InicioOPINIÓNOda aos Festivais de Nadal

Oda aos Festivais de Nadal

Publicada o

Por Beatriz Alfonso Espiñeira

Saímos do festival de Nadal da nosa filla. É o noso penúltimo festival de panxoliñas. Saímos cun sorriso tonto despois de ver ás nosas crianzas cantar e bailar candorosas. Pais e nais dirixíndose aos seus traballos cun sorriso, primeiro mérito do festival, pero hai moitos máis.

Os nenos entregados. Sempre hai un ou dous, levan a batuta, saben a melodía e a coreografía, ensaiaron nas súas casas, son a estrela de Belén dos compañeiros despistados. Futuros CEOS das empresas, ou futuros profesores de baile, quen sabe.

Os nenos que choran. Nenos desconsolados, moqueando e buscando desesperadamente aos seus pais entre o público. Nenos que nunca quixeron estar aí, ou si pero xa non. Dan ganas de acercarlles un clínex e mecelos no coliño, pero non se pode. Show must go on.

Os nenos en trance. Non cantan nin choran. Fican mirando fixamente ao público, hipnotizados pola situación. Son coma ultracorpos pero con puchos de Papá Noel.

Os demais. Os vinte restantes. Cantan, ríen, míranse con complicidade. Parece que o pasan ben.

As mestras. Están en primeira fila de costas ao público. Fan a coreografía para que as sigan os nenos despistados, bracean, cantan e se desgañitan para que todo saia ben. Unha cesta de nadal ben grande para elas, por favor.

Os pais e as nais. Emociónanse, incluso botan algunha bágoa, rin e comentan, sacan o móbil aínda que advertiron vinte veces que non saquen os móbiles porque a actuación vai ser gravada e enviada por mail. Perdóaselles porque queren mandar a primicia mundial aos avós que non puideron vir porque só dúas personas por neno, pon a circular.

A música e a decoración. A música ten que oírse mal e saír polos altavoces do portátil ou ben por uns de cando se inaugurou o cole alá polo 82. A decoración ha de ser estridente, colorista e espumilloneira. Isto é o nadal da escola, non a tenda de Zara.

Rematou o festival de Nadal. O noso penúltimo. E non soou O burrito sabanero. Quero o meu burrito. O meu tuki tuki tuki. U-la folla de reclamacións?

Se chegastes ata aquí, boas festas (e festivais).

 

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

ÚLTIMAS

Protestas do persoal de Eulen ante a Xunta

Traballadores de Eulen acodiron esta mañá a unha concentración diante do edificio administrativo da...

Arrincou a campaña electoral para as eleccións xerais do 29N

Comezou, coa tradicional pegada de carteis, a campaña electoral de cara ás eleccións xerais...

A delicada tesitura do Centro Ocupacional Pascual Veiga

Entre a Falperra e os Mallos, silencioso nun primeiro piso enriba dunha oficina de...

O FESTIGUAL enche a fin de semana de teatro inclusivo para toda a familia

Continúa en marcha o FESTIGUAL. O ciclo organizado pola Fundación Emalcsa e o Concello...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here