Inicio Blog Páxina 98

Adxudicada a execución das obras de 14 novas vivendas de promoción pública no barrio de Xuxán

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou a execución das obras dun inmoble de 14 novas vivendas de promoción pública no barrio coruñés de Xuxán. Foi a Prace Servizos e Obras S.A. O contrato, que se licitou por importe de 3,1 millóns de euros, permitirá a execución dun edificio de baixo e dúas plantas de altura na parcela Z-06 de Xuxán.

Será para destinalo a 14 vivendas de dous dormitorios, cunha superficie útil de entre 65,83 metros cadrados a 79,52 metros cadrados. Ademais, disporá de 22 prazas de aparcadoiro e 14 trasteiros. Con esta contratación, o número de vivendas de promoción pública en marcha neste barrio da Coruña alcanzan as 104 e máis de 2.000 en toda Galicia.

A Casa Cornide segue sen cumprir coa apertura ao público polo menos 4 días ao mes

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) denunciou “opacidade e inacción” por parte do Concello da cidade herculina no proceso de recuperación para o patrimonio público da Casa Cornide. Tamén reprocha “conivencia” á Xunta coa familia Franco –propietaria do inmoble– por “consentir” o incumprimento da obrigación de apertura pública e gratuíta deste edificio polo menos catro días ao mes.

Nun comunicado, no que lembra que se van a cumprir “proximamente” os dous anos da declaración desta vivenda como Ben de Interese Cultural, esixe á Xunta que, independentemente das sancións administrativas que procedan, interpoña “medidas coercitivas agravadas e mesmo penais” polo “manifesto e reiterado” incumprimento da obrigación de apertura de visita da Casa Cornide.

Do mesmo xeito, insta o consistorio coruñés a que convoque o Consello Municipal de Memoria Democrática e informe do estado real do procedemento de recuperación deste inmoble, así como da situación dos expedientes de revisión de oficio dos acordos realizados polo Concello no ano 1962 de venda e adxudicación en poxa da devandita edificación.

A este respecto, lembra que en Xunta local acordouse, o 17 de abril de 2024, instar o Goberno central a unha revisión de oficio da permuta da vivenda e propor ao pleno a revisión dos citados pactos, cuestión aprobada en maio do pasado ano. Ambas as iniciativas están sometidas ao prazo de seis meses pola lei de procedemento administrativo.

CUAC FM renova a súa web e emite o primeiro boletín realizado totalmente con IA na radio española

0

Semana importante para a familia da radio libre e comunitaria da cidade. CUAC FM estreou esta semana a súa nova web, xa lista en cuacfm.org.
A web chega da man socio e informático Fernando Souto, que xa foi quen permitira a CUAC FM ser a primeira emisora galega en ter unha App, grazas a unha subvención da Deputación da Coruña e ao traballo da empresa galega Ariseweb.
A meirande novidade, a implementación dun reproducto dende o que ver CUAC TV.

Pero a nova máis destacada que ofrece estes días a emisora, é a emisión do primeiro programa feito por Intelixencia Artificial de todo o estado. O pasado venres estreou o boletín informativo local Noticias de A Coruña, coordinado por Emilia e Marina, que compartiron coa audiencia de CUAC a súa «emoción» por este «momento histórico» na radiodifusión estatal.

A intención da entidade era facelo en galego, e mesmo usar a información do XornaldaCoruña, pero lamentablemente a nosa lingua sofre tamén a discriminación da  IA.

Concurso de bandas

Ademais, a entidade, convocou a nova edición do concurso de bandas:

Máis novas

Licitan por 26,1 millóns de euros a limpeza do Chuac e do Hospital Abente e Lago da Coruña

0

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publicou este luns no Portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación do servizo de limpeza do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) e do Hospital Abente e Lago por un importe de 26.190.453 euros.

O expediente abarca a limpeza do conxunto de dependencias de ambos os centros hospitalarios que suman unha superficie próxima aos 95.000 metros cadrados.

Con este contrato, segundo traslada, a Xunta garantirá os niveis de calidade, especialización, supervisión, coordinación e xestión deste servizo, acordes coa importancia do propio proceso de saúde que leva a cabo nestas instalacións.

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o próximo 19 de maio para presentar as súas ofertas.

Alberto Pombo e Manuel Rivas comparten o Premio Losada Diéguez

0

A edición número XL do Premio Antón Losada Diéguez, convocado polos concellos de Boborás e O Carballiño, co patrocinio da Deputación de Ourense, distinguiu as obras de Alberto Pombo e Manuel Rivas de entre os traballos publicados en 2024. Escollidos de xeito unánime, cada un dos autores recibirá un premio de 6.000 euros, ademais dunha peza do escultor Acisclo Manzano.

Alberto Pombo, profesor de literatura e promotor da iniciativa cultural “Aquí tamén se fala”, a maior campaña pola lingua exercida activamente pola mocidade, foi o gañador da modalidade de Investigación e Ensaio pola súa obra Verso e acorde. Relacións entre literatura galega e música pop (1950-2000), publicada por Edicións Xerais e que parte dunha documentada tese de doutoramento que trae á luz a relación entre a música popular (pop, rock, punk, heavy metal, bravú, música infantil) e a literatura galega.

O xurado sinalou a contribución ao coñecemento da «outra música» e destacou o tratamento da abordaxe histórica coa nova metodoloxía dos estudos culturais argumentando que: «Desprega ante o público lector a obra dunha xeración que soubo arrequecer o panorama musical do século XX desde o compromiso coa cultura de noso».

Rivas. Foto Alberto Pombo
Rivas. Foto Alberto Pombo

No caso de Manolo Rivas, flamante premio nacional de literatura, e recentemente recoñecido como Coruñés do Ano polo Circo de Artesáns, o xurado distinguiu a súa última novela, Tras do Ceo, de Edicións Xerais, como gañadora da modalidade de Creación Literaria, destacando a calidade literaria e lingüística dunha obra que, recuperando elementos xa clásicos na produción do autor, constrúe un universo narrativo absolutamente actual e pon o foco no choque entre a natureza e unha civilización que se revela como destrutora do hábitat que nos fai seres humanos.

Recoñeceron que o escritor «manexa con suma habelencia unha progresiva tensión narrativa» a partir de escenas marcadas pola desigualdade, a explotación, a violencia e a destrución, co obxectivo de provocar a reflexión no lector e de penetrar nas emocións e sentimentos máis profundos, aqueles que resultan difíciles de expresar con palabras.

Xurado

O xurado foi constituído por Diego Fernández Nogueira (concelleiro de Cultura do Carballiño que actuou como presidente), Patricia Torres (alcaldesa de Boborás), César Fernández (Deputado provincial de Cultura) Lourenzo Fernández (da Real Academia Galega); Dolores Vilavedra (do Consello da Cultura Galega); María Xosé Fernández (do Museo do Pobo Galego); e por Antonio Salgado, Benigno Salgado e Carme Fernández (coma representantes respectivos das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña, respectivamente).

Máis novas

Alberto Pombo teceu pontes na Barbería entre a música pop e a literaruta galega

Por que o #Aquítaménsefala trascende o IES Rafael Dieste

Manuel Rivas estrea o premio Coruñés do Ano do Circo de Artesáns

Persoal das auxiliares de Inditex mobilízase por unhas condicións salariais dignas

0

Nova concentración por problemas laborais arredor do imperio Inditex, demostrando as diferencias de trato entre os diferentes colectivos laborais. Desta volta, foi o persoal de Sodexo (responsable dos comedores), Samsic (da limpeza) e Veolia (do mantemento), tres das principais contratas de Inditex que aglutinan a unhas 300 persoas, o que se concentrou este venres diante de sede da multinacional para reclamar condicións salariais dignas e defender os seus dereitos.

A protesta prodúcese no marco da renovación dos acordos de melloras que operan nestas contratas, que prestan servizos imprescimdibles para o funcionamento diario das instalacións de Inditex en Sabón.

Roberto Pérez, secretario comarcal da CIG-Servizos da Coruña, explica que nun primeiro momento tentouse unha negociación conxunta con todas as contratras, pero as empresas pecháronse en banda a esta posibilidade. As negociacións, xa que logo, desenvólvense por separado con cada auxiliar pero as melloras salariais que ofrecen “son ridículas”.

Diante disto, o persoal acordou mobilizarse diante de Inditex, xa que é para a multinacional para quen prestan servizos e é Inditex quen determina os orzamentos das súas contratas. “Cando Inditex presenta as contas presume que a media do salario na compañía é moi elevada, pero non ten en conta os salarios de todo o persoal que está nestas contratas”, subliña Pérez.

Concentracion_Auxiliares_Inditex_2025 2

Apunta que o traballo que realizan as traballadoras e traballadores destas empresas está externalizado co único obxectivo de precarizar as condicións e abaratar custos salariais, porque as tarefas que fan “son imprescindíbeis para que as instalacións abran cada día”.

Por iso, “nun contexto de beneficios mil millonarios e en constante expansión do grupo Inditex, as traballadoras e traballadores das auxiliares non están en disposición de asumir unhas condicións laborais e salariais de precariedade, como evidenciou a alta participación na concentración deste venres”.
“Merecemos chegar a fin de mes. Non pedimos máis que un salario e condicións acordes coa gran empresa para a que traballamos”, aseveraron. E neste sentido, de non producírense avances substanciais na negociación, as asembleas de persoal xa abordaron a posibilidade ir a unha convocatoria de folga.

Máis novas

Dereito de rodada

A Xunta deixa en mans do Goberno Central as axudas aos mariscadores do Burgo

1

Reuníanse os representantes da Confraría, os mariscadores da Ría do Burgo e os sindicatos coa a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, para intentar avanzar na aprobación de axudas ata que os bivalvos acaden tamaño comercial e sexa posible retomar a actividade marisqueira na zona.

Pero se atoparon cunha postura firme da Consellería do Mar, que segue poñendo a pelota no tellado do goberno central, ao que acusa de facer unha “fuxida para adiante” e non asumir as consecuencias da “chapuza” da dragaxe da ría, deixando nunha situación moi grave a 70 familias.

A realidade é que o informe elaborado pola asistencia técnica da confraría sinala numerosas deficiencias na execución da obra que sinala que 24 dos 27 bancos marisqueiros quedaron en peor estado respecto ao inicio dos traballos.

A representante autonómica subliñou que a situación actual non é froito de actuacións de rexeneración da ría (limpeza, traslado o sementado) senón que a causa da paralización da actividade marisqueira é unha dragaxe, “que nada ten que ver co anterior”. Ademais, recalcou que o cese da actividade abarca ata que o bivalvo poda ser extraído con talla comercial, “algo que non parecen comprender en Madrid”.

Deste xeito, o Goberno galego lembrou que a súa única acción foi o envío unha carta á Secretaría de Estado de Medio Ambiente a finais de xaneiro reclamando o abono das compensacións aos profesionais afectados pola obra sen recibir resposta algunha ata hoxe.

 

 

Richi Casás: “Rosa e Adolfina non teñen nada de especial, iso é o importante”

– “Que teñen de especial Rosa e Adolfina, escollidas como as principais homenaxeadas polo Día das Letras Galegas?”

– “Pois non teñen nada de especial, e precisamente iso é o importante. Eran dúas das milleiros de mulleres que gardaron a nosa tradición a carón do lume”.

Quen fala así é Richi Casás, neto e sobriño destas dúas mulleres que simbolizan aos milleiros de cantareiras que recoñece este ano o país no Día das Letras Galegas, xunto coa muxiá Eva Castiñeira,, ou as Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños).

O seu libro, “Fuliada da Vila” sobre as Rosa e Adolfina Casás Rama (tía e sobriña do lugar de Vila da Igrexa, en Cerceda) foi a porta aberta para que as administracións lle puxesen un nome a todas esas mulleres anónimas que mantiveron a tradición oral viva ata os nosos días.

Rosa e Adolfina foron dúas das máis de 500 voces que recolleu Dorothe Schubart (non podedes perdervos o documental “Dorothe na vila”, dispoñble en Filmin e tamén en aberto en Vimeo), a musicóloga suíza que percorreu Galicia durante os anos 80, para crear, coa axuda do catedrático Antón Santamarina, o “Cancioneiro Popular Galego”, un dos tesouros do patrimonio inmaterial máis valiosos e infravalorados do noso país.

“Cantos ancestrais”

Porque como explica Richi (mestre no CEIP de Teixeiro, músico, escritor, compositor, lenda do bravú e do mundo da música tradicional, e actual membro da Orquestra Bravú Xangai, entre outras bandas), con tanta humildade como sabedoría, na marea de obradoiros que está ofrecendo estes meses previos aos 17 de maio, “Galicia foi un dos últimos lugares en toda Europa onde se mantiveron os cantos ancentrais, que ía buscando Dorothe”. A pobreza que viviron os nosos maiores fixo que as noites arredor da lareira cantando e bailando (e xogando ás cartas) durasen séculos.

Eran nesas comunidades, neses ambientes familiares, onde as mulleres, despois de traballar todo o día no campo ou nas casas dos ricos, lanzaban as súas voces e algún aparello da cociña convertido en instrumento (milleiros de mulleres aprenderon a tocar a pandeireta cos míticos pratos de porcelana que hoxe son exemplo da moda vintaxe de Ibili) para se divertir.

Mentres, no resto de Europa, a chegada a finais do século XIX de instrumentos como o acordeón foi acabando coas cantigas, un proceso que á Galicia rural non chegaría ata ben entrada a segunda metade do século XX. De feito, só lugares como Mens, onde preferían as cantigas e as pandeiretas á gaita, acabáronse gardando estes tesouros tradicionais ata as recollidas de Alan Lomax nos anos 60 ou de Schubart.

Xeración túnel

Precisamente a perda de comunidades, deses ambientes nos que se cantaba, cando comezou a segunda tanda da emigración galega xa principalmente a países europeos, ou ás cidades, provocou que as lareiras das aldeas se apagasen e con elas as cantigas. É o que alcuma Casás como “xeración túnel”, facendo unha relación co túnel de Vila da Igrexa. Un túnel para a vía do tren que construíron coas súas mans mulleres como Rosa e Adolfina, toda unha xeración que, con todas as precariedades que sufrían, crearon a base de esforzo, un mundo novo para os seus fillos.

Fillos, que en todo caso, tiveron que coller ese mesmo tren para emigrar a Suiza, como fixo o propio Antonio, fillo de Rosa e pai de Richi. Fillos que marcharon a lugares onde toda a infancia que viviran desaparecera ata o punto de que a borraron da súa memoria.

”Somos agora a xeración dos 80-90, os fillos deses fillos que saíron das aldeas para o mundo, os que tratamos de recupear eses espazos, esas comunidades”, sinala explicando a súa benquerencia por esa toda esa riqueza cultural tradicional, patrimonial e etnográfica.

CCG_adg_Casas_Rama_Rosa e Adolfina_010
Rosa con Richi nunha foto do arquivo familiar rescatada do Consello da Cultura Galega

Como ademais sabe moi ben como trasmitila, o obradoiro celebrado onte no CEIP Torre de Hércules, coordinado pola ANPA Monte Vixía e no marco do programa anual do centro arredos das festas populares, a tradición apréndese practicando, e as familias acabaron bailando e cantando unha muiñeira e un fermoso canto de Nadal, quecendo motores xa para o maio das Letras.

Richi Casas botando un canto de nadal coas familias da ANPA do CEIP Torre de Hercules
Richi Casas botando un canto de nadal coas familias da ANPA do CEIP Torre de Hércules

Máis novas

Monte Alto tamén recupera o Entroido de Samede

As historias das loitas das traballadoras da Coruña: “Non Calarás non é unha exposición máis”

A Xunta esixe ao Estado compensacións polo dragado da Ría do Burgo

0

A Xunta de Galicia reclamou esta semana ao Goberno central que asuma a súa responsabilidade polos efectos do dragado da Ría do Burgo, unha actuación que, segundo a Consellería do Mar, deixou a maioría dos bancos marisqueiros “en peor estado” do que estaban antes das obras. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, trasladou esta demanda nun encontro con representantes da confraría local, no que non participou ningunha autoridade do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Villaverde lamentou a “falta de sensibilidade” e a “ausencia de respostas” por parte da Secretaría de Estado de Medio Ambiente, á que a Xunta dirixira unha carta a finais de xaneiro solicitando o pago de compensacións ás 70 familias afectadas pola paralización da actividade marisqueira. Segundo explicou, o informe técnico da confraría detecta múltiples deficiencias na execución das obras, entre elas alteracións da batimetría, redución das zonas produtivas e danos provocados pola maquinaria pesada.

A situación afecta especialmente aos 24 bancos de marisqueo á boia e a 20 dos 23 bancos a pé, o que, segundo a Xunta, compromete gravemente a continuidade da actividade e deixa ás persoas mariscadoras nun escenario de “incerteza económica e laboral”. A administración autonómica defende que o Estado debe asumir os custos derivados da inactividade ata que os bivalvos recuperen o tamaño comercial, como establece a declaración de impacto ambiental.

CRÍTICAS AO PROXECTO DE DECRETO SOBRE MENÚS ESCOLARES

Nun tema relacionado co sector pesqueiro, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, expresou o seu rexeitamento ao proxecto de decreto de Seguridade Alimentaria do Goberno estatal, que prevé limitar a unha ración semanal de peixe nos menús escolares. Durante unha visita ao CEIP Vos Tilos de Teo, no marco da campaña ‘Galicia Sabe AMAR’, Villares tachou a medida de “novo ataque á pesca galega” e advertiu que contradí as recomendacións da Organización Mundial da Saúde.

O conselleiro tamén criticou a negativa do Executivo central a reducir o IVE dos produtos pesqueiros, en contraste coa política doutros países europeos. Fronte a isto, destacou que as campañas da Xunta conseguiron incrementar o consumo de peixe e marisco nun 6 % durante o ano 2024, e anunciou que se están a deseñar novas iniciativas para fomentar o consumo entre a mocidade, co obxectivo de promover hábitos saudables e reforzar un sector clave para Galicia.