Inicio Blog Páxina 227

A revolta obreira das cigarreiras de 1857, este domingo nun espectáculo musical da Banda Municipal da Coruña e Cántigas da Terra 

0

Fermosa a iniciativa de recuperar a historia da revolta obreira das Cigarreiras ás portas da Fábrica de Tabacos da Palloza o 7 de decembro de 1857. E fermosa a posta en escea que van protagonizar, este domingo 24 de agosto na praza de María Pita, a Banda Municipal da Coruña e o Coro Galego Cántigas da Terra.

Máis de cen artistas, cun elenco coruñés de excepción, subirán ao escenario para recrear -a través da música e do teatro- a pioneira revolta obreira protagonizada polas cigarreiras coruñesas .

Un espectáculo que conxuga música e teatro cun contexto habitualmente costumista, mais para esta ocasión búscase reivindicar este xénero e reinventalo a través dunha vertente contemporánea.
A orixe de ‘As cigarreiras’ radica no convite que a Banda Municipal lle trasladou a Cántigas da Terra para crear un espectáculo conxunto. Dende esta agrupación, fundada na cidade en 1916, agradeceuse a invitación e propúxose recrear a xa amentada revolta das cigarreiras a través da recuperación do xénero tradicional da estampa galega.

O espectáculo

O espectáculo estrutúrase en tres actos. Acompañando as cigarreiras, o primeiro acto presenta o traballo na fábrica, con alusións á masa coral da fábrica e a súa importancia no contexto industrial. O punto de inflexión chega ao final do segundo acto, cando estoupa a revolta e a ‘Foliada da Cruña’ é interpretada polas traballadoras a modo de himno.
Finalmente, a última sección do espectáculo elabora o argumentario a favor dunhas condicións de traballo digno, sempre enmarcadas no repertorio musical propio da cidade herculina.

Un equipo de nivel

Cigarreiras na Coruna espectaculo

O espectáculo conta dun equipo tremendo. Ademais da participación do Grupo de Baile Santaia e Cántigas da Terra, formación que inclúe o coro, o grupo de gaitas e o cadro de teatro, segmento este último dirixido por Isabel Risco, quen será a encargada de encarnar a cigarreira protagonista da peza: María Pena Barreiro. Xunto a Risco actuarán outros nomes coñecidos da escena profesional coruñesa: Victoria Pérez, Manuel Fernández, Jose Losada e Alberte Bello.
O equipo deste espectáculo inclúe, ademais, o guionista Carlos Ares, quen asina o texto orixinal da peza, mentres que Estefanía Gómez e Iván Villar asumen a dirección de movemento. A escenografía corre a cargo de Suso Montero e a coordinación xeral recae na produtora Marta Horjales. A parte técnica complétase con Rubén Montes (responsable de son), Héctor Naveira (Iluminación) e José Luis Vázquez, quen -xunto ao xa citados Montero e Isa Risco se encargan do vestiario.

A veciñanza de Celas segue a súa loita polas beirarrúas na AC-400

0

A veciñanza de Celas segue a súa loita polas beirarrúas na AC-400, no treito que atravesa o concello de Culleredo entre Valiñas a Peiro de Arriba.

Esta semana, mentres agardan a resposta da AXI aos seus escritos, solicitaron ao Concello unha Declaración Institucional de apoio, para apremiar cos prazos de execución desta obra tan básica e necesaria para a seguridade viaria da xente dos lugares.

 

A veciñanza de Celas pregunta pola súa senda peonil

A veciñanza de Celas esixe unha simple beirarrúa para poder saír andando das casas

 

“A cultura é un dereito”: A Deputación da Coruña promove unhas xornadas sobre arte, creación e territorio en Oza-Cesuras

0

A Deputación da Coruña promove as xornadas ‘A cultura é un dereito’, centradas na relación entre arte, creación e territorio, informa. O palacio provincial acolleu esta mañá a presentación, na que participaron a deputada de Cultura, Natividade González, e a comisaria das xornadas, Sara Fraga.

O programa terá lugar o 28 de agosto en Oza-Cesuras e contará con diferentes relatorios, mesas redondas e conferencias, entre outras actividades. Esta edición céntrase na relación entre arte, creación e territorio, cun programa que destaca a comarca das Mariñas como exemplo de dinamismo cultural. Con esta iniciativa, a Deputación busca consolidar “un espazo de encontro entre profesionais da cultura, creadores, institucións e público interesado”.

Parque de Vioño, a rolda de Monte Alto e Lonzas, as tres novas estacións de BiciCoruña

Xa son 52 as bases de BiciCoruña que están activas na cidade, reforzando así un servizo municipal que segue batindo marcas de uso (o último os 172.000 rexistrados só no mes de xullo), e que está cambiando a mobilidade da cidade como nunca antes en décadas.

O Concello vén de poñer en funcionamento 3 novas estacións: en Lonzas, no parque de Vioño e na rolda de Monte Alto, coa novidade de que estas dúas últimas son as primeiras en funcionar con subministración de enerxía solar.

A estación de Vioño está situada á altura do número 33 da avenida José María Rivera Corral, moi preto dos bloques residenciais de vivendas que lindan coa área verde do barrio, preto do polígono de Agrela (a medio camiño entre a xa existente na rúa Gutemberg e a carón da praza de San Rosendo, na Sagrada Familia), onde cada día hai un tránsito de case 20.000 persoas traballadoras.

A de Monte Alto está a altura do nº48 da rolda de Monte Alto, e a de Lonzas está situada na avenida do Ferrocarril.

A expansión do servizo continúa

A previsión do Concello é que BiciCoruña vaia sumando máis bases noutros puntos da cidade nas vindeiras semanas. Por exemplo, en barrios como Novo Mesoiro ou O Birloque, entre outros.

Un mapa e 13 novas estacións para BiciCoruña

BiciCoruña terá sete novas bases para a súa ampliación

O persoal de DIGI mobilízase na Coruña contra o convenio de empresa

0

Persoal de DIGI mobilizouse este martes a última hora da tarde diante da tenda de telefonía da rúa Juan Flórez da Coruña para amosar o seu rexeitamento ao I Convenio Colectivo de empresa asinado en Madrid por CCOO e UGT o pasado mes de xullo.

Un convenio no que non participaron os O texto asinado supón un grave retroceso nos dereitos laborais, recortando condicións salariais, compensacións por desprazamentos e dereitos en materia de vacacións. A situación é tan grave que incluso dentro da propia CCOO se teñen escoitado críticas contra este acordo.
En Galiza, e nomeadamente na Coruña, traballan máis de 200 persoas para DIGI, mentres que a nivel estatal a cifra elévase até as 8.000. Ante esta agresión, o comité da Coruña xa puxo o convenio en mans dos servizos xurídicos da CIG, que están a preparar a súa impugnación legal para tombalo nos tribunais.

Calendario de mobilizacións

En defensa dos dereitos laborais e contra este convenio imposto, o comité continuará co
calendario de mobilizacións nas seguintes datas e lugares da Coruña, Arteixo e Compostela:
• 21 de agosto | Diante da tenda de DIGI, Rúa Barcelona no 48A, A Coruña | 19:00 a 20:30 h.
• 24 de agosto | Fronte o estadio de Riazor, no paseo marítimo | 16:00 horas
• 26 de agosto | Diante da porta principal do C.C. Marineda City, Estrada Baños de Arteixo
no 43, A Coruña | 19:00 a 20:30 h.
• 28 de agosto | Diante da tenda de DIGI, Rúa República do Salvador no 12, Santiago de
Compostela | 19:00 a 20:30 h.
• 2 de setembro | Diante da tenda de telefonía de DIGI, Rúa Juan Flórez no 74, A Coruña| 19:00 a 20:30 h.
• 4 de setembro | Diante da tenda de DIGI, Rúa Barcelona no 48A, A Coruña | 19:00 a
20:30 h.

 

Concentración na Coruña por un convenio e salario “xusto” para a hostalaría

Decenas de traballadores e traballadoras concéntranse este xoves na Coruña convocados polos sindicatos CCOO, UGT e CIG para denunciar a paralización do convenio provincial no sector e reclamar un acordo e un salario “xusto”. “Pretenden manter as condicións do século pasado e pagar menos cando cada vez hai máis turismo e os negocios traballan máis”, sentenciaron desde a representación sindical.

A protesta foi no Peirao de Calvo Sotelo na Coruña nunha zona onde se celebran eventos vinculados coa hostalaría no marco das festas da cidade.

O obxectivo da mobilización foi denunciar a situación de bloqueo que, segundo sosteñen, atravesa a negociación do convenio provincial de hostalaría, que afecta a case 20.000 traballadoras e traballadores.

A negociación, que, explicaron, debería iniciarse en xaneiro de 2025, está paralizada debido ao que cualifican como unha “actitude obstrucionista e prepotente da patronal, que non só se nega a ofrecer melloras senón que pretende recortar dereitos laborais, entre eles a eliminación do Complemento IT, que garante o 100% do salario en caso de baixa durante os primeiros 12 meses”.

CCOO, UGT e CIG denuncian que esta postura “ignora o crecemento exponencial do sector e as marcas históricas de turismo e facturación en Galicia, así como o aumento desproporcionado do custo da vida en 2025”.

Entre outras cuestións, esixen unha actualización salarial e melloras nas condicións de traballo en materia de saúde laboral, a xornada e a conciliación familiar.

En relación a estas demandas, José Mirás, responsable de Hostalaría da Federación de Servizos de CCOO, insistiu en que o convenio caducou en decembro pasado “e o seu é negociar o novo”. “O problema atopámolo cando a patronal senta na mesa negociadora e di que as nosas propostas son inasumibles e se queremos negociar algo ten que pasar por eliminar o artigo sobre as baixas laborais”, expuxo para recalcar que “por aí non van pasar”.

E é que insistiu en que deben “mellorar as condicións” en materia salarial “e tamén incorporar melloras sociais”. Tamén considerou que se non se atopa persoal é porque “as condicións laborais son pésimas”.

Concentracións en todo o país ‘Por un monte Galego con Futuro’

0

A plataforma ‘Por un monte Galego con Futuro’, formada por máis de medio centenar de entidades, convoca unha serie mobilizacións para denunciar que a actual vaga de incendios que está a padecer Galicia é consecuencia directa da política forestal do PP, unha política forestal que, tal e como recolle o lema escollido para as protestas, “queima os nosos montes e as nosas casas”.

un chamamento a participar nas 26 concentracións que terán lugar este xoves 21 de agosto por todo o país a partir das 20:00 horas.

LUGARES E HORAS DAS COCENTRACIÓNS

  • A Coruña, 20h, Obelisco.
  • Allariz, 20h, Campo da Barreira.
  • Betanzos, 20h, Praza da Constitución.
  • Cangas, 20:30h, diante do Concello.
  • Carballo, 20h, Praza do Concello.
  • Celanova, 20h, Praza Maior.
  • Compostela, 20h Praza Roxa.
  • Ferrol, 20h, Edificio da Xunta.
  • Lalín, 20:30h, Praza da Igrexa.
  • Lugo, 20h, Edificio da Xunta.
  • Melide, 20h, Praza do Convento.
  • Monforte, 20:30h, Praza de España.
  • Monterroso, 20h, diante do Concello.
  • Noia, 20h, diante do Concello.
  • O Porriño, 20h, distrito forestal (Multiusos de Torneiros).
  • Ourense, 20h, Praza Maior.
  • Padrón, 20h, diante do Concello.
  • Ponte Caldelas, 20h, Alameda.
  • Pontevedra, 20h, Praza da Peregrina.
  • Ribadeo, 20h, diante do Concello.
  • Ribeira, 20h, Praza do Concello.
  • Verín, 20h, Praza do Concello.
  • Vigo, 20h, Farol de Urzaiz.
  • Vilagarcía, 20h, diante do Concello.
  • Vilalba, 20:30h, Praza da Constitución.
  • Viveiro, 20h, diante do Concello.

O Concello de Oleiros non pagará á empresa da recollida do lixo polos incumprimentos

Xa avisaba o Concello de Oleiros das infraccións da empresa concesionaria da recollida do lixo do Consorción das Mariñas. E se ben trala denuncia pública xa foron retirados os grandes electrodomésticos amoreados, segue pechando impedindo a veciñanza poder depositar podas, escombros,…

Ante esta situación o concello vén de iniciar o procedemento para non pagar á empresa da recollida de lixo polo incumprimento do contrato, tanto por ter pechado o punto como pola falta de frecuencias na recollida, a non limpeza dos contornos de contedores, o uso de camións avariados que van perdendo lixo polas rúas e a non reposición de contedores rotos.

Por todo isto, o Concello vai proceder a iniciar os trámites administrativos necesarios para que o Consorcio das Mariñas non pague a parte correspondente aos servizos non prestados en Oleiros. Así mesmo, se esixirá a maior sanción económica posible para a empresa concesionaria por incumprimento de contrato.

O alcalde pregúntase por que “o presidente do Consorcio das Mariñas, máximo responsable deste contrato, continúa a tolerar todos estes incumprimentos. Por que non actúa? Por que se está a beneficiar a unha empresa privada desde o Consorcio das Mariñas?”

Máis novas

O Concello de Oleiros denuncia graves incumprimentos do servizo de recollida do lixo do Consorcio das Mariñas

O mítico Concurso de Tortilla do Castrillón terá 44 aspirantes

0

A Sagrada Familia e o Castrillón collen o relevo das Festas dos barriuos esta fin de semana. Xa dimos un repaso aos programas, pero temos que facer parada nunha das citas máis esperadas: o XVI Concurso de Tortilla Española organizado pola Asociación Castrillón-Urbanización Soto (IAR).

A directiva da entidade vén de anunciar que hai 44 persoas inscritas nun concurso que terá lugar xa este xoves 21 de agosto, ás 18:30 horas na Praza Pablo Iglesias. As persoas que o desexen terán unha última oportunidade para inscribirse o día do concurso, de 17:30 a 18:30 horas na Praza Pablo Iglesias.

Un xurado de excepción

Mención aparte merece o xurado que outorgará premios ás tres mellores tortillas, composto polos seguintes destacados restauradores e gastrónomos da cidade, que decidirán se triunfa a tortilla con ou sen cebola:

  • Alberto Méndez (“Asador Coruña”).
  • Álvaro Gantes (“Árbore da Veira”).
  • Ana de la Calzada (Eventos “Alborada”).
  • Carlos Gayoso (“El de Alberto”).
  • Chisco Jiménez (“Culuca Cociña Bar”).
  • Gorka Rodríguez (“Pulpeira de Melide”).
  • Juan Crujeiras (“Bido”).
  • Maite Fernández (Monitora de Nutrición y Cocina).
  • Pepe Vázquez (“O ́Secreto”).

Concurso de Tortillas Castrillon Coruna

Programa con 15 actos

s Festivais Castrillón-Urbanización Soto 2025, enmarcados no Programa das Festas de María Pita, terán lugar os días 20, 21 e 22 de agosto na Praza Pablo Iglesias, acollendo un total de 15 eventos, completamente gratuítos para todos os participantes e veciños. A asociación veciñal subliña que o custo dos festivais será cuberto por achegas municipais, e calquera posible déficit será asumido pola Asociación Castrillón-Urbanización Soto (IAR). Polo tanto, nin os veciños nin os comerciantes do barrio terán que achegar nin un euro. O sinal de apertura darao o grupo “PANDERETEIRAS SEN FRONTEIROS” (o día 20 ás 19:30 h), o que pareceu axeitado tendo en conta que o Festival das Letras Galegas deste ano está dedicado ás cantantes. O evento continuará coa lectura do pregón a cargo do Concelleiro de Cultura, o Sr. Gonzalo Castro (20:30 h). A primeira xornada concluirá con música cubana e o concerto de “SON DE CAMAGÜEY”. O segundo día comezará cunha mañá enteira dedicada aos nenos con inchables (10:30 h) e unha festa da escuma (13:00 h), seguida dun intercambio de libros (11:30 h). A tarde estará ocupada polo 16º Concurso Anual de Elaboración de Tortillas (18:30 h), que concluirá co concerto estelar de “TAM TAM GO!” (22:00 h), lendario grupo de pop español dos anos 90, orixinario de Badaxoz, que lanzou un novo álbum este ano e actualmente está na súa xira de 2025 por todo o país.

O terceiro día comezará coa Alborada (Aniversario) de “SON D’AQUÍ” (10:00 h), seguida do Taller de Marcapáxinas (11:00 h) e o Intercambio de Libros (11:30 h). Ás 12:00 horas terá lugar o espectáculo Cascarillardarte, a cargo da Compañía MUU, que nos deleitará co espectáculo de circo “CRUNCH2”, para rematar a mañá cunha Sesión Vermú (13:00 horas) coa Charanga “SANTA COMPAÑA”, mentres que a tarde estará ocupada por Xogos e Deportes Tradicionais (18:30 horas) coa colaboración do Museo Etno-ocio de Galicia “MELGA” para rematar as festas coa Verbena a cargo da Orquestra “LOS PLAYERS” (22:30 horas).

Programa Festas do Castrillon Coruna 2025

Máis novas

Eirís, Sagrada Familia e O Castrillón toman o relevo festeiro dos barrios

Un restaurante da Coruña ten a mellor tortilla de patacas de España

As boas cifras do Viñetas desde o Atlántico

0

Rematou o Salón do Cómic Viñetas desde o Atlántico, que este ano tratou de dar un pequeno salto internacional. “A Coruña é un fervedoiro autoral que debe mirar cara fóra sen perder a súa identidade, e o Viñetas pode e debe ser a plataforma de lanzamento do noso talento cara ao exterior”, sinalou o director do festival, Manel Cráneo.

Foron máis de 120.000 as persoas que se achegaron á feira, tanto ás distintas exposicións que están por toda a cidade, como ás charlas, obradoiros, concertos e outras actividades do festival.

As boas cifras demóstranse tamén nas vendas, xa que algúns dos autores convidados ao evento esgotaron edicións dos seus libros nun Viñetas máis ambicioso que en anos anteriore.

Se pola Rúa da BD pasaron case 80.000 persoas, as varias mostras do Viñetas repartidas
por toda a cidade da Coruña non quedaron atrás e acolleron máis de 40.000 visitantes. A de máis afluencia foi a do Quiosco Alfonso, que acollía a exposición ‘Viñetas e Decibelios’ con obras de Víctor Coyote, Azagra e Revuelta, Magius, Miguel B. Núñez, Cols (Olivia e Clara Cábez) e Don Rogelio J. Nas 30 horas que estivo aberta durante a semana do festival, máis de 15.000 persoas pasaron polas súas salas.

Tamén houbo unha grande afluencia, maior que anos anteriores, noutras mostras do festival, especialmente as instaladas no Palexco, ‘Quino na Música’, sobre o autor de Mafalda, e ‘Astro-Ratón y Bombillita’, de Fermín Solís.
Ademais, neste espazo houbo unha grande afluencia de público infantil e xuvenil ao concentrarse nel os obradoiros para os máis pequenos do festival. Destacaron tamén as visitas ás mostras de Dave Cooper, na Casa Museo Picasso; a da Sala Municipal de María Pita, con obras de Inacio e Iván Suárez e as gañadoras dos Premios Castelao 2024, Sandra Lordi e Laura Suárez.

Mafalda no Palexco polo Vinetas

A gran novidade deste festival municipal, o photocall 3D instalado no Palexco, tamén foi todo un éxito. Case 3.200 persoas pasaron polo ScanMeNow para ter a súa foto en 3D con Mafalda e Astro Ratón co cartel oficial do festival de fondo.

O Viñetas 2025 tamén destacou pola masiva participación de público nas sinaturas oficiais cos autores. De feito, algúns deles como o Premio Nacional do Cómic, Magius, ou o reputado artista canadiense Dave Cooper, tiveron longas colas na carpa oficial na busca dunha sinatura. Ademais, obras como Black metal, de Magius, ou a biografía de Buenaventura Durruti, de Carlos Azagra e Encarna Revuelta, esgotáronse en todas as librarías do festival.

O festival contou tamén coa colaboración da Asociación Cultural Autobán, colectivo local especializado na autoedición e o fanzine, que organizou dentro da programación oficial o Premio Autobán ao mellor fanzine galego de 2025 e a exposición ExpoFanzines, reforzando a presenza do talento emerxente e do sector profesional da banda deseñada.

Máis pezas e autores

Este Viñetas amosou 1400 pezas entre obra en papel e creación dixital repartida en 21 exposicións. Nesta edición, participaron máis de 70 autores, fronte aos 40 do ano pasado, e preséntanse 20 exposicións, en comparación coas 18 de 2024. Tamén houbo tres concertos de autores de banda deseñada que tamén son músicos, un Late Night Show no Colón e seis obradoiros infantís na Sala Palexco.
Foron preto de 60 actividades entre charlas, faladoiros, talleres ou presentacións e 36 casetas de librarías e editoriais con catro exposicións internacionais con obras de Canadá, Arxentina, Portugal e Francia.

Viñetas show

Este Viñetas 2025 tamén veu cargado de concertos gráficos e actuacións en vivo, incluíndo o espectáculo de Víctor Coyote e o concerto ilustrado de Hombre Tigre, con actuacións de autoras como Anabel Colazo e Raquel Montero. A programación completouse coa proxección do documental Quinografía e un Late Night Show con entrevistas a autores, presentado por Neves Rodríguez.

Talleres e espectáculos
Ademais, o Viñetas Mini trouxo talleres diarios con autores convidados na Sala Municipal de Palexco, espectáculos nas Bibliotecas Municipais e a tradicional Rúa da BD, que encheu a feira do cómic coa presenza de 35 editoriais e librarías especializadas, con máis de 100 actividades, entre elas sinaturas, charlas, presentacións, visitas guiadas e masterclasses nos Xardíns de Méndez Núñez. Por suposto, tampouco faltaron os talleres e revisión de portafolios por parte de editores na sección Viñetas Pro.