Inicio Blog Páxina 97

O Concello de Oleiros gaña o litixio xudicial contra o lobby sionista israelí

Xa é definitivo o triunfo xudicial do Concello de Oleiros ante a organización sionista Acción y Comunicación sobre Oriente Medio (ACOM). Así o anuncia o Concello, unha vez que recibiu a sentenza firme do Xulgado do Contencioso Administrativo número 4 da Coruña que desestimou integramente o recurso do lobby israelí.

A organización pretendía censurar a campaña informativa levada a cabo polo Concello en 2024 nos paneis luminosos, onde se amosaba unha imaxe de Benjamin Netanyahu xunto á de Adolf Hitler baixo o lema “MESMAS BESTAS ASASINAS”. O obxectivo daquela acción era denunciar o xenocidio que o Goberno de Israel está a cometer contra o pobo palestino.

A xustiza, agora de xeito firme, ampara a actuación do Concello de Oleiros en base ao dereito fundamental á liberdade de expresión e á crítica política recollidos na Constitución española. Ademais, a resolución mantén a obriga para o lobby israelí de facer fronte ao pago de todas as costas xudiciais.

“Malia as presións recibidas, incluídas as ameazas veladas vertidas no seu día pola embaixada de Israel contra o alcalde, esta resolución xudicial reforza a traxectoria de décadas do Concello de Oleiros en defensa da liberdade de Palestina. O Goberno municipal continuará coas súas campañas de sensibilización, programas de cooperación e actos oficiais para denunciar o atroz xenocidio perpetrado polo Goberno de Israel, reafirmando o seu compromiso inquebrantable coa paz e os dereitos humanos”, sinala o Concello nun comunicado.

O Concello de Oleiros gaña nos xulgados a un lobby israelí que pretendía censurar a información dos paneis luminosos

Miguel Lorenzo convirte en promesa electoral derogar a declaración de zona tensionada de aluguer

Organizou esta mañá o Partido Popular da Coruña un encontro con representantes do sector da vivenda. 

No acto, o voceiro municipal Lorenzo comprometeuse a derogar a declaración de zona tensionada “no minuto un se son Alcalde” para “así aumentar o parque de aluguer de vivendas”, argumentou. Apurou que o seu goberno tamén  apoiaría “medidas como poñer a disposición todo o solo municipal posible para construír vivendas, axilizar as licenzas municipais e que se poida facer un seguimento online da súa tramitación, axudas para que a compra ou o aluguer sexa alcanzable, incrementar as subvencións para rehabilitar e executalas ou un plan municipal de incentivos para vivendas baleiras”.

“Hai outra forma de gobernar para axudar ás persoas a desenvolver os seus proxectos vitais nunha vivenda digna e alcanzable. Necesitamos facer da Coruña unha cidade na que os nosos mozos queden e debemos ser unha cidade na que as familias traballadoras poidan asumir unha renda dunha vivenda digna e alcanzable” , sinalou o Popular.

Máis novas

A Coruña presume de “conter” o aluguer na cidade tras aplicar a zona tensionada

O PP cualifica de “fracaso” a declaración da Coruña como mercado tensionado de aluguer

Inés Rey defende que a suba do alugueiro se “contén” na Coruña tras seis meses como zona tensionada

A UDC aproba o incremento de prazas en cinco graos para o vindeiro curso académico

0

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña (UDC) deu luz verde á proposta de límites de acceso para o curso 2026/27, cunha clara aposta por reforzar a súa oferta académica. A institución prevé incrementar en 54 o número de prazas dispoñibles nun total de cinco titulacións de grao, elevando a cifra global ata as 3.428 vacantes distribuídas en 55 graos diferentes. Segundo informou o reitorado, este axuste responde á necesidade de adaptar a capacidade dos centros á demanda crecente en áreas técnicas e científicas.

Entre os graos que verán ampliado o seu cupo destaca Arquitectura Técnica, que suma 25 novas prazas para pasar de 50 a 75. Pola súa banda, o grao en Bioloxía contará con sete prazas máis, alcanzando as 70, mentres que Ciencia e Enxeñaría de Datos subirá ata as 60 vacantes coa incorporación de cinco novos postos. Finalmente, o grao en Relacións Internacionais tamén incrementará a súa oferta en sete prazas, situándose nun total de 30 para o vindeiro curso.

No ámbito do posgrao, a UDC manexa un total de 79 solicitudes de máster, incluíndo dous de nova implantación, co obxectivo de achegarse á barreira das 1.800 prazas totais. Para logralo, solicitouse á Secretaría Xeral de Universidades un aumento de 32 prazas repartidas en catro titulacións: Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria, Planificación e Xestión de Destinos Turísticos, Informática Industrial e Robótica, e Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable.

Doutra banda, o reitor Ricardo Cao informou sobre o calendario electoral da institución, adaptado xa aos novos estatutos. Neste sentido, o procedemento para elixir as direccións dos centros de investigación xa está en marcha, estando fixada a xornada de votación para o vindeiro 13 de febreiro. Este movemento busca consolidar a estrutura organizativa dos polos científicos da universidade coruñesa.

Unha doutora recoñece un acceso “asistencial” ao historial dunha compañeira pero nega os feitos imputados

0

Unha doutora acusada de acceder “sen coñecemento nin consentimento” ao historial clínico dunha compañeira en dúas ocasións, en 2015 e 2016, recoñeceu este mércores na Audiencia Provincial da Coruña entrar nunha ocasión no expediente da denunciante, pero cunha “finalidade asistencial” e nunha data distinta ás sinaladas. Segundo a procesada, o acceso produciuse en 2010 porque a súa compañeira “estaba moi malita cando pariu” e fíxoo coa intención de “vixiar que facían os obstetras”, subliñando que nese momento mantiñan unha “boa relación”.

En relación aos accesos que se lle imputan, a facultativa negou calquera entrada nos anos citados e apuntou á posibilidade de que outra persoa puidese usar as súas credenciais. “Eu móvome moito en consulta e nese tempo non tiña o coidado de retirar o cartón”, alegou a defensa. Pola contra, a denunciante asegurou en sala que o feito de que se revisase o seu historial lle provocou unha “profunda angustia”, xa que contiña datos moi sensibles sobre problemas emocionais e información referente á súa filla menor e ao seu marido. Segundo a muller, a relación entre ambas rompera por “desavinzas respecto das gardas”.

PROFUNDA ANGUSTIA

Na vista tamén declararon outros facultativos do mesmo servizo, quen admitiron un certo laxismo na custodia das claves informáticas. Explicaron que comparten recursos e que é habitual “deixar os cartóns metidos coa sesión iniciada” ao ir tomar un café ou ao baño, e mesmo que os adxuntos cedan o seu cartón aos residentes. Este argumento reforza a tese da defensa sobre a falta de control rigoroso do sistema nese período, o que podería permitir que terceiros usasen o contrasinal da acusada.

CÓDIGO PERSOAL

O escrito fiscal sinala que, aínda que se usaron as credenciais da doutora, non se puido acreditar o contido ao que se accedeu nin que se causase un prexuízo concreto á denunciante. O Ministerio Público mantén que o Código Penal non sanciona o mero acceso ao ficheiro, senón o acceso ao dato con intención de causar dano ou a súa divulgación, algo que non quedou probado. Por este motivo, a Fiscalía solicitou a libre absolución da procesada, apelando ao sentido común e á falta de probas de que a información fose comunicada a terceiros.

PETICIÓN DE CONDENA

En contraposición á postura fiscal, a acusación particular elevou a súa petición a tres anos e medio de prisión e dez anos de inhabilitación completa, ademais dunha indemnización de 18.000 euros. O letrado da denunciante insistiu en que o feito de que a acusada recoñecese un acceso previo en 2010 demostra a súa “facilidade para introducirse en historias clínicas alleas”, especialmente na da prexudicada, e considera que a intromisión na intimidade debe ser castigada de forma exemplar.

O Agra no Ágora estrea o documental que narra a historia de César Morán contada por Borja Casal

0

Este sábado 7 de febreiro, no marco do programa “Agra no Ágora” da AVV Agra, preséntase o documental “Todo pode esperar” de Borja Casal sobre César Morán, unha historia de amor pola música ao longo de toda unha vida.

César Morán é un profesor de Lingua e Literatura xubilado que hai 50 anos intentou facer carreira como cantautor. A vida non lle permitiu facelo. Non puido vivir da música, pero conseguiu algo máis importante: vivir sempre preto dela. Agora, con 70 anos, vai gravar o seu primeiro disco con músicas e letras propias, Todo pode esperar, que dá nome a este documental, é o título dunha delas.

Borja Casal (director e guionista) é un xornalista que actualmente desenvolve proxectos audiovisuais. Ten participado en programas como Cos pés na terra ou Historias de aquí e codirixiu Recollendo músicas (Mellor Programa nos Mestre Mateo 2025). No ano 2025 obtivo o I Premio José Gil polo seu proxecto Todo pode esperar.

Neste proxecto fai equipo con Laura Pazienza (dirección de produción), Diego Guerrero (guionista), Marcos Estebo (director de fotografía), Adolfo Fernández (montaxe) e Fernando Rouco (son).

O documental está dividido en capítulos, cada un co nome dunha canción súa que explica a súa vida: Bolboretiña real, Volvo a Galiza, Sonho imposível, Estación e Agora si.

Denuncian un novo colapso do reparto postal en Correos pola falta de contratación

0

Non descansa o plantel de Correos. Xusto un ano despois da “histórica folga”, a CIG-Correos volve denuciar “a grave situación que está a atravesar o servizo postal na cidade da Coruña, onde a falta de persoal está a provocar un colapso xeral no reparto de correspondencia e notificacións administrativas”.

Para a CIG é clave “a política de contratación cero que aplica Correos”, provocando que “as unidades de reparto estean baixo mínimos, deteriorando de maneira alarmante a calidade dun servizo público esencial”, en canto á redución de horarios de atención, e de acumulación de envíos non completados.

Na Mariña

Un dos casos máis preocupantes é o da Unidade de Reparto situada na zona da Mariña. Dun cadro composto por 39 traballadores e traballadoras, no día de hoxe só están operativas 20 persoas, “o que supón que a unidade funciona apenas co 50% do persoal necesario. Esta situación non é puntual, senón consecuencia dunha perda continuada de efectivos ao longo dos anos por xubilacións que non son substituídas”, advirte a CIG-Correos. Na actualidade existen 11 postos estruturais sen cubrir, aos que se suman 8 traballadores e traballadoras que se atopan de baixa médica ou gozando de permisos vacacionais.

A representación da CIG subliña que as consecuencias desta falta de persoal son xa moi visíbeis, coa acumulación nesta unidade de preto de 11.000 cartas sen repartir e máis de 3.000 notificacións administrativas pendentes de distribución.

Na rúa Entrepeñas

Como xa aconteceu o pasado mes de setembro,  redución de persoal derivada dos recortes aplicados por Correos está a provocar unha acumulación masiva de envíos. Nesta oficina hai máis de 14.000 envíos ordinarios sen repartir e arredor de 2.500 notificacións administrativas pendentes.

 

“Desde a CIG-Correos denunciamos que a empresa non está a tomar medidas para garantir a calidade do servizo. Non se cobren as ausencias do persoal, non se substitúen as xubilacións e non se reforzan os cadros de persoal malia a sobrecarga de traballo existente. Esta xestión está a trasladar o peso do servizo público a un persoal insuficiente, sometido a unha presión constante, mentres a veciñanza da Coruña sofre as consecuencias da falta de reparto”, critican.

Máis novas

Máis de 35.000 cartas sen repartir: A “insostible” situación de Correos na Coruña

O persoal de Correos manifestou na Delegación do Goberno o seu malestar pola intención de reducir o persoal

Os traballador@s de Correos protagonizan unha “folga histórica”

O Concello da Coruña actualiza a ordenanza de terrazas tras o auxe provocado pola pandemia

0

O Concello da Coruña aprobou, en Xunta de Goberno local, a nova ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas en espazo de dominio público ou uso público. O texto actualiza o marco regulador para adaptalo á nova realidade estrutural do sector hostaleiro, que nos últimos anos, subliña o goberno local, experimentou un auxe significativo no número de terrazas, sobre todo pola pandemia.

A ordenanza irá proximamente a pleno para seguir o proceso cara á súa aprobación definitiva e entrada en vigor, avanza o consistorio tras a Xunta de Goberno. Os obxectivos principais da iniciativa, engade, son “garantir a través da acción regulatoria o respecto a cuestións como o descanso dos veciños en zonas saturadas polo ruído, os criterios de harmonía estética de lugares emblemáticos ou a integridade arquitectónica de áreas con protección especial como as protexidas polo PEPRI”.

Comezaron as obras do tramo de paseo marítimo da ría do Burgo no Paraíso

0

Onte comezaron as obras do segundo treito do Paseo da Ría que quedaran sen rematar coas obras do dragado.
Trátase dun segmento na zona do Paraíso que conecta Beiramar co novo paseo que resultou da restauración da desembocadura do río do Seixo.

O Ministerio de Transición Ecolóxica, que inicialmente non ía abordar esta obra, cambiou de postura tras as insistentes demandas do Concello. Tal e como se denunciou en repetidas ocasións por parte do alcalde, non se podía deixar o paseo construído sen conexións a ambos lados.

No extremo do Seixo e O Graxal as obras comezaron a finais do pasado ano. Neste outro tramo que se inicia hoxe o investimento será de 556.000 euros.

As dúas obras en marcha darán como resultado a absoluta conectividade peonil e ciclista en boas condicións de accesibilidade e seguridade de toda a ría, entre os concellos da Coruña, Culleredo, Cambre e Oleiros. Ábrense así grandes posibilidades para os desprazamentos a pé ou en bicicleta para darlle toda a volt á ría, un dos paseos máis doados e fermosos da área metropolitana.

O paseo da ría do Burgo entre Oleiros e Cambre quedará conectado en 2026

Tecendo tapabocas á espera das accións da Xunta e do Concello nos frescos de Lugrís…

Simbólica acción a que realizaron o colectivo lugrisán In Nave Civitas e a asociación cultural O Mural este pasado sábado na diante do nº25 da rúa Olmos. Baixo o lema “Penélope Fingal agardando o Concello”, puxéronse a tecer uns tapabocas facendo tempo mentres agardaban a súa intervención para salvar os frescos de Urbano Lugrís. Porque parece que as accións da Xunta e do Concello van para longo…

Explican que “Lugrís asinou algunhas das súas obras como Ulises Fingal e os seus seareiros asumen o triste rol da súa esposa para agardar que as administracións cumplan coas suas obrigas e salven xa os frescos que Urbano Lugrís pintou na rúa Olmos”.

O Colectivo envioulle estes días as bufandas tanto á alcaldesa Inés Rey como ao Conselleiro de Cultura, José López Campos, acompañados dos primeiros versos da Penelopea, “o poema épico que pode rematar en tráxico se Xunta e Concello seguen, por sexto ano, eludindo as súas responsabilidades para salvar esta obra senlleira da pintura mural ibérica”.

BUFANDA Tapabocas para Ines REY GARCIA

Os versos dín así:

A Penelopea

Canta, ou deusa,
a triste historia de Penélope
que agarda tecendo por días sen número
a decisión de Xunta e Concello
de salvar os frescos de Olmos
para ter, como é seu dereito,
acceso á beleza que naceu das mans
do seu naútico esposo, Ulises Fingal.

Ulises partiu ao azul inframundo
deixando na terra pra o noso desfrute
táboas e murais, de míticos soños
que esquecidos por todas aquí e acolá
son reivindicados pola tola viúva
que hoxe aquí vedes tecendo sen pausa
para demostrar como pasa o tempo
de agarda a que as súas excelencias
decidan cumprir todas as promesas.

A choiva que molla a urdimbre tecida
e os lacios cabelos color da avelá
enchoupa tamén e manca sen trégoa
as doce pinturas dos fondos mariños
que dentro do inmoble queren resistir
malia neglixencia, cegueira e desleixo
deses responsábeis que non saben máis
que saír na prensa, de Pascoas á Ramos,
para anunciar ben alto o que non farán.

Altos maxistrados xordos, cegos, bobos
que agardan sentados aque Eolo e Zeus
rematen con todo, derruben a casa
e deixen un solar na entrada de Olmos
onde urbanizar ceibo de as normas
e cobrar o imposto e mesmo comisión.

Mirade a viúva que nunca se rende
mirade á viúva que xamais desiste
e sabed, señoras, que o que hoxe aquí vedes
non é máis que a teimuda forza dunha poesía
que chama por nós para ser mellores
e coidar o pouco que queda de bo
nestas rúas tristes cheas de turistas.

Máis novas

Piden accións concretas para salvagardar os murais de Lugrís da rúa Olmos

As doce obras dos murais de Lugrís na rúa Olmos, declaradas definitivamente BIC

O Mural advirte que a inactividade da Xunta e Concello causa máis danos nos Murais de Lugrís do Olmo

As choqueiras Isa e Bego, protagonistas do Antroido da Coruña 2026

0

Presentouse esta mañá a programación municipal dedicada ao Entroido neste 2026 na cidade da Coruña. Un programa que comezará o día 7 e que pon de protagonistas a dúas das choqueiras máis divertidas da cidade, como son Bego e Isa, “As Toliñas”.

Elas son Begoña Mosquera, docente no CEIP Curros Enríquez, natural de Monte Alto e sobriña doutro personaxe mítico do entroido coruñés, Canzobre, e Isabel Sánchez, que rexenta un comercio na zona de Orillamar. Disfrázanse de choqueiras desde os 12 anos e teñen un amplo repertorio de disfraces, como axentes tributarios ou xuíces, ademais das personaxes das choqueiras.

O programa

O programa comezará o sábado, día 7, e terminará o 21 de febreiro. O primeiro día o Palacio da Ópera acollerá, a partir das 18.00 horas, un concurso de comparsas das coplas, na modalidade de música e letra, nunha gala dirixida por David Amor.
A gañadora actuará no acto de entronización do Deus Momo o venres, día 13, neste caso no Campo da Leña e na atalaia de San Roque, debido ás obras nos Cantóns.

O concurso de comparssas na modalidade de vestiario, coreografía, orixinalidade e carrozas será o 14 de febreiro, a partir das 18.00 horas. En total, hai 22 comparsas e agrupacións inscritas no desfile e outro oito que participarán no concurso de música e letra deste sábado.

O xoves 12 farase tamén unha homenaxe a Ángeles Alvariño o Xoves de Comadres, cun acto no Arquivo Histórico Municipal de Durán Loriga que lembrará a figura da recoñecida científica.

Todo iso con propostas no Castelo de San Antón e tamén en centros cívicos para os máis pequenos, ademais de concursos de disfraces de choqueiros e choqueiras.

O Entroido dos barrios

s Centros Cívicos de todos os barrios acollerán obradoiros infantís e festas de disfraces do 13 ao 16 de febreiro. A inscrición a partir deste mércores 4 nos propios centros.

O Martes de Entroido será o día forte será o Martes de Antroido, coa programación concentrada no Campo da Leña e na Rúa da Torre, onde se celebrarán os tradicionais concursos de disfraces e choqueiros e choqueiras, tanto na modalidade infantil como para adultos. Haberá, ademais, unha actuación musical de Chekan ás 21.00 horas para pechar a xornada na rúa da Torre.

Tamén o martes de Antroido Isa e Bego serán protagonistas coa colocación da súa placa de choqueira do ano na rúa de San Xosé, nun acto que se celebrará ás 13.30 horas. Este ano, o Andar do Antroido renderá homenaxe aos Kilomberos de Monte Alto coa colocación dunha nova lousa na súa honra na contorna das rúas da Torre, San Xosé e San Xoán.
Como todos os anos, o Antroido coruñés renderá homenaxe ás súas figuras máis importantes, como Nito, Cantero, Canzobre ou Palau. Tamén se celebrarán distintos concursos de filloas e orellas.

De novo, o Circo de Artesáns será lugar onde se vele á sardiña, que o mércores 18 será levada en procesión ata San Amaro para poñer fin ás celebracións.

Cartel Antroido Coruna 2026

Máis novas

Dicionario Antroideiro (I): Momento Coruñento

Dicionario antroideiro coruñés (II) A chistera marabillosa do señor Canzobre

O Martes de Choqueiros do Entroido de Monte Alto segue medrando

Os Maracos xa teñen a súa lousa no Andar do Antroido da rúa da Torre

O Entroido de Samede revive o rural