Inicio Blog Páxina 263

O goberno anuncia no pleno a anulación das licencias das Percebeiras para reducir a edificabilidade

  • O pleno acordou a conxelación de taxas para 2025 e aprobouse unha mova modificación de crédito.
  • Tratáronse asuntos relacionados cos traballadores municipais, o rescate da autoestrada de Carballo e a Rede de Bibliotecas Municipais.

— — —

Novo xoves pleno no Concello da Coruña, neste caso o correspondente ao mes de novembro, que podedes ver pola canle municipal de Youtube.

O pleno comezaba coa rexedora Inés Rey facendo un sentido agradecemento á colaboración da veciñanza para coas recollidas de alimentos e o compromiso dos Bombeiros da Coruña (Rafa, Rama, Julen, Hache, César, Juanjo, Garaboa, Rubén Suárez, Nacho, Cani, Míchel e Saavedra, Suso Vidal, Lendoiro, Roberto Rivas, Ameijenda, Mani, Iván Abeleira, Nodar, Pallarés, Kiko Rodríguez, Roberto Vázquez, Iván Brea, Carlos Blanco e Casanova), que marchan camiño de Valencia para axudar nas labores de recomposición da zona.
Gardouse ademais un minuto de silencio polas vítimas da dana e dous minutos polas mulleres falecidas por violencia de xénero dende o pasado pleno do 3 de outubro.

Un dos puntos importantes da sesión foi o anuncio por parte do goberno municipal da conxelación das taxas e impostos municipais de cara ao vindeiro ano 2025.

Percebeiras

Se cadra máis importante foi o punto arredor das Percebeiras que trouxo o BNG nas mocións, pois implicou un anuncio por parte do goberno socialista de anular o planeamento actual as licencias da parcela afectada de Labañou, “para repensar a urbanizacion, reducir a edificabilidade, garantizar a porcerntaxe do 40% de vivenda protexida, e garantizar impostas por limitacións de Costas, e o posible impacto á fachada marítima”.

Así respondía o edil Fran Diniss, á exposición do BNG que pedía a modificación puntual do PXOM nas Percebeiras, un proxecto aparcado dende hai 20 anos que foi rescatado polo goberno socialista acorde coa súa política urbanística. O BNG esixe o cumprimento do acordo asinado na investidura, que permita modificar o PXOM na zona da próxima urbanización para establecer novas determinacións que garantan a sustentabilidade ambiental, a presenza de zonas verdes, e protexa o bordo litoral.

O PP votou en contra da moción, que foi aprobada cos votos do PSOE e BNG, e foi Fran Diniss o que lembrou que foi unha modificación do PXOM aprobada polo PP en 2013 o que provocou o retraso do proxecto. Diniss explicou que o PP engadiu 15.000m2 ao plan inicial (de 45.000m2 de edificabilidade), o que trala limitación de alturas imposta por Costas, facía inviable o proxecto urbanistico inicial.

Modificación de crédito M4

Pendente da aprobación defintitiva da modificaciñon M5, e co M6 xa en negociacións, o pleno aprobou, co apoio do BNG, a modificación de crédito M4/2024. Unha ampliación orzamentaria para, entre outras cousas, dotar de fondos ao Basquet Coruña na súa andaina na ACB (250.000), axudar na organización de probas deportivas á Asociación de Clubes de Traineras (50.000) ou manter o servizo dos cabaliños dos Xardíns á APEM (10.000).
O grupo socialista desbotou as alegacións dun PP, que pedían máis axudas de becas comedor, sen botar unha ollada ao seu propio partido, que a nivel autonómico, que leva protagonizando unha deixadez de funcións en asuntos escolares absolutamente demenciais, deixando nas mans do voluntariado das ANPAS elementos tan fundamentais como o comedor ou as extraescolares.

Cidades das TIC e accesibilidade no CAPD María Maríño

Os 3 grupos aprobaron por unanimidade modificación dos Estatutos da Sociedade Xestora da Cidade das TIC, S.L., destacando diálogo coa Universidade.

Outro dos puntos aprobados por unanimidade foi aprobación definitiva do Estudo de detalle para a reforma interior de parcela para a mellora da accesibilidade ao centro de atención a persoas con discapacidade (CAPD) María Mariño.
“Non foi sen tempo”, sinalou a voceira do BNG, Avia Veira, que lamentou o abandono da Xunta de Galicia. O BNG votou a favor, deixou claro que non é a única necesidade para o CAPD nin para o Centro de Educación Especial, que “tamén ten sufrido un trato deficiente por parte da Xunta”, como levan anos denunciando a ANPA do CEE homónimo.

O edil popular Antonio Deus criticou “a tramitación lenta” por parte do goberno socialista, pois xa pasaron 3 anos dende o comezo. Respondeu o edil socialista Fran Diniss, que lembrou que a tramitación estivo paralizada durante 2 anos por parte da Xunta.

Pleno de novembro de 2024 no Concello da Coruna
Banca popular coa rexedora de fondo

Rescate da Autoestrada Coruña-Carballo

Os rogos comezaron da man do BNG, no que lle pide ao Concello que inste á Xunta a proceder a iniciar os trámites para o rescate da autoestrada AG-55. Unha moción que aínda onte foi rexeitada no Pleno do Parlamento polo PP.

Todo tralo anuncio da Xunta da súa intención de recuperar a concesións das autovías en réxime de peaxes en sombra, é dicir, o “rescate das empresas concesionarias” das catro autovías con peaxe na sombra, a do Salnés (AG-41), o Barbanza (AG-11), Santiago-Brión (AG-56) e Celanova (AG-31). Unha situación que “supón unha discriminación” para coa veciñanza das comarcas da Coruña, Bergantiños e Costa da Morte.

Sorprenderon os populares asegurando que “non nos imos interpoñer ao rescate da AG55”, pero de contado Roberto Rodríguez desivou o foco de atención cara Madrid, acusando a PSOE e BNG de non liberalizar a AP9, como prometeran ofrecendo o seu apoio a Pedro Sánchez. Así e todo, aportou un dato: “menos do 20% dos máis de 300 kilómetros de peaxe que temos en Galicia son de titularidade autonómica”.

Finalmente a moción quedou aprobada co abstención do PP e os votos a favor de BNG e PSOE.

Traballadores municipais e Bibliotecas

PSOE e BNG aprobaron en conxunto (coa abstención do PP) unha moción, engadindo como emmenda de adición dous puntos do PSOE, para abrir unha mesa de negociación que permita a mellora da situación de traballo precario no ámbito municipal.

Rede de Bibliotecas e Municipalización

Sacou o PP o asunto das Bibliotecas Municipais, no marco da falsa intención de crear a Rede de Bibliotecas Municipais, e a a precariedade das traballadoras e traballadores deste servizo externalizado. O PP pedía apoiar aos traballadores, e solicita elaborar as bases dun novo concurso para a licitación inmediata do novo contrato do servizo de biblioteca, así como elaborar un informe do proceso por parte dos servizos xurídicos municipais de unificación.

O BNG concordou que a proposta do PP é “oportuna” porque xa rematou a concesión e é necesario dar unha solucións aos problemas dos traballadores, pero criticou o PP non apostase pola municipalización do servizo, e que deixe ás traballadoras á expensas da empresa concesionaria de turno. O BNG votou a favor criticando que a Comisión para a municipación da Rede de Bibliotecas “non está facendo o seu traballo”, que non avanza, e tivo tamén críticas para a tardanza das licitacións do goberno.

Por parte do grupo de goberno, que tamén votou a favor, Gonzalo Henrique Castro Prado, asegurou estar traballando no proceso de municipalización e na creación da Rede de Bibliotecas. Criticou tamén a posición ambigüa do PP ante a municipalización do servizo, pero sinalou xa ter unha dirección: abordar a modificación da RPT, e presentar a oferta pública e as bases específicas.

Escano cidadán

“Os tempos son chegados”: Monge consegue o compromiso municipal para eliminar os 378 símbolos franquistas da cidade

Máis novas

O pleno de outubro reflexiona sobre o novo modificativo de crédito, a execución orzamentaria e os traballadores municipais

Os barrios de Someso e Mesoiro piden atención aproveitando o Escano Cidadán do pleno

Ingresan en prisión cinco do dez detidos nun operativo contra a droga en Meicende

0

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 7 da Coruña, en funcións de garda, decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, para cinco dos detidos nun operativo contra o tráfico de drogas en Meicende, no municipio coruñés de Arteixo.

Foi, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), tras o pase a disposición xudicial o xoves de nove detidos. Por outra banda, a xuíza decretou a posta en liberdade doutros catro.

No entanto, impúxolles como medidas a retirada do pasaporte e a prohibición de abandonar o territorio español. Houbo no operativo outro arrestado, que quedou en liberdade en dependencias policiais.

As detencións producíronse no marco dun operativo levado a cabo pola Garda Civil o pasado día 6, con rexistros nunha vivenda, un ‘narcoedificio’, e outras máis. Todo iso no marco dun traballo “continuado”, segundo a Subdelegación do Goberno na Coruña, na loita contra a venda de drogas a pequena escala e en coordinación entre a Garda Civil e a Policía Local. Todos están investigados por un delito contra a saúde pública e tamén por pertenza a grupo criminal, precisa o alto tribunal galego.

Concellos da área da Coruña renovan coa Xunta o convenio no transporte metropolitano

0

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reuniuse hoxe con representantes dos concellos de Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada para abordar as demandas de liñas e frecuencias de autobús nestes concellos e a prórroga do convenio da área de Transporte Metropolitano da Coruña.

Nun comunicado, a Xunta afirma que “atendeu as peticións trasladadas polos concellos respecto de cambios tanto nas liñas como nas frecuencias, que se comprometeu a estudar para, sempre atendendo a criterios técnicos e obxectivos, avaliar posibles melloras”.

Por outra banda, indica que o Plan de Transporte Público de Galicia é “un plan vivo” e que “no que vai de ano realizáronse máis de 400 modificacións respondendo precisamente ás distintas demandas”, sinala ante as queixas nalgúns municipios.

Ademais, indica que esta semana o Consello da Xunta aprobou a autorización das prórrogas dos convenios para o desenvolvemento conxunto do Transporte Metropolitano de Galicia nas áreas da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e Lugo cun investimento autonómico de cinco millóns de euros ao ano.

No caso da área da Coruña, a Xunta afirma que “vai destinar máis de 2,8 millóns de euros ao ano para financiar os descontos e bonificacións”. “Os 17 concellos que forman parte do convenio – A Coruña, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carballo, Carral, Cerceda, Culleredo, Curtis, A Laracha, Miño, Oleiros, Ordes, Oza-Cesuras e Sada- farán unha achega en conxunto de 625.000 euros ao ano”.

Ao longo deste mes, indica que se convocará a comisión de seguimento da ATM da Coruña “para escoitar aos concellos”. “E, como aclarou o conselleiro, prevese que o organismo se reúna cunha periodicidade de seis meses tanto para avaliar o convenio e, se fose necesario, a situación das liñas e servizos”.

Policía Científica confirma restos de ADN dun dos acusados, Diego M.M., no corpo de Samuel

0

Axentes da Policía Científica que analizaron restos de ADN tras a malleira mortal a Samuel Luiz, na madrugada do 3 de xullo de 2021 na Coruña, atoparon no rostro da vítima perfil xenético dun dos acusados, Diego M.M., ao que acusacións e testemuñas situaron como a persoa que iniciou a agresión. Tamén especificaron que os atoparon nuns cristais rotos na zona e que atribuíron a Alejandro F.G., a persoa que, segundo testemuñas e partes acusatorias, collería polo pescozo ao falecido coa técnica do ‘mataleón’, ademais de golpearlle. Tamén a este se lle atribuíu sacar unha botella dun local de lecer onde estiveran, previamente aos feitos, os acusados.

Os axentes que prestaron declaración descartaron que puidesen afirmar se a orixe do analizado era por contacto ou transferencia, ao ser preguntados por iso por avogados da defensa. Cuestionados sobre as mostras en uñas, nudillos e palma da man de Samuel, sinalaron que só hai “perfil da vítima”, sen poder concretar se houbo ou non sinais de defensa, que rexeitan as acusacións que existise ante o número de golpes e patadas recibidas, argumentan, polo mozo. “E se fixese un arañazo”, expuxeron desde as partes personadas. “É unha posibilidade, non podemos afirmalo”. En canto aos cristais achados na zona do paseo marítimo coruñés, onde en distintos puntos se produciu a agresión, testemuñas aseguraron que ouviron un ruído de cristais aínda que os forenses atribuíron a morte a “golpes múltiples en contexto dunha agresión” e con “lesións acumulativas”.

UN DOS ACUSADOS CULPOU A OUTROS

Outro policía do equipo que fixo a investigación e que tomou declaración a Kaio A.S.C., indicou que, nunha primeira, facilitoulles “moitos datos” situando, en concreto, a Diego M.M., Alejandro F.G. e Catherine S.B. De Alejandro M.R., outro dos acusados e a preguntas da súa defensa, expuxo que non o situou participando. “Non recordo que manifestase que participase na agresión”, precisou, con posterioridade, sobre a única muller acusada e a preguntas do seu avogado. “Parece que el só estaba a mirar, coma se fose testemuña”, concretou sobre o exposto por Kaio, en contraposición a algunhas testificais que aseguraron verlle lanzar unha patada á vítima, como recollen, engadiron policías que declararon, cámaras da zona.

Xa como detido, afirmou que lles trasladou “libre e voluntariamente o que fixo co teléfono”, en referencia ao de Samuel Luiz, feito polo que, ademais dun delito de asasinato impútaselle outro de roubo con violencia. “Que o tirou a un colector próximo á súa casa”. Para os cinco acusados pídense penas que oscilan entre os 22 e 27 anos de cárcere. No caso de dous con agravante de discriminación pola orientación sexual da vítima.

SOMVALENCIA, chega á Sala Inn o festival solidario de música galega

0

Abríalle a Asociación de Medios en Galego o pasado mes de febreiro ás portas da música galega contemporánea á Sala INN. Música galega que volverá o vindeiro martes 12 de novembro invadir a sala herculina no marco de SOMVALENCIA unha uniciativa, que naceu entre axentes do sector musical e adoptou pola industria, que propón recadar fondos que se destinarán integramente as persoas afectadas por DANA a través da Fundación Horta Sud.

O concerto da Coruña, o único en Galicia, terá lugar o martes día 12 a partir a partir das 19:00 horas no Inn Club; e as entradas (18 €) xa están á venda en DICE.

O concerto solidario está protagonizado por bandas como Bala, Boyanka Kostova, Grande Amore, mariagrep, Mondra, Ortiga, Sabela, Os Rapants e Triángulo de Amor Bizarro.

O Festigual demostra que a arte non ten barreiras

0

Espectacular o que esta á conseguir o Festigual, o Festival das Artes Inclusivas. Este festival referente en inclusión social a través das artes, desenvolto por entidades locais comprometidas coa inclusión e a defensa dos dereitos culturais, consegue dende hai 8 anos demostrar que a arte non entende de barreiras.

O Festival xa leva 5 días en marcha e ten unha completa programación ata o 29 de novembro. Arrincaba o pasado 30 no Centro Ágora co espectáculo “Cerebro, Artes, Acción”. Unha proposta de teatro e danza fiada por Adriána Paulos, na que un elenco de actrices e actores combinaban narración e baile acompañados pola Banda Municipal de Música.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Festigual (@festigual)


O programa continuou este pasado domingo 3 de novembro, cunha gala no Teatro Colón no que músicos e músicas das nosas rúas puideron subir a un escenario. Xentes como a braca saxofonista Sophie Simonds, Pulpiño Viascón, Misuria Blues, Rozadura ou Dani Blanco. fixeron as deliciias do público nunha gala dirixida por Fran Rei e Corina Alfonso.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Festigual (@festigual)

Programa da Gala Festigual deste xoves no Ágora

Este xoves, 7 de novembro, o Centro Ágora acollerá unha das grandes gala do Festigual. As actividades comezarán ás 18.30h coa experiencia inmersiva “Explorando o Museo”, organizada pola Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes, que ofrecerá un percorrido virtual en 360º polas diferentes salas do Museo de Belas Artes (compre inscrición).

Seguiralle, ás 19.30h, a representación de “O Misterioso Cabarel do Sr. Pilgrim…
E Freestyle”, unha peza da Asociación Poten100mos, onde os personaxes exploran a barreira entre o pasado e o presente, fusionando danza, movemento libre e improvisación.

Para pechar a xornada, a Asociación Cultural AÏS presentará “A Proxección Sonora III. A fábrica Illuminada”, un espectáculo teatral e musical que homenaxea a vida dos traballadores e traballadoras das fábricas, con actores e actrices con discapacidade auditiva e intelectual.

Programación Completa 2024

A programación deste ano inclúe unha variedade de propostas que combinan vangarda e tradición.

● 7 de novembro. Museo Virtual. Os amigos do Museo de Belas Artes. Centro Ágora ás 18:30h
● 7 de novembro. A proxección sonora III. La fábrica Illuminata. Asoc. Cultural AIS. Centro Ágora ás 19:30h
● 7 de novembro. O misterioso Cabarel do Sr. Pilgrim… E freestyle. Asoc. Poten100mos. Centro Ágora ás 20.00h
● 8 de novembro – Graffiti Inclusivo. Asociación Participa. Centro Amigó Os Mallos ás 17:00h
● 9 de novembro. Xornada de Arte e Saúde. Hospital de Oza. Toda ao día
● 9 de novembro. Pies de barro. Rebeca Ponte e Elvís García. Hospital de Oza ás 18.30h
● 14 de novembro. Puños de Harina. El Aedo Teatro. Centro Ágora ás 12:00h* e ás 20:00h
● 17 de novembro. Museo Virtual. Os amigos do Museo de Belas Artes. Teatro Colón ás 18:00h
● 17 de novembro. Nada se sabe. Culturactiva Producións e Centro Dramático Galego. Teatro Colón ás 19:00h
● 27 de novembro. Fillas de Cassandra (en acústico) + Chungo Pastel. Centro Ágora ás 20:00h
● 29 de novembro. Músicas Inclusivas e Participativas. Robert Pier e o Coro Diversos Funcionais. Centro Cívico Os Mallos ás 20:00h
● Do 28 de novembro ao 15 de decembro. Exposición: XV aniversario da Torre de Hércules Patrimonio da Humanidade Sociedade Filatélica de A Coruña. Sala Municial de Exposiciones Salvador de Madariaga.

 

Vinte e tres investigadores da UDC entre os científicos máis influentes do mundo

0

Un total de 23 investigadores e investigadoras da Universidade da Coruña (UDC) figuran entre os científicos máis influentes do mundo, segundo a clasificación de Stanford.

Así o informa a UDC en relación a unha clasificación que analiza persoal investigador de todo o mundo a través dunha base de datos que ordena en campos e subcampos científicos.

Esta lista xera dúas clasificacións. A primeira inclúe toda a traxectoria da persoa investigadora e a segunda está referida ao último ano dos resultados.

Na primeira delas, a que inclúe toda a traxectoria, a UDC conta con 15 investigadores e investigadoras, onde as disciplinas que contan con maior representación son Química e Medicina Clínica. En canto ao que ten en conta as citas recibidas, son 17 as persoas incluídas. En total, das 23 persoas vinculadas á UDC, 11 son mulleres, o que representa o 47,8% do total.

A ONG coruñesa Ecos do Sur, recoñecida cun dos Recoñecementos Meninas de Galicia

0

Unha das entidades que mellor traballa coas comunidades migrantes da cidade é, sen dúbida, Ecos do Sur. Leva dendende 1991 a pé de rúa, na Agra do Orzán e o Ventorrillo (nos últimos anos con sede na Avenida de Fisterra a altura do Paseo das Pontes), vivindo de primeira man o aumento da poboación doutros países nos nosos barrios.

Hoxe a entidade está de noraboa, pois acaba de saber que a Delegación do Goberno en Galicia vén de outorgarlle un dos Recoñecementos Meninas de Galicia. Así llo comunicou o delegado Pedro Blanco, que trasladou a boa nova tamén ao maxistrado Fernando Lousada; a maxistrada e activista afgana Rahima Sabiri; a Asociación Axel de Lugo; o Centro Alumar de Cáritas de Ourense e a editora pontevedresa Teresa Zataraín.

Blanco destacou que estes recoñecementos que se conceden en Galicia desde o 2018 no marco do Día Internacional contra a Violencia de Xénero 25N, “representan a unha Galicia feminista, que rexeita o machismo e a violencia que se exerce contra unha muller polo feito de selo e que loita pola igualdade en todos os ámbitos”.

Da ONG herculina destaca os seus máis de 30 anos de compriso e traballo en programas de erradicación da violencia sobre as mulleres e as nenas, con especial atención á trata de mulleres e a explotación sexual e económica. Nestes casos, a organización ofrece servizos para que as mulleres poidan saír desas situacións de violencia e refacer as súas vida.

O vindeiro 22 de novembro será a gala de entrega dos recoñecementos no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela.

Máis novas

Teatro do Noroeste, Ecos do Sur e a asociación veciñal Gaiteira, premios pola igualdade da Deputación da Coruña

‘Mulleres Afronte’, a arte feminina como ferramenta de transformación social

Secuelas psicolóxicas dos pais de Samuel Luiz tras o crime: “A nai case caeu nun suicidio pasivo”

0

Especialistas que declararon no xuízo polo crime de Samuel Luiz sobre as secuelas psicolóxicas dos pais aseguraron que presentan “trastorno depresivo” tras un estado de “absoluta desesperanza” despois dos feitos, ocorridos en xullo de 2021, e de “abandono” por parte dela “sen aceptar a situación”. “Case como un suicidio pasivo”, relatou un psiquiatra que compareceu na xornada deste mércores na Audiencia Provincial da Coruña en liña con outros expertos que confirmaron un trastorno depresivo grave con “ansiedade e reacción de estrés agudo” no caso dela e con rexeitamento ao tratamento e secuelas.

Un médico forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) indicou que nestes casos as persoas “consideran que ese duelo téñeno que vivenciar e téñeno que sufrir”. “Rexeitaba o tratamento, non é porque non quixese, a propia enfermidade condiciónache para que non o aceptes”, explicou. “Se o marido non estivese con ela o seu cadro empeoraría”, precisou nunha declaración na que del (que segue a tratamento) manifestou que lle “condicionou” a súa capacidade de traballar. “A perda do seu fillo xera miradas, comentarios”, sinalou tamén aludindo ao feito de que na súa contorna do traballo houbese un familiar dun dos procesados. “Tiña medo a perder o control”, precisou outra psiquiatra. Na mesma liña, outra especialista achegada pola acusación particular (exercida pola familia) ratificou a existencia dun “trastorno depresivo con síntomas psicóticos” no caso da nai tras os feitos e dun “estado depresivo moderado” no pai.

A NAI, ESTADO “MOI MALO”

No caso dela, incidiu en que rexeitou desde o primeiro momento a atención psiquiátrica por un “sentimento de culpa”. “Non asistiu de maneira regrada, non aceptaba tratamento continuado, era unha situación de abandono e case como un suicidio pasivo, deixouse ir, que pase o tempo sen tomar ningunha medida, iso sinala a gravidade”. O seu prognóstico, apostilou, é “moi malo” ao manterse isto. Todo iso expúxoo en referencia ao tratamento que lles ofreceu a empresa na que traballaba o marido e ao que se lle acabou dando a incapacidade permanente.

Tras os feitos, incidiu en que os pais se desprazaron ao hospital “sen poder ver con vida” ao seu fillo. “Tanto ela como o seu esposo estiveron varios días sen durmir, un desgoberno e un descontrol”. “Practicamente deixaron de ter relacións sociais, vivían de maneira illada”. “A súa vida deu un envorco”, resumiu. Outra psiquiatra do pai ratificou que existía, entre outros síntomas, “moitísima sensación de rabia contida” con esixencia de tratamento antidepresivo. Da nai, especificou que estaba “moi encerrada en si mesma, case sen verbalizar nada”, todo con “difícil abordaxe” por non aceptar tratamento. “Unha situación traumática moi dura”, sentenciou en liña co declarado por unha psicóloga.

AVALIACIÓN DUN ACUSADO

Na mesma sesión, compareceu un psiquiatra achegado pola defensa de Alejandro F.G. (ao que acusacións sitúan como a persoa que, ademais de golpear á vítima, agarrouna polo pescozo e por detrás) e que o examinou en prisión. Del, dixo que presenta un “trastorno adictivo múltiple” con outro de “déficit de atención, que arrastraba desde a nenez”. “Unha estrutura de personalidade patolóxica, preadictiva, que se caracteriza por impulsividade e que xera moi mal as ansiedades”.

“Datos de personalidade prepsicótica con trazos esquizoides”, apuntou sen descartar que isto estivese vinculado por consumo de alcol e drogas. “Non tivo convivencia harmoniosa coa súa madrastra” relatou para afirmar que a buscou co que definiu como “a cuadrilla boa, a da escola, e a de barrio, que lle acabou por desestructurar”. Cuestionado pola defensa se pode ter dificultades para comprender o que estaba a pasar o día da malleira mortal e de controlar o impulso, apuntou a “distorsión” polo consumo de alcol e inxesta de substancias, que, concretou, referiulle o procesado. Con todo, considerou, “en base a probas psicométricas” que enmarcou nun “dato obxectivo”, podería ter ese día afectadas as súas capacidades cognitivas e volitivas.

O Hematocrítico, homenaxeado na súa casa

0

Emotiva inauguración a que se viviu onte da mostra ‘Hematocrítico Ilustrado’ no salón municipal de exposicións do Palexco. Unha exposición que se poderá visitar ata o vindeiro 6 de xaneiro de 2025, impulsada polo Concello en colaboración co Hemato Festi, que serve para render homenaxe a Miguel López, mestre e divulgador coruñés coñecido nas redes sociais como ‘El Hematocrítico’, falecido hai case un ano.

No acto destacaron ese sorriso que era capaz de sacar a toda a comunidade global tanto cos seus libros como cos seus chíos na rede. A escritora e parella do homenaxeado Ledicia Costas, fixo de anfitriona, xunto coa comisaria Matilde Rodríguez.

Matilde Rodríguez Ledicia Costas e Ines Rey Exposicion Hematocritico
Matilde Rodríguez, Ledicia Costas e Inés Rey

A mostrea que recolle parte da mirada crítica e positiva da realidade que difundía Miguel López nas redes sociais, contará cun espazo didáctico ideado para fomentar a creatividade das crianzas.

Ademais, fai un percorrido creativo de ilustracións no que compañeiras e compañeiros de profesión de Miguel achegan as súas ideas en conexión coa súa obra. Son Albert Monteys, Alberto Vázquez, Cintia Hierro, Eugenio Ábalos, Laura Árbol, Mar Villar, Martín Romero, Olga Capdevila e Paco Roca.

A maiores, a exposición contará cunha Biblioteca Hemato, un espazo de lecer cunha selección específica de contos e obras do autor.