Inicio Blog Páxina 504

(Vídeo) Así é o novo tema que as Tanxugueiras estrearon no Coliseum da Coruña

0
As Tanxugueiras teñen novo tema, “Hoxe, mañá e sempre”, en colaboración con Valeria Castro. A canción, que as catro artistas estrearon en directo o pasado 16 de decembro no Coliseum da Coruña durante o concerto fin de xira das galegas, trata sobre as persoas que se van pero que, dalgunha maneira, seguen presentes nos recordos para sempre. Nas súas propias palabras, “fai referencia a que cando nós marchemos teremos que estar tranquilas, porque o vivido é suficiente, xa fixemos o que tiñamos que facer. Hai que gozar do presente, da vida, que cando marchemos xa haberá xente que nos lembre aquí para manternos vivas”.
“Cantar xunto a Tanxugueiras é saber que non estás soa, que hai tres mulleres preto que te apoian e cantan contigo para que o que merece ser contado se escoite máis forte. É un agasallo poder cantarlle ás ausencias e á fraxilidade humana con elas”, asegura Valeria Castro.
“Hoxe, mañá e sempre” vén acompañada por un videoclip que mostra ás catro artistas no estudo e reflicte o vínculo que naceu por mor de colaborar e conectar no eido tanto persoal como artístico: “Foi espectacular, fixemos moitísima amizade con ela. É moi sinxelo traballar con Valeria, e o mellor é que por mor de compoñer este tema xurdiu unha amizade que cremos que durará para sempre. Estamos moi contentas de poder traballar con ela e de que nos transmita a súa sensibilidade. “Hoxe, mañá e sempre” é unha combinación da nosa forza coa súa sensibilidade que cremos que encaixa dunha maneira moi orgánica”, destacan.

Aínda co recordo ben presente do fin de xira na Coruña, as artistas xa comezaron a confirmar as primeiras presentacións en directo para 2024, tendo xa estas datas marcadas para o ano que en breves comeza:
14/03 • MA Scène nationale – Théâtre de Montbéliard • (Francia)
25/05 • Ouren Sound Fest • Benposta (Ourense)
10 a 13/07 • Pirata Beach Festival • Gandía (Valencia)
6 a 8/09 • Festival Osa do Mar • Burela (Lugo)

A subdelegada do Goberno na Coruña apunta que segue a investigación do caso do novo apuñalado, “sen novidades”

0

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, apuntou que “non hai novidades” no caso do mozo apuñado mortalmente na cidade herculina na madrugada do día de Noiteboa e as investigacións “seguen o seu curso”.

Así o declarou este venres a preguntas dos medios antes de participar na toma de posesión do novo comisario da Policía Nacional de Santiago, Felipe Guzmán. “Non hai ningunha novidade respecto do que confirmamos onte en relación ás dúas detencións e dicir que a investigación segue o seu curso”, detallou.

A continuación, puntualizou en que se deben “respectar os tempos da investigación“, que revelerá o que “realmente sucedeu” e permitirá “pór aos responsables” a disposición xudicial. Na xornada do xoves eleváronse a dous os detidos, segundo informou a delegación do Goberno en Galicia, tras o primeiro arresto, na madrugada desa xornada, dun mozo coruñés de 21 anos.

Alerta laranxa este sábado por temporal costeiro no litoral da provincia da Coruña

0

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta activou a alerta laranxa para este sábado por temporal costeiro no litoral oeste e noroeste da provincia da Coruña.

Así, apuntan que a segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso empezará a media tarde do sábado na costa coruñesa e estenderase o domingo a todo o litoral galego.

Haberá mar combinado do oeste con ondas de ata sete metros e ventos do suroeste a oeste de forza sete. A borrasca deixará tamén refachos de vento en nivel de alerta amarelo nas franxas costeiras da Coruña e Lugo.

Rescatan en Cambre a un can que se caeu á Ría do Burgo

0

O Servizo Municipal de Emerxencias de Cambre rescatou esta semana a un can que caeu á ría do Burgo, na Amorne, no termo municipal de Cambre. O animal quedara atrapado nunha zona de silveiras da que non podía fuxir. .

A intervención produciuse despois de que a agrupación recibise lallamada da propietaria do animal. Nela, informábase de que o can caera nunha zona de herbas na ría d Amorne da que non podía saír en por si.

Finalmente, un membro do Servizo de Emerxencias desprazouse ata o lugar e descendeu por unha escaleira para acceder ao sitio no que sehallaba o animal.

Estrean unha exposición sobre os 120 anos da Compañía de Tranvías

0

A apenas uns meses da nova licitación do contrato do transporte público da cidade da Coruña, vense de inaugurar unha exposición na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga, na rúa Durán Loriga, co título ‘Compañía de Tranvías. 120 anos ao servizo da Coruña’.

A mostra leva a cabo un completo percorrido pola historia da empresa, desde os tempos do tranvía clásico á actualidade. Nela pódense atopar preto dun cento de imaxes, así como diversos obxectos de gran relevancia como un antigo surtidor dos anos 30, tornos de entrada dos anos 60 ou carteis informativos de distintos períodos.

As verbas da alcaldesa Inés Rey amosaron a disponibilidade municipal de cara ao vindeiro concurso: “A mobilidade sostible e o transporte colectivo serán uns dos grandes retos do vindeiro 2024 para a cidade e a Compañía de Tranvías formará parte del como un axente de gran relevancia”.

O acceso á mostra estará aberto á cidadanía ata o vindeiro 2 de marzo.

O pleno da Coruña aproba de forma definitiva o orzamento de 2024

0

O pleno da Coruña aprobou, de forma definitiva, o orzamento para 2024, que ascende a 375 millóns e que entrará en vigor o próximo 1 de xaneiro. Un documento necesario para desenvolver a vida municipal despois que o ano pasado se prorrogasen as contas de 2022, o que foi recoñecido como un erro por parte do goberno.

Foi co respaldo de PSOE e BNG, tras o acordo e as negociacións para estas contas e con críticas desde as filas do PP. “Non son uns orzamentos que estean á altura da cidade”, asegurou o portavoz do grupo municipal popular, Miguel Lorenzo, que presentara unha serie de enmendas a semana pasada ao documento.

Antes, desde as filas socialistas, o portavoz do goberno local, José Manuel Lage Tuñas, asegurou, no punto relativo á aprobación das ordenanzas fiscais e destas contas, que son o “maior orzamento da historia” e destacou que está “pensado para as persoas” e co obxectivo de ser “un escudo social”.

BNG e a Sinfónica

Á súa vez, o portavoz do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera, destacou o incremento nun 20 por cento respecto dos últimos orzamentos e tamén o feito de que estean pensados “nos barrios e na dinamización económica”. A máis relevante das melloras, para o BNG “é o incremento da dotación ao Consorcio para a Promoción da Música en 250.000 euros a respecto das previsións iniciais”. O voceiro do BNG non perdeu a oportunidade de lembrar que “a atención ás necesidades da Orquestra Sinfónica tamén incumbe á Xunta de Galiza”, de aí que o portavoz nacionalista instou a Xunta “a saldar a débeda contraída co Consorcio”.

A Conta Xeral de 2022 amosa carencias

O pleno serviu para aprobar tamén a Conta Xeral correspondente ao exercicio 2022.

A Conta contou co apoio do BNG, que aínda así deslizou críticas á xestión do Goberno Local, censuras que tamén aparecen no Informe da Tesourería Xeral e que teñen a ver con que “o Concello continúa a carecer dun Inventario de Bens”, circunstancia que provoca que “o Balance de Situación non reflicte a imaxe fiel da entidade no seu aspecto patrimonial”.

Alén diso, segundo o BNG “o informe dá conta dun dato preocupante, o de que, por vez primeira desde 2017, se produce unha situación de desequilibrio patrimonial e financeiro, sendo que os recursos permanentes non financian a totalidade da actividade ordinaria, polo que o fondo de manobra real é negativo en máis de 12 millóns de euros”. Un feito que marcaría “unha evolución negativa desde 2020”.

“Preocupante” é tamén para o BNG que “o remanente de tesouraría para gastos xerais sexa o menor dos últimos anos, do mesmo xeito que o aforro neto e, coa única excepción de 2019, os indicadores de liquidez inmediata e de solvencia”.

Outras cousas

Na sesión plenaria, deuse tamén luz verde unha addenda ao convenio interadministrativo polas obras na estación intermodal, que suporá unha ampliación do aparcadoiro subterráneo, que pasa de 350 a 575 prazas.

Ademais, hoxe ratificouse de forma definitiva a constitución da sociedade xestora da Cidade do TIC, unha entidade 100% pública participada polo Concello e a UDC a un 51 e 49%, respectivamente.

Máis novas plenarias

Critican o baixo nivel de execución dos Orzamentos municipais

As obras dos barrios nas que o Concello investirá 93 millóns de euros

As alegacións do PP ás ordenanzas e os orzamentos municipais para cancelar todas as subidas de impostos

Concello e Deputación renovan o convenio de xestión do Teatro Colón ata 2025 de

0

Concello e Deputación da Coruña continuarán xestionando en común o Teatro Colón. Así o acordaron coa renovación do convenio asinado esta mañá.

O Concello, a a través do IMCE, ontinuará facéndose cargo da programación e o desenvolvemento dos distintos espectáculos realizados neste espazo.

A Deputación achegará a través deste acordo 500.000 euros, dos que 350.000 estarán dedicados a financiar os custos da programación que realice o IMCE e 150.000 euros ao mantemento da instalación de propiedade provincial. Pola súa banda, o IMCE aboará os custos do persoal de xerencia do teatro e de asistencia técnica, así como dos espectáculos e actividades, difusión e publicidade destes, venda de entradas, limpeza do inmoble e seguros.

 

Tres persoas afectadas por inhalación de fume tras arder unha sarten con aceite

0

Tres persoas foron trasladadas este venres con síntomas de inhalación de fume tras arder unha tixola con aceite nunha vivenda da Coruña. Un particular informaba ao 112 Galicia, sobre as 16,00 horas de que estaba a arder unha tixola con aceite e a campá extractora dunha vivenda situada na rúa Arquitecto Rei Pedreira, na Coruña.

Segundo dicía o alertante, o lume orixinado estaba xa extinguido, xa que os mesmos moradores da casa apagárano coa axuda dun extintor. Con todo, solicitaba a intervención dos Bombeiros para asegurarse de que todo quedara ben apagado. Tamén indicaban que non necesitaban asistencia sanitaria.

Con estes datos, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros da cidade, dos axentes da Policía Local e Nacional e dos efectivos de Protección Civil. Unha vez no punto, os Bombeiros revisaron e ventilaron, e, finalmente, requiriuse ao 112 a intervención do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, posto que había unha persoa na vivenda con problemas respiratorios a causa do fume. Con todo, o persoal sanitario confirmou ao 112 Galicia o trasladado de tres persoas por inhalación de fume ao centro hospitalario de referencia.

 

 

 

 

 

18F.- Así é o preacordo de Sumar e Podemos para ir xuntas ás eleccións galegas

0

Onte, era o grupo Sumar Galicia o que anunciaba, un preacordo con Podemos Galicia para concorrer nunha coalición xunto a Esquerda Unida-Esquerda Unida baixo a marca Sumar Galicia. Facíao apenas unhas horas despois de que a formación morada anunciase a Isabel Faraldo como candidata “oficialista” nunhas hipotéticas primarias urxentes.

Con todo, e a pesar da continua confusión que os partidos están provocando no electorado progresista do país, a candidata da coalición será Marta Lois. En calquera caso, o preacordo reserva, para Podemos o segundo posto da circunscrición pola Coruña e o primeiro por Lugo, así como o terceiro de Ourense e o cuarto por Pontevedra.

Así figura no documento que Podemos Galicia somete a consideración dos inscritos –de consulta para todos eles–, e que constitúe un paso previo a que o preacordo con Movemento Sumar poida asinarse de forma definitiva, se é validado, co fin de asinar a coalición antes do 5 de xaneiro, día en que conclúe a medianoite o prazo para este trámite.

O documento tamén garante a Podemos Galicia unha contía anual non menor de 46.000 euros para desenvolver o seu proxecto político se se logra un deputado, suma que aumenta no caso de que a candidatura logre máis representantes.

Doutra banda, a persoa representante da coalición e o administrador xeral da coalición serán propostos por Movemento Sumar Galicia, con acordo das partes e os de cada provincia en función da procedencia da cabeza de lista en cada unha das circunscricións.

Ademais, o acordo inclúe que o grupo parlamentario, que terá a denominación de Sumar Galicia, liga a todos os deputados a permanecer nel. Así se especifica que “Podemos Galicia comprométese a permanecer no grupo parlamentario toda a lexislatura”.

Máis novas

18F – Marta Lois, candidata á presidencia da Xunta por Sumar Galicia, que aglutina tamén a Podemos e EU

18F.- A ex concelleira Isabel Faraldo candidata ‘oficial’ nunhas primarias de Podemos Galicia que terá dúas listas

Detidas dúas persoas polo apuñalamento mortal de Yoel Quispe na Coruña

0

Os detidos polo apuñalamento mortal de Yoel Quispe na Coruña na madrugada do día de Noiteboa elévanse a dúas, segundo informou a Delegación do Goberno en Galicia, que precisou que non se descartan máis arrestos.

Foi tras unha primeira detención esta madrugada, a dun mozo coruñés de 21 anos, como resultado dunha investigación que segue en marcha e na que se está traballando na identificación “doutras persoas implicadas”.

Así o ratificou tamén, en declaracións aos medios de comunicación, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, que incidiu en que se traballa na identificación “de todas aquelas persoas que poidan ter algunha relación co caso”. Ademais, trasladou o seu recoñecemento ao labor da Policía Nacional e precisou que dos arrestos se informou á familia do mozo falecido, Yoel Quispe, de 22 anos, español, de orixe peruana.

Da investigación, fíxose cargo o equipo a Unidade de Delincuencia Organizada e Violenta (UDEV) do Corpo Nacional de Policía. Trátase do mesmo equipo que se encargou do caso de Samuel Luiz, falecido tras unha brutal malleira, en xullo de 2021, no paseo marítimo coruñés.

Para reclamar xustiza e en recordo ao seu achegado e coñecido, houbo o día de Nadal unha concentración no lugar onde se produciu o apuñalamento, no inicio da rúa Sinfónica de Galicia, en confluencia con Juan Flórez. Xa no enterro, celebrado este mércores, numerosas persoas que acudiron ao cemiterio de Feáns asistiron con silencio, caras de tristeza e visibles mostras de dor a despedir a Yoel, un mozo español de orixe peruana.