Inicio Blog Páxina 10

O Norte Cinema Diverso reflexionou sobre a homosexualidade na terceira idade

0

A terceira edición do Norte Cinema Diverso (NCD) desenvolveráse os días 25, 26 e 27 de novembro de 2026. Pero este xoves 26 de febreiro, a Asociación Palestra quixo celebrar a antesala do festival cunha sesión especial.

O Teatro Colón acollía a proxección de “Maspalomas”, un filme que narra a historia dun home de 76 anos que se ve obrigado a ingresar nunha residencia e enfrontarse de novo á ocultación da súa identidade.

Trala ateigada proxección, Fernando Cayazzo, codirector do certamen coruñés, e Luciana Rey, escritora e voluntaria da Fundación 26 de Decembro na Coruña, reflexionaron sobre a realidade das persoas maiores LGTBIQ+, o edadismo e a experiencia da ter que volver ao armario na terceira idade.

Educa

En paralelo, a entidade segue espallando a liberdade sexual polos institutos da cidade.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by NCD (@norte_cinema_diverso)

Máis novas

A española “Transición” leva o premio Trini Falcés do Norte Cinema Diverso

O NCD Educa é “moi necesaria porque hai persoas que se ven oprimidas e necesitan que a súa realidade se normalice”

 

Os médicos consideran irresponsable que o conselleiro se negue a negociar para evitar unha nova folga en Galicia

0

Continúan en loita os profesionais tanto da Atención Hospitalaria como os da Atención Primaria. De feito, os médicos comezarán un paro indefinido a partir deste luns 2 de marzo en todos os centros de Saúde da Atención Primaria ante a pasividade da Xunta no proceso de nogociación.
Máis de 3.000 médicos e facultativos adscritos ao Servizo Galego de Saúde están chamados a unha folga, convocada polo sindicato O’Mega, que ameaza con cancelar cada día máis de 8.000 consultas e aumentar aínda máis as listas de espera na xa moi conxestionada Atención Primaria da Comunidade Autónoma.

Así o denuncian dende o sindicato médico maioritario en Galicia, considerando que a negativa do conselleiro de Sanidade a negociar supón unha “irresponsabilidade” que prexudicará a ducias de facultativos e a miles de usuarios da Sanidade Pública galega.

O’Mega, pídelle a Antonio Gómez Caamaño, que “abandone a súa actitude prepotente e acceda a negociar cos representantes dos médicos un plan de choque para desconxestionar a Atención Primaria”.

“O conselleiro di que O´Mega non quere realmente negociar, pero o certo é que desde que tomou posesión do cargo non se sentou a negociar cos verdadeiros representantes dos médicos” , asegura o presidente do sindicato, Manuel Rodríguez, que engade que Caamaño “dialoga pero non negocia” e asegura que o conselleiro de Sanidade “sabe perfectamente cales son as verdadeiras reivindicacións dos médicos e facultativos do Servizo Galego de Saúde”.

Manuel Rodríguez afea ao conselleiro de Sanidade que reclame do Goberno central que dialogue cos sindicatos cando para evitar a convocatoria de folgas a nivel estatal pero se negue a negociar cos representantes dos médicos galegos para evitar unha folga en Galicia.

As medidas adoptadas, “máis burocracia”

O sindicato médico maioritario en Galicia considera que as solucións economicistas formuladas polo conselleiro para tratar de garantir unha lista de espera dun máximo de catro días en Atención Primaria están condenadas ao fracaso porque terán un impacto nulo ao non ser negociadas cos verdadeiros representantes dos médicos e facultativos galegos e buscar como solución á falta de médicos a contratación de extracomunitarios, unha vía que xa fracasou cando foi proposta hai meses.
O’Mega considera que a Consellería pretende solucionar o problema con máis burocracia e sobrecargando aínda máis o traballo dos facultativos cando nin sequera se plasmaron aínda as medidas pactadas cos sindicatos de clase para desmobilizar a folga de médicos do pasado mes de novembro e que os médicos xa consideraran no seu día totalmente insuficientes.

Solucións

Para desconxestionar a Atención Primaria en Galicia e evitar o colapso dos centros de saúde e os PAC (Puntos de Atención Continuada), o sindicato considera que é necesario poñer en marcha un plan de choque que reduza a sobrecarga asistencial.

Para iso, as reivindicacións dos profesionais pasan polo establecemento de axendas pechada, cun máximo de 30 pacientes por xornada laboral, e incentivar economicamente a prolongación da xornada para atender a sobre demanda.

O’Mega esixe tamén a voluntariedade do traballo dos sábados, que debería ser mellor remunerado nos Puntos de Atención Continuada, e un reaxuste das presenzas nos PACs para manter un cociente de 30 pacientes por médico.

Ademais, o sindicato reclama a equiparación salarial entre os facultativos de Atención Primaria e o fin da discriminación na retribución dos complementos a pediatras, odontólogos e farmacéuticos,

 

Máis novas das folgas da sanidade pública

Os médicos convocan folga indefinida dunha semana cada mes, para reclamar un estatuto propio

A Atención Primaria volve poñer en folga os Centros de Saúde o vindeiro 12 de marzo

As chaves da folga de médicos na atención primaria galega

 

 

Rescatan o revolucionario documental “O Aparecido” feito en 1981 sobre a vida de Manuel Antonio

0

A asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros prepárase para unha proxección moi especial. O Fórum Metropolitano acolle o vindeiro luns 2 de marzo ás 19:30 documental “O Aparecido”.

Dirixido por José Antonio Jiménez, o filme debulla a historia dunha curtametraxe de ficción gravada en 1981, en Super 8, por un feixe de novos artistas da provincia sobre a vida do poeta Manoel Antonio.

Esa curtametraxe extraviouse, pero no ano 2020 aparece de novo, para rescatar a súa historia, e contar como se fixo, por que se fixo e o movemento artístico teatral que acontecia na cidade da Coruña naqueles anos, coas entrevistas a os actores participantes Santiago Prego, Victor Mosqueira, Francisco Jorquera, Victor Barús e Luisa Veira entre outros.

Familias e entidades quecen a manifestación das ANPAS deste sábado por un ensino público de calidade

Este sábado 28 de febreiro, ás 11:00 horas, unha marea de familias percorrerá o treito entre a praza de Ourense e o paseo do Parrote. A Federación Provincial de Centros Públicos da Coruña esrá a mobilizar a medio país para revidincar un sistema educativo público digno.

Ademais de ducias de ANPAS que xa confirmaron a súa presenza, a mobilización conta co apoio da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana (FAVA Coruña), que tamén denuncia os problemas que se veñen agravando nos últimos anos e que repercuten directamente na calidade da educación que reciben os nenos e a mocidade. Entre as principais preocupacións sinaladas polos convocantes e que a Federación tamén comparte, destacan:

  • Ratios excesivas nas aulas, que dificultan unha atención axeitada e personalizada.
  • Profesorado sobrecargado, con crecentes cargas e con recursos cada vez máis insuficientes, o que compromete a calidade dos proxectos educativos.
  • Falta de especialistas e de persoal de apoio, imprescindibles para garantir unha resposta adecuada ás necesidades de todo o alumnado.
  • Atención insuficiente ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEE e NEAE), que require recursos e profesionais especializados que non sempre están dispoñibles.
  • Deficiencias no equipamento dos centros, debido á falta de renovación ou ao avellentamento do mesmo o que xera problemas diarios para a comunidade escolar.
  • Carencias de accesibilidade, que seguen a impedir que moitos centros sexan espazos plenamente inclusivos.

Así, as familias piden unha planificación real e eficacia administrativa para poder ter uns recursos humanos suficients, e unhas instalacións coidadas e respectuosas.

A Federación de ANPAS da Coruña alerta dun deterioro “alarmante” en 70 centros públicos e convoca unha manifestación na cidade

Anpas e Afas convocan unha gran protesta na Coruña contra os “parches” na educación pública

Máis novas sobre o Ensino Público

Outras novas das ANPAS

 

“Therians” como unha nova distracción fascista máis

0

Non sempre coinciden as miñas opinións como persoa e como sociólogo, de feito, soe ser unha dicotomía ca que supoño que ten que vivir todo aquel que se dedique ó estudio e deconstrucción das sociedades. O sociólogo fundamenta e racionaliza as cousas que como persoa non se ven e ó revés, a persoa ponlle algo de emoción necesaria ó sociólogo para que este non se convirta no que Horkheimer e Adorno temían dunha sociedade completamente racional derivada da racionalización ilustrada. Por exemplo, como sociólogo sinto amargura por Arxentina e todo o que ten que estar a vivir esa poboación, azoutada polo libertarismo máis canceríxeno que pode haber dun ser tan desprezable coma Milei, querendo volver a impoñer case a escravitude da xente. E como persoa penso: estivéchedes raiando con “somos campeones del mundo papá” e “libertad carajo” non sei canto tempo e agora tócavos desfrutar do que votáchedes. Mais hai que antepoñer a socioloxía a ese pensar e centrarse no que de verdade ocorre: unha sociedade tremendamente enganada por un aparato político e mediático, o que, a día de hoxe, intenta camuflar o da xornada laboral de doce horas coa alarmante aparición (en realidade non) duns seres malignos que deben vir a facelo mal máis puro.

O mellor que se pode facer nesta cuestión é simplemente non falar dela para non seguir xirando a roda, mais coma sempre, tamén é difícil deixar pasar o tema e que os de sempre se saian coa súa. Non é que sexa un experto no movemento therian, de feito coñezo ben pouco deste asunto, mais non por iso resulta difícil ser empático cun grupo de xente que se identifica cunha cousa ou outra sen facerlle dano a ninguén.

En primeiro lugar, e en relación especialmente ás quedadas (ficticias ou non) que se produciron nesta cidade e en outras tantas partes, pobre mocidade. Unha mocidade que creceu nunha sociedade hipertecnoloxizada, que experimentou a vida e as relacións sociais, en maior ou menor medida, a través dunha pantalla. Dunhas redes sociais (como medios de comunicación) que expanden a mensaxe neoliberal e individualista (chea de odio, desigualdade e bullying) por canto recuncho encontran. Que se atopan nun mundo capitalista cheo de fascismo, guerras, xenocidios, desigualdade estructural, falta de oportunidades… E todo retransmitido en directo. Unha mocidade que ve como un fascista pedófilo é presidente do país máis poderoso, non por casualidade, senón por formar parte dun entramado estructural que goberna o mundo invadindo outras rexións, saqueándoas en nome da liberdade e por enriba, é xente respetada e aclamada. Donos das empresas máis importantes e medios de comunicación que dirixen a opinión pública e o foco de atención de maneira partidista. E é a mesma mocidade que verá na casa como os seus pais e nais madrugan para traballar duro e de xeito honrado para poder chegar a fin de mes, e inda así con dificultades.

Unha mocidade que abre calquera aparato tecnolóxico e en cuestión de segundos xa ten ó Xocas, a Vito Quiles ou a vinte eruditos coma eles subvencionados polo poder que o algoritmo (sempre servil da hexemonía) lles expón, explicándolles como é a vida, como hai que vivila, o mal que vai o país, os impostos que non hai que pagar, a meritocracia, os inmigrantes que rouban e violan, agora unha ola crecente de catolicismo ultraconservador, etc. Non é unha xeración de cristal, iso dende logo. Non hai que ser paternalista cos máis novos e novas. É unha xeración forte, consciente e sensible. E é dificil o mundo no que se teñen e temos que manexar na actualidade. E sen ferramentas para facelo inda resulta máis complicado. Se pensamos que as xeracións máis novas son máis sensibles e conscientes coa sociedade, que pode ser unha afirmación plausible en relación á cantidade de información que teñen dispoñible e pola educación e socialización que reciben basadas nesa sensibilidade, tamén podemos deducir que pode ser unha mocidade á que lle afecten máis as problemáticas sociais ás que lle teñen que facer fronte. Porque o de que o mundo vai mal é de sempre, non estiveron mellor noutras épocas (ou si, a evidencia empírica di que si). A diferencia máis significativa é o espacio que ten a ideoloxía hexemónica para expandirse, as canles que usa e os xeitos de oprimir ós individuos. E contra isto, na actualidade, faise moi difícil vivir unha vida sa, con paz mental, con acougo, con dignidade, conciencia, benestar económico, etc.

A corrente therian, como tantas outras, responde a un berro de afogo. De fuxir deste mundo e o sufrimento que produce. De forma inconsciente e probablemente derivado de problemas emocionais e psicolóxicos que precisan axuda dos expertos de saúde mental. Mais é que a saúde mental no ten que ser un parche que intente reparar os danos dunha sociedade podre. É deber doutras ramas, doutras institucións e doutros axentes sociais construir unha sociedade onde a saúde mental sirva para fortalecer e axudar antes que para arreglar. É unha mocidade que moito ten que sufrir, incluso sen darse conta, para elixir significarse coma un raposo antes que cunha persoa adulta e funcional, sendo esta o prototipo de persoa que o sistema vende que debemos ser, polo tanto soñamos e aspiramos a selo.

Mais a verdade é: quen, en pleno uso das súas capacidades, quere ser unha persoa funcional?

Acaso ten máis lóxica levantarse cada día ás sete da mañá para ir traballar oito horas nun traballo que detestas só para satisfacer unhas necesidades materiais que che foron impostas e as que interiorizaches como vitais? Ten moita máis lóxica traballar duro todo o ano enriquecendo a outros que se lucran da túa forza de traballo para viaxar dúas semanas a un destino turístico masificado? A verdade é que non sei quen é máis ridículo. Mais do mesmo xeito, tanto o que se cre raposo como o que se cre clase alta sendo clase obreira, son vítimas enganadas por un sistema social que se nutre da súa ignorancia. Mais se se mira con perspectiva, a diferencia é que o que se cre raposo ten a dignidade de, involuntariamente, intentar escapar dun sistema que o oprime, e o outro, o do pack viaxe + Airbnb + Instagram e que o resto do ano se queixa de pagar caro o alugueiro, cae (que non se lanza) no sistema de cabeza.

Eses “jovencitos confusos” dos que fala Ignatius Farray, o cal dá no cravo cando di que case estivemos dacordo como sociedade. Case. Faltounos nada. Case iamos cambiar o mundo porque non aguantamos máis vivir encadeados para que uns pedófilos vivan coma reis. Case ían arder as rúas. Colgados dos farois políticos, policías, xuíces, empresarios, algún futbolista e Bad Bunny. Un soño. Porque ó final saíu de detrás dunha xesta un cativo, un “jovencito confuso”, brincando coma un corzo e todo se evaporou. Os medios de comunicación lanzáronse a por el coma se fose unha persoa que escoitou a alguén dicir que ten un primo que coñece a un amigo ó que case lle okupan a casa. Supoño que agora as empresas de seguridade tamén terán alarmas antitherians.

Pasou o momento da revolución e xa estamos noutra cousa. Cada día unha distinta. Cada día un fragmento nesta posmodernidade, que diría Lyotard. Pois todo é efémero, todo chega e vaise coa mesma facilidade e ficamos estériles. Viralizouse o moniño Punch co seu peluche e entenreceu a medio mundo, incluso ós que lle berran “mono” a Vinicius Jr. Mais levamos vendo anos a nenos e nenas palestinas en situacións críticas e os adultos funcionais que se deberían entenrecer non o fan do mesmo xeito, quizais si o fagan os therians e por iso necesitan parecerse máis a un animal que a un adulto, polo menos teñen máis humanidade. Sexa como sexa, se todo o odio e rexeitamento que amosamos por persoas ou grupos de persoas distintas que, incluso poden precisar da nosa axuda, da nosa atención, o exercéramos polos fascistas que manexan o mundo, este mudaba en dous días.

  • Rubén Pérez. Doutorando en Ciencias Sociais e do Comportamento, graduado en Socioloxía e opositor para profesor de Xeografía e Historia. Vamos enchernos e falar de cousas, que diría Grande Amore.

Máis artigos de Rubén Pérez

A Plataforma polo Dereito á Vivenda comeza unha campaña no barrio con maior densidade de poboación de Galicia

O barrio da Agra do Orzán, o barrio de maior densidade de poboación en toda Galicia, é a zona escollida pola Plataforma polo Dereito á Vivenda para comezar unha nova campaña sobre o acceso á vivenda. A entidade, lembra que o barrio ten 30.000 persoas vivindo en medio quilómetro cadrado, onde apenas a día de hoxe hai 20 pisos nas plataformas de alugueiro, e todas a máis de 650€, cunha media de 1000€, o que supón o 80% de salario mínimo.

Esta subida dos prezos do 83% nos últimos 4 anos, fai que a entidade

A primeira acción será o vindeiro o sábado 14 de marzo ás 12 da mañá na praza das Conchiñas para loitar por unha vivenda digna.

Dous incendios en vivendas de Culleredo e A Coruña deixan un ferido

Unha persoa tivo que ser trasladada ao hospital con queimaduras tras declararse un incendio nunha vivenda do municipio coruñés de Culleredo, segundo informou o CIAE 112 Galicia. Os feitos ocorreron pasadas as 5.00 horas deste xoves, cando un particular chamou a Emerxencias para informar de que estaba a arder un colchón no piso superior dunha vivenda situada na rúa Cadaval, en Rutis (Culleredo). Durante a chamada, o alertador explicou que non conseguía apagar as chamas e que xa estaban no exterior.

O 112 deu aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos bombeiros de Arteixo e Betanzos, á Garda Civil, bombeiros da Coruña e Policía Local de Culleredo. Neste sinistro unha persoa resultou ferida, con queimaduras nunha perna, e foi trasladada ao Complexo Hospitalario da Coruña. Os bombeiros traballaron para apagar o lume, que se propagou por toda a vivenda e que quedou controlado sobre as 7.00 horas, aínda que permaneceron na zona para levar a cabo labores de arrefriado.

INCENDIO NA CORUÑA 

Por outra banda, o 112 Galicia tamén informou doutro incendio, ocorrido na rúa Germán Taibo da Coruña, na noite deste mércores. Nese caso, o lume queimou un colchón e varios mobles dunha vivenda, e os servizos sanitarios tiveron que trasladar a outras dúas persoas afectadas por inhalación de fume.

Fiscalía solicita 9 anos de cárcere para o acusado de violar a unha muller nun piso da Coruña

0

Fiscalía mantivo a súa petición de nove anos de cárcere para un home acusado dun delito de agresión sexual a unha muller en setembro de 2021, no piso no que ambos convivían na Coruña. Pola súa banda, a acusación particular elevou a solicitude de pena a dez anos, mentres que a defensa reclamou a absolución do procesado na última sesión do xuízo celebrada na Audiencia Provincial.

Durante a vista oral declararon o acusado —que negou os feitos— e a vítima —que se ratificou na súa denuncia—, así como dúas testemuñas. Unha delas, parella do home, asegurou que ese día mantiveran relacións sexuais e que o preservativo utilizado quedara no baño, argumento empregado pola defensa para soster a hipótese dunha posible transferencia indirecta de restos de seme atopados na denunciante.

Segundo testificaron axentes da Policía Nacional, estes restos eran compatibles cos do acusado. Non obstante, a xinecóloga que atendeu á muller explicou que non se pode confirmar nin descartar esa transferencia indirecta, aínda que indicou que a denunciante relatara que non houbo penetración, algo que —precisou— non impide a presenza de seme por contacto ou por saída previa de líquido seminal. A parella sentimental da vítima naquel momento afirmou que ela lle chamou pedindo axuda e que tardou varios días en contarlle o sucedido, explicándolle que o acusado tivo “intención de penetrala, pero non do todo”.

Segundo a versión do Ministerio Público, os feitos terían lugar no domicilio que ambos compartían na cidade herculina. Pola súa banda, o acusado reiterou ante o tribunal que “non houbo tocamentos, non houbo relación sexual, non houbo nada”, e describiu á moza como “unha irmá pequena”, xa que fora acollida na súa casa por petición das familias, amigas entre si. Na súa declaración, tamén sostivo que o día dos feitos estaba lesionado e necesitaba axuda practicamente para todo, argumento que a defensa emprega para cuestionar a acusación.

A CIG-Ensino denuncia o “abandono” e a deterioración estrutural de centros educativos na Coruña

0

CIG-Ensino denunciou unha deterioración “estrutural” en centros educativos da provincia da Coruña e urxe actuacións inmediatas a este respecto. “O que o conselleiro de Educación vende como ‘normalidade’ é, en realidade, un escenario de deterioración estrutural e abandono que afecta directamente a vida cotiá de miles de estudantes e docentes”, sinala a organización nun comunicado.

Por outra banda, indica que a realidade que o sindicato observa nas visitas aos centros educativos dista moito da “propaganda da Xunta“. Segundo a central, moitos centros presentan graves deficiencias como pingueiras crónicas, sistemas de calefacción obsoletos, falta de illamento térmico e problemas de accesibilidade que impiden a educación inclusiva.

O sindicato remarca que moitos deles, como o CEIP Virxe do Portal en Sobrado dos Monxes, o CEIP Sal Lence e o CEIP de Prácticas, ambos na Coruña, ou o IES Ferrolvello, levan anos esperando que se resolvan os problemas que impiden o normal desenvolvemento da actividade docente.

Finalmente, sostén que noutros casos como o CEIP Rosalía de Castro da Coruña as deficiencias afectan á accesibilidade do alumnado con problemas de mobilidade. Así mesmo, apunta que noutros centros como o IES Eduardo Pondal de Ponteceso presentan tales deficiencias e carencias que mesmo lles impiden utilizar as instalacións con normalidade.

O Consello da Memoria Democrática propón aplicar o informe José Cornide tras 5 anos no caixón

Pasaron 9 meses dende a última sesión, pero este martes 24 de febreiro volveu convocarse o Consello da Memoria Democrática da Coruña. Así informa, neste caso, o BNG, que agradece a súa convocatoria “aínda que chegue tarde”.

Tarde, pero a tempo, tamén chega a aposta por levar ao Pleno a proposta de cumprimento da Lei de Memoria Democrática, coa aplicación do Informe elaborado polo Instituto José Cornide sobre os símbolos franquistas que aínda existen nos espazos públicos da Coruña. I é que o informe está dispoñible dende hai 5 anos, incumprindo a Lei de Memoria Democrática, como denuncia o propio grupo nacionalista, e outras entidades da cidade.

“Desde o BNG, celebramos que, nove meses despois, por fin se teña realizado unha sesión do Consello da Memoria Democrática, ao tempo que valoramos tamén moi positivamente a proposta de levar a Pleno unha demanda moi reiterada por parte do movemento memorialista da Coruña, a de eliminar por fin toda a simboloxía franquista que segue presente nos espazos públicos da cidade”, afirma Mercedes Queixas.

No informe do Instituto José Cornide, dado a coñecer en novembro de 2021, instábase a retirar honras e distincións a connotados franquistas como Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina ou Sergio Peñamaría de Llano.

Máis novas de memoria democrática

Elementos franquistas continúan na Coruña, denuncia a Comisión pola Memoria que pide a súa retirada inmediata

“Os tempos son chegados”: Monge consegue o compromiso municipal para eliminar os 378 símbolos franquistas da cidade

Presentan un informe para solicitar a eliminación de 373 símbolos franquistas na cidade da Coruña