Inicio Blog Páxina 100

A Xunta declarará mercado tensionado na Coruña se se cumpren as condicións

A Consellería de Vivenda e Infraestruturas xa tramita a declaración de zona de mercado residencial tensionado da Coruña, cidade que, xunto con Santiago de Compostela, abriu o melón na comunidade, e reitera que a aceptará se cumpre coas condicións establecidas pola norma, en relación á que reiteran o seu desacordo.

A titular deste departamento da Xunta, María Martínez Allegue, sinalou este xoves, en declaracións aos medios, que aínda descoñecen a resolución final porque aínda valoran a petición. “Non sabemos aínda se se pode aceptar ou non porque se están avaliando as condicións obxectivas que se establecen por normativa para verificar se se cumpren ou non”, explicou.

Con todo, reafirmouse na posición contraria á designación de zonas tensionadas que sempre mantivo o Executivo galego porque “teñen os efectos contrarios aos desexados, resta vivendas que pór en réxime de aluguer e unha mostra é o que está a suceder en Cataluña”.

Aínda que a Xunta recorreuna, Allegue mostrou o seu compromiso con respectar a normativa, xa que “hai que cumprila”, polo que se A Coruña “cumpre as condicións establecidas en normativa estatal” a Xunta emitirá a declaración correspondente.

Esta permitiría á administración local regular o mercado coa adopción das “medidas necesarias para a corrección dos desequilibrios evidenciados na súa declaración”, segundo a lei.

PETICIÓN DA CORUÑA

A Coruña formalizou esta petición tras aprobala na xunta de goberno local o venres pasado. O edil de Urbanismo, Rehabilitacion e Vivenda, Francisco Díaz Galego, ratificou en rolda de prensa que a cidade cumpre cos dous criterios que marca a lexislación estatal para obter tal designación.

Estes son que o custo da hipoteca ou aluguer e os gastos derivados da vivenda superen o 30% da renda media dos fogares e que o prezo da compra ou do aluguer experimentase, no últimos cinco anos, un crecemento un 3% superior ao do IPC.

Así mesmo, Galego indicou que na Coruña se dan ambos os criterios nun 50% dos distritos e nun 70% das seccións censales.

O proxecto Vitamina G, do CEIP Sagrada Familia, entre os gañadores dos Premios Mil Primaveras

Vén de anunciar a Coordinadora de Técnicos de Normalización Lingüística (CTNL), os gañadores dos Premios Mil Primaveras 2025. As iniciativas seleccionadas son catro programas que inciden na infancia e na mocidade, favorecen a socialización en galego e potencian a reflexión e a acción. Son ademais proxectos que buscan a cohesión social, fornecer de recursos e asociar a lingua con valores positivos. Son, en resumo, os mellores exemplos dos proxectos creados co obxectivo de valorizar e fomentar a lingua e procurar o incremento do seu uso e/ou prestixio. 

Na edición deste ano concedéronse catro premios, sen xerarquías, entre proxectos que tiveron vixencia en 2021, 2022, 2023 e 2024. Foron recoñecidos os seguintes: Brazolinda (Brazolinda), Galego para peques (Galego para peques), Modo galego, actívao! (Concello de Ames e Real Academia Galega) e Vitamina G (CEIP Sagrada Familia, A Coruña).

Vitamina G, do CEIP Sagrada Familia

Vitamina G é un proxecto desenvolvido no CEIP Sagrada Familia da Coruña que emprega a lingua galega como factor de cohesión e integración social, nun contexto cunha alta porcentaxe de alumnado de orixe migrante. Consegue unha grande implicación do alumnado, que crea os contidos mentres aprende, investiga e traballa a oralidade. O xurado tamén salientou a creatividade e a positividade na mensaxe (a lingua como un suplemento vitamínico), que é un proxecto replicable e que se trata dunha intervención para un contexto cada vez máis xeneralizado: diversidade lingüística e cultural onde o galego suma. Tamén valorou a proxección do proxecto fóra do ámbito académico e o impacto nas familias.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Vitamina G (@vitamina_gue)

Brazolinda

Brazolinda é un proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego que fixo 10 anos en 2024. Iniciativa empresarial coa lingua galega como cerna, naceu co obxectivo de ofrecer, tanto ao profesorado como ás familias, material didáctico en galego que axude a normalizar o uso da lingua no tempo de ocio e de aprendizaxe. O xurado tamén salientou o emprego da lingua de forma transversal con contidos de matemáticas, ciencia, natureza, historia ou tradicións. Así mesmo, a través de obradoiros transmiten os obxectivos normalizadores a dinamizadores educativos e familias.

Alguns xogos de mesa de Brazolinda

Galego para peques

Galego para peques é un proxecto audiovisual nacido en 2023 para estender o uso do galego na infancia proporcionando recursos para educadores e familias. Pon o foco no período de adquisición da lingua e na necesidade de materiais para xogar e aprender en galego e co galego. O xurado destacou a calidade e a estética dos vídeos, cunha imaxe idónea para a franxa de idade destinataria. O xurado recoñeceu así mesmo a xenerosidade dunha iniciativa que comparte recursos diversos (contos, cancións, fichas para pintar e tamén de iniciación á lectura e á escritura) para que calquera persoa poida usalos, e salientou as potencialidades de interacción con outros programas de socialización en galego da infancia.

Modo galego, actívao!

Modo galego, actívao! é un proxecto de investigación-acción desenvolvido de xeito colaborativo pola Real Academia Galega e o Concello de Ames. Botou a andar en 2021 e busca dinamizar a lingua galega traballando asemade diferentes ámbitos: a educación, o lecer e as familias. É un programa exportable a outros lugares que combina a intervención e a avaliación, o que permite que poida evolucionar de acordo cos resultados obtidos. Destaca pola colaboración entre institucións e pola implicación de diferentes axentes (docentes, alumnado, monitorado e familias) nun proxecto integral para todo o concello. O xurado tamén salientou aspectos como a súa planificación coidada e rigorosa, que promove a reflexión sociolingüística interxeracional e que incide en diferentes ámbitos de vida das crianzas co fin de facilitar a socialización en galego.

 

Máis novas

“O Dépor é da Coruña”, o novo reto normalizador do #Aquítaménsefala

O #Aquítaménsefala e o Recuncho Gamer reciben os Premios Mil Primaveras

África Abeleira Rodríguez: campioa galega de Judo con herdanza costeira, paixón e futuro

Con tan só 12 anos, África Abeleira Rodríguez escribiu o seu nome nos trofeos galegos de judo ao ser campioa na categoría infantil de máis de 63 kg. Orixinaria de Arteixo, onde vive coa súa familia, esta prometedora nova deportista de tatami cursa 1º ESO no Instituto Manuel Murguía e pertence ao Club de Judo Arteixo, ao que se incorporou hai tres anos, case por casualidade, e ao que segue unida coa mesma paixón que o primeiro día.

Antes de lanzarse ao mundo do judo, África practicou a patinaxe artística, unha disciplina que finalmente decidiu abandonar tras sentirse atrapada na rutina de figuras e piruetas repetitivas. A chispa apareceu cando o judo chegou á súa escola para unha actividade promocional. Era o seu primeiro contacto con este deporte e quedou fascinada. O que comezou sendo unha actividade puntual converteuse pronto nunha vocación.

A conexión de África co judo non é nova na súa familia. Os seus pais tamén o practicaron na súa infancia, e a súa nai, María Dolores, mesmo competiu no mesmo campionato galego cando tiña a idade da súa filla, acadando o segundo posto. Hoxe, o destino marca que nai e filla compartan non só a mesma paixón senón tamén adestradoras que foron compañeiras de María Dolores na súa época, ou como o propio José Garcio, director do ximnasio Fibra e do Arteixo Judo Club, figura fundamental no desenvolvemento de ambos.

Pero máis aló dos seus logros deportivos, África leva nas súas veas unha profunda herdanza galega. O seu pai é de Loureda e a súa nai de Villarrodris. Por parte da súa nai, as súas raíces esténdense á Costa da Morte, concretamente a Cabana de Bergantiños e Ponteceso, terra de mar e lendas que tamén forxaron o carácter deste mozo loitador.

A recente vitoria no campionato galego foi un soño feito realidade para África. Levaba un ano preparándose para esta proba, aínda que o ano pasado non puido competir porque non cumpría a categoría de idade requirida. Nesta ocasión, e a pesar de non agardar conseguir o primeiro posto, conseguiu gañar e emocionouse profundamente.
“Non teño palabras para explicar o que sentín nese momento”, confesa.

África Abeleira Rodríguez en combate

Unha emoción que lle gustaría volver experimentar

Agora, coa medalla galega ao pescozo e renovada ilusión, África prepárase para o seu próximo gran reto: o campionato nacional, que se celebrará o 26 de abril en Huesca. Coa súa entrega característica, promete dalo todo para representar con orgullo a Galicia e seguir medrando como judoka. Máis aló dos resultados, esta vitoria supón unha enorme recompensa ao seu esforzo persoal e ao traballo colaborativo co seu equipo, que a apoiaron constantemente.

África Abeleira é moito máis que unha campioa. É herdeira dunha paixón familiar, unha moza con determinación e talento, firme candidata para seguir acadando éxitos dentro e fóra do tapete… e galega de corazón, cunhas raíces que se estenden dende o salvaxe Atlántico da Costa da Morte ata as terras de Arteixo que hoxe a ven medrar e soñar.

O Birloque xa ten renovado o seu Centro Cívico

0

Inaugurouse onte o novo Centro Cívico do Birloque, que vén de ser reformado integralmente. A intervención supuxo un investimento de case 1 millón de euros, financiado a través de fondos europeos a través do Plan de Recuperación do Goberno na dotación de infraestruturas e servizos.

O edificio, que tamén viviu unha actuación na súa envolvente, incorpora salas polivalentes con acceso independente desde o exterior, espazos para actividades, unha sala de informática, despachos para entidades e servizos sociais, ademais de zonas comúns melloradas para o uso diario da veciñanza.

Falta agora o equipamento, que se realizará de forma progresiva, en paralelo a un proceso de participación veciñal, dinamizado por unha profesional, para que as propias persoas usuarias e veciños e veciñas poidan achegar suxerencias sobre horarios e actividades a desenvolver no centro. Unha vez finalizado, o equipamento quedará integrado na programación da rede municipal de centros cívicos.

A subdelegada do goberno María Riuvas, a concelleira Yoya Neira, a presidenta da Federación de Asociacións Veciñais María Luisa Varela (que estaba de aniversario), a rexedora Inés Rey, e a concelleira Nereida Canosa
A subdelegada do goberno María Riuvas, a concelleira Yoya Neira, a presidenta da Federación de Asociacións Veciñais María Luisa Varela (que estaba de aniversario), a rexedora Inés Rey, e a concelleira Nereida Canosa

A xuventude protagoniza a campaña en defensa das pensións

0

A Mesa Estatal pola Blindaxe das Pensións (MERP) convocaba para onte mércores, 9 de abril, concentracións en 85 localidades co lema “Somos 49 millóns para blindar as pensións na Constitución”.

Na Coruña a concentración desenvolveuse á 18:30h na Delegación do Goberno ás 18.30 horas, coa participación de diversas organizacións como: USO, APT, SAE, Fetico, Mundo sen Guerra e sen Violencia e Recortes Cero.

A mensaxe é clara, e a cifra dá conta de que todos e cada un dos habitantes deste estado somos pensionistas.

A campaña vén sustentada na que chaman “a declaración dos 20”, enviada por 20 mozxs de diferentes procedencias e sensibilidades, unidxs para converterse nun chamamento a todo o tecido social da mocidade do estado para dicirlles que os pensionistas non son unha especie á parte, que viven noutro país ou noutro planeta. “Os pensionistas non son “eles” nin “eles”. Son os nosos pais. As nosas nais. E tamén somos nós. Nós. Porque todo o mundo vai ser así. Ou queremos selo. En España hai 49 millóns de pensionistas. Porque todos somos xubilados: os que xa o están… e os que aínda non”.

Todas somos pensionistas

A convocatoria estará apoiada nun vídeo que a plataforma lanzará na mañá do mércores 9 de abril co apoio de cinco creadores de contidos, Ruben Hood, Adriana Hest, Outconsumer, Moi Camacho e Alex El Zurdo.

 

Máis novas

Detido na Coruña por perfís falsos en apps de citas para estafar e extorsionar a mulleres

0

O Equipo Milladoiro en colaboración co Equipo A Coruña de asesoramento, prevención e resposta en materia de Ciberdelincuencia detivo e investiga a un veciño da cidade herculina como presunto autor de delitos de estafa, branqueo de capitais e extorsión. Creaba perfís falsos en apps de citas para estafar ás vítimas.

A investigación, Artepo, iniciouse a principios deste ano, a raíz do incremento das denuncias interpostas por estafas realizadas mediante o método ‘Roman Scam’. Segundo explican nun comunicado, este tipo de estafa consiste na creación de perfís falsos, nesta ocasión nas webs máis coñecidas de citas, a través dos que realizaba a captación de vítimas, encubrindo a súa identidade verdadeira.

Lograba así que estas cresen que mantiñan unha relación sentimental. Unha vez convencida a vítima, solicítalles diversas cantidades de diñeiro argumentando “as máis variadas situacións para conseguilo”.

No transcurso da investigación, os gardas civís tiveron constancia da existencia de nove vítimas nas localidades de Abegondo, Arteixo, Brión, Fene, Vilagarcía de Arousa, Madrid, Sevilla e Valencia, ascendendo o importe total da estafa a 27.000 euros.

Tras a análise minuciosa da información solicitada, os responsables da investigación, lograron a identificación plena do presunto autor da mesma, resultando ser un veciño da Coruña. A Garda Civil investigou a esta persoa como presunto autor dun delito continuado de estafa, outro de branqueo de capitais e un terceiro de extorsión, ao constatar que cando algunha das prexudicadas descubría a estafa e negábase a enviar máis diñeiro, este acosábaas telefonicamente e ameazábaas con publicar fotos íntimas.

As obras de reforma da avenida de Santa Cristina (Oleiros) estarán finalizadas en maio

0

As obras da reforma integral da avenida de Santa Cristina, en Oleiros, estarán terminadas en maio “con todos os detalles”.

Así o manifestou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín Gonzalez Formoso, durante a súa visita ás mesmas, na que estivo acompañado polo alcalde deste concello, Anxo García Seoane.

“É unha revitalización de Santa Cristina que xa se necesitaba”, apuntou respecto desta actuación que contou cun investimento por parte do ente provincial de 1,7 millóns de euros e na que, segundo sinalou, “queda aínda obra importante” por facer.

Na mesma liña, García Seoane destacou que este traballo supón un “cambio total” para o municipio que, ademais, está a apostar por unha “hostalaría boa”. “Queremos calidade non cantidade”, recalcou o rexedor.

Maruxa Seijas, Republicana de Honra 2025

María del Carmen Seijas, veciña da Coruña, recibiu o recoñecemento como Republicana de Honra 2025, impulsada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH).

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu este mércores, no Palacio Municipal de María Pita, o acto institucional de recoñecemento á homenaxeada, que este venres cumpre 100 anos.

“A historia dos Seijas é a historia dun barrio que soubo manter a cabeza alta mesmo nos momentos máis escuros”, apuntou Inés Rey, nun acto con presenza tamén do presidente da CRMH da Coruña, Carlos Babío; a subdelegada do Goberno, María Rivas, representantes da corporación municipal e entidades veciñais, entre outros.

A homenaxeada foi recoñecida como símbolo da loita pola liberdade, da resistencia á ditadura e da dignidade popular. “Irmá pequena dunha familia de oito aprendeu, non só a compartir, senón a entender a vida non como algo individual senón como un camiño colectivo”, apuntou.

Cambre segue paralizado por dentro e por fóra

Non avanza o Concello de Cambre, nin sequera trala segunda dimisión na alcaldía, que se confirmará no pleno ordinario deste venres, cando María Pan Lesta deixará de ser alcaldesa.

Este mércores 9 de abril celebrábase un pleno extraordinario importante, que aproveitaron os traballadores municipais para volver concentrarse ás portas e intentar facerse oír ante o ruído político que apaga todas as demandas laborais.
Co lema “non queremos que nos usen” deixaron claro que non queren formar partido de ningún bando e que o único que queren é sentarse a negociar para acordar a recuperación de condicións e melloras cos traballadores, “que somos a forza de traballo desta entidade”, lembran.

FOTO CAMBRE- Pleno extraordinario abril
Imaxe do pleno de hoxe

Mentres, no Salón de Plenos dábase conta da parálise municipal que sofre o Concello. O voto en contra de PP, PSOE e BNG impide aprobar os orzamentos de 2025 e a nova RPT de Cambre. A aínda alcaldesa, María Pan Lesta (Unión x Cambre), propuxo a aprobación de dous asuntos “esenciais” para Cambre: os orzamentos de 2025 e a nova Relación do Posto de Traballo, unha proposta que contou co apoio sindical pero que contou con informes contrarios dos representantes nacionais da Secretaría, a Intervención e a Xefatura de Urbanismo, a Intervención e a Xefatura de Urbanismo. Ambos puntos foron rexeitados polos 11 concelleiros do PP, do PSOE e do BNG.
No caso da RPT, o punto xa nin se debateu tras rexeitar a urxencia cos votos a favor de Unión x Cambre, Alternativa dos Veciños e a concelleira non adscrita e os votos en contra de PP, PSOE e BNG.

O concelleiro de Economía, Facenda, Innovación Tecnolóxica e Seguridade da Cidade, Daniel Mallo, lembrou que levan meses traballando nas contas, e que “se realizaron reunións onde todos os grupos corporativos tiveron a oportunidade de aportar as súas propostas”. Estes encontros concluían cun orzamento de 20.885.058,19 euros “axustado á realidade e con partidas que inclúen unha modificación da RPT, unha posible carreira profesional, créditos a licitar para servizos precarios e investimentos en todas as parroquias”. Pero finalmente Cambre seguirá sen orzamento polos votos en contra de PP, PSOE e BNG, unha decisión que Mallo califica “como un voto de castigo que deixou claro que os dous proxectos e obras recollidas no documento non se podían levar a cabo”.

Pola súa parte, dende a oposición, o PSOE entende que o goberno non cumpríu “a única proposta que presentou o partido socialista en 2025: licitar os contratos de todos os servizos básicos”. Á súa vez, o PP  argumentou o seu voto en contro na “falta de consenso e de diálogo” do goberno.

Novas relacionadas

A alcaldesa de Cambre explica a súa dimisión polo “boicot de PP, PSOE e BNG”

Alternativa dos Veciños propón constituír unha comisión xestora en Cambre ante a dimisión da alcaldesa

O PSOE de Cambre sinala que a alcaldesa non asumiu “erros” e actuou de forma “partidista”

O BNG tilda de “crónica dunha morte anunciada” a dimisión da alcaldesa de Cambre

 

 

Xai hai data e artistas participantes para a xornada de Estudios Abertos

0

39 talleres artísticos da cidade participarán na nova edición da xornada Estudios Abertos. Unha cita para que a sociedade coñeza dende dentro os espazos de creación dos artistas da cidade, que se desenvolverá o domingo 11 de maio, en horario de 11.00 a 21.00 horas.

Á presentación, celebrada no Palacio Municipal de María Pita, tamén asistiron Pedro Bueno, Gosia Trebacz, Anna Franke, Noemí Penela, Luis Mazorra, Luis Rapela, Carlota Bueno, Bego Tojo, Luisa Valdés, Julia Ares, Mónica Coto, Pilar Fandiño, Laureno Vidal, Giovanni Ramírez, Sofía Cabrera e Xermán Rodríguez.

Participarán profesionais das diferentes artísticas: escultura, pintura, fotografía, ilustración, debuxo, cerámica ou multidisciplinar. O acceso para a cidadanía é gratuíto e os estudios contarán con programación propia durante toda a xornada, que incluirá a participación de artistas convidados e outras sorpresas.

O detalle de todas as actividades paralelas desta edición irase dando a coñecer nas redes sociais de Estudios Abertos e na páxina web www.coruna.gal/estudiosabertos, onde xa podedes descargar o plano.

Máis novas

Descubrindo as entrañas dos nosos artistas