Inicio Blog Páxina 228

Chayanne pon a bailar á Coruña cun espectáculo que será lembrado

A Coruña volveu vibrar este domingo coa visita dun dos artistas máis queridos do pop latino: Chayanne. O Coliseum, completamente cheo –como en moi poucas ocasións se ten visto–, foi testemuño do magnetismo intacto dun cantante que, aos seus máis de 50 anos, segue conquistando escenarios cunha enerxía desbordante e unha conexión co público absolutamente inquebrantable.

O concerto forma parte do seu Bailemos Otra Vez Tour, nome que o propio Chayanne explicou sobre o escenario. E é que o portorriqueño leva coa súa visita a Coruña na mente dende fai moito tempo, pero o parón global truncou os seus plans. Por iso, agora que por fin puido cumprir esa promesa, decidiu manter o mesmo nome da súa xira anterior como símbolo de reecontro co seu querido público: “Quería volver bailar con todos vostedes”, dixo. E, precisamente, comezou a noite coa canción ‘Bailemos otra vez‘. O Coliseum veuse abaixo dende o primeiro intre.

O que seguiu foi unha auténtica festa interxeracional. Un dos primeiros éxitos que interpretou foi ‘Salomé‘, seguido de ‘Boom boom‘, e con eles desatou a tolería colectiva. Nais, fillas, avoas, parellas, grupos de amigas… Todas e todos coreaban e bailaban sen importar a idade. Houbo mesmo quen deixou o seu asento nas gradas para buscar un recuncho no que poder dar renda solta ao seu baile. Porque, esta noite, toda a cidade da Coruña bailou, e literalmente.

escenografía foi outro dos puntos álxidos do espectáculo, sen lugar a dúbidas. Un escenario de gran complexidade, con xogos de niveis, escaleiras, unha banda completísima e bailarinas do máis hábiles que, xunto aos coros, potenciaban a impecable voz de Chayanne. Visualmente foi unha das montaxes máis ambiciosas que se recordan no Coliseum, e a nivel sonoro, o resultado foi rotundo.

O cantante, pola súa banda, estivo volcado co público. Achegouse unha e outra vez a quen estaban no ‘front stage‘, apretou mans, recolleu agasallos, compartiu sorrisos… En cada pausa entre cancións, tivo para o público palabras de gratitude: “Dende que pisei terras galegas sentinme moi arroupado”, confesou. Tamén tivo tempo para bromera coa súa idade: “Empecei aos 15 anos e diso pasaron xa 20… bueno, pasaron 30…”, dixo entre chances e gritos do público. “Non hai idade!”, concluía Chayanne.

Non faltaron tampouco as súas frases máis icónicas. A apostila máis celebrada foi o seu famoso ‘y esooo!’, que usou en varias ocasións a xeito de chiscadela cos seus fans. Tamén lanzou unha mensaxe emotiva cando interpretou ‘Si nos quedara poco tiempo‘, lembrando a importancia de coidar aos nosos, de frear o ritmo do día a día e valorar a quen están sempre aí: “Ás veces non nos damos conta do valor das nosas nais, dos nosos avós, dos nosos pais… E o tempo é o que é”.

Houbo algo máis que chamou a atención: o público admiraba o espectáculo en vivo e en directo, non a través da pantalla do móbil. Era un concerto vivido cos ollos, co corpo e coa alma. Unha experiencia directa, sen intermediarios luminosos. Unha noite que non buscou ‘likes‘, senón lembranzas. E así, con cancións que forman parte do ADN de varias xeracións e unha entrega que emociona, Chayanne volveu demostrar por que segue enchendo estadios: porque non é só música, é enerxía, é gratitude, é espectáculo, e, sobre todo, é corazón.

Así acumulou unha familia insolvente débedas de case 200.000€ que foron perdoadas

O Xulgado Mercantil número 3 da Coruña perdoou unha débeda de 190.859,4 euros (95.429,7 euros cada un) a un matrimonio que levaba 20 anos en situación de insolvencia. A parella viu reducidos os seus ingresos despois de que o home sufrise un accidente laboral que lle causou unha incapacidade permanente total e pediu préstamos con intereses elevados para facer fronte aos seus gastos, especialmente tras o nacemento da súa filla. Finalmente, o xuíz aplica a Lei da Segunda Oportunidade, polo que permite á parella, clienta de Bergadà Avogados, quedar libre das súas débedas pendentes.

Nun auto de febreiro de 2025, o xulgado acorda a exoneración desta débeda. Contra esta decisión non cabe presentar recurso. Os problemas financeiros do matrimonio comezaron hai dúas décadas, cando o home sufriu un accidente mentres estaba a traballar e reducíronse drasticamente os ingresos. “A pensión era pequena e o meu soldo non era suficiente para cubrir todos os nosos gastos“, explica a muller.

O nacemento da súa filla agravou a situación, xa que aumentaron os gastos en alimentación, vivenda e educación. Para cubrir as súas necesidades básicas, recorreron a créditos e cartóns de crédito, coa esperanza de que a súa situación mellorase a curto prazo. Con todo, esta estratexia só lles conduciu a un sobreendeudamento insustentable.

Aceptar o primeiro cartón de crédito foi a peor decisión das nosas vidas. Non tiñamos educación financeira e pensabamos que pagar ao mes seguinte era unha solución viable, pero non contemplamos os intereses elevados. Sen darnos conta, a bóla de neve foise facendo cada vez máis grande”, lembran

O matrimonio chegou a destinar uns 2.300 euros mensuais só ao pago das súas débedas. “Naquela época, os bancos concedían préstamos sen verificar os ingresos. Co tempo, démonos conta que o facían para ternos atrapados”, afirman. Finalmente, o xulgado baseouse en Lei da Segunda Oportunidade para exonerar as súas débedas.

Dous estudantes da UDC, vencedores no concurso nacional ‘Adiccións: o teu punto de mira’

Dous estudantes da Universidade da Coruña (UDC) resultaron vencedores no concurso nacional ‘Adiccións: o teu punto de mira’ na categoría de vídeos de Youtube. Segundo informa o reitorado, Lucía Vázquez Amor e Diego Otero Saavedra foron recoñecidos co primeiro e segundo premio, respectivamente, entre 217 propostas.

O certame forma parte do programa ‘O teu PUNTO’, unha iniciativa promovida pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas. O mesmo, remarcan desde a institución académica, “busca promover a reflexión crítica sobre as condutas aditivas entre o alumnado universitario”.

Novas estacións de Bicicoruña en marcha

0

Continúa avanzando a nova fase de expansión do servizo municipal BiciCoruña, que xa ten 49 estacións operativas.

Ao longo desta semana, o Concello avanzou varias estruturas: a base do Castrillón xa é visible a poucos metros da praza da Concordia, mentres que as dúas novas estacións de Novo Mesoiro están ubicadas, concretamente, na avenida de Novo Mesoiro e a rúa Fragas do Eume. En Lonzas, os traballos leváronse a cabo no treito final da avenida do Ferrocarril, xa chegando ao cruzamento coa rúa Doutor Joaquín Cotarelo. A súa posta en rúa precede sempre ás actuacións necesarias para dotar as estacións de subministro eléctrico e, a posteriori, conectalas ao sistema para, xa finalmente, dotalas de bicicletas e activar a base para que preste servizo.

Ademais, hai outras 5 pendentes de instalación:

  • a da Gaiteira, no treito da avenida de Oza máis próximo á rolda de Outeiro;
  • no Birloque, na rúa Manuel Ferrol;
  • en Pedralonga, á beira da estrada de Eirís, no acceso á Cidade das TIC;
  • na contorna da praza de Pontevedra, no cruzamento entre as rúas Alfredo Vicenti e a avenida de Fisterra; e
  • no parque de Bens, preto do seu acceso principal.

 

A mestra oleirense Fina Paulos lanza un novo libro sobre o uso nas aulas da Intelixencia Artificial

0
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

As Vítimas do Franquismo retoman a petición de eliminar as distincións a Manuel Fraga

Hoxe foi presentado en roda de prensa o manifesto da campaña “Non queremos a Manuel Fraga como Fillo Adoptivo”. Participaron persoas que estiveron presas e presos políticos na ditadura como Manuel Monge, Celsa Díaz Cabanela, Nicanor Acosta; así como familiares de vítimas do franquismo como Dolores Ares Torres, Gerardo García Moreira e Teresa Ramiro.

Lembraron a compañeiros presos políticos na ditadura de toda Galiza que asinaron o primeiro manifesto en 2019 para retirar as distincións a Fraga e que faleceron nos últimos anos: Rafael Pillado, Xan María Castro, Enrique Veira, Vicente Couce, Ángel Porto, Fernando Miramontes, Luis González López “Ferreiro”.

Apuntaron que o Pleno da Coruña de maio de 2019 acordaba iniciar o expediente para retirar a Fraga a distinción de Fillo Adoptivo. “Os tempos son chegados, é hora de culminar este longo proceso de case seis anos”, sinalan,

Por iso, “Vítimas do franquismo” da comarca da Coruña solicitará entrevistas cos grupos da Deputación da Coruña e os grupos municipais dos concellos da Coruña e Betanzos para que presenten iniciativas para a retirada a Manuel Fraga todo tipo de distincións, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática.

Entre as iniciativas para os próximos meses, o colectivo de vítimas do franquismo da comarca da Coruña distribuirá un folleto informativo sobre Fraga; pedirá apoios ao manifesto a historiadoras/es, xente da cultura e entidades da comarca da Coruña; solicitará intervir desde o Escano Cidadán no concello da Coruña; enviará un escrito ao ministro de Memoria Democrática para que se inclúa as rúas e distincións concedidas a Fraga na ditadura no Catálogo de elementos contrarios á memoria democrática, é dicir ilegais.

O Manifesto

No manifesto recollen algunhas distincións a Fraga, xa retiradas en concellos do país, así intervencións dos distintos partidos nos plenos municipais; distincións que conserva Fraga, concedidas na ditadura, e as concedidas en democracia, así como opinións sobre Fraga.

Lembran que o ditador Franco sempre estivo moi agradecido ao “Camarada Fraga” (era o tratamento entre os fascistas, como recollía o BOE de 9 de febreiro de 1961) polos servizos prestados á ditadura: “Cesa el camarada Manuel Fraga Iribarne en el cargo de Delegado Nacional de Asociaciones de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, agradeciéndole los servicios prestados”.

Manuel Fraga tivo unha traxectoria de máis de 35 anos de militancia fascista e servizos á ditadura, afiliándose a Falanxe en 1937; militante e delegado de curso do SEU (Sindicato Español Universitario de Falanxe Española). Ocupou desde 1951 numerosos cargos políticos na ditadura: conselleiro nacional do Movemento (o partido único); membro do Consello Nacional de Falanxe, Presidente do Instituto de Estudos Políticos, procurador das Cortes franquistas, membro do Consello de Estado e ministro.

Xuntamente con outros ministros da ditadura franquista, coñecidos como os “Siete Magnificos”, Fraga promove Alianza Popular (AP), que se convertería en Partido Popular (PP) en 1989, e preside o congreso fundacional que era recollido así nos medios de comunicación: “NEOFRANQUISTAS ENTUSIASMADOS CELEBRARON SU PRIMER CONGRESO. Los siete líderes de Alianza Popular anunciaron su federación y el paso hacia un partido único. Gritos de Franco, Franco de 3.000 fervorosos congresistas” (Portada do xornal Diario 16 de 7 de marzo de 1977).

O manifesto sinala: Ningún ministro de Franco pode seguir mantendo distincións honoríficas polos servizos prestados a unha ditadura criminal, que era cualificada así na Resolución 96 da Asemblea Xeral da ONU de 12 de decembro de 1946: “En natureza, estrutura e conduta xeral, o réxime de Franco é un réxime de carácter fascista, establecido en gran parte grazas á axuda recibida da Alemaña nazi de Hítler e da Italia fascista de Mussolini”. A situación de Fraga, como servidor dunha ditadura, é unha anomalía na Europa democrática. Algún ministro de Hitler ou Mussolini conserva rúas e distincións en Alemaña ou Italia?

 

“COMO SERVIDOR DO FRANQUISMO E MINISTRO DUNHA DITADURA CRIMINAL, MANUEL FRAGA NON MERECE RECOÑECEMENTO SOCIAL, NIN A DISTINCIÓN DE FILLO ADOPTIVO. FRANQUISMO NUNCA MÁIS!”, remata o manifesto

 

Máis novas

“Os tempos son chegados”: Monge consegue o compromiso municipal para eliminar os 378 símbolos franquistas da cidade

“O Consello da Memoria Democrática leva 4 anos sen se convocar”

Chisco Fdez. Naval: “Meus fillos tiñan que saber”

Aquí tamén se fala segue colleitando apoios para normalizar o nome do Dépor

0

Mentres a cidade celebra os 25 anos do título de Liga, a mocidade estudantil coruñesa continúa mostrando músculo e ilusión cun novo vídeo secundado por ducias de referentes culturais galegos no maco da campaña “O Dépor é DA Coruña”.

A exitosa iniciativa cultural “Aquí tamén se fala” do IES Rafael Dieste segue evidenciando a vontade social para que o Dépor cambie o topónimo deturpado do seu escudo para o da forma oficial da cidade. Desta volta, faino cun novo vídeo no que suman novas voces do panorama cultural galego.


Desta volta foi a quenda dos actores Manuel Burque, Xosé A. Touriñán, Isabel Blanco e Rocío Barrio; os músicos Nuno de Grande Amore, Xanma dos Rapants, Bieito Romero de Luar na Lubre, Cibrán e Chicho de Boyanka Kostova, Charlie de Los Suaves, Violeta de Bala e Mercedes Peón; os xornalistas deportivos Arturo Lezcano, Javi Torres de Galicia en Goles, Alfonso Hermida da TVG e Jorge Lema do Deporté e Diario As e Moncho Viña, autor do libro sobre o Dépor “Moito que contar”; os divulgadores científicos Iria Veiga e Jorge Mira; a escritora María Solar; os humoristas Roi da Costa, Carla Núñez e Marcos López de Todo Mal e o escritor e humorista Carlos Meixide; o ilustrador Manel Cráneo; a instagramer Nuska Chousa ou os autores de músicas sobre o Dépor Jesús Suárez e Habló Pablo, que evidencian abertamente o seu apoio manifestando, usando o lema da campaña dinamizadora, que “O Dépor é da Coruña”.

Estas novas voces súmanse ás xa presentadas, entre as que se encontran representantes das institucións públicas (Xunta, Concello e Deputación da Coruña) das áreas de educación e lingua, das institucións culturais (Real Academia, Consello da Cultura, Universidade da Coruña), así como federación de peñas e excapitáns do equipo herculino ou os representantes do 100% dos institutos públicos da cidade.

Aínda, os apoios continúan mesmo por fóra da plataforma con comunicados realizados pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, peñas como Old Faces, Riazor Blues ou a propia federación, e un longo número de voces que etiquetan o club nas redes sociais solicitando o cambio.

Máis accións para este sábado:

Se xa no mes de abril, durante o xogo que enfrontou o Dépor e o Cádiz, os estudantes do IES Rafael Dieste repartiron 15.000 adhesivos co slogan da campaña e o escudo correxido, novamente repetirán a acción. Desta volta, e novamente na porta 4 do estadio de Riazor, estarán na previa do xogo Deportivo vs Granada, desde as 15h00, repartindo gratuítamente outros 15.000 novos adhesivos entre os seareiros que se acheguen.

 

Referentes nacionais pídenlle ao Dépor que por fin sexa “da Coruña”

“O Dépor é da Coruña”, o novo reto normalizador do #Aquítaménsefala

Grazas Pepe, un dos derradeiros grandes soñadores

0

Donde estea, estarei por ti, estarei contigo, porque é a forma superior de estar coa vida”.

 

Este pequeno texto non é coma os que adoito escribir, algo máis persoal e menos sociolóxico. Facía moito tempo que non choraba, mais a mañá do mércores sentín un vacío propio de quen sente que un dos derradeiros loitadores idealistas se foi. Sensible de min, caíanme as bágoas vendo e escoitando todos os recordos de Pepe Mujica, e a verdade é que chorei como un meniño que se sente orfo e sen atopar amparo. Pepe foi e será un raio de luz entre tanta escuridade que, como a tanta outra xente ó longo de tantas xeracións ó redor do mundo, me atravesou e deixou en min unha pegada que dirixe o meu camiño e non vai ser borrada xamais.

En primeiro lugar, porque sempre fun un neno cunha serie de ideas que non encaixaban co que eu vía e experimentaba. Parecía que a vida iba por un lado e as miñas ideas por outro, que a pesar de ser un neno cheo de ledicia, amizades e de recibir moito amor, non encaixaba en ningures. Semellaba que a miña maneira de entender a vida e vivila estaba errada, porque tiña conflitos dentro de min que os demais do meu redor parecían non ter, xa que sempre estaba (e estou) en desacordo con ideas xeneralizadas de cousas que todo o mundo compartía. Neste senso, a socioloxía salvoume a vida. O coñecemento de como funciona a vida social doume as ferramentas para chegar ás respostas que levaba toda a vida buscando, coma si todo por fin encaixase e o que levaba pensando toda a vida agora sí tiña nome e apelidos, tiña razóns e tiña unha historia de grandes autores detrás que profundizaban nas ideas que eu sempre tivera vagas. Atopei o meu lugar. O lugar do coñecemento e as ideas, coma di Pepe: “Todo o mundo debería chegar á universidade, mais iso require de máis xustiza social, inda que ser universitario non é sentarse nas cadeiras da universidade, senón enamorarse do coñecemento”. Sempre con conciencia de clase, claro: “Se es universitario, non te creas superior por ter un título ou unha calificación. Esa é a oportunidade para ter máis ferramentas para axudar ó teu pobo, porque despois de todo, unha parte do que aprendes pagárono os analfabetos, os que sudan, os que loitan”.

Mais para chegar a este sitio, tiven que transitar por un proceso no que figuras como Mujica (entre outros e outras, tamén artistas musicais como bo adolescente confuso que sigo a ser) despertaron en min a paixón precisa para perseguir este camiño das ideas, da investigación e a mellora da vida social. Mujica representa a razón de que non estudase ningunha desas carreiras capitalistas e superfluas que só serven para ser funcional para a perpetuación do propio sistema. Sociólogo, sen cartos mais cunha concepción da vida máis profunda. Sen aspirar a casas, coches, restaurantes e viaxes. Mais quen carallo quere iso tendo ideas? A carteira estará baleira mais o corazón ben cheo. Sen persoas coma el, a miña vida estaría vacía ou carente de senso, non atoparía o camiño a seguir e remataría, como di el, pasando toda a vida sen darlle un rumbo deliberado, deixando que a manexe o mercado, pagando cotas a final de mes, e soñando que progreso comprando cousas ata ser un vello inútil; mirándome ó espello, preguntándome se traizoei ó neno que levo dentro e dándome conta que xa é tarde. Por sorte, ademais da posibilidade e a gratitude de poder elexir o meu camiño, teño unha capacidade nostálxica que ás veces é virtude e outras tantas é a peor das condenas, que é a capacidade de verme a min mesmo dende fóra no pasado e no presente. Sair do meu corpo e vivir os recordos formando parte deles, poder apoiarme no marco da porta no presente e ver a ese neno do pasado cometer acertos, erros e sentilos xuntos. Isto, ademais de favorecer a ser unha persoa nun exercicio de retrospección e instrospección continuo, tamén axuda a escoitar sempre ó neno que levo dentro e non desviarse moi lonxe do camiño, pois ese meniño é o que son. Son un neno apaixoado que busca aprender e crecer ata o fin e compartir ese coñecemento para transcender dunha vida superficial e estética.

Estética non só no senso literal, a meirande parte do que vivimos nesta posmodernidade líquida é estético e noxento, todas as mensaxes que recibimos de todo o contido cultural e político, que forman a nosa cosmovisión, son mensaxes vacías. Só teñen a intención de influir na opinión pública cun interese partidista e mercantil, ou sexa, estético. Un deterioro excesivo da moralidade, da creatividade, da calidade, da bondade e, en definitiva, de todo o que é e representa un cativo ou cativa pequena. E nisto tamén formamos parte as persoas, a meirande parte somos estéticas, produtos e vítimas da sociedade que nos produce, estamos baleiras, non cremos en nada e non loitamos por nada que non sexa individualista, egoísta e hedonista. Traballamos coma servos máis horas das que ten un reloxo nun traballo de merda que non poidemos elexir, para, como menciona Pepe, comprar cousas; non con diñeiro, senón co tempo que dedicamos traballando para conseguir ese diñeiro. E con iso, intentar satisfacer unhas necesidades que son infinitas. Dicía Zygmunt Bauman que a eterna non satisfacción das necesidades e desexos é o motor da sociedade de consumo. E para combatir este tipo de sociedade que nos machuca existen este tipo de referentes culturais e políticos, fóra da cultura pop, que é necesario e urxente poñelos ó alcance da xente. Nun mundo de Trumps, Netanyahus, Mileis (precisamente veciño do Pepe) e demais escoura fascista que hai por aí, a xente precisamos escoitar as palabras críticas e cheas de esperanza revolucionaria de figuras como Mujica, para silenciar o odio e facer que a ignorancia volva a dar vergoña.

Se tivera dúas vidas, non o dubides, gastariaas enteiras para axudar nas túas loitas”.

El Viejo tamén semellaba ser unha persoa moi nostálxica, que retrocedía continuamente á xuventude e lle falaba ós máis novos e novas, sabedor da súa capacidade inspiradora. Para calquera neno apaixoado ó que inda non lle arrincaron a capacidade de soñar ó ir medrando, Mujica representa un refuxio ó que agarrarse e é obriga dos adultos transmitir a mensaxe deste tipo de personalidades á rapazada. E é que non todo está perdido, sempre hai esperanza, o individuo morre pero as súas ideas e, sobre todo, o seu xeito de compartilas, perdurará. E calará nos máis novos. Como nesa moza uruguaia que non paraba de chorar escoitandoo falar nunha das súas últimas intervencións: “Son feliz porque estades vós, porque cando os meus brazos se marchen, haberá miles de brazos substituíndo a loita. E toda a miña vida dixen que os mellores dirixentes son os que deixan unha barda que os supera con vantaxe”. Mujica é un ancla que cando o sistema capitalista te quere levar con él, che recorda quen eres, cal é o teu propósito e te mantén no teu lugar. Ás veces pérdeste mais Pepe axúdache a vivir fiel e digno e coller forzas para loitar, sexa cal sexa a túa situación, porque: “Pobres son os que nunca nada lles alcanza” e “A mensaxe máis importante da vida é que sempre vale a pena volver a comezar, caer e volver a levantarse mentres un estea vivo, derrotados son os que deixan de loitar, e deixar de loitar é deixar de soñar”. Así é que, a maxia do Pepe reside en facer e dicir as cousas máis simples, que dende a persoa máis ilustrada ata a máis analfabeta as entenda e, especialmente, as sinta; e a súa vez ser as cousas máis profundas xamais ditas.

Tendo unha parella uruguaia, unha compañeira de vida, o meu amor por este home e este país acrecéntase e faime estar máis unido a esta cultura. Mujica soñou un Uruguai mellor, unha sociedade uruguaia mellor e unha América do Sur mellor. E loitou por elas. Pepe é guerrilleiro pola liberdade, incorruptible, soñador, un crítico inconformista, rebelde e revolucionario. Ingobernable, idealista. Unha inspiración, unha forza. É amor, tenrura e agarimo. Ese vello tolo que se ri ó falar dunha copa dun bo viño. Estoico. Fiel ás súas ideas toda unha vida, encarceado por elas, nunca baixou os brazos no empeño de loitar por un mundo mellor. Pepe é un estímulo, a búsqueda da intensidade, da emoción e o sentimento, a bolboreta no estómago. O refuxio dun neno apaixoado. É o compañeiro de vida de Lucía Topolansky. Amigo de Manuela. Fillo de Uruguai. Pai da liberdade.

Vénseme á mente a letra de Hasta Siempre Comandante que Carlos Puebla lle cantaba ó Che, e para min ten moito senso agora: “Aquí, se queda la clara, la entrañable transparencia, de tu querida presencia…”. Algún día cando sexa vello, mirareime no espello e saberei que valeu a pena ser quen son, coa carteira baleira mais o corazón ben cheo, grazas a influencia de persoas coma esta que se relatou hoxe. Algún día sentareime na mesa con todos estes ánxeles e pantasmas que admiro e me inspiran e sentireime en paz por unha vida digna, recordando con esa capacidade nostálxica os momentos, os acertos e os erros, e sentireinos de novo conxuntamente no pasado e no presente, que hoxe é o futuro. O último que querería o Pepe é que ficásemos chorando por el, mais é inevitable sentir amargura cando alguén así se vai. O home vaise, mais a promesa dun futuro mellor cunha derradeira idea permanece: “Non me vou, estou chegando”.

  • Rubén Pérez. Doutorando en Ciencias Sociais e do Comportamento, graduado en Socioloxía e opositor a profesor de Xeografía e Historia. Vamos enchernos e falar de cousas, que diría Grande Amore.

Máis artigos de Rubén Pérez

O dianteiro do Dépor Zakaria Eddahchour segue en Observación tras caer ás rochas do paseo marítimo da Coruña

O xogador do R.C. Deportivo Zakaria Eddahchouri tivo que ser evacuado ao hospital tras caer desde o paseo marítimo da cidade herculina á zona inferior das rocas durante a noite deste sábado.

En concreto, foi ao redor das 23.00 horas cando os servizos de emerxencia da Coruña tiveron que rescatar ao dianteiro neerlandés, que non podía saír polos seus propios medios tras caer nas rocas á altura de ‘Os Pelamios’. Segundo confirmou o Club nun comunicado, o xogador presenta lesións leves e atópase en observación no hospital, onde está a ser atendido polo equipo médico correspondente.

Con todo, o Deportivo agradeceu publicamente a “rápida intervención” dos servizos de emerxencia e indicou que seguirá informando sobre a evolución de Zakaria Eddahchouri a través das canles oficiais do Club.

Activada para este domingo a alerta por choivas na Coruña

Galicia estará este domingo en alerta por choivas en varios puntos das provincias da Coruña e de Lugo, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía. Desta forma, o centro e sur da provincia de Lugo estará en alerta laranxa por treboadas que poden ir acompañadas de sarabia e por precipitacións acumuladas que poden chegar aos 30 mm nunha hora.

Así mesmo, a zona da Mariña, da montaña de Lugo, o noroeste e interior da provincia da Coruña estarán en aviso amarelo por precipitacións e treboadas. Co obxectivo de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da siatución a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas, deputacións, serviciones provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Pola súa banda, a Secretaría Xeral para ou Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou a suspensión da actividade deportiva federada no exterior dos concellos do centro e do sur de Lugo desde as 15.00 horas ata a medianoite.

Ante as fortes choivas recomendan circulas con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zona alagada ou que poidan chegar a alagarse e non aparcar preto dos ríos.