Inicio Blog Páxina 12

A nai de acollida que ameazou cunha folga de fame logra que a Xunta escolarice o seu fillo na Coruña

A coruñesa Carmen Villar, que ameazou cunha folga de fame ao considerar que a Xunta non actuaba ante a situación de non escolarización do seu fillo de acollida, cun 49 % de discapacidade recoñecida, logrou finalmente que o Goberno autonómico facilite a incorporación do menor a un centro da Coruña. “É unha sensación agridoce. Estou contenta porque o neno vai poder ir ao cole, pero é moi lastimoso ter que chegar ata aquí para que tomen en consideración o problema. Foron 14 meses moi duros e a decisión da folga provocoume moito sufrimento”, relataba este luns Carmen Villar a Europa Press.

Pola súa banda, a Consellería de Educación confirmou que equipos deste departamento, así como de Política Social da Delegación Territorial da Xunta na Coruña, atenderon este luns a esta nai e acordaron unha solución provisional para o menor. Villar, que denunciou este domingo que o seu fillo de acollida, de 15 anos e cun 49 % de discapacidade recoñecida, levaba 14 meses sen escolarizar, explicou que o rapaz “empezará esta semana nunha aula específica dun centro ordinario” e asegurou que “lle prometeron unha praza de educación especial en setembro”.

UN MENOR CON DEPEDENCIA SEVERA E 14 MESES SEN ESCOLARIZACIÓN

B. —inicial do menor—, que ten recoñecido un grao de dependencia severa, foi acollido de forma permanente por Villar e a súa parella hai 12 anos e está, ademais, baixo tutela da Xunta. Durante os cursos 2023-24 e 2024-25 estivo escolarizado no centro Agarimo, en Arteixo (A Coruña), onde, segundo relatou Villar a Europa Press, “conviven nenos con diferentes casuísticas”.

Porén, segundo explicou a nai de acollida, o propio equipo educativo admitiulle á familia unha “falta de medios”, unha situación que derivou en múltiples incidentes e que acabou coa súa expulsión cautelar en febreiro de 2025 por motivos de seguridade. “Puxeron unhas medidas cautelares nas cales se explica que non poden garantir a integridade do neno, dos seus compañeiros nin do equipo educativo”, criticaba.

A FAMILIA DENUNCIA “DESPROTECCIÓN INSTITUCIONAL”

Desde entón, o menor non regresara a un centro destas características. Ante esta situación, a familia aseguraba sentirse nunha situación de “desprotección institucional”, unha realidade que Carmen Villar decidiu denunciar publicamente. Agora, tras semanas de presión e despois de chegar a ameazar cunha folga de fame, a familia conseguiu unha saída provisional que permitirá que o menor volva incorporarse ao sistema educativo mentres agarda por unha praza estable de educación especial a partir de setembro.

As traballadoras das grandes cadeas do textil e calzado póñense en folga

Asinar un novo convenio a nivel estatal e recurtar dereitos adquiridos polas traballadoras na provincia da Coruña, é a intención das patronais, con Inditex á cabeza, do comercio textil e do calzado. A entrada en vigor do convenio estatal de ARTE provocaría que as traballadoras do sector da nosa provincia perdesen ata 2.000€ ao ano en soldos, no marco dunha completa perda de dereitos laborais.

Ante esta situación o persoal das grandes cadeas de téxtil e calzado das catro provincias galegas está chamado a secundar unha xornada de folga o vindeiro venres 17 -no caso da Coruña a convocatoria esténdese tamén ao sábado 18-.

Con motivo da folga, na cidade da Coruña o venres está convocada unha manifestación ás 12 horas dende o CC Catro Camiños até a sede da patronal (Praza de Luís Seoane) e o sábado día 18 haberá mobilización ás 12 horas dende a Praza de Lugo.

Lucía Domínguez, delegada da CIG e traballadora do sector, denunciou que a sinatura do convenio promovido pola patronal ARTE (na que están presentes as grandes multinacionais do comercio téxtil e do calzado) significaría a imposición de salarios entre 2.000 e 3.000 euros anuais, dependendo da categoría, por debaixo do que estabalece o convenio provincial da Coruña. Unha recorte que chegaría os 5.000 euros para o persoal de nova incorporación nas tendas do Grupo Inditex.

Ademais, estabelécese unha xornada efectiva de traballo anual superior e pérdense outros dereitos como antigüidade, licenzas, días de asuntos propios, o complemento até o 100% nas baixas ou melloras na conciliación, ao tempo que se incrementa a flexibilidade e a falta de previsión nos horarios e calendarios.

Domínguez enmarcou a negociación deste novo convenio estatal nunha estratexia patronal para centralizar as relacións laborais e sindicais e ir deteriorando as condicións e dereitos acadados polas traballadoras nas provincias máis combativas ao longo das últimas décadas.

Para impedir a entrada do convenio ARTE, a CIG xa se dirixiu á patronal galega (na que ten a maioría Inditex) para negociar e asinar un acordo interprofesional galego de comercio que blinde a prioridade aplicativa dos convenios provinciais sobre os estatais, tal e como se fixo en Euskadi. “Porén, a patronal galega négase rotundamente a esta posibilidade”, lamentou.

Inditex paga ao persoal de ETT por debaixo de convenio

Doutra banda, informou que a Inspección de Traballo da Coruña -a instancias dunha denuncia da CIG- vén de constatar que Inditex leva anos pagándolle ao persoal contratado por ETT por debaixo do que marca o convenio provincial do comercio vario. Tras do informe realizado, a Inspección iniciou procedemento sancionador contra Inditex, vai reclamar as cotizacións e os salarios deixados de abonar pola compañía dende o ano 2022 e ampliará a súa actuación a todo o Estado.

Entre outros conceptos, a empresa non lle pagou ao persoal de ETT nin os 200 euros/mes incluídos no convenio provincial  tras as mobilizacións de 2023, nin as comisións, nin outros complementos estabelecidos por convenio e acordos coa propia empresa. “Son centos de traballadoras e traballadores afectados a quen Inditex deixou de pagar miles de euros”, indicou Domínguez.

A CIG-Servizos cuantifica unha diferenza -en cómputo anual- de entre 6.000 e 7.000 euros con respecto ao que o persoal contratado por ETT debería ter cobrado e os cartos que realmente percibiu, “xa que Inditex está abonando 4,5 euros/hora menos do marcado no convenio colectivo”.

Criticou que a compañía dificultou enormemente a denuncia e a investigación porque de maneira sistemática denegou aos comités das distintas marcas os datos de contratación a través de empresas temporais “co obxectivo de ocultar este grave incumprimento”. De feito, a CIG- Servizos advertiulle a Inditex en reiteradas ocasión que non estaba cumprindo coa lexislación laboral e que acudiría á Inspección de Traballo, mais a empresa rexeitou corrixir estas eivas.

Máis novas

Jevaso, o “xigante textil” que crece por fóra pero se baleira por dentro

Traballadoras das tendas de Inditex deron a “benvida” a Marta Ortega á tenda de Juan Florez

“Traballo para Inditex e non chego a fin de mes”

Dereito de rodada

Dúas familias disputan na Audiencia da Coruña a Primitiva de 4,7 millóns e levan ao banco ao loteiro e ao seu irmán

Dúas familias reclaman a chamada Primitiva Millonaria da Coruña, un boleto premiado no ano 2012 con 4,7 millóns de euros, nun xuízo que comezou este luns na Audiencia Provincial da Coruña e que senta no banco dos procesados o loteiro acusado de quedar co boleto e o seu irmán, daquela delegado provincial de Loterías e Apostas do Estado, por presuntamente colaborar para facelo posible.

As acusacións exércenas, por unha banda, a viúva e a filla do home que, segundo a investigación policial, sería o verdadeiro propietario do boleto, xa falecido, e, pola outra, a representación doutra persoa que no seu momento tamén reclamou o premio ao asegurar que era seu. Os letrados das primeiras solicitaron que se apartase a acusación particular que representa esta última parte ao entender que carecía de lexitimación, unha postura compartida por outras partes personadas. Con todo, o tribunal rexeitou esa petición, así como o resto das cuestións previas formuladas, ás que se dedicou esta primeira sesión do xuízo.

Na vista están personadas a Fiscalía, as acusacións particulares, as defensas, a aseguradora e a Avogacía do Estado, nun procedemento que se celebra 14 anos despois dos feitos. Os dous irmáns chegaron á Audiencia Provincial da Coruña acompañados dos seus avogados e fixérono sen responder ás preguntas dos medios. O loteiro, Manuel Reija, limitouse a saudar cun “bos días”. Xunto a el senta no banco dos procesados o seu irmán, Miguel Reija.

AS DEFENSAS ALEGAN FALTA DE TITULAR CLARO E NULIDADE DE ACTUACIÓNS

Os avogados dos acusados expuxeron distintas cuestións previas, entre elas a ausencia dun titular lexítimo do boleto para soster que, sen ese elemento, non existiría estafa, así como o seu rexeitamento a que se formulase acusación por branqueo de capitais. Tamén reclamaron a nulidade de determinadas actuacións, ou mesmo de todo o procedemento, a suspensión do xuízo por vulneración do dereito de defensa e denunciaron unha suposta falta de concreción nas acusacións, ao considerar que existen dous “relatos excluíntes” en función da versión de cada unha das familias personadas.

Porén, o tribunal, tras analizar cada unha das alegacións, rexeitounas todas. A sala descartou que exista falta de concreción no relato das acusacións e tamén que non haxa lexitimación para a personación da filla do home falecido ao que a Policía considera o auténtico dono do boleto. “Non hai rotura da cadea de custodia”, sostivo tamén a presidenta do tribunal, que deu ademais por válidas cuestións como os movementos obtidos na terminal da administración de lotaría da praza de San Agustín, na Coruña, rexentada polo loteiro procesado.

O LOTEIRO, ACUSADO DE QUEDAR CUN PREMIO DE 4,7 MILLÓNS

En concreto, o loteiro está acusado de quedar cun boleto premiado con 4,7 millóns de euros dun cliente, e o seu irmán de colaborar para que iso fose posible, segundo sosteñen as acusacións. A Fiscalía solicita para o primeiro seis anos de cárcere por un delito de estafa ou, alternativamente, por apropiación indebida. Para o seu irmán pide a mesma pena de prisión por branqueo de capitais ou por encubrimento.

O loteiro e o seu irmán, que en 2012 —ano dos feitos— era delegado provincial de Loterías, serán os únicos que se senten no banco, despois de que a Audiencia Provincial da Coruña desestimase no seu día os seus recursos e si admitise o formulado pola Avogacía do Estado, acordando o sobresemento provisional da causa respecto doutros catro investigados, altos cargos de Loterías do Estado.

UN DOS CASOS MÁIS LEMBRADOS ARREDOR DUN PREMIO DE LOTARÍA

O caso ten a súa orixe nun dos episodios máis lembrados sobre o cobro de premios de lotaría: o dun boleto agraciado con 4,7 millóns de euros que o loteiro asegurou ter atopado tirado e que, durante anos, mantivo unha propiedade disputada. Varias persoas postuláronse como posibles donas dese premio, mentres que o loteiro argumentaba que non aparecera o propietario e que, por tanto, tiña dereito a cobrar o importe.

Ao ano seguinte de selarse, o Concello da Coruña iniciou un “expediente de achado” para tratar de localizar o gañador do billete premiado, que o loteiro aseguraba ter atopado na súa administración da praza de San Agustín. Posteriormente, iniciouse a investigación policial, na que se puxo en cuestión a versión ofrecida polo home sobre ese suposto achado casual do billete. Mesmo chegou a considerarse que fora el quen ocultara o premio ao verdadeiro dono cando este acudira a comprobar o boleto. A investigación sinalou un presunto lexítimo propietario, xa falecido, e son agora os seus herdeiros os que reclaman o premio.

O RELATO DA FISCALÍA: OCULTACIÓN DO BOLETO E COBRO ACELERADO

A Fiscalía relata que o home xa falecido, ao que se considera propietario do boleto, acudiu en xullo de 2012 ao establecemento do loteiro para comprobar se os boletos que levaba estaban premiados. Porén, sostén o Ministerio Público, o acusado, “coñecedor do alto importe do premio, quedoullo para si xunto cos demais boletos, e non comunicou ao apostante dito extremo nin tampouco lle devolveu o resgardo nin o comprobante expedido polo terminal”.

“Co boleto no seu poder e completamente seguro do alto valor que tiña, ese mesmo día acudiu á delegación provincial de Loterías e Apostas do Estado da Coruña”, engade a Fiscalía, unha delegación na que estaba á fronte o seu irmán, “coa finalidade de acelerar os trámites do cobro do resgardo, prescindindo de calquera procedemento regulado e coma se fose lexítimo posuidor”.

O Ministerio Público asegura ademais que o irmán do loteiro, “sendo plenamente consciente da ilexitimidade da posesión deste título por parte do seu irmán”, “dispúxose a achandar o camiño” mediante actuacións orientadas a “disfrazar a verdadeira orixe do boleto” co obxectivo de que se puidese facer efectivo o premio. Segundo a Fiscalía, tamén “omitiu toda actuación, como delegado provincial, que puidese servir para verificar a orixe real do boleto”.

UN XUÍZO CLAVE TRAS MÁIS DUNHA DÉCADA DE POLÉMICA

O proceso que agora chega á Audiencia da Coruña pretende esclarecer definitivamente quen era o verdadeiro dono dun dos boletos máis polémicos da historia recente das lotarías en Galicia e se, como sostén a acusación pública, houbo unha actuación deliberada para apropiarse fraudulentamente dun premio millonario. Catorce anos despois dos feitos, o caso segue envolto nunha enorme expectación xudicial e mediática, cunha primeira sesión centrada nas cuestións previas e coa vista xa encamiñada ao fondo dun asunto que marcou durante anos a crónica xudicial coruñesa.

A contrarreloxo do Gran Camiño provocará este martes cortes no paseo

0

Xa toma a cidade os comboios do Gran Camiño. A caravana da proba ciclista máis importante de Galicia, que trae aos mellores equipos do mundo ao noso país, arrinca este martes cunha nova contrarreloxo individual (como no 2024) polo paseo marítimo.

A primeira etapa da proba arrincará e concluirá aos pés da Torre de Hércules, chegará polo paseo ata o Portiño, subirá ao Monte de San Pedro e volverá dende os Rosais, novo polo paseo ata a Torre.

afeccions ao trafico polo Gran Camino na Coruña
Así é o mapa da contrarreloxo do Gran Camiño

Con motivo desta crono, establecerase na cidade un dispositivo especial de mobilidade e seguridade que implicará cortes de tráfico en distintos puntos do percorrido durante a celebración da proba.

En concreto, haberá tres áreas de afección: Torre de Hércules-Riazor, As Escravas-Labañou e Os Rosais-O Portiño. Os cortes de tráfico iniciaranse ao redor das 11,00 horas do día 14 de abril.

A información detallada pode consultarse nun mapa interactivo deseñado polo Concello da Coruña.

Itinerario Gran Camino Coruna
Itinerario da proba

Os cortes

No sector Torre de Hércules- Monte Alto – Riazor, produciranse cortes de tráfico no paseo marítimo en todo o seu percorrido, así como restricións de circulación nas vías de acceso desde Monte Alto e a contorna de Riazor.

No sector Escravas – Labañou, a afección ao tráfico centrarase no paseo marítimo e nas conexións con San Roque de Fóra, Labañou e Rolda do Outeiro. Durante a proba, os accesos estarán limitados e regulados.

Finalmente, nos Rosais- O Portiño, veranse afectadas as principais vías de acceso. A circulación estará restrinxida durante a carreira e os accesos condicionados ao paso da proba.

En materia de aparcadoiro, estableceranse restricións desde días previos en distintos puntos do percorrido e o seu contorno, así como a prohibición de estacionar ao longo do circuíto durante a xornada do 14 de abril.

Ademais, no referente ao transporte público, as paradas de autobús situadas nas vías con circulación restrinxida quedarán afectadas durante a celebración do evento e veranse anuladas ás liñas 3, 3A, 7, 11, 12 e 14. No caso das liñas 12 e 14, perderán temporalmente a súa cabeceira habitual nos Rosais e establecerase unha parada provisional en rúa Manuel Azaña.

O servizo de taxi tamén se verá afectado polas limitacións de acceso ás vías incluídas no percorrido. No caso dos autobuses metropolitanos e interurbanos non se prevén afeccións destacadas, aínda que se recomenda consultar previamente coas empresas concesionarias. As estacións de BiciCoruña situadas no percorrido da proba quedarán anuladas durante o 14 de abril.

Así foi a edición de 2024:

O tempo descafeinou O Gran Camiño

Aberto o prazo para os cursos culturais do Fórum e do Ágora

0

Despois de 3 meses de parálise, e moito lío, o Concello abre os días 13 e 14 de abril o prazo de preinscrición do programa municipal de Lecer de primavera, que se desenvolverá nos centros municipais Ágora e Fórum. A programación está dirixida a persoas adultas e inclúe unha ampla oferta de obradoiros culturais e formativos en ámbitos como a arte, a literatura, o cine, a fotografía, a cidade, o teatro, a astronomía, a artesanía ou as habilidades mentais, entre outros.

A preinscrición poderá realizarse de forma telemática, a través de formularios específicos
para cada centro, ou presencialmente tanto no Ágora como no Fórum, en horario de 9.00 a
14.00 horas.

A inscrición en liña estará dispoñible nos seguintes enlaces aos formularios:

As persoas que participaron no programa de outono e desexen continuar nos seus obradoiros deberán formalizar o pagamento os días 14 e 15 de abril. Este poderá realizarse mediante transferencia bancaria á conta ES95 0049 7796 1426 1000 4476 ou presencialmente no Ágora ou no Fórum, de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, exclusivamente con tarxeta de crédito.
No caso dos pagamentos por transferencia, será imprescindible remitir o xustificante ao correo electrónico forumagora@osventos.com ou entregalo nas conserxerías, indicando o DNI/NIE, o nome da persoa participante, o centro correspondente e o obradoiro ou obradoiros abonados.

Segundo recollen os programas, cada persoa poderá solicitar un máximo de dou obradoiros. As actividades están dirixidas a maiores de 18 anos e desenvolveranse entre o 20 de abril e o 5 de xuño. As cotas serán de 20 euros por obradoiro para as persoas menores de 65 anos e de 14 euros para as maiores de 65.

O Concello informa ademais de que o número de teléfono móbil empregado ata o de agora deixará de estar operativo desde hoxe. Unha vez iniciados os talleres, facilitarase un novo número de contacto ás persoas usuarias do programa.

Poden seguir o histórico do conflito dende aquí:

O Concello anuncia a reanudación dos cursos culturais do programa de Lecer para este 20 de abril

Xa se pode alegar contra a planta de biogás da Laracha, rexeitada de forma unánime pola corporación

A Xunta somete a información pública o estudo de impacto ambiental para a planta de biogás no lugar de Vista Alegre, na parroquia de Soandres, municipio da Laracha, que promove Bioenergía A Coruña, un proxecto que foi rexeitado de forma unánime pola corporación no pleno municipal celebrado a finais de marzo.

O propio goberno local do PP sinalou que o Concello “deixou clara a súa oposición” a unha iniciativa que “xerou unha fonda preocupación entre veciños”. Durante o pleno, o alcalde popular, José Manuel López Varela, deixou claro que defenderá aos veciños e a protección da contorna.

A planta busca a valorización de residuos orgánicos de procedencia agrogandeira e da industria alimentaria para a produción de biometano, con características que permitan inxectalo na rede de gas. Agora, poderán presentar alegacións durante o prazo dun mes. En detalle, prevese procesar un máximo de 63.500 toneladas ao ano dunha mestura de residuos orgánicos (sólidos e líquidos), dos cales 6.500 toneladas estarán clasificados como residuos Sandach de categoría 3.

O proxecto presentado recolle que as instalacións se situarán na contorna de Vista Alegre, onde “se rexistran un total de 27 edificacións”. Ademais, proxéctanse redes separadas para a recollida dos distintos fluxos de augas residuais que se xerarán na instalación, cun destino diferente en función da súa natureza.

Unha nai fará folga de fame na Xunta para que dea educación especial ao seu fillo, sen ela desde hai 14 meses

0

A coruñesa Carmen Villar porase en folga de fame desde este luns fronte a un edificio administrativo da Xunta da Coruña para que a Administración autonómica actúe sobre a situación do seu fillo de acollida, de 15 anos e cun 49% de descapacidad recoñecida, que leva 14 meses sen estar escolarizado.

B. (inicial do menor), que ten un grao de dependencia severo, foi acollido de forma permanente por Villar e a súa parella hai 12 anos e está, ademais, baixo tutela da Xunta. Estivo nos cursos 2023-24 e 2024-25 no centro Agarimo (Arteixo), onde, segundo relata Villar a Europa Press, “conviven nenos con diferentes casuísticas”.

O propio equipo educativo admitiu á familia unha “falta de medios”, que derivou en múltiples incidentes, que se saldaron coa súa expulsión cautelar en febreiro de 2025 por motivos de seguridade. “Puxeron unhas medidas cautelares nas cales se explica que non poden garantir a integridade do neno dos seus compañeiros nin do equipo educativo”, critica.

Desde entón, non regresou a un centro destas características. Ante esta situación, a súa familia sente nunha situación de “desprotección institucional”, que Carmen Villar denunciará publicamente cunha folga de fame fronte á Delegación Provincial da Consellería de Educación.

Acudirá ás 09.00 horas deste luns ao edificio da cidade herculina e esperará, coa documentación en man, “ata que alguén a atenda”. “Estarei alí ata que se solucione ou me aguante o corpo. Non me deixaron outra”, advertiu.

14 MESES SEN ESCOLARIZAR

En total, son 14 meses nos que B. acudise a un colexio: “Canto máis tempo pasa sen escolarizar, máis se agrava a situación. Este ano perdido xa non o recupera”. Neste tempo, houbo un período no que foi trasladado a un centro de protección de adolescentes en Lugo, orientado a apoiar o control de alteracións conductuales e do que tamén foi expulsado.

Neste caso, foi un auto xudicial o que ditou, en decembro de 2025, que o neno debía vivir coa súa familia e acudir a centro de educación especial. “É unha petición totalmente lexítima. Onde vai estar?”, reclama a súa nai.

A pesar diso, e á documentación técnica achegada, en marzo de 2026 a Administración volveu propor a escolarización do menor no mesmo centro (Agarimo), que previamente recoñecera por escrito carecer dos recursos persoais, terapéuticos e de seguridade imprescindibles para atendelo.

Este luns trasládase a parada de bus metropolitano para a peonización de Entrexardíns

0

Este luns 13 de abril a parada de bus metropolitano de Entrexardíns trasládase á á nova
localización na rúa Alcalde Manuel Casás, no lateral do Colón.

O proxecto de remodelación dos Cantóns entrará o próximo nnunha nova fase, co peche ao tráfico de Entrexardíns, para comenzar a súa peonalización, unindo así as dúas metades dos Xardíns de Méndez Núñez.

A actuación afectará ata o treito final da rúa Santa Catalina.

O corte de Entrexardíns e o traslado da parada do bus son as modificacións na mobilidade da zona nesta fase da obra. Polo demais, o tráfico mantense como ata agora en ambas as direccións, tanto no Cantón Grande como no Pequeno, e as zonas de carga e descarga seguirán estando situadas na rúa Nova e en Durán Loriga.
A remodelación dos Cantóns avanza con máis da metade da execución superada.

Máis novas

A Coruña inicia unha nova fase de obras nos Cantóns co traslado da parada do bus metropolitano

Avanzan as obras dos Cantóns, con inicio da próxima fase a comezos de marzo

As obras para a renovación dos Cantóns comezarán no primeiro trimestre de 2025

 

Ferido un neno de 10 anos nun atropelo na Coruña que lle fracturou unha perna

0

Un neno de 10 anos foi ferido, cunha fractura nunha perna, nun atropelo ocorrido na noite do sábado na Coruña, na Avenida das Conchiñas. O menor permanece ingresado de forma estable no Hospital Materno Infantil, segundo informa o 061.

Un particular alertou ao 112 Galicia, preto das 21.00 horas, de que había un neno ferido por este suceso, aínda que estaba consciente. O incidente ocorreu á altura do número 13, onde se atopa a saída do aparcadoiro e xunto a un parque infantil.

A central de emerxencias trasladou o aviso aos Bombeiros da Coruña, á Policía Local, a Proteccion Civil e ao persoal do 061. En base ao relato do persoal sanitario, unha ambulancia trasladou ao menor ao centro hospitalario cunha fractura de perna. Alí foi intervido e, actualmente, segue ingresado, pero sen complicacións.

O cambrés Sergio de la Iglesia Varela supera adversidades para competir en motociclismo a nivel estatal

0

Novo programa de SKPMotor CuacFM xa nas redes e na web de CUAC.FM. Tralo obrigado “Momento Bache” inicial, mencionando unha fochanca na curva de acceso á estrada de Pocomaco desde Alfonso Molina e outro no Parking público do Burgo en Culleredo; o programa dirixido por Xurxo Varela, daba a benvida nos estudios da Zapateira ao novo piloto de motos Sergio de la Iglesia Varela (17anos). 

Veciño de Cambre, Sergio tiña 6 anos cando se subiu por primeira vez a unha Minimoto no desaparecido Circuíto de Gandarío. A partir de aí foi evolucionando competindo no Campionato Galego de Velocidade ata dar o salto no ano 2023 ao Campionato de España de Superbikes competindo na Categoría de SuperSport 300.

Esta tempada 2025 acaba de comezar para Sergio o pasado 19 de marzo no Circuíto de Jerez pilotando unha Kawasaki 400 na estrutura do equipo andaluz Box77 Competición. En Jerez, Sergio acabou en P4 na carreira do sábado e P10 na do domingo, e comenta que chegaba un pouco “oxidado” despois do inverno sen adestrar e case sen competir.

Espéranlle 6 carreiras máis nos circuítos de Jerez, Navarra, Estoril e Motorland. O hándicap máis importante que ten este novo piloto de Cambre é a dificultade para poder adestrar, xa que en Galicia non dispón dun circuíto adecuado para a súa disciplina, esta semana Santa de desprazou ata Valencia para adestrar no Aspar Circuit.

Ata Noia

O pograma do xoves ás 23:00h, completouse cunha entrevista telefónica con Manuel Castro Presidente da Escudería Berberecho, organizadora do 40º Rally de Noia que se celebrará o 17 e 18 de abril por estradas de Brión, Lousame e Noia. ABerberecho é unha Escudería con 50 anos de historia organizando diferentes carreiras de automobilismo e o seu primeiro rally foi en 1984.

Manuel leva dous anos á fronte da presidencia da Escudería e sorpréndelle que en apenas 48 horas completouse a lista de inscritos chegando ao tope de 140 pilotos que permite o regulamento do Cpto. Galego de Rallys. Nesa lista de inscritos destacan dous vehículos pouco habituais nos rallys galegos, o Ford Puma N5 de Francisco Oviedo e o Opel Adam R2 de Jorge Pérez.
A Copa con máis pilotos inscritos volve ser a Criterium Galicia Recalvi con 29 pilotos loitando polo triunfo.
A acción desta 40ª edición do Rally de Noia comezará o venres 17 abril coas Verificacións Oficiais de 12 a 16.30 h para dar paso á Ceremonia de Saída ás 20h.
O sábado correrán os tres tramos TC1-Noia Tambre TC2-Lousame e TC3-Brión a dobre pasada desde as 10.30 h para finalizar no Parque Pechado de Labarta ás 18.30 h.

Podes escoitar o programa premendo esta ligazón ou acceder a todos os seus programas no seu espazo en www.cuacfm.org. E tamén podedes seguir tamén a través das redes sociais en Facebook e Instagram @escapemotor.cuac.