Inicio Blog Páxina 272

Denuncian a Repsol por vulneración do dereito fundamental á folga do persoal de Navec

0

O pasado 18 de outubro os traballadores de mantemento da refinería de Repsol da empresa auxiliar Navec puxéronse en folga. Pero a cousa, despois da concentración da semana pasada, está a ser convulsa, no marco destas protestas para reclamar o cobro dos seus salarios e garantías de continuidade dos empregos tras a entrada en concurso de acredores e a comunicación dun ERE por parte do administrador.

A CIG vén de presentar unha denuncia diante da Inspección de Traballo contra Repsol por vulnerar o dereito fundamental á folga dos traballadores e traballadoras da súa auxiliar, Navec Servicios Industriales. 

A folga do pasado xoves rexistrou un seguimento do 100%, polo que as tarefas de mantemento industrial que Navec desenvolve dentro da refinería da Coruña non se puideron facer. “Pero a nosa sorpresa chegou cando tivemos coñecemento de que Repsol lle ordenara a outra das súa contratas realizar os traballos que son propios do contrato con Navec, nunha evidente práctica de esquirolaxe“, denuncia Armando Carril, da Executiva da CIG-Industria.

Critica que Repsol, en vez de asumir as súas responsabilidade como empresa contratista e velar polo respecto dos dereitos laborais dentro das súas instalacións, “se dedique a vulnerar o dereito fundamental á folga dos traballadores e traballadoras de Navec”. A este respecto reclámalle a petroleira que actúe con dilixencia sacando a concurso o servizo de mantemento mecánico “para así poder facer efectivo o dereito á subrogación, rematar coa incerteza de non saber se cobrarán e cando, e evitar que teñan que ir ao desemprego”.

2024-10-22_Folga_Navec_Repsol_04
Imaxe da xornada de paro deste martes 22 de outubro na refinería

Para reclamar solucións urxentes e cobrar polo traballo feito, os traballadores e as traballadoras continuaron este martes co calendario de folgas e mobilizacións. Esta xornada de paro tamén rexistrou un seguimento total e, ao igual que a pasada semana, o persoal saíu en manifestación dende o acceso principal da refinería até a rotonda de Meicende, contando co apoio dos compañeiros e compañeiras doutras auxiliares.

A folga terá continuidade nos vindeiros días.

Máis novas

Convocada folga en Navec, empresa de servizos de mantemento en industrias da Coruña

Os traballadores de Nacev maniféstanse en Repsol ante a falta de pago

Chocan dous coches en Oleiros ao tratar de esquivar unha manda de 15 xabaríns

0

A localidade coruñesa de Oleiros rexistrou na noite deste martes un accidente de tráfico orixinado cando un vehículo tratou de esquivar unha manda de 15 exemplares de xabaril que atravesaba unha estrada en pleno centro urbano. En concretou, o suceso tivo lugar pouco antes das 23.00 horas e consistiu nunha colisión por alcance. Un dos vehículos tratou quixo esquivar 15 exemplares de xabaril que nese momento cruzaban a Avenida de Espoz e Mina. Ata o lugar desprazouse unha dotación da Policía Local e efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que atendeu a unha persoa ferida. Ademais, interviñeron os efectivos do servizo local de emerxencias de Oleiros e da Garda Civil de Tráfico.

“Rosas do meu xardín”. Unha visita á exposición de Nick Knight

O pasado venres asistín á inauguración da exposición “Roses from my garden” de Nick Knight na Fundación Barrié.
A mostra componse de cincuenta imaxes das rosas que o fotógrafo recolle do xardín da súa casa.
El mesmo define o proceso de creación destas “harmonías visuais” como solitario, reflexivo e estranamente relaxante, pero tamén dinámico, xa que, nas dúas, tres ou catro horas que tarda en crear estes bodegóns, algún pétalo cae, a flor comeza a murchar ou un talo pode quebrar. Por iso non lle gusta chamar a estas obras naturezas mortas, xa que cre que realmente están moi vivas.

Os primeiros traballos de Knight documentaron o movemento skinhead inglés dos primeiros anos oitenta, a súa moda, estética e vida cotiá. Desenvolveu a súa carreira en publicacións de moda e actualidade, retratando a modelos, actores ou cantantes, e colaborando con firmas coma Dior, Yves Saint Laurent ou Louis Vuitton. Unhas imaxes moi diferentes ás que podemos ver na exposición que nos ocupa, aínda que as considera igual de fermosas.

El gosta de ver e atopar beleza en todo, e cre que a súa labor é mostrar ao público o que este non pode ver por si mesmo, e contarlle unha historia. Unha que non representa exactamente a realidade, senón a súa visión subxectiva a selectiva da mesma.
Knight acha igualmente fermosos uns rude boys londinenses, unha supermodelo e unhas rosas de té nun floreiro de cristal, e iso mola.

As fotografías da exposición están tomadas co seu Iphone, sen iluminación artificial, pasadas por algúns filtros de Instagram e posteriormente editadas cunha intelixencia artificial. Están a medio camiño entre a fotografía e a pintura, pero se nos acercamos moito a elas non distinguimos o gran da primeira nin as pinceladas da segunda.
Teñen algo do pasado, da pintura flamenca do século dezasete, pero tamén do futuro, un aire de ciencia ficción ou irrealidade onírica.

Knight escolleu as rosas entre tódalas flores que lle ofrecía a natureza porque simbolizan o amor e o romance, pero tamén porque teñen un compoñente tráxico e de morte, xa que a rosa abre os seus pétalos e morre cando máis fermosa é.
Rose era o nome da súa nai e a única tatuaxe que decora o seu corpo é unha rosa.

Trala presentación visitamos a exposición. A sala arrecendía a rosas, e as fotografías de gran tamaño rodeábannos, creando unha gran sensación de embriaguez e sinestesia. Unhas son máis románticas, cursis incluso, as rosas aparecen en todo o seu esplendor, abertas e fachendosas, outras son máis decadentes, as flores empezan a murchar, os bordes están mirrados e algún pétalos caeron, tempus fugit, pero todas son fermosísimas.

Recoméndovos a visita, que non analicedes demasiado, que vos deixedes levar pola beleza e o stendhalazo. Tedes ata o 25 de xaneiro.

Exposicion Roses from my garden de Nick Knight na Fundación Barrie

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

Pregúntanlle ao Concello pola situación do persoal do IMCE

0

Dende hai máis de 30 anos, as persoas traballadoras do IMCE sofren o paso de empresa tras empresa privada sen que os Gobernos locais tomaran ningunha medida para mellorar as condicións laborais e que este colectivo laboral deixara de estar a expensas de compañías que antepoñen o seu beneficio ao servizo público.
De feito, algunha das adxudicatarias estivo envolta en casos de corrupción, como a famosa “Operación Pokemon”.

No pasado pleno, as responsables municipais declaraban as súas pretensións do Goberno local de facer persoal municipal as traballadoras e traballadores do IMCE que neste momento prestan servizos baixo a contrata de Ilunion.
Pero despis de 15 días non hai máis información, polo que dende a CIG-Servizos reclaman información concreta e que se inicie o camiño para a remunicipalización do persoal subcontratado de dito organismo.

Para a CIG-Servizos “non é de recibo que traballadores e traballadoras que levan máis de 20 anos prestando o seu servizo a toda a cidadanía en espazos como o Fórum Metropolitano ou o Teatro Rosalía, descoñezan cal vai o seu futuro e estean nunha situación de incerteza permanente”. A central sindical subliña que incluso o concurso para a prestación do servizo leva anos sen renovarse “nunha clara ilegalidade”, que ademais provoca un incremento de custes para toda a cidadanía “acrecentando os problemas económicos do IMCE”.

Por iso, a CIG-Servizos da Coruña exixe información sobre todo o novo proceso aberto con respecto ao IMCE e que se abra un proceso de remunicipalizacion das persoas traballadoras que traballan para este organismo baixo para a empresa Ilunion.

Outras novas do IMCE

A Valedora do Pobo esixe ao Concello da Coruña que solvente a súa falta de transparencia sobre os expedientes do IMCE

O pleno aprobou, entre dardos, o recoñecemento extraxudicial de crétido para pagar os 4,2 millóns de facturas do IMCE

Un millón de usos para BiciCoruña

Segue demostrando o servizo municipal de alugueiro de bicicletas, BiciCoruña, a súa potencialidade no camiño cara unha mobilidade máis sostible na cidade. Como acontecía o ano pasado exactamente nestas mesmas datas, o servizo cumpliu o millón de viaxes. 

Ben é certo que o número de usuari@s leva estancado no último ano en 14.000, oen todo caso, un dato fantástico. Esperan ao longo de 2025 ampliar o número de bicicletas (actualmente hai 393) e de estacións operativas (a dia de hoxe, 49).

Foi Francisco José Santos González o que realizou,  pasado 28 de setembro, a viaxe número 1millón, e a rexedora deulle un agasallo.

Viaxeiro numero 1 millon de Bicicoruna en 2024

Máis novas do servizo

BiciCoruña: 11,50 euros por alugar unha bicicleta durante un día; 16,75, tres días; e 40, un ano

En marcha a necesaria unión do carril bici do paseo marítimo e os Cantóns

A Escola da Bici comeza o novo curso

O Taller Reciclos confirma que as bicis como medio de transporte si son para Galicia

A carreira ENKI 2024 recada na Coruña máis de 96.000 euros para material e lecer inclusivo

0

A carreira ENKI 2024 recadou na Coruña máis de 96.000 euros que se destinarán a material deportivo adaptado e actividades de lecer inclusivo, segundo informa a organización.

A carreira contou coa participación de 33 entidades sociais, 32 galegas e unha delas de Madrid, que representaron a un total de 1.168 persoas con diversidade funcional.

O éxito da xornada, expoñen, permitiu duplicar a oferta de actividades de lecer inclusivo, con 20 novas propostas que fomentarán a participación activa de todas as persoas.

Os Premios ENKI 2024 recoñeceron, ademais, a entidades sociais con galardóns que inclúen actividades inclusivas como paddle surf, parapente, actividades na neve, o Camiño de Santiago e un fin de semana de aventura.

A UDC organiza un encontro sobre os riscos da Intelixencia Artificial

0

A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña (UDC) acollerá o vindeiro martes, día 29, as xornadas ‘Os riscos da Intelixencia Artificial: Estamos seguros?’, no marco da Cátedra Fundación Inade-UDC. Segundo informa a institución, o encontro, que se celebrará de 09.30 a 12.30 horas, contará coa asistencia do vicerreitor de Titulacións e Internacionalización da UDC, Moisés Canal; o presidente da Fundación Inade, José Ramón Santamaría; a directora da Oficina Económica de Galicia IGAPE, Natalia Barros; o director xeral da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia), Ignasi Belda; e o da Cátedra Fundación Inade-UDC, Fernando Pena López.

Durante as xornadas, engade, terá lugar a presentación do IX volume da colección Cadernos da Cátedra Fundación Inade-UDC, co título ‘Os riscos xerados pola Intelixencia Artificial e os posibles mecanismos para a súa mutualización’. Esta obra, elaborada por Gabriel Macanás, doutor en Dereito Civil pola Università dei Bologna e profesor de Dereito Civil na Universidade de Murcia, reflexiona sobre os desafíos éticos, sociais, económicos e legais que supón a IA, así como sobre as solucións que se poderían implantar para garantir que os danos causados por esta tecnoloxía poidan ser compensados de maneira idónea. A continuación, terá lugar unha mesa redonda con persoal experto, na que se abordarán os riscos da IA e o papel que desempeñará o sector asegurador na súa transferencia, apunta a UDC.

Inés Rey urxe recursos para os concellos: “A política de proximidade padece de falta de financiamento”

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reclamou recursos para os concellos ao considerar que “a política de proximidade padece de falta de financiamento”. Fíxoo ao abrir o almorzo-coloquio do presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, organizado por Nordés Club Empresarial sobre financiamento e administración local.

Rey puxo sobre a mesa “a falta de recursos económicos” e a “problemática común” a todos os concellos, con independencia do punto xeográfico ou formación política dos seus rexedores e rexedoras, respecto doutras administracións. “A política de proximidade padece de falta de financiamento, mentres os recursos están na política de distancia”, sentenciou.

Tamén expuxo que o financiamento é un eixo prioritario para as federacións de Municipios e Provincias, tanto a nivel estatal como galego e puxo en valor o traballo das entidades a favor dos concellos. Así mesmo, destacou o poder das urbes como exemplo de municipalismo. “Non é casualidade que as cidades que máis avanzan sexan as que poñen por diante a política local e de progreso, poderiamos ir a máis cun financiamento acorde á nosa importancia, algo necesario porque está en xogo o progreso de Galicia”, concluíu.

As traballadoras de ABAI volveron concentrarse ás portas da tenda de Movistar

0

Este luns as traballadoras de ABAI volveron concentrarse diante da tenda de Movistar para denunciar o desmantelamento dos centros de chamadas. 

A CGT denuncia que nos últimos anos os cadros de persoal foron reducidos drasticamente no servizo de atención ao cliente (1004) e técnico (1002) de Telefónica. ABAI e Atento, dous das súas principais subcontratas, destruíron centos de postos de traballo nos centros que teñen na Coruña.

O representante da CGT en ABAI Coruña resalta que “as teleoperadoras temos que atender chamadas sen descanso e obrígannos a que estas duren os menos posible. A consulta do cliente é o de menos, o único que quere Movistar e ABAI é que vendamos productos novos”. O representante tamén declara que “as chamadas non desparecen dun día para outros, pero si poden ser desviadas a outras plataformas que se atopan noutros países onde as traballadoras aínda soportan unhas condicións laborais máis penosas que as nosas”.

O sindicato non descarta máis accións se as direccións de ambas empresas non deixan de atacar as vidas das traballadoras e non se comprometen de maneira firme co mantemento dos postos de traballo.

 

As traballadoras de ABAI Coruña concéntranse diante da tenda de Movistar

Testemuñas da malleira a Samuel Luiz apuntan a un terceiro agresor “con intención de dar unha patada”

0

Amigos dos mozos acusados pola malleira mortal a Samuel Luiz, na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo coruñés, situaron a dous do cinco acusados, Diego M.M. e Alejandro F.G., na agresión á vítima. Un deles declarou que viu tamén a Kaio A.S.C. “cargando a perna coa intención de dar unha patada”, aínda que precisou que non viu se impactaba ou non. Foi no xuízo que se celebra na Audiencia Provincial da Coruña e no que esta testemuña tamén ratificou que viu pelexas anteriores por parte dalgún procesados pero non coa “multitude de xente” dese día nin os golpes, recoñeceu, a preguntas, en concreto, da fiscal sobre estes últimos.

Na súa declaración, corroborou que tras pensar Diego M.M. que o falecido estaba a gravarlle empezou a agredilo e expuxo que á súa entón noiva, Catherine S.B., viuna “agarrar” o brazo da amiga de Samuel cando esta trataba de axudalo para apartala e que lle dixo “non pintas nada”. Non entanto, atribuíu ese xesto ao intento de chegar ao seu noivo. Na mesma liña, asegurou que cree escoitarlle “para, para”. Ademais, afirmou que viu a outro procesado, Alejandro F.G. (do que era amigo desde o once anos mentres que coñecido dos demais) agarrando por detrás a Samuel e colléndoo polo pescozo, en liña co manifestado por outros dous acusados, pero non golpeando. Mentres, tanto esta testemuña como outro que declarou a continuación non puideron confirmar se Alejandro M.R. estaba no lugar da pelexa.

TERCEIRO ACUSADO

De Kaio A.S.C., o primeiro asegurou que o viu correndo “cargando a perna coa intención de dar unha patada” pero non se impactaba. Esta testemuña asegurou que se apartou porque, tras tentar separar, considerou que “non podía facer nada”. Dos acusados, que se enfrontan a penas de entre 22 e 27 anos de prisión por delito de asasinato, aclarou, a preguntas das partes personadas, que a Alejandro M.R. non o viu no lugar da agresión a Samuel nin lembraba se estaba na reunión que houbo no parque de San Diego tras os feitos. “Falaban do que pasara, pero eu estaba á marxe”, apostilou. Na mesma liña, outra testemuña afirmou que viu a Diego M.M. “lanzando puñadas e patadas” e a Alejandro F.G. “agarrando polo pescozo” á vítima. Tamén corroborou que, con posterioridade, produciuse a persecución. “Vin a xente correndo e cando cheguei, Samuel estaba no chan”. “Era unha pelexa, a xente vai mirar”, dixo sobre o “tumulto” de persoas, que situou en “máis de dez”.

“PARECÍA QUE O MATARAN”

Outra testemuña, parella nese momento de Kaio, tamén expuxo que non viu a Alejandro M.R. e que viu (nunha agresión con distintos momentos, segundo as acusacións) a Diego M.M., Alejandro F.G. e outra persoa, un menor xa condenado por estes mesmos feitos, golpeando á vítima. “Cando o mozo cae”, sostén que Alejandro F.G. quere ir “a por el” pero que uno dos senegaleses que trataron de auxilialo impediuno. “Kaio estaba comigo, díxenlle que non se metese”, aseverou sobre outro momento da pelexa cando o falecido cae “esborrallado”. “Parecía como que o mataron”, especificou. Respecto ao posterior encontro nun parque, manifestou que cre que Kaio preguntou que pasara, mentres que indicou que non o viu coller un teléfono, en alusión ao presunto roubo do móbil da vítima, motivo polo que, no seu caso, pídenselle 27 anos de prisión fronte aos 22 anos que se reclaman para dous acusados por asasinato con aleivosía e enseñamento.

INSULTO DE “MARICÓN DE MERDA”

Para dous máis, é de 25 anos ao aplicarse a agravante de discriminación por orientación sexual. En relación a isto último, unha das testemuñas confirmou o insulto de “maricón” por parte de Diego M.M a Samuel Luiz, que tiña 24 anos cando faleceu. Outra testemuña, que cualificou de “coñecidos” aos acusados e dos que apuntou que “todos estaban embriagados”, manifestou sobre os feitos que escoitou “voute matar maricón de merda” por parte de Diego M.M. e que había “un balbordo moi grande”. Mentres, sinalou que Alejandro M.R., cando llo atopou, díxolle que lle pasou “algo cun negro” despois de que uns senegaleses tratasen de axudar a Samuel. “Que no tumulto empuxoulle un negro, había moita xente e moita xente empuxando e gritando”.

“NINGUÉN O PAROU”

Ademais, apostilou que cando a vítima estaba esborrallada este acusado preguntou que pasara e que había un “círculo de xente” vendo o ocorrido ata que veu a ambulancia. Entre cinco e quince minutos considerou que duraron os feitos, dos que dixo que “ninguén o parou”. “Moitas persoas soltaron moitos golpes”, aclarou ao ser preguntado pola defensa de Kaio se lle viu intervir. Deste, aseverou que viu “movementos” pero non se daba a alguén. Dun dos menores xa condenados, precisou que nun parque e tras o sucedido, afirmou: “Matámolo”. Á súa vez, algunha defensa, como o caso de Alejandro F.G. e Diego M.M., incidiu nas súas preguntas no consumo de alcol e/ou drogas por parte dos seus clientes . De “tranquilo” e sen participación en pelexas definiu a noiva de Kaio no momento dos feitos a este procesado. De Catherine asegurou que estaba “enfadada” polo ocorrido. “Non lembro vela”, engadiu respecto dos momentos da agresión.

POSIBLE OBSTRUCIÓN Á XUSTIZA

Outra das testemuñas da contorna de amigos, citado para o venres e cuxa declaración se pospuxo para hoxe, non compareceu tras comunicar que non o faría aínda que se lle impuxese unha multa, trasladou a maxistrada do xuízo, que confirmou, por iso, que a mesma será de 600 euros. A Fiscalía e as acusacións (a da familia e exercida polo colectivo LGTBI Alas Coruña) pediron que se lle cite de novo para unha comparecencia que será o 29 de outubro sen oposición a iso das defensas e con posibilidade de derivarse contra el un delito de obstrución á xustiza.

O PSDEG PROPORÁ UNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL PARA CONDENAR A VIOLENCIA HOMÓFOBA

Por outra banda, o PSdeG proporá ao resto de grupos no Parlamento autonómico a aprobación dunha declaración institucional para condenar “con toda a forza o asasinato homófobo” de Samuel Luiz. “Foi vítima da intolerancia e violencia que aínda persisten e que non podemos tolerar baixo ningún concepto”, subliñou este luns, en rolda de prensa, o líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro.

Co obxectivo tamén de “honrar” a memoria de Samuel Luiz, o PSOE galego sinala como obxectivo desta iniciativa “sumar forzas para garantir que ninguén sexa perseguido ou discriminado pola súa orientación sexual ou identidade de xénero”. O texto desta declaración, apunta a formación, será enviado aos concellos e concelleiros do PSdeG “para que sexa aprobado nos plenos municipais”. “Este é un chamamento para que, desde as institucións se reitere o compromiso coa igualdade e a diversidade, rexeitando con toda a forza calquera tipo de LGTBIfobia”, engade.

Un dos mozos senegaleses que quixeron axudar a Samuel: “Estaba cheo de sangue, nunca viramos algo así”

 

A única muller acusada no crime de Samuel Luiz inculpa ao seu exmozo e outros dous procesados

 

A morte de Samuel Luiz foi “unha cazaría inhumana” para a acusación mentres que para a defensa hai falta de probas