Inicio Blog Páxina 79

CIG-Servizos denuncia o bloqueo do convenio da hostalaría na Coruña e chama á mobilización

CIG-Servizos denunciou a “falta de avances” e “o bloqueo” na negociación do convenio colectivo do sector hostaleiro na provincia da Coruña. “Mentres que os traballadores levan conxelados os seus salarios desde 2024 e perden poder adquisitivo debido ao elevado custo da vida”, sinala a central sindical nun comunicado no que cualifica de “inmobilista” a postura dos empresarios hostaleiros.

“Nun contexto de auxe para esta actividade, a única proposta da asociación provincial de empresarios é reducir o complemento que garante o pago do 100% do salario en caso de licenza durante os primeiros 12 meses”, sinala o sindicato sobre un convenio colectivo que afecta a case 20.000 traballadores da provincia coruñesa. Neste contexto, a organización nacionalista esixe “salarios dignos e condicións laborais xustas”, á vez que fai un chamamento á mobilización do persoal “como única vía para lograr o acordo que o sector merece”.

30 anos da Gala do CIFP Imaxe e Son para esixir un #teatronaeisxa

Así está dende hai dous anos o auditorio do CIFP Imaxe e Son de Someso. Un centro cunha actividade dirixida ás artes escénicas, que non pode dispoñer durante dous cursos dun espazo onde representar as súas creacións. De feito, o alumnado do centro tense que desprazar ao Forum Metropolitano para celebrar Gala EIS Carballeira.

A mocidade leva tempo denunciando a situación ante o abandono das administracións. As obras levan paralizadas demasiado tempo e a mocidade quere reclamar un espazo escénico propio no que poder desenvolver a súa formación en condicións adecuadas, especialmente nos ciclos vinculados á realización de espectáculos, iluminación, son e produción audiovisual.

Nos últimos meses, estudantes do centro impulsaron unha campaña de visibilización a través dun perfil en Instagram e do hastag #teatronaeisxa no que están a recibir o apoio de profesionais recoñecidos da escena e do audiovisual galego, que reivindican a necesidade de dotar novamente ao CIFP Imaxe e Son dun teatro plenamente operativo.

E que mellor xeito de reivindicalo que creando. Así, este mércores 20 de maio trasládanse de novo ao Fórum para celebrar a Gala EIS Carballeira. A partir das 18:30h, o auditorio do Fórum acollerá a entrega anual de premios ás mellores obras e proxectos audiovisuais realizados polo alumnado que actualmente remata os estudos de 2º curso nos distintos ciclos formativos do centro.

A Gala EIS Carballeira é unha das citas máis emblemáticas da comunidade educativa do CIFP Imaxe e Son. A primeira edición destes premios celebrouse no ano 1992 como un recoñecemento do talento emerxente nas áreas da Produción de audiovisuais e espectáculos, Son para audiovisuais e espectáculos, Iluminación Captación e Tratamento de imaxe, Realización de proxectos audiovisuais e espectáculos e Animacións, 3D, xogos e contornos interactivos.

Nesta edición, ademais de desvelarse os gañadores do certame de podcast E ti, que peli escolles?, organizado pola Biblioteca e o departamento de Dinamización Lingüística, entregaranse un total de quince premios que recoñecerán traballos desenvolvidos nas categorías de produción de espectáculos e proxectos audiovisuais, sonorización, gravación de son, fotografía, iluminación, vídeo, animación, retransmisión televisiva, rexiduría, dirección audiovisual, documental, ficción e espectáculo en directo. Entre os proxectos finalistas figuran títulos como Acala, A morte vermella, Barroco, Soplarei, Soplarei ou Miraxes.

A gala está organizada integramente como unha práctica interciclo polo alumnado de 1º dos ciclos de Produción, Realización, Imaxe e Son, reproducindo así unha experiencia profesional real na planificación e desenvolvemento dun evento profesional de gran formato.

Entre as persoas encargadas de entregar os galardóns participarán docentes do propio centro e tamén figuras destacadas do audiovisual galego, como o director de cinema Simón Casal ou o técnico de imaxe da TVG Manuel Esmorís, ex alumno da EIS.

Máis novas

O alumnado do CIFP Imaxe e Son reivindica con teatro a necesaria renovación do seu teatro

A banda que asaltou 30 vivendas na Coruña busca rebaixar o cárcere devolvendo o botín

O xuízo contra a banda organizada á que se lle atribúe unha auténtica vaga de asaltos no interior de vivendas da provincia da Coruña terá que agardar. A vista, que estaba sinalada para este xoves na Audiencia Provincial da Coruña, quedou aprazada oficialmente ata o vindeiro mes de xullo por unha estratexia de defensa clara: os acusados buscan tempo para pagar os danos e esquivar unha longa tempada en prisión.

Os avogados dos procesados e a Fiscalía acordaron abrir un paréntese para que a banda poida devolver os cartos ou os bens subtraídos. Aínda que o Ministerio Público se mantivo firme e rexeitou rebaixar a acusación para asinar unha conformidade directa, si aceptou dar este marxe para que os delincuentes entreguen o diñeiro e se lles poida aplicar a atenuante de reparación do dano, o que aliviaría notablemente a condena final.

DOUS MESES DE DOUS DE TERROR NA CONTORNA DA CORUÑA E SANTIAGO

O historial que arrastra este grupo criminal é extenso. A Fiscalía acusa formalmente a tres homes de nacionalidade albanesa de seren os autores de 29 roubos con forza en casas habitadas. A banda operaba con gran mobilidade e concentrou os seus golpes nun período de tempo moi reducido, entre os meses de outubro e novembro de 2024. A súa folla de ruta espallouse por zonas residenciais e chalés de ata sete concellos das áreas metropolitanas da Coruña e Santiago: Miño, Culleredo, Cambre, Sada, Oleiros, Ames e a propia capital galega.

Os asaltos están tipificados como un delito continuado de roubo en casa habitada, unha cualificación penal moi grave pola que a Fiscalía solicita inicialmente unha pena de sete anos e cinco meses de prisión para cada un dos tres procesados.

Inés Rey vende en Anveres (Bélxica) o modelo de cidade-porto da urbe herculina

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou este mércores en Anveres (Bélxica) na reunión do Consello de Administración da Asociación Internacional de Cidades Portuarias (AIVP), da que a cidade herculina forma parte como membro. Segundo traslada o consistorio, o encontro abordou cuestións estratéxicas para o futuro das urbes portuarias e o papel que estas desempeñan na transición ecolóxica, na innovación e no desenvolvemento urbano sustentable.

Para a rexedora, apunta, “formar parte do Consello de Administración da AIVP permite defender o modelo de cidade-porto que estamos a construír en Coruña Marítima, baseado na sustentabilidade, na innovación e na visibilidade internacional”. Durante a sesión, engade, presentáronse os resultados financeiros do ano 2025 e a evolución das adhesións á rede internacional.

Outro dos puntos centrais foi o avance da colaboración entre a AIVP e Blumorpho no marco da iniciativa Financing Maritime Innovation (FMI), destinada a mobilizar financiamento público e privado para proxectos de innovación marítima e portuaria. O programa, explica, apoiado pola Fundación Príncipe Alberto II de Mónaco, “realizará nos próximos meses encontros crave en Mónaco, Quebec e Dunkerque”.

Respecto diso, Inés Rei destacou a importancia de que A Coruña continúe presente nos espazos internacionais onde se debaten os retos das cidades portuarias e subliñou a relevancia que poden ter iniciativas como a Financing Maritime Innovation para o desenvolvemento futuro de Coruña Marítima.

Lage (PSdeG): “O meu apoio e máximo respecto á presunción de inocencia de Zapatero”

O concelleiro de Economía do Concello da Coruña e portavoz do goberno local, o socialista José Manuel Lage Tuñas, trasladou o seu “apoio” ao expresidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, ao ser preguntado pola súa imputación. “O máximo respecto polas decisións da xustiza“, afirmou ante as preguntas dos xornalistas tras informar dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno.

“O máximo respecto pola presunción de inocencia e todo o apoio ao presidente Zapatero“, insistiu, en liña coas declaracións doutros dirixentes do partido. Isto prodúcese despois de que o presidente do Executivo, Pedro Sánchez, apelase este mércores á presunción de inocencia e dera “todo o seu apoio” ao expresidente Zapatero, tras a súa imputación polo rescate de Plus Ultra. Non obstante, o líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, pediu que dimita para que non siga “manchando” a Presidencia do Goberno.

A CRMH convoca un acto reivindicativo en María Pita para “descolgar” os retratos franquistas da cidade

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) tiña intención de organizar este vindeiro sábado 23 de maio, unha visita guiada ao palacio municipal de María Pita para evidenciar o grave problema democrático que padece na cidade coa cantidade de cadros e recoñecemtos golpístas, alcaldes e cargos políticos franquistas que alberga.

Aseguran que o concello da Coruña non autorizou a visita, polo que a entidade, quere manter a acción reivindicativa levándoa á praza de María Pita. Así esta mañá de sábado, levarán copias dos 18 cadros de golpistas e alcaldes franquistas expostos nas diferentes estancias do concello (incluído o despacho oficial da alcaldía) e os descolgarán simbolicamente, “demostrando que é un acto de hixiene democrática fácil e sinxelo”.

Queren criticar “a falta de vontade política por parte do goberno municipal para cumprir a Lei de Memoria Democrática e eliminar dunha vez a gran cantidade de simboloxía franquista que existe na nosa cidade, o que nos converte nunha vergonzosa excepción dentro do estado.” 

Máis novas

Sabes quen era e que fixo Sergio Peñamaría de Llano?… Hai unha rúa no Ventorrillo e un cadro del no concello

Reiteran a petición de eliminar 446 placas franquistas de 135 rúas da Coruña

“Os tempos son chegados”: Monge consegue o compromiso municipal para eliminar os 378 símbolos franquistas da cidade

A organización anarquista galega Xesta preséntase na Coruña

0

A organización anarquista Xesta convoca para o xoves 21 de maio un acto público de presentación ás 19 horas no Circo de Artesáns da Coruña (rúa de Santo André nº36).

Con esta xornada de presentación Xesta quere facer público o proxecto que ven desenvolvendo nos dous últimos anos: “a creación dunha organización anarquista para construir o proxecto socialista libertario do século XXI”.

E faino na cidade que veu nacer o anarquismo galego a finais do século XIX, e que se constituíu como o seu principal foco anarquista no noroeste da península ibérica ata que os terribles episodios de morte e represión que seguiron á sublevación fascista de 1936, remataron con esta experiencia histórica.

Trátase pois do primeiro mitin anarquista celebrado na cidade dende o fatídico xullo de 1936.

Con este acto público Xesta pretente “facer agromar a semente, tantos anos soterrada, do anarquismo herculino, convertíndose en ferramenta de organización e loita par construir o socialismo libertario do século XXI”.

Arrancan os actos do 125 aniversario dos sucesos de maio de 1901 na Coruña cunha homenaxe ás misteiras

Os sindicatos esixen medidas “urxentes” á Xunta para evitar o “colapso” dos Xulgados da Coruña

Os sindicatos CSIF, SPJ-USO, STAJ, UXT e CCOO esixiron nun comunicado conxunto á Dirección Xeral da Xunta de Galicia a adopción de medidas “urxentes” para evitar o “colapso” dos Xulgados da Coruña. Tal e como relatan, representantes das centrais sindicais reuníronse este martes cos traballadores dos órganos xudiciais coruñeses para abordar a delicada situación xerada tras a implantación dos Tribunais de Instancia, un proceso que cualifican de “improvisado” e que, segundo denuncian, está a situar a estes servizos públicos “ao bordo do colapso”.

Durante o encontro expuxéronse algunhas das principais carencias detectadas no día a día dos xulgados, entre as que destacan a insuficiencia de persoal, a distribución “caótica” dos espazos xudiciais e as limitacións severas dos sistemas informáticos utilizados na tramitación de procedementos. Os sindicatos insisten na necesidade imperiosa de abrir de maneira inmediata unha negociación para ampliar as Relacións de Postos de Traballo (RPT), ao considerar que a carga laboral actual resulta “inasumible” para os persoais existentes na actualidade. Así mesmo, advirten de que a reorganización física dos órganos xudiciais está a xerar “confusión” tanto entre os profesionais coma entre a cidadanía, dificultando notablemente o seguimento e a localización física dos expedientes.

APLICACIÓNS DESACTUALIZADAS E RETIROS DO TELETRABALLO

As organizacións sindicais denuncian tamén que as aplicacións informáticas continúan sen adaptarse ás novas prazas nin incorporar as modificacións procesuais derivadas dos cambios lexislativos recentes, o que está a retardar a tramitación de asuntos e aumentando os atrasos acumulados. A iso suman de forma crítica a “supresión arbitraria do teletraballo”, unha medida que, segundo sosteñen as centrais, “empeora aínda máis” a organización diaria do traballo nos xulgados.

Por todo isto, os sindicatos e os traballadores dos Xulgados da Coruña esixen á Dirección Xeral de Xustiza a posta en marcha urxente dunha mesa de negociación que permita adoptar medidas inmediatas. Entre as súas reclamacións figura o incremento de persoais mediante a ampliación das RPT, a dotación de medios materiais adecuados, a creación de equipos estruturais que eviten arbitrariedades na distribución de cargas de traballo e o nomeamento inmediato de persoal de reforzo. Finalmente, as organizacións convocantes advirten de que, se non se atenden estas reclamacións de forma rápida, iniciarán mobilizacións para visibilizar ante a opinión pública o problema xerado pola propia administración autonómica.

Os mestres do #Aquítaménsefala, o proxecto educativo do IES Rafael Dieste, finalistas do premio estatal “Docentes Referentes”

0

Os profesores Alberto Pombo Añón, Arcadio González e Mónica Reixía, do IES Rafael Dieste forman parte da lista de 25 finalistas da primeira edición de “Docentes Referentes”. A súa vontade e coordinación do proxecto #Aquítaménsefala, achégaos a esta iniciativa estatal impulsada pola Fundación Ibercaja á que se presentaron preto de 500 proxectos educativos de todo o Estado.

Dende a Fundación valoran o impulso deste movemento estudantil de defensa e promoción do galego que está conseguindo ata cambiarlle o nome ao Real Club Deportivo da Coruña.

Valoran que o proxecto ten convertido o centro nos últimos anos nun referente educativo e cultural en Galicia polo alcance e o impacto social das súas iniciativas. Desde alí, “Aquí tamén se fala” medrou ata implicar milleiros de estudantes de máis de 300 centros do país nun modelo de dinamización lingüística protagonizado pola propia mocidade.

O movemento destaca tamén pola súa capacidade integradora nun contexto especialmente diverso: no Dieste, sete de cada dez alumnos son de orixe migrante, unha realidade que o proxecto transformou nunha oportunidade para construír unha relación natural e positiva coa lingua galega.

Entre as iniciativas impulsadas arredor do proxecto destacan o Festival Profesional “Aquí tamén se fala”, polo que pasaron bandas como Ortiga, Grande Amore ou Boyanka Kostova; os concertos organizados no Planetario da Facultade de Náutica con Xabier Díaz ou Aida Tarrío; campañas de dinamización lingüística como #oDéporédaCoruña; ou os encontros do alumnado con figuras destacadas da música, o audiovisual, ou o deporte como Amaia Romero, Viggo Mortensen ou Bebeto.

O recoñecemento destaca o impacto social e educativo dunha iniciativa que conseguiu implicar e integrar á mocidade pola reivindicación da lingua galega desde os propios centros de ensino, converténdose nun referente de participación e dinamización cultural.

Os cinco proxectos gañadores recibirán un premio de 12.000 euros e o fallo definitivo do xurado darase a coñecer nun acto previsto para o mes de xullo en Zaragoza. De gañalos, os mestres doarán o premio ao propio proxecto.

Máis novas do proxecto

O Dépor galeguizará en maio o seu nome. A mocidade fai historia

O Dépor realizará unha consulta vinculante aos seus abonados para galeguizar ou non o topónimo

Antón Corral e a campaña #Aquítaménsefala recoñecidos con sendos Premios da Cultura Galega 2025

 

A Coruña mobilízase o domingo na XIII edición da carreira solidaria contra o cancro

A Coruña acolle este domingo unha nova edición da marcha organizada pola Asociación Española contra o Cancro (AECC) para a loita contra esta enfermidade. Será unha cita solidaria de carácter popular, en estreita colaboración co consistorio coruñés, e que percorrerá o paseo marítimo entre O Parrote e San Amaro co obxectivo de “visibilizar a loita contra a enfermidade”.

Trátase da XIII edición de ‘A Coruña, en marcha contra o cancro’ que busca tamén, a través das inscricións e os donativos, recadar fondos que irán destinados integramente á investigación oncolóxica.

Este martes tivo lugar, na praza de María Pita, o acto de presentación oficial desta cita, que arrincará o domingo cunha saída programada ás 10.00 horas desde Porta Real. Este será o punto de partida para un percorrido alcanzable de cinco quilómetros de distancia a través de O Parrote, o Paseo Marítimo e a contorna do Club do Mar de San Amaro.