- Xornada 29 – Rayo Majadahonda 0 – Deportivo 2
- O Depor torna a senda da vitoria nun loitado triunfo con Yeremay coma protagonista
- Vixésimo noveno partido de Imanol Idiakez como adestrador do Depor en partido oficial (15V 10E 4D).
— — —
Chegamos a ese punto da tempada no que é inevitable facer contas e pensar nos partidos dos rivais case tanto coma nos teus. A iso imos adicar o análise desta semana, non sen antes recoñecer o partido de Yeremay en Majadahonda. Levaba o home enchendo a súa mochila de responsabilidade tralos malos números de asistencias e goles que levaba ata o de agora, coma se el mesmo recoñecera que non estaban aparecendo tanto coma de el se podería agardar. O sábado amosou o lume que te nas botas e as gañas de ser aínda mais a referencia no xogo de ataque. Sempre constante, encarando, driblando e asistindo, é verdade que Mella e Lucas facían sombra sobre a súa transcendencia, pero xusto cando mais se necesitaba, apareceu, goleu e brindou un partido de crack.
Pero, metámonos en fariña para ver onde estamos nos e os rivais, e ver o que nos resta por diante para acadar o obxectivo do ascenso directo. Restan 9 partidos por xogar e o Depor, a Ponferradina e o Fortuna teñen o mesmo esquema de 5 partidos na casa e 4 partidos fóra. O Barça Atletic e o Nástic teñen, pola contra, 4 partidos na casa e 5 fóra, polo que estes dous últimos saen prexudicados no tocando a viaxar. No que á vantaxe psicolóxica se refire de xogar antes ou despois do rivais, o Depor sae ben parado pois das nove xornadas restantes, repártese por igual esta vantaxe, xogando en tres xornadas antes cos rivais, en tres xornadas despois dos rivais e xogando tres delas á mesma hora ca eles.
Afondando un pouco máis na categoría dos rivais, o Depor semella (sempre coa cautela deportivista que nos caracteriza) que terá o camiño máis sinxelo pois tan só enfrontarase a un rival do playoff (Barça Atletic) e será en Riazor (xornada 36). O Fortuna xogará co Nástic en Tarragona e rematará a liga co Barça Atletic na casa. A Ponferradina, pola súa banda, réstalle xogar co Nástic e con Barça Atletic ambolosdous na casa, mentres que o Nástic deberá xogar co Fortuna na casa e visitar á Ponferradina e ao Barça Atletic. É certo, despois de este análise, o Barça Atletic ten o camiño máis empedrado de todos, pois xogará na casa co Nástic e renderá visita á Ponferradina, ao Depor e ao Fortuna, estes tres de forma consecutiva nas tres últimas xornadas. Unha ducia de partidos entre os rivais de playoff que amosarán unha morea de puntos que tódolos rivais deixaranse polo camiño, incluídos nós, claro está.
Coa mira posta nos rivais do Dépor, terá nos equipos loitando polo descenso as súas saídas máis complicadas (Cornellá, Teruel e Sestao River), unha saída contra o filial da Real Sociedade e xogará na casa contra Unionistas, Cultural, Arenteiro, Barça Atletic e Real Unión de Irún. Salvo o Barça Atletic, todos inmersos na banda morna da táboa, con poucas opcións de playoff e sen perigo cara ó descenso. Comeza o espectáculo de verdade e onde cada punto serve para achegarte ó teu obxectivo, comeza o tramo de partidos de “catro puntos” e onde a marxe de erro é mínima, sobre todo, nos partidos cos rivais directos.
- Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.
MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR
- X.28: Pequena escorredura sen consecuencias.
- X.24: Este é o Neno que todos queremos.
- X.23: Haberá que ir crendo.
- X.22: Un Dépor renovado que apunta alto.
- X.21: O Everest do Dépor.
- X.19: Balance dunha primeira volta decepcionante.
- X.17: Un Dépor cómodo no barro.
- X.16: Dilema branquiazul.
- X.15: Idiákez salva o pescozo.
- X.14: Un Dépor baleiro.
- X.13: O Dépor e a marmota.
- X.12: As mil caras do Dépor
- X.11: Tímida recuperación do Depor.
- X.10: As árbores e o bosque do Dépor
- Miguel Barreiro: Punto de non retorno.
- Miguel Barreiro: A canonización de Idiákez.
- Miguel Barreiro: Pobre arranque dun Dépor errático
- Miguel Barreiro: O Dépor faino todo.
- Miguel Barreiro: As novas posibilidades do Dépor.