Inicio Blog Páxina 473

A AMEGA descobre a historia dos medios en galego da cidade

0

Ademais do Festival de Música Galega contemporánea deste xoves, e para o que xa non hai entradas, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) prepara para esta semana outra cita cultural no marco do programa do Día dos Medios en Galego. Un programa que nace lembrando a saída da primeira publicacición en galego, O Tío Marcos da Portela, un 7 de febreiro de 1876. Este 2024 cúmprese ademais o 175 aniversario do nacemento do seu promotor, Valentín Lamas Carbajal.

Así, este sábado 24 de febreiro a entidade, en colaboración con este mesmo Xornal da Coruña e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, convoca un Roteiro-cortexo xornalístico, vinculado coa nosa lingua, polo barrio de Monte Alto.

O roteiro será conducido por Xurxo Souto, e arrincará ás 12:00h do Campo de Marte, onde Ubaldo Cerqueiro explicará quen forma a AMEGA e debullará o nacemento do Xornal da Coruña, o primeiro gran xornal dixital exclusivamente en galego da Coruña e a súa área metropolitana.

Ás 12:20h farase parada na Oficina de Luzes, con Xosé Manuel Pereiro.

A seguinte parada será ás 12:45, no IES Zalaeta, no que foi a imprenta do Hospicio, onde aló por 1860 se imprime Vello Pico Sacro, unha das primeiras publicacións na nosa lingua. Será Xoán Costa, de Nós Diario, o que nos conte a historia e nos fale do proxecto do único diario en galego que sae en papel.

Ás 13:00h achegarémonos ata o Papagaio, para render unha pensa homenaxe a Luisa Villalta e mais A Nosa terra, con Carmela Galego e María Xosé Bravo, da AC Alexandre Bodeva.

E o fin de festa será no Campo da Leña, onde Tomás Legido lembrará a potencia social da CUAC FM. Xurxo Souto brindarános unha alegre despedida, e se cadra cae algunha sorpresa.

Máis novas

A Coruña enche o Festival do Día dos Medios en Galego

A rede da A.C. Alexandre Bóveda

A AMEGA organiza un roteiro e un festival de música galega contemporánea na Coruña polo Día dos Medios en Galego

Sorprendido en Salamanca un coruñés con 7 quilos de haxix ocultos no seu coche

0

Axentes da Garda Civil detiveron a un home por levar no seu coche 14 paquetes de haxix, cun total de 6.950 gramos, ademais de 1.124 euros en efectivo e unha báscula de precisión, sorprendido nun control no termo municipal de Fontes de Béjar (Salamanca). Enmarcado dentro do denominado Plan Operativo Integral Contra o Tráfico de haxix procedente de Marrocos (Plan TELOS), os axentes do Posto de Ledrada da Comandancia de Salamanca estableceron na madrugada do 22 de febreiro o dispositivo.

Nel, os gardas civís observaron un vehículo que “circulaba de forma estraña”, polo que interceptaron o vehículo e identificaron o condutor, que resultou ser un home de 44 anos, residente na localidade da Coruña. Realizada a inspección, localizaron no seu interior 14 paquetes “compactos e precintados”, en cuxo interior levaba pastillas de haxix, así como 1.124 euros en efectivo e unha báscula de precisión. Por iso, procederon á incautación da sustancia estupefaciente e do vehículo empregado para o transporte, e á detención do condutor como suposto autor dun delito contra a saúde pública, por tráfico de sustancias estupefacientes, quen pasou a prisión provisional.

A Coruña, provincia onde os pequenos concellos de interior votan de xeito conservador mentres a costa se moderniza

Galicia é diversa. A nosa terra é un territorio onde nada ten que ver a mentalidade nin a cultura das zonas da costa coas zonas do interior, a daqueles pobos máis do rural coa dos máis próximos á cidade ou a dos concellos con máis poboación moza que a de aqueles nos que os maiores de 65 son os que seguen a darlle vida. E toda esta diversidade tamén se reflexa nas urnas. Á hora de votar, hai tendencias que se poden observar claramente en cada provincia e que dende Galicia Confidencial tratamos de detectar facendo unha análise exhaustiva dos datos das últimas eleccións autonómicas deste 18F concello a concello, para contarvos as curiosidades de cada provincia e explicarvos máis polo miúdo que é o que aconteceu nestes comicios nos que se agardaba un cambio que finalmente non chegou. 

Comezando pola provincia da Coruña, facendo un panorama xeral, cabe destacar que se trata dunha provincia que está mudando pouco a pouco o seu voto. Se no pasado apoiaba indiscutiblemente ao PP, agora este, aínda que segue a ser o rei absoluto dos concellos de interior con poucos habitantes, onde lle saca grandes distancias á segunda forza (o BNG), xa non o é tanto nos concellos costeiros e máis grandes, onde aínda que segue sendo a forza máis votada, vese xa próximo ao BNG, que de seguir esta progresión ascendente lle podería chegar a adelantar en eleccións próximas, alo menos en algúns municipios dos que logo falaremos máis en detalle. Polo que respecta ao PSdeG, A Coruña foi, precisamente, unha das provincias onde este tivo unha maior desfeita, perdendo a confianza en concellos que en pasados comicios mesmo o arrouparan como segunda forza, e quedándose por baixo do 10 % dos votos totais na frioleira de 23 concellos dos 93 que ten a provincia (nun de cada catro).

O PP SUPEROU O 40 % DOS VOTOS EN TODOS OS CONCELLOS AGÁS EN 6: PONTEDEUME, MUGARDOS, AS PONTES, A CAPELA, FENE E CORCUBIÓN

En concreto, o PP foi a forza máis votada en todos os concellos da provincia agás en tres, onde o superou o BNG, aínda que non por moita diferenza de votos: Mugardos (36,72 % dos votos para o BNG fronte ao 37,57 % do PP); Fene (42,06 % fronte ao 35,62 %); e Corcubión (45,72 % fronte a 33,36 %). O municipio onde maiores apoios recabou o PP de Alfonso Rueda dentro da provincia foi Tordoia (3.259 habitantes), cun 68,30 % de votos para os populares (o BNG quedou moi lonxe, cun 19,66 % dos votos, e o PSdeG case foi residual, cun 7,30 %). E aínda que foi neste pequeno pobo de interior onde maior porcentaxe de voto colleitou o PP, hai outros 16 nos que tamén superou o 60 % dos votos, e ollo aos habitantes de cada un: Aranga (1.834 habitantes); Boimorto (1.959); Coirós (1.853); Curtis (4.053); Irixoa (1.340); Mañón (1.319); Mazaricos (3.341); O Pino (4.652); Rois (4.505); Santa Comba (9.365); Sobrado (1.730); Toques (1.107); Trazo (3.013); Val do Dubra (3.851); Vilarmaior (1.209); e Vilasantar (1.211).

Todos eles son concellos de menos de 2.000 habitantes a excepción de 6, e todos son de zonas do interior agás Mañón. En todos estes concellos o BNG foi segunda forza, pero a porcentaxe de voto en todos eles rondou o 20 % (unha terceira parte da obtida polo PP). Mentres, o PSdeG esborrallouse tremendamente, rondando o 10 % en moitos e non chegando nin ao 5 % nalgúns. Tamén houbo outros 33 concellos onde máis da metade da súa poboación (máis do 50 % dos votantes) elixiron ao PP de Alfonso Rueda: A Baña, A Laracha, Abegondo, Arzúa, Bergondo, Boqueixón, Cabana de Bergantiños, Cerceda, Cerdido, Coristanco, Frades, Laxe, Lousame, Malpica de Bergantiños, Melide, Mesía, Moeche, Monfero, Muxía, Negreira, Ordes, Oroso, Ortigueira, Outes, Oza-Cesuras, Paderne, Padrón, Ponteceso, Santiso, Touro, Vedra, Vimianzo e Zas.

Se sumamos estes 33 concellos aos 17 nos que o PP sacou máis do 60 % dos votos, estamos a falar de que en 50 municipios dos 93 totais máis da metade da poboación votou aos populares. Ademais, é preciso resaltar que nos 43 concellos restantes o PP mantívose entre o 40 e o 50 % da porcentaxe de voto, agás en 6: Pontedeume (onde se quedou no 39,84 %), en Mugardos (onde colleitou o 37,31 % – aquí a forza máis votada foi o BNG), nas Pontes (cun 37,31 %), na Capela (cun 37,53 %), en Fene (cun 35,62 % – a forza máis votada foi o BNG) e en Corcubión (cun 33,36 % dos votos – a forza máis votada foi o BNG).

O BNG SÓ CAEU DO 20 % DOS VOTOS EN CATRO CONCELLOS: ARANGA, SOBRADO, TORDOIA E CAMARIÑAS

O BNG, pola súa banda, foi segunda forza en todos os concellos da provincia agás nos tres nos que foi a primeira (Mugardos, Fene e Corcubión) e en dous onde lle adiantou o PSdeG: Camariñas (o BNG sacou o 18,82 % dos votos fronte a un PSdeG que se alzou co 29,57 %) e Dumbría (o BNG quedouse co 25,45 % dos votos a un pasiño do 25,94 % logrado polo PSdeG). Ademais, os dous concellos onde recibiu maior porcentaxe de votos a formación de Ana Pontón foron, precisamente, en dous onde se alzou como primeira forza: Fene (vila mariñeira de 12.868 habitantes), onde se levou o 42,06 % dos votos; e Corcubión (vila mariñeira de 1.590 habitantes), onde se levou o 45,72 %. Con todo, os nacionalistas non foron quen de superar o 40 % dos votos en ningún concello da provincia máis.

Aínda que si superaron o 30 % en 45 dos 93 municipios que conforman o mapa da Coruña: A Capela, A Coruña, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Ames, Ares, Arteixo, Arzúa, As Pontes de García Rodríguez, Boiro, Brión, Cabanas, Cambre, Carballo, Cariño, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Culleredo, Dodro, Ferrol, Fisterra, Malpica de Bergantiños, Melide, Miño, Moeche, Muros, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Porto do Son, Vedra, Rianxo, Ribeira, Sada, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Santiso e Teo. Pero se en todos eles foi segunda forza, de onde sacou os votos para subir do 30 %? Non foi do PP, precisamente, que se aproxima ao 50 % dos votos en todos estes concellos e mesmo o supera nalgúns, senón do PSdeG, que cae ata o 10 % e menos. Fronte a só catro concellos onde o BNG colleitou menos do 20 % dos votos: Aranga (19,06 %), Sobrado (17,31 %), Tordoia (19,66 % – concello da provincia onde máis se votou ao PP) e Camariñas (18,82 % – onde lle adiantou como segunda forza o PSdeG).

O PSDEG COLLEITOU MENOS DO 10 % DOS VOTOS NUN DE CADA CATRO CONCELLOS, E MENOS DO 5 % EN VILASANTAR E AS SOMOZAS

E polo que respecta ao PSdeG, lembremos que só foi segunda forza en dous concellos: Camariñas (co 29,57 % dos votos fronte ao 18,82 % do BNG e ao 46,55 % do PP) e Dumbría (co 25,94 % dos votos fronte ao 25,45 % do BNG e ao 45,05 % do PP). Nestes dous concellos superou o 20 % dos votos totais, e tamén o fixo noutros tres (ata un total de 5): A Capela (23,59 %), As Pontes de García Rodríguez (20,67 %) e Vimianzo (20,48 %). Aínda que nestes tres últimos esa porcentaxe non foi suficiente para subir da terceira posición. No resto da provincia tamén foi terceira forza en todos os concellos. De feito, o máis preocupante para os socialistas é que en 23 dos 93 concellos da provincia (nun de cada catro), colleitou menos do 10 % dos votos. A situación máis dramática viviuna no municipio de Vilasantar (1.211 habitantes), onde se quedou co 4,19 % dos votos (o PP sacou o 65,39 % e o BNG o 26,97 %).

Por debaixo do 10 % tamén estivo en: Abegondo, Arzúa, As Somozas, Boqueixón, Cabana de Bergantiños, Carballo, Curtis, Mazaricos, Melide, Moeche, O Pino, Ordes, Outes, Ribeira, Rois, San Sadurniño, Teo, Toques, Tordoia, Trazo, Vilarmaior e Zas. E, de feito, estivo por debaixo do 5 %, ademais de en Vilasantar, tamén nas Somozas, onde non logrou superar o 4,76 %. Polo menos, no caso da provincia da Coruña, non se quedou por debaixo do 10 % dos votos en ningunha das tres grandes cidades: Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela.

A Deputación da Coruña destina 270.000 euros a 20 municipios da área de Santiago

0

A área de Deportes da Deputación da Coruña destina 270.000 euros a unha vintena de municipios da área de Santiago para a contratación de técnicos deportivos.

O deputado responsable desta área, Antonio Leira, visitou o centro deportivo Juanito Amigo, no municipio coruñés de Oroso, onde supervisou algunhas das actividades que se desenvolven na localidade, unha do vinte que contan cun técnico deportivo contratado coas axudas que a institución provincial destina a este fin.

Tal e como trasladou a Deputación nunha nota de prensa, Leira destacou nesta visita que se destinaron este ano 904.000 euros ao financiamento deste programa, que permitirá a 67 concellos da provincia contratar ou manter no seu cadro de persoal a técnicos deportivos “que teñen como misión dinamizar a actividade deportiva dos municipios e planificar un calendario de actividades para todos os públicos”.

Ademais, o deputado sinalou que se trata dun programa que “contribúe de maneira directa á xeración de 62 empregos noutros tantos municipios da provincia” e “facilita a realización de programacións deportivas con actividades variadas e estables, promovendo a práctica do deporte e a actividade física entre os veciños de todas as idades nos concellos da provincia”.

Unha trintena de embaixadores apoian a candidatura de Riazor como sede do Mundial 2030

0

O Concello da Coruña enviou á comisión avaliadora das candidaturas para acoller as futuras sedes do Mundial 2030 dous vídeos que recollen o apoio de ata 30 embaixadores á candidatura de Riazor.

Así o explicou o consistorio, que remarcou que, entre esas figuras que avalan a cidade, atópanse Bebeto, Mauro Silva e Irureta. Os vídeos tamén mostran o “estreito vínculo” da cidade herculina co seu equipo e a historia de “loita, sacrificios e éxitos” do Deportivo.

Desta forma, A Coruña é unha das cidades que optan ser sede do Mundial, achegando infraestruturas e proxectos para converter Riazor nun estadio do “máximo nivel” e un recinto multiusos que poida acoller eventos de “dimensión internacional”. Esta semana a comisión avaliadora tivo unha nova reunión na cidade na que o goberno local informar as “potencialidades” da Coruña para acoller os partidos desta competición.

Seis detidos por branqueo de capital no pago dunha fianza por narcotráfico, cunha empresa implicada na Coruña

0

A Policía Nacional detivo a seis persoas como presuntos autores dun delito de branqueo de capitais no marco da operación ‘Verónica’, que se desenvolveu o pasado mércores 21 de febreiro cos rexistros a varias vivendas en La Línea de la Concepción (Cádiz) co obxectivo de desarticular unha organización dedicada ao branqueo de capitais por parte dun narcotraficante residente no Campo de Xibraltar.

A investigación realizada pola Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) iniciouse tras o pago dunha fianza de 250.000 euros para a posta en liberdade do principal investigado dunha operación de tráfico de drogas, como indicou a Policía Nacional nunha nota.

A investigación tivo o seu inicio ao recibir información de que o principal investigado adquirira un vehículo de alta gama simulando realizar un contrato de arrendamento para xustificar o seu uso. O investigado tiña antecedentes por detencións como máximo responsable na loxística e xestión de collas no tráfico de haxix no Campo de Xibraltar, delitos contra a saúde pública e pertenza a organización criminal.

Desta forma, os axentes centraron a investigación no estudo desta causa, descubrindo que o sospeitoso conseguiu eludir o cumprimento da prisión provisional pagando 250.000 euros. Ao analizar este pago desvelouse a creación dunha trama de achegas económicas que obtiña como resultado o pago da fianza.

Por unha banda, saíu á luz a colaboración dunha serie de persoas que realizaron achegas monetarias para sufragar o pago da fianza. Estes simulaban presuntamente realizar transferencias ou traspasos de diñeiro persoal. Este diñeiro, que pretendía reflectirse como de orixe legal e coñecida, tratábase de cantidades previamente recibidas en metálico polo principal investigado.

Doutra banda, o pagador da fianza recibiu a maior parte do diñeiro de dúas empresas pantalla, unha na localidade veciña de Estepona (Málaga) e outra na cidade da Coruña. Ambas introducían o diñeiro nas súas contas bancarias con diferentes xustificacións e en distintas contas para ocultar a orixe real do mesmo.

Finalmente, para alcanzar a cantidade solicitada como fianza, ademais dos administradores das empresas, houbo que implicar a outras catro persoas, que presuntamente realizaron achegas ata completar o valor total da fianza. Así, co obxectivo de dar veracidade aos pagos realizados e dificultar un eventual control policial ou fiscal, os investigados abriron varias contas correntes “ad hoc” e utilizaron tanto estas como as contas persoais de cada investigado e das empresas.

Na investigación analizáronse un total de 38 contas correntes, de cinco entidades bancarias distintas, podéndose demostrar que os 250.000 euros entregados en concepto de fianza, procedían integramente de diñeiro en efectivo e, por tanto, de orixe descoñecida, destapando desta forma a trama de branqueo de capitais e quedando totalmente demostrado que a procedencia de forma integra do diñeiro en metálico fora obtido de forma ilícita.

A fiscalía de Alxeciras, na súa sección especial antidroga, autorizou todas as medidas para esclarecer o delito, sendo o xulgado de Instrución número uno da Liña quen decretou o rexistro do domicilio do principal investigado, así como das dúas empresas presuntamente implicadas, tendo esta sede na Coruña e en Estepona.

Nos rexistros realizados localizouse importante documentación relacionada coa causa, así como dispositivos electrónicos e móbiles para a súa análise e diñeiro en efectivo. A operación finalizou coa detención de seis persoas, quedando unha detención máis noutra localidade.

Segundo a Policía Nacional, esta investigación marca “un punto de inflexión” na loita contra o narcotráfico no Campo de Xibraltar, xa que por primeira vez investígase esta forma de branqueo de capitais, conseguindo romper “a sensación de impunidade que rodea a figura dos narcotraficantes”, aos que non lles supón esforzo económico o pago das cuantiosas fianzas solicitadas polos titulares dos distintos xulgados da comarca, tendo estes como costume o sufragalas co mesmo beneficio obtido co tráfico de drogas.

“Memorias dun neno labrego” xa ten banda deseñada

0

“Eu son… Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademáis, pobre”.

Así comeza o libro máis lido e traducido da literatura galega, un dos grandes clásicos da literatura galega do século XX. ‘Memorias dun neno labrego’, de Xosé Neira Vilas, é unha das obras que fundan a nosa narrativa contemporánea debullando como a realidade do rural galego dos anos corenta.

Por iso necesitaba espallarse en forma de banda deseñada, e gracias a Iria Aldegunde, xa o temos nas libraría.

Alita Cómics acollerá este sábado 24 de febreiro na súa tenda da Av. Finisterre 99 de A Coruña, a presentación da adaptación a banda deseñada do famoso  editado por Editorial Galaxia, sendo a súa primeira novela gráfica e ópera prima. O acto será ás 19:00h, con entrada libre e gratuíta, e estará presentado pola escritora e Catedrática de Lingua e Literatura Galegas Ramona Giráldez.

Iria Aldegunde, con mestría e sensibilidade, pon en imaxes ese mundo que Balbino contempla ao seu redor cos ollos moi abertos e que adoece por entender, pois, como él afirma, vimos ao mundo cunha alforxa de preguntas, relatan dende Alita.

A alerta laranxa pecha os parques da cidade

0

Complicada vai ser hoxe a contrarreloxo do Gran Camiño. Dende esta madrugada a nosa comarca e odo o litoral noroeste da provincia da Coruña, e máis a Mariña de Lugo, sofre a entrada dun borrasca que provoca que a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta activase a alerta laranxa por temporal costeiro.

En concreto, segundo datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o temporal deixará mar combinado con ondas de ata 8 metros e ventos de forza 8 e ata 74 quilómetros por hora.

Do mesmo xeito, a Xunta recomenda manterse afastado da liña de costa, é dicir, de diques, rompientes e paseos marítimos, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar actividades no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

PECHE DE PARQUES NA Coruña

Debido aos ventos e as condicións meteorolóxicas adversas, o Concello da Coruña procedeu ao peche dos parques da cidade.
O consistorio herculino pediu á cidadanía que manteña a precaución e siga as indicciones da Policía, os Bombeiros e Protección Civil.

Máis novas

Completo dispositivo de seguridade para a volta ciclista O Gran Camiño

Cachadas dúas persoas vendendo ilegalmente ourizos de mar nas inmediacións da lonxa da Coruña

Dúas persoas foron detidas no marco dun operativo policial desenvolvido na Coruña por venda de produto procedente do furtivismo, en concreto de ourizo. Así o confirmaron fontes consultadas por Europa Press que indicaron que se trata de actuacións a cargo da Policía Autonómica, con colaboración de axentes da Policía Nacional. Todo iso no marco dun operativo, con actuacións na lonxa da Coruña por parte dos efectivos policiais, precisaron as fontes consultadas. Sobre o mesmo, confirmaron tamén que a investigación segue nestes momentos aberta polo que non se descartarían máis detencións en relación a estes feitos.

Non entanto, o presidente da Lonxa coruñesa, Juan Carlos Corrás, en declaracións a Europa Press, apuntou que foi no exterior das instalacións e recalcou que “todo o ourizo que se vende na lonxa é legal”. Respecto do sucedido, precisou que había un dispositivo policial. “Leváronllos e non sabemos máis”, sentenciou sobre o sucedido e incidindo en que “non foi na lonxa a venda”. Non entanto, si recoñeceu que nela estaba un mozo comprando “e foi o que levaron, pero estaba a comprar alí legalmente”, en referencia ao peixe que se comericaliza. “Calquera cousa que se lle compra a un furtivo non pasa por unha lonxa, todo o que se fai é legal e todo o que se vende é legal”, insistiu en canto a esta instalación.

A Xunta presenta unha oferta por 35.000 euros para adquirir os murais de Lugrís da rúa Olmos da Coruña

0

Despois da polémica xerada entre a sociedade civil pola posta en venda dos murais de Lugrís da rúa Olmos, a Xunta vén de anunciar que presentou unha oferta no Xulgado Mercantil número tres da Coruña para adquirir os murais realizados por Urbano Lugrís localizados nos números 25 e 27 da rúa Olmos da Coruña por un importe de 35.000 euros.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou o pasado 15 de febreiro o inicio do procedemento para o concurso destes murais, cun prezo de saída de 30.000 euros –impostos non incluídos–.

A posta en venda dos murais de Lugrís da rúa Olmos indigna á sociedade coruñesa

Tal e como informou este xoves, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades presenta a súa proposta para participar no proceso concursal tras abrirse a posibilidade de comprar estas pezas e analizar a nivel xurídico a información dispoñible sobre o tema.

O obxectivo desta iniciativa, segundo sinalou o departamento autonómico nun comunicado, o obxectivo desta adquisición é “restaurar o conxunto mural para polo a disposición da cidadanía”. Para iso, o Goberno galego avaliará a posibilidade de trasladalos ao Museo de Belas Artes da Coruña, onde pasarían a estar expostos tendo en conta as razóns de interese social, así como as cuestións de conservación e salvagarda.

Con todo, a sociedade lembra que o pintor deseñou estas pinturas para o Restaurante Fornos, un popular local que forma parte da identidade coruñesa e da súa memorial social, que xa existía no século XIX.

Trátase de pezas que presentan diferentes estados de conservación e nas que se representan estampas como a mariña coruñesa, fondos mariños con peixes, algas, serenas ou medusas; motivos mariñeiros como barcos, veleiros, áncoras ou galeóns e panorámicas da cidade, entre outros temas. Así, entre os elementos que aparecen representados destacan a Torre de Hércules, a antiga Comandancia da Mariña da Coruña ou o Castelo de San Antón.

BIC

Malia que a día de hoxe a única entidade que moveu un dedo para conseguir a declaración dos murais como Ben de Interese Cultural, seguen a ser utilizados como arma entre Concello e Xunta. Desta volta, é a Administración autonómica a que lanza un dardo ao concello, sinalando que “está á espera recibir a documentación do Concello da Coruña que acredite o valor destas pezas para avaliar a súa posible declaración como Ben de Interese Cultural”.

“O desleixo das administracións para protexer os frescos de Lugrís non fai máis que medrar”

S.O.S. Lugrís