Inicio Blog Páxina 532

Convocan unha nova concentración feminista contra os abusos no deporte

0

Trala concentración deste luns, a Coruña volve ter outra oportunidade de berrar contra os abusos das mulleres e a cultura da violación este venres 1 de setembro. O colectivo Libres e Combativas convoca ás 19h unha nova Concentración Feminista en Obelisco.

“Ante a gravidade do ataque machista ao que estamos a asistir nos últimos días desde o ámbito do fútbol profesional, ante a xustificación da violencia machista que Luís Rubiales detallou no seu discurso durante a asemblea da federación española de fútbol, e ante a impunidade de que gozan os agresores, desde Libres e Combativas convocamos unha xornada estatal de mobilizacións para o vindeiro venres ás 19 h, que no caso da Galiza será na Coruña.
Desde Libres e Combativas chamamos a tódalas mulleres, a tódolos nosos compañeiros que loitan ao noso lado e a toda a mocidade a encher as rúas este 1 de setembro. Unha mobilización na que esixiremos que o goberno destitúa de xeito fulminante a Rubiales e aos adestradores das seleccións femininas e masculinas de fútbol, e abra unha investigación penal que chegue ata as últimas consecuencias respecto de tódalas denuncias de machismo, agresións sexuais e malos tratos, así como das gravísimas corruptelas económicas que enriqueceron a estes mafiosos”.

A Terra Chá homenaxea a Xurxo Souto, “un home exemplar”, coa “Navalla de Manuel María”

0

Fermosa homenaxe a que vai render a Asociación Xérmolos e a Irmandade Manuel María, este vindeiro 8 de setembro a un dos coruñeses máis comprometidos coa cultura galega. Coincidindo co cabo de ano do poeta lucense, as entidades homenaxean cada ano na vila onde naceu e onde está enterrado, en Outeiro de Rei, a persoeiros singulares e comprometidos coa nosa identidade.

”Todos os anos a Asoc. Xérmolos e a Irmandade Manuel María honramos a memoria de Manuel María celebrando a súa obra e vida, con persoas singulares e especiais. Facémolo ofrecendo de agasallo “a navalla de Manuel María”, pois el coleccionaba navallas, non para ferir a ninguén, senón, como dicía el, pola contra para partillar pan, queixo na mesa, para compartir amizade”, explica o coordinador das entidades Alfonso Blanco.

Este ano, ademais da homenaxe a título póstumo a Suso Fernández, da Libraría Bahía de Foz, gran amigo do poeta e narrador, as entidades homenaxearán ao noso Xurxo Souto. “Queremos agasallar coa navalla de Manuel María a Xurxo porque é un home exemplar, para as entidades da Terra Chá, gran amigo e transmisor e espallador da obra do poeta. Berrando “Manuel María, Gaiteiro!”, Xurxo pregoa a grandeza, inmesidade, a exemplaridade da obra do poeta. Xurxo exemplifica que é posible estar comprometido no noso país, de transmitir paixón e forza”, sinala Blanco.

A homenaxe arrincará cun xantar no Río Ladra. Ás 17 horas terá lugar un recital nas Penas de Rodas; de seguido ás 18 horas prego no cemiterio de Outeiro de Rei e para rematar, ás 19 horas celebrarase un rito compartido no Campo de Santa Sabela.

Para reservar, podedes contactar no 646413890.

As palabras de Xurxo

Leremos estes días un artigo que está preparando Xurxo, pero xa nos deixa estas verbas sobre a homeaxe:

Recibir a navalla de Manuel María é para min a felicidade. Neste nome e neste símbolo prodúcese unha auténtica “conxunción astral” na biografía das miñas emocións.
Dende a Terra Chá a poesía de Manuel María ilumina Galiza toda. Eu tiven a sorte de que fose o meu mestre. Nos dez anos que residiu na Coruña, na última etapa da súa vida, mantiven con el unha relación moi estreita. Calquera dúbida sobre calquera aspecto da cultura galega atopaba axiña resposta na súa palabra. Mesmo tiven a honra de ser convidado varios anos por Saleta e mais el ao xantar do día da súa onomástica, na casa da rúa Fonte Gundín, con vistas ao mar da Marola.
Absoluta felicidade tamén, porque a distinción provén directamente Xermolos, persoas tan queridas, sempre baixo o abeiro de Alfonso Blanco, coas que puiden colaborar nun espectáculo marabilloso: O “Pardiñazo”, o XL aniversario do Festival de Pardiñas.
E digo que é unha conxunción astral, porque a outra persoa homenaxeada, neste caso “in memoriam” é Suso do Bahía, sabio focego. O verán pasado, a Orquestra Bravú Xagai tocamos en Foz e botamos unha peza dedicada a el e mais a Manuel María.
Espiral das emocións que non acouga. Con Covadonga Carrasco e Xoán Creus hai anos visitamos unha vez máis a casa do poeta. Queriamos escribir unha longo artigo, precisamente, sobre a súa “colección de navallas”.
En fin, 8 de setembro, “lucem candidiore nota” que din os latinos. Día de absoluta felicidade, digo eu.
Gratitude infinita, Xermolos.
Que medre a palabra de Manuel María!

Xurxo Souto, Gaiteiro!

O músico Richi Casás xa lle dedica estas palabras a Xurxo:

A Navalla A Xurxo Souto

Tanxugueiras rematará a súa xira “Diluvio” no Coliseum cun concerto especial

0

Esta mañá as Tanxugueiras anunciaban que pecharán a súa xira ‘Diluvio’ cun concerto especial no Coliseum da Coruña no que contarán coa participación de máis artistas do panorama nacional.
Rayden, Rozalén, Guadi Galego, Muerdo, Mondra e Valeria Castro subiranse ao escenario
do Coliseum da Coruña o vindeiro 16 de decembro para acompañar o trío de pandereteiras
na gran foliada para a que aínda quedan sorpresas por confirmar.

Aida Tarrío, Sabela Maneiro e Olaia Maneiro escolleron a cidade da Coruña para o ‘Derradeiro diluvio’, igual que fixo co comezo da Xira Midas na Sala Pelícano e do posterior éxito no Festival Noroeste, con 80.000 persoas que encheron Riazor.

“Este será o concerto máis significativo que daremos ata a data, xa que é moi emocionante que tantos grandes artistas aos que consideramos amigos se unan para festexar a música como idioma universal” explicaron as artistas. As pandereteiras interpretarán desde cancións xa recoñecidas do seu repertorio como “Terra”, “Averno” ou “Aire”, así como novos temas aínda en colaboración con outros artistas como Ruth Lorenzo ou Juancho Marqués.

Mondra, un dos nomes máis destacados da nova escena emerxente galega, abrirá unha cita no Coliseum que promete ser unha gran cita histórica para a música en Galicia. “Galicia é a nosa casa e é o lugar que nos viu nacer e crecer como Tanxugueiras e é por iso que cremos que a mellor maneira de celebrar todo o bo que nos pasou nestes últimos anos é facelo coa nosa xente. Ademais, que se nos brinde a oportunidade de cantar nun sitio histórico polo que pasaron grandes artistas como Shakira, Marc Anthony, Aitana, Maná ou Sting, e poder facelo cunha proposta en galego énchenos de orgullo” sinalou o trío.


As entradas estarán á venda ao público xeral o venres 1 de setembro ás 11.00 h través da web oficial de Tanxugueiras (www.tanxugueiras.com) e terán un prezo xeral de 22.50 euros máis gastos. Ademais, como mostra de agradecemento e respecto polas raíces e os inicios do grupo, Tanxugueiras porá á disposición das máis de 500 asociacións de música tradicional galega rexistradas unha prevenda especial cun desconto dun 10% que comezará mañá, mércores 30, ás 11.00 horas e cuxo código estará activo ata o día 3 de setembro ás
23.59 horas.
Ínstase a aquelas asociacións que queiran gozar do desconto que se poñan en contacto coa promotora PlayPlan e que desta maneira os e as súas afiliados poidan beneficiarse do código de desconto na compra.

Reabertas ao baño as praias da Coruña pechadas o martes por presenza de carabelas portuguesas

As praias de Riazor, Orzán e Matadoiro, pechadas o martes ao baño por presenza de carabelas portuguesas, foron abertas de novo, segundo ratificou a alcaldesa, Inés Rey.

A preguntas dos xornalistas, e con motivo da rolda de prensa que ofreceu para informar os asuntos abordados na Xunta de Goberno, precisou que agora se fará unha revisión “para comprobar se existen exemplares na auga e preto da costa”.

No entanto, pediu á cidadanía que se se achegan ás praias “non as toquen” e que respecten as indicacións dos servizos de salvamento marítimo, a pesar de que as carabelas detectadas onte “fóronse afastando da costa”. O consistorio xa solicitou o martes que se seguisen en todo momento as instrucións do persoal de salvamento tras prohibir o baño por precaución.

Volta ao verde

  • Xornada 1 – Depor 0 – 0 Rayo Majadahonda
  • Debut de Imanol Idiakez como adestrador do Depor en partido oficial (0V 1E 0D)

— — —

Comezou unha nova tempada para o Depor e o fixo dunha maneira ben morna. Sabendo que aínda quedan fichaxes por pechar e que aínda estamos en agosto, o partido do sábado pasado deixou ver certas cousas boas no arranque da competición.

Deixou ver que o Depor xa conta cun bloque de partida fiable na defensa e serio en ataque, de aí que se conten por riba da decena as chegadas ó área rival con boa presenza de Yeremay e Lucas na maioría delas deixando claro que serán esas referencias que se pedían por parte do afeccionado. Faltan notas que afinar na partitura branquiazul e haberá que estar preto da evolución de Barbero, Davo, Jose Ángel, Palo Valcarce, Berto Cayarga. Este tempo dirá se o obxectivo do ascenso pasa polo sufrimento un ano máis ou viviremos alegrías alá por maio.

Tamén deixou ver o partido algo non tan novo por Riazor, como é que os rivais virán a pechar as liñas e frearán o ritmo continuamente, de aí a importancia de adiantarse pronto no marcador nos partidos da casa e tratar de chegar o descanso con vantaxe no marcador. Intentouno o Depor na primeira metade e logrouno na segunda, máis o árbitro decidiu que el tamén quería protagonismo e anulou un gol legal a todas luces. Mal o arbitro, peor ó liña.

Pouco máis deixou este primeiro partido. Un Depor preto do esperado, con cousas que pechar e ca necesidade de lograr a vitoria en Lugo esta fin de semana e comezar a sumar de tres en tres para espantar os fantasmas do ano pasado: mal comezo con Borja Jiménez e nulo éxito a domicilio có ínclito Oscar Cano.

 

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR

O monte Xalo é considerado un “exemplo claro de combinación de valores naturais, culturais e panorámicos”

0

Galicia acolleu a primeira xornada da reunión conxunta do equipo de traballo interregional do proxecto GIFT (Green Infrastructure for Forest and Trees), que se constituíu oficialmente o pasado mes de xuño e cuxa misión é establecer ao longo do próximos catro anos medidas e políticas sectoriais efectivas no campo da xestión da infraestrutura verde e da paisaxe.

A xornada contou coa participación de expertos internacionais. Concretamente, da Universidade de Zagreb, en Croacia, e da Universidade de Letonia, en calidade de socio asesor. Ademais, participaron especialistas da Xunta e doutras institucións galegas implicadas no coidado e na protección da paisaxe, como a Fundación Juana de Veiga e a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O encontro comezou cunha reunión técnica na Reitoral de Celas que inaugurou o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, e durante a que, da man dos socios implicados no proxecto, analizáronse os instrumentos políticos directamente relacionados coa infraestrutura verde, entendida como unha rede de espazos e elementos que melloran a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna.

Logo desta primeira asemblea e das dúas mesas de traballo da mañá, os invitados visitaron o Monte Xalo, en Culleredo, por tratarse dun “exemplo claro de combinación de valores naturais, culturais e panorámicos”, apunta a Xunta.

Así, os participantes eloxiaron a integración paisaxística e o bo estado de conservación desta zona, localizada en pleno corazón da reserva de biosfera coruñesa, declarada tamén Área de especial interese paisaxístico e proposta ademais como zona multifuncional na futura Infraestrutura Verde de Galicia, xa que supón “un excelente exemplo de interconexión entre zona rural e urbana”.

O encontro termina este mércores en Santiago cunha xornada que contará tamén cunha reunión técnica para revisar os aspectos tratados na primeira sesión e unha mesa de traballo para que os expertos debatan sobre as medidas para continuar xestionando adecuadamente a infraestrutura verde e a paisaxe nos seus territorios.

Por último, haberá un bloque de conclusións e fixaranse os prazos para o envío dos informes das revisións entre pares que deberán elaborar os socios do proxecto.

A Coruña berrou contra o acoso no deporte

0

Non quedan impunes xa accións machistas e caciquís como as que leva protagonizado na última semana o presidente da Real Federación Galega de Fútbol. Así se deixou claro esta tarde de luns, con concentracións en todo o estado nos que os colectivos feministas e os clubs de fútbol, nomeadamente o fútbol feminino, saíron á rúa para amosar o seu apoio a Jenni Hermoso.

O Obelisco acollía a concentración con cánticos de “Rubiales Dimisión” e “Fóra acoso do deporte”, deixando claro que esas accións non van quedar impunes.

A Romaría de Elviña e Castro, na Coruña, terá como centro a música e o baile tradicional

O Concello da Coruña, a través da área de Fomentoy Promoción da Cidade, promove do 8 ao 10 de setembro o ‘IV Romaría de Elviña e Castro’.

Unha celebración popular que forma parte do programa de festas nos barrios, que engloba todas as celebracións que se desenvolven ao longo do ano nas distintas zonas da cidade“, explica.

A programación deste IV Romaría de Elviña inclúe tres xornadas centradas na música e o baile tradicional galego, con actividades para todos os públicos.

Inés Rey condena o acto de Rubiales e mostra o seu apoio á xogadora Jenni Hermoso

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, expresou a súa “absoluta repulsa” e o seu “rexeitamento máis enérxico” ante o comportamento “impropio en calquera ámbito social” do presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luís Rubiales, quen bicou na boca á internacional Jenni Fermoso tras a final do Mundial.

A rexedora, ademais, mostrou o seu apoio á xogadora e “en xeral a todas as mulleres que sufriron nalgún momento da súa vida, que somos moitas, violencia sexual, entendida como comportamentos totalmente inapropiados na contorna laboral”.

Fíxoo, a preguntas dos xornalistas nun acto celebrado este martes na cidade herculina. Do mesmo xeito, Rey lamentou que “a maior xesta do fútbol feminino en España viuse embazada por unha actitude que non debería ter lugar en ningún ámbito da sociedade“. No entanto, dixo que a súa sensación se viu “mitigada” pola resposta social que foi “tan unánime, tan enérxica e tan contundente”.

“Se este feito serviu para que as mulleres deámonos conta de que seguimos sendo vítimas de violencia sexual en todas as súas manifestacións, obxecto de comportamentos inapropiados que atentan contra a dignidade das mulleres e de que temos que erradicar este tipo de comportamentos e seguir avanzando cara a unha sociedade en igualdade, pois benvido sexa”, engadiu.

Na mesma liña, Rey argumentou que “unha sociedade democrática e avanzada non se constrúe deixando á marxe ao 50 por cento da súa poboación, que somos as mulleres”. “Este tema tennos que levar a unha profunda reflexión como sociedade”, apostilou.

Cuestionada por se os proxectos que o Concello da Coruña poida ter coa RFEF poidan verse afectados por esta controversia, a alcaldesa sinalou que este tema “non ten absolutamente nada que ver“.

Tres detidos de Irán desde abril en Alvedro con pasaporte falso

0

Dúas cidadás iranianas foron detidas no aeroporto de Alvedro, na Coruña, cando pretendían viaxar a Londres con pasaportes falsos, segundo informa a Policía Nacional.

O pasado 23 de agosto, ás 10.00 horas, axentes da Policía Nacional adscritos ao Posto Fronteirizo Aéreo de Alvedro, procederon á detención das dúas pasaxeiras tras detectar que a documentación que portaban podería ser falsa ou falsificada.

As pasaxeiras, detidas cando tentaban pasar o control de fronteiras nun voo con destino Londres, foron trasladadas a dependencias da Unidade Contra Redes de Inmigración ilegal e Falsidades Documentais da Coruña, onde, tras as xestións realizadas, conclúese a falsificación dos dous pasaportes intervidos.

Unha vez tramitadas as dilixencias correspondentes, as mulleres foron postas a disposición da autoridade xudicial xunto cos documentos falsos intervidos, tratándose de pasaportes de Malta e de Luxemburgo.

Anteriormente, no mes de abril deste ano, axentes do mesmo Posto Fronteirizo da Policía Nacional, detiveron a outro cidadán de Irán tras detectar que o documento de viaxe co que se identificou fora falsificado. Neste caso, tratábase dun pasaporte de Letonia.