Esta semana pechou as súas portas o primeiro Zara do mundo, o da rúa Juan Flórez. Inaugurouse en 1975, polo que o pasado ano 2025 celebrou o medio século con renovación e reapertura, exposicións, café e outros fastos especiais. Celebracións que rematan coa tenda pechando sen máis.
O avó non produce, eutanasia para o avó.
Esta tenda era moi concurrida por señoras, velliñas e xente de paso ó traballo, era pequena, cómoda, acolledora e abarcable para o público de máis idade, non coma os megastores e tendas insignias que son a aposta clara e única das grandes cadeas hoxe en día.
Pero as señoras non son o target de Inditex, claro está, o target son as mozas e as influencers, entón aporta ou aparta. As señoras aportan modernidade, reviews, hauls ou engagement? Non, logo aparta ás señoras, non rentan.
Este peche levoume a pensar sobre a actual mercantilización dos sentimentos e das relacións, sobre a prevalencia da economía por enriba das emocións. É tremendo iso de analizar a amizade ou a parella en termos de coste-beneficio, e máis tremendo é velo facer á xente nova. A adolescencia e a mocidade teñen que ser épocas de derroche e ruína, de erros e perdas, de deixarse levar pola paixón e o risco, non polo Excel e as matemáticas, de rir e chorar e non calcular.
Hai que apoiar á amiga que está mal e non esta persoa vitamina senón máis ben persoa fluoxetina, aínda que nos pareza que non nos aporta moito neses intres.
Non podemos deixar que a economía e o beneficio goberne as nosas vidas, porque ao final delas lembraremos os xogos cos nosos pais e nais, non o que custou a residencia de maiores, os sorrisos dos nosos fillos, non as noites sen durmir, as madrugadas bailando ata o mencer, non as baixonas do domingo.
E voltando ao peche do Zara primixenio e orixinal, Inditex ou Amancio ou Marta ou o demiúrgo corporativista están poñendo o cerebro por enriba do corazón, olvidando ás señoras e nenas que os uparon mercando rebequiñas ou conxuntiños, as adolescentes que nos Y2K mercamos a roupa para sair de festa.
E non me digades que estamos a falar dunha empresa e non unha ONG, iso xa o sei, pero os cartos lle saen polas orellas e xustamente eles poden tomar decisións sentimentais sen despeitearse. Poden pero non queren.