InicioBARRIOSOlladas doutro tempo: O Xardín de San Carlos

Olladas doutro tempo: O Xardín de San Carlos

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

Cun dos seus típicos planos picados, Valentín Mendía captou a que podería ser a fotografía máis bonita do Xardín de San Carlos. Estamos a ver o primeiro xardín público da cidade, con esas árbores case recén prantadas, que por pequenas deixan ver ó lonxe o castelo de San Antón, aínda con seu antigo encanto de illa. Tamén vemos parte da fachada do Hospital Militar, e á esquerda asoma un anaquiño da desaparecida capela do Bó Suceso, a cal daba nome ó hospital antes da súa reedificación de 1860.

Pero a historia do lugar comezou moitísimo antes, empregando o mesmo soar de xeito moi distinto. Nese estratéxico punto ergueuse a primeira fortaleza da cidade, pois a ubicación facía  posible protexer ó mesmo tempo o porto e a Cidade Alta. Costa imaxinar que alí mesmo existiu un auténtico castelo medieval, co seu foxo, ponte levadiza, e ata seis torreóns semicirculares nos ángulos que debuxaban os altos muros de pedra. No patio de armas erguíase o elemento de máis calidade do conxunto: unha alta torre de planta cadrada, cun aspecto probablemente similar á Torre dos Andrade que se conserva en Pontedeume.

A fortaleza serveu na defensa da cidade dende o século XIII, pero co paso do tempo foise quedando obsoleta, sendo relevada da súa función no século XVI, cando se proxecta un castelo moito máis moderno que defenderá a entrada do porto coruñés dende o illote de San Antón. Por este motivo a fortaleza comeza a empregarse coma almacén de armas e pólvora, papel que cumprirá ata 1658. Esta é a data dunha das maiores traxedias da historia da cidade: No transcurso dunha obra de reforma provocouse un pequeno incendio. O piso baixo da torre vaciárase de pólvora, pero non así os superiores. A explosión derrubaría a torre, a maior parte das murallas, e moitos edificios cercanos, ademáis de proxectar a distancia grandes pedras que caían sobre as casas e rúas da cidade. O descuido costaríalle a vida a unhas 300 persoas, e o lugar quedaría abandonado durante moito tempo por mor do seu terrible recordo.

Isto cambiou a meiados do século XVIII, coa chegada á cidade de Carlos Francisco de la Croix, quen veu a exercer o cargo de Capitán Xeral do Reino de Galicia. Residía no veciño Pazo de Capitanía e decidiu adecentar o recinto olvidado para convertilo no seu xardín privado. Velaí o motivo polo que comezou a falarse do lugar coma xardín de don Carlos, sen santos polo medio. Deste Carlos de la Croix xa falamos noutro momento, pois foi quen mandou derrubar o teatro do empresario italiano Nicola Setaro

En 1809, os gobernos británico e español acordan ubicar alí un mausoleo para o xeneral escocés Sir John Moore, caído durante a batalla de Elviña. Pero non sería ata ben entrado o século XIX cando o espazo chegará a converterse no xardín que coñecemos, arredor do monumento a Moore. Foi no ano 1834 cando o brigadier Francisco de Mazarredo proxectou un xardín público. “Hoxe en día é un dos lugares máis agradables da Coruña”, escribiu o historiador Enrique Vedía unha década despois.

Rematando o ano 2022 o xardín reabriu as portas despois dunhas obras que buscaban recuperar ese trazado orixinal que apreciamos na fotografía. Nela aparecen case invisibles, fundidas completamente co entorno, dúas mulleres con tres nenos. Seguramente alleas a toda a historia que as rodea, pero non ó momento xusto da captura da imaxe. Todos miran cara ó obxetivo de Mendía, quen os deixará conxelados para sempre nese lugar.

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

Olladas doutro tempo: Praza de Ourense

Unha fotografía de Sellier a pé de rúa é o máis parecido a unha...

Primeira edición do ‘Encontro de Música Aberta’ na sede dos Estudos Mans, unha cita na que conectar o sector musical galego con todos os...

A primeira edición do Encontro de Música Aberta, organizado pola Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza, terá...

Un simposio sobre Luísa Villalta na Coruña profunda na figura e obra da autora homenaxeada nas Letras 2024

A Real Academia Galega continúa este mes de novembro coa súa programación sobre Luísa Villalta, autora...

Un home enfróntase a 6 anos de prisión por abuso sexual a menor e delito continuado de ‘sexting’

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña xulgará o luns, día 4, a un home...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here