Inicio Blog Páxina 157

Grazas Pepe, un dos derradeiros grandes soñadores

0

Donde estea, estarei por ti, estarei contigo, porque é a forma superior de estar coa vida”.

 

Este pequeno texto non é coma os que adoito escribir, algo máis persoal e menos sociolóxico. Facía moito tempo que non choraba, mais a mañá do mércores sentín un vacío propio de quen sente que un dos derradeiros loitadores idealistas se foi. Sensible de min, caíanme as bágoas vendo e escoitando todos os recordos de Pepe Mujica, e a verdade é que chorei como un meniño que se sente orfo e sen atopar amparo. Pepe foi e será un raio de luz entre tanta escuridade que, como a tanta outra xente ó longo de tantas xeracións ó redor do mundo, me atravesou e deixou en min unha pegada que dirixe o meu camiño e non vai ser borrada xamais.

En primeiro lugar, porque sempre fun un neno cunha serie de ideas que non encaixaban co que eu vía e experimentaba. Parecía que a vida iba por un lado e as miñas ideas por outro, que a pesar de ser un neno cheo de ledicia, amizades e de recibir moito amor, non encaixaba en ningures. Semellaba que a miña maneira de entender a vida e vivila estaba errada, porque tiña conflitos dentro de min que os demais do meu redor parecían non ter, xa que sempre estaba (e estou) en desacordo con ideas xeneralizadas de cousas que todo o mundo compartía. Neste senso, a socioloxía salvoume a vida. O coñecemento de como funciona a vida social doume as ferramentas para chegar ás respostas que levaba toda a vida buscando, coma si todo por fin encaixase e o que levaba pensando toda a vida agora sí tiña nome e apelidos, tiña razóns e tiña unha historia de grandes autores detrás que profundizaban nas ideas que eu sempre tivera vagas. Atopei o meu lugar. O lugar do coñecemento e as ideas, coma di Pepe: “Todo o mundo debería chegar á universidade, mais iso require de máis xustiza social, inda que ser universitario non é sentarse nas cadeiras da universidade, senón enamorarse do coñecemento”. Sempre con conciencia de clase, claro: “Se es universitario, non te creas superior por ter un título ou unha calificación. Esa é a oportunidade para ter máis ferramentas para axudar ó teu pobo, porque despois de todo, unha parte do que aprendes pagárono os analfabetos, os que sudan, os que loitan”.

Mais para chegar a este sitio, tiven que transitar por un proceso no que figuras como Mujica (entre outros e outras, tamén artistas musicais como bo adolescente confuso que sigo a ser) despertaron en min a paixón precisa para perseguir este camiño das ideas, da investigación e a mellora da vida social. Mujica representa a razón de que non estudase ningunha desas carreiras capitalistas e superfluas que só serven para ser funcional para a perpetuación do propio sistema. Sociólogo, sen cartos mais cunha concepción da vida máis profunda. Sen aspirar a casas, coches, restaurantes e viaxes. Mais quen carallo quere iso tendo ideas? A carteira estará baleira mais o corazón ben cheo. Sen persoas coma el, a miña vida estaría vacía ou carente de senso, non atoparía o camiño a seguir e remataría, como di el, pasando toda a vida sen darlle un rumbo deliberado, deixando que a manexe o mercado, pagando cotas a final de mes, e soñando que progreso comprando cousas ata ser un vello inútil; mirándome ó espello, preguntándome se traizoei ó neno que levo dentro e dándome conta que xa é tarde. Por sorte, ademais da posibilidade e a gratitude de poder elexir o meu camiño, teño unha capacidade nostálxica que ás veces é virtude e outras tantas é a peor das condenas, que é a capacidade de verme a min mesmo dende fóra no pasado e no presente. Sair do meu corpo e vivir os recordos formando parte deles, poder apoiarme no marco da porta no presente e ver a ese neno do pasado cometer acertos, erros e sentilos xuntos. Isto, ademais de favorecer a ser unha persoa nun exercicio de retrospección e instrospección continuo, tamén axuda a escoitar sempre ó neno que levo dentro e non desviarse moi lonxe do camiño, pois ese meniño é o que son. Son un neno apaixoado que busca aprender e crecer ata o fin e compartir ese coñecemento para transcender dunha vida superficial e estética.

Estética non só no senso literal, a meirande parte do que vivimos nesta posmodernidade líquida é estético e noxento, todas as mensaxes que recibimos de todo o contido cultural e político, que forman a nosa cosmovisión, son mensaxes vacías. Só teñen a intención de influir na opinión pública cun interese partidista e mercantil, ou sexa, estético. Un deterioro excesivo da moralidade, da creatividade, da calidade, da bondade e, en definitiva, de todo o que é e representa un cativo ou cativa pequena. E nisto tamén formamos parte as persoas, a meirande parte somos estéticas, produtos e vítimas da sociedade que nos produce, estamos baleiras, non cremos en nada e non loitamos por nada que non sexa individualista, egoísta e hedonista. Traballamos coma servos máis horas das que ten un reloxo nun traballo de merda que non poidemos elexir, para, como menciona Pepe, comprar cousas; non con diñeiro, senón co tempo que dedicamos traballando para conseguir ese diñeiro. E con iso, intentar satisfacer unhas necesidades que son infinitas. Dicía Zygmunt Bauman que a eterna non satisfacción das necesidades e desexos é o motor da sociedade de consumo. E para combatir este tipo de sociedade que nos machuca existen este tipo de referentes culturais e políticos, fóra da cultura pop, que é necesario e urxente poñelos ó alcance da xente. Nun mundo de Trumps, Netanyahus, Mileis (precisamente veciño do Pepe) e demais escoura fascista que hai por aí, a xente precisamos escoitar as palabras críticas e cheas de esperanza revolucionaria de figuras como Mujica, para silenciar o odio e facer que a ignorancia volva a dar vergoña.

Se tivera dúas vidas, non o dubides, gastariaas enteiras para axudar nas túas loitas”.

El Viejo tamén semellaba ser unha persoa moi nostálxica, que retrocedía continuamente á xuventude e lle falaba ós máis novos e novas, sabedor da súa capacidade inspiradora. Para calquera neno apaixoado ó que inda non lle arrincaron a capacidade de soñar ó ir medrando, Mujica representa un refuxio ó que agarrarse e é obriga dos adultos transmitir a mensaxe deste tipo de personalidades á rapazada. E é que non todo está perdido, sempre hai esperanza, o individuo morre pero as súas ideas e, sobre todo, o seu xeito de compartilas, perdurará. E calará nos máis novos. Como nesa moza uruguaia que non paraba de chorar escoitandoo falar nunha das súas últimas intervencións: “Son feliz porque estades vós, porque cando os meus brazos se marchen, haberá miles de brazos substituíndo a loita. E toda a miña vida dixen que os mellores dirixentes son os que deixan unha barda que os supera con vantaxe”. Mujica é un ancla que cando o sistema capitalista te quere levar con él, che recorda quen eres, cal é o teu propósito e te mantén no teu lugar. Ás veces pérdeste mais Pepe axúdache a vivir fiel e digno e coller forzas para loitar, sexa cal sexa a túa situación, porque: “Pobres son os que nunca nada lles alcanza” e “A mensaxe máis importante da vida é que sempre vale a pena volver a comezar, caer e volver a levantarse mentres un estea vivo, derrotados son os que deixan de loitar, e deixar de loitar é deixar de soñar”. Así é que, a maxia do Pepe reside en facer e dicir as cousas máis simples, que dende a persoa máis ilustrada ata a máis analfabeta as entenda e, especialmente, as sinta; e a súa vez ser as cousas máis profundas xamais ditas.

Tendo unha parella uruguaia, unha compañeira de vida, o meu amor por este home e este país acrecéntase e faime estar máis unido a esta cultura. Mujica soñou un Uruguai mellor, unha sociedade uruguaia mellor e unha América do Sur mellor. E loitou por elas. Pepe é guerrilleiro pola liberdade, incorruptible, soñador, un crítico inconformista, rebelde e revolucionario. Ingobernable, idealista. Unha inspiración, unha forza. É amor, tenrura e agarimo. Ese vello tolo que se ri ó falar dunha copa dun bo viño. Estoico. Fiel ás súas ideas toda unha vida, encarceado por elas, nunca baixou os brazos no empeño de loitar por un mundo mellor. Pepe é un estímulo, a búsqueda da intensidade, da emoción e o sentimento, a bolboreta no estómago. O refuxio dun neno apaixoado. É o compañeiro de vida de Lucía Topolansky. Amigo de Manuela. Fillo de Uruguai. Pai da liberdade.

Vénseme á mente a letra de Hasta Siempre Comandante que Carlos Puebla lle cantaba ó Che, e para min ten moito senso agora: “Aquí, se queda la clara, la entrañable transparencia, de tu querida presencia…”. Algún día cando sexa vello, mirareime no espello e saberei que valeu a pena ser quen son, coa carteira baleira mais o corazón ben cheo, grazas a influencia de persoas coma esta que se relatou hoxe. Algún día sentareime na mesa con todos estes ánxeles e pantasmas que admiro e me inspiran e sentireime en paz por unha vida digna, recordando con esa capacidade nostálxica os momentos, os acertos e os erros, e sentireinos de novo conxuntamente no pasado e no presente, que hoxe é o futuro. O último que querería o Pepe é que ficásemos chorando por el, mais é inevitable sentir amargura cando alguén así se vai. O home vaise, mais a promesa dun futuro mellor cunha derradeira idea permanece: “Non me vou, estou chegando”.

  • Rubén Pérez. Doutorando en Ciencias Sociais e do Comportamento, graduado en Socioloxía e opositor a profesor de Xeografía e Historia. Vamos enchernos e falar de cousas, que diría Grande Amore.

Máis artigos de Rubén Pérez

O dianteiro do Dépor Zakaria Eddahchour segue en Observación tras caer ás rochas do paseo marítimo da Coruña

O xogador do R.C. Deportivo Zakaria Eddahchouri tivo que ser evacuado ao hospital tras caer desde o paseo marítimo da cidade herculina á zona inferior das rocas durante a noite deste sábado.

En concreto, foi ao redor das 23.00 horas cando os servizos de emerxencia da Coruña tiveron que rescatar ao dianteiro neerlandés, que non podía saír polos seus propios medios tras caer nas rocas á altura de ‘Os Pelamios’. Segundo confirmou o Club nun comunicado, o xogador presenta lesións leves e atópase en observación no hospital, onde está a ser atendido polo equipo médico correspondente.

Con todo, o Deportivo agradeceu publicamente a “rápida intervención” dos servizos de emerxencia e indicou que seguirá informando sobre a evolución de Zakaria Eddahchouri a través das canles oficiais do Club.

Activada para este domingo a alerta por choivas na Coruña

Galicia estará este domingo en alerta por choivas en varios puntos das provincias da Coruña e de Lugo, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía. Desta forma, o centro e sur da provincia de Lugo estará en alerta laranxa por treboadas que poden ir acompañadas de sarabia e por precipitacións acumuladas que poden chegar aos 30 mm nunha hora.

Así mesmo, a zona da Mariña, da montaña de Lugo, o noroeste e interior da provincia da Coruña estarán en aviso amarelo por precipitacións e treboadas. Co obxectivo de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da siatución a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas, deputacións, serviciones provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Pola súa banda, a Secretaría Xeral para ou Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou a suspensión da actividade deportiva federada no exterior dos concellos do centro e do sur de Lugo desde as 15.00 horas ata a medianoite.

Ante as fortes choivas recomendan circulas con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zona alagada ou que poidan chegar a alagarse e non aparcar preto dos ríos.

Comezan as obras dos novos accesos ao Chuac, que deberían estar rematados en 2027

As obras dos novos accesos ao complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) comezaron coa previsión de que estean terminados en 2027 ao situarse o prazo de execución en 21 meses.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o portavoz do goberno local, José Manuel Lage, asistiron ao comezo desta actuación, que incluirá tamén a remodelación da ligazón que conecta o Chuac coa avenida da Pasaxe (AC-12).

O investimento alcanza os 24,2 millóns de euros. Os traballos acaban de comezar coa execución do viario provisional que conectará o Chuac coa AC-10 e que dará servizo ao centro mentres se abordan as obras.

Trátase dunha actuación, remarcaron os responsables presentes, froito da colaboración institucional entre Xunta e Concello da Coruña, que financiará a maior parte do orzamento desta actuación.

En concreto, a intervención dos accesos consistirá na execución do anel perimetral que rodeará o complexo hospitalario ata a intersección co viario existente, no cruzamento da rúa Curramontes con Castiñeiro de Eirís, ademais da remodelación da avenida da Pasaxe.

Por outra banda, a conselleira avanzou que se está trabjando na fase dúas do proxecto do complexo hospitalario, que se conta con licitar en leste mesmo ano.

A familia de Yoel Quispe pide penas de entre 15 e 25 anos de cárcere para tres novos pola súa morte

A familia de Yoel Quispe, o mozo de 22 anos apuñalado mortalmente na Noiteboa de 2023 na Coruña, pide penas de entre 15 e 25 anos de cárcere para tres rapaces, para un deles como autor de asasinato, para outro como cooperador e un terceiro como cómplice.

Así o ratificaron fontes da familia en relación a un escrito de acusación particular que amplía a petición de condena a máis persoas fronte a Fiscalía que ve responsable dun delito de homicidio ao principal investigado.

A acusación particular entende que é autor dun delito de asasinato e que as outras dúas persoas tamén tiveron implicación en relación a uns feitos que se produciron sobre as 06.30 horas na confluencia das rúas Juan Flórez e Sinfónica de Galicia.

Fiscalía sostén que o único mozo para o que pide condena viu a varios individuos agredíndose mutuamente, polo que se achegou para pór paz entre eles. “Por motivos non aclarados, a actitude inicialmente conciliadora do acusado deu paso a outra agresiva contra Yoel e, de feito, un e outro se empezaron a golpear mutuamente con empuxóns, patadas e puñadas”, expón no seu escrito.

Tamén engade que, nun momento dado, tería ido a xunto un amigo a coller unha navalla, sen que estea acreditado, para o Ministerio Público, se este segundo home animouno ou non a utilizala contra Yoel. A partir de aí, abriu a folla desta arma branca e atacou á vítima realizándolle varios cortes na clavícula e no coiro cabeludo, para logo apuñalalo no corazón e no abdome.

O procesado foi detido o 28 de decembro de 2023 e enviado a prisión provisional desde entón. A familia alega a existencia de probas para pedir que non só se condene por asasinato a esta persoa, en lugar de por homicidio, senón que tamén se xulgue e condene a outros dous.

Por outra banda, e á espera de que se fixe o xuízo por estes feitos, avanzou que convocarán unha protesta o 5 de xuño con motivo da declaración doutras dúas persoas, no seu caso por lesións.

A Audiencia da Coruña xulga o alcalde de Oleiros pola demolición da Casa Carniceiro

0

A Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña celebrará os días 20 e 21 de maio a vista oral contra o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e o arquitecto técnico municipal, imputados por un presunto delito contra o patrimonio histórico debido á demolición da Casa Carniceiro, situada na avenida das Mariñas.

Segundo o Ministerio Fiscal, ambos os acusados actuaron sabendo que infrinxían a normativa vixente. En concreto, a Fiscalía considera que “coas súas actuacións fixeron posible que o edificio fose derrubado case por completo”, permanecendo só restos do muro da planta baixa e parte das estruturas do semisótano. Para cada un deles, solicita penas dun ano e tres meses de prisión e inhabilitación para cargo público durante 12 anos.

O informe recolle que a Casa Carniceiro, de titularidade privada pero ofrecida ao Concello en 2019, sufriu un incendio en xullo de 2020, tras o cal foi declarada en estado de ruína técnica e económica. A pesar disto, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural advertira que, ao tratarse dun ben catalogado, calquera actuación debía contar coa súa autorización previa, e que a ruína non xustificaba unha demolición integral, senón un proxecto de rehabilitación con demolicións parciais limitadas.

A Fiscalía sinala que o Concello de Oleiros non respondeu á solicitude dos propietarios de ampliar o prazo para acometer medidas de urxencia, e que “non se realizou ningunha acción para conservar o inmoble”. Engade que o alcalde ditou en decembro de 2020 o decreto que permitiu a demolición, malia coñecer os informes técnicos e os requirimentos da Xunta.

A defensa de García Seoane ten argumentado en anteriores ocasións que a decisión responde a criterios de seguridade cidadá, polos efectos do incendio e polos danos provocados por temporais, pero a Fiscalía insiste en que os responsables municipais actuaron “a propósito de que a normativa impedía a demolición total”. O xuízo esclarecerá se existiu responsabilidade penal pola perda dun elemento do patrimonio arquitectónico galego.

Os requisitos do polémico proceso de licitación do Máster Plan Coruña Marítima que alonxa aos profesionais locais

Anuncia o Concello da Coruña os pregos técnicos que rexerán a licitación do Máster Plan Coruña Marítima, que definirá a transformación dos espazos portuarios e ferroviarios da Coruña. Un Plan deberá analizar a zona de servizo do porto, desde o dique de abrigo ata o peirao de Oza, (o Plan exclúe as Xubias) pero que formula unha serie de restricións que de seguro deixa fóra aos colectivos profesionais da cidade.

Ademais dos requisitos establecidos pola lexislación, a Comisión pon enriba da mesa para este concurso “internacional” e “restrinxido” outros requisitos como a esixencia de que os licitadores incorporen profesionais con experiencia en urbanismo, paisaxismo, arquitectura, portos, ferrocarrís e mobilidade, entre outros ámbitos; e obrigará a ter experiencia en traballos semellantes (plans xerais ou de transformacións cunha superficie mínima de 10 hectáreas. Un proceso que, con toda seguridade, impedirá presentarse a grupos de profesionais locais que seguramente coñezan mellor a idiosincrasia da nosa cidade.

Proceso de licitación e adxudicación

Entre todas as proposicións, a Comisión seleccionará 5 candidatos/as mediante unha serie de criterios obxectivos, entre os que figuran a experiencia da empresa, o currículo do equipo nos campos de urbanismo, paisaxismo, arquitectura e enxeñería, e os premios obtidos polas empresas ou polo equipo proposto. Cada unha das cinco candidaturas seleccionadas recibirá unha prima de 80.000 euros por preparar a súa proposta, cun prazo de cinco meses.
Este proceso, cuxas conclusións se presentaron nun acto público o 9 de maio, serviu para mellorar as bases e obxectivos iniciais.
De análise das cinco candidaturas, adxudicaráselle o Máster Plan ao equipo mellor valorado, con criterios obxectivos que avaliarán a calidade técnica da proposta, a súa funcionalidade, os aspectos ambientais e os aspectos económicos.

O prazo estimado para seleccionar o adxudicatario estímase en 12 meses, polo que o concurso estará resolto sobre maio-xuño de 2026. A partir de aí, a empresa gañadora terá un prazo dun ano para presentar o Máster Plan. O orzamento para elaboralo é de 2,6 millóns de euros e incluirá a redacción de diferentes documentos complementarios, entre eles a nova Delimitación de espazos e usos portuarios, a modificación do Plan xeral de ordenación urbana, informes ambientais ou o establecemento de requirimentos para o deseño dun edificio singular que caracterice a intervención

Críticas locais

Ademais das críticas chovidas polo “fraude” do proceso participativo e pola falta de blindaxe da propiedade pública dos terreos, os colectivos sociais implicados no proceso tamén analizan dun xeito profundo este proceso de adxudicación, pois afecta directamente aos profesionais da cidade.

”A principal consecuencia desta forma de selección dos posibles equipos participantes no concurso é que ningún ou case ningún equipo da cidade, ou de de Galicia, terá posibilidades de competir neste proceso”, critican nas súas alegacións presentadas durante o proceso de participación da Comisión o Equipo redactor da Porsuportoproposta ‘Porsuporto’ formado polos colectivos profesionais locais Hábitat Social, Flu-or. Ergosfera e Damián Romay. Un equipo que foi o gañador do concurso convocado polo Concello da Coruña en 2018 (cun xurado onde estaban representados, ademáis de diversas áreas do Concello, os grupos do PSOE, o PP e o BNG locais, Portos do Estado, a Autoridade Portuaria da Coruña, a Xunta de Galicia, o COAG, o CICCP de Galicia ou a ETSAC), que non entenden que, a pesar dos cambios sociopolíticos dos últimos 7 anos, agora fiquen “sen ningunha posibilidade de que as súas ideas poidan sequera competir coas “internacionais””. Todo, a pesar de que o Plan fala sempre da “vocación “coruñesista” do proceso de transformación do porto”. “Por que prescindir destas ideas ou, no mellor dos casos, restrinxilas a unha posición subalterna mediante as usuais subcontratacións dos equipos internacionais aos locais?”, pregúntanse.

”Este peche do concurso a través dun procedemento restrinxido a cinco equipos, o mínimo posible dentro da lexislación, é todo o contrario ás ideas de transparencia e participación”, sinalan. Ademais, se o procedemento restrinxido non sería xustificable nin nun proceso de urxencia, dado o impacto de escala metropolitana e rexional do proxecto, o é menos nun proceso de décadas no que non existe ningunha diferenza entre que o deseño urbano inicial leve 6, 12 ou 24 meses. Nun proceso que comezou hai mais de vinte anos e se desenvolverá durante moitísimos máis, que presa pode haber agora para facer un concurso restrinxido e seleccionar ao peso aos equipos técnicos que podan participar?”, pregúntanse.

E van máis alá. “Entendemos perfectamente que para a clase política un concurso con cinco candidatos entre os que estean, por exemplo, David Chipperfield ou Batlle i Roig, é moi vistoso e mediático”, sinalan en relación ao polémico proceso das Xubias. “E ninguén dubida de que seguramente farían boas propostas, pero no caso do porto da Coruña non hai ningún motivo para querer evitar a priori que as propostas destes grandes equipos teñan que demostrar a súa valía fronte as que poidan presentar equipos máis pequenos e locais cuxa experiencia e coñecemento do territorio a transformar non se pode medir en volume de negocio, curriculum ou experiencias profesionais noutros espazos portuarios”.

Non escoitados

As alegacións durante o proceso de participación pública que non foron escoitadas, sinalaban unha petición clara: “Que en lugar dun concurso por procedemento restrinxido se convoque un concurso no que as ideas de orixe local poidan competir coas nacionais e internacionais”.

Máis novas

Lembran que as bases estratéxicas do Plan Coruña Marítima volve omitir a titularidade dos terreos

O “evento cidadán” da Comisión Coruña Marítima búrlase do significado de participación cidadá

 

Análise: Que foi do interese xeral na reordenación urbanística da fachada litoral nas Xubias?

 

A Coruña homenaxea as cantareiras no acto institucional polo Día das Letras Galegas

0

O Concello da Coruña celebrou este venres na praza de María Pita o seu acto institucional polo Día das Letras Galegas, que este ano a Real Academia Galega dedica ás cantareiras como símbolo da transmisión oral da lingua e da identidade colectiva. O evento estivo presidido pola alcaldesa Inés Rei, que destacou o papel destas mulleres como “gardianas da memoria musical e cultural de Galicia”.

A homenaxe centrouse en sete figuras femininas cunha ligazón directa coa cidade: Adolfina Casás, Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Teresa García, Prudencia Garrido e Asunción Garrido, todas recoñecidas como referentes da tradición oral a través da súa participación en grupos de música popular e o uso da pandeireta e o canto como vehículo de transmisión xeracional.

No acto participaron familiares das homenaxeadas, así como representantes do tecido cultural e asociativo coruñés, membros da corporación municipal e representantes doutras institucións. A rexedora subliñou que o Concello quixo antecipar a celebración da xornada festiva “con este recoñecemento a mulleres que, durante xeracións, foron transmisoras da cultura popular, da lingua e da historia colectiva a través da música”.

O evento institucional insírese nas actividades organizadas pola cidade da Coruña para conmemorar esta festividade dedicada, nesta edición, a visibilizar o papel da muller na música tradicional galega, en sintonía coa proposta da RAG de recoñecer unha representación colectiva da poesía oral popular.

A Xunta sobre os cooperativistas de Xuxán: “todas as vivendas protexidas teñen un prezo taxado de aluguer”

0

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, manifestou, sobre os cooperativistas de Xuxán que denuncian unha subida do aluguer social inicialmente previsto e que urxen ás administracións unha solución, que “todas as vivendas protexidas teñen un prezo taxado de aluguer”.

“Iso que se di de que se duplica o importe do aluguer non é verdade, ten un prezo máximo marcado por lei, nós temos chan para que promotores e cooperativistas constrúan vivenda protexida”, especificou sobre a implicación da Xunta.

Respecto diso, dixo que en Xuxán saíron cinco parcelas a un concurso público, nun proceso “totalmente transparente”. “Un deles foi Galivivienda”, aseverou sobre a situación destes cooperativistas.

Desta promotora, aseverou que “obtivo unha subvención de dez millóns de euros que aínda non están transferidos á cooperativa” e engadiu que a mesma aínda non ten formalizado o préstamo ICO. “Leva desde 2023 esperando resposta do ICO e esa resposta vén a través dun correo electrónico no que reducen o prazo inicial da achega da garantía crediticia”.

“A Xunta non vai permitir que esas garantías crediticias do ICO desvirtuen o importe dos alugueres alcanzables”, dixo para reiterar que o Executivo galego solicitou unha reunión co Ministerio de Vivenda. Mentres, mostrou a súa confianza que a reunión o mércores de cooperativas e o ICO “solucione” a situación.

Entrevista a Xulio Ferreiro: “O enfrontamento político das esquerdas é un desastre”

Xulio Ferreiro, o que foi alcalde da Coruña entre 2015 e 2019 coa Marea Atlántica, exerce o seu posto como decano e docente na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña. Faino tras un curso de experiencia profesional en California, na Universidade de UCAL, onde pasou un ano de aprendizaxe coa familia.

Falabamos con el nas pasadas eleccións de 2023, nas que pechou unha lista da Marea Atlántica que finalmente acabou sendo intrascendente nesta lexislatura. Naquela conversa non descartaba a volta á vida política, polo pulsamos agora a súa vontade de volver á primeira liña política. Falamos con el de política, de proxectos estratéxicos da cidade, e tamén un pouco de deporte.

  • Bueno, antes de nada, que tal? Como estás?

Moi ben, a verdade. Tanto no persoal como no profesional, todo moi ben. Teño docencia, se ben algo menos polo decanato, e sigo coas tarefas de investigación, agora mesmo con cousas sobre intelixencia artificial. Ando ocupado, vaia.

  • Que tal ese ano de experiencia en California? 

Pois estiven nunha universidade moi boa, en UCLA, desconectado as obrigas máis inmediatas, así que con tempo para ler moito, escribir, e gozar da experiencia enriquecedora de pasar un ano fóra coa familia.

  • Aprendendo moito?

Si, claro. Aprendendo dereito, aprendendo inglés, a manexarse no mundo…

  • Como se ve a Coruña dende lonxe?

Víase lonxe (risas). Serviu tamén para desconectar un pouco de todo, a verdade. Si que mantiven contacto con amigos, familia… pero si que ves as cousas con máis distancia.

  • Xa entrando en materia? Segues a actualidade municipal?

Seguía e sigo colaborando coa Marea Atlántica, da que sigo formando parte, pero si é certo que nun plano diferente, non no día a día. E tampouco sigo o día a día do Concello, porque basicamente teño outras cousas que facer. Polo tanto si que da primeira liña xa hai tempo que non estou atento.

  • Pero seguro atento ás novas máis politiqueiras?

Non creas que moito. Voume enteirando de cousas, pero non estou moi pendente da vida municipal. Teño as miñas opinións sobre as cousas, pero non me apetece nin creo que debo ter un papel de exalcalde rabioso, non é un papel que me guste, polo que non o vou exercer, aínda que como todo o mundo que cada un non pode ter a súa opinión.

  • Pero tampouco che interesa dar a túa opinión de certas cousas?

En público? se ninguén mo pregunta non. Pero se alguén mo pregunta, depende do tema, da importancia do tema e se teño unha opinión moi clara sobre iso.

  • Como notas o clima político?

Pois eu creo que o clima político estaba máis tranquilo que cando estabamos nós no concello. Supoño porque non é só o clima entre grupos, que creo que tamén, pero a virulencia coa que se nos trataba a nós, non foi igual para o novo goberno, aínda que seguro que tamén a sinten en ocasións. Porque responde tamén a un clima que na prensa local é diferente agora. Se non hai ninguén que azuze ese clima político, as cousas van por un camiño máis normal.

É certo que tamén nun contexto no que a situación política en xeral non era a mellor, refírome a que a tensión que nós vivíamos durante o noso mandato extendeuse a moitos lugares, como por exemplo ao PSOE da nosa época que era un dos que provocaba esa tensión, en cousas como a alfombra do Rosario foron especialmente virulentos con nós sabendo que non había caso, pero que había que crealo. E agora vén que o sofren doutros lados.

  • Cres que un grupo como a Marea Atlántica tería que ter pasado polo rego deses medios turbadores e poñer enriba da mesa o imposto revolucionario?

Eu creo que nós non entramos en política en 2015 para facer o mesmo que se estaba facendo. Creíamos que tiñar que facer as cousas dun xeito democrático, honesto… Entón, chegar xa a certos compromisos, dende o primeiro día con grupos de poder, que en principio fosen a limitar a túa capacidade de transformación e capacidade de facer as cousas doutro xeito, creo que non era o correcto. Entón, ofrecerlle aos medios de comunicación un trato igual, un trato xusto, un trato sen preferencias, e un trato onde o diñeiro público se repartise de xeito equitativo en campañas que fixesen falta e en promocionar a cidade e non para maior gloria do goberno municipal nin para comprar vontades, cremos que era a forma de facer as cousas. Se esa maneira de facer as cousas xenera un problema para alguén haberá que campear eses problemas. Pero para utilizar diñeiro público no teu propio beneficio como gobernante, para iso non estabamos.

  • É unha decisión complexa. Non cres que foi un erro estratéxico politicamente?

Creo que non, creo que o faría igual agora mesmo. Estratexia para que? para perpetuarse no poder? Seguramente. Se o noso obxectivo era manternos no poder o maior tempo posible, sen máis, ao mellor. Pero se o teu obxectivo é alcanzar un poder insitucional para modificar as cousas, e conseguir un cambio no funcionamento da propia institución e da cidade, pois entón si que é a estratexia correcta, que é facer as cousas doutro xeito: tratar aos medios de comunicación sen favoritismos. Creo que a todo o mundo lle parece un principio válido. Agora se a quen sinte a igualdade de trato é unha agresión contra el, é o seu problema, e despois do que sufrimos a reaccións, evidentemente. Pero eu non o vexo como un erro táctico, porque ao final, este tipo de alianzas nos medios pero con poderes doutro tipo tamén, non fan que gañes a vontade de ninguén, senón máis ben te convirten en “refén de”. E iso puidémolo ver en tempos anteriores, no bipartito da Xunta de Galicia, que quixo facer unha estratexia máis parecida ao que ti me dis, e tampouco creo que lle fose moito mellor, a pesar de que a maquinaria de diñeiro público seguiu enviando cartos aos mesmos de antes. Para esa viaxe non facían tantas alforxas.

  • Que proxectos che gustaría ter continuado?

A ordenación de terreos portuarios, que era a longo prazo, si que me gustaría ter seguido ligado a ese proceso. Por outro lado tamén está a satisfacción de ver que o noso mandato foi un punto de inflexión nisto, e o camiño que están levando os responsables políticos actuais é moi semellante ao que comezamos entre 2015 e 2019. Polo tanto gústame ver que algunhas cousas que nós puxemos en marcha, como o cambio de mobilidade, a inclusión da bicicleta da cidade, iso segue.
Outras cousas non seguen con tanta forza, como todos os elementos de participación cidadá, ou a aposta por certos modelos culturais máis pegados á cidade, pero cada goberno ten as súas opcións.

  • Nese sentido, cres que son reais os procesos participativos que están realizando co gallo do transporte urbano ou o Foro Coruña Marítima?

Bueno, a particiación non é un acto illado, é crear unha cultura de participación. Nós xa fixemos un foro participativo do da modificación do bordo litoral, do transporte urbano, pero tamén estaban os orzamentos participaticos, o escano cidadán, o Dillo Ti… A participación vaise logrando pouco a pouco como unha cultura da participación, e por tanto, calquera tipo de evento que se impulse para consultar coa cidadanía cal é o seu pensamento sobre unha política municipal ou unha infraestrutura é positivo.

  • Sobre o proxecto Coruña Marítima. Que che parece que os documentos estratéxicos de base para o master plan deixen aberta a venda de terreos para a construción inmobiliaria para pagar a debeda da Autoridade Portuaria polo porto exterior?

Si, ábrese aí a porta á vivenda, e a moito máis, que tampouco é o plan que tiñamos nós. A cuestión non é tanto se vivenda si ou non; a cuestión é se usas a vivenda é como parte dunha estratexia dunha operación especulativa, ou se forma parte do xeito de entender a cidade e da necesidade habitacional da cidade. A cuestión sería pensar se esa vivenda é necesaria para a cidade, pero vaia, que tampouco teño moi estudiado o documento e non quero opinar moi forte sobre el.

  • E ligando un pouco, como ves a política urbanística municipal, con todos eses proxectos urbanísticos, algúns case dos anos 90…? Visma, Percebeiras, Xuxán, Xubias, Castrillón, Monte Mero, o propio peirao de San Diego… Son necesarias 18.000 novas vivendas nunha cidade que non medra en poboación? Vale o argumento do encarecimento da vivenda?

Non sei. Tradicionalmente, o aumento da construción non sempre vai ligado a un descenso do prezo da vivenda. Non sempre é así. Hai que ver tamén se as densidades son razonables, se teñen que ver coas necesidades da poboación… Si que son desenvolvementos que están no Plan Xeral, e supoño que o goberno municipal pensarán que van ser positivos para a cidade. A min persoalmente, míroos e penso que me gustaría que a densidade de edificación fose diferentes, e as zonas verdes e a mobilidade se tratasen de xeito diferente.

  • Volvendo ao tema, como ves o estado de saúde actual da Marea Atlántica? 

Tras quedarse fóra do pleno, a verdade que foi un golpe do que nos imos recuperando. Acabamos de pasar o proceso de Marea Viva no cal se planifica a estratexia política para os próximos anos. Hai un grupo de xente comprometida co mesmo espírito fundacional da Marea Atlántica. E sigo pensando que nunha cidade como a Coruña, a Marea Atlántica segue sendo necesaria.

  • Cres que se vai volver presentar unha candidatura crible?

Aí está o documento político que a Marea quere estar presenten as vindeiras eleccións.

  • Houbo algo de autocrítica sobre a perda da esencia da Marea na pasada lexislatura?

Non era fácil, cun goberno socialista onde a Marea fixo unha oposición construtiva, e moitas cousas das que fixo o goberno municipal foi porque se viu obrigado pola presión e polas iniciativas políticas da Marea Atlántica. Creo que marcamos bastante máis a axenda no mandato anterior que a oposición está marcando no mandato actual. Non sei, sempre é difícil pasar de gobernar a non gobernar, e sobre todo non poder facer oposición frontal porque a fin de contas hai unha responsabilidade e tamén hai unha responsabilidade en non ter actuado co goberno municipal como se actou con nós, no bloqueo e na búsqueda constante do fracaso do goberno por parte dos outros grupos.
Creo que se fixo unha política responsable, pero non é fácil cando non estás no goberno pero tampouco queres facer unha oposición destrutiva.

  • Como valoras o enfrontamento continuo entre os grupos da esquerda tanto a nivel estatal como municipal, que provocou que na cidade quedasen 3 partidos da esquerda coruñesa quedasen fóra do pleno e 15.000 votos tirados ao lixo?

É un desastre…. Penso que en moitos casos non houbo suficiente sentido da responsabilidade, que era estar á fronte, poñendo cara a un momevemento cidadán tremendo que vivimos en toda España en 2015 e 2016. E moita xente que foi protagonista e que serviu para que moita parte da cidadanía se ilusionase, e quixese un cambio.. despois houbo comportamentos e actitudes que non estiveron a altura de toda a ilusión depositada. Cada un que mire cales foron as actitudes mellores ou peores pero iso non vai de se un tiña máis razón que o outro ou o outro ca min, porque ao final a desazón alcanza a todo o mundo. Coma min, outra moita xente está apartada da primeira liña porque tampouco hai un ecosistema ou un ambiente no que guste participar. Ese é o resultado desas pelexas. A parte da perda electoral, é máis importante aínda a desazón, a perda da esperanza que moita xente tivo, e que incluso, permitiu que agora movementos políticos bastante pouco esperanzadores, por así dicilo, estean tomando cada vez máis importancia.

  • Seguro che terán dito máis dunha vez que fuches mellor alcalde polo menos dos últimos 40 anos da cidade, e seguro que hai moita xente que che está pedindo que volvas, non?

Algunha vez si que mo teñen dito (risas), pero bueno, hai opinións para todos.

  • Que faría falta para que escoitaras as plegarias de tanta xente que che pide que volvas presentarte?

Creo que a xente que me quere non me van pedir que volva a vida política… (risas)

  • Si… pero a xente que non participa da túa vida persoal pero lle gustaría?

A verdade é que agora estou centrado na Facultade de Dereito da UDC, na miña carreira profesional como profesor. Non está no meu plan, e ademais, eu entre en política nun contexto moi concreto, no ano 2015, no que merecía a pena estar pola ilusión que había, que ao mellor agora non está ígual. Agora tería que sentir algo parecido para poder volver a política.
Nunca sabes o que vai pasar no futuro, pero tería que darse un contexto adecuado, no que pensase que podería ser útil, pero tamén a estas alturas tería que valorar as cousas que perdería na vida persoal, que foi algo do que non era moi consciente.

  • Non o desbotas en calquera caso?

Agora teño 50, non son novo pero tampouco son tan maior. Non o desboto, pero a mmiña cabeza agora mesmo está aquí. Acabo de presentar a miña candidatura para o decanato para outros 6 anos. Evidentemente nunnca sabes o que te trae o futuro pero a miña cabeza está aquí.

  • Bueno, agora xa, en rollo máis tranquilo. Que vida che presta máis na cidade? Que barrio frecuentas máis? Que bares, que recunchos?

Nós facemos moita vida de barrio, pola Gaiteira. Baixamos a cear ás parrilladas da zona, ou a tomar algo nos bares… Cos amigos si que baixamos algunha vez ao centro, pero a verdade que non baixo moito, somos máis de facer vida de barrio, ou tamén saír da cidade. Esta semana estivemos nos Ancares, somos moito de monte.
Antes, cando os nenos tiñan menos idade, usábamos o Parque de San Diego, Parque Europa ou Parque de Oza, pero agora para unhas canastas, ou ir en bici.

  • Usas moito Bicicoruña?

Si que uso bicicoruña bastante, para baixar ao centro, para ir ao baloncesto… Pero á Universidade non veño habitualmente en bici, porque o camiño non é tan doado, porque quero chegar aseado, e porque aquí no campus non hai estación…

  • Viuseche moito este ano polo Coliseum. Que mágoa a curta viaxe do Basquet Coruña pola ACB, non?

Foi unha pena. Non sei que fallou, Co que costou chegar a ACB, é unha mágoa que se nos vaia tan rápido. Pero foi un ano chulo, cun ambiente moi bonito, nun Coliseum espectacular. Gustoume moito este ano de baloncesto, se ben non me gustou tanto os resultados e non poder acompañar ao equipo na permanencia. Empezamos moi ben con aquel primeiro partido ante o Madrid, que foi o mellor do ano.

Máis novas

Xulio Ferreiro: “Non me importa volver á política e dar un mítin se é para apoiar a Xan Xove”