Os colectivo Docentes con Palestina, co apoio dos sindicatos de docentes STEG e CIG, e do Sindicato de Estudantes, convocan para este venres 12 de abril ás 12h unha concentración nos centros de ensino galegos, para esixir o fin do xenocidio sionista en Gaza.
“A comunidade educativa non pode permaner impasible ante o masacre da poboación civil que está tendo lugar en Palestina”, entenden os docentes máis comprometidos. Por iso propoñen esa concentración simultánea, do alumnado e profesorado dos centros escolares de todo o país, amosando carteis e/ou bandeiras palestinas que se PARE O MASACRE EN PALESTINA!.
Propoñen rexistrar con fotografías o acto e colocar os cancelos #estapasandoagora, #oensinogalegoconpalestina e #palestina nas publicacións nas RRSS e envialas a docentesconpalestina.gz@gmail.com mellor, para poder difundir a iniciativa.
Ademais, procederán á Lectura dun manifesto ou dun texto creado en cada centro.
“Con este acto simbólico, queremos mostrar que Gaza somos todas e todos. A súa dor é a nosa, a súa esperanza, é o noso compromiso e solidariedade co pobo palestino”, sinalan.
Nova concentración, luns 15
Igualmente, os colectivos Galiza por Palestina, Mar de Lumes, Asoc. Galaico Árabe e BDS Galiza volven convocar a concentración dos luns para este día 15, ás 20:00h no Obelisco, coma sempre.
Ademais do Caso Lage Tuñas, que monopolizou a sesión, o pleno deste xoves 11 de abril serviu para aprobar unha moción presentada polo BNG para axilizar a reapetura do Xardín do Observatorio. A moción, aprobada por unanimidade, pide axilizar un proceso que un ano despois de se formalizar, nada se fixo para abrir ao público eses 5.000 metros cadrados.
A iniciativa do BNG persigue que” a cesión do Xardín do Observatorio se faga permanente e que se alcance unha solución urbanística que satisfaga a veciñanza e que faga deste espazo da AEMET o xerme dun futuro Parque da Agra merecente de tal nome que faga xustiza ás necesidades dun barrio tan densamente poboado como o da Agra que arrastra evidentes carencias de zonas verdes”.
O Pleno de abril aprobou a moción do BNG sobre as casas da Agra dos Mallos -co apoio do PP e a abstención do PSOE-. A concelleira nacionalista Avia Veira reclamou “unha solución urbanística do polígono en que se atopan de maneira que non se obrigue ás persoas propietarias a facer un desembolso económico elevado”. Entenden que “a solución é perfectamente posíbel unha vez que se variou o trazado do viario que leva á estación intermodal”, remarcou Veira. “Apoiamos o novo viario para a intermodal, mais queremos que se manteñan as edificacións preexistentes e para iso o Goberno Local debe estudar unha solución para estes veciños que nos os obrigue a asumir unha grande carga económica”, engadiu.
Esperada foi a intervención do concelleiro de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, no pleno deste xoves 11 de abril. Despois das numerosas críticas do BNG, do PP, e de Sumar, sobre posibles irregularidades na concesión dunha licenza e a realización de obras sen a mesma nun inmoble da súa propiedade na Avda. do Exército, denunciando ademais a falta de transparencia do goberno socialista, o tamén portavoz do goberno local coruñés pediu por vontade propia intervir no pleno.
Lage Tuñas argumentou que cumpriu ” escrupulosamente coa lei” e desprazou á empresa construtora a responsabilidade da tramitación dos distintos actos administrativos relativos ás obras realizadas no inmoble. Asegurou que se abstivo no proceso de tramitación dos expedientes e que a licenza contaba con todos os informes técnicos e xurídicos.
“Non participei de ningún modo e maneira na tramitación de licenza de obras e a miña abstención prodúcese cando debe producirse”, aseverou despois de que o portavoz do grupo municipal do PP, Miguel Lorenzo, asegurase que o fixo “ao final do procedemento”.
“Non hai ningunha obra feita”, asegurou tamén o edil, malia que Lorenzo lle sacou un informe asinado por un funcionario 2 días da antes da concesión da licenza (aprobada o 6 de marzo) que confirmaba que xa se estaban ralizando obras no inmble.
Non faltaron as acusacións á oposición “linchamento” e “cazaría organizada” contra a súa persoa, así como a invitación a “ir ao xulgado” que propuxo a rexedora, de novo defensora do seu edil.
Obras e licenzas
Queda pois sen determinar a veracidade das explicacións ou das denuncias doutros sobre a realización ou non das obras sen ter recibido a licenza, pero o certo é que a concesión da licenza se realizou nuns prazos moito máis rápidos dos habituais, ata o punto de que “se obtiveron todos os informes necesarios para a concesión no mesmo día”, sinalou o BNG.
O propio Jorquera lembrou que existen “indicios racionais que levan o BNG a afirmar que se produciron anomalías graves apuntan desde a denuncias veciñais -con data 16 de xaneiro, un veciño dá conta dun furado na fachada do edificio sen dispor do permiso da comunidade, cando a licenza da obra se concede o 6 de marzo- até un informe policial de 27 de xaneiro de 2024 onde se di: “Os policías desprázanse ao lugar indicado onde unha vez que acceden ao inmóbel observan como se están a executar obras de reforma nas vivendas existentes no primeiro andar””.
A OPOSICIÓN PIDE ASUMIR “RESPONSABILIDADES”
Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do BNG, Francico Jorquera, instou á alcaldesa, Inés Rey, a “depurar responsabilidades” ao entender que se actuou “mal”. “Non chega con que diga que a tramitación foi a cargo da empresa e que se abstivo ao final do proceso”, dixo, ademais de sinalar que o procedemento xudicial non exime das responsabilidades políticas.
“A licenza concedéronlla o 6 de marzo e o 4 de marzo un funcionario desprazouse ao inmoble e di que nese piso realizáronse obras de segregración e que a distribución estaba terminada”, espetoulle Lorenzo. “Se tivese algo de honorabilidade política, levantábase e íase”, indicou ao afirmar que Lage fixo un cambio de uso “pola porta de atrás”. “Lage Tuñas debe dimitir”, reafirmouse Lorenzo, por “mentido no pleno ao negar ter feito obras sen licenza”. O PP traslada á rexedora a responsabilidade de “cesalo en todas as súas competencias se non dimite”.
Nesa mesma liña, Jorquera apuntou que que “o substancial é se houbo trato de favor se o sucedido é coherente co deber de exemplariedade que se lle debe esixir a un responsábel político”. “E non é exemplarizante, precisamente, que o titularda área de Planificación Urbana faga as obras sen licenza e desoia as ordes de paralización das obras”.
ESIXEN TRANSPARENCIA
Antes, no debate das mocións, o PP presentou unha — que saíu adiante cos votos dos populares e os nacionalistas — requirindo que se respondan motivadamente as solicitudes de información por parte dos membros da corporación e que se promova a creación dunha comisión de seguimento da xestión da alcaldesa e o seu equipo de goberno.
O portavoz municipal nacionalista, Francisco Jorquera, pediu, no entanto, aos populares que practiquen “a mesma transparencia” en municipios e no Parlamento galego. Á súa vez, Lage acusou ao PP de tentar “obstruir” o funcionamento municipal coa presentación dun máis dun centenar de solicitudes de expedientes, mentres que situou en 26 as expostas polo BNG, dos que cuestionou, á súa vez, a súa “transparencia” coa oposición onde goberna.
Avisan de que o modelo concesional dirixido pola Autoridade Portuaria non garante unha verdadeira resposta ás necesidades da cidade.
— — —
Momentos históricos vive a cidade coa integración urbana da fachada portuaria. Pero o proceso vai lento, e ninguén quere dar pasos en falso.
Así, este pasado venres 5 de abril reuniuse ainda por primeira vez neste mandato municipal a Comisión especial sobre a Fachada Marítima, despois de 20 anos (o procedemento arrincou coa posta en marcha do porto exterior de Punta Lagosteria), de declaracións, acordos… pero nin paso efectivo. Un “déjà vu habitual mandato tras mandato”, denuncia Sumar.
Son moitos os retos que afronta a cidade, por iso, dende Sumar inciden na necesidade de “afrontar estes retos que trazan unha cidade coas ideas claras, de que o Goberno municipal, en necesaria cooperación coa Autoridade Portuaria, coa Xunta de Galicia e con Adif, impulse a necesaria modificación do noso planemento urbanístico xeral. Porque sólo dende o planeamento urbano se pode dar efectiva resposta, que debe de ser acertada, á integración prevista de case 500.000 metros cadrados para novos usos urbanos”.
O grupo pide “impulsar o ente público que lidere este proceso de intensa transformación urbana e buscar fórmulas que condonen e alixeiren a carga financeira do Porto da Coruña coa Administración do Estado. Urxe un gran acordo de cidade”, esixen ao tempo que piden evitar “estériles debates plenarios”.
Zona 1 e zona 2
A conversión dos peiraos da chamada zona 1, Batería e Calvo Sotelo, xa sen uso portuario, en zonas urbanizables é unha oportunidade para ver medrar a cidade. “Sobre os mesmos se programan exposicións e concertos que marcan unha primeira apertura, provisional, da man da propia Autoridade Portuaria, pero que non responden a unha planificación de longo prazo dos usos definitivos que a cidade precisa neses espazos centrais da cidade, que deben de conectarse cos xardíns de Méndez Núñez e facilitar solucións de mobilidade no eixo Paseo do Porto-Praza de Ourense-viaducto de Linares Rivas”, sinalan dende Sumar.
Pola súa parte, sobre os peiraos de Linares Rivas, da Palloza ou do Leste, e o de Oza, entenden que seguirán vencellados á actividade pesqueira e otros usos de aprovisionamiento portuario da cidade.
A denominada zona 2, os “peiraos de San Diego e Petroleiros, preséntase como a gran oportunidade para unha ambiciosa planificación urbana a partir de 2027, unha vez as actividades de graneis líquidos se despracen a Langosteira.Unha oportunidade para habilitar novos espazos verdes, recuperando e renaturalizando o río Monelos para os barrios de Catro Caminos, A Gaiteira e Os Castros e poder así reconciliar estes barrios coa súa fachada litoral; unha oportunidade para buscar solucións de transporte urbano-metropolitano impulsando o tren da ría desde a estación de San Diego a Betanzos, e unha ocasión inaprazable para impulsar empresas da economía azul e dotarnos do necesario parque de vivenda pública, especialmente de alugueiro”.
Na primeira parte do pasado mandato municipal un equipo multidisciplinar da nosa Universidade abordou unha planificación integral e ambiciosa desta integración coa mirada posta no horizonte de 2035, recollendo gran parte das propostas e estudos elaborados ata ese momento. Esta proposta da UDC pode ser a base do necesario acordo, que non pode seguir sendo aprazado polo Goberno municipal. O modelo de ir ocupando os terreos sen uso portuario mediante concesións que decide a Autoridade Portuaria, e que o Concello parece apoiar, non é a solución de futuro que A Coruña demanda.
Era “O Partido”. A 6 xornadas do remate desta igualadisima LEB Oro, chegaba o Tizona Burgos, 2º clasificado, ao Forno de Riazor. E a afección laranxa (cumplia 8 anos o Tsunami Laranxa e non deixou de alentar un só minuto), así como o equipo de Diego Epifanio, responderon cun partidazo dos que imos lembrar moito tempo. O equipo estivo 16 abaixo no primeiro tempo pero nin afección nin equipo deixaron de crer a pouco a pouco foron cimentando a remontada na coralidade que o caracteriza, para completar un 97-91.
A vitoria deixa ao cadro coruñés con 2 vitorias de diferencia ante 4 equipos, pero tamén co basketaverage a favor con case todos, a falta de 5 xornadas. 3 pasiños para conseguir o soñado ascenso á ACB, a máxima categoría do baloncesto estatal.
Ambientazo no Forno de Riazor
Un partido de moito ritmo
Arrincaba o choque con moito ritmo, cos burgaleses (ben por eses 50 siareiros do humilde club que se achegaron a Riazor e non deixaron de animar) impoñéndose tanto en defensa como en defensa. Con case un 50% en triplas colocábanse 14-26 ao final do primeiro cuarto tras varios tiros fallados, claros e mesmo tiros libres, dos laranxas. A presión en todo campo facía que cada saída de balón fose un suplicio para os de Epi, chegando a colocarse 16 arriba o cadro visitante.
Foi entrando a segunda base herculina, máis físico, e o aumento de intensidade e os axustes en defensa comezaron a permitir pechar mellor o rebote, o que xunto con varios aclarados e a mellor circulación de balón en ataque permitiu chegar ao descanso apenas 4 abaixo, 39-43.
O terceiro cuarto comezou igual que o primeiro, entrando eles moito mellor no partido, pero esta vez a empanada local durou menos. O equipo botaba de menos a Huskic, os seus puntos, pero, sobre todo, a súa lectura do partido, con malas decisións e moitos balóns perdidos, pero con aparicións de Barrueta, ou Aris foron achegándose pouco a pouco e conseguía empatar a 52. Xa non lle entraban tanto aos visitantes, gracias á defensa laranxa.
Pero as transicións, por veces, eran demasiado rápidas e o equipo perdeu varias contras por ese afán por correr que ten este equipo, e que tan ben lle senta, ao xogo e ao espectador.
Bos minutos de intimidación e rebote de Diagne, a pesar desas mans de manteiga habituais que lle impiden ser un xogador diferencial. E no ataque, aparecían os menos habituais, cos ataques de furia de Galán, e da man de Junior e Lundquist. Alex Font sumaba intanxibles e Aris tivo grandes minutos ante as faltas de Jakovics.
Non estaba acertado pero chegou o momento e apareceron un gran Lundqvist (tanto en ataque como en defensa), Barrueta, Jakovics e, sobre todo Beqa Burjanadze, con varias triplas, para ir escapando no marcador, aproveitando ademais 4 tiros de tres claros errados polos burgaleses, pagando o esforzo feito ao longo do partido coa presión en todo campo. O partido estaba do noso lado, e finalmente rematou cun 97-91 que demostra que este ano ten que ser.
Lundqvist tivo momentos clave
A coralidade deste equipo
”Sufrín moito pero creo que os espectadores disfrutou moito. Ogallá se siga vivindo o ambientanzo”, sinalou o adestrador Diego Epifanio ao remate do partido agradecendo á afección laranxa que nunca deixara de crer. Valorou que “o equipo que non perdeu os nervios nos momentos complicados”, pero cómpre destacar a rotación que ten enchufada, e que fai da coralidade a meirande potencia deste equipo. Cando Barrueta non está aparece Beka; cando Huskic está frouxo, Galán saca a garra. Cando Jakovics non está acertado, aparece Aris.
Ten 10 xogadores enchufadísimos o equipos, e mesmo non se sabe cal é a primeira unidade. De feito, Epi remata os partidos con Jakovics, Barrueta, Font, Burjanadze e Huskic en cancha, pero de inicio sairon onte Aris e Galán, por exemplo. Pero é que a aportación Lundqvist, Mcdonnel e o querido Antu Diagné é fundamental para manter o nivel físico que vai levar a esta cidade a competir na ACB.
Este domingo, nova parada
Este domingo, o pavillón de Riazor acolle outra parada cara o ascenso. Será ás 18:00h ante Valladolid.
Só a Deputación da Coruña de entre as catro adminstraciones provinciais galegas alcanza os obxectivos de ciberseguridade establecidos, segundo recollen os informes de análises feitos polo Consello de Contas.
O estudo sobre as condicións dos sistemas de seguridade feito polo Consello de Contas revela que unicamente A Coruña supera os obxectivos de madurez establecidos, mentres que as de Pontevedra, Lugo e Ourense quedan lonxe da maioría dos parámetros medidos, especialmente na configuración dos equipos, tanto en hardware como en software, para evitar intromisións.
Así, o grao de cumprimento das metas da Deputación da Coruña é do 116%, co que Contas conclúe que os controis desta administración presentan “efectividade suficiente” e se adoptan as medidas correctoras necesarias cando a situación o require.
Por contra, a administración provincial de Pontevedra queda no 66% de obxectivos cumpridos, aínda que se achega en cuestións como o sistema de rexistro de actividade ou a realización de copias de seguridade de datos e sistemas. Pola súa banda, a Deputación de Lugo unicamente se aproxima ao cumprimento das metas de ciberseguridade marcadas no cumprimento normativo e a gobernación, mentres que apenas supera o 20% en cuestións como o inventario de dispositivos físicos ou a configuración dos sistemas de forma segura.
Tamén suspende neste apartado a Deputación de Ourense, que, segundo Contas, tampouco vai máis aló do 20% de medidas necesarias adoptadas no proceso continuo de identificación e solución de vulnerabilidades. En cambio, Ourense si se aproxima a cumprir tanto en copias de seguridade como a nivel normativo.
O Concello da Coruña vén de confirmar inicio do expediente para anular as resolucións administrativas “que deron lugar ao espolio” da Casa Cornide, actualmente propiedade do Franco, de cara a recuperar a súa “titularidade pública”.
“Este paso é fundamental, é un paso previo para que a xustiza se poida pronunciar”, contestou a rexedora Inés Rey, a preguntas dos xornalistas sobre este asunto. Respecto diso, explicou que o goberno local instou tamén ao Ministerio de Educación e a Facenda a que faga unha revisión de oficio.
Fíxoo co obxectivo, apuntou, de “ter esa base xurídica máis sólida para, na seguinte fase, acudir á xustiza para a recuperación completa”.
“Agora revisamos como administración os acordos adoptados naquela época que entendemos foron lesivos para o patrimonio público para poder acudir á xustiza e reclamar a titularidade”, sinalou.
“Tardanza”
A este respecto, a Comisión pola Recuperación dá Memoria Histórica (CRMH) da Coruña manifestou a súa sorpresa ante a “tardanza” deste expediente administrativo de revisión de oficio da “permuta” realizada no seu día entre o Ministerio de Educación e o Concello da Coruña, amparándose nun informe xurídico da Universidade dá Coruña (UDC).
“Tendo en conta que este informe, redactado polos catedráticos Carlos Aymerich, Carlos Amoedo e José Manuel Busto, é do ano 2020″. “Esta demora incompresible só beneficia á familia Franco”, incide, xa que, segundo relata, “cada día que pasa sen presentarse a reclamación xudicial complica máis a reversión deste ben”.
Por iso, a CRMH insta o consistorio “unha vez máis” a presentar a demanda civil e tamén “a retirada de honras e distincións ás persoas que participaron deste espolio na cidade da Coruña”.
Na mesma liña, o grupo municipal do BNG celebrou que o goberno local vaia a dar “os primeiros pasos” para recuperar a Casa Cornide. No entanto, lamentou que “tardase tanto en actuar”.
Son apenas un par de comprometidos colectivos os que seguen intentando pelexar contra o “noventeira” política urbanística do goberno socialista da cidade da Coruña. O delirio urbanístico de Visma, as urbanizacións de Orillamar-San Amaro ou as famosas Percebeiras, son algunhas das propostas que
Pero a entidade continúa a súa loita e tamén enviou o asunto ao Tribunal de Xustiza de Galicia. Anuncia hoxe Ricardo Vales, voceiro da Plataforma, a resolución do TSXG admitindo a trámite o recurso contencioso-administrativo interposto por Defensa do Común contra o Estudo de Detalle.
Defensa do Común reitera “a súa convicción de que as parcelas do Campo da Estrada-Maestranza son terreos do común (espazos públicos) e que a súa venda por parte do Ministerio de Defensa á promotora vasca Lipromo encerra unha operación meramente especulativa e mercantilista allea ás necesidades sociais da veciñanza coruñesa. O gran escándalo que suporía permitir construir vivendas neses terreos radica no feito de que os mesmos son parte inseparábel do sistema defensivo barroco máis importante de Galiza”, denuncia Vales.
Defensa do Común anuncia que “seguirá utilizando todas as vías ao seu alcance para impedir que se consume unha afrenta á toda a cidade coa perda de espazos de titularidade pública para engrosar as plusvalías en forma de intervencións que só contemplan os terreos do común como oportunidade de negocio inmobiliario“.
O Concello da Coruña homenaxeará a sete funcionarios da Policía Local coa medalla ao mérito policial “pondo en valor o seu traballo diario ao servizo da cidadanía”.
A alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, preside este xoves a sesión ordinaria do Pleno municipal na que se aprobou distinguir a sete membros do servizo de profesionais da Policía Local da Coruña coa medalla ao mérito policial.
Segundo explica o consistorio, concederase “por primeira vez” a insignia con distintivo vermello. A mesma será imposta á oficial Lorena Ponche Saavedra e aos policías Abelardo Lijó Fernández e Pedro Campos Martínez por “exceder con carácter extraordinario do seu normal cumprimento profesional en beneficio da liberdade, seguridade, e convivencia veciñal”.
A medalla con distintivo azul recibiraa o oficial Jaime Prego Vázquez e os policías María Carmen Igrexas Rasser, José Manuel Arias López e Iván Meijide Míguez.
A corporación municipal, engade, tamén acordou distinguir a outro oito persoas pola súa traxectoria. Entre as figuras propostas atópase o actual Xefe Superior de Policía en Galicia, Ramón Gómez Neto.
A Xunta de Galicia acusou ao Goberno central de “incumprir” os seus compromisos sobre a ría do Burgo e as axudas ao sector de mariscadores e mariscadoras. Nun comunicado, e en resposta ás declaracións do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, nas que demandou unha “actuación conxunta” ante as demandas de axudas do sector mentres non poidan empezar a mariscar, a Consellería do Mar reclamou ao Goberno central que escoite as demandas do sector e rectifique.
E é que desde a Administración autonómica se acusa o Executivo estatal de “non cumprir os seus compromisos como responsable do dragado da ría do Burgo, unha responsabilidade que vai máis aló da finalización dos traballos”. Tamén se subliña que desde o Executivo galego “sempre se mostrou a máxima colaboración nesta actuación achegando a información precisa para a realización dos cálculos das compensacións económicas aos profesionais afectados polo cesamento de actividade marisqueira por mor destes traballos”.
Desde a Consellería do Mar arguméntase que “na propia declaración de impacto ambiental” do Goberno central se sinala “que o cesamento de actividade inclúe o período que transcorre desde que finalice a obra ata que os bivalvos consigan un tamaño comercial”. “Resulta incomprensible a negativa de Madrid a seguir sufragando as compensacións económicas ao colectivo de mariscadores como viña facendo ata o momento”, sinala a Consellería do Mar, que cre que o Goberno central trata “de desviar a atención para non asumir a súa responsabilidade”.
A Xunta tamén afea “a actitude mostrada polos representantes do Executivo estatal ao non acudir ás reunións solicitadas desde o propio sector co obxectivo de abordar a finalización dos traballos, así como a futura sementeira para que a mesma realícese coas maiores garantías de éxito”.