InicioBARRIOSOlladas doutro tempo: O Campo da Estrada e o Aviador

Olladas doutro tempo: O Campo da Estrada e o Aviador

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

Un dos espazos máis grandes que existían na Coruña de finais do século XIX e principios do XX  era o chamado Campo da Estrada. Abarcaba máis de sete hectáreas, comprendidas entre o Cuartel de Atocha e a antiga Real Maestranza, hoxe Reitorado da Universidade. Toda a amplísima zona onde hoxe atopamos a Sociedade Deportiva Hípica, a Avenida do Metrosidero, ou tamén unha rúa que leva o nome orixinal do lugar. Dentro dos seus usos máis habituais estaban as manobras militares, pero de cando en vez este terreo baleiro empregábase doutras formas máis orixinais. Temos o exemplo na fotografía que tomou Pedro Ferrer en agosto de 1913, durante unhas festas da cidade, coma reza o seu título.

No arquivo dixital da Real Academia Galega, pódese ler: “Plano curto do aviador Vedrines, no centro con lentes e un buzo. Ao seu carón dous homes, un de costas e outro dirixíndose cara a el. Á dereita a hélice da avioneta. No segundo plano unha caseta de táboas, nunha esquina da cal hai un grupo de homes, algúns con uniformes militares. No fondo unha ringleira de edificios e a boca dunha rúa onde se amorea outro grupo de persoas”. Claramente está a describir esta imaxe. O edificio da esquerda é o antigo pazo dos marqueses de Camarasa, xunto a Rúa dos Ferreiros -hoxe Herrerías-, e máis á dereita o avión e maila caseta non deixan  ver a Porta dos Ares -porta de Aires-. Pero nesa descrición creo que pode existir un erro identificando ó aviador. É certo que o home dos lentes está no centro da imaxe e leva posto un mono, pero iso non quere dicir que vaia pilotar. Os retratos conservados de Jules Vedrines correspóndense máis co home da esquerda, o que semella chegar sentíndose o protagonista absoluto, a personaxe do momento, seguro de ser o centro das miradas.

E non era para menos. O piloto francés era todo un ídolo do aire no momento en que a aviación causaba auténtica sensación. El mesmo fora o gañador dunha sonadísima proba, o Raid París – Madrid, celebrada en maio de 1911. Esta non foi a primeira carreira da historia da aviación, pero sí a máis longa ata esa data, con 1170 km de percorrido. E o feito de ser unha proba internacional aportaba aínda máis prestixio. Vinte oito aviadores de élite inscribíronse na procura da fama e dos 100.000 francos do premio para o gañador. Tan só Vedrines deu chegado a Madrid compretando as tres etapas marcadas pola organización. Entre os favoritos estaba un tal Roland Garros, quen tivo que abandoar por unha avaría en San Sebastián.

Comprendemos o saúdo á cámara con actitude de estrela de cine. Non era actor, pero estaba a piques de dar un grande espectáculo. Voou en Vigo en 1911, e na esplanada de Balaídos xuntáronse ata 60.000 persoas para desfrutar da súas acrobacias. Coruña xa vira voar a Garnier, Poumet e Tixier en 1912. As cidades competían por ter a estes ídolos nos seus programas festivos, e os pilotos percorrían kilómetros e kilómetros en formato de xira, coma as dos músicos actuais, de cidade en cidade e de festa en festa. Vedrines viaxaba en automóbil coa súa dona, e o avión chegaba en tren, desmontado. Entón sería crucial a figura do mecánico, posiblemente o home dos lentes, encargado de deixar o aparato en perfecto estado para as exhibicións. Os espectáculos constaban de varios voos curtos, con viraxes a 200 metros de altura, baixando ás veces a máis de 100 km/h ata escoitar gritos de emoción, ou se cadra de medo, dos presentes, para elevarse de novo entre o zumbido do motor e os aplausos do público. Unha perfecta mestura de espectáculo circense e tecnoloxía punteira.

É evidente que Pedro Ferrer captou unha das fotografías máis curiosas da historia das festas da Coruña. Nela os edificios da Cidade Vella préstanse coma decorado casual para enmarcar esta vida itinerante de fama e adrenalina. O documento tamén nos leva a pensar sobre o distintas que eran as diversións tan só un século atrás.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

A Coruña, a unha finde do soño dos ascensos

Levamos semanas repasando o soño que vive o deporte coruñés co gran papel que...

O exalcalde Paco Vázquez únese a un manifesto que pide non votar ao PSC nas catalás do domingo

O exalcalde da Coruña e exembaixador no Vaticano, Francisco Vázquez, e o exministro do...

Transportes adxudica por case un millón a mellora de accesos ao porto exterior da Coruña

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable adxudicou por 973.011 euros (IVE incluído) a...

Baixa o paro na Coruña en abril

O número de parados rexistrados nas oficinas galegas dos servizos públicos de emprego baixou en...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here