Inicio Blog Páxina 264

O Hematocrítico, homenaxeado na súa casa

0

Emotiva inauguración a que se viviu onte da mostra ‘Hematocrítico Ilustrado’ no salón municipal de exposicións do Palexco. Unha exposición que se poderá visitar ata o vindeiro 6 de xaneiro de 2025, impulsada polo Concello en colaboración co Hemato Festi, que serve para render homenaxe a Miguel López, mestre e divulgador coruñés coñecido nas redes sociais como ‘El Hematocrítico’, falecido hai case un ano.

No acto destacaron ese sorriso que era capaz de sacar a toda a comunidade global tanto cos seus libros como cos seus chíos na rede. A escritora e parella do homenaxeado Ledicia Costas, fixo de anfitriona, xunto coa comisaria Matilde Rodríguez.

Matilde Rodríguez Ledicia Costas e Ines Rey Exposicion Hematocritico
Matilde Rodríguez, Ledicia Costas e Inés Rey

A mostrea que recolle parte da mirada crítica e positiva da realidade que difundía Miguel López nas redes sociais, contará cun espazo didáctico ideado para fomentar a creatividade das crianzas.

Ademais, fai un percorrido creativo de ilustracións no que compañeiras e compañeiros de profesión de Miguel achegan as súas ideas en conexión coa súa obra. Son Albert Monteys, Alberto Vázquez, Cintia Hierro, Eugenio Ábalos, Laura Árbol, Mar Villar, Martín Romero, Olga Capdevila e Paco Roca.

A maiores, a exposición contará cunha Biblioteca Hemato, un espazo de lecer cunha selección específica de contos e obras do autor.

 

 

Sete detidos nun operativo antidroga en Arteixo

0
A Garda Civil ha despregado este mércores un operativo de loita contra o tráfico de drogas a pequena escala no municipio de Arteixo que, polo momento, saldouse con sete persoas detidas. Segundo avanzaron fontes policiais, a actuación tivo lugar en Meicende e, ademais das detencións, realizouse un rexistro nun ‘narcoedificio’.
No rexistro participaron, entre outros, efectivos da unidade canina e, tal e como apuntaron fontes coñecedoras da investigación, entre o material intervido, os axentes leváronse unha catana. A subdelegada do Goberno na provincia, María Rivas, confirmou que os rexistros –que se daban por finalizados a media mañá– estendéronse a varias vivendas e que o operativo está baixo secreto de sumario.
Ata o momento non transcenderon máis datos desta actuación policial, coordinada desde o xulgado de instrución 7 da Coruña. Con todo, segue aberta e non se descartan máis arrestos, segundo sinalaron fontes da Garda Civil. María Rivas explicou que este dispositivo forma parte do traballo conxunto coa Policía Local, un traballo “continuado” dos últimos meses.
“Somos moi conscientes da preocupacion dos veciños da zona, pero como xa lles dixemos, a Garda Civil nunca baixa a garda”, apuntou a subdelegada do Goberno. Finalmente, lembrou que “este tipo de investigacións levan os seus tempos”, e insistiu en que “o buenhacer e a profesionalidade” deste corpo policial permite levar a cabo operacións como a desenvolvida este mércores.

O II Foro da Industria Galega do Audiovisual reunirá na Coruña a máis de trinta profesionais

0

Máis de 30 profesionais participarán na Coruña no II Foro da Industria Galega do Audiovisual, que organiza a Academia Galega do Audiovisual.

Será entre os días 7 e 9 na Cidade do TIC e baixo a lema ‘A lingua e o audiovisual’. O foro servirá para analizar a diversidade lingüística no sector audiovisual co obxectivo de valorar a situación actual e debater os retos de futuro.

Durante tres días, segundo informaron os seus responsables na presentación, no consistorio coruñés, trataranse os retos e oportunidades que implica a produción e exhibición de contidos audiovisuais en linguas como o galego.

Érica Esmorís e Rosa Aneiros gañan o XVIII Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil

0

Érica Esmorís (A Coruña) e Rosa Aneiros (Meirás) son as gañadoras do XVIII Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, que organiza a Deputación da Coruña.

Tal e como sinalan nun comunicado, esta é a primeira edición na que se outorgan os galardóns nas dúas categorías de forma independente.

Esmorís levouse o premio na modalidade infantil pola obra ‘Terás que crela’, mentres que Aneiros fíxoo na xuvenil con ‘Unha historia de amor como outra calquera’.

De ‘Terás que crela’, o xurado destacou “a potencia da voz protagonista, o sentido do humor e a proposta lúdica da historia”. “A mentira é o motor da ficción que enriquece a vida da protagonista e que lle permite valorar o extraordinario da vida cotiá”, apuntaron.

Para o xurado, ‘Unha historia de amor como outra calquera’ é unha novela de “aprendizaxe, con sentido do humor, que establece un contraste interesante entre o mundo cotián da adolescente protagonista e o mundo científico da Antártida”.
“É unha obra áxil, que se le de bo grado, con estrutura circular e que fai un uso da lingua actual e vivo. Incide, ademais, nas relacións interpersoais na familia e na conciencia ecolóxica, e destaca a orixinalidade de presentar o amor máis aló das relacións románticas na adolescencia”

A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado que integraron os vogais Rafael Fernández Lorenzo, Iria Misa, Leticia Barbadillo, Raquel Senra e Carlos Negro.

A Agra do Orzán coñece ás mulleres do medievo galego

0

O adro do Centro Ágora acolle ata o vindeiro 15 de novembro a exposición “Mulleres do medievo galego”. Un proxecto encargado pola Deputación da Coruña que consta de 21 paneis, o primeiro introdutorio e o resto son dez láminas ilustradas e os 10 respectivos textos, que permiten coñecer e pór rostro a diferentes mulleres decisivas do Reino da Galiza é fundamental para coñecer a nosa historia medieval.

Unha exposición que se combina á perfección coa proxección do documental “Inês, aquilo que nos une”, feita por MJ Pérez, que se poderá o vindeiro martes 12 de novembro no local da Asociación de Veciños da Agra do Orzán (rúa Entrepenas 38 soto).

A exposición

A expo recolle a historia de Ilduara Eiriz, Sancha I, Dona Urraca, Lupa Pérez de Traba, Tareixa Alfonsez, Maior Guntroda Rodríguez, Sancha II, Aldonça I, Inés Pires de Castro, María Castaña e María, a Balteira.
En obras realizadas por inco destacadas artistas contemporáneas da Galiza. Elas son: Iria Fafián (1988), muralista e ilustradora, coñecida polos seus proxectos de caixas de luz; Laura Romero (1991), ilustradora, urban sketcher, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e baixista de Zënzar; María Montes (1987), auxiliar de veterinaria e ilustradora merecedora do premio ao Mellor Libro Ilustrado na Gala do Libro Galego 2020; Nuria Díaz (1982), que conta cunha fonda traxectoria en diferentes ámbitos da ilustración e encargas moi diversas, desde traballo editorial até ilustración de produto; e Minia Regos (1983), muralista e ilustradora, que ademais imparte obradoiros ao redor da lectura e da arte.

 

A exposición, como todas as actividades do programa “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.

 

Samuel Luiz morreu polos golpes recibidos na malleira, segundo o forense

0

Un médico forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) que interveu na autopsia ao corpo de Samuel Luiz ratificou que faleceu “por golpes múltiples no contexto dunha agresión” e que os mesmos foron sumando ata provocar a morte. “Falamos de lesións acumulativas”, resumiu para indicar que as que presentaba a vítima son compatibles con puñadas e patadas.

O falecemento produciuse tras entrar en parada cardíaca “en varias ocasións” no lugar dos feitos, cando cae esborrallado tras a malleira mortal no paseo marítimo coruñés. “En tres ocasións parouse o seu corazón durante o traslado en ambulancia ao hospital”, precisou para explicar que xa neste fíxoselle a reanimación durante noventa minutos, pero sen éxito. “Pelexárono moito“, resumiu sobre o labor no centro hospitalario.

SEN DEFENSA

Polas erosións que presentaba o corpo en distintas partes, indicou que corroboran a existencia no mesmo de “múltiples golpes e descatoru que houbese algunha erosión nas súas máns que constate defensa por parte a vítima. “Non se se tivo opción, pero non parece que se defendeu”, recalcou a pregunta da fiscal.

Todo iso nunha declaración cun relato moi detallado sobre as lesións que presentaba o corpo do falecido e con ningunha ou escasas preguntas das defensas, que nalgún caso incidiron en cuestións coma se podíase deducir a intensidade dos golpes. Tampouco expuxeron preguntas as acusacións particular e popular. Isto mentres algúns procesados estiveron coa cabeza baixa aínda que por momentos seguindo a explicación mentres algún tomaba, á súa vez, notas para pasarllas ao seu letrado.

“NUMEROSAS” CHAMADAS ENTRE ACUSADOS

As sesións continúan este martes con periciais e despois de que concluísen as testificais no xuízo que se celebra na Audiencia Provincial da Coruña con Tribunal do Xurado. Fíxoo coa declaración de dous axentes. En liña con testificais anteriores, un policía confirmou un cambio de teléfono por parte dun dos acusados, Alejandro M.R. tras os feitos mentres que outro ratificou un fluxo “importante” de chamadas entre os acusados na madrugada do 3 de xullo de 2021 — día da malleira mortal — e con posterioridade. Isto despois da análise de teléfonos dos mesmos.

“Eran numerosas”, sentenciou para precisar que no caso de Catherine S.B. non realiza chamadas, pero si as recibe. Todo iso nunha declaración na que apuntou tamén a procuras en xornais “fóra dun horario habitual” o día dos feitos, ao redor das seis da mañá.

“Teñen zonas en común”, expuxo ao ser cuestionado pola fiscalía sobre a posible localización dos procesados esa noite en base aos móbiles, aínda que, a preguntas da defensa de Alejandro M.R. admitiu que non pode determinar o radio de acción das antenas para poder concretar o lugar onde se atopa a persoa.

Piden que se aprobe a modificación puntual do PXOM das Percebeiras

0

O acordo de investidura de BNG e PSOE para o presente mandato incluía a modificación puntual do PXOM nas Percebeiras, onde Metrovacesa planea un proxecto urbanístico que está a provocar unha grande contestación por parte da veciñanza de Labañou e de asociacións ecoloxistas.

“O acordo”, relata a nosa concelleira Avia Veira, “fixaba que esta reforma do PXOM debería executarse no prazo máximo de 2 anos”. “Pois ben, levamos máis dun ano de mandato e esta mudanza aínda non se iniciou. Sabemos que estes procesos requiren dunha longa tramitación, polo que o Goberno Local xa vai algo tarde para cumprir co acordado no prazo que acordamos”·.

As Percebeiras, Labañou pechado ao mar

Metrovacesa ten presentado distintas propostas para a urbanización dos terreos, “unha delas”, remarca Veira, “contemplaba a construción dunha torre de 23 andares e obtivo un informe contrario da Demarcación de Costas do Estado, órgano que esixe requisitos de difícil cumprimento por parte da promotora”. Outra das propostas, formulada a comezos de 2023, non obtivo o informe favorable do departamento de Urbanismo do Concello.

En abril deste ano, Metrovacesa presentou un terceiro proxecto “que nós entendemos”, argúe Veira, “que tampouco vai obter o informe favorábel”. A concelleira nacionalista remarca que “os propios informes municipais apuntan a que é precisa unha modificación puntual do PXOM no ámbito das Percebeiras”, xustamente o combinado por BNG e PSOE no Acordo de Investidura.

Proxecto As Percebeiras de Metrovacesa
O último proxecto feito público por Metrovacesa

Por tanto, o BNG insta ao Goberno Local a “iniciar os trámites para modificar o PXOM nas Percebeiras de modo a establecer novas determinacións urbanísticas nese ámbito, que garantan a sustentabilidade ambiental, a existencia de zonas verdes, o respecto á contorna xa construída e ao bordo litoral en tempos de alteracións climática e a visualización do noso Patrimonio da Humanidade, a Torre de Hércules”.
“Todo isto é o que lle imos esixir ao Goberno de Inés Rey a través dunha moción que debateremos este xoves no Pleno”, conclúe Veira.

Cachan a 17 persoas ‘enganchadas’ ilegalmente á rede eléctrica de 15 almacéns no peirao de Oza

0

Garda Civil investiga a conexión ilegal á rede eléctrica de 15 almacéns no peirao de Oza, no porto da Coruña, no marco dun dispositivo de inspección e control realizado polo destacamento de Fiscal e Fronteiras do porto, e en colaboración coa Policía Portuaria. Así, entre os meses de setembro e outubro pasados, levaron a cabo diversas inspeccións, nas que tamén participaron técnicos da compañía eléctrica afectada, e nas que se detectaron casos de defraudación do fluído eléctrico en 15 almacéns do peirao, dun total de 52 que foron inspeccionados.

Eses 15 almacéns estaban ilegalmente conectados á rede xeral, polo que se procedeu ao corte da subministración para pór fin á fraude e evitar riscos de incendio xerados por sobrecargas ou ausencia de medidas de seguridade en enganches irregulares. A compañía eléctrica estimou o custe da fraude nuns 45.450 euros. No marco deste operativo policial abríronse dilixencias contra 17 persoas, investigadas como presuntas autoras de 15 delitos de defraudación do fluído eléctrico. Ademais, tamén se tramitaron dilixencias por 26 posibles infraccións administrativas relacionadas coa normativa de seguridade industrial, medio ambiente, e normativa de Portos do Estado.

Inés Rey urxe á Xunta unha coordinación aeroportuaria e “non primar” só o aeroporto de Santiago

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, demandou á Xunta unha coordinación aeroportuaria e “non primar a un só aeroporto”, en referencia ao de Santiago de Compostela. A preguntas dos xornalistas, tras a presentación dun congreso de directivos que se vai a celebrar na cidade herculina, sobre a actividade do aeroporto da Coruña, admitiu a perda de pasaxeiros, a pesar doutras cifras “non tan pesimistas”.

Non entanto, e máis aló do que poida facer cada concello, pediu á Xunta establecer unha política de coordinación aeroportuaria.  “E que non se prime a un só aeroporto”, dixo con referencia en concreto ao de Lavacolla, e si se mire tamén ao de Alvedro “cun gran potencial”.

VIVENDAS TURÍSTICAS

Noutra orde de cousas, cuestionada sobre as vivendas turísticas e a normativa que ultima o consistorio, indicou que se deu un prazo de quince días aos propietarios “para que fagan alegacións á ordenanza”. “E cando termine ese prazo incorporaranse as que se consideren e terminaranse os traballos da ordenanza, que será levada a pleno canto antes”.

Xa sobre a folga convocada polos conserxes de centros deportivos da Coruña ante a negativa de abonar un plus por parte da empresa concesionaria do servizo, a rexedora apelou á “interlocución” ante un conflito laboral “entre empresa e traballadores”, segundo recalcou. “Están a valorarse posibles solucións”, engadiu.

A praia de Mera, un pouco máis limpa gracias ao voluntariado de Mar de Fábula

Este pasado domingo, un grupo de 15 voluntarios e voluntarias convocadas pla Asociación Mar de Fábula realizaron unha limpeza na praia de Mera. O que parecía unha zona de augas limpas, a segunda metade, especialmente na zona centro de perfil baixo, os plásticos mesturados co argazo se amorean formaban acúmulos mestos, antigos, degradados pola intemperie.

”Milleiros de microplásticos secundarios, de porexpan, pellets, fibras, residuos do lixo-retrete que fan pensar en problemas na depuradora, cordas, anacos de plástico de toda caste… toda unha masa de contaminación plástica depositada polos ventos e as liñas de marea nunha ringleira que impacta visualmente dende o paseo marítimo e que constitúe unha vergoña impropia dunha vila pudente como a de Mera”, lamentan dende a entidade.

Mar de Fabula na praia de Mera 4

De feito, nunha hora e media de traballo, en apenas 100 metros da praia, xs voluntarixs apañaron 1.322 residuos: 420 bastoniños, 25 paus de chupa, 140 cabichas, 138 anacos de cordas, 128 anacos de plástico ríxido, 250 anacos de espumas sintéticas, 177 tapóns, 10 botellas, 42 peches de cremas solares… “unha penosa mostra que di moi pouco a favor do estado ambiental desta praia que excede todos os umbrais fixados polos expertos da UE”.

Mar de Fabula na praia de Mera 4

Máis novas

O Voluntariado de Mar de Fábula deixou un pouco máis limpo o areal de Barrañán

O proxecto Entre Crebas avanza cara o primeiro aniversario en clave de reinserción e concienciación medioambiental

As cabichas, as grandes contaminantes do Areal da Torre

As persoas en semiliberdade do CIS afondan na súa sensibilización ambiental