Porta de Aires é coma coñecemos agora a este lugar, pero orixinalmente era Porta dos Ares ou Porta dos Sares. Desta última forma é coma figura en varios documentos do século XV o nome dunha das antigas portas da muralla que circundaba a Cidade Alta. Esta porta comunicaba a vila medieval cos camiños que levaban cara á Torre de Hércules, e tamén co antigo barrio labrego de Santo Tomás, ubicado extramuros aproximadamente na zona actual das Atochas.
Existen opinións distintas sobre a orixe deste nome. Juan Naya Pérez argumentaba que a xente nomeou desta forma a porta por non estar lonxe do lugar de residencia de Ares Pardo das Mariñas, personaxe importante de finais do medievo. Iván Méndez López explica que o nome actual pode vir da incorrecta interpretación de Ares coma plural de ar, sendo castelanizado xa dende o século XVIII coma Aires. Dolores González de la Peña, en cambio, pensa que o nome podería vir de Porta Agri, que en latín vulgar significaría literalmente Porta do Campo. Ou, se cadra, Porta Aggeris, que equivaldría a Porta do Camiño.
Á esquerda podemos ver un antigo pazo que adquiriron os Marqueses de Camarasa no século XIX, o cal ocupaba o soar onde se ergue na actualidade o colexio Cidade Vella. Do antigo pazo tan só nos queda un blasón de pedra do século XV, recolocado no edifico actual pero moi agochado, ó inicio dunha ruela. O escudo en cuestión mostra nos seus tres cuarteis os escaques propios dos Soutomaior, a cabeza de lobo dos Moscoso e a estrela dos Mariñas. Segundo Carlos Martínez Barbeito, o blasón correspondería a Ares Pardo das Mariñas, velaí a posible orixe do nome deste lugar.
Xunto a ese edificio vemos a entrada á Rúa dos Ferreiros, cunha árbore sen follas. Aínda que o seu nome orixinal aparece documentado dende finais da idade media, chegaría ata os nosos días transformado en rúa Herrerías. Pero a mención a tal gremio non foi o único nome que levou, pois durante unha época chamouse Rúa do Instituto. O motivo foi que o pazo de Camarasa acondicionouse en 1862 para albergar o primeiro Instituto de Segunda Ensinanza da cidade. Ata que en 1889 efectuouse o traslado á praza de Pontevedra, a un edificio de nova construción, máis espacioso e mellor equipado, sufragado por Eusebio da Guarda.
Da outra beira da imaxe vemos un edificio do século XVIII que luce moitísimo mellor hoxe en día, a pesar das súas múltiples reformas. Alí comeza a rúa Porta de Aires, que vai dar á Colexiata de Santa María do Campo. Este nome iría en concordancia coa teoría da Porta do Campo, pois non só estaban en liña a igrexa, a rúa e a porta, senón que saíndo por ela atoparíamos un barrio labrego e un espazo baleiro, o Campo da Leña e arredores, que puido empregarse antigamente coma eira ou aira.
Alleos a todo o que estamos a falar, varios grupos de persoas camiñan cara ó obxetivo do fotógrafo. A elegancia das súas vestiduras e as mantillas dalgunhas mulleres fannos pensar que están a voltar dalgún acto relixioso na Colexiata. No seu camiñar deixan atrás o elegante edificio do centro, o cal segue alí, aínda que a súa simetría decimonónica viuse alterada ó engadírselle unha altura máis, un terceiro andar completamente insulso que lle resta harmonía na súa visión actual.
Da fotografía, en cambio, si que pode dicirse que é fermosa e harmónica. Perfectamente encadrada, as persoas escalonadas, os edificios dos que falamos facendo de fondo, e con tódalas diagonais que debuxan tanto a rúa coma os cables da luz confluindo no punto onde estaba ubicada a porta da muralla. Desapareceu fai xa moito tempo, pero deixou alí, veña de onde veña, o seu nome para sempre.
- Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.
OLLADAS DOUTRO TEMPO
- San Amaro (1920).
- “Orzán, oleaxe”.
- Campo da Derruba.
- Avda. Da Mariña (1858). A foto máis antiga da Coruña.
- Camiño de Garás.
- SANTO DOMINGO DENDE CORTADURÍA.
- CASA GÓTICA
- San Andrés con Santa Catalina.
- Porta do Parrote.
- San Francisco e A Maestranza.
- Cantón Grande.
- Praza de Mina. 1906.
- San Andrés. Avrillón.
- Praia do Parrote e Cárcere Real.
- Mercado do Peixe. San Agustín.
- Santa Catalina.
- Teatro-Circo Emilia Pardo Bazán.
- Fábrica de Tabacos.
- Banco Pastor.
- Mercado da Guarda.
- Panorámicas e vidros.
- O Xardín de San Carlos.
- Pazo Municipal.
- Campo do Carballo e Camiño Novo.
- O Campo da Estrada e o Aviador.
- Lavadoiro do Orzán.