Inicio Blog Páxina 477

Operativo especial no Porto da Coruña para embarcar seis estruturas para evitar inundacións en Países Baixos

O Porto Exterior da Coruña acolleu esta semana unha nova operativa singular de estiba. Nela, o buque Schokland embarcou seis grandes estruturas de bombeo deseñadas para evitar inundacións nos Países Baixos durante os próximos cen anos. Segundo informaron desde o Porto, a operación foi coordinada por Pérez Torres Marítima, empresa que exerceu como consignataria do buque e estibadora da carga.

O transporte das estruturas corresponde a un encargo do Goberno dos Países Baixos á multinacional Flowserve, líder na fabricación de sistemas de control de caudais, ante a posibilidade de que os actuais sistemas de contención do mar sexan insuficientes pola subida do nivel do mar que se prevé ao longo do século XXI. Flowserve encomendou parte do traballo á empresa coruñesa Herederos de Ignacio de la Iglesia, coñecida como Metalúrgica Gallega, que conta cunha fábrica no polígono de Sabón, contiguo ao Porto Exterior. O proxecto comezou a desenvolverse fai catro anos.

As pezas foron construídas nas instalacións de Metalúrgica Gallega e ensambladas durante as últimas semanas no Porto Exterior. Este venres realizouse a operación de embarque no Schokland, e o buque partiu a última hora da tarde con destino ao porto de Róterdam. O peso total das estruturas é de 90 toneladas, ás que se suman outras 42 toneladas da plataforma habilitada para o transporte.

Investigan a un veciño da Coruña acusado de numerosos furtos en establecementos comerciais de Oleiros e concellos próximos

A Garda Civil identificou e procedeu á investigación dun individuo residente na Coruña como presunto autor dunha serie de furtos en establecementos comerciais, tanto na localidade de Oleiros como noutros municipios próximos. Segundo informou o corpo, os furtos que se lle atribúen ascenden a un valor de máis de 8.000 euros só nunha cadea de supermercados, cuxos responsables pediron unha orde de afastamento para o sospeitoso.

Ademais, a investigación tamén apunta á súa autoría noutros roubos en negocios próximos. A Garda Civil continúa indagando para esclarecer posibles complicidades, especialmente de terceiros que poderían aproveitarse da condición de drogodependencia do imputado para instarlle a cometer estes delitos.

Sábado de Estudios Abertos

0

Chega unha nova edición do esperado programa de Estudios Abertos, nos que poderemos entrar nos espazos de traballo de 35 artistas da cidade. A xornada deste sábado 13 de abril, recollendo as sinerxias do ano pasado, contará con ata 14 actividades paralelas e outras sorpresas nos diferentes espazos.

Os estudios participantes (hai escultura, pintura, fotografía, ilustración, debuxo, cerámica ou multidisciplinar) estarán abertos, con entrada de balde, de 11.00 a 21.00 horas.

O obxectivo desta xornada é coñecer de primeira man os artistas coruñeses, os seus centros de traballo e creación e os seus procesos creativos. Son todos eles e elas profesionais radicados na cidade e que desenvolven o seu traballo nela.

Actividades paralelas

Ao longo do día haberá actividades paralelas nos seguintes estudios:

● Ali Ali: Pintura para nenos de 14.00 a 16.00 horas.

● Chelo Facal: Visitas guiadas durante a xornada, obradoiro para nenos (12.00 – 13.30 horas) e peche coa performance de Willy Eter: conversas entre artes plásticas e teatro.

● Edgar Ortiz: Visita guiada infantil polo estudio con percorrido a través das distintas fases da creación artística: dende a concepción da idea, pasando polo proceso pictórico ata o resultado final. Ás 11.00 horas.

● Ese Sitio: De 13.00 a 18.00 horas. Hika: Pequenas viñetas, obradoiro rápido sobre crear unha viñeta autoconclusiva, nocións básicas de composición e guión, xerar nunha soa folla unha viñeta autoconclusiva utilizando a linguaxe de cómic como medio de expresión.

● Cris Alborjart: Obradoiro de deseño de personaxes de lendas galegas.

● Espacio Línea Noroeste: Obradoiro de iniciación á Cyanotype. Horario de mañá de 12.30 a 13.30 e de tarde de 18.00 a 19.30 horas.

● Espazo Salgado: Debuxo en directo no cristal da galería a cargo de María Salgado.

● Fernando Blanco: Obradoiro de gravado político con Linóleo

● Gisela Galván, Lara / La chica de la cinta e Juan Balay: Durante todo o día soará música de fondo cun tocadiscos.

● Gosia Trebacz: Obradoiro de colaxe de 12.00 a 13.00 horas. Actuación de baile e música de 18.00 19.00 horas con Amparo Martínez (bailarina) e Ber Martínez e Fito Ares (músicos)

● Maica Gómez: Recital poético a cargo de Eugenia San Martín (cantante e compositora) e Patricia Fernández (poeta). Ás 19.00 horas.

● Óscar Cabana: Elaboración dun mural colectivo enfocado á rapazada durante todo o día.

● Pedro Bueno: Visita guiada de mañá e tarde o día do evento

● Victoriano Fernández: Demo de pintura en espazos de realidade virtual e a presentación dun vídeo interactivo.

● Xulia Weinberg: Obradoiro durante varias horas continuas de reciclaxe de vidro, pintado de botellas, frascos, placas de vidro, restauración de vidro.

A GUÍA

Folleto 02_Estudos_Abertos_24 Mapa Coruna Folleto 02_Estudos_Abertos_24 Mapa Coruna

Máis novas

35 artistas volverán abrir as portas do seus Estudios

Descubrindo as entrañas dos nosos artistas

O porto da cidade recibirá máis de 170 cruceiros en 2025

A Autoridade Portuaria da Coruña confirmou a chegada de máis de 170 cruceiros en 2025, como resultado, explica, das xestións que realizou esta semana na Seatrade Global de Miami, o evento anual que reúne a todos os axentes do sector a nivel internacional. A delegación coruñesa estivo encabezada polo presidente do organismo público, Martín Fernández Prado, que acudiu con membros do seu equipo directivo, ademais do responsable de Corunna Cruise Terminal, Luís del Moral, e outros representantes desta entidade que xestiona a terminal de pasaxeiros.

Segundo indicou Fernández Prado, as navieras, turoperadores e en xeral as empresas e organismos vinculados ao tráfico de cruceiros valoraron as infraestruturas do porto coruñés, a atención que se presta aos buques e a oferta de servizos para os viaxeiros. Así, tras superar en 2023 a marca de cruceristas, con 130 escalas e 323.723 pasaxeiros; no presente 2024 espérase pasar as 150 escalas e 350.000 viaxeiros, para chegar en 2025 a máis de 170 buques e 400.000 turistas.

O ciclo TRC Danza volve ao Teatro Rosalía de Castro con 13 espectáculos contemporáneos

0

O ciclo TRC Danza exhibirá no Teatro Rosalía de Castro 13 propostas, cunha estrea e unha función escolar no Fórum Metropolitano, segundo se informou na presentación.
O concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, xunto ao director do Teatro Rosalía, Paulo Rodríguez, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, presentaron esta nova edición.

A programación de TRC Danza divídese en tempadas de primavera, con oito funcións, e de outono, con outras cinco. En concreto, comezará o 19 de abril con ‘Anöa’, de Elvi Balboa, e despois haberá outras dúas sesións.

En maio, realizaranse outras cinco funcións dentro de parte do programa, mentres que o ciclo de de outono comezará en setembro. Todas as funcións representaranse ás 20,30 horas.

Mariscadores do Burgo acudirán a Bruxelas en busca de solucións

Os mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo secundaron este venres unha nova concentración, ante a Delegación do Goberno en Galicia, en demanda dunha solución á súa situación unha vez conclúa o dragado e non poidan faenar e tamén para reclamar que a sementeira se faga “en condicións”, situación que, entenden, non se dá agora.

Así o expuxo, en declaracións aos xornalistas, o portavoz do colectivo, Manuel Baldomir, que avanzou que trasladarán as súas demandas a Bruxelas para que “dea un toque” ao Goberno. A este pedíronlle que “non faga a recepción da obra” xa que, ao seu xuízo, “hai irregularidades que hai que emendar”. “A obra está incompleta, a ría non está en condicións para a sementeira do marisco”, dixo remitíndose a un informe dun biólogo da Consellería do Mar.

Ademais de escritos ao Executivo central e á Xunta, manifestou que trasladarán a súa situación á Comisión europea de Peticións. “Se o Goberno nos ignora, para que lles dean un toque”, sentenciou en relación ao feito de que non acudise ningún representante estatal ás reunións convocadas polo sector, segundo denuncian. Á protesta deste venres, acudiu a europarlamentaria do BNG Ana Miranda, quen manifestou, en alusión aos anos de reivindicación para que se fixese o dragado, que nestes momentos hai “unha luz final”.

Non entanto, apostilou que “non se pode consentir que os mariscadores queden sen recursos” unha vez conclúa o dragado. “Pedimos tanto á Xunta como ao Goberno que se poñan de acordo e poñan unha solución para dar unha saída laboral”, expuxo tras aludir tamén ás iniciativas en Bruxelas para que se contemple unha solución para o colectivo.

O PP pide a dimisión do edil Lage Tuñas e o BNG responsabilidades: “As irregularidades non foron desmentidas”

0

Intentaba esta mañá a rexedora Inés Rey dar por “fechado” o caso Lage Tuñas. Pero non parece a oposición disposta a deixar correr este asunto de posible corrupción municipal, moito menos despois da intervención realizada no pleno de onte polo edil de Urbanismo sen recoñecer ningún dos feitos probados.

Tanto o PP, que volveu pedir pediu a dimisión do portavoz do goberno local tras segurar que  que “o caso non fixo máis que empezar”; como o BNG, que esixe que se depuren responsabilidades, entenden que “non foron desmentidas” as “irregularidades” que, segundo ambas as formacións houbo en relación ás obras nun piso da súa propiedade e na concesión da licenza.

“A gravidade é que mentiu no pleno, en tres intervencións dixo que as obras non se fixeron e no expediente hai documentos que acreditan o contrario”, recalcou o voceiro do PP Miguel Lorenzo. “Se tivese honorabilidade debería dimitir”, apuntou Lorenzo, para quen a alcaldesa debería xa “cesarlle nas súas competencias”. “Inés Rey ten un portavoz que mente e un responsable de Urbanismo quen traballa sen licenza. Que máis necesita para cesalo ? Se non o fai, será cómplice”, sinalou rotundo en rolda de prensa. “Por moito menos do que ten
feito o sr. Lage tuñas, a alcaldesa retiroulle todos os poderes a Eva M. Acón”, deixou caer Lorenzo.

O INFORME

Ademais, o PP compartiu cos medios ademais o informe asinado polo Inspector de Urbanismo nunha visita ao inmoble da Avda. do Exército o día 4 de marzo de 2024, dous días antes de recibido a licenza. No informe recolle fotos e evidencias claras de que o inmoble, que estaba rexistrado como oficina, estaba en pleno proceso de obra xa o día 4 de marzo, con muros separando a superficie total en dous pisos, cun plano situado na parede do mesmo, ventanas tapiadas e demais traballos.

INFRACCIÓNS “GRAVES”: Responsabilidades?

Mentres, desde o BNG, o seu portavoz municipal, Francisco Jorquera, coincidiu en que hai “unha serie de irregularidades que non foron desmentidas, constitutivas de infracción, algunhas graves”. Ao seu xuízo, isto tentouse “ocultar con datos equívocos”. “Estamos ante un asunto que require da asunción de responsabilidades políticas, a alcaldesa debe depurar responsabilidades”, insistiu.

Sobre o acordo de investidura entre BNG e PSOE, afirmou que “foi puntual, non de mandato”. “O grao de cumprimento do acordo terá impacto no ton do BNG e este asunto non axuda ao entendemento”, recoñeceu.

“Non é presentable en política que un responsable obre desta maneira”, sinalou, á súa vez, a edil Avia Veira para quen, sobre a abstención no expediente do seu piso que alegou Lage para apelar ao cumprimento da lei, dixo “non se abstén de motu propio senón cando unha funcionaria lle di que se ten que abster, pasan 19 días, os prazos contrastan cos prazos en que se concede a licenza”.

Ademais, manifestou que “en ningún momento tivo permiso para facer ningún tipo de obra”, cuestionando o exposto por Lage que argumentou que non se fixeron as mesmas e sen licenza, como sostén a oposición.

Máis novas do caso

Lage Tuñas descarga na empresa as posibles irregularidades na concesión da licenza do seu piso

Inés Rey dá por “fechado” o tema do piso de Lage: “Non hai tema e non vou contribuír ao ruído”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, manifestou que “non hai tema, non hai nada“, ao ser preguntada este venres polas denuncias de “irregularidades”, expostas pola oposición, na licenza e obras nun piso do portavoz do goberno local e concelleiro de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage.

Con motivo da súa presenza na inauguración dunhas xornadas sobre Dereito de Familia, e a preguntas dos xornalistas, asegurou, tras a comparecencia en pleno do concelleiro, que pola súa banda non haberá “máis valoracións”. “Deixou aclarado o asunto“, expuxo a rexedora, quen reiterou que a súa postura pasa por “non contribuír ao ruído, a unha maneira de facer política que non é a miña”.

“Aí non me van a atopar, a política é dar solucións e ofrecer respostas ao que preocupa aos cidadáns, iso é ao que me dedico”, sentenciou tras a reiteración das denuncias por parte de PP e BNG no pleno celebrado este xoves fronte aos argumentos expostos polo edil, que asegurou que cumpriu “escrupulosamente a lei”.

Evacuadas dúas persoas tras rexistrarse un incendio na súa vivenda na Coruña

0

Dúas persoas foron evacuadas ao hospital este venres tras producirse un incendio na cociña da súa vivenda na cidade da Coruña. Ademais de queimarse a campá extractora, a rotura dunha tubaxe de auga provocou que se alagase o inmoble.

Un veciño contactou ás 13,00 horas co 112 Galicia e indicou que estaban a saír chamas da cociña dunha das vivendas do sexto piso dun edificio situado na rúa de Casares Quiroga, en San Cristovo das Viñas.

Rapidamente, o 112 Galicia informou a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros da Coruña, á Policía Nacional e Local.

Cando finalizaron a súa intervención, os bombeiros comunicaron os danos materiais e, finalmente, o persoal sanitario apuntou que dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Atopan a 1Km da casa á muller desaparecida desde o xoves en Oza

0
A Garda Civil informa que a muller desaparecida desde onte en Oza, no concello de Oza-Cesuras, apareceu na mañán deste venres.
Segundo apunta atopouse nunha finca próxima ao seu domicilio, a un quilómetro da casa. O seu estado de saúde non é malo. Ten algo de hipotermia pero, “dento do malo atópase estable”, aseguran desde a Benemérita.
A muller foi evacuado para un recoñecemento médico.