Inicio Blog Páxina 96

Os traballadores de Losán saen á rúa na Coruña e en Madrid para esixir salarios pendentes e un plan que salve o emprego

0

Traballadores e traballadoras de Industrias Losán concentráronse este xoves, ante a Delegación do Goberno en Galicia, en demanda dun plan industrial que garanta a continuidade do emprego e da actividade produtiva.

Outra grupo dun centenar de traballadores desprazáronse a Madrid para asistir á convocatoria, por parte de CCOO, dunha concentración ante a sede da SEPI para esixir solucións inmediatas á crítica situación que vive o grupo empresarial, do que dependen unhas 700 familias de maneira directa.

Ao berro de «basta de non cobrar, queremos traballar», o persoal das plantas de Curtis e Vilasantar e dos servizos centrais da Coruña, xunto cos compañeiros do resto de centros, reclamaron que o Ministerio de Facenda —de quen depende a SEPI—, e os Gobernos de Galicia, Castilla-León e Castilla-La Mancha senten na mesa cos acredores para buscar unha solución, con outra propiedade ou intervindo a actual.

«Losán non paga, e ninguén fai nada!» ou «Facenda dá a cara, a xente está cansada» foron algunhas das consignas coreadas polo persoal, que leva xa catro nóminas sen cobrar. As persoas traballadoras de Galicia partiron ás 3:00 da madrugada para poder estar na capital do Estado loitando polo seu futuro.

Imaxes da concentración de Losan en Madrid
Imaxes da concentración de Losan en Madrid

Unhas concentracións que, segundo a CIG, serven tamén para reclamar o cobro inmediato dos seus salarios “pois neste momento a empresa débelle a todo o persoal as nóminas de novembro, decembro e xaneiro e a paga extraordinaria de Nadal“.

Ao fío diso, explica que a situación nas factorías é cada vez “máis insustentable” para os traballadores e traballadoras que enfrontan, engade, “serias dificultades económicas e unha permanente incerteza do seu futuro”. Dentro do calendario de mobilizacións acordado entre os distintos comités, este xoves realizáronse accións de protesta simultánea para demandar a implicación activa da administración estatal, principalmente a SEPI, “ante a incapacidade da empresa de saír da situación”, engade.

O presidente do comité de Industrias Losán de Curtis, Xosé Anxo Sánchez (CIG), instou á SEPI a que esixa un plan industrial que garanta a carga de traballo e que asegure o mantemento do emprego, uns 200 postos directos en Galicia e máis de 800 no conxunto do Estado. O próximo 12 de febreiro, o persoal convocou unha mobilización ante a Consellería de Industria en San Caetano, en Santiago de Compostela, para demandar tamén a implicación da Xunta.

O Banco Solidario de Agaela e Culleredo para facilitar unha dependencia menos custosa a 60 familias

0

Interesantísima a proposta do Banco Solidario de Produtos de Apoio, posto en marcha pola asociación Agaela e o Concello de Culleredo. Trátase dun recurso para prestan, de maneira gratuíta, medidas técnicas de apoio ás persoas e familias, tales como: adaptacións articuladas, guindastres de traslado, cadeiras de ducha, colchóns e coxíns antiescaras, camas de baño, entre outros.

Boa parte das persoas que acceden á iniciativa proceden dos servizos sociais municipais. En concreto, en 2025 realizáronse 60 préstamos a familias cullerdenses en situación de dependencia. No conxunto de Galicia, o Banco realizou o ano pasado un total de 313 préstamos.

A concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa, visitou hoxe o Banco xunto con responsables de Agaela e técnicos municipais. A edila agradeceu a labor e anima a colaborar ademais co Banco con achega de material, xa que se reciben doazóns de institucións públicas e privadas e tamén de familias cullerdenses, de maneira que se favorece a reciclaxe e a economía circular, dándolle unha segunda vida a eses produtos que xa non están a ser utilizados.

Na actualidade conta con 600 produtos de apoio. Tanto para doar como para solicitar, Agaela conta co teléfono 660 532 298 ou mail info@agaela.es.

AGAELA

AGAELA, Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica, é unha organización sen ánimo de lucro, rexistrada en Culleredo no ano 2017. Opera en toda Galicia co obxectivo de loitar por visibilizar a enfermidade e as necesidades de quen padece unha ELA; así como mellorar e manter a súa calidade de vida.

A Asociación atende anualmente a máis de 150 familias, unha cifra que aumenta ano tras ano. Actualmente conta con 686 persoas colaboradoras e asociadas. Entre os servizos que ofrece a entidade destacan os de información e orientación sobre a enfermidade; seguimento periódico e individualizado a usuarios con ELA, coidadores e familiares; e orientación para a mellora da accesibilidade no fogar.

Ademais, a entidade, brinda apoio social na xestión de recursos, como a solicitude de incapacidade laboral, discapacidade, dependencia e outras prestacións sociais relevantes. Conta tamén coa opción de acceder a tratamentos rehabilitadores: fisioterapia manual e respiratoria, logopedia, terapia ocupacional e psicolóxica.

 

Levan á Valedora do Pobo o “retroceso histórico” que supón a supresión do subsidio de excarceración

0

O subsidio de excarceración foi creado en 1995 co obxectivo de facilitar a transición á vida en liberdade das persoas excarceradas, ofrecendo un apoio económico temporal orientado a evitar a exclusión e reducir o risco de reincidencia. Esta prestación recoñecía expresamente as dificultades específicas deste colectivo para acceder ao emprego e aos recursos básicos tras cumprir a condena, actuando como ponte entre a prisión e a inserción social e laboral. Durante 3 décadas foi un alicerce principal para que as persoas contasen cun ingreso básico nada máis rematar a súa condena que lles permitise unha lixeira independencia ata conseguir un emprego.

Porén, a entrada en vigor do Real Decreto-lei 2/2024, o 1 de novembro de 2024, supuxo a eliminación desta axuda e a súa integración no réxime do Ingreso Mínimo Vital (INV) unha prestación de carácter xeral dirixida a previr situacións de pobreza e exclusión social, pero que non ten en conta a especificidade do proceso de excarceración. Trátase dunha modificación de alcance estatal que, segundo o informe presentado, xera un baleiro de protección nas primeiras semanas en liberdade, un período especialmente crítico no que se incrementa o risco de exclusión social e de reincidencia.

“Esta medida é retroceso social histórico no ámbito da reinserción penitenciaria”, entenden dende a Fundación Érguete-Integración, que presentou esta mañá, ante a Valedora do Pobo, en Santiago de Compostela, o informe “Consecuencias da supresión do subsidio de excarceración e impacto social en Galicia”.

No acto interviñeron María Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo Galego; Teresa Jiménez-Becerril Barrio, adxunta primeira ao Defensor del Pueblo de España; Andrés Jiménez Rodríguez, Director da área de Seguridade e Xustiza do Defensor del Pueblo de España; Rubén Cagiao Avendaño, Presidente da Fundación Érguete-Integración; Antía Cisneros Galovart, avogada e membro do Padroado da entidade, e María Rodríguez Lago, educadora social e técnica en medio penitenciario na Fundación.

Así mesmo, estiveron presentes representantes dos centros penitenciarios de Galicia e de entidades sociais que desenvolven parte do seu traballo no ámbito penitenciario.

Incremento da exclusión social, a desprotección e o risco de reincidencia

A Fundación, que desenvolve o seu traballo en distintos centros penais de Galicia dende hai máis de 20 anos, alerta de que a supresión da prestación está a ter consecuencias directas sobre a situación de vulnerabilidade das persoas que saen de prisión.

Entre os principais impactos detectados, a entidade sinala que o novo marco penaliza especialmente ás persoas que carecen de apoio familiar, vivenda estable ou documentación en regra; burocratiza o acceso á protección social e traslada ás unidades de convivencia a responsabilidade económica e material da persoa excarcerada.

Así mesmo, desaparece o compoñente restaurativo que, en determinados delitos graves, incorporaba mecanismos de protección do interese das vítimas orientados ao resarcimento do dano ou á petición expresa de perdón.

A consecuencia inmediata é un incremento da exclusión social e da desprotección -que afecta tanto ás persoas excarceradas como, indirectamente, a determinadas vítimas-, así como un aumento do risco de reincidencia.

Un impacto agravado en Galicia

Galicia resulta especialmente prexudicada pola limitada rede de recursos residenciais e de inserción laboral dispoñible. A isto súmase que a poboación excarcerada no territorio galego presenta elevados niveis de desemprego, desestruturación familiar e escaseza de recursos sociais de acompañamento, sen que existan mecanismos autonómicos suficientes para compensar estas carencias. Ademais, os servizos sociais municipais non dispoñen dos medios necesarios para ofrecer respostas inmediatas a este colectivo.

Propostas á Valedora do Pobo

Ante esta situación, a Fundación Érguete-Integración solicitou á Valedora do Pobo de Galicia que analice de oficio o impacto da supresión do subsidio de excarceración sobre o dereito á reinserción social das persoas excarceradas en Galicia. Así mesmo, insta á adopción de medidas correctoras, tanto a nivel autonómico como estatal, que garantan unha cobertura económica inmediata tras a saída de prisión, respectando a finalidade resocializadora das políticas penais.

Entre as propostas concretas recollidas no informe, figura a solicitude, aos organismos competentes, dunha avaliación exhaustiva do impacto da medida, especialmente en termos de pobreza, reincidencia e exclusión social. O documento sinala tamén a necesidade de revisar o marco normativo vixente, valorando opcións como a modificación da Lei 19/2021 do IMV para recoñecer expresamente a excarceración como situación específica de vulnerabilidade, a creación dunha prestación transitoria automática desde Institucións Penitenciarias ou a posibilidade de iniciar a solicitude do IMV antes da saída de prisión. Así mesmo, a entidade insta a facilitar o empadroamento e a actualización documental das persoas excarceradas, así como a reducir os trámites burocráticos necesarios para solicitar a prestación.

Outras novas relacionadas

Redes recicladas e feitas polos internos do CIS para os goles do CEE Aspronaga

Sísifo abre as portas da sociedade a base de calor

Fundación Érguete: “Ata que o sistema penintenciario non saia á rúa, non haberá unha reinserción real”

Chisco co Culuca no podcast de Texeiro: “A min o que me gusta é o estrés do momento do servizo”

A Asociación contra o Cancro na Coruña promove a sexta edición de ‘A compra da túa vida’

0

A Asociación Española Contra o Cancro na provincia da Coruña promove a sexta edición de ‘A compra da túa vida’, unha iniciativa que busca a colaboración de toda a sociedade para destinar máis recursos ao apoio, a prevención e a investigación cen esta materia.

Tamén, informa, para impulsar o modelo de atención integral da Asociación, baseado na humanización. Desde o 6 ata o 15 de febreiro as persoas interesadas poden participar na campaña aumentando o seu ticket de compra a partir dun euro nos establecementos colaboradores: supermercados Gadis, Autoservizos Familia, Alcampo, Día, C&A e Ali Bebé.

Para participar na iniciativa, enmarcada no Mes Mundial contra o Cancro que se conmemora en febreiro, calquera persoa interesada pode ampliar o seu ticket da compra a partir dun euro.

“Grazas á súa implicación, e á dos seus equipos e clientes, esta recadación axudará a mellorar a vida das persoas con cancro e as súas familias”, indica a asociación.

Os traballadores do transporte rexeitan o preacordo do convenio e poñen de prazo ata o luns

0

Traballadores e traballadoras do transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña acordaron, en votación celebrada este mércores, mostrar o seu rexeitamento, de maneira maioritaria, ao preacordo subscrito coa patronal.

Foi tras as asembleas celebradas na xornada anterior por parte dos sindicatos UXT e CCOO, asinantes do citado preacordo, e da CIG, que non o subscribiu ao entender que os avances eran “mínimos” en materia salarial e laboral.

Despois de informar o persoal nas citadas asembleas, este mércores celebráronse as votacións, de 10.00 a 20.00 horas, nas estacións da Coruña, Ferrol, Santiago e Carballo con ampla participación, segundo fontes sindicais.

Finalmente, maioritariamente os traballadores expresaron o seu “rexeitamento rotundo” ao preacordo. En concreto, en contra do mesmo foron 831; a favor 336, con 20 votos en branco e outros 14 nulos.

O representante de CIG-Transportes, Ernesto López, indicou que estes resultados se trasladarán ao Consello Galego de Relacións Laborais de face á mediación e para proseguir coas negociacións coa patronal co obxectivo de lograr un convenio “digno” que inclúa melloras laborais e salariais.

O dirixente sindical expuxo de prazo, para lograr un acordo entre as partes, ata o luns e engadiu que, de non lograrse, entón retomaranse “as mobilizacións”, en referencia ao anuncio de folga indefinida, que se pospuxo polas reunións coa parte empresarial.

Pola súa banda, desde UXT aludiron ao “rexeitamento rotundo” do persoal e aseguraron que respectan o mandato expresado coa intención agora de analizar os resultados para definir as actuacións que deben guiar a acción sindical. Todo iso coa intención de “defender as condicións laborais” de traballadores e traballadoras.

As votacións

As votacións desenvolvéronse de 10h a 20h nas estacións e os resultados por urnas foron os seguintes:

  • A Coruña: 303 non, 124 si, 7 brancos e 3 nulos.
  • Santiago de Compostela: 298 non, 171 si, 7 brancos e 6 nulos.
  • Ferrol: 148 non, 33 si, 5 brancos, 5 nulos.
  • Carballo: 82 non, 8 si, 1 branco.
  • Total: 831 non, 336 si, 20 brancos e 14 nulos

A patronal defende o convenio

As empresas que integran a patronal do sector do transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña reivindicaron as “melloras” do preacordo subscrito con CCOO e UXT — non pola CIG que entendía que había avances “mínimos” — e que rexeitaron os traballadores por ampla maioría nunha votación celebrada o mércores.

As organizacións empresariais entenden que “os termos do preacordo deixan de ter validez e non producen efecto ningún”. A parte empresarial considera necesario deixar constancia “de que a proposta sometida a votación incluía melloras relevantes para o conxunto do sector que conseguiron frear os paros”.

Entre outras, citan incrementos salariais do 3,4 % para o ano 2025 con abono de atrasos e 3,4% para o ano 2026 con mecanismo de revisión no caso de que o IPC anual superase esa porcentaxe. Tamén ordenación da xornada, fixando unha anual de 1.800 horas, coa prioridade da xornada continuada, acompañada dun plus económico e dunha maior previsibilidad na comunicación de cuadrantes e descansos.

A iso, suman “melloras en complementos económicos: plus de absentismo (1.000 euros anuais), complementos por traballar en festivos, avances en dereitos sociais, e regulación da desconexión dixital”.

As organizacións asinantes apelan agora á responsabilidade de todas as partes ante un sector estratéxico para a provincia da Coruña e para Galicia, “do que dependen milleiros de persoas usuarias cada día para acceder ao seu traballo, á educación, á sanidade e aos servizos públicos”.

 

Máis novas

Suspendida provisionalmente a folga no transporte de viaxeiros por estrada na Coruña tras alcanzar un preacordo que non asinará a CIG

O lacón con grelos toma a cidade: 33 restaurantes únense ás Xornadas ‘Lacónicas’

0

Un total de 33 establecementos ofrecerán menús especiais de lacón con grelos do 6 de febreiro ao 8 de marzo no marco das xornadas gastronómicas ‘Lacónicas’. O concelleiro de Turismo, Gonzalo Castro, presentou a undécima edición das ‘Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos’, unha das citas culinarias máis importantes da cidade, segundo púxose de manifesto. Ao acto de presentación, asistiron diferentes persoas responsables dos establecimeintos hostaleiros participantes. “Estamos moi orgullosos da celebración destas xornadas, que pon de relevo a excelente materia prima coa que traballan os restaurantes da cidade”, apuntou.

A RAG presentou na Coruña as ‘Rimas populares de Galicia’ de Manuel Murguía

0

A Casa Museo Casares Quiroga acolleu este mércores 4 de febreiro, a presentación do libro ‘As Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía’, coincidindo co cabodano do célebre escritor (Arteixo, 1833 – A Coruña, 1923). Unha edición realizada pola Real Academia Galega e dirixida por Diego Rodríguez González.

As Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía. Edición e estudo dos materiais conservados ve a luz dentro da colección da Academia Anexos BRAG co apoio do Concello da Coruña.  nun acto de entrada libre ata completar a capacidade da sala.

O presidente da RAG puxo o acento na relevancia dunha publicación que rescata da penumbra un material que pode abrir novas vías para a análise arredor do romanceiro en Galicia. “O libro que hoxe presentamos trae a luz a un material inédito desde hai máis de cen anos que constitúe unha achega moi importante para o debate da historia e da evolución do romanceiro de tradición oral en Galicia”, salientou Henrique Monteagudo.

“O conxunto de materiais que Murguía foi acumulando, grazas á axuda dos seus colaborados, apareceu nun cartafol desordenado e sen atribucións. El realmente non recuperou ningunha das pezas populares, pero foi o responsable de recollelas e darlles un sentido unitario”, explica Diego Rodríguez. Os limiares conservados na RAG foron chave para a identificación dos papeis coidados pola Barrié. Entre outra información, sinalan momentos nos que as Rimas estiveron a piques de ser publicadas. “O primeiro datámolo cara a 1891, polas referencias que contén. A finais do século XIX, en 1895, chega a haber anuncios da impresión, que inclúen ademais a mención a unha subvención da deputación, o que leva a sospeitar que algo puido chegar a ser impreso”, detalla Rodríguez. Máis ou menos da mesma época é o segundo prólogo, que se ten identificado como o último intento de edición.

Condenado a máis de 4 anos de cárcere o condutor que causou a morte dun matrimonio na Noiteboa de 2020

0

A Audiencia Provincial da Coruña condena a catro anos e dous meses de cárcere ao condutor que chocou o día de Noiteboa do 2020 contra un vehículo no que viaxaba un matrimonio, que faleceu. O tribunal considérao autor de dous delitos de homicidio por imprudencia grave e dun delito de lesións por imprudencia grave, así como de delitos contra a seguridade viaria, polos que tamén lle impón a privación do dereito a conducir durante seis anos e dous meses.

A sala explica que o acusado, ao conducir a unha velocidade superior a 120 quilómetros por hora nunha vía urbana con límite de 50 quilómetros por hora, impactou contra outro coche, o que provocou a morte de dúas persoas e causoulle lesións a outra. O tribunal considera que a conduta do sospeitoso, que non realizou manobra de freado ao aproximarse ao cruzamento, constituíu unha imprudencia grave, dado o risco evidente que a súa velocidade inaxeitada xeraba.

“O risco de que puidese producirse un sinistro con graves consecuencias –como así sucedeu– era elevado e evidente, sen que o acusado realizase manobra algunha para minoralo, pois non fixo uso do sistema de freado ao ver ao vehículo interporse na súa traxectoria“, destacan os maxistrados.

Conclúen que incorreu “nunha absoluta falta de previsión e coidado, nunha intolerable infracción do deber de coidado con desprezo ás normas máis elementais de cautela, orixinando un risco físico que produce o resultado danoso, o que constitúe unha imprudencia grave, causa determinante do fatal resultado producido“. A sentenza non é firme, pois cabe interpor recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Advirten dunha estafa aos comercios do Concello de Sada cunha falsa revista municipal

0

O Concello de Sada alertou dun intento de estafa en varios comercios do municipio na que piden diñeiro para unha revista.

Nun comunicado, o consistorio detalla que, segundo trasladou a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sada (Acesada), “unha persoa está a se facer pasar por persoal do Concello”. “Accede aos establecementos baixo a escusa de estar a preparar unha suposta revista municipal, solicitando información ou realizando fotografías”, explica.

Engade que tamén ten “constancia de que semanas atrás un individuo — que podería ser a mesma persoa — se fixo pasar por membro das forzas de seguridade, solicitando diñeiro para unha suposta revista”.

Con todo, o Goberno local recalca que esta información é “totalmente falsa”. “Na actualidade, ninguén do Concello de Sada está a elaborar ningunha publicación nin solicitando datos, imaxes ou achegas económicas nos comercios”, sentenza.

Por iso, pide ter “máxima precaución” e “ante a mínima sospeita” recomenda aos comerciantes contactar “de inmediato” coa Policía local.

Acepta dous anos de prisión por quedar co diñeiro do seguro dos seus clientes

0

Unha muller acusada dun delito continuado de estafa e outro de falsidade en documento mercantil por, presuntamente, desviar diñeiro de contratos de seguro que facía para unha compañía aseguradora co fin de obter “ilícito enriquecemento” aceptou dous anos de cárcere. Así mesmo, deberá pagar unha multa de 900 euros e indemnizar á empresa con 102.000.

Foi no xuízo fixado para este xoves na Audiencia Provincial da Coruña e tras un acordo entre o Ministerio Público, acusación particular e a defensa ao recoñecer os feitos a procesada e pactarse unha rebaixa da condena. A mesma inclúe a atenuante de reparación do dano causado por consignar xa a cantidade de 75.000 euros.

Non osbtante, as partes personadas en Sala admitiron a suspensión da execución da pena de prisión, exposta polo letrado da procesada. Esta decisión está condicionada a que non cometa ningún delito no prazo de cinco anos e a que faga efectivo o importe da responsabilidade civil. Segundo recolle o escrito fiscal, desde data indeterminada, en todo caso anterior a setembro de 2007, a muller traballaba como axente de seguros.

FEITOS

“Entre os anos 2007 e 2019 a acusada, xa fóra polas relacións de amizade ou confianza, xa fóra por calquera outro motivo, con intención de obter ilícito enriquecemento, propúxose facer súas, e así o fixo, de diversas cantidades que os clientes lle entregaban para o pago relacionados con produtos do sector”.

Estes importes, expón, variaron oscilando entre os 300 euros e os máis de mil nalgúns casos. Fiscalía apunta que tamén xestionou a conta dunha clienta, da que realizou transferencias ao seu favor de fondos procedentes da mesma.