InicioA CORUÑAOlladas doutro tempo: Pazo Municipal

Olladas doutro tempo: Pazo Municipal

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

Aínda quedarían máis de cinco anos para a súa inauguración oficial, pero a cidade considerada Garda e Chave do Reino de Galicia por fín ía ter unha sede municipal á altura da súa importancia. Nese momento, o Concello da Coruña estaba ubicado moi preto, no edificio que apreciamos á esquerda na fotografía de Ferrer. 

Na interesante “Guía de La Coruña”, escrita por Antonio Coumes-Gay en 1877, descríbense as Casas Consistoriais da seguinte forma: “O Concello está no edificio inmediato á igrexa parroquial de San Xurxo, que foi convento de Santo Agostiño. No primeiro andar ten o Salón de Sesións, a Secretaría e oficinas; na planta baixa o arquivo e dependencias, almacéns destinados ós carros fúnebres, os do servizo público de limpeza, cuadra, depósito de bombas, retén de bombeiros e habitación do conserxe. No primeiro andar do mesmo edificio atópase o Xulgado municipal, e no segundo o de primeira instancia, o Rexistro da propiedade e a Academia de Medicina e Ciruxía”. Intúese a estreiteza en tódalas institucións nomeadas, pois semellan demasiadas cousas para  o mesmo lugar. Podemos apreciar outra vista do edificio coa fotografía de Mendía en “Campo da Derruba”. Pero a historia do Consistorio coruñés non comeza aquí, ven de moi atrás, deambulando ó longo dos séculos dun lugar a outro, ás veces sen atopar un sitio digno, amplo e cómodo para o goberno da cidade, ata a inauguración do precioso edificio que vemos en construción. 

Dende a refundación da vila de Crunia en 1208, o concello reuníase no atrio da Igrexa de Santiago, por ser esta a máis antiga da cidade. Tratábanse de reunións abertas, convocadas a toque de campás, ás que podían asistir os veciños. Segundo documentacion de 1344, o concello estaba formado por: dous alcaldes -o alcalde de foro e o alcalde de rei-, doce xurados, os procuradores e dous veciños que portan o selo. Para as reunións extraordinarias de inicios de ano, empregábase o antigo convento dos dominicos, entón fóra das murallas fronte á Porta de Aires.

En 1480, baixo mandato dos Reis Católicos, as Cortes de Toledo obrigan a tódalas cidades e vilas nas que os concellos non tivesen edificio propio a que o constrúan no prazo de dous anos. É por isto que dende finais do século XV o goberno da vila instálase na actual praza de Azcárraga, o centro da Cidade Alta. O primeiro edificio, seguramente erguido ás présas e baixo orzamento, arruinouse moi cedo, sendo derrubado en 1555. En 1558 estrearíase un novo inmoble no centro da mesma praza, chamada popularmente da Fariña. Pero o nome do producto alimentario non fai referencia ós mercados celebrados alí, coma tanto se ten falado, o nome vén precisamente polo edificio no que se axuntaba a corporación municipal. Tal inmoble acollía as reunións no primeiro andar, pero na planta baixa aloxábase a Casa do Peso da Fariña, algo así coma un almacén municipal de gran. O edificio, coñecido coma Pazo da Fariña, presentaba un aspecto ruinoso a inicios do século XVIII polo que comezaría unha serie de traslados provisionais, alugueres de inmobles e proxectos que nunca chegan a facerse realidade. Rúa do Príncipe, Pazo de Capitanía, Rúa do Repeso, Damas… case dous séculos de apaños, improvisación e incomodidade.

A comezos de 1837 o Consistorio instálase na Rúa da Franxa, abandoando por primeira vez na súa historia a Cidade Alta. Dezaséis reais diarios era o prezo por alugar a Casa Martelo, actual sede do Conservatorio e Escola de Danza da Deputación. Era unha estancia cara, pero provisional, sería ano e medio de espera para poder ocupar de forma gratuita un edificio cercano do que se estaba a falar. Xa cos permisos concedidos, o Concello pasou en decembro de 1838 ó antigo convento de Santo Agostiño, desaloxado pola desamortización. Este edificio estaba adosado a unha igrexa que tamén cambiará de uso e nome, pasando a ser a parroquia de San Xurxo.

Alí tería que agardar varias décadas ata que por fin fructificou o ambicioso proxecto que uniría a Cidade Alta e a Pescadería cunha gran praza pública. Neste espazo, o protagonista é o poder municipal, ubicado por fin nun dos edificios máis sobranceiros de toda a cidade. Na fiestra central do edificio, a meirande e destacada co seu forxado en cor negra, atópase un escudo con dúas letras superpostas: P e M. Poderían ser as iniciais de Pazo Municipal, o edificio. Tamén podería ser María Pita, a praza. Pero existe a hipótese de que esas letras están a recordar ó grandísimo arquitecto Pedro Mariño, quen estaría deste xeito asinando a súa obra. Pero en 1912, con tódalas fiestras aínda por pechar, tan só pode asinar a elegante fotografía de Ferrer.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

Homenaxe do PPdeG a Luísa Villalta coa presenza da nai, a irmá e un sobriño

O PPdeG celebrou este sábado un acto na Coruña polas Letras Galegas no que reivindicou...

Sabías que Pablo Picasso se estreou como retratista na Coruña?

Pablo Ruiz Picasso era un neno de 9 anos cando chegou á Coruña, aló...

A Coruña homenaxea a Luísa Villalta, “activista polo idioma” e muller “comprometida”

Autoridades e familiares de Luísa Villalta reivindicaron a obra e a figura da escritora...

Coruña homenaxea a Luísa Villalta, a poeta da ‘Cidade Alta’

Galicia celebra un ano máis a festa da súa lingua e das súas letras. A...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here