Inicio Blog Páxina 11

O Circo de Artesáns acolle esta tarde unha mesa sobre a sanidade pública

0

A Plataforma SOS Sanidade Pública de Galica, en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, co Movemento Galego de Saúde Mental e a Asociación de Psicoloxía Clínica do Sergas, organiza unha serie de debates ao longo desta semana en 10 localidades galegas, que culminarán o 10 cun acto central en Compostela.

Na Coruña celebrarase a mesa de debate o luns 5 de outubro, ás 20:00, no Círculo de Artesáns e participarán Javier Sardiña, psicólogo clínico e Lucía Peón como representante sindical. Moderará a mesa o voceiro de SOS Sanidade Pública Ramón Veras. 

En Compostela, o 10

O 10 de outubro é o Día Mundial da Saúde Mental e as entidades queren centrar o debate nesta ocasión no “traballo e a saúde mental” como variable que modifica e afecta á nosa saúde de modo moi importante.

 

Que pasa na sanidade pública? Hai responsables?

“Reformar a Primaria é facela protagonista, cando a día de hoxe está sendo a última dentro do sistema sanitario”

O Concello dixitalizará as colonias felinas da cidade

O concello avanza un novo modelo de xestión das colonias felinas da cidade. Así o anunciou a Concelleira Medio Ambiente, Yoya Neira, na terceira edición das Xornadas Urbandog, que organiza o Concello coa colaboración de Arión no Fórum Metropolitano.

Trátase dun modelo que permitirá coñecer con maior precisión a situación das colonias felinas, reforzar o seu seguimento e garantir unha actuación coordinada entre os servizos municipais, o voluntariado, as entidades colaboradoras e os profesionais veterinarios. Neira lembrou que o desenvolvemento da Lei 7/2023 de benestar animal atribúelle aos concellos a responsabilidade da xestión dos gatos comunitarios.

Entre as principais novidades destaca a realización dun mapeamento das colonias e dos gatos comunitarios existentes na cidade para proceder á súa identificación e seguimento, o que permitirá aplicar de maneira máis eficaz o método CER —captura, esterilización e retorno— e devolvelos ás súas colonias de forma controlada.

Así mesmo, a concelleira, malia ter deixado claro que “as colonias felinas non son unha prioridade para a súa concellería”, o novo modelo reforza a formación do voluntariado, que estará debidamente identificado e deberá asumir un compromiso nas súas funcións de alimentación, observación e comunicación de información sobre os animais. O obxectivo é dispoñer da maior cantidade de datos posible sobre cada colonia e facilitar unha resposta máis rápida ante calquera incidencia. Os cursos de formación, nos que xa hai 130 persoas inscritas, comezarán o vindeiro luns 5 de outubro.

O punto máis importante é a posta en marcha dun software específico para a xestión das colonias felinas, que permitirá xeolocalizalas, dixitalizar toda a información dispoñible e xestionar as incidencias en tempo real con maior transparencia e eficacia.

 

 

As protectoras de animais buscan axuda social para coidar as colonias felinas

Un home agride na Coruña a dúas técnicas de emerxencias e a un vixiante do Chuac

0

Un home agrediu na Coruña a dúas técnicas do servizo de emerxencias 061 e a un vixiante do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac). Así o confirmaron fontes próximas ao caso consultadas por Europa Press en relación a uns feitos que tiveron lugar esta madrugada no traslado do home ao centro hospitalario.

Foi despois de que o mesmo solicitase atención ao atoparse mal tras consumir estupefacientes, precisaron estas fontes en relación ao caso. Os tres afectados recibiron diversos golpes e aínda que, inicialmente, o home atopábase tranquilo, produciuse xa o episodio de agresión cando estaban no túnel de Urxencias.

Inicialmente non se precisou colaboración policial polo estado no que se atopaba o agresor, sinalaron estas fontes, que sinalaron que foi por mor dunha conversación telefónica cando comezou a alterarse.

Morre un detido nunha operación antidroga nos calabozos da Garda Civil en Lonzas

0

Unha persoa detida e que se atopaba nos calabozos da Comandancia da Garda Civil da Coruña faleceu tras sufrir unha indisposición, segundo informaron desde a Benemérita. Trátase, precisaron fontes consultadas, dun home que foi arrestado nun operativo contra o tráfico de estupefacientes realizado o venres no municipio coruñés de Noia.

O suceso produciuse este sábado. No momento en que esta persoa se atopou mal, explican, deuse aviso a Urxencias Sanitarias 061, que se desprazou cunha ambulancia medicalizada. Con todo, o persoal desprazado non puido facer nada por salvar a súa vida e certificou o falecemento. Ao atoparse a persoa falecida baixo custodia policial, o suceso implica a apertura dunha investigación xudicial, apuntaron tamén.

O Centro de Arte FMJJ abre á cidadanía o seu novo espazo cultural na súa sede da Grela

0

Gaña un novo espazo cultural a cidade da Coruña. Se en 2018 perdía o MACUF pola falta de compromiso de Naturgy, este 2026 pode asumir ese espazo o novo Centro de Arte Fundación María José Jove (FMJJ). Estes días xa acolleu un par de actividades, e esta vindeira semana o centro, situado na de da empresa, na Grela, estreará a súa primeira exposición temporal.

Será “A espiral do caracol”, da artista Marina González Guerreiro, cuia inauguración terá lugar o xoves 8 de outubro ás 19:30h, servindo de estrea do Espazo Polígono, un pequeno espazo ao aire libre na sede do centro dedicado a proxectos de nova produción. A inauguración incluirá unha conversa entre a artista, a crítica Rosa Lleó, e Susana González, directora do Centro de Arte FMJJ.

O Espazo Polígono foi concibido a pequena escala e en relación directa coa paisaxe industrial da Grela, situando a arte nun contexto cotián, fóra dos espazos de exposición convencionais. Acollerá instalacións e intervencións creadas especificamente para o lugar, cunha especial atención a artistas cuxas carreiras están en proceso de consolidación. Cada proxecto irá acompañado dun folleto cun texto dunha crítica ou comisaria convidada, Rosa Lleó, que escribirá para esta primeira edición. A primeira exposición no Centro de Arte —que ata o de agora se centrou na súa colección permanente— pódese visitar durante o horario de apertura do centro.

Este apoio ás novas carreiras artísticas conéctase co outro gran evento do mes no recinto. O mércores 14 de outubro, ás 19:30 horas, o Centro de Arte FMJJ acollerá o lanzamento en Galicia de Catapulta, unha plataforma que promove a proxección internacional de artistas e comisarios españois emerxentes e de media carreira. O centro é un dos seus membros fundadores, xunto con Francesca Thyssen-Bornemisza, o coleccionista Gabriel Calparsoro e ALKAR Contemporary, entre outros. A súa directora, Mónica Carroquino, presentará a iniciativa.

Presentación CATAPULTA no Centro de Arte FMJJ
Imaxe de Catapulta

Tamén no ensino

Outubro é tamén o mes no que comeza o Manifesto pola Curiosidade, o programa de Educación e Mediación do centro, co prazo de inscrición xa aberto. Os xoves 15 e 29 haberá visitas guiadas á Colección e á nova exposición dentro do ciclo “Habitando o inesperado”. O martes 20 comezará a terceira edición de “Raíz”, para maiores de 65 anos, e o sábado 24, as familias poderán participar no obradoiro “Preguntas para o clima”.

Mentres tanto, os clubs de lectura das bibliotecas municipais da Coruña poden inscribirse en “Explorando un libro”, que deseña percorridos pola Colección Permanente baseados en lecturas como “Roubar cabalos” de Per Petterson; “Desfile” de Rachel Cusk; ou “Branco” de Han Kang. E o profesorado pode inscribirse no primeiro seminario de formación do profesorado do ano, “Educación artística para ver, imaxinar e transformar”, que estará dirixido polos artistas e profesores de secundaria Marta de Gonzalo e Publio Pérez Prieto.

En paralelo, os  xoves 15 e 29 de outubro, de 17:00 a 18:00 h, haberá Visitas guiadas á Colección permanente e exposición de Marina González Guerreiro. Inscrición aberta.

Ademis, o venres 30, a entidade anunciará os gañadores do V Premio Internacional de Investigación e Ensaio. Arte e comunidade: prácticas culturais na abordaxe de cuestións sociais.

 

Renfe aumentará prazas e servizos entre A Coruña e Vigo e entre A Coruña e Ourense a partir do 15 de outubro

Renfe anunciou a posta en marcha, a partir do 15 de outubro, o chamado ‘Plan Galicia’, para mellorar a mobilidade dos viaxeiros recorrentes dos servizos de Media Distancia Vigo-Santiago-A Coruña e os Avant Ourense-Santiago-A Coruña.

Así, o operador de transporte ferroviario xa sinalado que se reforzará o servizo en horas e días punta, “con máis opcións de viaxe para os desprazamentos cotiáns por motivos laborais, académicos ou persoais, con novos servizos, trens con máis prazas e axustes horarios”.

Deste xeito, sinalou que a incorporación ao Servizo Público de trens de maior capacidade, así como a programación de novas circulacións, permitirán incrementar en máis dun 24% as prazas Vigo-Santiago-A Coruña. A iso súmase un aumento do 6% na oferta Avant Ourense-Santiago-A Coruña.

Desde o próximo 15 de outubro, o servizo 9073 A Coruña-Vigo, con saída ás 7:00 horas, pasará a realizarse con material S106 (máis de 500 prazas por tren), mellorando a oferta de primeira hora da mañá. Ademais, créase un novo servizo Vigo Urzáiz-A Coruña ás 9:00 horas, con máis de 500 prazas ofertadas.

Tamén se substituirán por material S106 os convois dos servizos 9123 A Coruña-Vigo Urzáiz e 9132 Vigo Urzáiz-A Coruña, cuxas saídas se adiantan ás 11:30 horas e as 13:15 horas, respectivamente. O tren 9083 A Coruña-Vigo Urzáiz, con saída ás 8:00 horas, tamén verá incrementada a súa capacidade grazas á circulación en dobre composición, o que permite reforzar outro dos trens con maior utilización da xornada.

Para reforzar as prazas e o horario de primeira hora tamén se aproveitarán as sinerxías co AVE 4464 das 6.00 horas da mañá que parte desde Vigo dirección Madrid, que pasará a ofertar prazas de media distancia entre Vigo e Santiago.

Outra mellora que contempla esta medida é a implantación doutro novo servizo entre A Coruña e Vigo Urzáiz ás 20:00 horas para ampliar as opcións de mobilidade na franxa de tarde-noite e facilitar os desprazamentos de regreso.

AXUSTES HORARIOS

Para completar a optimización da oferta no Eixo Atlántico, Renfe axustará o horario de dous servizos. En horario de mañá, o 9113 A Coruña-Vigo Urzáiz adianta a súa saída ás 10:30 horas. Pola tarde, o 9213 A Coruña-Vigo Urzáiz, modifica a súa saída ás 22:05 horas (actualmente sae ás 21:40 horas).

Esta reorganización permite atender aos viaxeiros dos Rexionais 12560 e 12561 que conectan A Coruña e Santiago a última hora, polo que deixarán de circular. Ademais, igual que a pasada tempada de inverno, Renfe manterá os reforzos en dobre composición dos servizos 9072 Vigo Urzáiz-A Coruña, 9112 Vigo Urzáiz-A Coruña e 9153 A Coruña-Vigo Urzáiz, que seguirán ofrecendo 564 prazas fronte ás 282 actuais.

Con respecto ao corredor A Coruña-Vigo Guixar, a compañía tamén implantará lixeiros axustes nos horarios dos servizos Rexionais que circulan pola liña convencional.

SERVIZO AVANT

Por outra banda, Renfe aproveitará a capacidade dispoñible en varios servizos AVE para ofrecer novas prazas Avant, reforzando na conexión Avant Ourense-Santiago-A Coruña, tanto en horario de mañá como de tarde.

Esta medida incorpora tres novas relacións a unha operativa xa existente en determinados trens de Alta Velocidade, incrementando as opcións de viaxe con máis de 2.000 prazas extra semanais a disposición dos viaxeiros recorrentes en percorridos internos galegos.

Os billetes coa nova oferta estarán dispoñibles nas próximas horas para a súa consulta e adquisición nas canles habituais de Renfe: despachos de billetes, máquinas autoventa, App Renfe, no teléfono 912 320 320 e en www.renfe.com.

Un mural colectivo para o Parque do Observatorio na “Festa dos Coidados”

0

Continua vivo o proxecto «Agra: un barrio de coidados», desenvolto por Arquitectura Sen Fronteiras e o Mestrado Universitario en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria da UDC, coa colaboración municipal e cofinanciado pola Cooperación Galega. Un proxecto transversal, tan urbanístico como social, que pon a labor dos coidados e as redes vecioais de apoio como protagonista.

Esta fin de semana, o sábado 3 e o domingo 4 de outubro, de 12.00 a 20.00 horas en ambas as xornadas, o recentemente aberto Parque do Observatorio vivirá un fito da iniciativa coa Festa dos Coidados, unha iniciativa aberta á veciñanza na que haberá música, obradoiros, exposicións e actividades para compartir, crear e pensar colectivamente os coidados.

Con todo, a actividade central será a creación colectiva do mural de gran formato «Rede de coidados». A artista Laura Caneira, responsable do deseño, coordinará a realización da obra, froito do traballo desenvolvido polo alumnado da materia Xénero e Coidados do MOPS, a cargo de Antía Pérez, xunto con veciñas e veciños e coa colaboración de Laura Caneira e Arquitectura Sen Fronteiras. As historias compartidas polas persoas participantes serviron de inspiración para unha obra centrada nas redes comunitarias e de apoio mutuo existentes na Agra do Orzán.

O deseño recrea unha escena no propio parque na que aparecen persoas de diferentes idades e orixes que se abrazan, len, xogan cun papaventos ou se acompañan entre a vexetación. A creación da obra estará aberta á participación cidadá, polo que as persoas que se acheguen ao parque poderán colaborar na elaboración do mural ao longo das dúas xornadas.

Máis programa

A programación comezará o sábado ás 11.30 horas cunha presentación a cargo de Agra Barrio de Coidados e Mapa de Coidados, coa participación da veciñanza e de colectivos do barrio. Posteriormente, entre as 12.30 e as 14.00 horas, Silvia Penide ofrecerá un concerto acompañado dunha conversa co público.

Durante toda a fin de semana desenvolveranse tamén os obradoiros de bombas de sementes «Poñámonos Verdes», ademais de exposicións vinculadas ao proxecto e a Árbore dos Desexos, unha iniciativa a través da que as persoas participantes poderán expresar e compartir as súas propostas e desexos para o barrio.

Máis novas

ASF organiza un novo Seminario no marco do proxecto “Agra, Barrio de Coidados”

 

O transporte de mercadorías da Coruña volve ás mobilizacións: os sindicatos denuncian unha perda salarial do 13 %

Os sindicatos CCOO, CIG e UXT, que integran a mesa negociadora do convenio provincial de transporte de mercadorías por estrada na provincia da Coruña, anunciaron un novo calendario de mobilizacións durante este mes ante a ruptura das negociacións coa patronal desde o pasado mes de xuño e a perda de poder adquisitivo do sector. As protestas celebraranse o día 9 en Santiago de Compostela, o 15 na Coruña e o 22 en Ferrol, todas elas ás 11.00 horas. “Actualmente a mesa de negociación está rota e a patronal non se puxo en contacto connosco para as negociacións”, recalcou o secretario xeral do sindicato comarcal da FSC-CCOO da Coruña, Jorge García. Fíxoo nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo representante de UXT Iván Cancela e polo representante da CIG Ignacio Pavón.

UNS 10.000 TRABALLADORES AFECTADOS

O colectivo comprende arredor de 10.000 traballadores na provincia, entre persoal de camións, furgonetas e repartición. Os sindicatos reclaman un incremento salarial “superior ao IPC”, así como melloras nos horarios. “É un sector que arrastra unhas perdas adquisitivas dun 13 % nos últimos 15 anos”, especificou García. O representante sindical lembrou que o pasado ano conseguiron un incremento salarial do 4 % e explicou que a intención é continuar recuperando poder adquisitivo este ano. Os sindicatos reclaman tamén cambios na remuneración das horas realizadas en condicións especiais. García pediu que “as horas nocturnas e de fin de semana non se paguen como unha hora normal”. “Isto non é unha tarifa plana”, criticou.

“Fóra rendistas dos nosos barrios”. Convocada unha manifestación pola vivenda para este sábado

Continúan as mobilizacións, tamén na Coruña, para denunciar a grave situación que vive a cidade en materia de vivenda. Tralo caso #MariCarmen, e despois da concentración deste pasado luns no Obelisco, a loita espállase tamén aos barrios. Así, o Sindicato da Vivenda da Coruña convoca unha concentración para este sábado 3 de Outubro ás 19.00h, cun percorrido que partirá da Rolda de Outeiro con Avenida das Conchiñas, e que acabará na Subdelegación de Goberno, na Praza de Ourense.

Co lema “Fóra rendistas dos nosos barrios”, e cunha clara invitación á folga xeral, os colectivos sociais máis implicados nesta batalla contra a especulación inmobiliaria, volverán recordar que “os barrios son nosos, as casas son de quen as habita e tamén a cidade é nosa e non dos fondos voitres ou dos rendistas”.

“Nin medidas descafeinadas nin decretos parche! Isto so acaba de comezar! De aquí á folga xeral!” avisan aos gobernos. “Porque sen vivenda non hai futuro!

DEFENSA DO COMÚN RECLAMA UN MAIOR CONTROL DO SOLO PÚBLICO PARA EVITAR QUE SIGA SENDO UNHA MERCADURÍA 

Na mesma liña, aproveitamos para compartir a nova mensaxe da Plataforma Defensa do Común. A entidade considera que “a forte mobilización xurdida nos últimos días arredor da vivenda é un gran paso na sensibilización tanto da clase política como da sociedade, pero non un paso irreversíbel”. A este respecto, estima que “sen un cambio profundo na política de vivenda desenvolvida até o de agora será imposíbel  acadar unha vivenda digna para todo aquel que a necesite, cuestión tanto máis urxente canto que se trata dun problema que incide directamente sobre o conxunto do corpo social, xa que é un servizo social de primeira necesidade e non unha mercaduría. Non é lícito, en circunstancias como as actuais, antepoñer o interés privado ao xeneral de toda a cidadanía necesitada”.

Finalmente, Defensa do Común asegura que “o control público do solo resulta trascendental para evitar que a vivenda siga sendo obxetivo de intereses minoritarios en antisociais, lembrando nesa liña de pensamento a cantidade de terreno público vendido na Coruña nas última décadas para favorecer intereses privados. Só a partir desde ese momento poderán abordarse os problemas reais da vivenda cuxa solución non poder seguir sendo aprazada”.

A CGT anima a participar

CGT manifa vivenda
A CGT nunha manifestación da vivenda
A CGT A Coruña chama á súa afiliación e ao conxunto da cidadanía a participar na manifestación. O sindicato colabora estreitamente co Sindicato de Inquilinas e coa Plataforma polo Dereito á Vivenda para “facer fronte a unha crise habitacional que está obrigando ás traballadoras a destinar unha parte cada vez maior dos seus salarios ao pagamento do aluguer. O aumento dos prezos está empeorando as condicións de vida da clase traballadora e facendo cada vez máis difícil acceder a unha vida digna”.

Desde a CGT sinalan: «A mellora das condicións laborais e salariais ten que ir acompañada dunha baixada dos prezos da vivenda, dos alimentos e dos produtos básicos. Se o custo da vida continúa aumentando, calquera incremento salarial acabará nos petos dos rendistas, dos especuladores e dos grandes empresarios, en vez de traducirse nunha mellora real das nosas condicións de vida».
«Non queremos medidas cosméticas nin solucións temporais. Precisamos cambios estruturais que poñan fin á especulación e garantan unha vida digna. Non podemos aceptar que unha necesidade básica se converta nunha fonte de beneficio para uns poucos mentres cada vez máis persoas teñen dificultades para chegar a fin de mes», sinalan desde a CGT.

«Os dereitos non se conquistan agardando, senón organizándonos e mobilizándonos. A presión social é imprescindible para conseguir avances reais e mellorar as condicións de vida da maioría traballadora», engaden.

Máis novas

 

As chaves tamén repican na Coruña

Salvamento Marítimo remolca un pesqueiro que quedou sen goberno preto da Torre de Hércules

0

Salvamento Marítimo auxiliou este venres un pesqueiro que quedou sen goberno cando navegaba a pouco máis de dúas millas da torre de Hércules, na Coruña, e remolcou a embarcación ata o peirao de Oza.

O incidente produciuse cando o barco se atopaba a unhas 2,1 millas da costa coruñesa e os seus tripulantes comunicaron a situación aos servizos de emerxencias. No pesqueiro, de 10,6 metros de eslora, viaxaban dúas persoas.

Tras recibir o aviso, o Centro de Coordinación de Salvamento da Coruña activou un operativo para prestar asistencia á embarcación e mobilizou a Salvamar Betelgeuse.

A unidade de Salvamento Marítimo desprazouse ata a posición na que se atopaba o pesqueiro e iniciou as tarefas para conducilo de volta a terra. Finalmente, a embarcación foi remolcada ata o peirao de Oza, na Coruña, cos dous tripulantes a bordo.