A expresidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, dirixirá o plan estratéxico da Coruña 2030-2050, que porá en marcha o consistorio coruñés, segundo informou a alcaldesa, Inés Rey, en rolda de prensa. Nela, explicou que se trata dun plan que busca sentar as bases do modelo de cidade para os próximos 25 anos, dentro dos compromisos asumidos este ano nos orzamentos.
A Xunta de Goberno local deu luz verde a este asunto, xunto á licitación das obras de urbanización no Agra dos Mallos, que permitirán mellorar as conexións coa intermodal entre Vioño e Sardiñeira.
No que se refire ao plan estratéxico, a alcaldesa sinalou que se definirán os obxectivos e as estratexias de futuro nos que se baseará o modelo de cidade, sustentado en tres eixos de políticas públicas: dinamización económica, planificación urbana sustentable e benestar social. “A creación de vivenda pública no termo municipal, a aposta pola innovación tecnolóxica como vía para fomentar a creación de emprego, a integración porto-cidade e o compromiso coa mobilidade sustentable” son, engadiu, outras das cuestións destacadas.
Continúan as administracións pasándose a bola de tellado a tellado sobre as axudas aos mariscadores da Ría do Burgo. Os profesionais manifestábanse aínda esta semana diante da Delegación do Goberno central pedindo que as axudas durasen todo o proceso de sembra e crecemento dos bibalvos unha vez rematada a dragaxe, ata que poidan comezar a comercializar o produto.
Hoxe, propio delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, instou á Xunta a “implicarse” nas axudas. “O Goberno de España é o único que puxo diñeiro durante o tempo que durou a rexeneración da ría”, expuxo coincidindo cunha visita que realizou a unha cooperativa en Oza-Cesuras.
“A Xunta non puxo nada”, apostilou ao situar en 3,5 millóns o investimento do Executivo central durante a paralización do marisqueo. “Puxéronse todos os medios para que durante esa paralización non sufrisen ningún prexuízo”, recalcou.
Mentres sobre a proba de sementeira que se fixo na xornada do martes, e que os mariscadores cuestionan ao entender que o terreo non está preparado, o delegado do Goberno remitiuno a unhas “probas”, á espera agora das “autorizacións” por parte da Xunta, á que instou a porse as “pilas” e “achegar solucións”.
Con todo, e sobre a situación do colectivo, dixo que hai que “estudar alternativas”, aínda que apostilou que a solución pasa “por unha actuación conxunta”, en referencia á Administración galega.
Menudo evento tremendo que é o Galicia Forum Gastronómico celebrado estes pasados tres días en Expo Coruña. Máis de 200 expositores de produtos de primeira calidade do noso país e de varias partes do estado; 65 relatores facendo demostracións, charlas…; 27 estrelas Michelín ofrecendo degustacións, convirten o evento na feira máis importante do noroeste peninsular.
Un evento pensado para atopar sinerxias entre os propios profesionais, pero tamén permite que a cidadanía comprobe a calidade dos nosos produtos.
Mentres se van realizado degustacións en diferentes salas, ou se desenvolven demostracións de cóctelería, ou tiradas de cervexa, o visitante pode ir paseando e probando os produtos dos postos que quixeron estar presentes no evento. Dende a meirande exposición de queixos galegos que te poidas atopar, a carne de poldro de Pura Raza Galega ou da betanceira Carnicum, pasando por patés de Valladolid, as incribles cañitas de Cerviño do Carballiño, as salsas veganas con produtos da casa da ourensá Baronceli, ou as galletas de PandeJuevo.
A carne betanceira de Carnicum triunfou
O Forum tamén é o lugar onde se poden ver as modas que se van notar nese ano en materia hostaleria, dende as vaixelas cerámicas, aos novos robots camareiros que xa triunfan nos países nórdicos. Un espazo para que os profesionais proben e fuchiquen coas cociñas, fornos, lavalouzas… antes de decidirse a mercar.
Como non podía ser doutro xeito, cómpre destacar a presenza continua do colectivo Coruña Cociña, dando de comer a toda feira coas súas delicatesen, e colaborando con colectivos como o Grupo Nove, Cociñeiros de Lugo, Cociña Ourense ou Vigo Gastronómica para fomentar a redución do desperdicio alimentario xa.
Nesa liña, resultou interesante a charla do chef do Árbore da Veiga, Álvaro Gantes, sobre a pesca artesanal, reincidindo na necesidade de desacelerar se queremos manter vivos os recursos do mar.
Premios Picadillo
A última xornada serviu para entregar os Premios Picadillo 2024:
Categoría Cociña: Ana Gago de Casa Pardo (A Coruña).
Categoría Sala: Clara Luís Domínguez “Clarita” do Hostal de la Viuda (A Pobra de Trives, Ourense)
Modalidade de Viño: José Luís Mateo de Quinta da Muradella (Monterrei, Ourense),.
Mar: Organización de Produtores do Porto de Celeiro (Viveiro, Lugo).
Rural: colectivo Amas da Terra en;
Artesanía Alimentaria: Airas Moniz de Chantada (Lugo);
Formación: Ricardo Fernández do CIFP Carlos Oroza (Pontevedra).
Divulgación: Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro de Porto do Son e influencer.
A mellor nova para o sector a ultima hora do martes: O Forum Gastronómico volverá realizarse en 2025, e non haberá que esperar dous anos para vivir outra experiencia gastronómica coma esta.
O Comité de empresa de Abai Coruña convoca mobilizacións ante a falta dun plan por parte da dirección de Abai que garanta todos os postos de traballo e a viabilidade do centro que ten nesta cidade. O xoves, 11 de abril, ás 12 horas está convocada unha concentración diante da tenda de Movistar na praza de Pontevedra.
A subcontrata de Movistar levou a cabo en xuño de 2023 un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que afectou a máis de 50 traballadoras só no centro da Coruña. Esta medida foi rexeitada polos sindicatos ao entender que non existían causas, a carga de traballo no campaña de Movistar, un dos principais clientes de Abai, non diminuíra, senón todo o contrario e os criterios utilizados para escoller ás persoas afectadas foron absolutamente arbitrarios.
Segundo este sindicato, durante os 9 meses que durou esta situación, a dirección da empresa non se tomou en serio as reubicacións. En ningún momento puxo en marcha novas campañas no centro da Coruña nin permitiu as reincorporacións á servizo de atención ao cliente de Movistar, a pesar de que as chamadas entran sen parar.
Unha vez transcorrido o tempo máximo do ERTE, as traballadoras incorporáronse de novo, pero sen un posto nun servizo concreto, e sen que se lles asigne carga de traballo, algo que o Comité de empresa valora negativamente, “a dirección está a buscar escusas para destruír emprego pola porta de atrás”. A falta de compromiso co futuro do centro da Coruña levou ao Comité de empresa a poñer en marcha accións de protesta como unha concentración o día 11 de abril ás 12 horas diante da tenda que ten Movistar na praza de Pontevedra. O Comité ten claro que a compañía de telecomunicacións está detrás de todo isto. Tamén sinala a responsabilidade social que debe de ter unha empresa que foi pública e que agora ten entre os seus accionistas ao Goberno do Estado español.
No calendario de mobilizacións inclúese unha xornada de folga de 24 horas o día 17 de abril cunha manifestación ás 19 horas que partirá do edificio Proa, situado no barrio de Matogrande. O 17 de abril o Comité e a Empresa sentaranse ante o servizo de mediación da Xunta de Galicia (AGA). O Comité resalta que os seus obxectivos son claros, Abai tense que comprometer a non destruír un só posto de traballo, a respectar os dereitos laborais como o Plan Familia e asegurar a viabilidade do centro a través de campañas estables.
Unha furgoneta resultou calcinada este mércores na A-6, ao seu paso polo concello de Arteixo, segundo informa o Consorcio Provincial de Bombeiros. Os bombeiros do parque comarcal de Arteixo foron alertados sobre as 07,40 horas deste mércores do incendio no citado vehículo, á altura do punto quilométrico 590.
Á súa chegada, atopáronse unha furgoneta ardendo, con dous ocupantes fora do vehículo, precisan sobre a intervención nun comunicado. A mesma consistiu inicialmente na extinción das chamas coa posterior sinalización xa que o fume dificultaba a visibilidade para o tráfico rodado.
Volveu demostrar a cidade da Coruña o seu compromiso co pobo palestino na charla que organizou a Asociación Cultural Alexandre Bóveda en colaboración co Xornal da Coruña, BDS GALIZA, SUGxPalestina, e o grupo de igualdade da Facultade de Ciencias da Educación da UDC. Unhas 60 persoas ateigaron o salón de actos da ACAB, sito no primeiro andar do Circo de Artesáns, para escoitar o potente discurso do oftalmólogo e activista Mohamed Safa.
Tiven a oportunidade de presentar a figura do escritor, aficado en Galicia (en Corcubión e Cee) dende hai máis de 30 anos, e dar conta da súa influencia na comarca da Costa da Morte, onde a veciñanza case coñece máis a realidade do pobo palestino que da Barbanza.
Cunha forza imperante no seu discurso, Safa fixo patente un dos elementos que simbolizan o mal chamado “conflito”: as gañas de contar que ten o pobo palestino, fronte as gañas de agocharse do pobo sionista.
Con todo, e a pesar da “indecente” posición dos estados de Occidente, Safa quédase co alento e o apoio da sociedade civil, que se confirma coas continuas concentracións realizadas nas vilas galegas.
A fame como arma de guerra
Safa comezou poñendo datos sobre a ocupación do estado israelí sobre Gaza e Cisjodania, destacando a fraxilidade dunha zona que ocupa 365km2 (a provincia da Coruña ten 7.950 km), na que viven 2 millóns de persoas cunha densidade de poboación de 5.000 habitantes/km2 (en Galicia anda polos 100…)
Safa lembrou a impunidade de feitos como a destrución de casas, rúas, hospitais, escolas… e sobre todo destacou que a día de hoxe morren máis xente en Gaza de fame que de bombas, rompendo con todos os dereitos fundamentais da ONU.
Operación militar
Sorprende, nunha sociedade allea ás armas como a nosa, como Safa puxo en valor e loubou, case como se se puxera dende unha perpectiva de 20-30 anos por diante, a operación militar realizada pola resistencia palestina o 7 de outubro de 2023, comparándoa con fitos históricos como a revolución do Vietnam do 68. “Ese día non foi o inicio da guerra, como moitos pensan, é un día máis dunha ocupación de 75 anos”, resaltou, “pero que si foi o espertar dun sentimento de liberdade que parecía xa vencido, non só dentro, senón tamén fóra de Palestina”.
Outra consecuencia desta operación é acabar co axioma que Israel tiña inserido en todos os países árabes, de que o seu exército é invencible. A comunidade árabe, que aceptara a cultura da derrota, xa non compra máis ese discurso dende a operación do 7 de outubro, unha operación baseada na “non tecnoloxía”.
”A milagre é que a día de hoxe, 5 meses despois, a resistencia siga viva en Gaza, e que aínda onte se lanzasen misiles dende o norte da Franxa de Gaza, onde Israel xa ten arrasado con todo. A clave está na rede de máis de 1.000 km de túneles que a resistencia palestina leva décadas construíndo”, explicou.
Deu tamén unha chave: “As sociedades colonialistas non soportan demasiado sacrificio nunha ocupación; pero os pobos ocupados non poñen límites, non pon teitos, á súa liberdade”, dixo apuntando tamén que “o dereito dunha persoa israelí non pode estar por riba da vida dunha persoa palestina”.
Visión colonialista
”Por que a Ucrania se lle permite o dereito á autodefensa, e porén ao pobo palestino se nos tacha de terroristas?”, leva preguntándose Safa estes últimos meses. “Moitos pensan na influencia económica de Israel, no medo… pero eu creo que se debe a permanencia dunha visión colonialista por parte do mundo occidental”, lamentou, deixando patente que “todo colonialismo de asentamento conleva unha limpeza étnica”.
Pola contra, en alusión a falta de apoio histórico dos países árabes, deixou claro que ”non queremos unha loita étnica, isto é unha guerra anticolonialista, contra unha ocupación que rompe todos os dereitos internacionais”.
Nese sentido tamén, critico a “comprensión” de Borrel, e lamentou a súa falta de contundencia. “Non queremos esa simpatía, que ademais só se mantén ata que deixes de ser vítima. Queremos que defenda os dereitos internacionais”.
Xenocidio en vivo: Gaza como Laboratorio de Armas
Interesantísimo tamén o apuntamento que fixo Safa sobre a importancia da industria armamentística de Israel nesta ocupación. “Dende que comezou esta nova masacre, a industria militar israelí creceu, porque está utilizando Gaza como un laboratorio de armas. E por iso non ten medo en ensinarlle ao mundo o que está facendo, como nos está matando, porque ve que a resposta internacional é mínima, e pola contra, estalle servido para ensinar o poder das súas armas”, denunciou. “Ali, en plan de broma, dicimos que Israel pasou de ser un produtor de laranxas a un produtor de granadas”.
Como usar a memoria
Outra idea ben interesante sobre a reflexionou foi o xeito de usar a memoria que teñen os pobos. Fixo referencia sobre como pobo sudafricano axudou a reconstruír o país despois do aparheid, e porén como o pobo xudeo está pasando de ser vítima dun xenocidio a culpable de outro.
O Boicot
Safa alentou a seguir a campañas como a de BDS Boicot a Israel, e a superar as críticas que van chegar, de seguro. “Se resisitimos con armas, somos terroristas; se facemos boicot somos antisemitas; e se damos charlas estamos alentando o odio. Como podemos defendernos entón?”, preguntábase con vehemencia.
O fracaso da Autoridade Palestina
Foi inquirido Safa a falar da actual Autoridade Palestina, histórico grupo de goberno que a día de hoxe é completa colaboradora da ocupación sionista. Tornou a voz, e con vergoña recoñeceu a lamentable actuación deses homes xa de avanzada idade que foron líderes da resistencia e que hoxe son parte activa do xenocidio, proxetendo ao exército israelí no canto de aos seus veciños. Precisamente explica o asunto no seu último libro, “La segunda nakba palestina: El proceso de paz” (Ed. Utopía, 2023).
Safa rematou asinando uns exemplares de “La revolución árabe. Democracia, nacionalismo y religión” (Hoja de Lata, 2017), o segundo libro que realizara antes de “Palestina, grito por la libertad” (Do Castro, 2003).
As conversas ao remate da charla durante un bo rato
O portavoz do grupo municipal do PP no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, convocaba esta mañá unha rolda de prensa na que sinalou que a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, debería cesar ao concelleiro de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, da súa competencia en Urbanismo por “irregularidades” nas obras do seu piso.
“Eu cesaría ao concelleiro nas competencias de Urbanismo, non deu exemplo”, sinalou avanzando as preguntas que vai lanzar no pleno este xoves. “Non é exemplarizante para a cidadanía que a alcaldesa estea a defender esta postura”. “Onde pon ela o límite no que é un adecuado comportamento, eu cesaría ao concelleiro nas competencias de Urbanismo, que fixo obras sen licenza e un cambio de uso no que pode haber ou non irregularidades”, sentenciou sobre este caso.
Fíxoo despois de que o PP expuxese na próxima sesión plenaria a comparecencia en pleno do edil para “dar explicacións”, unha medida que primeiro deberá contar cos votos suficientes — para o que pediu o apoio do BNG — e que, de saír adiante, tería lugar outro día. “Cada un ten a súa estratexia política”, dixo ao ser cuestionado sobre esta posible explicación xa o día 11 ante a pregunta que expoñen os nacionalistas. “Eu a pregunta oral fágolla á alcaldesa, non a Lage”, precisou.
E é que o edil popular expuxo que debe aclarse a concesión dunha licenza “en tempo récord fronte a outros cidadáns que pasan meses e anos, por exemplo, para cambiar un ascensor”.
Por este motivo, dixo que presentan unha moción en relación a isto. Así apuntou que o que queren é que cando soliciten un expediente, como foi no caso do edil Lage, “déasenos copia do expediente, que estea completo”, citou, ademais de pedir que se faga en prazo.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) admitiu a trámite un recurso de Defensa do Común contra o estudo de detalle da parcela número 2 do campo de Estrada-Maestranza, presentado, segundo informa a entidade, o pasado 4 de abril.
Nun comunicado, alega que as parcelas son “espazos públicos” e que a súa venda por parte do Ministerio de Defensa a unha promotora vasca “encerra unha operación meramente especulativa e mercantilista”.
“Allea ás necesidades sociais dos veciños coruñeses”, sinala nun comunicado, no que incide en que “o gran escándalo que suporía permitir construír vivendas neses terreos radica no feito de que os mesmos son parte inseparable do sistema defensivo barroco máis importante de Galicia”.
Defensa do Común afirma, ademais, que recorrerá a todas as vías que teña ao seu alcance “para impedir que se consome unha afronta a toda a cidade coa perda de espazos de titularidade pública”.
O Equipo de Patrimonio da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Coruña desarticulou en Arteixo un grupo criminal que se dedicaba a asaltar e roubar vivendas na Coruña e que se saldou coa detención de tres persoas.
A investigación, explican nun comunicado, iniciouse a partir da análise de información e a vixilancia sobre os roubos con forza en domicilios na rexión, o que permitiu identificar preto de Arteixo a un grupo de estranxeiros, posiblemente do Leste de Europa, que destacaban polas estritas medidas de seguridade que adoptaban ao moverse pola provincia.
Os axentes identificaron ademais un patrón de actuación: aproveitaban a ausencia dos propietarios durante festividades como a Semana Santa para cometer os roubos. Este grupo enfocábase principalmente en chalés ou casas unifamiliares illadas, vinculándoselles directamente con ata trece roubos nas localidades de Laracha, Bergondo, Carral e Culleredo.
Durante a investigación localizouse o agocho onde o grupo almacenaba os obxectos roubados, recuperando numerosas xoias, bixutaría e outros obxectos de valor.
Ante a evidencia de que planeaban abandonar a provincia, coordinouse un operativo con diversas unidades para a súa detención. Un foi capturado pola Sección de Fiscal e Fronteiras da Garda Civil, tentando saír da provincia, nun voo desde o Aeroporto de Alvedro cara ao sur de España.
As outras detencións realizáronse na vía pública, en operacións coordinadas entre a USECIC (Unidade de Seguridade Cidadá de Comandancia) da Coruña e o Equipo de Patrimonio de Policía Xudicial.
Nos rexistros recuperáronse obxectos valiosos roubados, incluídos reloxos de alta gama e xoias, principalmente de ouro, que foron devoltos aos seus donos. Tamén se acharon ferramentas utilizadas para entrar nas vivendas, como desaparafusadores e utensilios punzantes.
O tres arrestados, de entre 38 e 48 anos, foron postos a disposición do Xulgado de Instrución Nº 8 da Coruña, que ordenou o seu ingreso en prisión provisional sen fianza.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reclamou á Xunta que reinvista parte do canon da auga nos concellos. Fíxoo nunha visita ao municipio de Cee no que, pola súa banda, reivindicou os investimentos provinciais no municipio, entre outras actuacións, en saneamento.
Isto contrapúxoo á Xunta. “Recada os canones na factura ao veciños pero non reinviste nin un só céntimo dese canon”, dixo sobre a da auga.
“Con Feijóo xa expomos que en 10 anos só convocouse unha vez a comision galega de cooperación local”, apostilou Formoso, que lembrou que entón expuxeron “unha proposta xusta, que o 50% quedase para investimentos neses concellos e sempre obtivemos o non por resposta”. “É o xusto”, apostilou.