Non caeron en saco roto as declaracións de Gonzalo Castro sobre a “profunda reflexión” sobre o Noroeste. Unhas declaracións que parecían máis dun membro da patronal ou mesmo dun comisionista, que dun concelleiro de Cultura, que fixeron tremer os cimentos do sector cultural da cidade.
Xa o ano pasado a plataforma de profesionais da cultura da Coruña denunciaban a política de “Morriñas e Recordas” do grupo de goberno socialista. Este pasado día 30, o Concelleiro recoñecía que se trata dunha estratexia de “política cultural”, que prima os eventos privados aos organizados dende o sector público.
A realidade é que o proceso de desmantelamento do que chegou a ser chamado o ”o mellor festival do mundo” é constante nos últimos anos, botando por terra aquel formato “expandido” do festival referencia da cidade que permitía levar a música, con bandas de gran calidade, a numerosas prazas.
O edil socialista leva anos demostrando a súa falta de previsión e de organización, e o seu desinterese por este festival ata o punto de que a 3 días do comezo do festival e aínda non se coñecía o cartel.
De feito, aínda a golpe de xoves o equipo de dirección do festival estaban confirmando datas e asinando contratos con algunhas bandas para completar o elenco.
Con todo, a programación presentada o sábado, sen rolda de prensa sequera, mantén as cifras de concertos e escenarios do ano pasado, pero fican lonxe daquelas magníficas edicións do 2018/19 ou que mesmo de 2023, cando se duplicaban as accións e os escenario desta edición número 38.
Ulos Orzamentos?
O edil argumentou que os cachés das bandas potentes de todo o planeta son inasumibles para un ente público. Xentes do sector recoñecen que a proliferación de festivais privados (en toda Galicia, pero nomeadamente na Coruña, cos Morriña Fest, SoundFest, Noites do Porto, Recorda Fest…) están a provocar unha burbulla no sector. Con todo, moitos aproveitan a falta de previsión e organización do festival para inflar as esixencias económicas.
Detrás está a problemática co IMCE (Instituto Municipal Coruña Espectáculos), envolto en polémicos suplementos de crédito que duplican o seu presuposto anual, pero do que dende 2021 non se publican os seus contratos na plataforma de transparencia a pesar das peticións do BNG e mesmo da Valedora do Pobo.
Deste xeito non podemos saber cantos cartos públicos reciben as empresas privadas que promoven estes festivais. Si se sabe que a Xunta, a través de Turismo, leva adxudicados contratos a El Puerto Producciones, propiedade dun dos Rivera da Estrella Galicia, 1,2 millóns nos dous últimos anos a través de sendos contratos de 300.000 para cada edición do Morriña (participado tamén por Bring The Noise, a promotora do Resu, que á súa vez ten no seu accionado ao fondo Soundtrack que ten nos seus invesores á sionista KKR) e do SoundFest en 2024 e 2025 para “a promoción do turismo en Galicia”… Tamén o Recorda Fest recibiu 180.000 de Turismo de Galicia no mesmo formato de patrocinio.
Segundo fontes municipais, o Morriña custa 0 euros ás arcas do Concello, unha vez que o solo público que ocupan estes festivais, e que impide acceder á cidadanía ao liberado porto de Batería durante todo o verán, permítese a través dun acordo da promotora coa Autoridade Portuaria. No limbo quedan os procesos de licitación das barras destes eventos realizados en solo público, que deberían ser tramitados ordinariamente, pero dos que se descoñece o procedemento.
Desmantelamento
O Festival PopRock foi historicamente o festival de refencia da cidade. Esa cita que dende os anos 90 xuntaba case un cento de miles de persoas na contorna do areal de Riazor para ver durante dous días grandes referencias nacionais e internacionais, maridados con artistas emerxentes.
O festi pegou un salto cualitativo co goberno da Marea, cando en 2015 inventaba o famoso formato “expandido” que tanto gusta á veciñanza e á hostalería local, porque vertebra a cidade a través da música, e permite ir paseando e ir vendo diferentes concertos polas prazas. Aquela edición o festival xa incluía 26 concertos en 5 espazos diferentes da cidade, comezando o festival un luns e enchendo a semana de citas culturais para todos os públicos (e petos). Sidonie, Leon Benavente e Los Planetas eran os cabezas de cartel.
O concepto “expandido” foi medrando: en 2016 xa foron 60 concertos en 9 espazos con Editors e Ocean Color Scene como cabezas de cartel en Riazor; en 2017, 90 bandas en 15 escenarios (Kaiser Chiefs, Iván Ferreiro e Jesus adn Mary Chain na praia); 80 en 14 lugares en 2018 (Viva Suecia, The Pretenders e Belle&Sebastian como grandes reclamos) e 75 en 13 en 2019 (destacando a presenza de Paty Smith, Natty Peluso ou Belako).
O primeiro Noroeste do goberno socialista, certo que saíndo da pandemia en 2021, xa rebaixaba o formato a 25 concertos en 4 escenarios. Ese ano non houbo concertos en Riazor, e as bandas destacadas eran nomes como Triangulo de Amor Bizarro, Alice Wonder, Los Zigarros ou Marlango.
O Concello recuperaba folgos en 2022, con 50 concertos en 10 escenarios, volvendo a pisar a area de Riazor. UB40 eran os grandes cabezas de cartel xunto con Tanxugueiras e Baiuca.
Aí mantiveron o nivel en 2023, con ata 60 concertos en 9 escenarios, tendo a Primal Scream, Lory Meyers ou Zara Larsson como grandes reclamos.
Pero xa o ano pasado, en 2024, comezaron a rebaixa, reducindo a 31 concertos en 5 escenarios, pero camuflando a redución ao incluír no plan un programa de contacontos que ampliaban a nómima en 20 artistas máis e outras 5 localizacións. Crystal Fighters, Xoel e Vetusta Morla eran os cabezas de cartel.
Neste 2025 as cifras mantéñense, pero a esencia vai mudando. Volven ser 30 concellos, desta volta en 6 escenarios. Máis alá da calidade dos concertos, é simbólico o cambio do escenario de Santa Margarita, un espazo público cun auditorio case natural inmellorable, polo Portiño, un espazo privado ao que hai que trasladarse en coche.
Moitos lamentan tamén que a xornada do sábado non haia eventos para ir quecendo a gran noite de praza en praza.
Máis novas
Primeiras queixas pola tardanza na publicación do programa das Festas de María Pita e do Noroeste