Inicio Blog Páxina 476

Parece doado, pero non o é

  • Xornada 32 – Teruel CD 1 – 3  Deportivo
  • O Depor non baixa o ritmo e firma unha segunda volta demoledora
  • Trixésimo segundo partido de Imanol Idiakez como adestrador do Depor en partido oficial (18V 10E 4D).

— — —

Podemos cometer o erro de pensar que gañar un partido nesta categoría é doado polos números que está a firmar o Depor no que vai de segunda volta. Ritmo de vitoria por semana ou case, xa que levamos 13 partidos xogados sumando 11 vitorias e 2 empates, é dicir, o equipo sumou 35 puntos de 39 posibles o que significa o 90% dos puntos en liza. Unha barbaridade que permite vivir unha das mellores situacións deportivas da historia recente e algo difícil de imaxinar hai apenas tres meses. Dende o 5 de novembro que se perdeu contra o Real Unión en Irún por 3-0 no peor encontro da tempada, o equipo só perdeu un partido máis en León a principios deste ano 2024, o que deixa os rexistros de 1 derrota en 21 partidos.

Todo isto adquire maior relevancia se valoramos o comportamento do Depor coma visitante. É o mellor equipo a domicilio no seu grupo de Primeira RFEF (34 puntos fóra da casa) e, tamén, supera os números do Córdoba, que logra a mellor puntuación noutro grupo da categoría (32 puntos). Certo é que o Depor é o equipo que máis partidos xogou coma visitante no que vai de tempada (17 partidos), máis a distancia có segunda, a Ponferradina, é de 7 puntos e só ten un partido menos có Depor fóra da casa, polo que nunca melloraría os rexistros da escuadra branquiazul. O comportamento dos rivais polo ascenso coma visitantes afastase a 7 (Ponferradina), 8 (Barca Atletic) e 9 (Fortuna e Nástic) puntos do Depor, vara boa de medir o difícil que é gañar partidos lonxe do teu estadio nesta categoría. O dito, parece doado, pero non o é.

Anda a afección facendo cábalas e contas para confirmar o ascenso en Donostia ou en Riazor na seguinte xornada. Este que escribe prefire seguir xogando có método Idiákez de “o partido da fin de semana é o único importante”. Estamos a ver que cada domingo líbranse batallas en tódolos campos e contra calquera rival, así que mellor deixemos a festa para cando xa sexa unha realidade non vaia ser que nola quiten dos fuciños.

miguel barreiro

 

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

 

 

HC Coruña, CRAT, OAR e Volei Zalaeta alimentan o soño do deporte herculino

 

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR

A Coruña, a cidade onde máis subiron os alugueres no primeiro trimestre

0

O prezo do aluguer de vivendas en Galicia aumentou un 4,8% no primeiro trimestre de 2024 e acumula un incremento anual do 11,3% ata alcanzar os 9,04 euros por metro cadrado, segundo os datos ofrecidos este luns polo portal inmobiliario Fotocasa.

Así, Galicia presenta a sétima maior subida do trimestre de entre as autonomías e ocupa o 12º lugar na lista de territorios co metro cadrado máis caro. Por provincias, A Coruña rexistrou un incremento do 8,6% no primeiros tres meses do ano, mentres que en Pontevedra fíxoo nun 3%. Por contra, o prezo da vivenda de aluguer caeu un 4,2% en Ourense e un 0,3% en Lugo.

Así, Pontevedra segue sendo a provincia galega cos prezos máis altos ao pagarse 10,24 euros ao mes por metro cadrado. Na Coruña chégase a 9,13 euros, seguida de Lugo con 6,84 euros e Ourense con 6,62 euros.

Segundo Fotocasa, os prezos incrementáronse en seis das oito cidades analizadas no primeiro trimestre de 2024, encabezadas pola Coruña (7,4%), Ferrol (5,8%), Santiago de Compostela (4,2%), Pontevedra(4,1%), Vigo (1,3%) e Lugo (0,7%).

Sanxenxo (Pontevedra) continúa á fronte dos municipios galegos máis caros para alugar con 14,57 euros o m2 ao mes, seguida pola Coruña (10,88 euros), Vigo (10,17 euros) e Santiago (9,94 euros).

Retroceso democrático e tendencias reaccionarias, ameazas ante as próximas Eleccións Europeas

O vindeiro mes de xuño case 450 millóns de europeas e europeos dos 27 estados da Unión celebraremos eleccións ao Parlamento Europeo tras as realizadas hai cinco anos en maio de 2019. En España acudiremos o día 9 a esta votación dentro dun intenso ciclo electoral este ano marcado, polo momento, polos comicios galegos, vascos e cataláns. Nesta ocasión a votación europea non coincidirá ese domingo no noso país con ningunha outra convocatoria. Elixiremos 61 dos 705 escanos europeos, once máis que en 2019 tras a saída do Reino Unido polo Brexit, en circunscrición única estatal e mediante sistema proporcional sen barreiras electorais para a asignación de escanos ás forzas políticas que concorran.

Durante estes cinco anos Europa viuse inmersa nunha sucesión de crises que ademais agravan as consecuencias da Gran Recesión do decenio anterior, nas que as receitas máis neoliberais deron como resultado unha maior desigualdade e desafección cidadá. A COVID-19, que marcou un cambio cara a políticas de estímulo fiscal, a guerra rusa contra Ucraína e a consecuente crise enerxética, os altos índices de inflación e crecentes tipos de xuro que castigan duramente ás capas de poboación menos podentes ou a nova visión militarista no actual contexto xeopolítico, son escenarios que enmarcan a decisión que a cidadanía europea tome en xuño para o próximo quinquenio. É moi probable que estas sucesivas crises exacerben o descontento cidadán co consecuente reflexo en urnas.

O pasado mes de outubro de 2023 o Comité Europeo das Rexións publicou o seu novo informe anual sobre o estado das rexións e cidades. Na complexa gobernanza da Unión Europea, o papel dos Estados a través do Consello, e en certa medida da Comisión, segue sendo esencial en detrimento do papel do Parlamento, a pesar de que no proceso co-lexislador a cámara europea foi gañando algunhas posicións. Pero convén tamén coñecer a visión do sector subestatal, dos poderes rexionais e locais, para interpretar máis claves do momento europeo. Non esquezamos que 1,2 millóns de cidadáns teñen algún mandato electoral local ou rexional.

O Comité das Rexións observa como a confianza da cidadanía na democracia está relacionada negativamente co aumento das desigualdades socioeconómicas. O Informe de prospectiva estratéxica de 2023 da Comisión Europea sinala as ameazas para a democracia e o contrato social existente como un dos retos crave no camiño da UE cara á sustentabilidade social e económica. Segundo este informe, “o contrato social existente non é totalmente adecuado para a nova realidade socioeconómica”.

O Comité apunta a unha relación importante entre o estado da democracia e a inclusividade da democracia, referíndose á súa apertura cara a todos os grupos sociais. A principios de 2022 todos os índices democráticos mostran que a recesión democrática do mundo continuaba, con desafíos, ademais dos apuntados, como o permanente aumento do custo da vida, o aumento dos movementos populistas, as ameazas provocadas pola desinformación e a crecente polarización das opinións.

A confianza da cidadanía na UE é do 47% en xullo de 2023, dous puntos menos que no verán de 2022, segundo o Eurobarómetro, aínda que segue sendo algo maior que no período 2009-2021, tras a crise financeira e a pandemia. Pero a proporción de enquisados que cren que a súa voz conta na UE (42%) diminuíu en tres puntos respecto do verán de 2022.

A pesar destes datos, as política da UE teñen un alto impacto nas políticas de cada estado, de cada rexión, de cada localidade. Vémolo case a diario en materia agraria, pesqueira, enerxética, monetaria, migratoria, etc. Gran parte da lexislación nacional derívase da necesaria transposición de directivas comunitarias. A gran panca de investimento que están a supoñer os fondos de reconstrución Next Generation está a esixir importantes reformas internas nos principais estados beneficiarios, entre eles e de forma destacada España.

Antes a crise climática, non podemos renunciar a impulsar políticas de transición enerxética, a pesar de negacionismos interesados. Ante os novos sistemas dixitais intelixentes temos que garantir os dereitos cívicos e persoais. As crises sufridas obríganos a reforzar as capacidades estratéxicas de Europa que se externalizaron a países con menores custos.

Pero o camiño debe de orientarse desde unha visión máis cidadá, menos corporativa ou multinacional. Os grandes lobbies non poden determinar a axenda pública. As constantes apelacións actuais cara ao rearmamento militar, a falta de consenso europeo no masacre do pobo palestino cunha débil defensa dos Dereitos Humanos, non poden ser a carta de presentación para o próximo quinquenio europeo. As políticas migratorias deben afrontarse desde unha perspectiva receptiva, plural e integradora.

Europa non debe deixarse guiar só pola visión atlantista. Europa debe de reforzar e actualizar un modelo social que permitiu melloras sociais e económicas importantes durante a segunda metade do século XX. Agora, na primeira parte do XXI Europa ten que volver asinar un novo contrato social e de maior democracia.

 

Máis artigos de Juan Días Villoslada en XdC

A nova estratexia galega de mobilidade vai dar resposta ás necesidades de Transporte Público na área coruñesa?

O litoral de Galicia, unha competencia irrenunciable

Docentes e estudantado únese á sociedade civil no seu apoio ao pobo paestino

Varios centros da Coruña responderon á chamada do colectivo Docentes con Palestina de realizar unha conncentración o pasado venres en apoio ao pobo palestino. Numerosos centros de toda Galicia secundaron esta iniciativa apoiada polos sindicatos de docentes STEG e CIG, e o Sindicato de Estudantes, e saíron aos seus patios a esixir o fin do xenocidio sionista en Gaza.

“A comunidade educativa non pode permaner impasible ante o masacre da poboación civil que está tendo lugar en Palestina”, entenden os docentes máis comprometidos. Utilizaron o cancelo #oensinogalegoconpalestina nas redes sociais para visibilizar que o colectivo tamén está presente

“Con este acto simbólico, queremos mostrar que Gaza somos todas e todos. A súa dor é a nosa, a súa esperanza, é o noso compromiso e solidariedade co pobo palestino”, sinalaron.

IES Adormideras de A Coruña Docentes por Palestina
IES Adormideras

NOVA CONCENTRACIÓN, LUNS 15

Igualmente, os colectivos Galiza por Palestina, Mar de Lumes, Asoc. Galaico Árabe e BDS Galiza volven convocar a concentración dos luns para este día 15, ás 20:00h no Obelisco, coma sempre.

MÁIS NOVAS

 

O Basquet Coruña, a dous chanzos da ACB

0

Despois da nova vitoria contundente deste domingo do Leyma Coruña ao UEMC RV Baloncesto, quedan 4 xornadas para o remate da LEB ORO e o Leyma Basquet Coruña saca 2 vitorias e o basketaverage aos seus principais rivais: Tizona Burgos (ao que vencía a semana pasada nun partidazo), San Pablo Burgos e Força Lleida.

O vindeiro venres toca en Alicante, e de gañar o equipo laranxa xa podería mesmo celebrar o ascenso o sábado 27 de abril en Oviedo. Pero vaia, xa sabemos que pasa coas celebracións, que como dicía Arsenio, “te las quitan de los fuciños”.

Un partido “fácil”

Malia haber 3815 persoas no Forno de Riazor, unha grandísima entrada, non houbo o ambiente de, por exemplo, a semana pasada ante Tizona. Non era o mesmo rival, nin foi o mesmo partido. Foi un choque malo, con baixas porcentaxes de tiro nos dous equipos, no que o cadro herculino dominou dende o segundo cuarto, cando o Valladolid comezou a baixar o seu rendemento en ataque de forma considerable. Fixo moito, certo, a intensa defensa dos laranxas, que forzaba malos tiros nos visitantes.

O playback de “Habló Pablo”, que presentou esta semana o seu tema “Coruña es naranja” puxo cor ao descanso, cando o partido xa estaba case que encamiñado. Ademais, o club recibiu sobre o parqué ás xogadoras do Maristas, que se meteron na Fase de Ascenso á Liga Challenge, a 2ª Estatal.

Na segunda puidemos disfrutar de varias desas contras que tanto caracterizan a este conxunto; ademais da maxia do pase de Huskic, dun gran Lundqvist e varias perlas de Jakovics. Pero sobre todo foi a defensa a que decidiu o partido para os laranxas, que seguen soñando, e cada vez con máis razón, con toda unha ACB.

Antu Diagne no Basquet Coruna
O moi querido Antu Diagne fixo un bo partido, con varios tapóns, pero marcou mancado nun nocello

Máis novas

O Basquet Coruña, a 3 pasiños do ascenso ao ACB tralo remontadón ante Tizona

O Concello de Oleiros solicita á Xunta a cesión urxente do porto de Santa Cruz

O Concello de Oleiros solicitou a cesión urxente do porto de Santa Cruz “debido á deterioración paulatina e constante causado polos múltiples temporais”. Tamén, engade nun comunicado, á “inacción da Xunta e do Ministerio” en relación ás “melloras necesarias relativas á rexeneración da praia”.

“É urxente e necesario que a Xunta ceda a Oleiros a concesión do porto outorgada por Costas do Estado”, afirma o alcalde, Ángel García Seoane, nun comunicado.

Por outra banda, en relación ao Executivo estatal, sinala que “a restauración da beira de Oleiros na ría do Burgo quedou pendente tras a recuperación do espazo marítimo terrestre”. “Dar continuidade ao paseo marítimo litoral entre Oleiros, Cambre e Culleredo, así como restaurar zonas que se utilizaban para o baño, son aspectos que esperan a resposta da Delegación do Goberno”, engade.

Piden entre catro e seis anos de cárcere para 8 persoas que vendían droga nos aparcadoiros de Espazo Coruña, Torre de Hércules, Alcampo e Pocomaco

A Audiencia da Coruña xulgará o vindeiro martes, mércores e xoves a oito persoas que se dedicaban ao tráfico de drogas en varios puntos da cidade herculina e para os que Fiscalía solicita penas que van desde os catro aos seis anos de cárcere. Segundo recolle o escrito do Ministerio Público, os feitos desenvolvéronse entre 2014 e 2016 cando o corpo da Policía Nacional realizou un dispositivo de vixilancia por mor de informacións veciñais.

Coa investigación puideron interceptar a varios compradores da sustancia estupefaciente así como ao home que abastecía á parella que vendía a droga desde un piso localizado en Novo Mesoiro. Así, a un dos acusados, con numerosos antecedentes penais xa cancelados, realizábanlle os pedidos de cocaína por teléfono cunha chamada ou ben a través de mensaxes de texto para os que utilizaban unha xerga específica para non ser descubertos, por exemplo “pekes” para referirse a a cocaína.

Ademais da parella que realizaba a venda dos estupefacientes desde o inmoble, a organización operaba e distribuían a droga desde outros puntos como eran o aparcadoiro do centro comercial Espazo Coruña, o da torre de Hércules, o do Alcampo e o polígono de Pocomaco. Para todos eles a Fiscalía solicita penas que van desde os catro aos seis anos de prisión, sete deles enfróntanse a multas de máis de 8.370 euros e para o outro acusado unha de máis de 5.580 euros.

O IES Rafael Puga Ramón e Agra do Orzán e os CPR Eirís e As Escravas gañan os premios Imaxina 2024

O concelleiro de Educación da Coruña, Juan Ignacio Borrego, entregou este sábado na Domus os premios da terceira edición do programa Imaxina Coruña, unha iniciativa impulsada polo Goberno de Inés Rey e destinada a difundir a cultura científica e tecnolóxica entre o alumnado de Educación Secundaria da cidade.

Os gañadores desta edición do certame foron o CPR Internacional de Eirís na categoría de sustentabilidade, co proxecto ‘Ecomoda’; o IES Rafael Puga Ramón na categoría de Innovación, co proxecto ‘La ciudad de cristal desde la perspectiva STEAM y de sostenibilidad’, e o CPR Escravas do Sacro Corazón na categoría de compromiso social, co proxecto ‘Concienciarte’.

Ademais, o IES Agra do Orzán recibiu o premio ao mellor vídeo-relato do seu proxecto, concedido por votación popular. O concelleiro destacou a calidade e a orixinalidade dos traballos presentados, que orbitaron ao redor da temática das artes, ciencia e tecnoloxía. Na actividade participaron 71 estudantes e 16 profesores de dez centros educativos, que presentaron un total de 20 proxectos. Os tres equipos premiados viaxarán a Bilbao para visitar a feira científica Zientzia Azoka, e os centros aos que pertencen recibirán un cheque regalo por importe de 500 euros para adquirir material científico e tecnolóxico.

Máis de 20.000 persoas asistirán na Coruña ao Encontro Mundial de Humorismo

Máis de 20.000 persoas asistirán na Coruña ao Encontro Mundial de Humorismo (EMHU), que terá lugar en dez días, sgún informa a organización, nun evento con propostas entre o 25 de abril e o 5 de maio.

A capital do pecado 2.0, Mentes perigosas, Isto non é un show, A ruína, Humoris Causa e Fantastic Colofon colgaron o cartel de entradas esgotadas hai semanas, do mesmo xeito que actividades como ‘O que me ensinaron os maiores’ e ‘O sentido da birra’.

No entanto, aínda quedan entradas para outros espectáculos como Celebreixon, Go Home, Teño cousas para facer e A nova normalidade, segundo explica a organización.

Por outra banda, EMHU colaborará coa Obra Social Abanca na campaña Cultura por Alimentos, convidando ao público asistente ás actividades paralelas gratuítas que teñan lugar na sede de Afundación a que faga as súas achegas con produtos non perecedoiros que distribuirán, posteriormente, desde o Banco de Alimentos Rías Altas.

Falece un motorista de 40 anos ao caer da moto na AC-14, ao seu paso polo barrio de Elviña

Un motorista de 40 anos perdeu a vida este sábado tras sufrir unha caída cando circulaba pola estrada AC-14, ao seu paso polo barrio coruñés de Elviña, despois de saírse da vía pola marxe esquerda. Segundo informou o 112 Galicia, o sinistro produciuse sobre as 16.46 horas no quilómetro 1,5 desta vía, sentido saída da cidade. Ata o lugar desprazáronse axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e persoal do servizo de mantemento de estradas, ademais dos profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que só puideron confirmar o falecemento.