Inicio Blog Páxina 78

Unha limpeza da praia de Riazor polo Dépor

Este sábado, a praia de Riazor volverá encherse de compromiso, deporte e orgullo branquiazul. O Colectivo Arenalimpia regresa cunha nova xornada de limpeza ambiental que promete ser a máis especial e fermosa das organizadas ata o de agora. O evento terá lugar este sábado ás 11:00 horas en Riazor, nunha edición dedicada ao Deportivo da Coruña baixo o lema que resume á perfección o espírito do evento: “Nos van a ver volver”.

A xornada combinará a concienciación ambiental, o espírito comunitario e a paixón polo Deportivo nun ambiente aberto a todas as idades. Veciños, familias, afeccionados e voluntarios unirán forzas para coidar un dos lugares máis emblemáticos da Coruña.

Ademais, os organizadores animan a todos os participantes a vestir as súas camisetas do Deportivo para transformar a limpeza nunha auténtica marea branquiazul na area de Riazor.

Todos os asistentes tamén poderán desfrutar da comida grazas á colaboración de Pizzería Pepe e El Perrito Loco, que se unen a esta iniciativa benéfica e sostible. Arenalimpia anima a toda a cidade a participar: «Queremos que esta limpeza sexa unha celebración, unha mostra de orgullo pola nosa praia, pola nosa cidade e polo noso equipo».

Máis novas

Unha limpeza global con epicentro en Santa Cruz

Evalúan o estado de limpeza da praia de Gandarío

 

Ana Pontón presentou a Avia Veira como a candidata do BNG para que A Coruña “dea un paso adiante”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou a Avia Veira como a candidata a alcaldesa que pode facer que A Coruña “dea un paso adiante”. NUn acto celebrado na Praza Indalecio Prieto, en Monte Alto, a concelleira comprometeuse a traballar por unha “cidade mellor” ante un goberno local socialista que considerou “esgotado”. Foi nun acto no barrio de Monte Alto de presentación da candidatura e no que Pontón asegurou que Avia Veira “ten a forza, o proxecto e o liderado que se necesita” e insistiu en que a candidata nacionalista para as próximas eleccións municipais “vai a por todas” cun proxecto que poña aos veciños no centro das políticas.

“Avia Veira é unha muller honesta e traballadora que exerce a política de verdade, de proximidade, pegada á rúa, mirándolle aos ollos á xente”. Tamén reivindicou a xestión do BNG. “Sabemos transformar en positivo, xestionar con eficacia e con honestidade cada euro para mellorar a vida da xente”, dixo nun acto no que tivo palabras de agradecemento e recoñecemento para o candidato nacionalista e tamén edil nas últimas eleccións municipais, Francisco Jorquera. Isto nunha intervención con alusión ao obxectivo do BNG de recuperar a fachada marítima para os veciños. Neste sentido, apelou á necesidade dun “cambio de rumbo” fronte ás políticas de socialistas ou de populares.

COMPROMISOS DA CANDIDATA

Pola súa banda, a candidata á Alcaldía da Coruña, Avia Veira, avanzou que quere ser a alcaldesa que lidere “un proxecto ilusionante” pensado para “os barrios da Coruña e non para os intereses duns poucos”.

Fronte a un goberno local “esgotado, sen ideas e desconectado da realidade das coruñesas e coruñeses”, defendeu que o BNG busca gobernar na cidade cunha alcaldesa “próxima”. Foi nun discurso con críticas tamén ao PP, do que manifestou que “representa o pasado”.

Acto Presentación Avia Veira na Coruna 3

O 6 de xuño, nova mobilización polo dereito a unha vivenda e contra a especulación

A Plataforma polo Dereito á Vivenda, o Sindicato de Barrio Os Mallos Falperra e o seu espazo da Revolteira, convocan o apoio da Confederación Xeral do Traballo (CGT), unha nova manifestación polo dereito á vivenda e contra o roubo dos rentistas á clase traballadora.

Despois da masiva concentración nas Conchiñas do mes de marzo, e da mobilización do ano pasado polos Cantóns e María Pita, o vindeiro sábado 6 de xuño ás 12.00 h comezará a manifestacuión na praza de Ourense, diante da Delegación do Goberno.

Unha mobilización que forma parte dunha onda de protestas en máis de 20 cidades do Estado tamén convocadas polo Sindicato de Inquilinas, baixo o lema “Nin os alugueiros polas nubes. Nin os salarios polo chan”.

Os argumentos son máis sufridos por boa parte da poboación: alugueiros imposibles de pagar cun soldo normal ante ademais, o aumento xeral do custo da vida —alimentación, enerxía e transporte—, que está a afondar no empobrecemento da clase traballadora, mentres os beneficios empresariais continúan a medrar.

A CGT advirte de que a especulación está a impedir o acceso a unha vivenda digna a amplos sectores da poboación, mesmo a persoas con emprego ou pensión, que se ven obrigadas a compartir piso, a atrasar a súa emancipación ou mesmo a convivir coa parella por non poder separarse.
O sindicato sinala que unha minoría de rentistas se enriquece á conta das rendas do traballo e do deterioro das condicións de vida da maioría social.

Como leva dicindo dende a Plataforma, “vivenda é un dereito, non un negocio”, e por iso “Vivir na túa cidade non debería ser un luxo”.

Novas relacionadas

A organización anarquista galega Xesta preséntase na Coruña

A Agra do Orzán berrou contra a especulación arredor da vivenda

A mocidade sae á rúa para acabar co negocio da vivenda

Outras novas

Canto inflúen as Vivendas de Uso Turístico na subida de prezos do alugueiro?

O Ministerio para a Transición Ecolóxica recibe un premio polo dragado ambiental da ría do Burgo

O Goberno central iniciou unha serie de actuacións na ría do Burgo co obxectivo de adaptar esta contorna aos efectos do cambio climático e prever o ascenso do nivel do mar. O secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, visitou a zona para comprobar o avance duns traballos que forman parte dun paquete de investimento de 80 millóns de euros executados pola Demarcación de Costas na provincia da Coruña.

Durante o seu percorrido, no que estivo acompañado polo subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, Morán reivindicou o investimento na descontaminación e nas intervencións no bordo litoral para devolver á cidadanía o uso dun espazo de “altísimo valor ecolóxico”. O secretario de Estado sinalou que estes terreos foran “roubados historicamente para poñelos ao servizo de actividades privadas” sen ningunha prevención, o que convertera a ría “nunha auténtica cloaca, nun verquido en contra do interese do conxunto da cidadanía”.

RESISTENCIA ÁS MAREAS ALTAS

A estratexia actual aplica un criterio de intervención que busca anticipar mecanismos de prevención fronte a fenómenos que o Goberno considera “absolutamente inevitables”. No caso concreto da ría do Burgo, executáronse mudanzas de carácter urbanístico para que o paseo marítimo sexa “perfectamente resistente á invasión das augas en mareas altas”.

Coincidindo con esta visita, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou hoxe o anuncio da Demarcación de Costas de Galicia relativo á aprobación definitiva do proxecto de restauración das marismas da enseada de Mera, na ría de Ortigueira.

NOVO TREITO NA PASAXE E DEMANDA Á XUNTA

Ao acto tamén asistiu o portavoz do executivo local coruñés, José Manuel Lage, quen especificou que o investimento estatal no tramo correspondente ao municipio da Coruña supera os 800.000 euros. Estes cartos destínanse ás obras que se están executando xunto á conxeladora situada nesa zona, as cales permitirán abrir un novo tramo de paseo marítimo de 470 metros na área de A Pasaxe.

Este novo espazo público estará conectado co paseo de Culleredo bordeando a ría, e contará cun percorrido peonil de tres metros de ancho e cun carril-bici. Aproveitando o encontro, Lage apelou directamente á administración autonómica para reclamar un cambio de estratexia. O portavoz local cualificou de “urxente” e “imprescindible” que a Xunta de Galicia aborde unha política de mobilidade desde unha visión metropolitana.

O MINISTERIO PARA A TRANSICIÓN ECOLÓXICA RECIBE UN PREMIO

Hugo Morán, recolleu este xoves na Coruña o XIV Premio San Telmo concedido ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) pola obra do dragado ambiental da ría do Burgo.

O galardón, outorgado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia, recoñeceu esta actuación como a mellor obra de enxeñaría galega na edición correspondente aos anos 2024 e 2025, destacando a súa calidade técnica, ambiental e social.

Córdoba e A Coruña enfrontan no Senado os seus plans de vivenda: aumento de oferta fronte á intervención do mercado

A  alcaldesa socialista da Coruña, Inés Rey e o alcalde ‘popular’ de Córdoba, José María Bellido, confrontaron este xoves no Senado os seus modelos para afrontar a crise de vivenda, contrapondo a aposta pola simplificación administrativa e o aumento de oferta defendida pelo rexedor andaluz fronte á intervención do mercado e a regulación do aluguer que reivindica a dirixente galega.

Ambos os responsables municipais compareceron na Comisión Xeral das Entidades locais da Cámara Alta, onde coinciron en reclamar uma maior implicación das administracións públicas para facer fronte ao problema do acceso á vivenda, aínda que desde formulacións distintas sobre o papel da regulación, a colaboración público-privada e as zonas tensionadas previstas na Lei estatal de Vivenda. Mentres Bellido defendeu axilizar licenzas urbanísticas, flexibilizar normativa e mobilizar máis chan para incrementar a oferta de vivenda alcanzable, Rey reivindicou a intervención pública sobre o mercado do aluguer e defendeu os efectos “positivos” da declaración da Coruña como zona de mercado residencial tensionado. Neste sentido, a alcaldesa socialista asegurou que desde a aplicación desta figura os prezos do aluguer na Coruña descenderon un 8,4 por cento desde o “pico” en xuño do ano pasado, fronte ás subidas rexistradas noutras cidades galegas sen esta declaración. “O problema non é intervir, é non actuar”, afirmou.

COMPARECENCIA NA COMISIÓN XERAL DO SENADO

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, compareceu no Senado para expor as políticas impulsadas polo Concello en materia de vivenda e axenda urbana, así como para analizar os efeitos da declaración da cidade como Zona de Mercado Residencial Tensionado (ZMRT), ao amparo do artigo 18 da Lei 12/2023, do 24 de maio, polo dereito á vivenda. A comparecencia produciuse no marco da Comisión Xeral das Entidades locais da Cámara Alta, centrada na avaliación das medidas desenvolvidas polas distintas administracións públicas para facer fronte ás dificultades de acceso á vivenda.

Durante a súa intervención, Rey reivindicou o papel dos municipios ante un problema que afecta especialmente ás grandes cidades e áreas metropolitanas. “A vivenda é un dereito constitucional e, por primeira vez, existe unha lei estatal que ofrece ferramentas ás administracións para actuar cando o mercado deixa fóra a demasiada xente”, afirmou.

A alcaldesa lembrou que A Coruña foi a primeira cidade galega declarada oficialmente Zona de Mercado Residencial Tensionado e tamén a primeira dunha comunidade autónoma gobernada polo Partido Popular en lograr esta declaración, tras a autorización da Xunta de Galicia en xuño de 2025 e a súa posterior publicación no BOE. “Non solicitamos esta declaración por unha cuestión ideolóxica nin simbólica, fixémolo porque os datos eran incontestables e porque non podiamos permanecer inmóbiles mentres cada vez máis persoas tiñan dificultades para seguir vivindo na súa propia cidade”, sinalou.

Sobre os efectos da Zona de Mercado Residencial Tensionado na Coruña, Rey explicou que, antes da declaración, o esforzo medio das familias coruñesas para pagar o aluguer superaba xa o 32% dos ingresos e que os prezos experimentaran unha forte escalada nos últimos anos. Neste sentido, destacou que desde a entrada en vigor efectiva da ZMRT os datos comezan a reflectir unha corrección dos prezos do aluguer na cidade. “Mentres A Coruña reduciu o prezo medio do aluguer máis dun 7% desde xullo de 2025, noutras grandes cidades galegas os prezos continuaron aumentando”, expuxo.

CÓRDOBA: MÁIS AXILIDADE E SEGURIDADE XURÍDICA

Pola súa banda, Bellido advertiu de que un dos primeiros problemas é que a burocracia urbanística está a atrasar durante anos a chegada de vivendas ao mercado e defendeu unha “simplificación administrativa” que permita acelerar tanto os desenvolvementos urbanísticos como a concesión de licenzas. “A burocracia encarece os proxectos, atrasa a chegada de vivendas ao mercado e acaba diminuíndo a oferta e encarecendo o prezo da vivenda”, sostivo o alcalde de Córdoba.

Así mesmo, reclamou marcos normativos “estables” e unha redución dos informes sectoriais doutras administracións que, ao seu xuízo, bloquean a aprobación de plans urbanísticos e atrasan o desenvolvemento de novos barrios. Bellido tamén defendeu reforzar a colaboración público-privada para axilizar trámites mediante entidades urbanísticas colaboradoras e colexios profesionais, así como avanzar cara a licenzas básicas e fórmulas de “fast track urbanístico”. Doutra banda, o alcalde cordobés alegou que o problema da vivenda non se limita unicamente a construír novas promocións, senón tamén a rexenerar barrios consolidados e rehabilitar edificios envellecidos.

A CORUÑA: DEFENSA DAS ZONAS TENSIONADAS E LIMITE AOS PISOS TURÍSTICOS

Fronte a iso, Rey defendeu a Lei estatal de Vivenda e as ferramentas de intervención pública sobre o mercado, insistindo en que a vivenda “é un dereito constitucional e non un ben para especular”. A alcaldesa asegurou que a declaración da Coruña como zona de mercado residencial tensionado permitiu reducir o prezo medio do aluguer desde os 771 euros de xuño de 2025 ata os 706 euros rexistrados en marzo de 2026.

Según explicou, mentres A Coruña reducía os prezos do aluguer, outras cidades galegas sen zonas tensionadas rexistraban incrementos de ata o 9,7 por cento. “O mercado non se autorregula”, afirmou. Ademais, Rey defendeu a regulación das vivendas de uso turístico para evitar que reduzan a oferta residencial. Neste sentido, explicou que A Coruña limitou este tipo de aloxamentos a edificios completos, baixos e primeiras plantas, o que, segundo sinalou, permitiu que vivendas antes destinadas ao turismo volvan ao mercado do aluguer.

FEIJÓO NA XUNTA: UNHA ETAPA DE “SECA”

Por último, e fronte ás críticas dos ‘populares’, a alcaldesa da Coruña cargou contra as políticas de vivenda desenvolvidas durante anos pola Xunta de Galicia e acusou ao PP de manter unha etapa de “seca” en materia de vivenda pública. Neste sentido, asegurou que durante os gobernos do líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, non se entregou ningunha vivenda pública na Coruña a pesar de existir miles de demandantes rexistrados na súa época como presidente da Xunta desde 2009 a 2022.

Novas consideracións sobre o impacto visual do proxecto urbanístico do Parque de Oza 

0

Segue perfilándose a silueta de cemento que sobrevoará o Parque de Oza. Hai novidades sobre a nova urbanización do Castrillón de preto de 1.000 vivendas na zona alta do parque, que se distribuirán en 6 mazás, con arredor unha ducia de edificacións, entre elas tres torres de 17 alturas.

Esta semana, a Xunta de Compensación APE H9-01 Parque de Oza -como promotores encargados do seu desenvolvemento- recibía o preceptivo informe cunha serie de cautelas e consideracións que terán que ser incorporadas ao proxecto, ao que determina ademais someter a Avaliación Ambiental Estratéxica Ordinaria.

A edificabilidade, 136.704,50 metros cadrados, mantense como a prevista no PXOM, pero o informe recoñece que se trata dunha “localización comprometida ademais pola topografía e a exposición visual”. Por iso, solicitan aos impulsores desta iniciativa que se complete a análise da incidencia visual deste novo desenvolvemento, en especial respecto ás tres torres proxectadas, desde puntos de observación sensibles da contorna (cotas altas da cidade, miradoiros e roteiros panorámicos) e que se teñan en conta, ademais, as cores de acabado das novas edificacións co fin de lograr unha integración harmoniosa coa contorna.

Tamén apuntan á necesidade de revisar a edificabilidade asignada á mazá M6, a situada fronte ao complexo deportivo- cuestión que será acometida na seguinte fase de tramitación, unha vez reconfigurada a ordenación coas cuestións que deriven da adaptación aos informes e suxerencias deste trámite ambiental.

Así mesmo, require que o PERI xustifique nunha análise comparativa a nova ordenación, e que esta evite o exceso de fraccionamento dos espazos e as zonas verdes públicas, ampliando ademais o estudo de soleamento existente en distintas franxas horarias e estacións.

No capítulo da mobilidade e sobre a solución deseñada respecto á conexión dos dous tramos da avenida da Concordia, o informe propón avaliar a incidencia dos cambios propostos sobre a mobilidade xeral da zona, esixindo que se complete cun estudo de capacidade de absorción das rúas previstas e as xa executadas, así como se confirme a suficiencia de prazas de aparcamento. Tamén apunta a que haberán de garantirse itinerarios accesibles e seguros tanto en mobilidade peonil como para os ciclistas e o transporte público.

Dado que o estudo arqueolóxico non achou restos, a Xunta conclúe que non resulta preciso establecer cautelas protectoras.

O equipo multidisciplinar encargado do deseño traballará de inmediato en atender estas indicacións e encaixar as suxerencias en materia medioambiental para poder seguir coa súa tramitación. O seu obxectivo é “acadar unha ordenación consensuada coa veciñanza e todas as partes implicadas”.

Máis novas

A veciñanza do Castrillón coñece o proxecto da urbanización das 1.000 novas vivendas

Piden máis de 27 anos de prisión para un mozo acusado de abuso sexual a unha nena de 15 anos

A Fiscalía e a acusación particular solicitan, respectivamente, 27 e 30 anos de cárcere para un mozo acusado dunha agresión sexual a unha menor de 15 anos, ocorrida en 2019 no domicilio da denunciante e nun lugar público en A Coruña, segundo recolle o escrito do Ministerio Fiscal. En contraposición, a defensa pide a súa absolución libre.

Durante ese ano, consta no documento, o procesado e a moza “mantiveron unha relación de parella sen convivencia”. “O autor coñecía a idade da vítima e que esta era menor de idade”, especifica. A vista celebrouse este xoves na sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña e acordouse a súa celebración a porta pechada para preservar o dereito á intimidade da moza.

En concreto, a Fiscalía pide para o encausado 14 anos e un día de cárcere por un delito de agresión sexual continuada e 13 anos por agresión sexual, ambos contra menor de 16 anos. Tamén reclama unha indemnización de 30.000 euros por danos morais. Pola súa banda, a acusación particular solicita 15 anos de prisión por cada un destes delitos. Mentres, a avogada da defensa solicita a súa absolución libre.

Lembran que a recollida de residuos voluminosos e gratuíto nos 9 Concellos da comarca

En toda a comarca, non só no centro da cidade (onde tamén a través do 010), os residuos voluminosos poden ser eliminados a través do servizo de recollida de mobles e artigos domésticos do Consorcio das Mariñas. Un servizo totalmente gratuíto a través do 981 795 524. Serán informadas dos días de recollida dispoñibles en cada concello. A persoa solicitante debe depositar os residuos na zona de colectores habilitada o día anterior. Este servizo está dispoñible para a retirada de mobles, electrodomésticos, colchóns, somieres e residuos domésticos voluminosos.

Os 8 Concellos que forman o Consorcio das Mariñas (Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada), contan ademais con centros de reciclaxe para a eliminación dos residuos máis contaminantes e voluminosos, como electrodomésticos, mobles, etc.

FOTO CONSORCIO- Vertidos incontrolados 2

O Consorcio reenvía esta información ao comprobar a cantidade de vertidos ilegais que están sucedendo ultimamente en varios puntos da comarca. De feito, afirma que vai reforzar os esforzos de vixilancia e control a través da Brigada Cívica e da Policía Local para minimizar os vertidos ilegais. Esta medida está a ser adoptada polo organismo intermunicipal tras un aumento deste tipo de comportamentos nos oito concellos.

Como advirte o organismo intermunicipal, este tipo de comportamentos antisociais están a producirse en todos os concellos, especialmente preto dos colectores de recollida de lixo habituais. Estas prácticas causan “danos ambientais e prexuízos ao servizo público de recollida e transporte de lixo”. Como se sinalou, estes comportamentos sobrecargan os recursos dispoñibles, degradan os espazos públicos e causan molestias aos veciños.

FOTO CONSORCIO- Vertidos incontrolados 4

Como recordatorio, o vertido incontrolado de residuos pode constituír unha infracción administrativa e pode dar lugar a cargos penais en casos máis graves ou cando se producen danos ambientais.

A UDC abre a colaboración con 25 socios europeos no proxecto europeo TiBeRIUM

A Universidade da Coruña (UDC), a través do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), participa no proxecto europeo TiBeRIUM. “Titanium and Beryllium for European Resilience and Innovative Utilization of Minerals”. Unha iniciativa financiada pola Comisión Europea destinada a impulsar novas capacidades tecnolóxicas e estratéxicas para o fortalecemento da defensa europea, reforzando a sustentabilidade e resiliencia europea na utilización innovadora de materias primas clave para o desenvolvemento tecnolóxico e a defensa europea.

O proxecto, concedido pola Comisión Europea en xaneiro deste ano, celebrou esta semana a súa Kick-off Meeting, encontro que marca oficialmente o inicio dos traballos do consorcio internacional responsable do seu desenvolvemento. O Consorcio de Investigación que levará a cabo esta investigación está formado por 25 socios europeos, aos que se suman dous centros de investigación de Casaquistán e Uzbekistán.

TiBeRIUM está liderado pola Universidade Alemá da Minaría de Freiberg, e reúne a entidades académicas, tecnolóxicas e industriais de distintos países europeos co obxectivo de realizar investigación aplicada e desenvolver solucións innovadoras orientadas a mellorar a resiliencia, a seguridade e as capacidades operativas no ámbito da extracción de materias primas de utilidade no desenvolvemento tecnolóxico avanzado e a cooperación interdisciplinar entre institucións europeas.

A participación da UDC canalízase a través do CITEEC, centro de referencia en investigación e innovación tecnolóxica, que achegará a súa experiencia en análise do comportamento humano, sustentabilidade e desenvolvemento de solucións tecnolóxicas aplicadas a contornas complexas e de alta esixencia.

Ricardo Garcia Mira da UDC en Casaquistán e Uzbekistám 2

O equipo da Universidade da Coruña dentro do proxecto está liderado polo Catedrático Dr. Ricardo García Mira, referente internacional en psicoloxía social e ambiental aplicada, cuxa traxectoria investigadora estivo estreitamente vinculada ao estudo da interacción entre as persoas, a tecnoloxía e a contorna.

O seu liderado permitirá reforzar a contribución da UDC en ámbitos relacionados co factor humano, a toma de decisións e a adaptación das solucións tecnolóxicas a contextos operativos complexos. Na reunión participaron tamén o Profesor Fernando Bruna, da Facultade de CC. Económicas, e a Dra. Nailya Saifulina da Universidade de Santiago de Compostela, ambos os dous investigadores do ECOBAS.

Con esta participación, a Universidade da Coruña consolida a súa presenza en proxectos estratéxicos europeos de alto impacto e reafirma o seu compromiso coa investigación colaborativa, a innovación e a transferencia de coñecemento ao servizo dos grandes retos da sociedade europea.

Mostra de forza na Coruña no primeiro día de folga do metal

Potentes imaxes das manifestacións desenvoltas onte co gallo do primeiro día (dos tres convocados) de folga por un convenio digno no siderometal, un sector que dá emprego a máis de 15.000 persoas na provincia.  A máis multitudinaria, a vivida na Coruña con centos de persoas percorrendo o treito que une A Grela (Avda. de Arteixo con Enrique Salgado Torres) e a Praza de Luís Seoane, diante da sede de patronal.

As centrais sindicais cualifican de rotundo éxito o seguemento, que provocou que as empresas máis importantes dos polígonos de Alvedro, Sabón ou Agrela se mantivesen echadas e a actividade industrial dos principais polígonos paralizada. “Nas empresas de cen ou máis persoas traballadoras da comarca o seguimento é practicamente total, nas de menos de cen que están organizadas sindicalmente hai un seguimento de arredor do 80% e nas firmas e talleres máis pequenos é difícil facer unha cuantificación”, aseguran dende CIG-Industria Coruña.

Manifestacion metal Coruna

CIG, CCOO e UGT reiteran que non van tolerar que sexa o persoal quen pague esta conxuntura nin un retroceso nos dereitos laborais conquistados tras moitos anos de negociación e loita, “mentres as empresas continúan incrementando os seus beneficios”.

Os sindicatos lembran que as demandas sociais son “realistas e razoábeis” e pasan por cuestións tan básicas como un incremento salarial digno, reducir a xornada laboral, regular os pluses, combater a precarización a través das ETT e dos contratos fixos descontinuos, mellorar os complementos das baixas médicas, limitar a subcontratación en cadea, etc.