Inicio Blog Páxina 450

O Encontro Nacional de Rescate en Accidentes de Tráfico celebrarase na Coruña

A Coruña acollerá a celebración do XVIII Encontro Nacional de Rescate en Accidentes de Tráfico e Trauma, que terá lugar no paseo do Parrote entre este mércores, día 29, e o venres, día 31.

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu a Miguel Ángel Muelas, presidente da Asociación Profesional de Rescate en Accidentes de Tráfico, acompañada da concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, e o director desta área, Carlos García Touriñán.

Por outra banda, o Concello da Coruña pon en marcha as primeiras xornadas ‘UrbanDog’, o primeiro encontro sobre benestar animal, educación canina e adestramento, que incluirá actividades divulgativas, orientadas á aprendizaxe e formación dos donos de cans, ademais de talleres prácticos.

Noutra orde de cousas, a rexedora, Inés Rey, asinou, na súa condición de presidenta da estación depuradora de Bens, un convenio con Mulleres Colleiteiras para a redución das verteduras de aceite doméstico en augas residuais.

Durante a celebración do ascenso do Depor, un home foi detido por tratar de agredir a un policía nacional

0

Un home foi detido, quedando posteriormente en liberdade como presunto autor dun delito de atentado sen lesións, tras tratar de agredir cun coitelo a un policía nacional que procedeu á súa identificación durante unha intervención nun bar da Coruña coincidindo coa celebración do ascenso do Deportivo a Segunda División.

“Unha coitelada foi á cabeza, ao casco, e outra ás costas, e parouna o chaleco”, concretou o secretario xeral do Sindicato Unificado Policía (SUP) na Coruña, Marcos Franco, en declaracións a Europa Press. Sobre o sucedido, asegurou que a protección dos axentes da Unidade de Intervención Policial (UIP) evitou que o policía recibise as puñaladas.

A Policía Nacional recibiu un aviso dunha persoa ferida tras unha liorta nun bar, no barrio de Catro Camiños. Ao personarse no lugar, a vítima identificou o autor da agresión e, cando os axentes procederon á súa identificación, o home “reaccionou lanzando dúas coiteladas”. A continuación, “reduciron” ao individuo, ao que detiveron. Trátase dun “vello coñecido” da Policía Nacional, con “multitude de antecedentes”, na súa maioría por roubo.

Sobre a súa situación xudicial, fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) precisaron que se lle considera autor dun presunto delito de atentado sen lesións, todo iso á espera do que determine a instrución. Polo tipo de delito, acordouse a posta en liberdade despois de que Fiscalía tampouco pedise o seu ingreso en prisión e non se considerase a existencia de risco de fuga. Tamén está pendente de investigar a pelexa previa á chegada dos axentes, na que o detido resultou lesionado.

(Vídeo) A outra Luísa Villalta: poesía, música e sensibilidade da man de Estíbaliz Espinosa

“Sempre é desandado o camiño”. O camiño que Luísa Villalta fixo e refixo, andivo e desandou foi novamente redescuberto. E non foi unha redescuberta calquera, senón un percurso cheo de poesía, de música, de amor e sensibilidade. Un amor e sensibilidade que gozaron preto de medio cento de persoas da man doutra muller que percorre e fai camiños, conta galaxias e namora coa voz; Estíbaliz Espinosa.
A poeta, ensaísta, tradutora, cantante e comunicadora de ciencia galega foi a estrela, e non fugaz, precisamente, da andaina organizada este pasado sábado polo proxecto Rutas de Historia e Historia de Galicia e que contou co apoio de Xornal da Coruña e Galicia Confidencial. Un percurso literario e místico polo máis fondo da obra da homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.
Estíbaliz percorreu os espazos vitais de Luísa, os lugares míticos da poeta comezando pola Rosa dos Ventos da Torre, o Papagaio, o Concello da Coruña, o Obelisco, o Pazo da Ópera e a Falperra, na casa onde viviu.
“O Guerreiro venceu e trouxo o Norte
Desde entón o vento acumula na Cidade moreas deste nome
para manter acesa a lumieira do Faro
Vento que vén de vez e pasa marmexando (norte, norte)
nos ouvidos (norte)
e move a luz do Faro en catavento (arredor do norte)
a alumear o instante que se vai sempre sen mirarnos”
Roteiro de Luísa Villalta, con Estíbaliz Espionsa, na Torre de Hércules / Alez Pazó – Rutas de Historia
E alí, ao pé da Torre de Hércules e ante a caveira de Xerión, onde todo naceu os participantes souberon dos montes, os illotes, as praias, os lugares esquecidos, os nomes dos mortos e os nomes dos vivos, as rúas, as casas, a xente da Coruña, do mundo íntimo de Luísa Villalta. E a xente da andaina de Rutas de Historia marchou pola cidade ata outro dos lugares sementado en tinta de carraxe na obra de Villalta; o antigo barrio do Papagaio. Uns deses barrios que a xente “de ben” evitaba e que e a xente de mal facía que, curiosamente, fose un lugar de ben, ou depende de quen o mirara. Alí, soubemos da historia de Margarida,  a quen “todos os homes lle cheiraban a vaca”.
“Éramos poucas a aquela hora.
Margarida levaba tempo pechada no baño.
Podía ir dura de ventre ou estar cortándose as veas,
como cada vez que entraba no retrete da memoria”
E a xente tamén entrou no retrete da memoria camiñando cara o centro ou o que semella ser o centro. E alí, onde disque María Pita fixo fuxir ao terrible pirata Francis Drake, Estíbaliz lembrou que no edificio, corazón da urbe “cabeza, llave y guarda, fuerza y antemural del Reino de Galicia”, todo é como parece ser, ousexa que é como parece; nenos xogando, rebuldaina, rebumbio e homes que nunha sala grande tenta manexar os dominios de Xerión.
“Cando o reloxo dé as últimas doce e levante o pleno do día
os acordos ficarán como sempre
pendentes de tramitación”
E, precisamente, co reloxo dando as e cuarto, o medio cento de persoas marchou cara o oblisco e ese pulmón verde da cidade que son os xardíns de Méndez Núñez. Alí falouse da Villalta políedrica, ou dos poliedros e xogos de palabras que a poeta coruñesa imprimía a boa parte da súa obra. O “sator arepo tenet opera rotas”, o enigmatico Cadrado Sator romano que se pode ler de atrás para adiante e de arriba para abaixo.
“Marchemos cara a cara até nós mesmos
e enfrontar o sorriso de puñal
que nos mostre o final dos siloxismos”
Estíbaliz Espinosa no roteiro sobre Luísa Villalta diante da poeta / Inés – Rutas de Historia
E marchamos novamente na procura o principio do principio, no lugar onde todo comezou, a casa natal de Luísa, no barrio de Falperra.
” Esa son eu
rubindo unha e outra vez as escadas
dun mundo posíbel
separado sempre pola idade, a teima
e a vontade íntima de voar
No alto da miña casa alta
e por cima un país nas nubes
lidando co sol difícil do Norte
que sempre se rende ás gadoupas do mar
e esquece ficar para quecerme”
Alí, onde a voz da poeta comezou a dar formas e o son do seu violín tinguiu de sabores e sinsabores a realidade cotiá da Coruña de tinta e mar, rematou un roteiro cheo de maxia e de poesía, de risos e algunha bágoa, de amor e sensibilidade e, como non, de música. A música coa que Estíbaliz quixo honrar á poeta e creadora de palabras Luísa Villalta.
“Cando penso que te fuches
Negra sombra que me asombras
Ó pé dos meus cabezales
Tornas facéndome mofa
Cando maxino que es ida
No mesmo sol te me amostras
I eres a estrela que brila
I eres o vento que zoa
Si cantan, es ti que cantas
Si choran, es ti que choras
I es o marmurio do río
I es a noite I es a aurora
En todo estás e ti es todo
Pra min I en min mesma moras
Nin me dexarás nunca
Sombra que sempre me asombras”

O FEAE á innovación educativa, novo premio para a campaña “Aquí tamén se fala”

0

Segue colleitando premios, e espallando o poder da lingua galega, o proxecto “Aquí Tamén se fala”, desenvolto xa en todo gracias á implicación da comunidade educativa do IES Rafael Dieste.

Este venres coñecíamos que esta campaña da mocidade estudantil galega leva o Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña deste ano, pero antes xa caera o  “Mil Primaveras” que entrega a Comisión de Técnicos/as de Normalización Lingüística do país. Hoxe damos conta do recoñecemento de FEAE á innovación educativa, que se suma aose ao 

Este novo galardón chega dunha asociación non gubernamental que traballa no ámbito da educación de varios países de Europa, fundamentalmente en aspectos relacionados coa administración e a xestión educativas. Fundada en París en 1976, conta con sección galega (Forum Europeo Galicia) desde o ano 1991 e máis de vinte Estados con delegación propia.

A iniciativa premiada agora por este organismo naceu dentro das aulas dun instituto coruñés, o IES Rafael Dieste, baixo a coordinación por Arcadio González Nóvoa e Alberto Pombo Añón, e conseguiu ilusionar e envolver máis de 200 centros educativos, 25.000 estudantes e 50.000 espazos, así como aos principais clubs do deporte profesional galego e referentes musicais e culturais internacionais.

Ao tempo, “Aquí tamén se fala” é un proxecto educativo no que o alumnado se forma na comunicación audiovisual e no traballo en redes sociais.

A entrega do Premio será no 26 de xuño no salón de Plenos do Concello da Coruña as 17:30.

Máis novas do proxecto

O proxecto “Aquí tamén se fala” leva un dos Premio Rosalía de Castro de Lingua

O #Aquítaménsefala e o Recuncho Gamer reciben os Premios Mil Primaveras

“Aquí tamén se fala” convértese en Festival!

 

#Aquitaménsefala: A BSO do IES Rafael Dieste faise en galego

A resaca branquiazul

0

Celebrou a Coruña, por partida cuádruple, o ansiado ascendo do Dépor á 2ª División. Tras 4 anos no inferno da 1ª “comemerda”, o equipo branquiazul conseguía fai 15 días o regreso ao fútbol profesional. E comezaban aí, tralo partido contra o Barça B, o carrusel de celebracións. Celebracións algo artificiais, algo enxauladas, pero que non evitaron que a marea branquiazul gozase do seu humilde triunfo.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Xornal da Coruña (@xornaldacoruna)

Xa a primeira hora do sábado, a Banda do Camión lanzaba o seu himno polos barrios, facendo parada nos Rosais e no Campo da Leña antes de levar o escenario móvil ata a zonad e Riazor.


O Depor non tivo piedade co Real Unión, que se xogada o descenso (finalmente se salvaba) e lle endosaba un claro 3-1 (cos goles de Rañul Alcaina, Salva Sevilla e mella) ante un Riazor, de novo ateigado, con máis de 27.000 persoas. A alusión a Arsenio e á súa mítica “Cuanto Sufrimos, Martín” que dá nome ao podcast por excelencia do deportivismo, daba un toque máis de emotividade á xornada.

Lucas calaba bocas sobre o céspede asegurando que queda en Riazor (por se aínda había dúbidas) e a comitiva montaba no bus disfrazada de piña e co pelo branco depor. Despois dun periplo pola cidade, o bus chegaba unha hora máis tarde do esperado a Catro Camiños. Esperaban milleiros de persoas, centos de familias desexando ver a esas estrellas.

Xa non son aqueles tempos nos que a celebración era máis espontánea, sen a necesidade dun speaker que nos mandase cada cántico (ollo, que o traballo de Sergio Tomé é excepcional), nos que eramos os siareiros os que nos mollábamos na auga da fonte. Así e todo, a mocidade celebrou o seu baño de masas como previa a unha noite moi longa.

Celebracion do Depor na Torre de Hercules
A celebración chegou con bengalas á Torre de Hércules. Foto:@rcdeportivo

Domingo de María Pita

Expedicion do Depor en Maria Pita. Foto: @rcdeportivo
Expedición do Depor en Maria Pita. Foto: @rcdeportivo

Finalmente se celebrou, tamén tarde, pero a tempo, a recepción municipal en María Pita, outro dos actos tradicionais dos fitos deportivistas. Unha vez envainadas as espadas irresponsablemente lanzadas o día despois do ascenso, o equipo subu ao palco esta tarde de domingo, ante unha praza ateigada, outra vez, de familias coruñesas.

Nova demostración así de que a cidade da Coruña sabe sufrir, pero tamén sabe gozar dos éxitos. Que cheguen moitos máis!.

Máis novas

A primeira foi a vencida

 

Auxilian a saír da auga a un bañista na praia de Riazor

Unhas persoas auxiliaron a saír da auga a un bañista na praia de Riazor, segundo precisaron testemuñas sobre uns feitos rexistrados na tarde do luns.

Fontes próximas ao caso consultadas por Europa Press, apuntaron que non se tratou propiamente dun “rescate” a pesar de que houbo unha chamada á Policía alertando de que había unha persoa “en apertos na auga”.

Testemuñas confirmaron que se auxiliou a unha persoa achegándose á beira xa que o bañista non era capaz de saír polo seu propio pé ao non ter forza, aínda que sen que houbese ningunha intervención por parte de axentes policiais.

Acampa pola Paz instalará un campo simulado de refuxiados e un memorial polos menores asasinados en Gaza na Coruña

0

Acampa pola Paz instalará na Coruña do 7 ao 9 de xuño un campo simulado de persoas refuxiadas e un memorial en recordo á infancia asasinada en Gaza. Segundo informa a organización, será unha proposta no marco da programación deste ano para que os visitantes poidan coñecer a precariedade na que viven as persoas refuxiadas.

Ademais, os xardíns de Méndez Núñez acollerán tamén un memorial pola infancia asasinada ante o que o domingo 9 de xuño, ás 12 horas, está convocado un minuto de silencio. “Queremos que este acto de repulsa sexa unitario, que toda a cidade únase a gritar desde a mudez e a esixir que cesen xa as mortes sen máis bandeiras que a dos Dereitos Humanos“, explican dende rede Acampa.

A UDC e o Porto da Coruña impulsarán melloras na operatividade portuaria con ferramentas como a IA

A Universidade da Coruña (UDC) e a Autoridade Portuaria da Coruña colaborarán no impulso de melloras na operatividade portuaria no porto exterior co uso de ferramentas como a Intelixencia Artificial (IA). Será a través dun convenio subscrito este luns, na sede da institución coruñesa, polo reitor, Ricardo Cao, e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado.

No acto, estiveron presentes tamén o xefe do departamento de sustentabilidade da entidade, Andrés Guerra, e o investigador principal do proxecto e membro do Grupo de Investigación en Enxeñaría da auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da UDC, Enrique Pena. Este último apuntou a un convenio polo que se abordará o uso de novas ferramentas predictivas para cuestións como decidir que barco “vai a cada sitio” ou “como son as operacións de carga e descarga”, dixo facendo referencia ás instalacións do porto exterior, en Punta Langosteira.

Todo iso tras un traballo previo estes anos de cara a mellorar a actividade das empresas e a propia operatividade. “Seleccionar as mellores localizacións para a carga e descarga e evitar as incidencias”, resumiu tamén. Isto aplicando a Intelixencia Artificial ou a enxeñaría portuaria, entre outros recursos e en base a un “proxecto multidisciplinar” para facer o porto “aínda máis eficiente e competitivo”. Así o expuxo tamén o reitor da UDC en liña co manifestado tamén polo presidente da Autoridade Portuaria para, asegurou, actuacións que permiten seguir “mellorando” e favorecendo a actividade no porto, cun convenio con vixencia ata 2028.

Nace o I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024

0

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, acaba de anunciar o I Premio Autobán ao mellor fanzine galego 2023-2024, un novo certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado pola artista Aisha Rey (gañadora da última edición do Combate de Debuxantes de Autobán).

Autobán, o festival coruñés de cómic autoeditado, nace no ano 2023, e convertida en asociación cultural, tenc como obxectivo a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas.

Coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico, organiza o Festival Autobán, un mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O Festival Autobán propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.

Agora, combina o festival co este Premio, no que poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de maio de 2024, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo sexan de orixe galega ou estean fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine serán libres. A persoa gañadora do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer no mes de agosto durante un acto de entrega no marco da edición de verán 2024 do Festival Autobán. As bases do I Premio Autobán poden consultarse nesta ligazón.

O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 27 de maio ao 16 de xuño e poderá realizarse a través de https://www.autoban.gal/premio24.

Autobom e Club de Debuxo

A asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines.
De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.

Máis novas

“A Coruña foi unha cidade moi importante para o movemento creativo en fanzines”

O Salón do Cómic Viñetas desde o Atlántico xa ten data para este 2024

Olladas doutro tempo: Santa Lucía

A escalinata de Santa Lucía sube dende a avenida de Fernández Latorre ata a rúa Santa Lucía. É xusto alí mesmo, enriba da escaleira, onde poderíamos ollar cara á dereita, rúa abaixo, para ter o mesmo punto de vista desta imaxe. A papelería Lombardero editouna coma postal, pero non pola beleza da arquitectura que amosa, senón polo mercado que alí se celebraba, directamente sobre o chan da rúa Santa Lucía. Na famosa novela A Tribuna (1883) de Emilia Pardo Bazán, descríbese deste xeito o que estamos a ver na imaxe: “cestas de marchitas verduras, peixes, mariscos, pero nunca aves nin froitas de mérito”. O capítulo onde aparece este texto fala do barrio onde vive a protagonista, Amparo, unha cigarreira que traballa na cercana Fábrica de Tabacos. Trátase dun barrio humilde, de baixo poder adquisitivo, poboado por mariñeiros e traballadores das fábricas.

Pero a orixe desta barriada é moito máis sorprendente e nada ten que ver co ambiente do século XIX e inicios do XX. O barrio xurdiu xa na Idade Media, pero coma leprosería. A súa existencia está documentada dende o século XIV, pero pode que xa funcionase no XIII. Historiadores coma Enrique Vedía, Antonio Rey Escariz ou Ismael Velo citan textos antigos nos que se fai referencia ós “lacerados de Santa Lucía”, ou ó “hospital de incurables”, sendo bastante habitual que nos testamentos aparecesen esmolas para o lazareto. Está probado documentalmente que a fundación do lugar correu a cargo do Concello. Ademais diso, constan axudas económicas municipais, coma unha renda sobre a importación do sal que chegaba ó porto. O goberno local tamén era o encargado de vixiar ós sospeitosos de contaxio que vivían na cidade, facendo ir ó médico ata as súas casas a recoñecelos por se fose preciso envialos a Santa Lucía. Dolores Barral explica perfectamente o funcionamento do lugar, ademáis de argumentar que as leproserías “poden ser consideradas coma os primeiros hospitais especializados, pero non dende o punto de vista sanitario, senón dende o concepto de reclusión e illamento especial. A fundación dunha leprosería é a consecuencia dunha sociedade que marxina ós que sufren esta enfermidade”. O emprazamento das mesmas sempre era lonxe da cidade e os seus arrabais, coma vemos no caso coruñés.

O lazareto municipal sería unha aldea autosuficiente, un conxunto de vivendas rodeadas de hortas, organizadas arredor dun edificio que aportaba o nome ó conxunto: a capela de Santa Lucía. Consérvase unha imaxe desta igrexa grazas a un pintor italiano, Pier María Baldi. Este artista acompañou a Cosme III de Médicis nunha viaxe por España e Portugal. Baldi era o encargado de ir retratando os lugares visitados mediante unhas preciosas panorámicas, actualmente conservadas na Biblioteca Medicea Laurenciana de Florencia. Coruña foi a última cidade de España que visitaron, saíndo do seu porto en marzo do ano 1669. A panorámica coruñesa é unha das imaxes máis fermosas que se conservan da nosa cidade antes de que se inventase a fotografía. O artista pintou a paisaxe que abarca dente o alto de Santa Margarida, á esquerda, ata o castelo de San Diego, á dereita; véndose a Torre, a Pescadería e a Cidade Alta ó lonxe. Na parte central, en primeiro termo, aparece Santa Lucía. Agradecemos enormemente ó príncipe florentino que non tivese intención de aparecer na imaxe, coma é habitual hoxe en día nos recordos de viaxe.

A capela foi derrubada en 1884 e trasladada ata a travesía do monte, para rematar sendo substituida en 1912 pola nova igrexa parroquial de Santa Lucía situada na Praza de Lugo, a case un kilómetro do edificio que pintou Baldi. O mercado foise alonxando ata rematar transformandose nunha praza de abastos situada a cincocentos metros da ubicación orixinal. A rúa segue alí, pero máis curta e con edificios só nunha beira dende que a partiu a entrada a Coruña pola Avenida de Alfonso Molina. A capela, a rúa e o mercado eran parte da mesma cousa, mentres que agora o nome está demasiado disperso pola cidade adiante, completamente desarraigado. A esencia do barrio dilúese co pasar do tempo. Xa non hai cigarreiras, nin mariñeiros, pero un lugar con tan longa historia merece recordar as súas orixes. O único recordo palpable está no chan. Baixando a rúa de Santa Lucía chegamos ata a intersección de Fernández Latorre con Alfonso Molina. Alí, xunto unha árbore, podemos ver unha sinxela inscripción recordando a antiga localización da capela que deu nome a todo un barrio. Semella moi pouca cousa para un lugar con moitísimo que lembrar.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO