Inicio Blog Páxina 265

Un acusado do crime de Samuel Luiz afirmou que a malleira se lles foi “das mans”

0

Un coñecido de Kaio A.S.C. (un dos cinco acusados pola malleira mortal a Samuel Luiz) manifestou que, tras os feitos e nunha conversación por Whatsapp, díxolle que se lles fora “das mans” e que esa noite, a madrugada do 3 de xullo de 2021, “beberan”. “Dixo que fora culpa de Diego, que el estaba alí con eles, que non participara”. “Que empezou algo pola noiva de Diego, que foron a por eles e todos se xuntaron”, expuxo sobre o procesado que, segundo as acusacións e testemuñas, iniciou a agresión.

Isto para contestar daquela “non me acordo” cando o avogado de Kaio lle preguntou se tamén lle dixo que el “separou”, algo que un policía que declarou en relación ao visionado das imaxes dese día descartou no xuízo que se celebra na Audiencia da Coruña. Isto nunha vista na que policías ratificaron que os acusados, nas súas conversacións telefónicas tras os feitos, buscaron exculparse e responsabilizarse entre eles do sucedido. En canto ás imaxes obtidas de cámaras de locais da zona, un dos axentes que as analizou corroborou, como outros en sesións anteriores, que ningún dos cinco acusados se desvinculou do grupo ao que se considera partícipe na malleira mortal.

INICIO DA MALLEIRA

Fíxoo tras relatar con detalle, seguindo as imaxes exhibidas no xuízo que se celebra na Audiencia da Coruña, con Tribunal do Xurado, que tras, unhas primeiras agresións en dous puntos anteriores, “todos avanzan”. A Diego M.M. situouno como a persoa que, tras pensar que lle están gravando, inicia e participa na malleira en distintos puntos do paseo marítimo e a Catherine S.B., a súa entón noiva, como a que antes da mesma sinala ao lugar onde está a vítima cunha amiga facendo unha videochamada.

Logo “tenta conter” á súa exparella que, tras chegar á zona, “lánzase” sobre estes. “Aí, segundo as manifestacións, prodúcese a primeira agresión”, concretou o axente. Con posterioridade, precisou que outro acusado, Alejandro F.G. (o que agarraría, segundo testemuñas, á vítima por detrás e polo pescozo) “decátase” e, tras acceder desde as escaleiras onde está, “lánzase de forma sorpresiva” e “violenta” sobre Samuel con “puñadas cara onde está”. Aí, engadiu, “Catherine fai o xesto de apartar” á amiga do falecido.

INTERVENCIÓN DOUTROS ACUSADOS

De Kaio A.S.C. expuxo que iniciou “unha carreira a toda velocidade dirixíndose á zona de agresión”. “Vai con moita forza, pega un pequeno salto e lanza a patada cara a onde se incorpora Samuel”, descartando, como sostén a súa defensa, que fose separar. “Hai manifestacións de que a patada chega a impactar en Samuel”, sinalou para descartar que o quinto acusado, Alejandro M.R., se desvinculase nalgún momento do grupo no percorrido polo paseo marítimo, onde, en distintos puntos, continuou a disputa.

Este, na súa declaración, dixo que tamén buscou separar e que se marchou cando viu que non podía facer “nada”. Este axente, como outros que visionaron as cámaras, rexeitou que os procesados tivesen “dificultade” para subir as escaleiras desde as que accederon ao momento onde estaba Samuel Luiz, en referencia ao consumo de alcol e drogas ao que apuntan as defensas.

INTENTOS DE “EXCULPARSE”

Por outra banda, o policía que coordinou a investigación na última fase confirmou que en conversacións de acusados por redes sociais constatouse que falaban de “sete” persoas en relación á agresión, culpando algún a Diego M.M. e tamén a outro como autor de “patadas”, no caso de Kaio A.S.C., pero exculpándose tanto este como outros, á súa vez.

Sobre os móbiles, indicou que nunha conversación entre Diego M.M. e a súa entón parella Catherine S.B., tras os feitos, falan de problemas na parella por culpa de terceiras persoas, pero descartando que fose porque lle reprochase ao seu entón noivo a malleira á vítima. Respecto de Kaio A.S.C. dixo que se exculpaba. “Dicía que foron os seus amigos e que dous lle botaron para adiante, que lle meteron no núcleo da agresión”. Pola contra, respecto de Alejandro F.G., asegurou, noutras analizadas, que este lle deu “patadas” á vítima.

Nalgunha das súas conversacións, este outro acusado afirmou que viu ao falecido no chan, pero que non fixo nada. Noutra, manifestou “pasáronse moito”, ratificou este axente, que declarou que de ambos hai conversacións nas que din que como non teñen antecedentes non lles vai a recoñecer a Policía. Xa sobre Alejandro M.R., recoñeceu que só saben que, tras a morte de Samuel Luiz, houbo un cambio de teléfono, ao que non puideron “ter acceso”. “Nos perfís ningunha conversación”, apostilou sobre Catherine ao ser cuestionado polo seu letrado se hai algunha “na que lle incrimine como autora da agresión”.

Defensa do Común pide á Xunta impor ao Franco unha sanción dun millón de euros por non abrir a Casa Cornide

A entidade Defensa do Común instou á Xunta a impor á familia Franco unha sanción dun millón de euros por non abrir a Casa Cornide e anunciou unha nova marcha en defensa da devolución do inmoble ao patrimonio municipal da Coruña. Faino despois de que a Xunta anunciase unha proposta de sanción aos herdeiros do ditador de 3.000 euros por non abrila.

Nun comunicado, lembra que tras a declacación da vivenda, propiedade da familia Franco, como Ben de Interese Cultural (BIC) en maio de 2023, os propietarios deben permitir “a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día”. O decreto, puntualiza, que a visita “non se estenderá aos espazos que constitúan domicilio particular”.

Segundo explica Defensa do Común, a Xunta permitiu á familia Franco “todo tipo de manobras” e “entrar nunha dinámica de alegacións continuadas” para non abrir ao público o inmoble, “a última alegando que é un domicilio particular” tras ter ” tempo para realizar unha inspección e comprobar que hoxe a Casa Cornide non é un domicilio particular e que alí non vive ninguén”.

Esta “permisividade” do Executivo autonómico, engade, reflíctese en considerar “a súa continuada negativa a cumprir a lei” como unha falta leve e iniciar un expediente de sanción “cunha cantidade ridícula de 3.000 euros”. Así, insta á Xunta a cualificar a infracción como “moi grave” e imporlle un millón de euros de multa.

A entidade anuncia, ademais, a realización do V Marcha cívica pola devolución da Casa Cornide “no prazo aproximado dun mes”.

CRMH pide á Xunta medidas máis aló de sancións administrativas á familia Franco por non abrir Casa Cornide

Sae máis cara a salsa que o peixe

  • Xornada 13 – Cartaxena 1 – 5 Deportivo
  • Primeiro partido de Oscar Gilsanz como adestrador do primeiro equipo do Depor.
  • Décimo terceiro partido no que vai de tempada  (3V 4E 6D).

— — —

Amortizada a etapa Idiakez na Coruña, tocaba retomar á competición coa mellor das esperanzas para ver coma respondían os xogadores. A verdade é que o resultado do sábado pasado sorprendeunos aos afeccionados porque poucos porían a man nas ascuas porque fóra un encontro tan doce para todos. Vai a ser verdade o meme ese que circula polas redes que asemella ao Depor de amarelo coa mellor versión da temible canarinha de Rivaldo e Ronaldo. Vitoria calcada a de Albacete hai pouco máis dun mes, co Depor xogando á contra e non perdoando as ocasión xeradas.

Estivemos dous días da semana pasada dándolle voltas á destitución do bo de Imanol, para logo soltar as rendas da especulación para que os representantes puideran colocar aos seus representados nun histórico. Parece doado buscar adestrador en paro, non hai tantos, o que no é tan doado e atopar o que se poida adaptar ao teu proxecto. É aquí, onde máis dúbidas me xera a destitución en quente de Imanol: se non había un recambio de garantías, por que o destitúes? Non podo crer que non haxa unha carpeta nun caixón na praza de Pontevedra cos nomes dos posibles adestradores en caso de cargarte a Imanol. Síntoo, pero non o creo.

Voltando aos candidatos, é lóxico pensar nos ex xogadores da etapa doada da nosa historia (Valerón, Manuel Pablo, Djukic, Ramis, Paco Jémez, Sergio González…) ou naqueles que fixeron bos papeis noutros escenario similares (Pacheta, Luis García…), pero o que non acabo de entender e o fenómeno Cannavaro despois do éxito de Seedorf. É o que ten ser un histórico en apuros, que sempre hai oco para unha broma máis.

E dándolle o mérito preciso a Gilsanz, un de nós dende pequeno, pouco troco viuse no céspede de Cartaxena o sábado pasado. Xogaron os que viñan xogando, pero meteron o que non viñan metendo. Así resumido sona a pouco mérito do novo adestrador, máis creo que seu mérito foi illar aos xogadores durante a semana do ruído pola destitución e polo novo adestrador. Quen sabe se a solución estaba na casa e temos que deixar de buscar o que non nos vale. Gilsanz fixo bo o refrán de “adestrador novo, vitoria segura”, a ver se tamén pode facer bo o de “sae máis caro a salsa có peixe”.

miguel barreiro

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

 

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR DE MIGUEL BARREIRO

O Día da Eliminación da Violencia ás Mulleres contará con actividades impulsadas desde o Concello da Coruña

0

O Concello da Coruña impulsará actividades que inclúen charlas, talleres, teatro e cinema para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres o próximo 25 de novembro.

Entre os eventos programados destaca a proxección do filme ‘Soy Nevenka’, de Icíar Bollaín, o próximo 21 de novembro en Cantóns Cinemas.

Baixo a lema ‘Non hai escusas’, a programación deste ano busca, en palabras da concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, “convidar á reflexión, ao debate e, sobre todo, á acción de diversos axentes sociais e desde diversos espazos”.

A programación inclúe un total de 14 actividades que se desenvolverán desde hoxe ata o 30 de novembro. Canosa indicou que, a través destas accións, quérese chegar “a todas as idades e perfís”.

As actividades arrincan esta mesma tarde coa presentación-coloquio do libro ‘Nós. O feminismo na democracia’, da presidenta do Consello de Estado, Carmen Calvo. O día 25 haberá unha concentración, na praza Pablo Iglesias, en recordo a vítimas de violencia de xénero.

Noutra orde de cousas, o Concello da Coruña fixo público nos últimos días a resolución definitiva das subvencións de concorrencia competitiva dirixidas a entidades deportivas sen ánimo de lucro da cidade.

O cantante Manolo García actuará no Coliseum da Coruña este vindeiro sábado

0

Manolo García continuará na Coruña a súa xira ‘Cero Emisiones Contaminantes desde Ya’. O artista estará presente no Coliseum da Coruña este sábado, 9 de novembro, ás 22.00 horas, para interpretar o seu novo álbum dobre, ‘Mi vida en Marte’ e ‘Desaciertos desplumados’, que bateu todas as marcas de venda.

Os fans do artista español tamén poderán gozar dos seus grandes éxitos como ‘Pájaros de Barro’, ‘Nunca el tiempo es perdido’ ou ‘A San Fernando, un ratito a pie y otro andando’, entre outros.

As últimas entradas anticipadas están dispoñibles en Ataquilla.com, Ticketmaster e no despacho de billetes da Praza de Ourense. O mesmo sábado, a partir das 17.00 horas, tamén poderán adquirirse no propio Coliseum.

Olladas doutro tempo: Praza de Ourense

Unha fotografía de Sellier a pé de rúa é o máis parecido a unha fiestra no tempo. Polo menos ata que a intelixencia artificial avance un pouco máis, o suficiente como para permitirnos de forma virtual algo tan cinematográfico coma viaxar a outra época. Seguimos agardando con impaciencia un paseo pola Brigantium romana, ou pola Crunia medieval; esas épocas ata as cales non chega, por desgraza, a fotografía.

Polo momento é moito máis doado imaxinar épocas non tan lonxanas, apoiándonos en imaxes coma esta. Atopámonos na entrada da cidade, no inicio do novo barrio do Ensanche, trazado de forma exemplar polo arquitecto municipal Juán de Ciórraga. Pero nesta imaxe non se pode apreciar con claridade esa arquitectura simétrica e elegante que Ciórraga imaxinou para todo o barrio. Aquí os edificios tan só están a poñer o decorado para os personaxes que lle dan vida á escena. A modesta fonte de vecindade -á esquerda do neno- marca o punto de reunión de toda esa xente. A maioría augadores e augadoras, coas súas sellas e barrís.

Hai algo deste antigo oficio que é bastante descoñecido e que paga a pena destacar. Ademáis das súas tarefas habituais tiñan que axudar en caso de incendio, coma recolle a Ordenanza de Policía Urbana en 1886, no seu artigo 61:  “Os augadores teñen a obriga de levarse e conservar nas súas casas de noite un barril e as augadoras unha sella cheos de auga para acudir con elas inmediatamente ó lugar do incendio e vacialas por sí mesmos nunha caixa, ou depósito das bombas, no caso de tocarse a lume. Tamén están obrigados a continuar no mesmo auxilio mentres dure o incendio ou non se lles mande retirar. A falla de cumprimento desta disposición será castigada cunha multa de 4 a 80 reais ou o arresto equivalente”. Oitenta reais era o mesmo que vinte pesetas, e os ingresos mensuais en España da clase traballadora na época rondarían as sesenta pesetas. Semella unha ameaza esaxerada para este esforzado colectivo.

Pero á marxe de curiosidades, creo que fotografías coma esta teñen unha forza especial. E non me refiro tan só á composición, o ángulo, a textura ou o ambiente. Trátase de algo máis. Fai tempo comentei cun amigo a sensación distinta que provocan as imaxes antigas nas que as persoas están a mirar cara o fotógrafo. Sobre ese tema recomendoume un capítulo do libro “Todas as mortes”, de Ricard Solé. Nel pódese ler: “Case non nos paramos para observalos, pero as facianas desas persoas están ahí, devolvéndonos a ollada dende un pasado no que eran tan reais coma nós. (…) Fai moito tempo, aquelas imaxes iluminaron a vida dos que aparecen nelas. E tamén serviron para recordar as ausencias. É moi posible que xa ninguén recorde aqueles rostros nin poida poñerlles nome, e moito menos contar as súas historias. Os seus protagonistas morreron dúas veces, aínda que é moi posible que viviran na nosa cidade e percorreran as mesmas rúas. Despóis do final da vida dunha persoa, ten lugar outra morte: a que trae consigo a morte de quenes a lembraban. Ó remate, a información mesma desaparece por completo”.

Pérdese a información das persoas, aínda que as fotografías deixan constancia da súa presenza naquel intre. Ata nós chegan estes anaquiños do pasado grazas a artistas coma José Sellier, quen nos deixou imaxes preciosas da nosa cidade. Fotógrafo de calidade indiscutible, son moitos os exemplos do seu dominio das paisaxes, das panorámicas ou da súa mestría nos retratos. Pero eu destaco por enriba de todo estas capturas capaces de facernos vivir o instante en primeira persoa. E atoparnos de fronte, naquela antiga praza de Ourense, con xente que aínda nos está a mirar ós ollos cento vinte anos despois.

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

Primeira edición do ‘Encontro de Música Aberta’ na sede dos Estudos Mans, unha cita na que conectar o sector musical galego con todos os públicos

0

A primeira edición do Encontro de Música Aberta, organizado pola Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza, terá lugar o vindeiro martes 6 de novembro na sede dos Estudos Mans, na Coruña, co obxectivo de conectar o sector musical galego con todos os públicos mediante unha xornada centrada na formación, o debate e o networking.

Baixo o lema ‘Estamos en sintonía’, participarán na iniciativa o artista Abraham Cupeiro, co seu singular espectáculo ‘Resoando no pasado’ e unha masterclass de creación de instrumentos, e o dúo Soleado, novo grupo de fusión indie-folk formado polo guitarrista e compositor de Vetusta Morla Juanma Latorre e a cantante e compositora Ester Rodríguez, que ofrecerá un showcase comentado. O diálogo chegará da man de Laura Iturralde, quen moderará a conversación creativa ‘Show Must Go On!: da teoría á práctica dos espectáculos en vivo’, xunto aos artistas Marta Verde, Teresa Tresandí e Víctor García, Aka Death Whistle. Ademais disto, o Encontro de Música Aberta arrincará xa ás 7.00 horas coa emisión en aberto e con público en directo do programa de Radio 3 Hoy empieza todo, conducido pola xornalista Irene Valente.

O Encontro de Música Aberta nace coa finalidade de impulsar a profesionalización da actividade musical emerxente en Galicia e de promover os novos talentos, ademais de apoiar o potencial dos profesionais como axentes de transformación social. Busca tamén favorecer a participación e a expresión das novas figuras do sector, mellorando os seus coñecementos profesionais e sobre a industria musical da nosa contorna, e promover as oportunidades de diálogo de artistas noveis con axentes, promotores e outros perfís profesionais relevantes da industria.

Cinema xaponés na Filmoteca de Galicia coa Fundación Xapón

0
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

Un simposio sobre Luísa Villalta na Coruña profunda na figura e obra da autora homenaxeada nas Letras 2024

0

Real Academia Galega continúa este mes de novembro coa súa programación sobre Luísa Villalta, autora homenaxeada o Día das Letras Galegas 2024, cun simposio do 19 ao 21 de novembro na Coruña. En conceto, a institución celebrará o simposio ao redor da vida e a obra da autora na Fundación Barrié, cun completo programa que, ademais de relatorios e mesas redondas, incluirá unha actuación musical de Uxía e o espectáculo ‘Indóciles’.

O programa que coordinan as académicas Margarita Ledo Andión e Ana Romaní arrincará o martes 19 de novembro con dous relatorios do poeta Eva Vega e o músico Paulino Pereira. A primeira xornada continuará cunha mesa redonda coa crítica literaria e profesora da USC María Xesús Nogueira, o académico correspondente e profesor honorario da UDC Luciano Rodríguez, a escritora e profesora da UVigo Regina R. Vega e a tamén escritora Marga do Val como moderadora. A tarde concluirá cunha intervención da fotógrafa Maribel Longueira ao redor de Papagaio, o volume no que as súas instantáneas sobre o derrubamento do antigo barrio da prostitución coruñés dialogan cos versos da homenaxeada, na que se proxectarán as imaxes.

O mércores 20 de novembro, na quenda de relatorios que presentará a académica Fina Casalderrey, a filóloga e ensaísta Inmaculada Otero Varela profundará na narrativa de Luísa Villalta e o escritor e crítico literario Henrique Rabuñal, na súa obra dramática. A continuación, a académica Chus Pato, Estíbaliz Espinosa e Tamara Andrés, tres poetas de diferentes xeracións, comporán unha mesa redonda, moderada pola académica correspondente Mercedes Queixas, na que reflexionarán sobre o feito de ler a Villalta. A segunda xornada concluirá coa actuación musical de Uxía.

O poeta Xosé Mª Álvarez Cáccamo e a profesora honoraria da UDC Pilar García Negro ofrecerán o xoves 21 senllos relatorios sobre a lírica e o ensaio da homenaxeada, presentados pola académica correspondente Olivia Rodríguez. A tarde avanzará cunha mesa redonda sobre a cidade da Coruña na obra de Luísa Villalta protagonizada por Teresa Seara, Xurxo Souto e Miguel Ángel Fernán Vello, e con Cesáreo Sánchez Iglesias como moderador. Poralle punto final ao simposio Indóciles, a proposta multidisciplinar de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut ao redor da vida e da literatura da protagonista destas Letras Galegas.

Un home enfróntase a 6 anos de prisión por abuso sexual a menor e delito continuado de ‘sexting’

0

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña xulgará o luns, día 4, a un home acusado de abuso sexual a menor, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Fiscalía pide para el seis anos de prisión por un delito continuado de abuso sexual continuado a menor sen penetración e outros dous anos polo de ‘sexting’ (envío ou intercambio de imaxes ou mensaxes de texto con contido sexual explícito) en relación a uns feitos ocorridos en 2019 e “no domicilio no que coincidían”.

Tamén solicita catro anos de liberdade vixiada “que se executará con posterioridade ás penas privativas de liberdade”, explica. Iso con prohibición de achegamento a distancia non inferior a 150 metros respecto da menor, o seu domicilio ou lugar en que se atope, así como de comunicación. Tamén deberá indemnizala con 3.000 euros por danos morais.