Inicio Blog Páxina 156

Correa Corredoira: “Fago un chamamento á refundación da Luís Seoane”

Con afán “positivo” e “propositivo”, e coa libertade de ser unha “persoa maior e rica”, Tono Correa Corredoira quere facer “un chamamento á Concellería de Cultura e á alcaldesa da Coruña para afrontar unha necesaria refundación da Fundación Luís Seoane”. O pintor herculino lanza esta idea ás preguntas do Xornal da Coruña tralo polémico concurso de contratación “directora substituta”, que xa denunciaba Ángel Calvo Ulloa.

”Porque sei que hai xente boa no Concello, e porque a cidade non se merece isto, non se merece este Padroado debilitado, inerme”. “Non o digo de forma destrutiva. Ata aquí chegamos, pois a partir de agora refagamos unha reforma de estatutos, unha renovación do Padroado”, reflexiona pola deriva da entidade.

Lembra que “Luís Seoane foi o primeiro pintor moderno da historia de Galicia, unha persoa humanista, aberta, un home grande, xenerosa, de esquerdas, que eu penso que non merece tanta mediocridade desta Fundación que sofre da agonía e desleixo. É un momento triste, porque nin Luís Seoane nin a Coruña merece isto”.

Recoñece que hai tempo que non pasa poa Fundación “porque me poño enfermo” (“se por fóra xa dá pena, por dentro é un lugar sinistro, sempre apagado”) e que se sinte ”moi preocupado porque a Fundación Luís Seoane está chamada ser dende a súa Fundación o referente do arte actual na cidade. Hai que darse conta que a Coruña carece doutro centro de arte contemporáneo, nunca o tivo. Houbo un proxecto de Museo no que agora é a Casa das Ciencias. O Kiosko Alfonso non pasa de ser unha sala de exposición. O Museo de Belas Artes está moi xustiño, e ademais non compra, vive das doazóns. Houbo un tempo que tivemos o MACUF, que si que facían exposicións, pero estaban en mans privadas e non lles interesou seguir coa cultura”, repasa. “É necesario que sexa un referente para a cidade”.

Pero lamenta que “Coruña está a velas vir, respecto á arte contemporánea. Non temos referente; en Compostela está o CGAC; en Vigo o Marco e ata en Ferrol o Centro Torrente Ballester que funciona co máis empaque que esta Fundación”.

”A Fundación ten que espertar”

”A Fundación ten que espertar. Ten que facer unha renovación profunda. Co investimento que ten, porque cartos, hai, non se pode ter o edificio despintado, por favor… Non fai falta máis que ver o estado exterior, con pintadas…”, reflexiona mesmo afectado.

E iso que a el nin lle vai nin lle vén. “A min non me interesa facer máis alí, non quero nada, o que quero é pola Coruña, porque é unha cidade na que me formei, me fixen, aínda que pase temporadas en Cádiz e viva en Oza dos Ríos, teño o berce do meu corazón na Coruña, unha cidade aberta, con moita luz como o seu faro. Por iso son sincero, e penso que o Padroado ten moita culpa do que está pasando, polo menos a responsabilidade”.

Con todo, ten esperanza. “Penso que a Concellería de Cultura quere facer cousas, creo que hai xente boa que ten vontade de facer cousas positivas pola cultura na cidade, mesmo acompañando. Se se poñen as fan, que ata me fixeron chorar na homenaxe a Francisco Miguel. Pero é que o Concello ten responsabilidade neste asunto, que é quen pon o presuposto. Pediríalle por favor que se poña as pilas e lle dea un empuxón dunha vez”, invita como “veterano das artes da Coruña”.

Os procedementos

Lembra con envexa os anos baixo a dirección de Alberto Gonzalez Alegre e mesmo os de David Barro, co que Correa xa fixera algunha exposición, lembrando que “marchou coa cabeza ben alta cando lle impuxeron á directora que abrochada ao seu posto, e agora dirixe o Centro de Arte Contemporánea de Mallorca”.

Refírese, con certo desprezo, á agora deputada socialista Silvia Longueira, e critica xa “a torpeza” que supuxo ter que asumir a unha “directora abrochada ao seu cargo porque gañou un xuizo contra o padroado”, que xa pedira unha excendencia en 2007 para ocupar postos de responsabilidade municipal, pero que cando volveu en 2011, “non a quería ninguén, foi unha época nefasta… Tiña a todo o mundo enfrontado, ao Padroado e ás traballadoras. E creo que o mal momento actual vén de aí, de non resolverse todo ese enfrontamento, e o Padroado quedou debilitado, inerme, sen forza, sen palabra, sen criterio, derrotado, e segue a velas vir…

A realidade é que os lodos actuais na dirección da Fundación veñen de aí. Longueira dixiriu a Fundación durante todos estes anos de perfil baixo, de 2016 a 2024, cando volveu pedir unha excedencia para ir como deputada socialista ao Parlamento Galego. Foi aí cando o Padroado nomeou a Carmen Jiménez, que traballaba como conservadora na propia Fundación, como “directora temporal”, e tivo que pasar un ano e medio para convocar unha praza, na que, como denunciaba ADACE, nun concurso amañado onde a entrevista valía moito máis que a traxectoria curricular coa intención de dirixir a contratación para manter a Jiménez no posto.

”O padroado está adocenado”

É crítico co actual Padroado da Fundación, que preside a rexedora, cunha vicepresidente é Xosé Díaz Castro, Abraham Piñeiro com osecretario, e como vocais membros da Xunta, da UDC, da RAG, da Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes da Coruña, así como membros de PP e BNG, ademais do fotógrafo Manuel Vilariño e o arquitecto Manuel Gallego Jorreto. Un Padroado que delegou nunha Comisión Permanente o proceso de contratación, pero que polo de agora, nin a rexedora nin dende a dirección se prestaron a facer declaracións.

”O padroado está adocenado, non está comprometido con Luís Seoane. Eu coñezo a case todos. E moi duro o que estou dicindo son xentes das artes e algún compañeiro. Non digo todos e cada un, pero o conxunto, a manda que hai aí, fala dun padroado envellecido, carca, de pequeno burgués”, lamenta. “Non saben o que queren, non hai proxecto, non hai rumbo, non saben cara onde van”, critica, ao mesmo tempo que reitera que lanza todo isto en clave propositiva, e por amor á cidade.

Máis novas

Correa Corredoira, recoñecido na súa casa nunha “festa da arte”

O concurso da praza de “directora substituta” da Fundación Luís Seoane, novo exemplo do abandono dunha da xoias culturais da cidade

ADACE cuestiona “a equidade do concurso e a confianza na gobernanza da Fundación Luís Seoane”

O BNG e Sumar tamén denuncian o polémico concurso da Fundación Luís Seoane

O TSXG rexeita a suspensión cautelar da taxa turística da Coruña

0

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou a suspensión cautelar da taxa turística na Coruña, solicitada polo sector, en concreto a Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña (Hospeco), a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e desde o sector de cruceiros Corunna Cruise Terminal.

Pedíana en relación á ordenanza aprobada polo Concello herculino e tras o recurso a este respecto polo sector, pero, do mesmo xeito que ocorreu no caso de Santiago de Compostela, o alto tribunal galego rexeita a suspensión cautelar.

Entre outras cuestións, denuncian infraccións de procedemento en en a tramitación da ordenanza impugnada, ademais dun “incumprimento palmario” por parte do Concello da Coruña na elaboración e aprobación da ordenanza fiscal.

Fronte a iso, o TSXG sostén que “o risco” das entidades que expuxeron a suspensión “non é desde logo o pago da taxa ou imposto” e incide, de face ao rexeitamento á suspensión cautelar, que “os establecementos a ela asociados, non son o suxeito pasivo do devandito tributo, o son os viaxeiros ou turistas”, rexeitando a existencia dun dano “reputacional”.

“É público e notorio que leste mesmo tributo xeneralizouse en moitos destinos turísticos sen que provocará ese efecto, iso sen esquecer a escasa contía do tributo”. En canto á carga da xestión da mesma alegada, afirma que “son as propias dun operador económico sen que se acredite neste incidente unha intensidade de tal natureza que deba prevalecer”.

RECURSO

A Asociación Provincial de Hospedaxe da Coruña (Hospeco); a de Empresarios de Hostalaría e Coruna Cruise Terminal formalizaron ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) un recurso contencioso administrativo contra a taxa turística implantada na cidade herculina desde o 29 de setembro.

O recurso levaba aparellada unha petición de suspensión cautelar para que a taxa se dejease de aplicar ata que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pronunciásese sobre a súa legalidade.

O recurso e a medida cautelar están, explicaron no seu momento, “avalados por un informe da Universidade de Santiago de Compostela”. Os recorrentes alegan que a ordenanza “non cumpre os requisitos legais da Lei 5/2024 e que a medida está inxustificada e incorrectamente fundamentada”.

“Os expertos destacan que A Coruña non sofre saturación turística e que o turismo xa xera un saldo fiscal positivo para o municipio”, indican en base aos argumentos avanzados xa antes da implantación da taxa turística. Ademais, Hospeco entende que a recarga por persoa e pasa a noite, “pode danar a imaxe da cidade, afectar negativamente aos pequenos establecementos e desviar tráficos de cruceiros a outros portos”.

A AVVCC da Falperra critica o reparto das subvencións ás Asociacións de Comerciantes

0
  • Dende o Concello aseguran que “eses fondos se reparten en relación á actividade que realiza cada entidade”.

— — — — —

No último orzamento municipal incluíase un convenio nominativo coa Federación Unión Comercial Coruñesa FUCC, por importe de 75.000.-€ coa finalidade de “contribuír ao sostemento da FUCC a través da contratación de persoal e outros gastos e apoio ás asociacións de comerciantes da cidade coa posta en marcha de proxectos de dinamización comercial das asociacións de comerciantes da cidade”.
Pero a FUCC renunciou a este convenio alegando razóns de imposibilidade de execución, e a Concellería de Emprego, Comercio e Mercados aceptou esta renuncia presentada pola Federación.

Ante esta situación, o Goberno municipal modificou o Anexo de Subvencións 2025 para incluír 10 subvenciones nominativas a 10 asociacións diferentes de comerciantes da cidade da Coruña, por un importe total de 75.000€, os mesmos que renunciara a FUCC.
Un reparto, que dende o Concello asegura ”eses fondos se reparten en relación á actividade que realiza cada entidade”.

Non gustou a todo o mundo o reparto, en calquera caso. A Asociación de Veciños e Comerciantes A Falperra enviou un comunicado para expresar a súa “indignación” polo que entenden un “trato discrimintario” pola “repartición discrecional” realizada polo Concello. Así, se o convenio Concello / FUCC deixou o ano pasado 6.000€ do convenio (que se aumentaron en 1.000€ máis) nas arcas da entidade, este ano veñen de recibir 3.500€.

A entidade pide explicación a Inés Rey ao entender que “non foi un erro, foi unha decisión premeditada”.

Outras novas

Adxudicadas as obras do novo Santa Lucía: As obras comezarán antes de que finalice o ano

O escritor Antonio M. Fraga percorrerá a Coruña da súas literatura nun novo roteiro da AELG

0

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lanza unha nova saída pola cidade da Coruña. O Roteiro Illas. Faros. Nortes. A Coruña de Askja, guiado por Antonio M. Fraga, vai ter lugar o sábado 25 de outubro, a partir das 12:00 horas, tendo como punto de partida a Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso. Non é necesaria inscrición previa.

Esta iniciativa da AELG pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.

Nun exercicio de nostalxia autorreferencial, Antonio M. Fraga fará unha guía por algúns dos espazos polos que transitan as personaxes da súa novela Askja. Lembrarán A Coruña de comezos do milenio a través varios locais (algúns dos cales xa non existen) e cruzarán o espello para coñecer os seus reflexos mitolóxicos en Islandia.

A actividade conta co apoio do Concello da Coruña.

O persoal das Escolas Deportivas continúa coas protestas tras a “decepcionante” a xuntanza co Concello

0

Despois da primeira concentración de Riazor, e da primeira reunión cos responsables da Concellería de Deportes, o persoal das Escolas Deportivas Municipais volveron á rúa. Concentráronse, esta mañá de xoves 23 de outubro ás portas de María Pita para expresar a súa “decepción pola negativa do Goberno local a atender a súa táboa reivindicativa”.  

Os traballadores e traballadoras, acompañadas de varias ducias de usuarias, e tras dunha pancarta na que esixen melloras laborais e apertura dun novo plego de contratación, berraron “Concello, escoita, o deporte é a nosa loita”, “Polos usuarios e polas usuarias, e pola defensa dos nosos dereitos”.

Dende a CIG lembra que o Concello tiña compretido hai xa catro anos para un avence na dignificación laboral e económica do colectivo. Porén, a resposta recibida pola representación do persoal na xuntanza que o pasado martes mantiveron co concelleiro de Economía, José Manuel Lage, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e persoal técnico do Concello foi un sinxelo “non hai cartos para iso”.

Así entenderon o primeiro achegamento co Concello como “decepcionante” e na que os responsábeis políticos se limitaron a sinalar que os pregos conterán o convenio de aplicación, as condicións “ad personam” e as melloras das persoas subrogadas, “pero máis nada”. “Nin compromiso de tratar ou de estudar as nosas reivindicacións laborais e salariais durante a preparación dos novos pregos da concesión, que se comprometeron a sacar antes de fin de ano”.

Compromisos a estudar

Dende o Concello se comprometeron en estudar durante a elaboración dos pregos algunhas das cuestións demandas para a mellora do servizo. Entre outras, aumentar o ámbito das Escolas Deportivas Municipais aos campamentos e outras actividades de verán, así como o resto de eventos deportivos que se daban na cidade e se xestionaban dende este servizo, co obxectivo de dar máis seguridade aos contratos laborais, e así, afrontar tamén o seguir pasando contratos fixos discontinuos a indefinidos.

Así mesmo, cambiar o calendario das EDM, facéndoo coincidir co calendario escolar; e o calendario dos campamentos de verán, para que cubra todo o período vacacional das escolas, coa finalidade de mellorar a conciliación familiar, tanto dos usuarios e usuarias, coma das persoas traballadoras.

Tamén se comprometeron a revisar e valorar os postos do persoal técnico deportivo que figuran coma persoal non docente, que o prego actual recolle que teñen actividade lectiva pero nunca a deron, e así figuraba en anteriores pregos.

Quedou pendente tratar o mal estado das instalacións deportivas que empregan as EDM, así como o deterioro e escaseza de material deportivo, que tamén constan nas reivindicacións sociais.

Máis mobilizacións

Ante a negativa do Concello, as traballadoras e os traballadores seguirán coas reivindicacións acordadas e, tras da concentración deste xoves, solicitarán intervir no escano cidadá do próximo pleno para reclamarlle ao Goberno municipal que reconsidere a súa postura. Ademais, aproveitarse a ocasión para facer entrega das sinaturas que se están a recoller entre as persoas usuarias en apoio a estas reivindicacións xustas e lexítimas.  Até o momento, xa se recolleron unhas 1.500 sinaturas ao que hai que engadir o apoio dos grupos da oposición do BNG e o PP.

 

Máis novas

 

Persoal das escolas deportivas municipais comezan as súas mobilizacións por unhas condicións dignas e un servizo de calidade

O FIGA afondará na Coruña sobre a diversidade do audiovisual galego

0

Onte coñecíamos o programa da CoruñArt, e hoxe damos conta do FIGA, refrendando o papel da cidade herculina como promotora de iniciativas culturais.

Falamos do III Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), que se celebrará no Espacio Avenida da Coruña e en Cantones Cines entre os días 5 e 7 de novembro. Organizado pola Academia Galega do Audiovisual, co apoio do Concello da Coruña e a área de cultura da Deputación da Coruña, terá como temática central a diversidade do audiovisual.

O programa abordará cuestións como a representación diversa, a igualdade de xénero, a inclusión de persoas con discapacidade, e novas perspectivas na produción e no casting.

Durante tres días, FIGA converterase nun espazo de encontro e reflexión colectiva arredor dos retos que supón construír un audiovisual máis plural e inclusivo. Os contidos están programados pola xestora cultural Salima Jirari, especializada en diversidade, igualdade e inclusión, asesora de proxectos en desenvolvemento con perspectiva de xénero, diversidade e interseccionalidade.

O programa combina proxeccións de curtametraxes e longametraxes, mesas redondas e ponencias, nas que destacadas voces do sector galego e estatal compartirán experiencias e boas prácticas. Entre os asistentes confirmados figuran profesionais como Nati Juncal, Bea Saiáns, Miguel Canalejo, Xiana do Teixeiro, Eva Libertad, Ian de la Rosa, Lucía Estévez, Charli Bujosa, Laura Galán, Kathy Sey ou propia Salima Jirari.

A creadora e performer interdisciplinar Nuria Vil será a encargada de conducir o acto inaugural do FIGA e de presentar o seu espectáculo Flúor significa escuridade, unha peza escénica que combina performance, poesía e música electrónica.

Entradas

As entradas para asistir ao foro terán un custo de 5 euros diarios en concepto de reserva de praza, que deberán aboarse ao completar o formulario de inscrición. Esta cantidade actúa como garantía de asistencia e será devolta integramente ás persoas que finalmente acudan ao evento. O formulario de inscrición está dispoñible desde hoxe na web da Academia Galega do Audiovisual (www.academiagalegadoaudiovisual.gal).

O Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual realizada grazas ao apoio do Concello da Coruña e a área de cultura da Deputación da Coruña, que conta nesta edición coa colaboración de ABANCA.

Máis novas

A CoruñArt afondará en San Agustín na profesionalización do oficio literario, a música e a ilustración

A actriz herculina Lucía Veiga, nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual

A Coruña ponse de cine: Do Festival Lóstrego a un “cancelado” Intersección

Condenado a 9 anos de cárcere un home por violar a unha muller nos arredores dunha discoteca

0

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a nove anos de cárcere a un veciño da cidade por violar, durante a madrugada do 2 de febreiro de 2024, a unha muller ebria nos arredores dunha discoteca situada na zona do Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco).

O tribunal acordou que, unha vez cumpridos oito anos de prisión, o ano substitúase pola súa expulsión do territorio español, ao que non poderá regresar en dez anos. Ademais, impúxolle a prohibición de aproximarse e de comunicarse coa vítima, á que deberá pagar unha indemnización de 33.317 euros, durante 15 anos.

A Sala remarca os feitos son constitutivos dun delito de agresión sexual con acceso carnal, sen violencia ou intimidación, e sen que medie consentimento, “porque se abusa da vulnerabilidade de quen, polo seu intenso estado de embriaguez, carece de capacidade de comprensión e decisión”. O tribunal, tras as probas practicadas, entre elas a visualización das cámaras de seguridade da zona, considera probado que a muller, tras consumir unhas copas de viño, acudiu con dúas amigas a unha discoteca situada na avenida do Porto da Coruña.

Cando accederon ao establecemento, segundo indican os maxistrados, pediron varias consumicións alcohólicas e foron a un reservado con coñecidos dunha delas. Minutos despois, a vítima “empezou a sentirse desorientada e a cambalearse, o que advertiu unha das súas amigas, quen, ao vela nese estado, saíu con ela desa parte da sala”.

Na sentenza, os xuíces sinalan que a afectada accedeu, sen autorización para iso, a unha zona de reservados, molestando a outros clientes. Ante a súa actitude, as relacións públicas do local requiriulle que cesase, pero non o fixo e mostrouse agresiva con el, polo que foi expulsada do local. “Entre as 03.30 e as 04.16 horas, a moza tentou convencer aos controladores de entrada da discoteca para que lle permitisen volver ao interior, onde deixara o abrigo, teléfono móbil e as chaves do seu domicilio, subindo un quince veces as escaleiras da citada porta para iso (esborrallándose e caendo nunha ocasión), sen conseguir o seu propósito”, relata a Audiencia no fallo.

A Sala asegura que, ás 04.18 horas, “en estado de aguda intoxicación etílica, seica combinada con outra sustancia, tropezando, con dificultade para manter o equilibrio e perdida”, decidiu abandonar o perímetro da porta principal e esperar na chaira adxacente de Palexco.

Toda a secuencia na rúa, segundo considera probado o tribunal, foi observada polo procesado, “que roldaba por alí deambulando sen destino e decatouse perfectamente das moi mermadas circunstancias psicofísicas da vítima, de maneira que decidiu aproveitarse diso para satisfacer os seus desexos sexuais”. Así, indica que “se aproximou e colleuna pola cintura cando ela trataba de regresar á discoteca”.

A muller, segundo relatan os xuíces, tentou ir noutra dirección, pero non conseguiu desasirse do acusado, que a levou ao lateral de Palexco, onde caeu ao chan. Nese momento, o acusado, “servíndose da incapacidade de autodeterminación da muller”, violouna. Ao darse conta dos feitos dúas testemuñas que pasaban pola zona, chamáronlle a atención e deron a alerta.

Unha vez que logrou incorporarse, a vítima marchouse ao seu domicilio, pero, como non dispuña das chaves do piso, durmiuse tirada nun felpudo diante da porta ata que pola mañá o presidente da comunidade de veciños chamou a un cerralleiro. A sentenza non é firme, xa que cabe presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Amaral actuará o 21 de febreiro na Coruña, a súa única data en Galicia

0

Amaral actuará o 21 de febreiro na Coruña, na que será a súa única data en Galicia o próximo ano. Así, o dúo zaragozano levará ao Coliseum da Coruña o ‘Dolce Vita Tour’, nun concerto que será unha celebración da música, un reencontro emotivo.

O seu último disco está composto por 15 temas de música renovada e que é un regreso ás súas raíces. As entradas sairán á venda este venres, día 24 de outubro, a partir das 11.00 horas en ataquilla.com, baila.fm e Despacho de billetes Praza de Ourense.

Os propietarios do chan do Castrillón aproban o plan para rematar o barrio

0

Acolleu onte o Ágora unha importante asamblea dos propietarios integrantes da Xunta de Compensación do API Q28 Parque de Oza, para analizar, avaliar e finalmente aprobar, o Plan de Reforma Interior (PERI) e o documento ambiental que permitirán, ao fin, rematar urbanisticamente o barrio do Castrillón coa construción de 1.000 novas vivendas.

Arredor duns 150 propietarios do chan (entre particulares -moitos deles veciños da zona-e o resto dos que conforman o API Q28 Parque de Oza, isto é, Aliseda, a Fundación Juana de Vega, a Sareb, o propio Concello da Coruña e varias mercantís) puideron coñecer, da man do equipo técnico redactor, os pormenores dos documentos urbanísticos (PERI e Avaliación Ambiental Estratéxica).

Maqueta das obras da urbanizacion do Castrillon
Maqueta das obras da urbanización do Castrillón

Agora, unha vez referendados polo plenario da Xunta de Compensación, pasarán ao Concello para que dea comezo a súa andaina. O primeiro será o traslado á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia do documento ambiental para que o seu analise e exposición pública nos prazos fixados por lei e a súa devolución entón ao Concello co seu plácet.

Destacan que o proxecto respecta con exactitude a edificabilidade fixada para ese ámbito no Plan Xeral de Ordenación Municipal do 2013, 136.704,50 metros cadrados, e que incrementa, iso si, o chan destinado a uso e dominio público, ao que destina máis do 63% do chan.

Un funicular

Nos dous estudos presentados, ofrécense solucións para responder as dificultades da propia orografía do terreo nalgúns puntos. Así, proponse un elemento mecánico a modo de funicular ou ascensor inclinado que conectará a rúa Montes con Antonio Ríos-pois o desnivel entre ambas as rúas é de máis de 16 metros- e unha rampla en espiral entre a rúa Montes e o límite do IES de Monelos para dar accesibilidade a ese punto.

Visita Castrillon

Os dereitos urbanísticos e as cesións

Os propietarios integrantes da Xunta de Compensación API Q28 Parque de Oza confían así en poder ao fin exercer os seus dereitos edificatorios tendo en conta que levan máis de dúas décadas esperando por iso. E iso adiantando de maneira altruísta todas as cesións de chan previstas no plan; espazos e infraestruturas dos que gozan desde hai moitos anos todos os habitantes do Castrillón: máis de 55.000 metros cadrados convertidos no Parque de Oza, 5.000 m2 sobre os que se asenta o Centro Deportivo que alberga a piscina municipal ou as rúas abertas ou completadas: 3.600 m2 para a apertura de tramos na rúa Antonio Ríos, 3.300 m2 para a Avda. da Concordia e 4300 m2 para Casanova de Eirís. A todo iso súmanse 840 m2 cedidos, tamén, para a ampliación do Instituto de Monelos.

Máis novas do Castrillón

En marcha as obras de humanización da praza José María Hernansáez, no Castrillón

A veciñanza do Castrillón coñece o proxecto da urbanización das 1.000 novas vivendas

A Xunta de Compensación “Parque de Oza” presenta o borrador do PERI da urbanización do Castrillón