Inicio Blog Páxina 638

O Club de Opinión Foro Cívico intégrase na A.C. Alexandre Bóveda

0

Dous entidades tremendamente activas como son o Foro Cívico e a A.C. Alexandre Bóveda veñen de unir forzas. O Club de Opinión do Foro, no que participa o noso Ricardo Vales intégrase na Asociación cultural mantendo o espírito co que o definía Manuel Rivas no manifesto fundacional de 1992: “Concordamos na creación dun Foro Cívico coa única pretensión de que esta iniciativa teña o xeito dunha tribuna de opinión pública, baseada no contraste e no diálogo, unha plataforma de expresión da pluralidade e das arelas futuristas, que contribúa á dinamización da sociedade civil”.

Afirman que as liñas de actuación serán a loita pola Reforma laboral e futuro das pensións, en defensa da Sanidade Pública, solicitar a reforma do Código Penal sobre os delitos de sedición e malversación ou o fomento da liberdade de expresión. Ademais realizarán accións para evitar a “desmemoria da escravitude na Coruña” ou para ordear o futuro dos peiraos do porto da Coruña.

Programa

Estas serán algunhas das actividades anunciadas para os próximos meses:

– 11 de abril, acto sobre Lei de Memoria Democrática e simboloxía franquista na Coruña, coa participación de Ana Romero, directora do Instituto José Cornide, que presentou un informe ao concello da Coruña para a eliminación de 14 rúas; Uxío Breogán Diéguez, director da Cátedra de Memoria Histórica da UDC e Manuel Monge, que ten publicado traballos sobre os restos do franquismo na Coruña e Galiza. Será coordinado por Emilio Vega.

– Eleccións municipais de 28 de maio. Como xa fixemos noutras eleccións, ofreceríamos a nosa tribuna ás cabezas das candidaturas máis representativas para que expoñan o seu programa de goberno.

– Eleccións Xerais de decembro de 2023. Debate a celebrar no mes de novembro.

– Premio Marcelino Liste Xustiza e Liberdade. Como xa fixera o Foro Cívico durante varios anos, que culminaría nunha cea de entrega do premio en decembro, arredor do Día Internacional dos Dereitos Humanos.

 

Óscar García Patiño: “As Deputacións a día de hoxe non valen para nada. Son chiringuitos. Deberían ser puramente técnicas”

  • “A Vía Ártabra é unha infraestrurura moi importante, pero non pode cargarse o humidal da Gándara e ser de pago. A Xunta ten que empezar de 0.”
  • “Se non aprobamos o PXOM teremos outro retraso de 10-15 anos, e iso sería unha ruina para o noso Concello”
  • “Todos os que voten á Alternativa dos Veciños de Cambre están conseguindo que leven cartos a Oleiros”

—- —- —-

Pelexando entre os trasatlánticos da política, Óscar García Patiño (alcalde dende 2015 con Unión por Cambre) afronta as eleccións municipais do vindeiro 28 de maio con total confianza. “Creo que fixemos méritos suficientes para que a xente siga confiando en nós”, sinala sobre a súa posible reelección, lembrando a súa promesa de hai 14 anos cando propuxo nos estatutos do partido poñer 3 lexislaturas como tope.

Coa lista perfilada pero non aprobada en asemblea (“vai haber poucos cambios, sen necesidade de importar fichxes de fóra coma outros”), fala de “PROXECTO”, en maiúsculas. “A lista é moi fácil facela. O complicado é ter un proxecto”, explica mentres repasa os 8 anos de lexislatura.

Como grupo veciñal, antepón a súa faceta persoal (“somos veciños antes de nada”) que política, e pon en valor a mellora da participación cidadá na vida municipal.

 

  • XdC: Que valoración fai do teu mandato? De que cousas estás máis orgulloso estás do feito, e que cousas quedan no tinteiro?

Fago unha valoración moi positiva, pero temos que facela dos 8 anos que levamos, porque nós falamos dun proxecto que traemos para este Concello, non o que fixemos nestes 4 anos. De feito o programa vai ser unha continuidade do que levamos propoñendo estes 14 anos.
Esta lexislatura foi complicada, coa pandemia… Pero ao final fixemos moitas cousas: melloramos moito a participación de veciños, fixemos as gradas do Brexo Lema; a ampliación da piscina que estamos facendo; o novo local de servizos sociais para dar un mellor servizo; o parque Ramón Barba que vai empezar; o pavillón de Anceis que é perfectamente legal; o novos local Social de Cela; a Biblioteca Municipal de Cambre, unha demanda histórica e promesa de todos os partidos…

 

  • XdC: Quen canles de participación cidadá tendes abertas?

Dende o principio, constituímos que houbese unha persoa que se dedica a falar todo o día coas asociacións, a Concelleira de Desenvolvemento Asociativo, Carmen Pan. A nosa política é escoitar a todo o mundo e logo darlle, resposta, sempre, ás veces para ben e outras para mal se non podemos, ou se non son da nosa competencia, trasladamos as demandas ás administracións competentes. Eu tamén teño dúas reunións ao ano con elas, como mínimo.

Tamén temos abertos os Orzamentos Participativos, con máis de 700 propostas, e contestamos a todas. E temos un servizo aberto por whastapp.

 

Infraestruturas

A acollida é boa. Non é un Plan Xeral de UxC e PSOE. É un Plan para a veciñanza. Nós lle pedimos a todos os grupos que melloren o Plan, pero só o critican, e ninguén falou sequera coa empresa que o desenvolve, unha empresa especializada que xa fixo o de Ferrol, Oleiros… e o único que lle dixemos é que cando chegue a fase final que a Xunta o aprobe.

É fundamental sacalo adiante. Xa levamos un retraso con PXOM duns 15 anos, e se non o aprobamos teremos outro retraso semellante, e iso sería unha ruina para o noso Concello. Arteixo e Culleredo non teñen Plan Xeral, e cun Plan podemos facer que a xente veña invertir a Cambre, por exemplo coa ampliación do Polígono de Espíritu Santo.

Por agora levamos algo menos de 300 alegacións, pero chegarán moitas máis nos últimos días. As principais son de xente que pediu pasar a súa finca a urbana. A xente pensa na súa rúa, pero nós temos que facerlle entender que todo o Concello é importante.

 

  • XdC: Entón, hai unha estimación dos prazos para que se aprobe?

Estamos coa exposición pública, resolveránse as alegacións, pero faltan algúns dos máis de 30 informes que teñen que enviar diferentes administracións, que ao final son os que ralentizan o proceso. En 3 anos, máis ou menos, debería estar aprobado.

 

  • XdC: O tema das Casas Bailly vai tamén por aí, non?

Todos falan das Casas Bailly pero ninguén de como recuperalas. Nós fixemos unhas modificacións subsidiarias puntuais, cando todos nos dicían que esperásemos ao PXOM. Pero tiramos para adiante porque sería retrasalo 6-8 anos. Con esas modificacións, pasamos unha zona na Nacional VI, en fronte do Seixal, de solo rústico a de servizos… para atraer venta de motos, concesionarios, hoteis… E con ese aumento de recadación, que calculamos será de 2 millóns de euros, imos a restaurar as Casas Bailly.

Casas Bailly

  • XdC: Vía Ártabra… Aí seguimos esperando os cidadáns mentres…

David contra Goliat. Nós defenderemos que a Vía Ártabra é a infraestrurura máis importante, co Vial 11 17, para Cambre. Somos un concello de servizos, un embudo ademais, para toda a área. É necesaria e imprescindible, por exemplo para o desenvolvemento do Polígono, pois en 10 minutos nos poríamos na zona industrial de Arteixo-Laracha-Carballo.

Pero a Vía Ártabra non pode cargarse o humidal da Gándara, porque non é unha “charca” como a definiu algún alcalde limítrofe. Defendémolo así, e ademais queremos que o entronque coa autopista sexa gratis.
É certo que nos sentimos abandonados do resto dos partidos nesta pelexa coa Xunta. Tivemos que denuncialas e ir ata o final para que nos dean a razón. Estaban equivocados no proxecto construtivo e de trazado, e eles o sabían.

 

A Xunta ten que dar marcha atrás, ten que empezar de cero. Din que o entronque non pode ser en Catro Camiños. Nós lle mandamos 5 proxectos posibles para que así sexa; que nos demostre con informes técnicos que non poden ser, porque o único que non encaixe son as cabinas da peaxe…

Nós avisámolos, non houbo maneira, e houbo que ir á Xustiza. E gañamos dúas veces.
Agora, prazos? xa nin idea… Nós na vindeira lexislatura seguiremos reivindicando a Vía Ártabra con forza, incluso promovento concentracións, cortes… porque parece que é o único que entenden.

 

  • XdC: O Vial 11-17, entón, para cando?

Está paralizado, está nun caixón dende hai tempo, cando é un vial necesario. Iría dende o club de tenis de Oleiros ata a antiga peaxe, polo que sería fundamental para liberar a Costa da Tapia.
Estando aínda na oposición pedimos que a fose pola Marisqueira para non ter que ir ao Paraugas, que é o gran embudo. Pedímoslle tamén que quitasen un muro para disfrutar do regato de San Pedro e do Gándara. A Xunta cambiou o proxecto para a Marisqueira, e nada máis, e despois o meteron nun caixón, como outros proxectos que nos teñen paralizados. É unha das cousas que pasa cas administracións que non están cercanas á cidadanía. Se no seu día, Fomento lle dixese a Xunta que fixese o Vial 11-17 antes de facer a obra de Solymar, non teríamos tantos problemas a día de hoxe. Pero é o problema de ter dúas administracións enfrontadas. En do PP e outro do PSOE e os que sofren son os veciños.

A verdade é que non respectan nin sequera a figura dos alcaldes. Fraga dicía aos conselleiros que os alcaldes eran a máxima autoridade e que había que convocalos sempre. Agora convocan a todo o mundo menos ao alcalde para unha presentación no teu concello…

vial 11 17

Rexeneración

  • XdC: Un dos temas máis comentados é a rexeneración urbana das zonas urbanas. Xa anunciastes a semana pasada unha nova área verde de 3.658 metros preto da rúa do Polígono no Temple. Parte fundamental da política do partido?

Estamos intentando arranxar a desfeita que se fixo no noso Concello nos anos 80. Afogaron a ría do Burgo na zona de Cambre, que non o fixeron en Culleredo ou Oleiros, e agora estamos intentando recuperala.

Traballamos nos 3 núcleos, en temas como a ampliación das beirarrúas, e prantación de árbores, mellora da accesibilidade (como no Parque Ramón Barba)… Vese nas rúas, nas prazas, nas beirarúas, estamos intentamos facer as cidades para os cidadáns, e sen esquecer buscar sitios para que a xente teña sitiuo para aparcar.

Para min, é unha envexa ver como en Pontevedra os nenos baixan só a rúa e poden socializar. Nós imos por aí, estamos intentando que poidas ir andando para disfrutar os nosos ríos, as nosas fragas… Xa fixemos parques infantís, pero fáltanos aínda renovar o mobiliario urbano da zona urbana.

 

  • XdC: E cando falas de sostibilidade, a que te refires?

Por exemplo, pedimos 3 proxectos de independencia enerxética ao PIREB (Programa de Impulso a la Rehabilitación de Edificios Públicos). Un no pavillón de Sigrás, promovendo a reforma integral, e a posta de placas solares que permitirán darlle electricidade, pero tamén ao edificio de Protección Civil e outras infraestruturas municipais. Temos solicitadas reforma dos colexios do Temple e o Graxal. E co PIREB tamén cambiamos a iluminación a LED dos centros urbanos e polígono. Tamén apostamos pola compra de coches eléctricos.

 

  • XdC: O ano pasado houbo problemas coa seca. Como é posible tendo o encoro de Cecebre ao lado?

Outra cousa que non entendemos. Por que non se fai o trasvase de Meirama directamente. Emalcsa xa o propuxo a Augas. Facendo o trasvase de Meirama ao río Barces, que desemboca na presa de Cecebre non teríamos problemas de abastecemento nos próximos 100 anos.

Ten huevos que me esixan que lle pida aos veciños que teñan coidado cos regos das súas hortalizas, dos seus campos, das piscinas… cando chegas e ves que os clubs de golf están regándose. Pedireilles aos veciños que teñan coidado cando vexa que estas actividades que non nos necesarias tamén o teñen.
E ademais pelexaremos polo uso de lecer dos ríos e do encoro, que por agora está prohibido…

 

Eleccións

  • XdC: Cres que a crise do PSOE pode influir no goberno local?

Todos os partidos grandes teñen un problema de base, por non escoitalas, fundamentalmente. A política ten que ser de abaixo arriba.
Pero vaia, aquí co PSOE temos unha excelente, non boa, excelente, relación. E non creo que afecte aquí. Nestes concellos pequenos, a xente vota moito ás persoas, e tamén aos feitos, non tanto ás siglas, creo eu.

  • XdC: Cres que pode influír na Deputación?

Non me fales das deputacións… As Deputacións a día de hoxe non valen para nada. Son chiringuitos. Deberían ser puramente técnicas, cun xerente de área. Que estean facendo plans de emprego, temas de cultura, dándolle cartos aos camioneiros… paréceme incrible. Paréceme incrible que me teñan que dicir en que gasto os cartos…
Parece incrible que haia gobernos paralelos que se xeraron e que nos constan un riñón a cada veciño. A cantidade de cartos que nos contan os políticos, os asesores… Que estea dirixida por alcaldes é incrible, inaudito.
As axudas nominativas… xa como se estivésemos na época franquista…

Tiñan que dar apoio a todos os Concellos. Nós por exemplo, temos o tema da xestión de multas, e iso está ben.
Pedímoslle que fagan listas de funcionarios das súas categorías, que nos faciliten a contratación. Pero nada, quedou nun caixón.
Pedímoslle a xestión da Lei de Protección de Datos, e nada… Que nos axuden coa limitación de persoal… non somos capaces de gastar porque non temos persoal suficiente. Temos máis de 60 contratos pendentes de executar por falta de persoal…

Nós sempre o dicimos: “As ideoloxías non fan carreteras… son as persoas”.

 

  • XdC: Cres que a imputación do seu exalcalde pode influir no voto do PP?

Non creo. Puxeron xente nova que, non se falan cos actuais, por certo, e que o primeiro que fan é pedir que se paralice o Plan Xeral. Pero nin sequera se xuntaron con nós nin coa empresa…

 

  • XdC: Que relación tendes con Alternativa dos Veciños? Podería haber acordos?

Pois está clara: Todos os que voten á Alternativa dos Veciños de Cambre están conseguindo que leven cartos a Oleiros. Alternativa é decisivo na votación da Deputación. Pero que me digan cantos pediron na Deputación para Cambre?? É que nin os pediron.

Cultura

  • XdC: Seguirá apostando o Concello por temas culturais como o Rock in Cambre ou a arte urbana?

O RockinCambre sempre é unha aventura. É difícil atopar a data correcta, porque por exemplo o ano pasado coincidiu con outros festivais. Pero ten 30 anos, e é parte do ADN do noso Concello, e vai seguir séndoo. É un éxito ademais porque lle damos protagonismo á cantidade de grupos que temos enchendo os locais de ensaio municipais.
Outro dos logros foi o Rock Infantil, e por aí imos continuar. O primeiro é que disfrutemos os cambreses, que nos sentamos identificamos, e despois que veña moita xente.

Tamén colaboramos co Open Science, que é unha pasada como traballa a mocidade.

E si, imos seguir apostando pola arte urbana, e polo festival MuralFest. Tivemos 2 murais entre os 10 mellores do mundo, é a ostia, “Cambre no Mundo”.
Funcionou moi ben o de realidade aumentada, que ademais é unha empresa de Cambre que está sendo chamada por outros muralistas, co que ademias fomentamos a creación de emprego. Imos seguir por aí si, traballando con códigos Qr…

O Concello esixirá aos donos do edificio da rúa Olmos a rehabilitación dos murais de Lugrís

0

Dous meses despois de pasar polo Congreso e uns días despois da esixencia de José Manuel Sande, candidato de Podemos, Esquerda Unida e Alianza Verde, do cumprimento das súas obrigas sobre conservación do patrimonio histórico ao respecto dos murais de Urbano Lugrís, o Concello da Coruña anuncia quevai reclamarlle aos propietarios do número 25 da rúa Olmos que actúen de xeito inmediato para conservar os murais pintados por Urbano Lugrís que se atopan no inmoble (un antigo restaurante) e que son tamén da súa propiedade.

O Concello elaborou un informe que determina a necesidade de actuación de forma inmediata sobre as 12 pezas que decoran as paredes do antigo restaurante Fornos.

As pinturas datan de mediados do século XX, tal e como figura na inscrición dunha delas -24 de febreiro de 1951- e están realizadas coa técnica “a secco” e pintura ao aceite.
A condición do local de hostalaría fixo que durante anos os murais estiveran expostos a fumes e vapores, procedentes da cociña así como do tabaco, oxidando a capa pictórica afectada por outros condicionantes como a ventilación, humidade e iluminación do espazo.

Os técnicos indican que as pinturas están en mal estado de conservación, mais son recuperables. É precisa unha actuación inmediata. “Os murais están catalogados e protexidos e os seus donos teñen a obriga de garantir a súa conservación”, sinalan dende o Concello. De non responder ou non acometer as medidas de conservación necesarias, será o Concello o que actúe de forma subsidiaria.

62 transplantes, un 50% máis que o ano pasado, neste comezo de ano do CHUAC

0

“13 transplantes orgánicos en seis días, isto permítenos situarnos nos primeiros hospitais a nivel nacional de actividade trasplantadora”, sinala o coordinador de transplantes, do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), Fernando Mosteiro, tras analizar as boas cifras do servizo neste primeiro trimestre do ano.

O equipo de transplantes realizou no que vai de ano 62 transplantes de órganos sólidos na área sanitaria A Coruña-Cee. Isto supón un aumento de máis do 50% con respecto ao mesmo período do ano anterior, no que levaron a cabo 40, pero con cifras a finais de marzo, segundo datos achegados polo hospital.

Dos 62 transplantes realizados, 33 son de ril, 11 de fígado, dez de pulmón, seis de corazón e dous de páncreas. Por meses, en xaneiro fixéronse 22 transplantes, 19 no mes de febreiro e 21 en marzo. O número de doantes captados pola oficina de coordinación en 2023 é de 8.

 

Aprobada a reforma das fachadas do CEIP Víctor López Seoane

0

Máis de medio millón de euros foron aprobados para ehabilitación das fachadas do CEIP Víctor López Seoane, en Monte Alto. Sairá a licitación nas vindeiras semanas. As actuacións levaranse a cabo en dúas fases, comezando pola substitución das ventás, e incluirá o cambio da superior da cuberta baixa, engadindo un novo sistema térmico exterior. Tamén se levará a cabo a substitución das carpintarías exteriores -fiestras e portas- por outras con mellor seguridade e illamento así como a retirada das reixas de seguridade que cobren a parte dos ocos nas fachadas do edificio.

Estiman unha reducción de máis do 30% tanto o consumo de enerxía como de emisións de CO2.

A Coruña, capital do cinema de animación

0

Afundación, a Obra Social de Abanca, acollerá na súa sede da Coruña, do 10 ao 14 de maio, ‘Imaxinaria’, un festival creado como un espazo de “encontro, divulgación e proxección” do sector da animación a nivel galego, nacional e internacional e unha plataforma de lanzamento de novos realizadores.

A animación é cinema e é un medio para contar historias, non é un xénero“, reivindicou o realizador coruñés Alberto Vázquez, gañador de catro premios Goya, na presentación do festival, do cal é director xunto a Matilde Rodríguez, tamén comisaria da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (Miic). No acto, ambos estiveron acompañados pola coordinadora da área de Cultura de Afundación, Marité Cores.

Queremos mostrar todas as posibilidades artísticas e expresivas e todas as técnicas de animación cunha programación de alta calidade a nivel de calquera festival internacional potente”, explicou Vázquez, quen asegura que o obxectivo é que este encontro “sexa unha referencia en España”.

‘Imaxinaria’ conta cunha sección oficial para ver as películas que participan no concurso e actividades paralelas de proxección de longametraxes, eventos formativos, talleres dirixidos á infancia, charlas e clases maxistrais con expertos de prestixio internacional.

Vázquez destacou a participación do realizador Michäel Dudok de Wit, gañador dun Óscar á mellor curtametraxe de animación en 2001 por ‘Pai e filla’. “É un dos animadores máis respectados da escena internacional e estaría no top dez de animadores da historia”, sinalou.

CARÁCTER SOCIAL

O creador coruñés tamén incidiu no carácter social deste evento, “algo que o diferencia de calquera festival que hai en Europa”. O encontro pon o foco no “activismo na animación”, nos profesionais que “a través do seu labor educativo e o seu traballo denuncian situacións sociais de colectivos vulnerables ou desfavorecidos”.

En canto ás cifras do sector de animación galego, o realizador destacou que máis das terceira parte dos Goya a longametraxes de animación son producións ou coproducións galegas. “Dez dos 28”, puntualizou.

Sabes canto cobran os dirixentes de Inditex?

0

A presidenta non executiva de Inditex, Marta Ortega, percibiu unha remuneración de 834.000 euros no seu primeiro ano á fronte da compañía, mentres que o conselleiro delegado, Óscar García Maceiras, cobrou 8,37 millóns de euros, segundo consta no informe anual de goberno corporativo remitido á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

A filla de Amancio Ortega emprendeu a súa nova etapa profesional á fronte de Inditex o pasado 1 de abril de 2022, mentres que García Maceiras asumiu o seu cargo en novembro de 2021, data na que se anunciaron os cambios na dirección da firma.

Do total percibido por García Maceiras, 6,92 millóns de euros corresponde á retribución en metálico e 1,44 millóns de euros ao beneficio bruto das accións ou instrumentos financeiros consolidados.

Pola súa banda, Pablo Isla percibiu no seu último ano á fronte de Inditex 27,2 millóns de euros, dos cales 23 millóns de euros corresponden á indemnización pola súa saída da compañía. En total, o consello de administración de Inditex percibiu en 2022 unha retribución de 38,69 millóns de euros, mentres que a retribución media dos empregados situouse en 25.000 euros, un 9% máis.

A compañía rexistrou un beneficio neto marca de 4.130 millóns de euros no seu exercicio fiscal 2022-2023 (desde o 1 de febreiro de 2022 ao 31 de xaneiro de 2023), o primeiro de Marta Ortega á fronte da presidencia, o que supón un incremento do 27% respecto ao ano anterior.

AMANCIO ORTEGA

Pola súa banda, o fundador e primeiro accionista de Inditex, Amancio Ortega, ingresará este ano 2.217 millóns de euros en concepto de dividendos da compañía, por encima dos 1.718 millóns de euros que percibiu por este concepto o ano pasado.

O fundador de Inditex, que controla o 59,294% da compañía, equivalente a un paquete de 1.848 millóns de accións, inviste parte dos dividendos que recibe de Inditex no sector inmobiliario.

 

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

O persoal do Consorcio de Turismo da Coruña convoca folga a partir do 3 de abril polo convenio

O persoal do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña convocou folga a partir do 3 de abril, tras o acordo por unanimidade en asemblea de traballadores, segundo informa a CIG.

Faino pola “inaplicación sistemática” do convenio do persoal laboral do Concello da Coruña, “deber de aplicación que o consorcio ten recoñecido desde 2017”. Respecto diso, indica que isto supón “unha grave quebra no importe das nóminas dos traballadores que, en moitos casos, rozan o actual salario mínimo interprofesional”. Ademais, apunta que neste seis anos tiveron que reclamar xudicialmente as cantidades e a aplicación do convenio.

Tamén alude a unha situación de “inseguridade e inestabilidade que isto leva xa que o consorcio segue aplicando o convenio de oficinas e despachos a pesar de coñecer o deber de aplicación do convenio do persoal laboral do Concello da Coruña”.

Rueda considera “unha boa noticia” o acordo sobre o Chuac para empezar as obras “canto antes”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificou como unha “boa noticia” o acordo entre o Concello da Coruña e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade sobre o financiamento pola ampliación do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac).

Fíxoo na súa comparecencia tras o Consello da Xunta na que destacou que se pechase un acordo “para un dos maiores investimentos””, sinalou sobre as actuacións previstas para un “un novo hospital punteiro”.

Por outra banda, incidiu en que se asinará un convenio en base ao acordo alcanzado. “Desde a Xunta a intención é que se asine canto antes e empezar as obras de inmediato”.

“O que queremos é que isto empezo canto antes, temos consignacións orzamentarias potentísimas e é unha demanda”, recalcou Rueda quen resaltou o feito de que se conseguiu o “obxectivo” dun acordo.

Mediante o mesmo, o goberno municipal mantén o seu investimento, de 22,2 millóns de euros, pero destinará esta partida, de forma íntegra, aos accesos ao hospital polo que o concello ostentará a titularidade das vías.

A Xunta, pola súa banda, achegará 3,2 millóns ao ascender o orzamento para as novas vías a 25,4 millóns. Esta, ademais, asume as expropiacións dos terreos neesarios para acometer a ampliación, un cambio que se concretará nun novo convenio que se prevé estea listo entre abril e maio.

A Deputación da Coruña licita o proxecto do edificio para o estudo audiovisual virtual

A Deputación da Coruña licitou a redacción e codirección do proxecto básico e de execución do novo edificio que acollerá o estudo audiovisual virtual que a institución provincial porá en marcha na cidade das TIC da Coruña.

As empresas que opten a esta licitación poden presentar as súas ofertas antes do 30 de marzo. O orzamento base de licitación ascende a 120.600 euros, segundo informa.

Trátase do primeiro paso administrativo para a construción do inmoble que acollerá o proxecto Coruña Estudo Inmersivo (CEI), impulsado pola Deputación cun investimento total de oito millóns de euros e cofinanciado con fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España e fondos propios da Deputación da Coruña.

O estudo audiovisual virtual vaise a executar na parcela 19 da Cidade das TIC, nun edificio de nova construción, cunha superficie en planta de 4.160 metros cadrados, “dos cales 750 metros van estar dedicados a albergar un estudo de características únicas en España, con capacidade para recrear calquera escenario real ou de ficción”.