Inicio Blog Páxina 531

Problemas cunha praga de ratas no Temple

0

Esta semana houbo varias denuncias pola presenza de ratas nas zonas onde se están a realizar os traballos de dragado da ría, así como na praza Manuel Murguía, onde se atopan varios colectores soterrados. “Non estamos ante unha praga en si mesma, estamos ante unha situación que se agravou polas obras de dragado na ría e o importante é que estamos solucionando para o benestar de todos”, aseguran dende o Concello.

En calquera caso, o Concello de Cambre asegura que aumentará os labores de limpeza e vixilancia no Temple. A empresa encargada destes traballos actuará cada 15 días en determinadas zonas críticas polo menos ata finais de ano, desenvolvendo a “desratización realízase en lugares non accesibles ao público, como pozos ou sumidoiros, por todo o que supón para a nosa saúde”, subliñan.

Na actualidade realizáronse controis e desratizacións nas rúas Constitución, Vicente Risco, Ramón Cabanillas ou Emilia Pardo Bazán, ademais da praza Manuel Murguía. De feito, o avistamento de ratas neste último lugar foi maior debido aos colectores subterráneos atopados alí.

 

 

 

Feministas protestan este venres na Coruña para “sacarlle a vermella a Rubiales”

Colectivos feministas convocaron para este venres 1 de setembro manifestacións por diversos puntos da xeografía española, entre eles A Coruña, nunha concentración ás 19,00 horas no Obelisco, contra o presidente suspendido da Real Federación Española de Fútbol, Luís Rubiales, polo bico na boca á xogadora Jenni Fermoso na final do Mundial, para “sacarlle cartón vermello ante o machismo e ante o abuso”.

Unha cita convocada polo colectivo ‘Libres e Combativas’, a plataforma feminista impulsada polo Sindicato de Estudantes e Esquerda Revolucionaria. “Xa abonda de vendernos a moto. O que teñen que facer é destituír a este personaxe e a toda a cúpula que lle aplaude”, aseguraba en declaracións a Europa Press a portavoz do grupo, Mariña Mata.

Igualmente, Mata indicaba que esta convocatoria é unha “continuación” á que tivo lugar o pasado luns na capital. “O do outro día foi a mostra da simpatía, da rabia e tamén da necesidade de defendernos, que é a única maneira que temos para facelo”, engadiu.

Achan animais mortos nun criadeiro de cans en Oza-Cesuras

A Garda Civil localizou a animais mortos nunha leira cuxas instalacións en Oza-Cesuras publicitábanse como un criadeiro de cans, segundo confirmaron a Europa Press fontes da Benemérita.

Por parte dos servizos do Seprona están a investigarse os feitos e á persoa que publicitaba o negocio como un criadeiro de cans da raza bordier collie, nunha leira da citada localidade.

“Había cans e gatos”, precisaron desde a Benemérita, que non concretaron o número de animais achados mortos e engadiron que foi un veciño o que alertou do fedor e a praga de pulgas na zona.

“Salvo un can que escapou, e que está a cargo do concello, só se atoparon cadáveres”, apuntaron tamén. Ademais, precisaron que xa había denuncias previas e que agora se abriu unha investigación.

A Xunta afirma que non hai “informes acreditados” para ampliar a declaración BIC do Museo Carlos Maside

0

Xunta apelou á necesidade de “informes acreditados” para expor que o conxunto de Cerámica do Castro sexa incluído na declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada, na Coruña, algo que, segundo o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, por agora non existe. A preguntas dos xornalistas, recalcou que na actualidade non hai “informes acreditados que digan que hai algún elemento máis que deba formar parte dese conxunto”.

Así o expresou o director xeral de Cultura ao ser preguntado, nun acto en Afundación na Coruña, sobre o anuncio do BNG de que defenderá esta petición no Parlamento galego, tras facer fincapé na recente incoación para declarar BIC o museo, a cal cualificou de “complexa”. “Acabamos de facer a incoación BIC do museo e xa se nos pide que ampliemos a declaración”, sinalou, á vez que lembrou que para realizar este tipo de iniciativas “hai que ter os informes técnicos adecuados para poder ter todos os elementos de xuízo”.

Lorenzo indicou que “despois dun traballo de moitos anos, a nivel técnico chegouse á conclusión de que era o museo, tanto na súa parte arquitectónica como na súa parte de colección, o que tiña o carácter sobresaínte”. Con todo, argumentou que “se hai algún tipo de informe ou algún tipo de indicación contrastada e seria que considere que hai outros elementos que forman parte dese complexo que teñen este valor sobresaínte pois obviamente estudarémolo como facemos sempre con todos”.

MURAIS DE LUGRÍS

Cuestionado tamén pola declaración BIC dos 12 murais de Lugrís localizados no número 25 da rúa Olmos, na Coruña, Lorenzo indicou que “a execución das accións” neste campo é “responsabilidade do Concello” e non corresponde á Xunta. “Son bens que xa están catalogados a nivel municipal e, por tanto, a instancia neste caso inspiradora das accións que se van a levar a cabo corre a cargo da institución municipal“, recalcou tras engadir que a administración galega está a prestar “asesoramento técnico e intercambio de coñecemento e información” respecto diso.

Ao mesmo tempo, o director xeral de Cultura fixo referencia ao propietario dos murais. “Non son bens públicos, ten unha parte privada que, por lei, é a primeira responsable de garantir a conservación dese ben”, lembrou. Respecto ao atraso nas actuacións, resaltou a necesidade de “conxugar a demora dos procedementos administrativos coa urxencia das situacións”. “Quero pensar que a administración municipal é consciente da situación na que están eses bens culturais”, indicou.

A ética das navallas de Manuel María

0

    Manuel María é o patriarca da literatura galega. En 1950, con “Muiñeiro de Brétemas”, comezou a súa fecunda traxectoria poética. Máis de medio século de palabra e compromiso, para que hoxe os máis novos sigamos a ter unha identidade coa que enriquecer o planeta.     

   Manuel sente dende cativo outra curiosa fascinación. Hai un par de anos pregunteille nunha entrevista: cal foi a cousa máis barata que máis che emocionou? Parou un chisco a pensar e respostou, “quizá unha navalliña”. O fero gume da navalla, ben pouco lírico en aparencia, compañeiro constante do camiño do gran mestre da Terra Chá.

A Terra Chá homenaxea a Xurxo Souto, “un home exemplar”, coa “Navalla de Manuel María”

   En Agosto do 2000 recibiunos a Covadonga Carrasco, Xoán Creus e a quen isto asina, na súa casa da Coruña. Ao fondo a illa da Marola e o mar de Mera. Enriba da mesa parte da súa fermosísima colección de navallas. Coa súa voz grave fíxonos aos poucos compartir os porqués de tanto engado.

   “Para min a navalla é un instrumento de uso indispensable. En primeiro lugar serve para cortar o pan e o compango. Serve para cortar unha vara e andar polos camiños. Incluso, se fai falta, para meterlle medo a un semellante”. Na palabra do mestre resúmese todo o poder marabilloso do instrumento. Símbolo dunha gran revolución tecnolóxica do ser humano que mesmo fixo principiar unha nova etapa histórica: a Idade do Ferro. 3000 anos de cultura gardadiños dentro do peto.  As mesma iniciación que viviu a humanidade da cultura da Tène, repetiuse na infancia de Manuel e de todos os rapaces da Terra Chá coa consecución da primeira navalla.

  “Todos os nenos de Outeiro de Rei, dende moi rapaciños tiñamos navalla. Faciamos tiratacos, cortábamos varas. A partir do mes de Maio facíanse frautas de centeo ou de trigo. Pola primaveira, cando as árbores portan a nova sabía, facíanse pitos con madeira de castiñeiro. Eu aínda sei facer un asubiote deses. Eran navallas de “rabo de lagarto”. A min comprábamas a miña nai, ou as miñas tías cando ían ás feiras, ben á de Nadela, ben á de Rábade. Eu atábaas cun fío ao cinto. Mais sempre acababa perdendo a navalla”.

   Un gran invento, humilde pero esencial. O poder do ferro gardadiño nunha funda de madeira, o outro elemento fundamental na cultura material dos antigos. Repárese na etimoloxía, “madeira” en latín directamente: “materia”. A navalla é a espada, a fouce, o coitelo, o arado, a trencha, a machada. Un instrumento clave para comezar a transformar o mundo, compañeiro indispensable durante séculos do ser humano, feito á medida da palma da man. 

   Manuel segue lembrando a súa infancia, “as mulleres no campo tamén as usaban. Nas súas faldriqueiras levaban o rosario, a navalla, os ‘posibles’ e normalmente uns dentes de allo”. Un verdadeiro tratado de relación cosmolóxica en catro elementos. Para a relación co metafísico: un “rosario” para o ben, “allos” contra o “mal”.  Para incidir nas cousas do mundo: “diñeiro” e, obrigatoriamente, unha “navalla”. 

   Tanta é a súa importancia tradicional que o instrumento acadou un valor simbólico e literario. Como sucede coa espada nas literaturas antigas, a navalla na cultura popular galega soe ter unha dimensión erótica, símbolo da virilidade. Velaí a peza, 

Hai que afiala,
hai que afiala,
a navalla do cura
no corta nada.

Ou estoutra cántiga que di,
Carballeira de San Xusto
carballeira enramada
naquela carballeiriña
perdín a miña navalla.

  Como todos os grandes inventos a navalla ten unha dobre faciana. Unha marabillosa, instrumento transformador. Outra terrible como arma agresiva. Continúan as lembranzas do mestre:

    “Toda navalla cunha folla que excedese a palma da man estaba declarada ilegal. Os vellos tiñan navallas de Taramundi, sen punta. Contan que un fiscal sustituto da Audiencia de Lugo, Prado Mañobre, lle preguntou a un testigo:

a arma que portaba o agresor remata en ‘punta’ ou en ‘planicie’?.  Nos anos da postguerra a Garda Civil requisáballe aos homes as navallas. Quizá nese tempo comezou a perderse o seu uso. Neste sentido José María Álvarez Blázquez ten un romance moi bonito: ‘O Romance do Afiador’,

Velaí vén o afiador
asubía que asubía,
(…)
– Veña pra acá afiador
afíe a navalla miña
teño na festa da Virxe
de facer trinta feridas.

– Xa fican poucas navallas,
rapaz, pra a malaxe miña
róubaas a Garda Civil
aos mozos nas romerías.
      (…)

  Afiador, peleriño,
de corredoiras e vilas
Cando non ten que afiar,
 ¿que fai?
 – Afío cantigas.
      (…)

  As palabras de Manuel fan rexurdir do fondo de nós unha esquecida atracción atávica. A mesma emoción infantil que sentiu o poeta polas súas primeiras navallas segue hoxe acompañándoo, “sempre levo polo menos dúas navallas. Ás veces tres, polo que poda pasar. Os portugueses dicen que non se deben regalar. Porque cando se lle dá unha navalla a un amigo, o seu gume corta tamén a amistade”. 

   Manuel transgrediu por sistema esta advertencia. Ao longo da súa vida regalou moitas e, á súa vez, os seus petos fóronse enchendo dunha colección delas que conforman, sobre todo, un fermoso tratado de amizade.

  “Unha das miñas navallas ten as cachas de ouro. Pertenceu a un parente meu, coengo en Mondoñedo, a cidade do Cunqueiro. Foi feita para cortar queixo, tartas, pan e empanadas. Esta outra, é sarda, regalouma Felipe Senén. A esta navalliña inglesa téñolle moito aprecio, regalouma un rapaciño, un lector dos Soños na Gaiola. Teño tamén varias navallas de Taramundi. Outra persa, de muller, moi linda. E outra xudea comprada en Israel, as cachas son a reprodución do peixe de San Pedro. Mirade esta outra que me regalou un fillo de Aquilino Iglesias Alvariño, Manolo Ferreirós, pertenceu a un quinque. É un puñal, só con vela mete medo”.

  O home occidental está a vivir unha nova revolución tecnolóxica. A navalla parece perder a súa condición secular de compañeira indispensable. Moi grande é a nosa débeda de gratitude. Din os antropólogos que o home avanzou como especie intelixente gracias á potencialidade das nosas mans. Potencialidade para intervir na natureza que se fixo moito maior cando esas mans contaron coa axuda do poder do ferro en forma de navalla. Aquí ata a etimoloxía nos dá a razón. Navalla procede do latín “novacula”, unha palabra da mesma raíz do verbo “novo,as, are, avi, atum”, que significa reparar, refacer, mais tamén mudar, inventar, metamorfosear. 

   Este don que a navalla lle dá ao home aparece expresamente reflectido na peza máis querida da colección do poeta. Manuel María na súa obra cita á navalla en varios poemas, un titúlase significativamente “Verbas ás cousas de uso cotián”. E dedícalle outro a navalla que foi da súa avoa materna,

  “É realmente excepcional. Non é unha navalla abarrocada máis está chea de simbolismo. O Sol e a Lúa que a adornan é unha representación do mundo. Está feita con materia viva, o corno, e materia nobre, a prata. Leva gravada a palabra “recuerdo”, unha evocación ao pasado, ao recordo. E está individualizada coas iniciais da propietaria”, símbolo do ser humano que con esta peza na man puido comezar a transformar o universo.

   Manuel María e a súa fascinación humanística. Porque a súa atracción pola navalla é en verdade, nun tempo onde a masa espectadora fagocita a potencialidade do individuo, unha afirmación simbólica e telúrica da nosa dignidade como persoa. 

  • Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.

MÁIS ARTIGOS DE XURXO SOUTO

Traballadores de Atento convocan unha xornada de paro o día 8 tras cinco novos despedimentos

O comité de empresa do centro de telemarketing de Atento na Coruña convocou unha xornada de paro o 8 de setembro polo despedimento de cinco compañeiros, segundo informan.

Respecto diso, explican que “en menos dun mes” procedeuse ao despedimento de cinco persoas no servizo de atención telefónica 1002, que presta a atención relativa ao soporte técnico de Movistar. Os cinco eran da quenda de fin de semana.

“Atento cualifica os despedimentos como disciplinarios, baseándoos nun falso baixo rendemento“, sostén o comité de empresa que esixe a súa readmisión e “frear a destrución inxustificada dos postos de traballo”.

Por este motivo, avanzan a convocatoria dun paro de 24 horas o próximo 8 de setembro, ademais dunha concentración, a partir das 12.00 horas, ante o centro de traballo, na rúa Juan Flórez.

Licitadas as obras accesibilidade entre O Peruleiro e a rúa Barcelona e da escalinata mecánica de Adelaida Muro

0

En abril aprobábanse 17 proxectos para desenvolver cos Fondos Europeos, a través da segunda convocatoria de fondos Next Generation. E algún xa vai dando pasos adiante, como anunciaba onte a alcaldesa en rolda de prensa sobre os asuntos a tratar na Xunta de Goberno Local.

A primeira das intervencións licitadas é a mellora de accesibilidade prevista entre O Peruleiro e a rúa Barcelona, no barrio da Agra do Orzán. Concretamente, nas rúas Fanny Garrido e Julia Minguillón, así como en treitos das rúas Manuel Deschamps, Almirante
ourelle e Páramo.
O orzamento da actuación é de algo máis de 600.000 euros. Unha vez que se adxudiquen
os traballos e se poñan en marcha, terán un prazo de execución de 9 meses.

Tamén licitaron a instalación das escaleiras mecánicas que permitirán salvar o desnivel de 12 metros existente entre as rúas Adelaida Muro e Ángel Rebollo, no barrio de Monte Alto.
A alcaldesa subliñou a relevancia da intervención “polo elevado tránsito peonil nesta
escalinata, a pesar das dificultades que presenta, con 54 chanzos con pendentes de entre
un 3,5 % e case un 10 %”.
Está previsto acometer a remodelación completa da escalinata, coa instalación, no seu
corredor central, de tres treitos de escaleiras mecánicas cubertas por pranchas de
metacrilato, que servirán de protección tanto ás persoas usuarias como aos propios
elementos electromecánicos das escaleiras, ante os fenómenos meteorolóxicos.
A intervención, dotada cun orzamento de 1,1 millóns de euros, tamén abrangue a
renovación integral dos espazos públicos na contorna, tanto no pavimento como no
referente ao mobiliario urbano da rúa.

 

Os 17 proxectos que se poderán desenvolver na Coruña cos 9,1 millóns dos fondos Next Generation

Glassio, Dalsi, KYR4, Meu e Lisasinson completan o cartel de Noites do Porto 2023

0

Noites do Porto 2023 presenta o cartel completo da súa nova edición, que se celebrará do 19 ao 24 de setembro na Coruña. Fíxoo nunha festa esta noite de mércores no eterno Bristol.
O indie-dance do irlandés-iraniano Glassio, o pop da banda viguesa Dalsi e dos coruñeses Meu, o rap da herculina KYR4 e o punk-rock das valencianas Lisasinson súmanse ao cartel xa anunciado os pasados meses.

Este ciclo de concertos está impulsado por Masgalicia co apoio de Xunta, Concello da Coruña, Porto da Coruña e Estrela Galicia.

O cinco novas confirmacións de Noites do Porto 2023 completan un cartel ecléctico, que destaca pola diversidade estilística, polo seu afán por integrar a diferentes públicos e por presentar unha proposta repleta de directos con datas exclusivas ou estreas en Galicia.

Toda a info e a venda de entradas en noitesdoporto.com.

As medusas obrigan ao Concello da Coruña a prohibir o baño en varias praias

O baño nas praias do Orzán, Matadoiro e San Amaro quedou prohibido pola aparición de medusas na auga, segundo informa a Concellaría de Seguridade Cidadá do Concello da Coruña a través de redes sociais.

En concreto, notifica a instalación da bandeira vermella e a prohibición do baño neste tres praias e pide que se siga en todo momento as indicacións do equipo de salvamento e socorrismo.

Na xornada do martes, pecháronse pola mañá ao baño as praias de Riazor, Orzán e Matadoiro por presenza, neste caso, de carabelas portuguesas.

Finalmente, foron abertas na tarde do mesmo martes tras comprobar que non había carabelas na auga e preto da costa, aínda que se mantivo o seguimento.