Inicio Blog Páxina 273

Xurxo Souto: “Na Coruña somos un dos lugares con maior número de galegofalantes”

0

O último informe do IGE vén de certificar o envorco lingüístico que sofre o país, sendo o castelán a lingua máis usada en Galicia por primeira vez na historia.

A Coruña é unha das cidades nas que a presenza do galego é cada vez máis residual. Apenas un 4,52% (só por debaixo de Vigo, cun 3,91), utiliza sempre o galego; o 11% usa máis galego que castelán, mentres que un 60% usa sempre o castelán (só superado por un punto por Ferrol) e un 25% emprega máis o castelán que o galego. 

Queremos ver cales son as causas, a realidade de diferentes sectores, e os camiños que podemos tomar para reaccionar, para o que intentaremos falar con xentes de diferentes sectores.

Hoxe comezamos unha serie de entrevistas con Xurxo Souto. O eterno divulgados da nosa cultura dende a radio, dende os libros, dende a música, dende as redes… e agora como mestre de latín e grego no IES Parga Ponda de Carballo, quere darlle a volta ao informe, ofrecendo unha visión “rabuda” do mesmo: Na Coruña 37.000 persoas falan (falamos) galego de xeito habitual. Ou sexa, somos un dos lugares con maior número de galegofalantes. Como poden dicirnos que somos un “grupo residual”?!”

Con todo, non deixa de criticar os esforzos da Xunta de Galicia por abafar a nosa lingua.

– Primeiramente, que che parece o informe do IGE que dá conta do envorco lingüístico que ten acontecido nos últimos 10 anos en Galicia e que sitúa ao castelán como a lingua máis usada en Galicia? Fuches notando ese cambio na última década?

O informe non achega nada que non soubésemos ou que non puidésemos intuír: a constante campaña que existe dende grandes medios de comunicación e dende a propia administración para que o galego non acade a condición de lingua normal na vida pública.

É significativo que este dato fose un gran titular en medios que, dende sempre, se significaron pola falta de apoio á lingua galega.

Eu vivo en galego, é a miña lingua habitual os 365 días do ano. Constantemente estou participando en actividades creativas (moitas veces con xente nova) nas que o galego é protagonista.

Mais diante do entusiasmo desta parte da sociedade na que me movo, fun notando como as políticas contra a lingua galega que promove a administración da Xunta do Partido Popular foron acadando os seus logros. Primeiramente na radio e na televisión pública, que perderon a súa condición de referente da cultura galega (e en galego) emerxente. E, nomeadamente, no ensino, onde o galego mesmo foi excluído de determinadas materias, colocándoo nunha posición de lingua de segunda.

 

– Cales son para ti as claves deste devir lingüístico na cidade?

Na cidade da Coruña, nas últimas décadas, non observo un avance, mais tampouco un declive, da lingua galega. Mesmo estes datos: un 11% da poboación que usa máis o galego que o castelán e o 4,52% que só utiliza o galego, teñen unha lectura positiva.

Sumados representan máis do 15% da poboación. A cidade ten 247.000 habitantes, iso quere dicir que, na Coruña, unhas 37.000 persoas utilizan decote o galego. Un número realmente importante, dende logo non residual. Ou, o que é o mesmo, somos unha das entidades de poboación con maior número de galego-falantes de toda Galiza.

Por que nunca se significa isto? Porque existe -como dixen antes-  unha discreta pero constante campaña que tenta situar o galego nunha posición marxinal, dende os grandes medios de comunicación e dende a propia administración.

 

– A nivel persoal, que porcentaxe de conversas en galego tes habitualmente? Que porcentaxe de xente se dirixe a ti en galego?

Xa o dixen, o galego é a miña lingua de relación. Comunícome con todo o mundo en galego. E, precisamente por iso, a inmensa maioría das persoas que se dirixen a min utilizan tamén a lingua galega.

 

– Como valoras a presenza do galego no teu barrio? Como é o día a día dos comercios, a hostalería, os súper… En que lingua se expresan?

Vivo na Agra do Orzán. O galego é a lingua habitual da poboación dunha certa idade. Por que? Porque a maior parte dela veu das aldeas da contorna e na cidade seguiron utilizándoo. Non así entre a xente nova que ten o castelán como lingua de relación. O castelán é tamén a lingua habitual na hostalería e no comercio, mais cando tomas ti a iniciativa e utilizas o galego, o normal é que a persoa que che está atendendo pase inmediatamente a esta lingua.

No meu barrio hai unha grande cantidade de poboación migrante, chegada de moitos lugares diferentes. Non teñen ningún vencello familiar co galego, mais a súa actitude para coa lingua, precisamente porque a senten como un elemento propio de aquí, é especialmente positiva.

 

– Tes algunha anécdota na túa familia que describa para ti o a situación lingüística da cidade?

Non. Aos 15 anos, cando cursaba segundo de BUP no instituto de Zalaeta, decidín falar sempre en galego. E dende entón así o levo facendo toda a miña vida, con absoluta normalidade.

 

– No teu sector (tanto no mundo do ensino na túa experiencia coruñesa, como no mundo da cultura), como valoras o uso do galego? 

No ensino o galego ten unha presenza residual. Directamente non existe na educación infantil. As nenas, os nenos son escolarizados en castelán. Pasarán varios cursos até que chegue o primeiro contacto coa lingua galega. E chega cargado de connotacións negativas. Pois irrompe, de súpeto, como unha materia máis que deben estudar e que será obxecto de duro exame.

Pese a este contexto -digámolo claramente- hostil, en materia cultural o galego na Coruña ten un papel de absoluta centralidade. Está presente en todas as facetas da cultura. Na música, por exemplo, algunhas das artistas máis significadas do país naceron e medraron nos barrios da cidade: Estou falando de Sés ou Mercedes Peón. Tamén aquí naceron proxectos musicais de tanto prestixio como Luar na Lubre.

Unha soa entidade, a A.C. Alexandre Bóveda, mantén unha programación cultural tan potente e extensa (sempre e galego) que compite, de facto, coa propia programación da concellaría de cultura.

 

– Que melloras se poden implantar?

Pódese mellorar en todo. Simplemente cómpre deixar de considerar o galego como unha lingua de segunda. Mais esta é unha decisión política.

 

– Unha das conclusións máis graves do informe é que un dos axentes máis castelanizadores é o ensino. Se un 38,42% da poboación no país educa aos seus fillos en galego, a realidade é que hai apenas un 7,04% de nenxs de entre 5 a 14, e un 12% entre 15 a 29 que utilicen a lingua galega. Ten aí a administración autonómica algunha responsabilidade?

Definitivamente. O triste “decreto do plurilingüismo” que implantou Alberto Núñez Feijoo situou o galego no ensino nunha posición marxinal.

Nos tempos do bravú dicíannos que o galego non valía para o rock&roll, agora dinnos que non serve para as matemáticas (co aval oficial da propia consellería de educación). Está prohibido dar esta materia nesta lingua. Pode haber maior campaña de desprestixio?

 

– O estudio sinala aínda máis grave a situación da escritura na nosa lingua. Un 82% das persoas de Galicia escribe habitualmente en castelán… Que se pode facer ante isto? Que papel temos os medios de comunicación en galego?

A resposta é sinxela: educación, educación e máis educación. O galego ten que estar presente no ensino, non como unha anécdota, senón como unha lingua vehicular para quen así o quixer.

Sobre o papel dos medios de comunicación vivimos nun paradoxo, ou, mellor dito, vivimos unha situación de absoluta hipocrisía. Os medios que reciben máis subvencións para a normalización do galego son precisamente os que menos o utilizan. Refírome en concreto a La Voz de Galicia, periódico que leva anos recibindo ímprobas achegas económicas da Xunta para o apoio do galego, e no que esta lingua ten unha presenza absolutamente residual.

O camiño ten que ser outro, promover medios en galego que acheguen a mellor información, precisamente porque se elabora dende aquí e está pensada especificamente para o público de Galiza. 

Medios aos que acudan as audiencias non, dun xeito paternalista, porque están en galego, senón porque son os máis profesionais, o máis independentes e porque -xa o dixen- son referentes pola calidade da súa información. 

Outras novas sobre a lingua

O castelán supera ao galego por primeira vez como lingua maioritaria en Galicia

 

 

A ética das navallas de Manuel María

Xogando así chegarán os resultados

  • Xornada 10 – Deportivo 1 – 1 CD Eldense
  • Novo empate dun Depor que amosa moito caudal ofensivo e pouco premio cara as redes.
  • Décimo partido no que vai de tempada  (2V 4E 4D).

— — —

Esta é a frase máis repetida polo míster Idiákez dende que chegou á Coruña. Ben sabemos que hai que facerlle caso a este home, máis aló dos nervios que poidan xerar os resultados ou a clasificación nestes intres. Sabemos que o Depor de Imanol é un diesel, non alcanza grandes picos de velocidade máis nunca erra na súa efectividade.

Precisamente a efectividade de cara a porta é o tema máis comentado nas últimas semanas. Son moitos os medios que publican estatísticas relativas a posesión, ao número de toques preto da área, a cantidade de xogadores involucrados no ataque e, por riba de todo, o pouco acerto cara ao gol. Nove goles a favor leva o Depor e cinco meteunos no mesmo encontro, é dicir, catro goles en nove partidos. Pouco rédito para tanto dominio amosado neste primeiro tramo de Liga.

Sen embargo, hai motivos para crer que isto trocará dentro de ben pouco. Por exemplo, o Depor é un equipo que leva sempre a iniciativa do xogo e recibe poucas ocasións en contra. Sen ir máis lonxe, o Eldense só tivo un minuto de inspiración na primeira metade e meteu un gol. O Depor só foi inferior a un rival no que vai de Liga, tan só o Córdoba foi mellor ca el e pouco se veu ese día dese equipo dominador que tanto lle gusta ao míster. É dicir, o Depor leva un mes sen derrotas e nos tres últimos empates, ben puido colleitar tres vitorias. Estamos aínda en fase de adaptación a competición e a os xogadores.

A Segunda División é unha Maratón de competición. En corenta e dous partidos da tempo a vivir diversas rachas e momentos distintos nos equipos. O Depor está nese momento de atopar os xogadores para cada posición, de adoptar rutinas no xogo, de conseguir pequenos éxitos cada xornada ou de entender que un punto na saca ten o seu valor a final da tempada. Punto é punto, sobre todo cando es un recen ascendido onde o obxectivo máis remoto é volver ascender.    miguel barreiro

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

 

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR DE MIGUEL BARREIRO

Os investimentos para A Coruña dos Orzamentos da Xunta 2025 e a posición de PP e BNG locais

Presentaba o pasado venres o presidente da Xunta os Orzamentos para 2025. E malia que é complexo diferenciar por comarcas, facemos un repaso dos investimentos principais e das diferentes lecturas de PP e BNG.

Investimentos: 115 millóns para Coruña e a área

  • 37,6 M€ para as obras do Novo Chuac.
  • 16,6M€ serán para a estación intermodal.
  • 15,3M€ serán para vivendas en Xuxán, onde se constrúen 144 vivendas social, 256 protexidas en parcelas cedidas pola Xunta e está a tramitar modificación do PXOM por 520 máis.
  • 10M€ para Emprego: 4,3M€ para o novo centro de formación especializada en novas ocupacións relacionadas coa transición verde e dixital; 350.000 € para o novo Centro de Orientación ao Emprendemento; 4,7 millóns para investir nos próximos anos nos centros de investigación de excelencia, CITIC, CICA, CITEC.
  • 3,3M€ para a Orquestra Sinfónica de Galicia.
  • 3,1M€ para melloras en instalacións deportivas de Elviña (0,6M€) e centros educativos do o IES Eusebio da Guarda (2M€) e CIFP Paseo das Pontes (0,5M€).
  • 0,9M€ para rematar as obras da Torre de Hércules.
  • 1,1M€ para o albergue de peregrinos.
  • 1,6M€ a melloras na residencia de maiores de Torrente Ballester.
  • 2,1M€ para o Cetro de Saúde de Santa Lucía.
  • 2,9M€ para a fachada marítima.

A postura do PP

Para o voceiro popular Miguel Lorenzo, “Alfonso Rueda demostra que é posible crear máis benestar, prosperidade e futuro para os coruñeses baixando impostos”. O voceiro do Grupo municipal Popular, Miguel Lorenzo, o os parlamentarios Gonzalo Trenor e Roberto Rodríguez, e a delegada autonómica Belén do Campo, puxeron en valor as cifras de investimentos da Xunta e destaca que “tamén os executa, que é a gran diferenza con respecto a a Goberno estatal que nos ignora e retrasa todos os seus anuncios e un goberno concello que non inviste e o pouco que fai é tarde e malo”.

A postura do BNG

Pola contra, o BNG entende que “a cantidade global que se destina á cidade e á comarca descende a respecto de 2024: pasa de 128 millóns de euros a apenas 115”. Critica a falta de transparencia para avaliar os orzamentos (proben en orzamentos.xunta.gal) e lamemtan a falta de investimento en vivenda e servizos públicos.

Van máis alá e a analizan algunha partida concreta, como a repetición de partidas que non se executaron o ano pasado:
– “Volve aparecer unha partida para o Albergue de Peregrinos, con 1,1 millóns cando en 2024 xa tiña unha partuda de 1,5 que non se executou”;
.- “A partida que aparece para o centro de saúde de Santa Lucía (2,1M) é a mesma que a de 2024 que tampouco se executou”.
– “Volven aparecer partidas que existiron noutros orzamentos pero que nunca se executaron: a residencia de maiores a financiar pola Fundación Amancio Ortega e a plataforma flotante do Parrote”.

Critican que “descenda a cantidade destinada a obras en centros educativos. Pasa de 8,2M de 2024 a 6,9”.

Sobre os 16,6M€ da Intermodal cren que se debe a que se trasladaron cartos non executados en 2024. E en canto ao Novo CHUAC, entenden que “ a cantidade orzada para 2025 é inferior á de 2024 (41,1M) cando ademais a previsión, no calendario plurianual, era a de destinar 100,5ME. Evidencia de as obras iren con moito retraso”.

Unha veciña e amiga da muller asasinada no Birloque: “Estaba tirada nun charco de sangue”

0

Unha veciña e amiga da muller presuntamente asasinada pola súa parella no barrio coruñés do Birloque, en setembro de 2021, explicou que desde a xanela da súa vivenda viu e escoitou ao fillo da vítima “gritando ‘este fillo de puta matou a mamá'”.

Nese momento, segundo lembrou, dirixiuse ao piso onde sucederon os feitos e atopouse á muller “na habitación, tirada nun charco de sangue”. “Vina desde a porta”, recalcou para apuntar que non chegou a entrar na estancia.

Nesta mesma xornada, declararon os policías que procederon á detención en Madrid do acusado de matar á súa parella, tras querer ela romper a relación e despois dunha convivencia no piso da muller desde xullo. Todos coincidiron en que o procesado “non opuxo resistencia” tras a súa localización na capital, á que fuxiu.

Foi durante a celebración do xuízo, na Audiencia Provincial da Coruña con Tribunal do Xurado –composto por cinco homes e seis mulleres– e que, de acordo coa planificación, prolongarase ata este xoves, día 24. Nesa xornada está previsto que testifiquen os forenses e tamén que as partes expoñan as súas conclusións.

Durante a vista, este luns, varios efectivos da Policía Nacional ratificaron que a detención, nunha hospedaxe da capital, realizouse “sen violencia nin resistencia” por parte do procesado. As acusacións, pola súa banda, sosteñen que o home non colaborou e aluden a falta de arrepentimento.

PETICIÓNS DE CONDENA

Fiscalía e acusación particular solicitan para o procesado unha pena de 25 anos de cárcere por asasinato da que era a súa parella nese momento. A defensa, pola súa banda, pide a cualificación de homicidio xa que sostén que o home tiña as capacidades volitivas e cognitivas afectadas, o que rexeitan as anteriores.

“No momento dos feitos, tiña as facultades seriamente mermadas”, alegou o avogado do procesado na primeira sesión do xuízo ao aludir a “doenzas e enfermidades mentais diagnosticadas” e ao consumo de “drogas duras desde a adolescencia”.

En contraposición, ante o xurado, a representante do Ministerio Fiscal asegurou que como agravantes nesta causa hai “como mínimo” aleivosía, parentesco e de xénero.

FEITOS

En relación aos feitos, as acusacións sosteñen que cun coitelo asestoulle varias puñaladas, algunha por detrás, “de forma sorpresiva e repentina” cando ela lle comunicou que quería romper a relación e que abandonase o piso. Para fuxir, o home, sosteñen, apoderouse de diñeiro da vítima.

O acusado, de 51 anos no momento dos feitos, e a muller, de 55 anos, convivían como parella desde xullo de 2021 nun piso propiedade dela. Fiscalía sostén que entre a tarde do 14 de setembro e a madrugada do día seguinte mantiveron unha discusión, motivada pola decisión da vítima de acabar a relación sentimental e na que lle pediu que se fose da casa.

Tamén argumenta que, tras iso, “de forma sorpresiva e repentina e por detrás”, o procesado — detido en Madrid o día 16 — “asestoulle un número non determinado de puñaladas” que lle ocasionaron a morte á muller, apoderándose de diñeiro dela para fuxir.

Para Fiscalía, o home non aceptou a ruptura, “desprezando a vontade da muller de pór fin á relación, e decidiu acabar coa vida” dela cun coitelo co que lle deu “mínimo dúas” puñaladas nas costas, ademais de recibir noutra zona do corpo “un mínimo de cinco”.

Arrincan os traballos para levantar a duna de Riazor, que protexerá o Paseo Marítimo dos temporais de inverno

0

A concelleira de Medio Ambiente da Coruña, Yoya Neira, visitou este luns a praia de Riazor, onde xa se está construíndo a duna de area que protexerá o Paseo Marítimo dos posibles temporais costeiros na próxima tempada invernal. Desde este luns e, previsiblemente, ata o venres, dúas máquinas bulldozer amontoarán a area para dar forma á estrutura, que superará os dous metros de altura nalgúns puntos. Unha terceira máquina, unha retroescavadora, perfilará a duna para que a súa función de barreira fronte ao mar sexa a adecuada.

“A experiencia de case vinte anos nestes traballos mellorou o noso coñecemento sobre a construción da duna para que sexa o máis efectiva posible”, sinalou Neira, que lembrou que os técnicos de Medio Ambiente revisarán de maneira continua a estrutura para reforzala ante fenómenos costeiros de especial magnitude, en caso de ser necesario. A duna de Riazor levantouse por primeira vez no ano 1995 como resposta a un forte temporal que derrubou a antiga balaustrada do Paseo Marítimo ao seu paso por este areal. Este tipo de situacións meteorolóxicas danse entre unha e tres veces ao ano de media. A duna permanecerá en Riazor ata mediados de maio do ano que vén, data na que será retirada para deixar as praias preparadas para a tempada de baño a partir do 15 de xuño de 2025.

Programa de emprego e inclusión social do Concello da Coruña para formar máis de 700 persoas

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá o programa de emprego e inclusión social Éfeso Coruña 2024-2026 destinado a mellorar a inserción sociolaboral na cidade.

Acompañada da concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, destacou a oportunidade de contar con iniciativas similares para a dinamización económica.

‘Éfeso Coruña’ dá continuidade ao proxecto ‘Coruña Suma’ a través do cal o Concello conseguiu a inserción laboral de 1.130 persoas.

Ambos os programas están destinados a persoas desempregadas, principalmente mulleres, maiores de 45 anos, de longa duración, estranxeiros ou nacionais con baixos niveis educativos ou procedentes de contornas vulnerables inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

“En total impartiranse 12 itinerarios en 43 edicións, o que permitirá formar a 705 persoas, das cales preto do 72% serán mulleres, priorizando aquelas en risco de exclusión social”, apuntou a rexedora.

As Fillas de Breogán, campioas por segunda vez do Paneuropeo de fútbol gaélico

0

Fixérono, e xa é a segunda vez que acadan este importante trofeo internacional. O equipo feminino de fútbol gaélico da Coruña, Fillas de Breogán, alzouse este pasado sábado co trofeo do Torneo Paneuropeo de fútbol gaélico que se celebrou en Lyon (Francia). Ë a segunda vez que as herculinas se alzan con este prestixioso título nos seus 14 anos de historia, tralo título acado en Viena en 2019.

Cómpre lembrar que Torneo Paneuropeo é o campionato de clubs de fútbol gaélico máis importante a nivel europeo. Fillas de Breogán participaron na categoría Intermediate, que sería equivalente á Europa League no fútbol.

Fillas de Breogan no Panaeuropeo de Futbol Gaelico Campionas

O formato da competición consistía nunha fase de grupos na que os dous primeiros equipos clasificados disputaban unha semifinal e os vencedores destas semifinais cualificaban para a final.

Na categoría Intermediate participaban oito equipos divididos en dous grupos, estando as coruñesas emparelladas con Brest, Nantes e Clermont, todos eles do país anfitrión. Tras impoñerse folgadamente a Brest (17-4) e unha axustada derrota ante Nantes (10-13), acadaron a segunda posición do grupo logo de vencer a Clermont (11-4). Fillas de Breogán derrotaron na semifinal a Copenhague (10-8), habitual finalista deste torneo, e volvéronse enfrontar con Nantes na final. As coruñesas desta vez foron quen de impoñerse ás francesas (10-8), habituais gañadoras deste torneo nas súas últimas edicións.

Fillas de Breogan no Panaeuropeo de Futbol Gaelico contra o Clermont
Fillas de Breogán e o Clermont

 

Máis novas

Vari@s xogador@s do Fill@s de Breogán, ao Mundial de Fútbol Gaélico

Alanis Morissette e Lionel Richie súmanse ao cartel do Gozo Festival 2025 cos seus concertos no Coliseum

0

A nova edición do Gozo Festival 2025, que se volverá a desenvolver co impulso da Xunta de Galicia, suma dous novos nomes ao seu cartel, o de Alanis Morissette e o de Lionel Richie. Ambos os artistas actuarán no Coliseum da Coruña o próximo mes de xullo, o 9 e o 31 respectivamente. Trátase da cuarta e quinta confirmación do Gozo Festival, tras o anuncio dos concertos de Franz Ferdinand o 15 de febreiro na Coruña, de Anastacia o 16 de marzo en Vigo e de Lenny Kravitz o 10 de abril na Coruña.

Desde 1995, Alanis Morissette foi unha das cantautoras e artistas “máis influentes da época contemporánea”, tanto a súa música como as súas actuacións foron aclamadas pola crítica e foi galardoada con sete premios Grammy. As entradas para o seu concerto na Coruña, que se enmarca na súa xira mundial para o próximo ano, poranse á venda o 24 de outubro ás 09.00 horas en Livenation.es, Ticketmaster e Ataquilla.

Pola súa banda, Lionel Richie conta con máis de 125 millóns de álbums vendidos en todo o mundo, un Óscar, un Globo de Ouro e catro premios Grammy, ademais doutras distincións como ser incluído no ‘Rock & Roll Hall Of Fame’. A partir das 10.00 horas do día 25 de outubro estarán á venda as entradas para o seu concerto no Coliseum, que se porán comprar a través de Livenation, Ticketmaster, O Corte Inglés e Ataquilla. Con todo, está previsto que o 15 de decembro actúe Rod Stewart no Coliseum da Coruña, tamén no marco do Gozo Festival.

Os participantes nos altercados antes do Dépor-Málaga enfróntanse a sancións de entre 1.500 e 3.000 euros

0

Policía Nacional propuxo sancións de entre 1.500 e 3.000 euros para os dous detidos e 14 identificados polos altercados antes do partido da liga Hypermotion que enfrontou o pasado 6 de outubro ao RC Deportivo e ao Málaga CF no Estadio de Riazor.

Tal e como explicou o corpo policial nunha nota de prensa, o valor total das sancións ascende polo momento a máis de 30.000 euros. Ademais, todas elas levarían a prohibición de acceso aos recintos deportivos por un período entre 1 e 6 meses.

Ata o momento, detallou a Policía, foron dúas as persoas detidas e 14 as identificadas como responsables dos altercados e propostas para sanción en aplicación ao disposto na Lei 19/2007, de 11 de xullo, contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte. Entre os identificados e propostos para sanción atópanse tanto seareiras do Dépor como do Málaga.

Mentres, os grupos de investigación adscritos á Comisaría Provincial da Coruña continúan con xestiónelas pertinentes para a identificación de máis responsables e non descartan novas actuacións policiais nos próximos días.

Investigado un taxista da Coruña por cuadriplicar a taxa de alcoholemia

0

A Garda Civil da Coruña investigou a un taxista como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria tras cuadriplicar a taxa de alcoholemia mentres prestaba servizo.

Segundo informou o Instituto Armado, os feitos ocorreron por mor dun aviso cidadán no que comunicaban que o condutor profesional consumía “habitualmente” alcol e realizaba servizos de traslado de pasaxeiros en estado ebrio.

Os axentes localizaron e deron o alto ao vehículo e realizáronlle ao condutor as probas de alcoholemia, nas que arroxou unha taxa superior a 0,70 mg/l en aire expirado, cuadriplicando a taxa máxima legalmente establecida para este tipo de condutores que é de 0,15 mg/l.

A Garda Civil investigou ao home como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria, que carrexa penas de prisión de tres a seis meses ou multa de 12 a 24 meses e traballo en beneficio da comunidade de 31 a 90 días.