Inicio Blog Páxina 233

Lucía Aldao abriu a Feira do Libro cun pregón lúcido e combativo

0

A Feira do Libro da Coruña xa está en marcha. Este mediodía tivo lugar o acto inaugural, que contou coa participación da Federación de Librarías de Galicia —organizadora do evento—, xunto co Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia como entidades colaboradoras. Pero a protagonista absoluta foi sen dúbida a poeta coruñesa Lucía Aldao, quen asinou un pregón lúcido, combativo e cheo de lirismo, celebrando os libros como espazos de liberdade, encontro e resistencia.

Pregon da Feira do Libro da Coruna 025

A feira desenvolverase entre o 1 e o 10 de agosto, en horario de mañá de 11 a 14 h e de tarde de 17:30 a 21:30 h. Trátase do primeiro gran evento das Festas de María Pita, e contará con 38 librarías e editoriais participantes, máis de cen actividades programadas e máis dun centenar de autoras e autores convidados, conformando unha oferta literaria e cultural diversa para todas as idades.

A programación da feira é ampla e diversa, con propostas para todos os públicos e cada día da semana. Entre os eventos máis salientables están, este venres 1, a presentación de Rober Cagiao ás 19:00 h e o recital poético de Yolanda Castaño ás 20:15 h.

O sábado 2, será a quenda de Antía Yáñez e Arantza Portabales ás 19:00 h, seguidas de Pedro Feijoo ás 20:15 h. O domingo 3, ás 18:45 h, celebrarase a presentación da obra Luzeiras.

O luns 4 comezará con teatro familiar de Pedras de Cartón ás 17:15 h e continuará cun obradoiro de banda deseñada ás 18:45 h. O martes 5 inclúe o obradoiro “Aprende a ler sen luz”, de achegamento ao braille, ás 18:00 h, e un roteiro literario con Rodrigo Costoya ás 19:00 h.

O mércores 6 destaca polo teatro familiar con Pablísimo ás 17:30 h, e pola presentación da novela As obras póstumas de Diego Giráldez ás 20:00 h, acompañado pola escritora Blanca Riestra e o director de Xerais Fran Alonso. O xoves 7 haberá dobre cita na Carpa 2: Guada Guerra presentará Las cosas que nos pasan ás 19:00 h, e ás 20:15 h será a quenda de Manuel Rivas con Tras do ceo, acompañado pola académica Olivia Rodríguez e polo editor Fran Alonso.

O venres 8 celebrarase ás 18:00 h o obradoiro familiar de marcapáxinas plantables, dirixido por Raquel de Árbore Azul, e ás 20:00 h, Laura Agustí e María Hesse conversarán sobre as súas obras. O sábado 9, ás 17:30 h, haberá contacontos con Silvia Penide, seguido ás 18:30 h polo obradoiro de iniciación ao cómic “Unha viaxe con Rosalía”, con Paula Mayor, e ás 20:00 h, a presentación da novela Amnesia de Francisco Lorenzo, que dará paso a un quiz literario con sorteo dunha copia da obra entre os participantes. Finalmente, o domingo 10 ás 10:00 h, Cristina Pato presentará Fora de foco.

A feira pechará as súas portas cun evento moi especial: o micro aberto “A porta vacía”, moderado por Branca Trigo, ás 20 horas do domingo.

MÁIS NOVAS

Chega o programa das Festas de María Pita

Baiuca invocou as bruxas de María Pita

Unha hora antes, Rosa Cedrón saudaba dende o balón do pazo para dar o pregón. A filla adoptiva da cidade herculina apuntou que “A Coruña non é só un lugar no mapa, é unha patria íntima, un símbolo, un faro que endexamais se apagará”.

apg_20250801_ALCALDESA_PREGON_ROSA_CEDRON_FESTAS_MARIA_PITA_005
Rosa Cedrón foi a pregoeira

Tomaron o relevo os alalás das Andrea e Alejandra Montero (as cantareiras de Miño) como as percusións tradicionais de Xosé Lois Romero, que maridan á perfección cos sons electrónicos que pincha Alejandro Guillán. A praza fitou en trance, pero tamén fartou de bailar (as pesar dos corredores de valados que impedían o tránsito entre a zona do público para atopar amizades) e de corear os Verdegaios, as Bruxas ou o Barullo que crea esta máxica combinación.

O concerto contou coa participación de dúas das novas divas da música galaica, como son a baiesa Antía Ameixeiras co seu violín, e a zaseira Antía Muíño coa súa voz e a súa garra cada vez máis potente.

Así, a golpe de puro “tradi”, arrincaron as Festas de María Pita.

Concerto de Baiuca en Maria Pita

Máis info

Chega o programa das Festas de María Pita

 

Salvamento Marítimo rescata dous tripulantes feridos dun buque fronte ás costas da Coruña

0

O helicóptero Helimer 402 de Salvamento Marítimo evacuou este domingo a dous tripulantes feridos dun buque que navegaba fronte ás costas da Coruña e que se dirixía a Cádiz.

Segundo relatou Salvamento Marítimo a Europa Press, ao redor das 07.10 horas recibiuse o aviso de que dúas persoas que ían a bordo do buque ‘Huashan’ necesitaban ser evacuados por motivos médicos. Deste xeito, mobilizouse ao Helimer 402, que os levou ata a base, onde os esperaba unha ambulancia do 061 que os trasladou ata un centro médico.

Convocan unha concentración para esixir a recuperación da Casa Cornide para a cidade da Coruña

Dabamos conta o pasado mércores de que a familia do ditador Franco abriría a Casa Cornide para visitas a partir do 4 de agosto. Unha apertura que chega 7 meses despois de que o Consello da Xunta aprobase a declaración como BIC o 27 de abril de 2023, o que teoricamente xa os obrigaba a ofrecer visitas dende a súa publicación no DOG (24-5-2021).

Nós xa probamos o primeiro día e comprobamos o complicado que era conseguir unha cita, pois as de agosto practicamente estaba copadas e a partir de setembro xa non aceptaban reservas. O caso é que lei obriga a abrir ao público os BIC “catro días ao mes, como mínimo, durante catro horas ao día”, e os Franco acóllense a ese mínimo e sinalan como día de visitas os luns, con cinco persoas cada hora. “Consideramos que para facilitar as visitas deberían incluirse tamén, como mínimo, os sábados e domingos, con grupos de 15 persoas en cada visita dunha hora”, piden dende a plataforma Defensa do Común, a pesar de considerar esa apertura como unha boa noticia.

Con todo, a entidade veciñal non vai parar con esta apertura, senón que vai continuar ata “botar aos Franco da cidade”. Así, convocan unha nova concentración para este luns 4 de agosto de 2025, ás 11:30h, lembrando que “os Franco foron declarados persoas non gratas por acordo do Pleno municipal da Coruña de 11 de setembro de 2017”.

Nesa concentración reivindicarán que o concello da Coruña acelere o proceso de denuncia no xulgado para recuperar a propiedade. “Exiximos que os Franco devolvan todo o roubado (xa conseguimos a recuperación para o patrimonio público do Pazo de Meirás por sentencia xudicial, así como as estatuas de Ezequiel e Xeremias do Portico da Gloria)”, sinala a plataforma nun comunicado, ao tempo que piden eliminar nomes do rueiro como Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina Brandao e Sergio Peñamaría de Llano, que “aínda conservan en A Coruña rúas, retratos en edificios públicos, placas e todo tipo de distincións que non pode admitir unha sociedade democrática”.

Os Franco habilitan as visitas á Casa Cornide na Coruña tras ser multados por incumprir con esta obrigación

A Coruña sae a rúa para esixirlle aos Franco a devolución ao patrimonio galego da Casa Cornide

 

O Festival Noroeste por fin ten Cartel

A 4 días do comezo, e a través dun comunicado, o Concello da Coruña vén de presentar da 38 edición do Festival
Noroeste Estrella Galicia. A pesar da reflexión á que invitaba o edil de cultura Gonzalo Castro, o festival que se celebrará do mércores 6 ao domingo 10 de agosto, conta con máis dunha trintena de concertos en 6 escenarios diferentes, repartidos por toda a cidade.

Con todo, o tecido social e cultural da cidade segue lamentando a falta de interese, previsión é organización do festival referencia da cidade, tardando ata o extremo para publicar o cartel, acabando aínda onde de pechar moitas das contratacións.

Horarios Noroeste

Como principal novidade, nesta edición haberá concertos en María Pita, que substiúe ao Parque de Santa Margarita.

Nace tamén unha nova localización no Portiño, con Mercado da Colleita, impulsado por Hijos de Rivera, e actividades para toda a familia.

O cartel está inspirado nas vidreiras das galerías da Mariña, que forman unha das vistas máis bonitas de toda Galicia.

Ademais dunha nutrida elección de bandas galegas (ata 19 bandas do país) ben acaídas neste festival como Grande Amore, Leria ou Mondra, e outras que diversifican estilos como Luar na Lubre e Guadi Galego, chegan tamén bandas de todo o planeta (Reino Unido, Países Baixos, Mali, Marrocos ou Senegal).

Escenarios

A praia de Riazor, a praza de María Pita, o Castillo de San Antón, Campo da Leña, praza de Azcárraga e O Portiño serán os escenarios desta trixésimo oitava edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Neste último haberá actividades para toda a familia, con Mercado da Colleita, que volve formar parte da programación desde o venres ata o domingo. Rapariga DJ, Raphael da Ghetto, Eme DJ, Yo Soy Ratón e DJ Peligro ofrecerán espectáculos neses días.

Galicia brillará como nunca en Riazor o venres 8 de agosto. Carlos Ares, artista, produtor e compositor cunha das voces máis persoais e inquietas da escena alternativa, dará paso aos Locais Luar na Lubre, a banda coruñesa de música galega máis internacional, e Grande Amore: “o grupo máis ruidoso da súa xeración”, recentemente recoñecido co Premio MIN 2024 ao mellor álbum en galego.

Na praia recalará o sábado 9 una das bandas de rock moderno máis formidables de Inglaterra: The Vaccines, que xunto a Siloé e a multipremiada artista galega Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena actual, poñerán o peche ao escenario máis emblemático do festival.

Unha das voces máis impresionantes da actualidade Queralt Lahoz, ou o sempre irreverente Albert Pla, entre outros, inaugurarán María Pita como espazo escénico do Noroeste Estrella Galicia.

O Campo da Leña subirá o volume con bandas como Los DelTonos, O’funk’illo, Hermana Furia, Doctor Snob e Battosai, entre outras.

No Castelo de San Antón, pola súa banda, actuarán Vieux Farka Touré, Ballaké Sissoko & Piers Faccini e McEnroe. As invitacións para estos concertos estarán dispoñibles no despacho de billetes da praza de Ourense a partir do martes 5 de agosto, no seu horario habitual. Poderanse retirar un máximo de dúas invitacións por persoas. Dez minutos antes de comezar o concerto, a entrada ao castelo será libre ata completar capacidade.

Azcárraga, que sempre regala á cidade algunhas das sorpresas máis gratas do festival, acollerá sobre as súas táboas a P.P. Arnold (USA), que nas súas 5 décadas de traxectoria Rlacionouse con Tina Turner, The Rolling Stones ou Rod Stewart, ás tamén americanas Annie and the Caldwells co seu potente soul disco do Mississippi ou a JP Bimeni and the Black Belts (África), un mestre do funk-soul moderno de inspirador estilo soul africano.

Falece unha muller nun incendio no seu domicilio na Coruña

0

Unha muller faleceu este sábado nun incendio declarado no seu domicilio da rúa Vila de Carral da Coruña e que calcinou por completo unha das habitacións. Segundo relatou o 112 Galicia a Europa Press, o suceso tivo lugar ao redor das 16.50 horas, momento no que recibiron varios avisos alertando de que saía fume da terceira planta dun edificio de cinco plantas da mencionada rúa.

Ata alí desprazouse a Policía Nacional, a Policía Local, os bombeiros e, unha vez no lugar, avisouse a Urxencias Sanitarias porque había unha persoa falecida. Aínda que unha habitación ardeu por completo, a estancia anexa na que se atopaba a falecida non se viu afectada.

Viñetas desde o Atlántico celebra a súa edición máis ambiciosa cunha homenaxe a Castelao e máis de 70 autores

A cidade da Coruña acollerá do 11 ao 17 de agosto a edición máis ampla ata a data do festival Viñetas desde o Atlántico, que en 2025 celebra unha edición centrada na relación entre cómic e música, cunha programación renovada que inclúe 20 exposicións, máis de 70 autores participantes, concertos ilustrados, talleres e accións gastronómicas. A figura de Castelao terá un lugar destacado como homenaxeado polo 75 aniversario do seu pasamento.

A presentación oficial do festival tivo lugar este venres no Palacio de María Pita. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou a cooperación institucional que fai posible o evento: “Cando todas as administracións e empresas traballamos xuntas, a cultura chega máis lonxe”. Pola súa parte, o director do festival, Manel Cráneo, cualificou esta edición como “moi especial” e puxo en valor “a diversidade de propostas e o reforzo das actividades complementarias”.

O representante da Xunta, Anxo Lorenzo, subliñou o potencial do cómic na industria cultural galega, mentres que o deputado provincial José Ramón Rioboo afirmou que Viñetas “é un dos piares culturais da provincia”.

UN PROGRAMA QUE MEDRA: MÁIS AUTORES E MÁIS EXPOSICIÓNS

A edición de 2025 aumenta considerablemente a súa oferta respecto ao ano anterior. Participarán 73 creadores, fronte aos 40 de 2024, e haberá 20 exposicións en distintos espazos culturais da cidade. Entre os nomes destacados figuran Dave Cooper, recoñecido ilustrador canadense; Magius, Premio Nacional de Cómic; Fermín Solís, Carlos Azagra, Encarna Revuelta, Miguel B. Núñez, Clara e Olivia Cábez, Don Rogelio J, Marika Vila, Sandra Lordi, Raquel Gu e Paco Coyote, entre moitos outros.

As exposicións estarán repartidas por toda a cidade, con mostras como Quino na música e Viñetas y Decibeis no Quiosco Alfonso, obras premiadas nos Premios Castelao en María Pita, ou a instalación Astro-Ratón y Bombillita na Sala Palexco. Tamén se exporán traballos na Casa Museo Picasso, grazas á colaboración con diferentes institucións culturais.

A homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao será un dos eixes centrais da programación, con actividades específicas arredor da súa figura e legado, nunha mostra que conxuga a recuperación da memoria con novos formatos expositivos.

VIÑETAS MINI, VILETAS ÑAM E VIÑETAS PRO: CULTURA PARA TODOS OS PÚBLICOS

Un dos puntos fortes do festival será a programación paralela que reforza a dimensión educativa, profesional e lúdica do evento. A sección Viñetas Mini ofrecerá talleres diarios con autores convidados, actividades nas bibliotecas municipais e espectáculos infantís. Pola súa parte, a sección Viñetas Pro permitirá que novos talentos do cómic galego presenten os seus portafolios a editoras e participen en revisións, charlas e mesas profesionais.

Ademais, a Rúa BD, situada nos Xardíns de Méndez Núñez, contará coa presenza de 35 editoriais e librarías especializadas, ademais de máis de 100 actividades abertas ao público como sinaturas, presentacións, masterclasses e visitas guiadas.

No eido musical, destaca o concerto gráfico de Hombre Tigre, así como actuacións de autoras como Anabel Colazo e Raquel Montero, sen esquecer a proxección do documental Quinografía e o Latexa Night Show, un formato de entrevistas conducido por Neves Rodríguez.

Tamén regresará Viñetas Ñam, o apartado gastronómico do festival, no que numerosos restaurantes da cidade ofrecerán pratos inspirados no universo do cómic, reforzando a implicación da hostalaría local co evento e ampliando o impacto do festival na economía urbana.

UN FESTIVAL QUE CRECE CON CADA EDICIÓN

Con esta proposta renovada e transversal, o Viñetas desde o Atlántico reafirma a súa identidade como escaparate da banda deseñada a nivel peninsular, apostando por novas sinerxías creativas, como a música e a gastronomía, e abrindo espazos de encontro para públicos diversos. A cidade da Coruña consolida así a súa posición como referente cultural do verán, con eventos que combinan tradición, vangarda e participación cidadá.

Somos as traballadoras do SAF: esenciais pero esquecidas

0

Chámome Trinidad, son coruñesa e traballo no Servizo de Atención á Dependencia no Fogar. Escribo estas liñas conmocionada pola morte dunha compañeira, Teresa, nun servizo que debía ser de coidado, non de risco. Ela non traballaba aquí, pero podía ser calquera de nós. Podería ser eu.

En Coruña tamén entramos soas en casas onde sentimos medo. Tamén sufrimos violencia verbal, acoso ou trato vexatorio por parte dalgunhas persoas usuarias. E cando pedimos apoio, a resposta adoita ser: “se non queres ir, renuncia”. Como se iso non supuxese perder ingresos, horas e estabilidade.

Esta realidade non é nova. Levamos anos denunciando precariedade, falta de protección e silencio institucional. As empresas concesionarias priorizan o beneficio económico fronte á seguridade das traballadoras. O Concello non fiscaliza como debería. A Xunta non actúa nin nos casos máis graves. E as traballadoras, mentres tanto, asumimos soas situacións de risco cada día.

O Real Decreto 893/2024, aprobado polo Ministerio de Traballo, recoñece a necesidade de mellorar a prevención nos domicilios. Pero no caso de Coruña, onde o servizo está externalizado a unha empresa privada, seguimos sen ver cambios reais. A aplicación destas medidas depende da vontade da empresa, e iso tradúcese en inacción.

As administracións teñen ferramentas para mellorar esta situación, pero faltan vontade e compromiso. Desde o Concello da Coruña poderían incluírse cláusulas sociais máis estritas nas licitacións. Podería crearse unha mesa de seguimento coa participación das traballadoras. Podería impulsarse a xestión directa do servizo, apostando por un modelo público e de calidade.

Non pedimos privilexios. Pedimos dignidade e seguridade. Queremos que se nos escoite cando sinalamos un caso perigoso. Que haxa coordinación eficaz. Que se nos forme e se nos acompañe. Que se valore o noso traballo e se garanta a nosa integridade física e emocional.

Somos mulleres. A inmensa maioría. Invisibles, esgotadas e sen voz. Pero tamén somos esenciais. Somos quen coida dos teus pais, das túas nais, das túas avoas. E si: moitas persoas usuarias recoñéceno. Queréndonos, agradecéndonos, tratando connosco con afecto e respecto. Nós tamén as queremos. Porque este traballo non é só asistencia: é acompañamento, humanidade, vínculo.

Hoxe morreu Teresa. Non é un feito illado. É consecuencia dun sistema que leva anos precarizando os coidados. E se non se actúa con decisión, volverá pasar. Por iso non queremos minutos de silencio. Queremos medidas reais. Queremos que a súa morte non sexa unha estadística máis, senón un punto de inflexión. Porque mañá, pode ser calquera de nós.

  • Trinidad Palacios. Traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

PP e PSOE sacan adiante no pleno o proceso para a cesión de La Cros a unha entidade

0

O pleno de Culleredo celebrado este xoves, sacou adiante, cos votos a favor de PP e PSOE, o cambio de uso do solo das parcelas da antiga fábrica de La Cros. Un paso necesario para aprobar a cesión por 50 años do esqueleto máis famoso da comarca á Fundación Cetim para a creación dun centro de investigación privado.

Tras intentalo en febreiro do ano pasado, o goberno socialista local incidiu e desta volta contou co apoio do PP, que argumentou que con esta nova proposta hai máis garantías xurídicas.

BNG e Alternativa amosaron o seu profundo rexeitamento, entendendo que se “regala” unha das xoias arquitectónicas do Concello a unha entidade privada. “Alternativa dos Veciños non apoiará nunca que o patrimonio público dos veciños de Culleredo se lle regale a ninguén, por moito que se pretenda vestir de fundación científica con promesas de emprego que nunca serán unha realidade, porque para isto o Concello xa dispón dos polígonos comerciais e industriais”, sinala Alternativa nun comunicado..
O grup considera que podería ser un espazo público como levan prometendo os diversos gobernos municipais.

Entende ademais que “se o Concello quere que as naves e terreos da Cross se modifiquen algún día, ademais de equipamentos municipais, pode considerar a posibilidade de facer vivenda de aluguer público, así nunca perdería a titularidade dos mesmos e crearía un gran servizo para a veciñanza de Culleredo”.

Cómpre salientar ademais que o Concello de Culleredo non ten Plan Xeral de urbanismo e por tanto non pode alterar as cesións urbanísticas de anteriores plans parciais que fixaban as cesións públicas para servizos sociais, culturais, deportivos etc…

Máis novas do proceso

O Concello de Culleredo volverá intentar converter o antigo edificio de La Cros nun centro de investigación

A antiga fábrica da Cros queda sen Centro Tecnolóxico

Así sería o Centro Tecnolóxico que Culleredo propón para a Cros do Burgo

Rosa Cedrón e Baiuca abren as Festas de María Pita

0

Este venres 1 de agosto darán comezo as Festas de María Pita 2025 co pregón de Rosa Cedrón dende o palco do Concello, ás 21:00h, e a música de Baiuca (a parir das 22:00h) na praza de María Pita.

Coruñesa de adopción, comezou a súa carreira como violonchelista, pero acadou gran recoñecemento como vocalista do grupo Luar na Lubre, conxunto co que colaborou durante varios anos, popularizando grandes himnos de música tradicional galega. Posteriormente iniciou unha carreira en solitario, combinando sons folk, pop e canción de autor.

Pola súa parte, o proxecto musical liderado por Alejandro Guillán, continúa a revolucionar a escena sonora galega e internacional coa súa fusión única de tradición e vangarda.

Chega o programa das Festas de María Pita

 

 

Apertura da Feira do Libro, Mostrart e a mostra de carteis históricos das Festas de María Pita

Hoxe tamén botan a andar a Feira do Libro, a mostra de artesanía Mostrart e a mostra ‘As Festas de María Pita a través dos seus carteis’.

Baixo o lema ‘Onde florecen os libros’, este 1 de agosto botou a andar a Feira do Libro nos xardíns de Méndez Núñez. Serán un total de 36 librarías e editoriais as presentes nesta edición, que ofrecerán un 10% de desconto en todos os libros ata o 10 de agosto, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 21.30 horas. A Feira do Libro comezará co pregón da escritora e música, Lucía Aldao.

Por outra banda, un ano máis, a feira de artesanía máis importante de Galicia, Mostrart, regresa aos xardíns de Méndez Núñez, reunindo aos mellores artesáns e artesás do 1 ao 31 de agosto. En Mostrart 2025 participarán máis de 60 obradoiros artesáns, organizados en diferentes quendas de participación ao longo do mes, cun total de 43 casetas. Desta representación, 51 artesáns proceden de Galicia e 11 doutras comunidades autónomas,
consolidando así o carácter diverso e de calidade da feira.

Lucía Aldao abriu a Feira do Libro cun pregón lúcido e combativo

Dispositivo especial de transportes

Haberá un dispositivo especial de transporte urbano durante as Noites de María Pita, os días 1, 2, 3, 4, 5, 10, 11, 12, 13, 14, 15, 17 e 25 de agosto. Haberá saídas desde Porta Real a partir das 00.00 horas, hora prevista da finalización dos concertos. O dispositivo consistirá nunha liña identificada como 1 que dará cobertura ás zonas da Palloza, Gaiteira, Os Castros, Castrillón e Avda. de Monelos, unha liña identificada como 1A para as zonas de Catro Camiños, Salvador de Madariaga, Matogrande e Eirís, unha liña identificada como 3 que dará servizo ás zonas de Durmideiras e Monte Alto, unha liña identificada como 3A que dará servizo ás zonas de Labañou e Os Rosales, unha liña identificada como 6 que saíndo de Porta Real e que entrará por Juana de Vega á Praza de Pontevedra, Avda. de Fisterra, Ventorrillo e Meicende, unha liña identificada como 7 que saíndo de Porta Real entrará por Juana de Vega para dar servizo ás zonas de Peruleiro, Rolda de Outeiro, Ventorrillo e Vila de Negreira, unha liña identificada como 11 que saíndo de Porta Real pasará por Juana de Vega, Praza de Pontevedra, Juan Flórez, Pla y Cancela e Os Mallos, unha liña identificada como 21 para dar cobertura a Ramón y Cajal, Pablo Picasso, Birloque e Novo Mesoiro.

Por outra banda, a partir da 00:05 horas entrará en servizo un servizo nocturno, no sentido inverso ao habitual, Porta Real – Os Castros – Castrillón – Monelos – Eiris – Palavea – Rolda de Outeiro. A partir da 00:30 horas entrará en servizo outro servizo nocturno, no sentido de circulación habitual Labañou – Rolda de Outeiro – Birloque – Novo Mesoiro.