Trala composición da Asemblea Local, con Ignacio Siota ao fronte como reelecto responsábel local, esta semana o BNG realizou a sesión constitutiva, dese novo Consello Local. “Cada día vemos como medra a corrente de simpatía das coruñesas e coruñeses cara ao que representa a nosa forza política”, afirma Siota.
O órgano de dirección da formación nacionalista na cidade analizou a situación política que se vive no Concello, após a alcaldesa ter perdido a cuestión de confianza da cámara municipal no Pleno realizado o pasado martes 11 de febreiro.
“O que se viu con nitidez no debate da cuestión de confianza é que o BNG exerce o rol de forza decisiva que lle conferiron as coruñesas e os coruñeses nas pasadas eleccións e que se está a consolidar como unha clara alternativa de goberno na cidade”, afirma Siota, coruñés de 31 anos e licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía.
Acompañan Siota no Consello Local Keina Espiñeira, Jorge Castro, Guadalupe Martínez, Xabier Pérez Couto, Andrea Ramos, Raimundo Martínez, Mercedes Queixas, Francisco Jorquera, Isabel Risco, Fran Rei, Avia Veira, Isidro Daviña e David Soto.
Figura indiscutible do humor e da prensa galega é Pepe Carreiro. As súas tiras cómicas teñen pasado nos últimos 40 anos por xornais como Faro de Vigo, Diario de Galicia, La Voz de Galicia, El Mundo (edición Galiza), Xornal de Galicia e Nós Diario, e en semanarios e revistas como A Nosa Terra, Can sen Dono, Tempos Novos, A Trabe de Ouro e Xo! , para acabar neste século servindo de fachenda galega polas rede sociais.
Este mes de febreiro poderemos gozar de 50 das súas pezas na mostra ‘Humor para mudar o mundo. Que graza!’ que se estrea este mesmo venres 14 de febreiro, ás 19:30h no local da A.C. Alexandre Bóveda, no primeiro andar do edificio do Circo de Artesáns, na rúa Santo André, 36. Non faltará o propio humorista gráfico e creador dos Bolechas.
A mostra, organizada Federación Galiza Cultura, recolle o sentir da pluma do autor vigués: unha primeira, frase en serio e pretensiosa (Humor para mudar o mundo), que logo, na segunda, cunha contestación burleira (Que graza!) rebaixa as ínfulas da primeira parte e lle dá un baño de realidade.
É un mestre da síntese expresiva, tanto desde o punto de vista do debuxo como do texto. Neste sentido, encádrase de cheo na tradición do humor gráfico galego inaugurada por Castelao.
Profesionais sanitarios secundaron unha nova mobilización ante o Hospital Universitario da Coruña para demandar “medidas urxentes” ante as agresións ao colectivo e ao considerar que estas deben implantarse de forma “inmediata”. “Queremos traballar en condicións de seguridade”, insistiu a presidenta da Comisión de Centro, María Formoso.
Foi con motivo dunha nova protesta con varios centenares de persoas e na que corearon proclamas e puidéronse ler pancartas con frases como “máis recursos e menos discursos”, “conselleiro escoita, estamos en loita”, “coa nosa saúde non se xoga” ou “máis seguridade en centros sanitarios”, ás que se sumaron peticións de dimisión.
Lamentou que a única resposta directa por parte do Sergas dende a agresión do día 3 é “un incremento dun profesional de seguridade e un correo electrónico” enviado aos traballadores.
Sobre o apoio psicolóxico e informativo, “non cambiou nada a situación, tivemos unha reunión coa xerencia pero non nos deron nin un borrador do protocolo de seguridade, temos todo moi bonito, papel encima da mesa pero realmente non temos nada”, remarcou.
En canto ao grupo de traballo anunciado pola Consellería de Sanidade, para implementar un novo plan con medidas, aseverou que lles parece “marabilloso” que se empecen a “facer cousas”. “Pero imos tarde, iso tíñase que iniciar o 3 de febreiro, pasaron dez días e só temos un garda de seguridade a maiores”.
“Faremos as denuncias pertinentes”, engadiu sobre a demanda a este respecto da Fiscalía Superior de Galicia para que se formalicen. Con todo, engadiu que queren que “antes de que volvan suceder eses feitos” os responsables políticos “garantan a seguridade tanto de pacientes como de profesionais sanitarios”.
Piden liberdade para prescribir medicamentos, coartada trala aprobación do Real Decreto 666/2023, que adapta unha Lei Europea para levar unha trazabilidade de cada medicamento. O Decreto obriga aos veterinarios a prescribir antibióticos seguindo indiscutiblemente as indicacións dos prospectos, obviando a experiencia e coartando a liberdade de criterio clínico.
Esta medida tamén provocará un retraso nos tratamentos, e un aumento de burocracia, e inclúe sancións de ata 1,2 millóns de euros para os veterinarios que non sigan as directrices.
Ademais, denuncian que levan arrastrando o IVA do 21% en todos os servizos durante demasiados anos, poñendo un “imposto de luxo” a un servizo sanitario.
A Universidade da Coruña (UDC) convocou axudas por case medio millón de euros de financiamento para grupos, unidades e investigadores individuais.
Faino, informa o reitorado, a través do programa ‘Agrupa’, que ten como obxectivo “o fortalecemento e a consolidación das capacidades de I+D+i”.
O salón de graos da Facultade de Economía e Empresa da UDC acolleu este xoves unha xornada informativa de presentación deste programa.
O mesmo está deseñado “para o fortalecemento e consolidación das capacidades de I+D+i dos grupos, unidades e persoal investigador da UDC, así com da convocatoria para o financiamento dos grupos, unidades e investigadores e investigadoras individuais”.
CCOO convocou mobilizacións o día 20 de febreiro en toda España para instar o Goberno central a que modifique o procedemento que puxo en marcha para devolver aos mutualistas xubilados o IRPF que pagaron de máis hai décadas. En Galicia concentraranse ante a Delegación do Goberno, na Coruña.
Fano porque consideran que se trata dunha “discriminación e un agravio comparativo” entre as persoas afectadas, polo que urxen á aplicación de “medidas correctoras”.
Así o explicou o secretario xeral da Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO en Galicia, Carlos Mella, na Coruña con motivo da presentación da mobilización.
REFORMA FISCAL
Segundo o sindicato, tras diversas sentenzas na súa contra, a Axencia Tributaria recoñeceu a principios de 2024 o dereito das persoas pensionistas a reducir unha porcentaxe da súa base impoñible do IRPF, en función das cotizacións realizadas entre 1967 e 1978 (un 25% da parte correspondente á pensión) e as anteriores a 1967 (un 100%).
Para facilitar a devolución, en marzo dese ano habilitouse un formulario electrónico para facilitar o proceso. Con todo, unha disposición incluída na reforma fiscal aprobada polas Cortes Xerais deixa sen efecto as solicitudes de devolución que non estivesen resoltas antes do día 22 de decembro de 2024, á vez que desactivaba o citado formulario.
“Con nocturnidade e aleivosía sacan un decreto lei”, dixo Mella, quen apuntou que a principios de abril habilitarase outro tipo de reclamación. “Non sabemos como van facer e non estamos de acordo co decreto”, sinalou para insistir en que “non é aceptable, é un agravio comparativo”.
“Hai quen xa cobrou a totalidade e agora outros se van quedar sen cobrar”, indicou en alusión a que coa modificación só poderase solicitar o abono ano a ano, demorando o pago catro anos.
“É moi preocupante a falta de diálogo do Goberno municipal da Coruña para acordar os orzamentos municipais de 2025” insiste o secretario comarcal de Movemento Sumar Galicia na Coruña, Juan Díaz Villoslada.
Esta situación, “denota unha manifesta crise política case que dende inicio de mandato”, reflicte ademáis unha preocupante falta de capacidade por parte do Goberno municipal de Inés Rey para dialogar, negociar e manter procesos de participación cidadá nos distintos asuntos que máis preocupan na Coruña, máxime se non conta coa maioría suficiente e pretende gobernar ás costas desta realidade”, sinala.
Villoslada, lamenta que “mentres tanto, os necesarios investimentos nos barrios, as axudas ás entidades sociais, económicas, culturais ou deportivas da cidade ou os compromisos con outras administracións públicas en proxectos trascendentais, deben de agardar no caixón”.
Por iso, dende a comarca da Coruña, en Movemento Sumar Galicia consideran de máxima urxencia “que a Alcaldesa e o conxunto do seu goberno cambien de talante e sexan capaces de acordar no Pleno municipal os principais asuntos da cidade, e deixe de someter a toda a veciñanza coruñesa a formas de gobernar nada dialogantes nin participativas que, en definitiva, lastran o impulso da Coruña”.
Estas semanas, a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, coa colaboración municipal, está instalando novos “stolpersteine” como lembranza ás vítimas do fascismo. Esas lastras douradas que se colocan en rúas de toda Europa que serven para que non esquezamos o noso pasado.
A Coruña é pioneira en Galicia, e no estado, na colocación destas “pedras de tropezar”, como lles chama Chisco Fernández Naval, porque son “discretas, pero visibles e notables, porque están un pouquiño subidas como para que tropeces con elas e te fixes que nesa casa naceu ou creceu unha vítima do fascismo”.
E se A Coruña é a primeira cidade galega en instalar estas lastras, en parte é por Chisco, ademais, por suposto de por Carmen Rodeja, presidenta da entidade. Chisco quedou impactado cando tropezou cunha destas lastras nunha viaxe a Alemaña, e pareceulle gran idea espallar este movemento mundial por Galicia en liña coa ARMH.
Chisco Fdez. Navalna colocación dos stolperstein na Coruña en 2023
XdC: Chisco, a túa longa obra está sempre vinculada á memoria, non?
Sempre me mantiven próximo a este territorio, en todos os xéneros sempre ando arredor da memoria, porque é o que…. Unha vez, cando eu estaba escribindo o libro
John Patrick Thomson, é un profesor de espñaol egalego en EEUU, cando estaba escribindo o libro “A novela galega e a Guerra Civil”, e como eu tiña a novela “O bosque das antas”, que conta a historia do meu avó, quíxome preguntar por que eu escribía sobre iso. E eu lle contara que miña nai sempre me conta as cousas da guerra cando era pequeno. E díxome: “A min gustaríame preguntarlle porque unha nai lle contaba esas cousas tan terribles ao seu fillo”, porque meu avó estivo perseguido, agochado nas covas dos montes de Ribela e Oira, en Ourense.
Entón fumos á casa en Oira para entrevistala. Sentamos nunha pedra de 10 metros desas para sentarse a falar, John puxo a cámara e lle preguntou por que lle contaba esas cousas tan terribles a dous nenos pequenos. Miña nai mirou para a cámara e só dixo: “Porque os meus fillos tiñan que saber”. E eu débome a iso, a esa seguridade e firmeza da miña nai, que malia ser de esquerdas, era unha muller de igrexa, discreta… E por iso teño un compromiso coa memoria, coa historia do meu avó…
XdC: En todo caso, hai pouca información para facer estes traballos biográficos de vítimas do fascismo?
Normalmente hai pouca información, porque morreron todos moi novos, ente o 20 eos 35 anos, coa guerra pola medio, polo que normalmente marcharon de casa moi pronto, as familias tardaron moitísimos anos que lles pasaran, e ademais non o podían contar… Entón para facer unha biografía quedan bastante ocos.
Pero no caso de Julio Martínez Arias houbo bastante sorte porque mantivo unha intensa correspondencia cun presbítero francés que vivía nas aforas de París.
Foi un encontro casual, pero fan unha gran amizade, mesmo Julio namora dunha das súas fillas e acaban escribíndose moitísimo. Julio non quería que os seus pais saiban nin que participou na guerra do lado republicado nin que está nun campo de concentración, polo el lle mandaba cartas ao presbítero, que se chamaba Charles Carretier, e este lle enviaba nun sobre distinto, escrito a máquina e coa dirección de París, copiando o que el lle escribe. Ademais recibe as cartas de Galicia, que as copia e as reenvía ao campo de concentración.
Cando Chaterrier deixa de recibir correspondencia de Julio, investiga, descubre que faleceu en Mathausen e lle escribe aos pais que tras longas investigación lamenta dicirlles que o seu fillo morreu no campo de concentración. E aí envíalles toda a documentación que gardaba, as cartas e toda a documentación que gardaba durante a Guerra Civil, mesmo unha especie de diario das súas vivenzas e experiencias durante a guerra.
Iso si, apenas hai fotos, e ademais a súa familia tardou en perdoalo porque el marchou da casa moi cedo, mesmo viviu na Coruña fóra da casa familiar, traballando nunha tenda de peles e tecidos en San Andrés ou traballou sendo moi novo na Asociación Republicana Galega.
El despois marcha a Madrid, estudia Enxeñería, casa con Carmen Mahou, filla da familia cerveceira, e aí é cando despois xa pasa a formar parte do exército republicano, chegando a ser capitán de escuadrón, ata que en febreiro de 1939 ten que dirixir a súa compañía a escapar a Francia por Perpiñán, comezando o periplo polos campos de concentracións, primeiro en Barcares, e despois a Mathausen”.
Xa está en marcha o primeiro festival LGTBQ+ de Galicia. Se ben terceira edición do festival Norte Cinema Diverso celebrarase no Teatro Colón da Coruña do 20 ao 22 de febreiro, a súa arista do NCD Educa está a pleno rendemento.
Once institutos, sete da cidade e catro da comarca (Oleiros, Cambre e Arteixo), reciben desde principios de xaneiro e ata mediados de marzo, a realidade do colectivo LGTBIQ+ a través do cine. As proxeccións e charlas/debate están a chegar a case 600 alumnos de 3º e 4º de primaria e 1º da ESO. Durante as sesións ven as curtametraxes “El mueble de las fotos”, “Ese lugar partido”, “Pancarta” e “Antes de la Erupción”, e tras os pases destes títulos, a comunidade escolar entra en debate cos representantes do colectivo.
Así aconteceu a semana pasada IES Fernando Wirtz con alumnos e alumnas de 12 e 13 anos. Para unha delas, Sara Samaki, “o máis importante é o respecto e ter unha mentalidade aberta”. O seu compañeiro David Palla define a xornada como “moi interesante e reflexiva”, mentres que Iker Díez destacou que “é moi bonito expresarte como queres sen ter nada que te reprima. Avanzamos moito, pero segue habendo xente maior que se aferra ao pasado e non tratan con respecto aos demais.”
A experiencia do NCD Educa é para Lúa Gaudiza “moi necesaria porque hai persoas que se ven oprimidas e necesitan que a súa realidade se normalice”. Paula Pérez agredeceu que “nos ensinasen a preguntar con que pronome se identifica cada un para poder dirixirnos a esa persoa con el, ela ou ele”.
Outra imaxe da sesión no Fernando Wirtz
As sesión seguirán polos IES Ramón Otero Pedrayo (11 e 18 de febreiro), IES Eusebio da Guarda (13 de febreiro), e IES Sardiñeira (14 de febreiro). En marzo, o día 17, visitará o IES Miraflores, de Oleiros.
A actividade está organizada polo Concello da Coruña e a Asociación Palestra. Conta coa colaboración da Cinemateca Pedro Zerolo, Fundación 26 de Diciembre, Sex Point de CASCO, CoruFest e LesCoruña.
O ciclo ata Betanzos
O festival de cine LGTBIQ+ da Coruña, en colaboración co concello de Betanzos, celebrará o venres 14 de febreiro unha xornada de cine e debate, que incluirá a proxección da película Te estoy amando locamente, do documental El que no se agache, do alaricán Agustín Segura Prado, e da curtametraxe Ese lugar partido, da coruñesa Inés Pintor Sierra. A continuación, celebrarase un coloquio coa participación de Agustín, Inés e dun dos codirectores do certame, Fito Ferreiro.
A entrada ao cine Alfonsetti será de balde ata completar aforo.
O operativo contra o menudeo de drogas desenvolvido pola Policía Nacional en distintos barrios da cidade da Coruña saldouse con tres persoas detidas e catro rexistros domiciliarios. Así figura no balance ofrecido pola Policía Nacional este xoves, un día despois do despregamento realizado no marco da operación ‘Cum laude’ contra o tráfico de drogas nos barrios de Sacra Familia e Agra do Orzán.
Iniciada a finais do mes de setembro de 2024 por mor das queixas dos veciños da zona onde se sitúa un dos pisos investigados, os axentes identificaron unha rede de persoas dedicada á venda polo miúdo de drogas en varios puntos da cidade herculina. Na mañá do mércores, axentes da Udyco acompañados doutras unidades da Policía Nacional practicaron catro rexistros domiciliarios e detiveron a tres persoas.
Desta forma, incautáronse de 12.000 euros en efectivos, ademais de “numerosos efectos”, desde maquinaria a equipos de son, que foran roubados e que eran empregados para pagar as transaccións de drogas. Os detidos, aos que se lles imputan delitos contra a saúde pública, foron postos a disposición do xulgado de instrución número 5 da Coruña, que decretou a súa posta en liberdade coa obrigación de comparecer en sede xudicial cada dúas semanas.