Inicio Blog Páxina 88

Así voan os pisos en todos os barrios Coruña

Segue a ser a vivenda o tema máis acaído en todas as conversas da cidade. O aumento de prezos nos últimos anos en todos os barrios está convertindo un ben básico nun ben de luxo. E parece que a escalada non baixa. Segundo un informe deste primeiro trimestre de 2026 da inmobiliaria Ôkam, o prezo medio é agora de 3.068 €/m², un 13,3 % máis alto que hai un ano (un +3,5% con respecto ao último trimestre de 2025).

”Estamos ante un escenario de prezos récord, de tempo medio de venda récord e de rotación extremadamente alta”, afirma a axencia, que manda unha mensaxe aos compradores: “o mercado inmobiliario coruñés non permite a indecisión”.

Os pisos voan

A conclusión é evidente tanto para compradores como para vendedores.

“Para un vendedor, esta é unha oportunidade única: saír ao mercado hoxe garante maximizar os beneficios, co apoio dunha demanda abrumadora e moi pouca competencia na súa zona”. Para o comprador, a lección deste trimestre é que negociar agresivamente “á baixa” xa non funciona para propiedades atractivas. A clave hoxe non é pedir descontos de 20.000 €, senón ser o primeiro en programar unha visita e ter financiamento asegurado desde o primeiro día”.

Por Barrios: Todo sube

Os prezos na zona Centro, Juan Flórez ou Cidade Vella, xogan noutra liga, superando facilmente os 4.000 €/m² e alcanzando picos de 4.500 €/m² segundo os índices de referencia recentes. Este micromercado está blindado fronte as crises, gracias á cantidade de xente que busca exlusividade e ao non lle son necesarias as rebaixas de prezos.

Monte Alto e Zalaeta son dous dos barrios máis de moda da cidade, onde a tensión aquí segue sendo alta, con prezos medios de venda superiores a 4.100 €/m². Con todo, aquí o mercado é feroz. Aquí si que os compradores analizan as boas ofertas das non tan boas, abrindo sempre unha guerra de prezos que nunca beneficia ás pequenas familias.

Aínda que os prezos se corrixiron lixeiramente á baixa no último mes, a zona dos Mallos experimentou un brutal aumento interanual de case o 29%, situando o prezo por metro cadrado en torno aos 2.880 €. “É o exemplo perfecto dun cambio na demanda. Os investidores que buscan rendibilidade e os mozos que non poden permitirse zonas máis céntricas están absorbendo a oferta aquí, revitalizando e aumentando o valor de todo o barrio”, explican.

En canto á área metropolitana, hai casos como o de Oleiros no que a vivenda supera xa os 3.300 €/m², arrastrando unha suba de prezos en Culleredo (3.100 €/m²) e Arteixo.

Tendencias

O informe recolle que o sector “agarda que a taxa de aumento dos prezos se modere e chegue a unha “meseta””, pero non agardan ”caídas drásticas de prezos na cidade da Coruña”.

Fai a súa valoración o informe sobre o mercado do alugueiro e a designación da Coruña como “zona estresada”. Para Okam este calificativo está a facer que os pequenos propietarios dubiden sobre os seus inmobles alugados. “É moi probable que nos próximos meses vexamos un desprazamento dos inmobles de alugueiro ao mercado de venda”.

Máis novas

Canto inflúen as Vivendas de Uso Turístico na subida de prezos do alugueiro?

A Agra do Orzán berrou contra a especulación arredor da vivenda

A Coruña presenta a Oficina Municipal de Vivenda para asesorar a cidadanía sobre o mercado tensionado

A presidenta do COAG desmonta o proceso da Fachada Marítima: “O que vexo é que a Autoridade Portuaria quere sacar rendemento económico”

Monte Mero contará con 4.397 vivendas e un investimento autonómico de 66 millóns

O tren Vigo-A Coruña volve fallar: dous servizos saen con atrasos de ata 77 minutos

Dous trens que facían o percorrido entre Vigo e A Coruña sufriron atrasos este mércores a primeira hora da mañá tras rexistrarse varias incidencias técnicas. Segundo indicaron fontes de Renfe consultadas por Europa Press, os servizos afectados foron o Media Distancia Vigo-A Coruña das 06.34 horas e o Rexional que cobre a mesma ruta ás 06.58 horas.

UN TREN SAÍU CON 77 MINUTOS DE ATRASO

O primeiro dos servizos afectados saíu da cidade olívica con 77 minutos de demora. Con todo, as viaxeiras e viaxeiros que tiñan previsto coller ese tren en Santiago foron reubicados noutras circulacións. Pola súa banda, as persoas usuarias do Rexional foron tamén reubicadas noutros servizos ou realizaron o transbordo por estrada, segundo o seu destino ou lugar de procedencia.

OUTRO ATRASO POLA ROTACIÓN DE MATERIAL

As mesmas fontes indicaron que, pola rotación de material, o tren das 08.00 horas Vigo-A Coruña saíu con 55 minutos de atraso. Renfe asegurou que as persoas viaxeiras afectadas foron informadas mediante mensaxes e a través das canles habituais. A compañía subliñou tamén que está a traballar para resolver estas incidencias e achegar os usuarios aos seus destinos canto antes, ben mediante a reubicación noutros servizos ferroviarios ou ben por estrada. Os atrasos volven poñer o foco sobre os problemas recorrentes nas conexións ferroviarias internas de Galicia, especialmente nun dos corredores máis utilizados da comunidade, o que une Vigo, Santiago e A Coruña.

Reiteran a petición de eliminar 446 placas franquistas de 135 rúas da Coruña

Trae de novo á palestra o activista pola memoria democrática Manuel Monge, a necesidade de acabar coa simboloxía franquista da cidade. Lembra ademais que o concello de Vitoria-Gasteiz de 24 de abril de 2026 informaba que a alcaldesa Maider Etxebarria (PSOE) vai enviar cartas a 38 comunidades de veciños de 20 rúas para que retiren placas franquistas co xugo e as frechas da fachada dos seus edificios, sen custe para a veciñanza.

Unha práctica tamén realizada polo Concello de Barcelona, que xa retirou 1.100 placas franquistas co xugo e as frechas; polo Concello de Paterna (Valencia), que acordaba en marzo de 2011 por unanimidad (alcaldía do PP) retirar 343 placas, ou outros como Benidorm e Santander.

Monge pon o goberno socialista “como contraste”, A Coruña, onde se manteñen 446 placas en 135 rúas, repartidas por todos os barrios da cidade. Non son estes os únicos restos do franquismo porque “A Coruña mantén 570 elementos contrarios á memoria democrática, é dicir, ilegais, unha vergoña!”, denuncia

Estas son algunhas das rúas da Coruña que teñen máis placas franquistas:

  • Rúa Baldaio, no barrio dos Mallos: 12 placas.
  • San Isidoro, Sagrada Familia: 11.
  • Pascual Veiga, Agra do Orzán: 11.
  • La Merced, Os Castros: 11.
  • Agra da Bragua, Labañou: 10.
  • Páramo, Agra do Orzán: 10.
  • Rúa Santo Tomás no barrio de Monte Alto: 10.
  • San Lucas, na Sagrada Familia: 10.

Máis novas

“Os tempos son chegados”: Monge consegue o compromiso municipal para eliminar os 378 símbolos franquistas da cidade

O Día da Ciencia na rúa trasládase este sábado aos Xardíns de Méndez Núñez

Este sábado 9 de maio, entre as 11.00 e as 19.00 horas, volven á cidade as tradicionais actividades do ciclo Ciencia na rúa. Pero desta volta, e debido ás obras en Santa Margarida, os 54 postos educativos estarán situados nos Xardíns de Méndez Núñez.

O Concello, dos Museos Científicos Coruñeses, da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e da Cátedra EMALCSA-UDC, organizan este compendio charlas, ciclos, experimentos e talleres para todos os públicos, con especial participación do alumnado dos colexios. En total, 44 centros educativos da Coruña, Cambre, Carral, Arteixo, Culleredo, Coristanco, Oleiros, Ordes, Ribadeo, Ortigueira, Baio e Poio.

Ademais, nos soportais da Casa das Ciencias desenvolveranse tamén actividades paralelas ofrecidas pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, a Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, Bricolabs, Incude (Iniciativas Culturais e Deportivas universitarias), e un taller de papiroflexia.

As numerosas propostas deste ano inclúen proxectos tecnolóxicos, como unha man robótica feita con materiais caseiros; un robot filtrador de plásticos para area; un sensor de humidade feito con transistores, ou xoguetes eléctricos con materiais reciclados. Tamén haberá actividades de extracción de ADN, experiencias para mostrar os efectos da choiva aceda sobre as pedras dos monumentos, reaccións químicas que parecen trucos de maxia e unha gran variedade de experiencias e xogos sobre bioloxía, botánica, física e outras disciplinas científicas. Nesta edición contarase tamén coa participación do alumnado da Escola Infantil de Monte Alto, que levarán a cabo unha representación a grande escala do firmamento, para invitar os máis pequenos a descubrir as estrelas, planetas e constelacións.

Xornada de portas abertas nos Museos Científicos

Os Museos Científicos Coruñeses celebrarán este día cunha xornada de portas abertas nos seus tres centros, a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae, en horario das 10.00 ás 19.00 horas (último acceso ás 18.00 horas no Aquarium, ás 18.30 horas na Casa das Ciencias e Domus).

A visita ás salas de exposición da Casa das Ciencias será libre, sen reserva previa, pero para asistir a unha sesión de Planetario hai que retirar invitacións, que
estarán dispoñibles a partir das 9.00 horas do 8 de maio nesta ligazón.

A visita á Domus será libre, sen reserva previa, pero o acceso á MiniDomus, o novo espazo para nenos e nenas de ata 6 anos acompañados de, polo menos, unha persoa adulta, esixirá realizar unha reserva previa que poderá facerse desde as 9.00 horas do 6 de maio neste enderezo.

Para visitar o Aquarium Finisterrae será imprescindible realizar unha reserva de entradas, que poderá facerse cun máximo de 3 días de antelación nesta ligazón. Para facilitar o acceso ás persoas maiores de 65 anos, estas poderán acceder sen reserva.

2.100 escolares participan este mércores na 26ª edición do Correlingua

A edición 2026 do Correlingua, carreira pola lingua do alumnado de todos os ciclos educativos organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración, entre outros, do Concello e da Deputación da Coruña, chegará á cidade da Coruña este mércores 6 de maio.

O Correlingua iníciase no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos: elaboración do lema, do manifesto, votación do certame ‘Cantalingua’… A participación nestas actividades permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país.

Correlingua revolucion

A carreira, na que participarán máis de 2.100 escolares chegados de 25 centros da comarca da Coruña, sairá ás 11h. do estadio de Riazor e chegará sobre as 12h ao pé da Torre de Hércules onde rematará nunha festa final en que se dará lectura ao manifesto gañador e na que actuará Mekánika Rolling Band, grupo que gañou Cantalingua deste ano. A libraría Moitoconto agasallará os centros que mellor animen a carreira (con cánticos, pancartas…) con senllos lotes de libros.

Como todos os anos contarán, para conducir o acto da festa final, cunha persoa de relevo, que nesta ocasión é a actriz Isabel Risco.

A alcaldesa da Coruña incide no Correlingua na importancia de que o galego “se expanda máis aló das aulas”

Un milleiro de nenos e nenas reivindican o uso do galego nunha nova edición do Correlingua na Coruña

O Correlingua fixo que centos de @alumn@s botasen a lingua fóra

Un turismo bate contra unha farmacia na Avenida de Fisterra tras chocar contra outro vehículo

Un turismo chocou contra a fachada dunha farmacia situada na avenida Fisterra da Coruña tras chocar previamente contra outro vehículo e perder o control.

Segundo fontes do 112 Galicia, o sinistro produciuse pouco despois das 08.00 horas á altura do número 135 desta avenida, coincidindo co cruzamento coa rúa Pai Sarmiento, preto do Parque de Santa Margarida.

Ata o lugar desprazáronse efectivos da Policía Local e profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que atenderon a unha muller.

Tamén acudiu ao momento unha dotación de bombeiros que se encargou de prestar asistencia técnica para restablecer material señalético.

O proxecto ‘Coruña Marítima’ formaliza os cinco equipos finalistas para o deseño do máster plan

O proxecto ‘Coruña Marítima’, para o deseño da fachada portuaria coruñesa, avanza coa formalización definitiva dos cinco equipos finalistas, integrados por 28 empresas, para elaborar o máster plan. Así o informaron o Concello e a Autoridade Portuaria tras a selección dos finalistas entre as 14 candidaturas válidas que se presentaron ao concurso. O pasado 9 de abril publicouse a relación deste cinco equipos, tras efectuar os servizos técnicos a correspondente valoración da documentación.

Posteriormente, requiriuse que presentasen a documentación acreditativa dos méritos e agora, unha vez recibida e verificada a mesma, a mesa de contratación propuxo a selección e publicación definitiva dos cinco equipos, que agrupan a un total de 28 empresas, das que 13 contan con sede ou oficinas en Galicia.

Os equipos seleccionados disporán dun prazo de cinco meses para presentar as súas propostas, que contará desde este martes. A comisión ‘Coruña Marítima’ elixirá entón a máis adecuada, atendendo a criterios como a calidade técnica, a funcionalidade, os aspectos ambientais e económicos, así como a ordenación urbanística global.

María Yáñez, Diego Veiga e Nuno Pico reflexionan este mércores sobre a creación cultural no país na Alexandre Bóveda

0

Este xoves 7 ás 19.30 h, a A.C. Alexandre Bóveda prepara un encontro moi especial e aberto a todos os públicos: “Pensar a música, celebrar a lingua”.

Unha cita para reflexionar sobre macrofestivais ou pequenas actividades, sobre a creación cultural en Galicia, que contará con tres voces de renome:

  • A xornalista e axitadora cultural María Yáñez, que guiará a conversa;
  • Nuno Pico (Grande Amore), unha das voces máis singulares e directas da escena actual;
  • Diego Veiga (Moura), músico con longo percorrido e mirada crítica sobre o oficio e a creación.

Posteriormente, a partir das 21h, na discoteca do Circo de Artesáns haberá festa con pinchada e intervención musical a cargo do Dúo Cro-Cró, do que fai parte o propio Diego Veiga, todo con entrada libre

Máis novas

Rodrigo Cuevas e Nuno Pico debullaron como foi a súa colaboración na Fundación Luís Seoane

Diego Veiga: “O Mareira Fest enche ese oco que quedou orfo coa desaparición dos centros sociais autoxestionados”

A Coruña inicia a súa tempada de festas en barrios cun festival no Barrio das Flores

A nova tempada das festas nos barrios da Coruña comezará cun festival no Barrio das Flores, onde haberá tres xornadas consecutivas de festa, desde o día 8 ata o domingo día 10 de maio.

En concreto, haberá actuacións musicais e actividades ao aire libre para todos os públicos, segundo informou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, acompañado polo secretario da Plataforma Veciñal do Barrio das Flores, David Pujades.

O núcleo principal das festas sera a praza central do barrio. As mesmas comezarán o venres, ás 19.30 horas, coa lectura do pregón a cargo de Cañita Brava. Esa mesma noite, destaca o  festival de música ‘Urban Bloom’, no que actuarán artistas e promesas da escena underground como ou rapeiro madrileño Al Safir, xunto con Boby Drake, Joven Tensa & Kid Fisto, Rookah, Antía, Mark Adams, Tandub e DJ Hugo Mosquera.

Xa o sábado toca a Festa dos Maios, que se prolongará todo o día con múltiples actuacións. Abrirá a xornada Aturuxo (10.00 horas) para abrir boca antes do xantar popular previsto ás 14.00 horas. O público familiar e os máis pequenos terán ocasión para disfrutar dos contacontos con Silvia Penide, Laura Rey e Natalia Navaza a partir das 16.00 horas, antes da elaboración dos maios (16.30 horas).

E o domingo Mercado das Flores, que comezará ás 11.00 horas na praza central do barrio, con máis de 80 postos comerciais xa confirmados e, ademais, música e gastronomía a esgalla.

Sanidade licita a reforma da Unidade de Reprodución Humana Asistida do Hospital Teresa Herrera

A Consellería de Sanidade publicou no Portal de Contratos de Galicia a obra de reforma no Hospital Teresa Herrera, pertencente ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, para a Unidade de Reprodución Humana Asistida, por un importe de 216.971 euros e un período de execución de tres meses. Segundo informa, as empresas interesadas nesta contratación teñen de prazo ata o 26 de maio para presentar as súas ofertas. No mes de novembro de 2024, aprobouse o Plan Galego de Reprodución Humana Asistida, que ten por obxectivo a mellora das prestacións recollidas na carteira de servizos do Sergas, así como a introdución de novas prestacións.

“Todo isto supón unha reorganización dos espazos físicos de servizo para dar cabida á ampliación de consultas médicas e de enfermaría, o que repercutirá na percepción de mellora da calidade nas usuarias”, explica a Consellería. Tamén afirma que a ampliación da carteira de servizos da unidade acompañouse “da reestruturación da mesma na procura de simplificar un proceso complexo de asistencia, acurtando tempos de espera das pacientes”. A reforma formulada, que afecta a unha área de 320 metros cadrados, ocupa o sector central norte da planta baixa do Hospital Teresa Herrera e realizarase en varias fases consecutivas.