invitado que se animou a achegarse ao centro foi Chisco Jiménez del Llano, xefe de cociña e responsable do Restaurante Culuca, copropietario tamén da Taberna da Galera e da Taberna da Tabacalera, e membro do colectivo Coruña Cociña.

Os internos e internas autores do podcast “Presirradio” prepararon unha completa e profunda entrevista, que serviu para debullar a carreira dunha das cabezas máis visibles e destacadas da hostalería coruñesa.

Chisco Jimenez del Llano no podcast Presirradio da Fundacion Erguete en Teixeiro
Chisco Jimenez del Llano no podcast Presirradio da Fundación Érguete en Teixeiro

Chisco recoñeceu que malia non ter unha vocación clara ata pasados os primeiros cursos na Escola de Hostalería de Santiago, si que gustaba de ver de cativo os programas de Arguiñano coa súa nai cando voltaba do cole a comer. “Estabamos engancados ás receitas e aos chistes”, recoñecía rindo, e mesmo aínda garda uns VHs dunha colección que lle regalara naquel entón a familia. “Si que podo dicir que foron os meus inicios e o meu primeiro tilín na cociña”.

Coa axuda dos “presixornalistas”, Chisco fixo un repaso á súa carreira. Lembrou a súa marcha a Londres, para comezar fregando pratos nun italiano; ou as fantásticas prácticas realizadas nos mellores restaurantes do estado, como Casa Marcelo (“o meu primeiro traballo ao saír da Escola, e foi tan bonito como duro. Aprendín moito del, para min o mellor cociñeiro de Galicia, a nivel gastronómico, e a nivel disciplina, non fixen a mili pero… o traballo máis gratificante da miña vida, sen dúbida”) ou Quique Dacosta, onde puido aprender cos mellores.

Xa no Culuca, repasou aqueles tempos da pandemia nas que, como persoa que non pode parar quieto, foi dos primeiros de poñerse a traballar para facer comida a domicilio. Con todo, recoñece que ”a min o que máis me gusta é o momento do servizo, ese estrés de 13:30h a 16:00h. Eu non valgo para sitios de banquetes, preparacións a gran escala… Eu necesito traballo dinámico.. Si que é verdade que hai días que o pasas mal, pero cando te falta iso, notas que te falta o que te engancha”.

Os produtos de temporada e dous “intocables” como a ensaladilla e os callos que xa son case que un emblema de toda a cidade, foron aumentando a boa fama do resturante.
O truco dos seus callos? Se cadra a evolución. “A min ninguén me ensinou, a verdade. Eu ía cos meus pais a Gasógeno. e a certos locais, pero vía que se estaba perdendo ese costume. E comecei a facelos, triunfaron, pero fun evolucionando a receita. Son uns callos que teñen moito coláxeno, que se quedan pegadas os beizos… non son para comer dous pratos, pero unha tapa saben”.

Cuestionado sobre os Premios e as Estrellas Michelín ou Repsol, Chisco recoñece que lle prestaba máis atención “máis novo, cando estaba coa enerxía ao 100%”. Agora, xa con familia, ten conseguido ir delegando para facerse un horario máis conciliador para poder gozar da familia.
Con todo, explicaba que se ben o público local non se move por guías, se cadra o público estranxeiro, nin sequera o español, si que se fixa nesas cousas. Nótoo en agosto, cando se baleira a cidade, e como no Culuca non estamos de paso de nada, notamos que si que temos xente e en boa medida é gracias ás guías”.

Contou que tivo reunións políticas, a nivel local, galego e nacional, e tamén que ten recibido críticos, dos clásicos e dos novos, os influencers. “Xa non hai tanto crítico da vella escola, que identificábamos por certas cousas, por exemplo se reservaban para dous pero acaban comendo só; ou se buscabas os nomes nunha serie de listas que rulaban polos bares que adoitaban usar os críticos”. Pero si que recibe moitas ofertas de “colaboración”… “Antes aparecían, agora xa que te avisan, te chaman, e moitas veces o que queren é comer pola patilla, e que o formulen de primeiras a min non me gusta”, recoñece.

Chisco explicou tamén como foi o seu paso de cociñeiro a empresario. Volveu de Londres por amor, e despois de Pepe Vieira, en Sanxenxo, volvéu a Coruña, e non lle tiraba nada en especial, e decidiu que era o seu momento. Puido ter ido naquel 2010 con Quique Dacosta, que estaba en plena expansión, e se decidiu a montar algo seu. “Tardei case un ano en atopar local, e acabei, o único que estaba debaixo de casa da miña avoa, que fora un super mítico Día y Noche, non tiña moi boa imaxe del, non quería ir velo, e ao final fun velo, e me decantei”.

Preguntorio

  • Tortilla con ou sen cebola: “SEN”.
  • Pizza con ou sen piña: “Sen”.
  • Cea en restaurante ou cerveza e pinchos: “Cea en restaurante”.
  • Doce o salgado: “salgado”.
  • Cociña tradicional ou de innovación: “tradicional”.
  • Polo ou galo de vilalba: “á brasa polo, se é guisado, galo”.
  • Furancho ou bar: “bar”.
  • Mar ou montaña: “Mar”.
  • Zona de España onde mellor se come: “Norte, Galicia”.
  • Viño blanco ou tinto: “era máis de tinto pero agora estou co blanco”.
  • Cal é a túa festa favorita: “A do Dépor do domingo!”.
  • Rías Altas ou Rías Baixas: Baixas, aínda que me doe dicilo.
  • Chicote ou David Muñoz: “David Muñoz, porque vai ao seu, guste ou non, teno claro”.
  • Cal é o meu prato favorito. “Pois sempre mo preginto a min mesmo, pero depende do momento. Xa sei que é unha resposta moi galega, pero é que me encanta as masas, a empanada ou tamén a pizza, por exemplo, pulpo, callos, pizza, churrasco, peixe, arroces…”.

En clave de “xogo de palabras, que che vén á cabeza con estes nomes”:

  • Gasógeno: “Callos”.
  • Feipo: hamburguesa. “Ollo, que volve abrir, por certo”.
  • El Sauce: “cociña tradicional”.
  • Árbore da Veiga: “Referencia”.
  • Pantalán: “Traballei alí; o meu segundo traballo”.
  • Pazo de Santa Cruz: “voda, aí se casaron a metade da miña familia”.
  • Retiro da Costiña: “o meu 40 cumpleanos. Paseino como un enano. Igual máis na sala dos dixestivos”.
  • Manuel Puga y Parga “Picadillo”: Referente.

Chisco, segue formándose, con libros de todo o mundo, ou mesmo propoñendo a compañeiros de profesión facerlles unha visita durante un par de semanas, lembrando aquelas duras pero magníficas prácticas nos mellores restaurantes do planeta, “unha experiencia de vida que volvería repetir”.

E tamén segue cociñando na súa casa. Así o recoñecía contando que ten amizades, de alto nivel económico, que realmente non cociñaba case nunca. “É verdade que nos súper cada vez hai máis quinta gama, os elaborados, e está claro que vai ir a máis. De feito, o noso obrador vai por aí”.

Onde non se ve é nos concursos tipo masterchef… “Si que me teñen chamado, pero bueno… Si que os vin algunha vez, no primeiro topChef, que estaba un amigo meu, pero agora non vexo ningún. Non me espertan interese e sempre estou ocupado. Están ben e creo que teñen un gancho brutal, pero se cadra máis para o afeccionado que para o profesional. Ten que haber show, é evidente, pero vaia, que eu me teño rido moito con Chicote”.

Coruña Cociña

Como fundador exlica que o colectivo ten como obxectivo promocionar a gastronomía da cidade e da provincia. “Ao ser asociación é máis doado facer accións puntuais coas administracións, é un xeito de asociarse que a título individual nunca poderías. Facemos varias accións puntuais, solidarias, feiras gastronómicas como os showcooking… Creo que é unha asociación bastante activa en pleno crecemento”, explica.

En todo caso, a participación non adoita ser por cartos. “Hai actividades chulas sen ánimo de lucro, que vas voluntariamente, encantado, e tamén hai outras remuneradas, e vas a Alicante a unha feira a facer o teu traballo, e ás veces falo por saír da rutina, coñecer xente… “

Máis novas

Touriñán, entrevistado polos intern@s do CP de Teixeiro: “O que quero, na vida e no traballo, é seguir xogando como un neno”

Risas improvisadas e branquiazuis para o Nadal do Centro Penitenciario de Teixeiro

Nova especie invasora descuberta no encoro de Cecebre

0

Os investigadores da Universidade da Coruña (UDC) Jaime Fagúndez, da área de Botánica; e María José Servia, da área de Zooloxía descubriron, xunto cos investigadores Ánxo Balado, Eva Martínez Veiga e Miguel A. Fernández, unha nova especie invasora na Península Ibérica, da especie Crassula helmsii.

Segundo informan, a Crassula helmsii é unha planta acuática orixinaria de Nova Zelandia, utilizada en acuariología e que supón un grave problema en países como as Illas Británicas e os Países Baixos. A Crassula helmsii provoca danos en lagos e encoros, pode afectar á calidade da auga e afectar a flora e fauna nativas, e en xeral aos ecosistemas naturais.

Os investigadores atoparon unha relación entre a presenza desta planta e o nitróxeno do chan e a riqueza de especies nativas. “A hipótese dunha relación directa entre outra especie invasora, o cangrexo americano, e a planta descuberta non se demostrou, pero podería existir un beneficio mutuo para as dúas especies que agrave o problema no encoro”, explica a UDC.

Este estudo forma parte dun proxecto financiado pola Cátedra Fillos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sustentable, coa colaboración da Reserva da Biosfera Terras do Mandeo, e a Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa).

Grandes retencións en Oleiros tras chocar un coche, un autobús e unha moto

0

Un accidente en Oleiros con tres vehículos implicados provocou retencións este mediodía, segundo informou a Europa Press o servizo de emerxencias 112.

En concreto, recibiuse o aviso dun choque, sobre as 13,25 horas, no que se viron implicados un autobús, un coche e unha moto, precisaron. Foi no punto quilométrico 586 da N-6, no municipio coruñés de Oleiros.

O propio motorista comunicou o sucedido explicando que estaba ferido leve e tamén na mesma situación o condutor do vehículo. O suceso produciu un “atasco importante” na zona, precisaron desde o 112 e tamén testemuñas presenciais, que apuntaron a un coche que ía en dirección saída e que invadiu o carril en sentido A Coruña.

Garante o protocolo da Fachada Marítima a titularidade pública do terreos portuarios de San Diego?

Dábase un paso importante a semana pasada coa creación da Comisión para reordenación urbanística dos peiraos. Xunta, Concello, Ministerio de Transportes, Portos do Estado, Adif e a Autoridade Portuaria coruñesa asinaban o convenio para comezar a debater sobre a reformulación das zonas de Batería-Calvo Sotelo e de San Diego, dous espazos que van cambiar por completo a fisionomía da cidade.

As primeiras críticas non tardaron en caer. Se dende a Marea Atlántica calificaban de de “decepcionante” o convenio, o BNG reclamaba que se incluíra a condonación da débeda polo porto exterior, para evitar ter que vender parte dos terreos para ter que saldala. De feito, o BNG incide en que o convenio si limita a titularidade pública aos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, pero abre a porta á privatización no resto de ámbitos, singularmente San Diego.

Hoxe é o colectivo Defensa do Común, a través do seu voceiro, o noso columnista Ricardo Vales, sempre comprometido co aproveitamento público do noso solo, o que avalía o protocolo de reordenación da fachada marítima. A entidade reincide nestes puntos xa descritos, vinculados coa débeda do porto exterior, e a posible venda dos terreos de San Diego. Pide ademais a participación da sociedade civil no proceso de negociación.

Carta de Defensa do Común

1.- O texto do protocolo coincide, na práctica, co que xa recollían os convenios urbanísticos de 2004, isto é “aproveitamentos urbanísticos dos terreos (que foron desafectados, no seu caso, para usos portuarios) cuxos rendementos económicos vinculados ao financiamento das obras de construcción do porto exterior” (4). E lembra, novamente, que “tanto os citados convenios de 2004, como o propio Convenio de Normalización Financieira subscrito entre a Autoridade Portuaria e Portos do Estado en 2011, recollen a necesidade de obter recursos procedentes da enaxenación de activos que deixen de ter un uso portuario de cara á amortización dos préstamos existentes, asegurando así a sostenibilidade financieira da Autoridade Portuaria en termos de curto, medio e longo prazo” (5).

2.- Respecto á titularidade pública dos terreos, o protocolo sinala que, alén de “basearse na titularidade pública dos espazos”, que tan só concreta para a zona de Batería-Calvo Sotelo, engade o feito de que “no caso dos terreos situados na zona San Diego-porto petroleiro os usos e a titularidade pública conseguente terán que analizarse á luz da situación actual do porto da cidade e coa necesaria xeración de recursos económicos por parte da Autoridade Portuaria” (6). Unha das posibilidades será a construcción de 5000 ou 3000 vivendas, tal como barallan os diversos medios de comunicación, circunstancia que encaixa co proxecto redactado pola UDC. En definitiva, todo pivota ao redor da idea de “xerar un amplo valor económico para a propia Autoridade Portuaria” (3), cuestión que se repite continuamente no texto do protocolo.

3.- A cuestión da condonación da débeda omítese por completo ignorando a aprobación de acordos plenarios do Concello como o do 3 de decembro de 2020. Porque PSOE e PP néganse a cumplir acordos que eles mesmo aprobaron? A este respecto, cabe lembrar que o pacto PSdeG-PSOE e BNG para a investudura de Inés Rey dentro do capítulo “esixencia a outras administracións”, figuraba a “demanda da condonación da débeda do porto da Coruña”.

4.- Resulta sorprendente o feito de que o protocolo no apartado da natureza xurídica indique que “o presente protocolo é unha declaración de intencións, sen que en ningún caso a súa sinatura supoña a formalización de compromisos xurídicos concretos e esixibeis para as partes”, incidindo en que “o presente protocolo non supón obriga de achega económica algunha por parte das administracións e organismos asinantes”.

5.- Finalmente, Defensa do Común considera que o protocolo adolece de concreción sobre aspectos básicos profundizado no que interesa e omitindo o que non convén explicar cun exceso de literatura.
A este respecto, reitera a súa petición da condonación da débeda con cargo aos presupostos do Estado ou do Ministerio de Fomento, así como a esixencia da constitución dunha plataforma cívica integrada polo movemento asociativo en orde a definir os usos da fachada marítima: zonas verdes, usos cívicos, productivos e portuarios vencellados coas actividades pesqueiras e de transformación.

Máis novas

Concello, Xunta e Estado impulsarán unha comisión para a reordenación urbanística dos peiraos

O TSXG admite a trámite un recurso contra a urbanización do Campo da Estrada-A Maestranza

 

Defensa do Común pide que a Solana volva ser xestionada polo Concello cando remate da concesión

O BNG fai unha dura lectura do ano de mandato do PSOE na cidade da Coruña

0

Convocaba unha rolda de prensa o BNG este martes 28 de maio, xusto un ano despois das pasadas eleccións municipais de 2023. O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, mostrouse “moi crítico” á hora de avaliar o primeiro ano do mandato 2023-2027. “Parécenos moi pobre o balance que o Goberno socialista local pode presentar este primeiro ano de mandato”, sentenciaba xa de inicio Jorquera.

O grupo focalizou a crítica “a falta de diálogo e a inacción á hora de resolver as múltiples tarefas que o Concello ten por diante”.

Falta de diálogo: As eleccións

Precisamente, Jorquera cre que PSOE fixo unha “lectura equivocada” do resultado das eleccións de maio de 2023, o que o conduciu a unha “actitude de autocompracencia e acomodación”. ”En 2023, o PSOE nin gañou as eleccións nin sumou máis apoios”, resaltou. E completou: “De feito, das tres forzas que obtivemos representación, foi a única que baixou en votos a respecto de 2019”.

Ante esta situación o BNG non entende que “o PSOE goberne como se tivese maioría absoluta, sen procurar nin o diálogo nin o consenso”, censurou. E, o que é aínda máis grave, “sen escoitar nin dialogar coa cidadanía”.

Vai máis alá o BNG, meténdose de cheo no goberno socialista, e criticando que conten con “concelleiros de primeira e concelleiros de segunda, e cunha grande concentración de poder en poucas mans”, o que ademais das “irregularidades” protagonizadas por algún deses edís con gran cota de poder, desemboca, segundo o BNG “nunha xestión caracterizada pola lentitude, a falta de impulso e a parálise”.
Puxo aí de exemplo, o caso de Nostián, que parece que leva co contrato caducado desde decembro de 2019– ou os “déficits evidentes” nos servizos de limpeza e mantemento.

Acordos de Goberno

Nese sentido, O BNG lembrou que o grao de cumprimento do acordo de investidura é moi baixo, o que lexitima ao BNG a “ser alternativa de goberno”. Ademais de Nostián, lembra que non se afrontou a revisión do mapa de liñas de buses e ampliación de horarios e frecuencias, a regulación de vivendas de uso turístico, a creación do Consello Económico e Social, a ordenación das terrazas ou a posta en andamento duns servizo de asesoramento aos inquilinos.
“Tampouco se ven pasos adiante para o cumprimento de compromisos situados máis no medio prazo, como o impulso da área metropolitana, o inicio da modificación do PXOM no relativo ás Percebeiras, Parque da Agra e Canteira de Durmideiras, a posta en marcha dunha bolsa de baixos en aluguer e -xa na relación con outras administracións- a negociación dunha Autoridade Única de Transportes da Área da Coruña ou a cesión gratuíta do antigo cárcere”.

Os impagos do IMCE

Especial atención puxo o BNG na xestión do Instituo Municipal de Cultura e Espectáculo, “marcada por unha inxente cantidade de facturas pendentes de pagamento, merece un comentario aparte”. 4,3 millóns de euros de débedas reais, case 700 mil máis do recoñecido en primeira instancia polo Goberno Local, ratifican a grave situación dun ente destinado a controlar o mundo da nosa cultura.

“Hai que resolver esta situación de inmediato. Está en xogo a pervivencia de moitas pequenas empresas e traballadores autónomos do sector da cultura”, urxe Jorquera.
É tan grave a situación, enfatiza, que o BNG lle comunicou ao Goberno Local que non vai ter o seu apoio para ningunha iniciativa mentres non “se proceda a modificar os orzamentos” con vistas a saldar todas as débedas co tecido cultural.

 

O Encontro Nacional de Rescate en Accidentes de Tráfico celebrarase na Coruña

A Coruña acollerá a celebración do XVIII Encontro Nacional de Rescate en Accidentes de Tráfico e Trauma, que terá lugar no paseo do Parrote entre este mércores, día 29, e o venres, día 31.

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu a Miguel Ángel Muelas, presidente da Asociación Profesional de Rescate en Accidentes de Tráfico, acompañada da concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, e o director desta área, Carlos García Touriñán.

Por outra banda, o Concello da Coruña pon en marcha as primeiras xornadas ‘UrbanDog’, o primeiro encontro sobre benestar animal, educación canina e adestramento, que incluirá actividades divulgativas, orientadas á aprendizaxe e formación dos donos de cans, ademais de talleres prácticos.

Noutra orde de cousas, a rexedora, Inés Rey, asinou, na súa condición de presidenta da estación depuradora de Bens, un convenio con Mulleres Colleiteiras para a redución das verteduras de aceite doméstico en augas residuais.

Durante a celebración do ascenso do Depor, un home foi detido por tratar de agredir a un policía nacional

0

Un home foi detido, quedando posteriormente en liberdade como presunto autor dun delito de atentado sen lesións, tras tratar de agredir cun coitelo a un policía nacional que procedeu á súa identificación durante unha intervención nun bar da Coruña coincidindo coa celebración do ascenso do Deportivo a Segunda División.

“Unha coitelada foi á cabeza, ao casco, e outra ás costas, e parouna o chaleco”, concretou o secretario xeral do Sindicato Unificado Policía (SUP) na Coruña, Marcos Franco, en declaracións a Europa Press. Sobre o sucedido, asegurou que a protección dos axentes da Unidade de Intervención Policial (UIP) evitou que o policía recibise as puñaladas.

A Policía Nacional recibiu un aviso dunha persoa ferida tras unha liorta nun bar, no barrio de Catro Camiños. Ao personarse no lugar, a vítima identificou o autor da agresión e, cando os axentes procederon á súa identificación, o home “reaccionou lanzando dúas coiteladas”. A continuación, “reduciron” ao individuo, ao que detiveron. Trátase dun “vello coñecido” da Policía Nacional, con “multitude de antecedentes”, na súa maioría por roubo.

Sobre a súa situación xudicial, fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) precisaron que se lle considera autor dun presunto delito de atentado sen lesións, todo iso á espera do que determine a instrución. Polo tipo de delito, acordouse a posta en liberdade despois de que Fiscalía tampouco pedise o seu ingreso en prisión e non se considerase a existencia de risco de fuga. Tamén está pendente de investigar a pelexa previa á chegada dos axentes, na que o detido resultou lesionado.

(Vídeo) A outra Luísa Villalta: poesía, música e sensibilidade da man de Estíbaliz Espinosa

“Sempre é desandado o camiño”. O camiño que Luísa Villalta fixo e refixo, andivo e desandou foi novamente redescuberto. E non foi unha redescuberta calquera, senón un percurso cheo de poesía, de música, de amor e sensibilidade. Un amor e sensibilidade que gozaron preto de medio cento de persoas da man doutra muller que percorre e fai camiños, conta galaxias e namora coa voz; Estíbaliz Espinosa.
A poeta, ensaísta, tradutora, cantante e comunicadora de ciencia galega foi a estrela, e non fugaz, precisamente, da andaina organizada este pasado sábado polo proxecto Rutas de Historia e Historia de Galicia e que contou co apoio de Xornal da Coruña e Galicia Confidencial. Un percurso literario e místico polo máis fondo da obra da homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.
Estíbaliz percorreu os espazos vitais de Luísa, os lugares míticos da poeta comezando pola Rosa dos Ventos da Torre, o Papagaio, o Concello da Coruña, o Obelisco, o Pazo da Ópera e a Falperra, na casa onde viviu.
“O Guerreiro venceu e trouxo o Norte
Desde entón o vento acumula na Cidade moreas deste nome
para manter acesa a lumieira do Faro
Vento que vén de vez e pasa marmexando (norte, norte)
nos ouvidos (norte)
e move a luz do Faro en catavento (arredor do norte)
a alumear o instante que se vai sempre sen mirarnos”
Roteiro de Luísa Villalta, con Estíbaliz Espionsa, na Torre de Hércules / Alez Pazó – Rutas de Historia
E alí, ao pé da Torre de Hércules e ante a caveira de Xerión, onde todo naceu os participantes souberon dos montes, os illotes, as praias, os lugares esquecidos, os nomes dos mortos e os nomes dos vivos, as rúas, as casas, a xente da Coruña, do mundo íntimo de Luísa Villalta. E a xente da andaina de Rutas de Historia marchou pola cidade ata outro dos lugares sementado en tinta de carraxe na obra de Villalta; o antigo barrio do Papagaio. Uns deses barrios que a xente “de ben” evitaba e que e a xente de mal facía que, curiosamente, fose un lugar de ben, ou depende de quen o mirara. Alí, soubemos da historia de Margarida,  a quen “todos os homes lle cheiraban a vaca”.
“Éramos poucas a aquela hora.
Margarida levaba tempo pechada no baño.
Podía ir dura de ventre ou estar cortándose as veas,
como cada vez que entraba no retrete da memoria”
E a xente tamén entrou no retrete da memoria camiñando cara o centro ou o que semella ser o centro. E alí, onde disque María Pita fixo fuxir ao terrible pirata Francis Drake, Estíbaliz lembrou que no edificio, corazón da urbe “cabeza, llave y guarda, fuerza y antemural del Reino de Galicia”, todo é como parece ser, ousexa que é como parece; nenos xogando, rebuldaina, rebumbio e homes que nunha sala grande tenta manexar os dominios de Xerión.
“Cando o reloxo dé as últimas doce e levante o pleno do día
os acordos ficarán como sempre
pendentes de tramitación”
E, precisamente, co reloxo dando as e cuarto, o medio cento de persoas marchou cara o oblisco e ese pulmón verde da cidade que son os xardíns de Méndez Núñez. Alí falouse da Villalta políedrica, ou dos poliedros e xogos de palabras que a poeta coruñesa imprimía a boa parte da súa obra. O “sator arepo tenet opera rotas”, o enigmatico Cadrado Sator romano que se pode ler de atrás para adiante e de arriba para abaixo.
“Marchemos cara a cara até nós mesmos
e enfrontar o sorriso de puñal
que nos mostre o final dos siloxismos”
Estíbaliz Espinosa no roteiro sobre Luísa Villalta diante da poeta / Inés – Rutas de Historia
E marchamos novamente na procura o principio do principio, no lugar onde todo comezou, a casa natal de Luísa, no barrio de Falperra.
” Esa son eu
rubindo unha e outra vez as escadas
dun mundo posíbel
separado sempre pola idade, a teima
e a vontade íntima de voar
No alto da miña casa alta
e por cima un país nas nubes
lidando co sol difícil do Norte
que sempre se rende ás gadoupas do mar
e esquece ficar para quecerme”
Alí, onde a voz da poeta comezou a dar formas e o son do seu violín tinguiu de sabores e sinsabores a realidade cotiá da Coruña de tinta e mar, rematou un roteiro cheo de maxia e de poesía, de risos e algunha bágoa, de amor e sensibilidade e, como non, de música. A música coa que Estíbaliz quixo honrar á poeta e creadora de palabras Luísa Villalta.
“Cando penso que te fuches
Negra sombra que me asombras
Ó pé dos meus cabezales
Tornas facéndome mofa
Cando maxino que es ida
No mesmo sol te me amostras
I eres a estrela que brila
I eres o vento que zoa
Si cantan, es ti que cantas
Si choran, es ti que choras
I es o marmurio do río
I es a noite I es a aurora
En todo estás e ti es todo
Pra min I en min mesma moras
Nin me dexarás nunca
Sombra que sempre me asombras”