Inicio Blog Páxina 734

Denuncian o “negocio e a violencia” eólica que tamén chegou ao Val de Barcia e Monte Xalo

Ao redor de 500 persoas manifestáronse este domingo en Carral contra o que denominan a “aprobación masiva de polígonos industriais eólicos”, onde censuraron a “violencia institucional” que exerce a Xunta, “que non é un Goberno que coordine políticas públicas para garantir a cobertura de necesidades da poboación, senón o departamento comercial das eólicas”.

A manifestación, convocada pola asociación Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo, e apoiada polo Sindicato Labrego Galego (SLG), arrincou do Monumento aos Mártires de Carral e discorreu pola vía principal do municipio ata finalizar fronte ao Concello de Carral. Alí leron o manifesto da convocatoria, onde lamentaron que “os partidos políticos que ocupan a Xunta e o Goberno estatal convertesen estas institucións en meras xestorías de negocio do oligopolio enerxético“.

“A tramitación en tempo marca de 120 polígonos industriais eólicos, cunha celeridade nunca vista cando se trata de atender demandas da poboación, nin tan sequera en cuestións esenciais como a atención sanitaria, a atención á dependencia ou o dereito a contar cun modelo de produción de alimentos de proximidade que garanta alimentación de calidade, recalcan unha vez máis que as formacións políticas están dispostas a atacar o benestar da cidadanía para favorecer os multimillonarios beneficios das corporacións privadas”, censuraron.

“Esiximos á Xunta que explique que tipo de procedemento de tramitación permitiu que expedientes que non puideron ser resoltos durante meses fosen ditaminados agora en cuestión de días”, recalcan.

A Escola de Afeccionado de “Recortes” enche catro funcións no Teatro Colón

0

4 funcións en dous días é capaz de encher a obra “Recortes”, da compañía Ainé. Unha demostración do vivo que está o teatro galego. Tan vivo como a entrega dos espectadores, participantes dende o primeiro segundo na obra como parte desa afección futboleira que tanto ten que mellorar.

Porque Recortes, baseada nun texto xornalístico de Nacho Carretero e dirixida por Tito Asorey, non é outra cousa que unha escola de afeccionado, que trata de explicar a paixón que vive unha persoa á que lle “pica” o fútbol, pero tamén denunciar o negocio en que se ten convertido o fútbol profesional.

Nunha complicada maridaxe entre risas e momentos serios, aderezada, como adoita a familia de Ainé facer, en clave musical (tremendo Sergio Zearreta), a obra reflexiona, sobre temas tan serios como os amaños de partido, o trato de xogadores como produtos, a falta de afección ao fútbol feminino ou o amaño de partidos.

Manuel Cortés está incrible; Isabel Garrido mete un alegato do fútbol feminino que estremece; pero se cadra a meirande protagonista é a complicidade que consegue Touriñán, el só no medio do escenario comandando os complicados momentos de cambio de ton, nos que parece que está falando contigo, con todos e cada un dos membros do público, na barra dun bar con total confianza.

Pero a obra nunca deixa de ser unha comedia, que busca recuperar o fútbol de antes, para repensarmos en que outro fútbol é posible, e que cómpre manter a ilusión dun neno para mantelo san.

#Odioeternoaofútbolmoderno.

 Javier López, Rodrigo Maseda, José Antonio Villamor… GRAZAS!!!

0

A Xefatura Superior de Policía de Galicia realizou unha ofrenda floral en homenaxe aos tres axentes falecidos ao tratar de rescatar a un mozo eslovaco na praia coruñesa do Orzán no undécimo aniversario da traxedia.

O acto, celebrado no monumento en honra aos policías Javier López, Rodrigo Maseda e José Antonio Villamor situado na Coraza do paseo Marítimo, foi presidido polo comisario provincial da Coruña, Fernando Javier Martínez Marty. Ao mesmo, asistiron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, mandos policiais e membros da corporación municipal.

Ofrenda floral en homenaxe aos ‘heroes do Orzán’ / POLICÍA NACIONAL

Familiares dos ‘heroes do Orzán’ tamén estiveron presentes na ofrenda. “Que máis quixésemos que non fose heroe e que estivese aquí”, lamentou Carmen López, nai de Javier López, quen manifestou que en recoñecementos como este sente “moitísima emoción”.

Tras o evento, Rivas destacou que esta homenaxe é “un acto de recordo, de apoio e de agarimo a esas familias que sofren a ausencia“, así como tamén “unha mensaxe á cidadanía de que a Policía Nacional está sempre onde se lles necesita mesmo cando iso, nalgunhas ocasións, supón pór en risco a súa vida”.

O Concello da Coruña creará un informe sobre os murais de Lugrís que foron visitados por técnicos municipais

0

Técnicos municipais accederon este venres ao edificio do número 25 da rúa Olmos, antigo local de hostalaría onde se conservan os murais pintados por Urbano Lugrís. O Concello citara á propiedade este venres para que persoal municipal puidesen comprobar en persoa o estado das obras. Semanas atrás os propietarios xa remitiran imaxes destas.

O consistorio informa que os técnicos municipais puideron comprobar que os murais conservan a súa integridade, aínda que engade que será necesario elaborar un informe detallado sobre eles nos próximos días “para coñecer o estado exacto de cada unha do nove pezas conservadas e determinar que tipo de tarefas son necesarias para a súa restauración e conservación”.

Por outra banda, a Deputación da Coruña aprobou en sesión plenaria unha declaración institucional na que todos os grupos políticos sitúanse en favor da protección e restauración dos murais de Urbano Lugrís.

Por unha banda, solicítase ao Concello da Coruña e á Xunta de Galicia que se activen todas as accións e medidas necesarias para asegurar a protección, conservación e restauración dos citados murais e, por outra, exprésase a disposición a colaborar con ambas as administracións naquelas iniciativas que estean destinadas á conservación da obra de Lugrís.

Confirmada a condena a 15 anos para un home por agresión sexual ao seu fillo desde que tiña 12

0

A Sala do Penal do Tribunal Supremo confirmou a condena a 15 anos de prisión imposta a un pai por un delito de agresión sexual continuada, con intimidación, ao seu fillo na Coruña desde os 12 anos, cando empezou a facerlle tocamentos, ata os 17 anos.

O tribunal explica que neste caso concreto a nova regulación establecida na O 10/2022 de garantía integral da liberdade sexual non resulta máis beneficiosa ao condenado, posto que a pena que se lle impuxo coa anterior normativa, límite máximo de 15 anos, pode imporse igualmente coa actual.

A Sala desestima o recurso de casación interposto polo condenado contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que confirmou a ditada pola Audiencia Provincial da Coruña por un delito continuado de agresión sexual ao seu fillo.

Ademais da pena de 15 anos de prisión, impúxolle dez anos de liberdade vixiada e a prohibición de comunicarse por calquera medio ou aproximarse á vítima durante 24 anos, así como a inhabilitación para o exercicio da patria potestade con respecto ao seu tres fillos e o pago dunha indemnización, en concepto de responsabilidade civil, de 50.000 euros á vítima.

Na súa sentenza, razoa, entre outras cuestións, que “non incumbe agora efectuar unha reevaluación da pena nin expor a aplicación retroactiva da nova norma como máis beneficiosa”.

Sabes quen era e que fixo Sergio Peñamaría de Llano?… Hai unha rúa no Ventorrillo e un cadro del no concello

3
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) pide ao Goberno Municipal da Coruña que convoque a Comisión de Honras e Distincións, presidida polo PSOE, en aplicación da Ley de Memoria Democrática, e retire as distincións de todo tipo  otorgadas a Sergio Peñamaría de Llano. Unha petición q ue fixo entre o pasados 17 e o 24 deste mes de xaneiro, facendo entrega dunha documentación nas sedes dos catro grupos da corporación municipal: BNG, Marea, PP e PSOE.
Segundo informa nun comunicado, a CRMH ten enviado unha carta a alcaldesa Inés Rey, denunciando as “siniestras e sanguentas actividades represivas de Peñamaría”, na comarca de Valdeorras, como teniente, ao mando do I Tercio da III Bandera da Legión, así como o seu papel de fiscal militar en diversos consellos de guerra contra demócratas antifranquistas, para os que ten solicitado varias sentencias de morte.
Por iso, a entidade pide a eliminación do nome da rúa no barrio do Ventorrillo, así como a eliminación do cadro do persoeiro, do pazo municipal. Lembra que, sendo Teniente coronel, foi alcalde da cidade de 1959 ao 1963, no tempo en que a Casa Cornide pasou ao patrimonio dos Franco por unha falsa subasta, artellada pola alcaldía e por Pedro Barrié de la Maza, para agasallárllela á esposa do ditador, Carmen Polo. Datos recoñecidos no informe elaborado á instancias do Goberno Municipal polo “Instituto de Estudos Coruñeses José Cornide”.
Sergio Peñamaría de Llano, ex militar e alcalde franquista da Coruña
Sergio Peñamaría de Llano, ex militar e alcalde franquista da Coruña | Fonte: FB Concello A Coruña
“A burocrática contestación do Concello á nosa solicitude — sin posibilidade de recurso ou algún tipo de información á que poideramos ter opción –, remítenos a épocas anteriores aos concellos democráticos, deixando a CRMH indefensa  na sua reivindicación”, indica. Por este motivo, a CRMH diríxese aos grupos municipais, en aplicación da vixente Ley de Memoria Democrática, para solicitar o seu apoio na convocatoria, nun prazo de dous meses, da citada comisión.
En todo caso, e dentro do prazo, a CRMH resérvase a posibilidade de denunciar o incumplimiento da lei de memoria democrática, diante da Fiscalía, para erradicar da historia coruñesa o siniestro nome de  Sergio Peñamaría de Llano, como así lle lo ten solicitado o pleno da corporación do Barco de Valdeorras.

Carral acolle este domingo unha manifestación contra a invasión eólica

Nestes últimos días, a Xunta de Galicia vén de tramitar en 4 días un total de 56 informes de declaración de impacto ambiental (DIA). Entre os proxectos aprobados, atópanse as poligonais eólicas de “As Encrobas”, “Meirama” e “Meirama 76”, que encherán de viraventos os concellos de Carral, Cerceda e Meirama.

Proxectos que situarán “xigantes aparellos de 200 metros de altura (a mesma que a cheminea “alta” da C.T de Meirama) abicados a escasos 600 metros das casas en aldeas habitadas como Salgueiros, Vilasuso, Xontes, etc”, cunhas poligonais que abarcarán mñais de 11 millóns de metros cadrados afectando directamente a aldeas enteiras como as das parroquias de Sumio (Barcia) e Quembre: Mende, Salgueiros, Esperante, Paradela, Cabancas, Meán.

Manfiestación

A avalancha de proxectos fai que os colectivos conservacionistas e veciñais salgan de novo á rúa, como farán este domingo os membros da Asociación Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo.

Apoiadas por outras plataformas, colectivos e veciñanza afectada de toda Galicia que están a vivir o mesmo pesadelo, convocan unha manifestación este domingo no Concello de Carral para mostrar o noso absoluto rexeitamento ante o ataque que están a cometer na nosa terra.
Esta mobilización partirá ás 12:00h dende o Monumento aos Mártires de Carral pola estrada nacional 550, ata a Rúa Manuel Ferrol, pola que subirán ata a Rúa Víctor Velasco, que nos levará ao Campo da Feira onde rematará o acto coa lectura dun manifesto por parte de representantes de distintas asociacións.
Ademais faremos partícipes desta xornada ás nenas e nenos, que son quizais os máis afectados, posto que son os que herdarán e pagarán as consecuencias deste despropósito. Dende ás 11h., no campo da feira, poderán facer os seus propios muíños de papel e pancartas coas súas consignas para acompañarnos no percorrido da manifestación.

 

Os Levitants e 84, o menú musiqueiro da Mardi Gras para esta finde

0

 

A Sala de concertos Mardi Gras continúa co seu ininterrumpido programa musical. Esta fin de semana ten dúas citas singulares, cos concertos de Levitants e de 84.

O venres, a partir das 23:00h, será o turno do grupo de Valladolid, que arrinca a xira na cidade herculina co seu himno “Adelante”.

Xa o sábado 28, á mesma hora (venda online a través de wegow, chegan 84, grupo nado en 2005, que xa conta cunha gran cantidade de fans.

Rexeitan revisar tres condenas por delitos sexuais na Audiencia da Coruña en aplicación da lei do ‘só si é si’

0

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña rexeitou revisar tres condenas por delitos sexuais en aplicación da coñecida como a lei do ‘só si é si’, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Nun caso, rexeita rebaixar a pena de cinco anos de cárcere imposto ao autor dun delito de abuso sexual, pois asegura que o novo marco legal “non só non é máis beneficioso, senón que é máis prexudicial”.

O tribunal, por tanto, rexeita a revisión da condena interesada polo condenado por abusar sexualmente dunha menor que se atopaba baixo os efectos do alcol nun escampado.

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña tamén denegou a revisión da pena, en aplicación da O 10/22, de cinco anos de cárcere imposto a un avó por abusar de forma continuada da súa neta, menor de idade.

Ademais, a sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, tamén entende que non cabe a revisión da pena de tres anos e cinco meses de prisión imposta ao autor de dous delitos de abusos sexuais, un deles continuado e sobre menor de idade.

Neste caso, os maxistrados tamén destacan que non procede a revisión porque “a nova regulación non resulta máis favorable, senón, ao contrario, as condutas estarían máis gravemente sancionadas”. Contra o tres autos cabe presentar recurso.